O Museo do Prado en Lugo

Redacción.-

Con motivo do Bicentenario do Museo Nacional del Prado, o Museo Provincial de Lugo pretende sumarse a esta celebración poñendo en valor os depósitos aquí expostos e recibidos en diferentes entregas ao longo do tempo.

Xa no ano 2010 ao cumprirse setenta anos dos inicios da relación entre ambos museos se realizou unha importante exposición, froito da cal se editou un catálogo da autoría de María Quiroga Figueroa, ambas iniciativas realizadas en colaboración coa conservadora Mercedes Orihuela.

Dende a súa creación o Museo Provincial de Lugo tivo relación co Museo Nacional do Prado posto que a Junta de Gobierno del Museo Arqueológico y de Bellas Artes (así se denominou inicialmente o Museo de Lugo), solicitaba obras para incrementar as coleccións de Belas Artes deste museo creado en 1932 e inaugurado en 1934 nas dependencias do actual pazo de san Marcos.

As obras que conforman o depósito do Museo do Prado no MPL están datadas entre os séculos XVI ao XIX e suman 28 pinturas e dúas esculturas.

En relación co Bicentenario do Museo do Prado, dentro das actividades a realizar polo MPL neste ano 2019, coordinadas pola súa dirección a través dos departamentos de Belas Artes e Restauración, estase facendo a restauración dun cadro atribuído a Guido Reni (Bolonia 1575-1642) titulado ‘Cabeza de Apóstol’ e con tal motivo a restauradora da pinacoteca nacional, María López Villarejo, visita as nosas dependencias este luns, 22 de abril, para supervisar o proxecto que leva a cabo Blanca Besteiro no Museo de Lugo.

Unha vez rematado este traballo daremos a coñecer ao público interesado tanto o propio proxecto como os seus resultados e expoñerase a obra intervida. Así mesmo, haberá outras iniciativas para por en valor esta efeméride e, por ende, os fondos do Museo Provincial de Lugo.

Máis información: Aurelia Balseiro García, directora MPL. 982242112 / direccion@museolugo.org

29 de abr. de 2019

Cultura no Camiño 2019

Redacción.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 24 de abril a convocatoria da sétima edición do circuíto Cultura no Camiño, dirixida a todos os concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia.
Como novidade en 2019, o apoio económico á contratación das actuacións artísticas no marco desta iniciativa regúlase mediante a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para as que se reserva un orzamento de 324.000 euros, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de Turismo de Galicia. O prazo de solicitude para os concellos interesados en participar na convocatoria deste ano abrirase desde mañá ata o vindeiro 24 de maio na sede electrónica da Xunta.
Segundo as bases, este circuíto mantén como obxectivo desde as súas orixes contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro. “Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos–, que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos, ao tempo que se contribúe á dinamización da contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia”, especifica a resolución publicada hoxe no DOG.
Nela establécese, ademais, que o financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas ao abeiro de Cultura no Camiño asumirase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade: a subvención será dun máximo de 3.500 euros para os concellos de máis de 20.000 habitantes e de ata 2.500 euros para os que teñan unha poboación menor.
Poderán solicitar estas axudas todos os concellos situados nalgunhas das rutas xacobeas recoñecidas oficialmente: Camiño Francés, de Fisterra e Muxía, Vía da Prata, Inglés, Primitivo, do Norte, de Inverno, Portugués, Portugués da Costa e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
En paralelo, a Agadic mantén aberta ata o 26 de abril a convocatoria de inscrición de propostas artísticas para aquelas formacións galegas de carácter profesional (compañías escénicas ou grupos de música) que queiran formar parte do catálogo a partir do que os programadores dos concellos inscritos deseñarán as súas carteleiras dentro de Cultura no Camiño. Neste caso, o trámite debe realizarse a través do web www.galescena.gal.

27 de abr. de 2019

A Ramón Paz Guntín, in memoriam

María Xosé Lamas.-

Este domingo, 21, despois de subir do almorzo á habitación do hotel, onde me esperaba o traballo de preparar a equipaxe de volta de Berlín, soou un aviso de whatsApp no móbil. Era do amigo Moncho Paz comunicándome o falecemento de seu pai e, de súpeto, mergullei na nostalxia e na tristura.

Sempre lembrarei a tenda dos Marios, onde tres irmáns de mediana idade rexentaban un dos colmados máis importantes da vila, axudados por uns cantos empregados e empregadas simpáticas e solícitas, tanto despachando detrás do mostrador como traballando no obradoiro do soto onde se elaboraba o chocolate “Paz Cao” e os saborosos bolos de leite, cristiniñas, madalenas ou roscas que tiñamos que mercar por menos dun peso todos os domingos ao saír da misa das doce de obrigatorio cumprimento -unha desas rutinas da infancia que nunca se esquecen.


O establecemento estaba sempre cheo de xente que mercaba as viandas máis diversas; pois nos Marios había de todo, dende os seus produtos alimenticios selectos e os licores e viños que non se atopaban en ningún outro ultramarinos, até candeas, cestas, cerámica, paraugas e centos de útiles máis. As miñas primeiras lámpadas de salón de vimbio –que aínda conservo gardadas na casa da aldea- despachoumas o señor Ramón, así como unha cesta da feira que non hai moito que merquei.
Ademais posuía unha barra onde tomaban a mañá, o café de sobremesa e os viños do serán os máis asiduos ou almorzaba moita xente de paso que agardaba a partida do autobús na estación situada ao carón e que aproveitaba tamén para mercar os agasallos da súa viaxe en lembranza do paso pola vila.


Hai ben anos xa que esta casa exerce en Vilalba de anello lugar de comercio atendido con paixón por o noso inesquecíbel e benquerido señor Ramón, pois o tempo foi modificando os costumes de compra e actualmente mércase en supermercados, grandes superficies ou mesmo por internet. Mais a atención personalizada, o trato familiar ou a comunicación empática, perdeuse. Perdémola todas e todos os vilalbeses co pasamento de Ramón Paz Guntín.
Amigo Ramón, sempre na nosa lembranza!

Foto: Mario Paz González

25 de abr. de 2019

Neorretranca e posmorriña

Redacción.-

Esta semana haberá Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto do Centro Dramático Galego para que os nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. A participación nesta iniciativa pode solicitarse tanto nos horarios habituais do despacho de billetes do Salón Teatro como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,30 h.)
Elenco feminino

Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde. Todas elas interpretan as dúas pezas do espectáculo, coa identidade galega como punto de partida para o desenvolvemento de dúas propostas moi diferentes, tanto deste o punto de vista da dramaturxia como da súa posta en escena e da súa estética, concibida tamén por un equipo maioritariamente feminino.
Os billetes para velas sobre as táboas poden mercarse no web entradas.abanca.com, no teléfono 902 434 443 ou no despacho do Salón Teatro, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador, na sede do Centro Dramático Galego.

'Trece cancións bonitas' na Casa do Manuel

Redacción.-

Este próximo sábado, día 27 de abril, ás 20 hrs, Germán Díaz e Benxamín Otero presentan no auditorio da Casa-Museo Manuel María o seu traballo “Trece cancións bonitas”. Schubert, Satie, Galliano ou Clastier, cancioneiros como o de Inzega ou o de Federico Olmeda e melodías propias, compoñen o corpus eclético e accidental que conforma este persoal concerto.
Instrumentos como o óboe e o corno inglés, da man do lalinense Benxamín Otero, uniranse ás sonoridades medievais da zanfona do pucelano, afincado na Terra Chá, Germán Díaz, e a particulares instrumentos mecánicos como o órgano de barbaria, o aurephone ou a caixa de música programábel, en que os músicos perforan os seus propios cartóns con arranxos actuais para vellas melodías.

O prezo do billete para asistir este concerto é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621

Germán Díaz nace en 1978 en Valladolid (na actualidade mora na Terra Chá), onde realiza estudios de guitarra clásica e Filoloxía Clásica na Universidad de Valladolid así como o Curso de Posgrao "Especialista Universitario en Estudios sobre la Tradición".
Estuda zanfona con Rafael Martín, Pascal Lefeuvre, Laurent Tixier, Isabelle Pignol, Gilles Chabenat, Nigel Eaton, Patrick Boufard, Laurence Bourdin, Valentin Clastrier, Matthias Loibner, Tobie Miller, etc...
Pertenceu á mítica Viellistic Orchestra, orquestra de zanfonas asentada en Francia. Este proxecto desapareceu en 2004, e Germán, formou un dúo co director artístico da Orquestra, Pascal Lefeuvre, e cofundou o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas.
Actuou por todo o mundo con proxectos tan dispares como Tasto Solo, centrado na interpretación de repertorios para instrumentos de tecla dos S XIV y XV, ou agrupacións jazzísticas como Baldo Martinez ou Paolo Angeli.
En 2004 creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto a Fernando Fuentes.
O seu disco "Músicas populares de la Guerra Civil", en colaboración con Antonio Bravo, foi elixido como segundo mellor disco de 2009 por Cuadernos de Jazz, e mellor disco internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokio.
En 1999 foi galardonado co premio Racimo de Oro da música pola súa labor de recompilación e difusión da música tradicional.
Premio á mellor Banda Sonora no Festival de Cortometrajes La Fila, en 2009, por Artículo 349.
Finalista dos Premios da crítica Galiza 2014.
“Mellor artista 2014”, XIV Premios Opinión, A Coruña.
Invitado como artista residente na Vila Waldberta -Marzo 2015-. Concellaría de Cultura da cidade de Múnich.
Premio Mestre Mateo 2018 Mellor música Orixinal por Dhogs.
Colaborou en máis de un centenar de gravacións discográficas e editado numerosas obras como solista, e compuxo B.S.O. para cinema, teatro e televisión.

BENXAMÍN OTERO
Oboísta desde 1989, a pesar de ter formación clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón doutras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos Curitiba, ou Grodan defló, sendo membro estábel na actualidade de Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc...

No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para vídeos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural” e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico mais sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”, “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”entre outras.

Ultimamente está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias.

Binormativa: o futuro é agora

Antón de Guizán. -

Sou galego de nascença e de consciência, não tenho feito nenhum curso de galego agás um da Associação Cultural Alexandre Bóveda da Corunha quando era um moço e que impartira a grande Pilar García Negro. Desde aquela, muito se tem discutido sobre o galego. Na minha posição de cidadão galegofalante e desde a perspectiva de quase 12 lustros de existência, a crua realidade é que o galego tem retrocedido em falantes e que há um evidente problema de transmissão geracional do idioma por múltiplas causas que de seguro se têm investigado por profissionais bastante mais qualificados. Ao meu ver, há um factor clave que deve ser o centro dum debate no que a língua, ademais da nossa principal senha de identidade, terá que ser também a principal ferramenta de desenvolvimento do nosso país num mundo cada dia mais globalizado. Se a sociedade percebe que o idioma é útil, este recuperará uso e funcionalidade, mas se este está só para uso interior, irá perdendo usuários e valor relegando-o a uma função sentimental, folclórica e mesmo relegado a uma situação pseudomuseística. O problema é quando as instituições políticas, culturais e linguísticas ignoram e escondem debates nos que nos jogamos o futuro da língua, a economia e as possiblidades de progresso. Que medo há a abordar campos de possibilidades que atingem mais de 200 milhões de falantes quando o galego vive encerrado num âmbito de 2.700.000 cidadãos, perdendo povoação e com os mais velhos, também, galegos monolíngues? Qual é o problema para adoptar e conviver com uma segunda grafia (também oficial) que abra portas directamente a cinco continentes com o quinto idioma mais falado do mundo? Quem diz medo a facilitar mercados em países tão afastados como o Brasil, Macau, Angola, Moçambique...e mesmo com um idioma oficial da UE? E quem pode obviar o importante mercado cultural, turístico e a história comum através do idioma com tantos cidadãos no mundo? Só os interesses políticos de curto percurso e as mentes cativas podem defender o reducionismo e o caminho do suicidio idiomático, as mensagens confusas dirigidas a meter medo a medrar e sentirmo-nos mais orgulhos@s de ser galeg@s e cidadãos do mundo, a medrar em riqueza e cultura. A nossa relação com o lusismo deve deixar de ser testemunhal, para actos entre vizinhos e passarmos a converter-nos em irmãos em convivência, deixar de lado complexos e estereótipos e crer nas possibilidades que se nos abrem para os nossos filhos e para o país com a dupla normativa. Ninguém nos vai indicar como temos que falar num idioma tão rico e diverso como o nosso, mas grafar ademais do galego normativo, para adiante, numa grafia também oficial na norma portuguesa, fará de Galiza uma pequena potência. Que não nos enterrem com mentiras: O FUTURO É AGORA!! 

19 de abr. de 2019

Contraminacción pide a demisión de Tahoces

Redacción. -

O 17 de abril, os medios de comunicación sacaban a luz a nova de que o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, deberá declarar como imputado diante da Fiscalía de Medio Ambiente o 2 de maio por presunta prevaricación ambiental. Tahoces terá que declarar por irregularidades denunciadas por Verdegaia na reapertura da Mina de San Finx (Lousame) tales como carecer de DIA (declaración de impacto ambiental) etc.

Segundo a Comisión de Asociación contra as Minas da Terra Chá, Tahoces, desde que ocupou o cargo de director xeral de Minas, destacou, recalcan, por "dificultar o traballo da veciñanza que se opón a proxectos mineiros e dos colectivos a ambientais e organizacións agrarias. O impedimento continuado de acceso a información, a negativa reiterada no tempo a contestar as solicitudes demandando información de calquera tipo, etc."

No caso da Terra Chá, a negativa a declarar as caducidades das concesións a Erimsa obrigou a Contraminacción a acudir no ano 2017 á Valedora do Pobo a través dun dos colectivos que integran a Comisión: o Sindicato Labrego Galego. A propia Valedora estivo máis de medio ano, de febreiro a setembro de 2017, reclamando información á Consellaría de Industria e non houbo contestación até que a Valedora lle fixo varios requerimentos e dous recordatorios de deberes legais, apercibindo da responsabilidade na que incorrerían de non facilitar a información segundo o artigo 502.1 do Código Penal (Código Penal (Ley Orgánica 10/1995, de 23 de noviembre):
Los que, habiendo sido requeridos en forma legal y bajo apercibimiento, dejaren de comparecer ante una Comisión de investigación de las Cortes Generales o de una Asamblea Legislativa de Comunidad Autónoma, serán castigados como reos del delito de desobediencia. Si el reo fuera autoridad o funcionario público, se le impondrá además la pena de suspensión de empleo o cargo público...” (Artigo 502)

Cómpre lembrar que, no ano 2013, desde varios colectivos e veciños e veciñas a título individual, despois de que á empresa Erimsa lle fosen denegadas as licencias no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, solicitouse na Consellaría de Industria o inicio dos expedientes de caducidade das concesións mineiras por inactividade (Alicia, Karles e A Pastoriza do ano 2006, que afectan máis de 5.700 hectáreas nos concellos de A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Vilalba, Abadin e Riotorto). A día de hoxe, e sugundo eles mesmos afirman, ningún deses colectivos tivo ningún tipo de contestación agás a recibida por medio da Valedora do Pobo coa negativa da Consellaría de Industria a iniciar os expedientes.

É polo exposto que, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas da Terra Chá, esixen que, en caso de negarse a dimitir Bernardo Tahoces, se proceda a súa destitución inmediata, mentres se agarda que, por parte da Xustiza, se aclaren as posibles responsabilidades penais e se condenen as persoas responsables para que estas prácticas non se sigan dando

Corredores de sombra en Biblos

Redacción. -

O sábado 4 de maio ás 7 do será o grupo poético musical da Terra Chá, Corredores de sombra terá unha actuación en Biblos Clube de lectores de Betanzos.

Baruk Domínguez, Carme Mato, Pilar Maseda e Rosana Domínguez, son Corredores de Sombra, que con guitarra, trombón e dúas impresionantes voces sorprenden nunha novedosísima miscelanea de ritmos e versos. Unha nova forma de escoitar poesía que non deixa indiferente a ninguén e que estrean repertorio nesta primicia en Biblos Betanzos dentro do noso programa #DoTrinque de novidades. Darán que falar... A NPG Nova Poesia Guitirica que xa ten editado poemarios dixitais dos betanceiros Moncho Bouzas (ARGONAUTA) e Ana María Pereira Varela (PURA VIDA), sigue así a facer propostas poéticas novidosas ampliando as fronteiras poéticas da Terra Chá ás Mariñas e Betanzos, cos que tantos lazos históricos e literarios teñen.

Corredores de sombra deben o seu nome ao título dun libro do vilalbés Agustín Fernández Paz de donde proceden e debutaron na entrega do II Premio Agustín Fernandes Paz este ano no auditorio de Vilalba. O repertorio abrangue a interpretación de versos de coñecid@s poetas e a forza que imprimen dan á poesía un atractivo especial que faibdisfrutar mesmo a quenes non son seguidores deste xénero literario.

Unha oportunidade de achegarse á poesía dun xeito novo e disfrutar da música e as voces deste orixinal cuarteto.

A entrada será gratuita.


Evento en facebook:


16 de abr. de 2019

Pinturas ao fresco únicas

Antón Tenreiro Ferreiro. -


É ben coñecida a existencia dunhas importantes pinturas ao fresco na igrexa de San Vicenzo dos Vilares con máis de cinco séculos de existencia. Pero ademáis dos coñecidos frescos que representan a Lamentación sobre Cristo Morto, Santiago Matamouros e elementos paisaxísticos e xeométricos comúns a outras pinturas ao fresco en Galicia, unha delas, a Imposición da casulla a San Ildefonso, é única en Galicia. Así o afirmou a museóloga e historiadora Sonia Engroba na conferencia sobre os frescos dos Vilares no Mestrado Avanzado de Bibliotecas, Arquivos e Museos da Facultade de Humanidades da UDC días atrás. A restauradora Uxía Aguiar afirmou que os frescos foron obra de dous autores, ademáis do Mestre de Parga ao que atribuíu no seu estudo de 1992 (Cadernos de estudos Mindonienses) o profesor Monterroso Montero a autoría haberá que engadir agora o mesmo mestre autor da chamada Capela Sixtina galega de Santa María de Nogueira de Miño.


Estes novos datos suman aínda máis importancia aos Frescos dos Vilares, que siguen agardando unha actuación das administracións que eviten a desaparición definitiva destas xoias pictóricas descubertas en 1991 e que siguen a deteriorarse.


Cinco séculos de história que poden desaparecer en 28 anos para a vergoña da Diócese de Mondoñedo Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Guitiriz cuxa pasividade é a responsábel de que estas pinturas de estilo gótico hispano-flamenco únicas en Galicia podan desaparecer definitivamente. A uns días da celebración das festas da Pascua dos Vilares e da afamada Romaría dos Desamparados, non está de máis lembrar que hai máis de 500 anos os nosos antergos acodían a estas celebracións e ao culto coas paredes da nave antiga da igrexa (S.XII) pintadas con estes frescos. Coas pinturas, catro retábulos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos XVII e XVIII, un adro con muro baixo de pedra con un cruceiro, dúas pías bautismais e un sartego e un fantástico calvario fan unha composición única e destacábel. A restauración dos frescos, ademáis de recuperar un tesouro patrimonial, sopoñería tamén unha importante inxección económica e outro atractivo turístico e cultural na Chaira, tan necesitada de investimento no rural para poñer en valor a súa riqueza paisaxística, etnográfica e a súa história. Gosto de imaxinar nos Vilares a Casa de Díaz Castro convertida na Casa da Xente e centro de peregrinaxe cultural, coa Escola Habaneira da Conchada como centro social con numerosas actividades para a veciñanza, os cobertizos da Feira do Sete restaurados como testemuña do noso pasado recente e a igrexa lucindo fachendosa as súas pinturas para orgullo de Guitiriz e dos visitantes desta obra artística única  no país. Agardemos pois, que pola Pascua, a Virxe dos Desamparados obre o milagro e conmoba a fría conciéncia institucional. Salvemos os frescos dos Vilares, V séculos de nós.


Presentación dun estudo de Ana Naseiro

Redacción. -

O vindeiro venres, 5 de abril de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “A fábrica de tabacos da
Coruña e a fábrica de mistos. Factores de transformación dunha cidade”, da vilalbesa Ana Naseiro Ramudo.
Intervirán no acto, ademais da autora do libro, Paulo Naseiro Ramudo e Marisa Barreiro Mejuto. “Esta obra de Ana Naseiro Ramudo é un ensaio sobre a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos da Coruña, no que se recolle información inédita da súa historia, evolución e conflitos. A través
deste estudo vemos como o desenvolvemento de ambas institucións non foi alleo á evolución da propia cidade e marcou a súa evolución paisaxística, urbanística, económica e social. Un dos capítulos recolle a depuración do persoal da fábrica durante o Franquismo, capítulo pouco coñecido da historia de Fábrica de Tabacos. Esta obra quedou finalista no Premio Manuel Murguía 2017 da Deputación da Coruña.” (acalexandreboveda.gal)
“Este libro é un estudo inédito con novas aportacións a Historia da cidade da Coruña. A Historia Industrial e Urbanística están ligadas nesta investigación, ambas parcelas están bastante esquecidas na historiografía de España, a escasez de estudos destos campos afecta a percepción da evolución da historia social e económica do noso país na época contemporánea. Neste estudo recóllense aspectos novos do devir da cidade herculina a través da investigación e revisión de fontes documentais apenas coñecidas que nos falan de dúas institucións paralelas e innovadoras como foron a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos, que marcaron a evolución social, económica, urbanística e industrial transformando a cidade e o seu entorno e dando paso a modernidade.” (catalogo-rbgalicia.xunta.gal)
ANA NASEIRO RAMUDO é Facultativa de Arquivos do Estado. Actualmente, arquiveira da Oficina Española de Patentes e Marcas. Formouse en Historia Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Biblioteconomía pola Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento coa tese: Evolución Histórica da Descripción Arquivística na España Contemporánea. O xerme desta investigación atópase nun proxeto que coordinou do Arquivo da Delegación do Goberno en Tabacalera conservado no Arquivo Xeral da Administración, onde atopou una línea de investigación descoñecida da Historia da Coruña que lle fixo visitar diversos arquivos dando lugar á presente obra.

5 de abr. de 2019