Redacción. -
Esta quinta edición do Festival de Artes pola Inclusión Cultural, FESTIGUAL, chega a esta segunda semana cargado de citas imprescindibles. Esta semana a inclusión enche ás rúas en forma de exposición de fotografía nos farois, "Unha mirada dende a diversidade". O xoves día 18 o Teatro máis inclusivo tomará o Colón, cunha compañía que nos visita dende Canarias e para rematar unhas xornadas de arte e saúde o sábado 20 na Fundación Luís Seoane.
As rúas de Méndez Núñez, Avenida do Porto, Praza de Lugo e Primo de Rivera- Praza Ourense serán as que acollan a exposición "Unha mirada dende a diversidade". Nós Why Not, a axencia da que nace esta exposición, é a primeira axencia de fotografía formada por persoas con discapacidade intelectual. Cinco retratos, acompañados cada un por unha paisaxe, compoñen esta exposición que nos presenta a cinco fotógrafos e fotógrafas cunha das súas obras. Para coñecer un pouco máis a estas persoas e a súa obra, ampliamos información na web do festival, www.festigual.com.
A Fundación DISA, que promove o teatro como terapia e método de inclusión para persoas con autismo, chega dende Canarias co seu grupo de teatro PlaTEA para presentar "En Busca de Barbarroja". Esta disparatada aventura musical con perspectiva de xénero sobre o famoso pirata e a súa intrépida filla Sister Ping estará no Teatro Colón o día 18 ás 20:00h, a actuación será de balde ata completar aforo.
Para pechar a semana, o sábado a Fundación Luis Seoane acolle a Xornada Arte e Saúde, coa que se quere visibilizar a importancia do arte e a creación como ferramenta para a saúde comunitaria. Estas xornadas están creadas e coordinadas por Rebeca Ponte e Carlota Pérez, e contan coa destacada presenza de Ávaro Prats, Profesor do Master de Arteterapia da Facultade de Girona, e María del Río Diéguez, Responsable do proxectos arteterapéuticos nos hospitais Puerta del Hierro e La Paz de Madrid.
A xornada dará comezo ás 10:00h cunha presentación a cargo da Concelleira de Igualdade Dª Yoya Neira Fernández e se prolongará ata as 14:00h con conferencias e mesas de reflexión e debate. Pola tarde dous obradoiros pechan a xornada, "Un lugar para o Corpo. Performance art dende unha metodoloxía arteterapeutica" e "Conect-ARTE coa túa propia voz".
As prazas ás xornadas son gratuítas baixo inscripción previa. Para anotarse haberá que enviar un email a festigual.coruna@gmail.com indicando se a inscripción é para a mañá ou para algún dos obradoiros da tarde.
O FESTIGUAL é unha iniciativa da Fundación Emalcsa desenvolvida co Concello da Coruña e coa colaboración da Deputación da Coruña, Vegalsa-Eroski e Fundación María José Jove.
0 comentários :
Danos a túa opinión