Redacción. -
O CGAC inaugura en outubro de 2020 a sexta edición do ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil cuxo obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.
O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos, etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.
Nesta edición profundarán no pensamento dos grandes pioneiros co habitual acento nas pioneiras. Viaxarán entre os manifestos de Scott Brown e as conexións arte-industria de Gropius, apoiadas en metodoloxías de educación activa e experimental. As artes aplicadas terán un protagonismo especial da man de Margaret Macdonald e a visión artística estará ligada á parella formada por Christo e Jeanne-Claude, así como á figura de Yona Friedman. Os talleres de febreiro e marzo constitúen pois o particular tributo do CGAC a dous grandes talentos recentemente desaparecidos. Por último, abordarán a práctica do codeseño baseándose nas experiencias de Stanley King e Susan Chung en Vancouver. Pechará o programa anual un taller familiar sobre o activismo artístico e o compromiso coa visibilización da infancia da man de Palle Nielsen.
INSCRICIÓN
Todos os talleres son gratuítos. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.
PROGRAMA TALLERES INFANTÍS 2020/2021
FEBREIRO. Christo e Jeanne-Claude. Land Art
A intervención de edificios a escala natural
Sábado, 27 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 28 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de febreiro
MARZO. Yona Friedman. A arquitectura móbil
Xogos de módulos, crecementos infinitos
Sábado, 27 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 28 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de marzo
ABRIL. Stanley King e Susan Chung. Codeseño
Procesos de participación e análise crítica
Sábado, 24 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 25 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 23 de abriL
TALLER ESPECIAL PARA FAMILIAS
MAIO. Palle Nielsen. Infancia e activismo
A creatividade e a infancia como ferramenta de cambio social
Sábado, 29 de maio. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 30 de maio. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 5 familias / Prazo de inscrición: do 18 ao 28 de maio
O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC poderá variar en función dos posibles cambios normativos relacionados coa COVID-19.
0 comentários :
Danos a túa opinión