A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela, co apoio da Xunta de Galicia, a súa 16ª edición cunha carteleira de películas e actividades paralelas centradas en dar a coñecer os últimos e máis salientables traballos que se están a facer no eido da antropoloxía visual.
Tres espazos de proxección
A programación da Sección Oficial da 16ª MICE poderá seguirse desde as pantallas do Museo do Pobo Galego, do Teatro Principal e do Cinema Númax. Serán 11 películas de sete países (España, Estados Unidos, Francia, Finlandia, Marrocos, Mozambique e Portugal) as que irán a concurso, entre as que se atopan catro filmes galegos: A miña terra, de Santiago D. Risco; Notas sobre a habilitade en A Barca, do Colectivo Semente; A poeta analfabeta, de Sonia Méndez e Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa.
Fóra de competición proxectaranse o documental Negro Púrpura, de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, que abrirá a MICE coa súa preestrea o 6 de abril, ou títulos como Os corpos de Eloy Domínguez Serén, e a mediometraxe Do Not Lean On Door, de Vicente Vázquez.
Actividades paralelas
Entre as actividades paralelas destacan o obradoiro práctico Da investigación á creación biográfica e a exposición Ons soa, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Bellesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na illa de Ons. Esta mostra, que recolle 19 fotografías e outros documentos audiovisuais, quedou inaugurada hoxe no Museo do Pobo Galego, onde se poderá visitar ata o 30 de maio. Como parte desta iniciativa está programada para o 25 de marzo a proxección da película Ons, de Alfonso Zarauza, xunto cunha conversa en liña na que participará Roberto Castiñeira, garda forestal do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
0 comentários :
Danos a túa opinión