Nace "Olga", voceiro do Grupo Bilbao
29 de xuño de 2016
A viaxe a Santo André da Xeración Nós
28 de xuño de 2016
Crise política na Deputación de Lugo
________________________
Antonio Veiga, á dereita, o día da toma de posesión (Arquivo AVV)
"Sorpasso" popular
Os vellos comunistas non lle perdoaron a Pablo Iglesias que falase en nome da "nova" socialdemocracia durante toda a campaña; tampouco que non baixase á rúa, obsesionado con facer campaña desde as televisións. De feito, o primeiro que fixeron a noite electoral en Atocha foi amosarlle a bandeira coa fouce e o martelo, xunto á tricolor republicana. A sorpresa -e certa incomodidade- foi patente nalgúns dirixentes de Podemos, non afeitos nos seus mitins a estes emblemas, que colisionan coa estética e a posta en escena dos seus actos, afastada da identificación na esquerda e baseada no concepto "transversalidade". Hai que lembrar agora o aviso de Cayo Lara a Garzón, tralo pacto con Podemos: “Alberto, vaime a custar votar nestas eleccións”. Esta coalición resultou unha auténtica decepción: nin multiplicou o número de votos -ao contrario, perdeu no camiño máis dun millón- nin gañou un escano adicional aos que tiñan antes por separado. Un complexo encaixe de bolillos que terán que resolver; de entrada, xa encargaron un estudo demoscópico. Estanse a parecer máis aos representantes da “vella política” do que eles pensan.
Helena Villar escritora na súa terra
Redacción.-
A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle en Rianxo o 25 de xuño, na que será a vixésimo segunda edición.
Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire.
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Programa
11.30h (Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora). Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELGAdolfo Muíños Sánchez, Alcalde de RianxoHelena Villar Janeiro
Acto de entrega da "Letra E" (Escola da I República - Cuartel vello) Interveñen:
Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de RianxoMercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELGCesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELGMarica Campo: Laudatio
Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro
Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro
14.00h Xantar no Pazo de Rianxiño
Xantar de confraternidade. Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Rianxo e demais persoas interesadas.
O prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa que habilitaremos ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que fagas a túa reserva canto antes. De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando até as 14.30 do venres 17 de xuño ao teléfono 981 133 233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.
Nota: O traxecto desde o Peirao de Sete Fogas até o Pazo Rianxiño pódese facer a pé en 15 minutos
23 de xuño de 2016
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
Redacción.-
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou a programación da súa trixésima segunda edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo coa participación de 20 compañías procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Chile e diferentes puntos de Galicia e do resto de España. Ademais de reforzar a súa dimensión internacional, este ano o encontro concederá un especial protagonismo ás olladas femininas a través dos traballos de actrices como a arxentina Laura Nevole, a madrileña Eva Rufo, a sevillana Carmen Gallardo ou as galegas Mabel Rivera, Belén Constenla e Patricia de Lorenzo.
O encontro volve contar co apoio, entre outras entidades, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O seu director, Jacobo Sutil, participou xunto co alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, e o director artístico da MIT, Roberto Pascual, na presentación que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, e na que se detallaron os principais eixos desta carteleira.
A Xunta de Galicia mantén a súa achega de 60.000 euros a través dun convenio de colaboración asinado co Concello de Ribadavia, mediante o que se recoñece o carácter histórico da mostra, así como a súa capacidade para se adaptar tanto ás demandas do público como ás propostas escénicas do século XXI. Así o explicou o director da Agadic, quen subliñou así mesmo o labor da MIT no ámbito da produción, que se materializará na coprodución galego-portuguesa de ‘O conto de inverno’, de William Shakespeare, baixo a dirección de Marcos Barbosa e coa participación do Centro Dramático Galego. Este espectáculo, que ten prevista a súa estrea no mes de outubro en Aveiro, poderá verse en Ribadavia en 2017.
Resolución da convocatoria de subvencións
Jacobo Sutil enmarcou a colaboración coa Mostra Internacional de Teatro no programa de apoio da Agadic a eventos considerados estratéxicos para as industrias culturais, do que tamén forma parte a convocatoria anual de subvencións para festivais de artes escénicas e de música. Neste sentido, anunciou que hoxe tamén se fixo pública na web www.agadic.gal a resolución destas axudas, a través das que se adxudica un total de 170.000 euros a outras nove mostras: o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), o Festival Internacional de Títeres Galicreques, o Festival de Títeres de Redondela, o Festiclown de Vilagarcía, o Corpo(a)terra de Ourense, o Festival de Teatro Galego do Carballiño e a Mostra de Teatro de Cariño.
A memoria, a violencia, a palabra e a arte son os principais eixos temáticos ou motivos recorrentes a partir dos que a organización da MIT deseñou a súa programación de 2016, na que un dos pratos fortes será a presentación en Galicia do traballo de Oskaras Koršunovas, director do Teatro Municipal de Vilna, en Lituania. Koršunovas dirixe a posta en escena de ‘A gaivota’, de Chejov, espectáculo xurdido a raíz dos laboratorios desenvolvidos tanto no seu espazo como no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia.
Nesta oferta internacional, destaca tamén a mestura de cómic, vídeo e teatro da veterana formación chilena TeatroCinema, dirixida por Juan Carlos Zagal, que chegará a Galicia coa montaxe ‘Historia de amor’.
Aniversario de Matarile Teatro
Como en edicións anteriores, a escena galega continuará tendo unha importante presenza nesta carteleira, que este ano concede un especial protagonismo a Matarile Teatro con motivo do seu trixésimo aniversario. A compañía de Ana Vallés e Baltasar Patiño exhibirá en Ribadavia ‘El cuello de la jirafa’, ‘Teatro invisible’ e ‘Antes de la metralla’. Esta última proposta está pensada como un encontro escénico entre diferentes profesionais do panorama artístico estatal, que se concretará nun espectáculo aberto e en evolución para se adaptar aos espazos e festivais nos que se presente trala súa estrea en Ribadavia.
Cada 1 de xuño...
22 de xuño de 2016
XVI Ruta Chairega
Redacción.-
O domingo, día 19 de xuño de 2016 o Iescha organiza a XVI RUTA CHAIREGA que percorrerá nesta ocasión as terras de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei pola Ruta das Insuas. Haberá servizo de guía contratado polo Iescha.
A ruta das Insuas de Rábade, Outeiro de Rei e
Begonte comezariámola no Centro de
Interpretación da Casa das Insuas;
camiñariamos pola beira do Miño para introducírmonos nas Insuas; chegariamos a
Cela, atravesariamos as Insuas, visitariamos a
desembocadura do Támoga no Miño, e
volveriamos a Rábade polo camiño agrícola e
por pistas, chegando ao punto de inicio. Logo,
poderemos ver a fonte da Pinguela, o Pazo de
Mirapeixe, as casas grandes de Santa Mariña, o
Pazo dos Gaioso, o cemiterio onde está o
Manuel María soterrado, ata chegar á
Carballeira de Santa Isabel. Case todo o percorrido é pola zona núcleo da Reserva da
Biosfera Terras do Miño.
Ao finalizar a ruta, na propia Carballeira de
Santa Isabel e sobre as tres da tarde, terá lugar
a comida, nesta ocasión servida polo Catering
Terra Chá, a base de entrantes variados,
churrasco, sobremesa, cervexas, viño,
gasosa…
A media tarde, efectuaremos a visita á CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, en Outeiro de Rei.
A cuota que haberá que pagar será de 25 € por adulto (menores acompañados, 5€) (inclúe a comida,
autobús, guía…).
O traslado dos participantes farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 9:30 horas e retornando á tardiña.
Os/as interesados/as poden apuntarse contactando con calquera membro da Xunta Directiva do IESCHA (directamente ou por teléfono), ou por correo electrónico (estudoschairegos@gmail.com), como moito.
17 de xuño de 2016
Biblioteca "Agustín Fernández Paz"
Manuel Bragado.-
Viaxei na tarde do luns 6 de xuño a Vilalba para participar no acto de inauguración da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva que este ano celebra o seu cincuentenario. Un acto escolar ben fermoso, unha homenaxe literaria ao autor das Fontiñas no seu propio barrio, coa memoria das abidueiras sempre presente. As intervencións musicais e literarias do alumnado debuxaron un retrato humano e literario moi atractivo e acaído de Agustín, a quen o centro acordou poñer o nome da súa revitalizada biblioteca. Emocionante foi a atención coa que o alumnado seguiu a mensaxe gravada na que Agustín en cinco minutos expresou a súa gratitude e contou algunha das súas andanzas de pícaro nas terras onde se construíu o edifico do instituto nos anos sesenta. O magnífico acto do IES Basanta de Vilalba, onde só escoitei falar galego, algo hoxe sorprendente, amosa que como dixo Agustín “unha biblioteca é unha luz”; como demostra o papel dinamizador da biblioteca escolar na vida dun centro e a gran calidade de moitos dos traballos literarios que se realizan nos nosos centros educativos. Cando saín, chamei decontado a Agustín para contarlle esta marabilla.
Texto lido na rede en Aelg.
13 de xuño de 2016
Presentouse 'Valuria' de Xosé Otero Canto
Redacción.-
O Instituto de Estudos Chairegos organizou o vindeiro venres, día 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do poemario de Xosé Otero Canto“Valuria”, editado pola AC Xermolos e a Irmandade Manuel María, con prólogo de Felipe Arias e ilustracións de Anxo Grande.
No acto interviron:
Xosé Otero Canto
Xulio Xiz Ramil
Alfonso Blanco Torrado
Xosé Manuel Carballo Ferreiro
Manuel Castro Santamariña
En palabras de Felipe Arias, prologuista do libro: “(…) estamos diante dun autor e dun home que, como vulgarmente se di, “non para”; trátase dun coñecido, e recoñecido, poeta chairego pero é moito máis que iso; un escritor prolífico, un argalleiro das palabras, un profesor vocacional e, ademais, un impagable recitador e estupendo orador. Xosé Otero Canto, aínda por riba, segue a riola de tantos ilustres paisanos seus das beiras do Alto Miño, algúns deles da mesma Ponte de Outeiro coma el, e é, por tanto un referente literario da comarca -a xeográfica e real non a administrativa- da Terra Chá. (…)
Para Xosé Otero Canto, todo este mundo da Valuria sérvelle, e ben ó xeito, para compoñer un rico poemario, cheo de referencias históricas, patrimoniais e etnográficas que veñen moi a conto, e que nos introduce na chamada intrahistoria dunha comarca como a Terra Chá. Unha ollada ó índice desta obra comprobaranos este aserto.”
BioBlitz Insuas do Miño
O 18 de xuño do 2016 calquera que o desexe pode participar no BioBlitz das Insuas do Miño, un dos maiores espazos en custodia do territorio de Galicia.
Un BioBlitz (BioLóstrego) consiste nunha xornada de campo co obxectivo de descubrir a maior cantidade de especies que habitan un determinado lugar. As Insuas do Miño son un lugar excepcional para realizar esta actividade debido á gran biodiversidade que se pode atopar nas súas ribeiras, bosques e prados, xa que se encadra na cunca alta do río Miño, cerne do ZEC Parga-Ladra-Támoga e da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.
As Insuas do Miño son un dos maiores espazos en custodia do territorio de Galicia con máis de 100 ha de bosques e prados propiedade da Deputación Provincial de Lugo e que a AGCT xestiona mediante un acordo de custodia.
Durante esta actividade, os participantes poderán ir na procura da maior cantidade de especies de flora e fauna que habitan as Insuas e realizarase un inventario completo da súa biodiversidade. Tamén faranse fotografías das especies que non se poidan identificar para poder subilas á plataforma de Biodiversidade Virtual para a súa identificación por expertos.
Inscricións en:
http://bit.do/BioBlitzInsuas
Máis info en: custodiadoterritorio@gmail.com/630-94.82.93.
10 de xuño de 2016
As Irmandades da Fala en Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), ORA Galega e iFala propoñen unha xornada de celebración con motivo do centenario da fundación das Irmandades da Fala.
Será o vindeiro sábado, 11 de xuño, cando o bus das Irmandades da Fala (iFala) se achegue a Vilalba - onde se constituira en novembro de 1916 a quinta Irmandade da Fala, seis meses despois da primeira na Coruña- para ofrecer a posibilidade de visitar unha exposición conmemorativa das Irmandades ou acceder mediante as novas tecnoloxías a diferentes actividades: unha aplicación móbil, unha páxina web… Tamén se poderá escoitar unha canción interpretada en clave colectiva por Isabel Risco, Sés, Poetarras, De Vacas, Leo e David Amor, entre outras persoas.
O bus de dous niveis situarase ao pé do templete da Praza da Constitución e poderá visitarse, de balde, entre as dez da mañá e as dúas do mediodía e dende as cinco da tarde ás oito do serán.
Completan as actividades culturais diversas propostas do IESCHA. Pola mañá intercalaranse as actuacións de Buxos Verdes coa lectura continuada de poemas e outros escritos de varios "irmáns da fala". Á unha do mediodía será a quenda da actuación do grupo vilalbés Irmandades do Falo.
Xa pola tarde, entre as seis e as sete, desenvolverase o "Paseo das Irmandades" visitando as casas nas que viviron os confundadores da Irmandade da Fala de Vilalba, Lois Peña Novo e Antón García Hermida; e Manuel Mato Vizoso e Carmiña Prieto Rouco.
9 de xuño de 2016
'Rara avis' na Casa das Insuas
Redacción.- O vindeiro venres 10 de xuño ás 20:30 horas na Casa das Insuas, Lila Teatro presentan a súa función "Rara Avis", un diálogo teatralizado, apto para todos os públicos, que ten como fío argumental ao cuco (Cuculus canorus), unha especie de ave, moi coñecida por todos, que co seu canto pon son á primavera, pero cunhas pautas de comportamento moi especiais no mundo animal.
Este evento non conta con ningún tipo de financiamento polo que establecemos un donativo mínimo de 5 euros por asistir, 3 euros para os nenos.
Ao final do espectáculo, poderase charlar coas artistas, compartindo uns petiscos aportados por todos os asistentes...
8 de xuño de 2016
Perigo para os frescos dos Vilares
A Asociación Sociocultural "Lareira de soños" alerta sobre o perigo de desaparición definitiva dos frescos da igrexa dos Vilares. Por iso, presentará unha memoria da preocupante situación das pinturas á igrexa e á Deputación e un proxecto de restauración elaborados por expertos.
Incidirá en que se acometan os traballos o antes posible debido ao lamentable estado das importantes pinturas murais.
Estado de conservación:
San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa coñecida por celébrar a popular romaría da Virxe dos desamparados.
As orixes do templo datan do s. XII, se ben os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII.
No exterior o conxunto está formado un atrio murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismales e un sarcófago. Támén existe un Calvario nas inmediacións.
No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos ss. XVII e XVIII, aínda que destacan especialemnte os restos de pintura mural ó fresco do S.XVI, que forman un ciclo ó longo dos muros da nave, con distintos temas, como o do enterro do Conde Orgaz.
O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversible.
Ademáis deste perigo urxente de resolver, o seu aspecto sucio e abandonado desvirtúa a súa calidade como elemento singular e moi visible de este templo de San Vicenzo dos vilares, centro de peregrinaxe senlleiro.
En conclusión podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo.
É por esto que a Asociación Sociocultural Lareira de soños puxose xa en contacto cos responsabeis da diócese Mondoñedo-Ferrol e coa área de Cultura da Deputación de Lugo para presentarlles un proxecto de restauración dos frescos antes de que cheguen a un estado que faga imposible a súa recuperación. Ademáis da iconografía relixiosa nomeada antes, a contorna da igrexa conta con importantes elementos patrimoniais como a casa escola habanera, os vellos cobertizos da antiga Feira do Sete, o pozo de Tabaco, a taberna do sindicato, o castro...
Faise urxente, polo tanto, acometer con urxencia a restauración dos frescos da igrexa para continuar despois con outros elementos fundamentais para esta parroquia e para a comarca chairega. A Lareira de soños ten encargado tamén un proxecto para a restauración dos cobertizos da feira que presentaremos tamén ás institucions cando esteña rematado.
7 de xuño de 2016
14ª Mostra de Arte Gas Natural Fenosa
Xa están dispoñibles na web do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) as bases da 14ª Mostra de Arte Gas Natural Fenosa, unha cita bianual que desde 1989 deu forma á colección de arte contemporánea do museo e apostado polos novos valores artísticos.
Presentándoa á Mostra, a obra de calquera artista podería incluírse nunha exposición colectiva que se inaugurará en setembro de 2016, e optar ademais a un dos catro importantes premios que están en xogo: un primeiro de 15.000 euros, un segundo de 10.000 euros, un terceiro de 7.000euros e o Premio Julián Trincado, de 6.500 euros, outorgado polo Concello da Coruña á mellor obra de artista galego.
Os participantes dispoñen de completa liberdade temática e serán admitidas todas as técnicas, procedementos e tendencias artísticas.
Sen rural non hai futuro
Antón de Guizán.-
O outro día, conversando co polifacético vilarego Xosé Antón Cascudo, este poeta, cineasta e librepensador chairego incidía na idea do grande pacto politico e social ao que se debera chegar no nóso país: o acordo polo rural.
Máis aló da evidente necesidade de invertir a tendencia da despoboación e o avelloamento do nóso rural, ese grande acordo faise necesario porque sen rural, básicamente o país desaparece.
Para manter a lingua e a identidade, para manter as tradicións, e para preservar a paisaxe, a cultura e o patrimonio... pero para todo iso hai que xerar economía, emprego, fixar poboación moza e incrementala pero as politicas realizadas até o de agora teñen fracasado.
O nóso campo non pode ser un territorio de expolio e de intereses de parte, precisa de politicas consensuadas a longo prazo e pensadas desde a nosa propia realidade, no forestal,no agrícola, no gandeiro,nos servizos e na aposta polo I+D.
As forzas políticas, os sindicatos, as asociacións, cooperativas... a sociedade galega debe tomar conciencia de que sen o rural non hai futuro e tomar medidas mais aló de liortas e consensuar un modelo. O noso rural pre isa dun grande debate sobre o modelo e non pequenas liortas sobre fracasos.
Con cada explotación que pecha, con cada mozo que abandona a aldea, con cada vello que morre, o rural enferma, o país esmorece.
Castelao ou Manuel María incidían na importancia da língua para o noso existir como pobo, para a nosa identidade colectiva, esa lingua que mantiverone manteñen fundamentalmente no noso rural, a verdadeira esencia do que somos e de onde viñemos, tradicións, costumes, patrimonio material e inmaterial...
Pero non só eso. O rural ten futurono económico, na xeración de riqueza e emprego, para ser referencia de calidade e poder traballar e vivir nas mellores condicións, e para eso hai que darlle a volta a todo canto se ten demostrado un fracaso. Ahí están as estadisticas da evolución negativa...
Non se trata de aplicar medidas cortopracistas, senón de todo o contrario,de ter unha visión de futuro e aplicar un deseño e un modelo estable e asumido polo conxunto da sociedade galega, porque si hai futuro, ese futuro debera comenzar agora...
6 de xuño de 2016
Con-fío en Galicia, do 6 ao 9 de xuño
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aborda no Gaiás a relación entre moda, arte e téxtil no marco das Xornadas Académicas da mostra ‘Con-fío en Galicia’. Será do 6 ao 9 de xuño no Museo Centro Gaiás e contará con personalidades de diferentes ámbitos como Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid; o recoñecido fotógrafo Manuel Outumuro, a directora do estudo londinense Pinaki Studios, Arantza Vilas; ou a CEO de Latitude, María Almazán.
No marco da exposición ‘Con-fío en Galicia’, a Cidade da Cultura pon en marcha do 6 ao 9 de xuño estas xornadas, totalmente gratuítas, coas que reflexionar sobre o mundo da moda desde múltiples vertentes: expositiva, artística, económica e social.
A nova mostra do Museo Centro Gaiás, en exposición ata o 11 de setembro, convértese así na excusa perfecta para reflexionar sobre a relación da moda coa arte: o seu papel de fonte de inspiración para diferentes creacións, a súa conversión en obxecto artístico e, polo tanto, en elemento central do discurso expositivo, facendo habitual a súa presenza en grandes museos. Figuras como Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, ou Juan Gutiérrez, comisario de exposicións e conservador das coleccións contemporáneas do Museo del Traje de Madrid serán os encargados de reflexionar sobre esta perspectiva artística da moda.
A produción téxtil da man de Elvira Lindoso, Cointega ou Lola Dopico
As xornadas académicas abordarán tamén os aspectos máis materiais da moda, como a produción téxtil, o deseño e a comercialización. Así, o Museo Centro Gaiás contará coa presenza da deseñadora galega e artista multidisciplinar Sara Coleman ou da responsable do estudo londinense Pinaki Studios, Arantza Vilas, que diseñou o vestiario da exitosa serie ‘Xogo de Tronos’.
Nas xornadas tamén participarán Elvira Lindoso, profesora doutora de Historia e institucións económicas, que abordará o papel da industria téxtil na historia contemporánea; o secretario xeral de Cointega, Alberto Rocha; Lola Dopico, directora da Esdemga; o arquitecto Iago Seara, responsable de tendas de moda para Adolfo Domínguez e Antonio Pernas; ou María Almazán, CEO de Latitude.
A moda como creadora de imaxe e de identidades persoais e colectivas tamén estará presente nas Xornadas Académicas a través dunha master class co recoñecido fotógrafo de moda Manuel Outumuro, creador das imaxes de marca e a comunicación visual de numerosos deseñadores; así como dos relatorios da ilustradora Marta Riera ou a directora da axencia de comunicación e publicidade Unconventional London, Nuria Carballo.
Orixe, deseño e montaxe de Con-fío en Galicia
As xornadas tamén terán un oco para coñecer máis polo miúdo a mostra ‘Con-fío en Galicia’. Ademais de facer un percorrido guiado polas 300 pezas que compoñen esta viaxe pola historia da moda galega, os participantes poderán coñecer máis polo miúdo a súa orixe, o concepto, o deseño ou a montaxe da man dos seus responsables.
Coa directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, á cabeza; polo Museo pasarán o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane; o responsable do deseño da montaxe e do catálogo, Pepe Barro, e os arquitectos co-deseñadores da montaxe expositiva: Olivia Fernández Feijóo e Javier Rodríguez García, do estudo Oja Arquitectura.
22 horas e ETCS pola USC
As Xornadas Académicas ‘Con-fío en Galicia’: Moda, arte, téxtil están dirixidas por Fátima Díez Platas, Profesora Doutora en Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
De balde previa inscrición en cidadedacultura.gal, as xornadas terán lugar do 6 ao 9 de xuño no Museo Centro Gaiás cunha duración total de 22 horas. Todos aqueles que asistan ao 85% das xornadas recibirán un ETCS da Universidade de Santiago de Compostela.














