Grazas por todo, Varela

 

Chema González Barcia.- Non se me fai doado sentarme diante do ordenador para escribir sobre José Antonio Varela Veiga. Sinto as mans atenazadas para teclear algo sobre Varela, como todos o coñecíamos, sobre esa persoa tan humana, tan xenerosa, tan sinxela que nos vén de deixar antonte.


E non se me fai doado porque, dende que onte sábado, ben entrada a noite, Moncho Paz me deu a triste nova que desexaría oír dentro de ben anos, as lembranzas dos bos momentos vividos, pero sobre todo a súa humanidade e bonomía sucédense con rapidez e mesmo afloran aquelas que permanecían esquecidas aló no fondo da memoria.


En setembro de 1979 cheguei ao colexio nº 2 de Vilalba, para exercer por primeira vez todo un curso no mesmo centro de ensino. Atopeime cun director ao que non coñecía de nada, e el a min tampouco, de carácter agradable e sorrinte, que me explicou (“no te preocupes, si tienes algún problema o duda, habla conmigo”, me dixo) o que tiña que dar e que facer naquel colexio novo, o “colexio de abaixo”, como aínda o coñece moita xente de Vilalba, especialmente os que xa van sendo de vello ou van en camiño de selo. Decontado fun vendo a capacidade de liderado -sereo e paciente- que tiña Varela xa non como director, senón tamén como persoa;, e o seu predicamento entre o alunado, o profesorado e os pais e nais.


Pero o que máis me sorprendeu foi o seu comportamento como persoa, xa que, insisto, sen coñecerme de nada, solucionoume, ou alomenos puxo todo o empeño porque grazas a el se solventou, un problema que para min era fundamental naquel momento e que non vou citar precisamente polo carácter persoal e familiar que tén. Naqueles dez meses, Varela non deixou de preocuparse por nós, por min e polos meus, nin un só día, e comportándose coma un segundo pai para min.


Naquel curso 79/80 tiven oportunidade de traballar con el en asuntos internos do colexio, e ver con que tacto resolvía os conflictos máis ou menos intensos que se poden atopar nun centro. Pero tamén puiden apreciar e valorar a súa contundencia á hora de defender o colexio e o profesorado (nunca esquecerei a escena, na dirección do centro, co daquela delegado de Educación, Luciano Asorey, na que este lle preguntaba, supoño que medio de coña, onde estaba a neveira co refresco, e Varela lle dixo que o noso era un colexio pobre, que os poucos cartos que se recibían ían para o que tiñan que ir; a cara de Asorey foi un poema aínda que reaccionou a tempo cun amplo sorriso.


Por cuestións profesionais, tiven que deixar o colexio ao rematar aquel curso, e durante os seguintes dous anos mantivemos unha ampla relación. Pero a casualidade fixo que en setembro de 1982 volvese a aparecer unha praza no xa daquela colexio “Insua Bermúdez”, e non o dubidei nin un só segundo. Chameino por teléfono e díxome “si puedes, vente, que lo que haya que solucionar se solucionará”. Ben dito, e ben feito.


E así foi. Por segunda vez axudoume decisivamente a resolver un problema persoal e por segunda vez demostroume a súa extraordinaria calidade humana, a súa xenerosidade e o seu compromiso co colexio. Aqueles anos, 1982/1985, foron anos nos que se fixeron unha morea de actividades que convertiron ao colexio nun bulideiro. Traballábase de día e de noite, e sobre desto vai outra anécdota: estábamos a preparar a peza de teatro “O Premexentes…” e había que facer os traxes dos paxaros, que eran uns cantos. Claro, había que quedarse de noite, porque o tempo apremiaba. Levábamos dúas ou tres noites ata as tantas preparando os traxes no laboratorio, na segunda planta, cando unha noite, sendo case a unha da mañán, entra pola porta do laboratorio o cabo Currás, da Policía Local, pega un resoplido ao ver o grupo e di: “Don José Antonio, menos mal que está usted aquí. Ya me voy tranquilo”. E sen decir nada máis, o cabo deu media volta e foise. Onde estaba Varela, había serenidade e calma.


Daqueles anos, quedan no colexio os paneis coa prensa antiga de Vilalba, coas reportaxes fotográficas sobre o capón, o queixo de San Simón ou os zoqueiros…; un bo feixe de números do xornal do colexio, A Pravia… en fin. E eso, en gran medida, grazas a Varela. El sempre animaba a facer cousas, e era o primeiro e resolver co concello ou con quen fose aqueles problemas que podían ir xurdindo; porque Varela tiña as portas abertas en todos os sitios.


En setembro de 1985 tiven que deixar o colexio. Seguín mantendo con el certa relación durante uns anos, pero a vida leva a cada quen polo seu camiño. Ainda que os camiños da vida non son quen de borrar esas lembranzas, porque forman parte, neste caso, de min mesmo. E aí estivo, está e estará sempre Varela.


Nestes momentos apesarados, dou por seguro que Varela deixou pouso, moito pouso, entre o alunado que tivo a sorte de telo como mestre ou como director, e tamén entre o profesorado que o tivo, que o tivemos, como compañeiro. Non é doado atopar persoas da calidade humana e bonomía de José Antonio Varela. Polo que a min respecta, eterno recoñecemento, eterna gratitude. Sempre na memoria, sempre no corazón. Grazas por todo, Varela.

4 de out. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión