Homenaxe a Varela Veiga o 2 de maio

Redacción. -

O vindeiro domingo 2 de maio, ás 12 da mañán, terá lugar nos xardins do Colexio Antonio Insua Bermúdez, de Vilalba, a homenaxe a José Antonio Varela Veiga, primeiro director do centro, finado o pasado 2 de outubro e artífice da rica vida cultural do colexio na década dos oitenta.  

O acto consistirá na inauguración dun monolito conmemorativo elaborado polo artesán chairego Marcos Ladra en pedra de granito provinte das canteiras de Parga. Escoitaranse tamén palabras de lembranza á figura de Varela Veiga por parte dos organizadores e repartirase entre os asistentes un número conmemorativo da revista A Pravia, cabeceira nacida naqueles anos oitenta. O grupo chairego de música tradicional Buxos Verdes amenizará o acto. 

A homenaxe está sufragada polas xenerosas aportacións feitas por antigos alumnos e profesores do CEIP “Insua Bermúdez” de Vilalba ao longo do mes de novembro e primeiros días de decembro que chegaron a sumar 1.647 euros. Tal como a comisión organizadora apuntou cando se deu a coñecer a iniciativa, os cartos sobrantes serán doados á biblioteca escolar do Colexio “Insua Bermúdez”. 

A idea da homenaxe partiu dun grupo de antigos alumnos e compañeiros de Varela Veiga que quixeron agradecer e lembrar públicamente a súa bonhomía e xenerosidade, así como o seu apoio incondicional a toda canta iniciativa se levou a cabo naqueles primeiros anos de andaina do centro. A data orixinal para levala a cabo ía ser o pasado 26 de decembro, pero a situación epidemiolóxica obrigou a adiala ata a primavera. 

Ademais das contribucións dos participantes, a Comisión encargada do proxecto contou coa absoluta disponibilidade da dirección e do claustro do Colexio Insua Bermúdez e a colaboración do Concello de Vilalba e da Asociación Cultural A Voz de Vilalba.

26 de abr. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión