Redacción.- O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de
Galicia, en representación da Xunta de Goberno, solicitoulle ao novo
conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que faga públicos datos sobre a
crise sanitaria como os casos novos diarios, o tipo de test polo que foron
obtidos ou a incidencia acumulada nos diferentes municipios, en formatos de
datos abertos e reutilizables e inseridos en series históricas completas.
Francisco X. González Sarria, en
representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de
Galicia (CPXG), remitiu esta semana unha carta ao recentemente nomeado como
conselleiro de sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña. Na misiva,
tras darlle os parabéns e desexarlle éxito no cargo, o decano do CPXG exprésalle
a súa preocupación polas dificultades que están a ter os e as xornalistas para
acceder á información no cadro da crise sanitaria da COVID-19.
O Colexio de Xornalistas lembra que a
Xunta de Galicia ten o deber de divulgar todos os datos sobre a pandemia de
maneira accesible para toda a cidadanía, e que o artigo 20 da Constitución
Española recoñece o dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz
por calquera medio de difusión. A libre disposición dos datos sobre a pandemia
para os medios e a cidadanía en xeral permitiría ás e aos profesionais da
información analizar toda unha serie de elementos epidemiolóxicos,
socioeconómicos e demográficos que poden contribuír a entender mellor o
desenvolvemento da pandemia.
Porén, Galicia é neste momento, xunto a
Estremadura, a autonomía máis opaca do Estado na comunicación de datos sobre a
Covid-19, e só algúns autos xudiciais feitos públicos polo Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia permiten coñecer parcialmente algúns datos pormenorizados
sobre a enfermidade, o que provoca ademais unha disparidade na información
dispoñíbel.
Por todo isto, o decano do Colexio de
Xornalistas solicítalle ao conselleiro de sanidade que todos os datos nos que
se basean as decisións que está a tomar a Consellería de Sanidade sexan abertos
para a súa consulta tanto para os e as xornalistas como para a poboación en
xeral. En concreto, reclámase coñecer os casos novos diarios, o tipo de test
polo que foron obtidos ou a incidencia acumulada nos diferentes municipios e
dispoñer desta información en formatos de datos abertos e reutilizables,
inseridos en series históricas completas, que que permitan un seguimento
puntual da incidencia da COVID-19 como o que se está a facer na maioría das
Comunidades Autónomas.
0 comentários :
Danos a túa opinión