Reflexións dun espía en paro


Fermín Bouza.-   

As caras de Putin e Obama son un poema que non finxe emoción algunha: parecen encabuxados, probablemente o están, e de fondo poderían porse escenas salteadas das películas de James Bond, o axente 007. A  espionaxe é tan bo negocio nas súas aplicacións civís (control persoal, industrias, conversacións delicadas...) que comezan a agromar espías en todos os camiños do mundo, por terra, mar e aire. Chega un momento en que esa saturación lle fai imposible a vida a todos, e vaias por onde vaias sabes que levas colgado ao espía coma se fose un virus do noso tempo.

É un traballo divertido pero extraordinariamente arriscado, de tal maneira que, como nas películas, todo cadáver que flota nun rio é dalgún espía apurado polos seus ou polos outros, que isto nunca está demasiado claro na vida do espía: algún día acaba por descubrir que estaba a traballar para o inimigo, e el sen sabelo. Para quen traballaba ou traballa o soldadiño ese con aspecto de neno de coro que serviu de abastecedor de Assange? Para quen traballou Assange? O obxectivo real do traballo destes dous suxeitos foi o de transmitir ao mundo a visión das cousas que ten a administración nortemericana (a diplomática sobre todo) e facer así prevalecer esa opinión como algo necesario e central no mundo. Pensen.


A crise e o criterio de contrastación económica
   

É lóxico que no medio dunha crise como esta até os mesmos economistas, ou os máis lúcidos de entre eles, comecen a dubidar de que a economía é unha ciencia. Nun interesante artigo (O gran desdén), Paul Krugman estende a súa desconfianza dos seus colegas de profesión aos políticos, e en liña cos acontecementos do presente, chámalles de todo:  aínda que ultimamente non ouzamos moito aos autodenominados falcóns do déficit, os falcóns monetarios -economistas, políticos e funcionarios que seguen advertíndonos de que os tipos de interese baixos terán consecuencias terribles- volvéronse, se cabe, aínda máis ruidosos.

Non parece importar que os falcóns monetarios, do mesmo xeito que os fiscais, teñan o impresionante historial de trabucarse en todo (onde está esa inflación descontrolada que prometeron?). Volven unha e outra vez; os argumentos cambian (agora lanzan advertencias sobre as burbullas de activos), pero as demandas políticas -crédito restrinxido e tipos de xuro máis altos- son sempre as mesmas. E resulta difícil non ter a sensación de que están a intimidar á Reserva para que non emprenda ningunha acción. Pero a economía, en tanto que ciencia branda, non pode establecer crirerios de contrastación unívocos como o fai a física ou a bioloxía: a proliferación de significados para cada cousa dá a razón a todo o mundo con gran frecuencia.

O que nos ensina a crise é o carácter ideolóxico, en sentido débil, das posicións económicas, tan obxectivas como calquera toma de posición de calquera clase, salvando en boa parte ás chamadas ciencias naturais que traballan con obxectos inertes. Temos que enfrontarnos sós e con toda a intelixencia posible a unha crise que é tamén unha crise de modelos económicos.


As FFAA botan o peche   

Entre as empresas que pechan, os traballadores que volven emigrar e a desolación xeral que a desesperanza crea neste reino, vítima dunha idea de Europa e da economía que creramos periclitadas, as Forzas Armadas poden tamén botar o peche a medias e vivir dentro de orzamentos moi insuficientes e afastados de garantir nada do que unhas forzas armadas deben garantir. É dicir, imos carecer, e probablemente carecemos xa, da menor capacidade de disuasión sobre inimigos externos. Agora que a vella garda Franco-fascista desapareceu dos nosos exércitos, carecemos de exércitos nalgún sentido operativo básico. Non, non é un reino con sorte. Hai moitos lustros que todo parece estar feito para crearnos problemas graves, e nesa liña seguimos.

Carecer de forzas armadas operativas non é unha broma: ten tradución inmediata na vida económica e en mil e outros lugares da realidade. É un factor crave de desvalorización internacional. Estamos, pois, gozando de cheo nunha situación de peches empresariais, incremento do paro e carencia de instrumentos mínimos de presenza internacional. De que a orientación económica é errónea está informado até Rajoy, sen que haxa moitas posibilidades, a estas alturas, para presionar por un cambio. Unha maioría abandonou a esperanza.



Algo está a cambiar: o escenario da batalla
   
Outra vez volve certa confusión de fronteiras partidarias e ideolóxicas e outra vez o PSOE, nun alarde, supoño, de patriotismo, fíxo a foto con Rajoy e o PP. Témome que unha man negra e pésima conselleira embarcou a Rubalcaba nestas cousas da confusión xusto cando empezaban a trazarse de novo as diferenzas cos seus adversarios, os do PSOE, digo, e o partido recobraba identidade bebendo das angustias xeneralizas deste reino. Non hai mellor lugar para atoparse a un mesmo que nesa fonte de conciencia que son os outros.

A idea de que a xente esperaba non sei que pacto é falsa se nos remitimos a unha lectura seria das enquisas, que acollen a linguaxe e a semántica do politicamente correcto nesas preguntas de obvia contestación segundo o bo sentido. Non din nada esas preguntas, e non deben facerse así. En todo caso, non deben tomarse en serio. É como cando che preguntaban, en USA, ao entrar, se tiñas intención de asasinar o Presidente. Non, a xente busca solucións e non as ve, de momento.

Se o PP non consegue recuperar seriamente a economía e o emprego votará, normalmente, ao PSOE, pero se o PSOE fai fotos e declaracións de amor, por frías que sexan, con Rajoy, a xente, que é medorenta pero non parva, non votará ao PSOE. Ademais, ese pacto, por agora, son xeneralidades sen fundamento empírico-económico, digamos, e para a xente, de novo, ten todo o aspecto dunha tomadura de pelo, unha tomadura máis o mesmo día en que Bárcenas segue dando alegrías aos medios de comunicación.

A primeira lección da crise é clara: a conmoción é moito maior do que parece  se entramos nas casas, e esa conmoción pode traer calquera cousa. É importante que, no canto de facer pequenos sainetes de consolación os partidos deberían, máis que pactar, debater. E rápido e en serio. O teatro xa non o soportamos. E menos cando é o monólogo dun dúo moi cuestionado neste momento, que prescinde do resto de forzas para xestar a idea e a súa concreción. Teño a impresión de que a batalla cambia de escenario e de contendentes. Unha nova guerra no interior da crise comezou no Reino de España.


O PSOE constrúe a súa futura derrota
   
Europa non nos vai a querer máis por estas cousas, pero rirá á nosa costa abundantemente. A exclusividade do pacto entre socialistas e conservadores é a marca dos tempos, e se non queres bipartidismo, dúas cuncas. Cando as cousas se arranxaban un pouco para ambos os partidos, alguén vén estragalo. O máis escaso dos dous, sen dúbida. E quen é o máis escaso dos dous, Rajoy ou Rubalcaba? Parece que o pacto PP/PSOE exclúe ao resto de grupos e non permite unha reflexión colectiva máis ampla. É unha torpeza ao estilo dos vellos tempos. Mala cousa.

Rubalcaba queda sen fundamentos serios para o seu discurso e Rajoy vampiriza ao PSOE de forma eficaz e cara ao futuro.  Esta xeración socialista está finiquitada. A desafección non se desenvolve no baleiro senón que vai subindo os banzos da estupidez partidaria, da corrupción e do espírito caciquil que aínda rolda as almas ideolóxicas deses partidos. Non aprenderon nada da crise. Contan con renovar si ou si porque a cidadanía está nos biosbardos, como antes se dicía, e ante unha cidadanía así dá igual o que fagas. Non entendo que Rubalcaba deixe esta clase de herdanza a quen o substitúa, pero é unha herdanza con avespa dentro que porá, dunha picada, o nariz de Pinocho ao novo aspirante en canto pretenda establecer algunha distancia con esta ruína que nos acosa. Así o quixo Rubalcaba, que se apunta a un final raro e feo da súa estadía no disparadoiro socialista. É como aquelas películas de final infeliz con que nos agasallaban moitos dos novos directores daquela nova onda da miña mocidade afrancesada, sobre todo. Un bo suicidio non ten prezo.


Ameazando as liberdades públicas   

Mentres Rajoy e Rubalcaba pactan non se sabe ben que, aínda que pactar sería o desexable nun país san (pero este non é hoxe un país desa clase), Felipe González segue coa súa narración das cousas. É unha narración que con frecuencia me parece reincidente e moi desenfocada, pero que agora mira máis ao futuro e de forma máis realista. Iso está mellor. Di González que hai que articular aos movementos sociais porque os partidos están como están.

Si, é necesario darlle unha certa orde e disciplinar á xente nun sentido construtivo da expresión. Crear unha forza de cambio, unha alternativa política, ou crear incluso as bases dunha defensa ordenada da democracia. A crise non remata e o que se chaman melloras non son tal: as variables seguen no chan e o malestar medra e medrará aínda máis cando o estado volva aos recortes ou non saia dos anteriores. Certas prácticas do PP, corrupcións dinerarias aparte, indican un camiño policial que Gallardón tamén constrúe a base de posibilidades de sobrevixilancia á conta da privacidade cidadá. A subida do malestar e o incremento da vixilancia cara á cidadanía obrigan á alternativa e á defensa activa das liberdades públicas.


Metafísica do chorro de diñeiro
   
Un longo e imparable chorro de diñeiro circulaba polas veas do PP cando ocorreu o que ocorreu e puxéronse as bases das actuais actuacións xudiciais. Algo imos sabendo xa do mundo máxico que se adiviña detrás das cifras e incógnitas diversas que se multiplican día a día. Sería un grave erro imputar a todo cargo do PP ou a todo votante, simpatizante ou afiliado, aquel desenfreo de diñeiro, dobres soldos ou sobresoldos e interrogantes graves sobre a orixe dese diñeiro.

As corrupcións importantes tenden a expandirse, pero van paso a paso, e a impresión é que aquilo non saíu da casa local do PP en Xénova. Sería, de ser así, unha corrupción de elites. As elites teñen a súa propia lóxica, que comeza cun documento mental de posesión mancomunada do seu partido. As elites son donas de feito do que tocan, tamén do PP ou, no seu caso, do PSOE. A idea do mundo destas elites exímeas de calquera pena ou castigo: o mundo son elas, o partido son elas. Desfalcar o mundo propio non é pecado, é unha cuestión de principio: se o mundo é meu vaian deixándome en paz. É o tema xurídico  clásico da posesión. O sentimento de posesión acaba en posesión real, e os partidos vanse convertendo en lugares de provisión e avituallamento  de posesións físicas e mentais. A corrupción é unha forma normal de vida para moitas elites.

18 de xuño de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión