Vinte anos de 'Loita de Silencio'


Miguel Barrera.-

Que queda do poemario Loita de Silencio, vinte e cinco anos despois de que fose escrito?
Que queda del, vinte anos despois da súa publicación?
Que queda dese canto de impotencia, da desesperada denuncia da indiferenza?
Paga a pena seguir a reivindicar a esperanza?
Agora teño perspectiva e sigo recoñecéndome neses versos.
Sen dúbida non son o mesmo, pero aqueles versos seguen a ser os mesmos.
Non quero estenderme moito, pois quen guste poderá descargar a edición facsimilar coa que hoxe agasalla o xornal A Voz de Vilalba, co gallo do Día das Letras Galegas.
Cada poema ten unha historia íntima e transcendente, incluso algún ten historia propia aínda despois de telos escritos e publicados. Hoxe sinto máis que nunca que me pertencen.
Loita de Silencio foi medrando na Chaira lendo Dando novas túas de Xosé Luis García Mato; e sigo a pensar que, se algunha vez me sentín poeta, foi nos intres nos que foi medrando esta pequena obra.
Dos “Cantos para a Esperanza” salientar tres poemas:
O poema “Utopía” reciteino hai dous anos no Centro Galego de Madrid, mentres a trescentos metros, na Porta do Sol, os primeiros indignados comezaban a reivindicar o que hoxe coñecemos como 15-M.
Do poema “A vella da grela” gardo unha lembranza máxica, unha experiencia transcendente, esencial para entenderme como galego.
“Mencer na fraga” é o rexurdir do día tras a Longa noite de pedra; perdoade a pretensión do autor, mais daquela tiña só vinte e catro anos. Imaxinádevos no medio dunha fraga (para min a fraga representa a diversidade) vendo o amencer de costas ao sol, ollando esa invasión núa da luz, polo miúdo... É unha extraordinaria metáfora da esperanza, non si?.

O libro pódese descargar nesta ligazón.

Aquí poden verse fotos do día da presentación, en maio de 1993.


ARTIGO DE MANUEL MARÍA SOBRE LOITA DE SILENCIO

17 de maio de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión