Redacción. -
O Instituto de Estudios Chairegos “Pena do Encanto” (Iescha), organiza para o vindeiro venres, día 28 de decembro de 2018, ás 20:30 horas, o acto de presentación do libro SANTUARIOS DA TERRA CHÁ, do que é autor XOSÉ MANUEL BLANCO PRADO. Este libro foi publicado recentemente polo
Iescha, e contou coa financiación da Deputación de Lugo, dentro do convenio suscrito por ambas entidades para o presente ano 2018.
Intervirán no acto, o propio autor do libro, Xosé Manuel Blanco Prado; o escritor e divulgador do patrimonio arqueolóxico, Fernando Arribas Arias, e o vogal do Iescha, Xosé M. Felpeto Enríquez.
Esta obra ten como obxectivo prioritario dar a coñecer dende unha óptica actual e obxectiva todos os santuarios da bisbarra chairega. Pretende ser unha guía, explicada e interpretada, deste fenómeno relixioso de carácter popular. Esta pretende servir de elemento conductor a todas aquelas persoas, que por diferentes circunstancias seguen acudindo a estes centros rectores de sacralidade na procura de acougo aos seus problemas.
JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.- É licenciado en Filosofía e Letras e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor numerario de Filosofía no I.E.S. Xoan Montes de Lugo.
Colabora con temas relacionados coa antropoloxía, etnografía e historia en distintos boletíns e revistas culturais.
Realizou as seguintes obras: As Romaxes da Terra Cha, Lugo, 1982. Religiosidad popular en el Municipio de Begonte, Lugo, 1991. Exvotos e rituais nos santuarios lucenses, Lugo, 1996. É coautor tamén de diversos libros, entre os que citaremos Cruceiros, Cristos e Cruces de Muras, 2009, e Cruceiros de Vilalba, 2011 (ambos, publicados polo Iescha).
Levou a cabo varias exposicións sobre o Entroido na provincia de Lugo no Museo provincial de Lugo; no concello de Riotorto (Lugo); no I.E.S. “Ricardo Basanta Silva” de Vilalba (Lugo), e no Mesón do Forno (Lugo).
Ata o intre actual acadou as seguintes distincións: coautor do IX Certamen Literario de la Tierrallana (1972). Premio de periodismo “Manuel Mato Vizoso” (Concello de Vilalba), no ano 1982. Coautor do premio de periodismo “Manuel Mato Vizoso” (Concello de Vilalba), no ano 1984. Coautor do Premio “Cal da Loba”, no ano 1999.
0 comentários :
Danos a túa opinión