María Xosé Lamas. -
Voando sobre as chairas con ás de verso libre,
nun deixarse levar case controlado
e interperiada baixo o orballo das horas do relente,
chegou onde as ondas rompen na ribeira.
Fuxindo do xugo imposto da gramática,
berrou versos ceibes dos grillóns da norma
parindo imaxes nas apertas a Darío a diario
con bicos sen cadeas.
Montando a tigres coma cabalos,
desarmou a Lili das pistolas denunciando o equilibrio,
ese que resulta da apatía,
que rexeita o caos necesario –imprescindíbel-
para renovar cada día a rebeldía.
Anovando letras nas palabras,
inserindo sintagmas de verdade,
mergullando os dedos -até o puño en alto-
na linguaxe de seu e na de noso,
mudou a escrita das xeracións vindeiras.
Deixándonos noutra intemperie diferente,
sen o abeiro das súas verbas,
hoxe lembramos o seu legado
xestionado tan só en catro décadas.
Grazas, Xela!
0 comentários :
Danos a túa opinión