Redacción.- A Asociación de Periodistas de Galicia (APG)
acordou distinguir co Premio Diego Bernal, na súa XX edición, ao xornalista
Luis Rodríguez García (máis coñecido como Lois Caeiro) pola súa ampla
traxectoria profesional en medios de comunicación.
Lois Caeiro (Sobrado dos Monxes, 1951) estudou na Universidade de Comillas e na
Complutense, onde fixo os cursos de doutorado e da que foi profesor
honorífico. Comezou en 1968 a colaborar en El Ideal Gallego. Cronista e
comentarista político en Madrid nos anos da transición, posteriormente realizou
os mesmos cometidos en Galicia coas primeiras eleccións parlamentarias e a
constitución das institucións autonómicas; así, puxo en marcha os servizos
informativos da Televisión de Galicia -dos que
foi o primeiro director- e director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Foi tamén
director de Atlántico Diario, na
saída á rúa do xornal, e participou na posta en marcha de outras publicacións
como Galicia Confidencial ou Galicia, viajes y turismo.
Colaborou no suplemento cultural de Ya,
La Voz
de Galicia, El Correo Gallego, La
Región, Man Común ou
Encrucillada, entre outras. Foi correspondente en Galicia de ABC,
Actualidad Agraria e da Axencia Logos.
Desde o ano 2000 é director do diario El
Progreso, de Lugo.
Foi tamén o primeiro responsable de
prensa na Delegación do Goberno en Galicia, na Confederación de Empresarios de
Galicia e na Xunta de Galicia. Asemade, encargouse de asesorar, en materia de
comunicación, a numerosas empresas na nosa Comunidade, como Pescanova, Caixa
Ourense ou Dragados. Publicou os libros Aquel mundo (1996) e O
xantar da memoria (2003), galardoado co premio nacional de gastronomía
Álvaro Cunqueiro. Foi co-tradutor da versión inglesa ao galego de A Biblia
dos nenos (SEPT). Membro do Consello de Administración da editorial SEPT,
do padroado da Fundación Araguaney e de diferentes comisións do Consello da
Cultura Galega relacionadas cos medios de comunicación.
A Asociación de
Periodistas de Galicia decidiu constituír en 1996 un premio xornalístico
denominado Premio Anual APG, que tiña
como finalidade premiar toda unha traxectoria profesional de xornalistas
galegos que exerceron en Galicia ou fora da nosa Comunidade Autónoma. Tras o
pasamento de Diego Bernal, vicepresidente da entidade, a Asociación acordou
cambiar a denominación do premio, que pasou a chamarse Premio Diego Bernal, en
homenaxe á súa memoria.
O Premio Diego
Bernal non ten dotación económica e consta dunha figura tipicamente galega,
deseñada segundo a artesanía tradicional de pratería de Compostela. Outórgase
ao profesional que se considera máis merecedor do mesmo entre todos os candidatos
propostos pola Xunta Directiva da APG, durante unha sesión ordinaria celebrada
no último trimestre do ano; e faise público antes de que remate o ano, para ser
entregado co gallo do 24 de xaneiro, festividade do Patrón dos Xornalistas.
A APG publicou en
2005 unha recopilación das semblanzas dos dez primeiros premiados e ao longo de
2015 está previsto que faga o mesmo coa relación dos galardoados nas vinte
edicións, que integran unha lista de prestixiosos profesionais galegos, aos que
agora se une Lois Caeiro, En edicións anteriores recibiron o
galardón: Augusto Assia (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera
(1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), Colectivo
Xornalistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel
Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo
(2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González
Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010),
Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013) e
José Luis Alvite (2014).
0 comentários :
Danos a túa opinión