Redacción.- O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para
novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de
Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade
de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, decidiu
premiar dous interesantes proxectos: Punto e volta, sobre música e baile
tradicional, e Mediamapa.gal, un mapa interactivo dos medios galegos.
Cada un destes
proxectos recibirá 2.500 euros para o seu desenvolvemento. O xurado estivo
formado por tres membros da Xunta de Goberno do CPXG (Francisco X. González
Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario),
un representante de Abanca, Isaac González; un representante da Facultade de
Ciencias da Comunicación da USC, Xosé López; e tres xornalistas en activo:
Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela.
Punto e Volta é un proxecto multimedia que busca explorar as mudanzas
sociais que experimentou a transmisión interxeracional da cultura popular
galega a través de dúas das súas principais expresións: a música e o baile
tradicionais. Todo isto contado a través das historias das propias persoas que
protagonizaron esa mudanza, membros de distintas xeracións, mediante
reportaxes, entrevistas e videoclips accesibles na páxina web e as redes
sociais. Alejandro Gándara Porteiro é o cordinador deste proxecto no que tamén
participan David Fontán Bestilleiro, Raquel Pérez Vázquez e Olaia Tubío Rei.
MediaMapa.Gal pretende ser o sitio web de referencia para coñecer o
conxunto dos medios de comunicación en Galicia. O elemento principal do sitio é
un mapa interactivo onde os usuarios poden localizar todos os medios activos en
Galicia, ver as súas características básicas e acceder de xeito directo a eles.
Ademais, o mapa é un espazo aberto no que calquera usuario é quen de introducir
novas iniciativas mediáticas. Tamén é un proxecto de investigación, cuxos
resultados se publicarán en aberto e con periodicidade semestral no sitio. Esta
proposta foi presentada por María Cruz Negreira Rey.
A bolsa ‘Nacho Mirás’
para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en
Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do
CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás,
que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer,
de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.
0 comentários :
Danos a túa opinión