Xurxo Martínez González.-
Un século cumpriría aquel home de rostro singular cuns lentes confesores que o identificaban de xeito rápido en calquera fotografía de grupo. Un século de vida que rozou cos beizos pero non chegou. Un século que traía viva a memoria de dúas xeracións, lembranzas confesadas que se converteron en refuxio nos tempos de brétemas hostís e de impulso en horas de boa andanza.
Escoitar a Fernández del Riego era o máis cercano a tocar a historia moderna. Falar con el era interrogar, opinar ou mesmo chancear cos datos históricos vivos na súa voz.
Foi un dos últimos galeguistas republicanos, de notoriedade xa dende os anos mozos previos á guerra de 1936. Daba leccións coa súa actitude ante a vida e ante os problemas de Galiza. Leccións de doutrina mansa sustentada no nacionalismo progresista. Leccións de afabilidade e proximidade ante calquera persoa sen reclamarlles antes un título ou cátedra.
Nas horas compartidas nas conferencias e conversas de Fernández del Riego un sentía pasar o ronsel, por cativo que fose, da mirada histórica da nosa terra. Mirada feita dende os lentes dun home fomentador incansábel do país. Inquebrantábel na súa xusta crenza dunha patria ceibe. Arrastraba con firmeza a memoria republicana arrebatada a punta de máuseres feixistas, o silencio do maquinar clandestino e a entrega xenerosa á acción cultural, dende a Academia Galega até a Fundación Penzol. Arrastraba o vento da historia.
Fernández del Riego entrou no Pórtico da Galeguidade con xustos méritos de quen observaba o cotián de Galiza e alí onde atopase unha eiva, onde notase que algo se precisaba, alí estaba el para traballar. Por iso, pasou toda a vida entregado á grande obra de dignificar e normalizar esta terra nosa. E hoxe aínda queda por facer para non perder os logros acadados e acadar os logros da liberdade que tantas xeracións de galegas e galegos soñaron.
0 comentários :
Danos a túa opinión