Unha lembranza para o Manuel


Moncho Paz.- Manuel María Fernández Teixeiro, o noso lembrado Manuel… Chairego de Outeiro de Rei, galego universal... O cantor da nosa terra, sempre co regato do Cepelo coma fonte de inspiración. Foi un destacado membro da xeración do 50, encargada de recuperar a nosa gloriosa tradición literaria. A primeira referencia súa chegoume na década de 1970, a través das colaboracións que publicaba nos programas das festas do San Ramón de Vilalba. Máis tarde, a comezos dos 80, tiven a oportunidade de coñecelo persoalmente, cando estabamos a preparar o libro “Seis escritores de Vilalba”, editado pola Deputación de Lugo en 1986. Lembro que o Manuel facilitara moitos datos sobre Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, que era un dos seus grandes amigos.


Atopámonos de novo en Monforte de Lemos a finais desa década. En 1989 eu comezaba a exercer o xornalismo como redactor de El Progreso en Lugo e Manuel e Saleta acollíanme -sempre agarimosos- na libraría Xistral cando visitaba a cidade do Cabe, a maioría das veces con Antón Grande, que daquela era o meu compañeiro de fatigas profesionais. En 1993 recibín con ledicia en Madrid os seus parabéns polo limiar que escribira para o primeiro libro de Miguel Barrera, Loita de Silencio, ao que dedicou un fermoso artigo en El Correo Gallego, baixo o título “Poetas transterrados”. De feito, Manuel sempre defendeu a idea da Escola Poética da Terra Chá, que definía como unha patria poética con personalidade propia, e dentro dela, o que deu en chamar "subescola poética vilalbesa", na que encadraba ao Barrera e a moitos outros creadores das novas xeracións.


Coincidimos durante anos nas feiras do libro en distintos lugares da xeografía galaica e tamén nas manifestacións das Letras Galegas en Compostela, ás que eu acudía puntualmente cada 17 de maio en compañía de Xosé Chao Rego. O Manuel levaba á nosa vila no corazón, por iso quixo que o seu discurso de entrada na Real Academia Galega fora lido en Vilalba, nun entrañable acto que se celebrou en febreiro de 2003 e no que recibiu a resposta de Méndez Ferrín. Un ano despois finou na Coruña, e logo do velorio ao que asistimos no Panteón de Galegos Ilustres, foi soterrado no cemiterio de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, como era o seu desexo. Ao Manuel gustáballe dicir "a palabra falada lévaa o vento, mentres a que se escribe, aínda que non se lea nunca, permanece sempre viva". Por iso Manuel María, home bo e xeneroso, segue vivo na nosa memoria e a súa poesía ficará sempre connosco.

10 de set. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión