O charco de Ulises

Redacción. - 

O Centro Dramático Galego estrea O charco de Ulises, unha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico. Do mar ao océano. De Ítaca a Galicia. De Troia a Buenos Aires. Do Mediterráneo ao Atlántico.

Ulises está considerado, na cultura occidental, o primeiro emigrante; o primeiro ser humano que experimentou a nostalxia pola súa terra. En Galicia temos dúas palabras máis para chamarlle a isto: saudade e morriña. Un sentimento complexo, consecuencia dun fenómeno complexo.

A peza transcorre en paralelo co desenvolvemento argumental da obra de Homero: a viaxe de Telémaco na procura de seu pai (visitando a Néstor, a Menelao e Helena...) e a de Ulises polas diferentes illas nas que se atopa con personaxes fantásticos (Calipso, Circe, Nausícaa, Polifemo, o canto das sereas...). Vaise pegando e separando do mito orixinal, xerando un diálogo co clásico para xogar con el, para traizoalo en moitas ocasións e, sobre todo, para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. E tamén para darlle unha nova dimensión ás personaxes femininas que aparecen na Odisea.

Os deuses condenaron a Ulises a permanecer errante durante dez anos como castigo por argallar a trampa do cabalo para destruír Troia. O curioso é que este castigo se desenvolve entre banquetes pantagruélicos, orxías luxuriosas con fermosas ninfas, aventuras inesquecibles, coñecemento de culturas exóticas, salóns de tango nas noites de Buenos Aires...

Moitos emigrantes galegos deixaron mulleres e fillos aquí e fundaron outras familias en América. Gozaron da liberdade da que carecían nas pequenas aldeas das que marchaban. Foi un sufrimento comezar unha nova vida ou unha oportunidade para atopar a felicidade nun país social e economicamente avanzado?

O charco de Ulises trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade —ou non— de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico que marcou a historia do pobo galego.

15 de xan. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión