Manuel Currás e o Himno do Rácing

Mario Paz González.-

Nunha coñecida entrevista concedida en 1956 para a revista Paris Review, o escritor norteamericano William Faulkner dicía que o único xeito que ten un artista de sobrevivir a ese “muro da desaparición final e irrevogable” do esquecemento é deixando tras de si unha peza inmortal. Sen dúbida moitos morren sen chegar a elo. Se cadra, entre outras razóns, pola imposibilidade de agoirar que resistirá ao paso do tempo e por que. Talvez ese non sexa o destino de Manuel Currás Guntín (1908-1955), autor do “Himno do Rácing”.

Nunha tépeda mañá de verán e sopor, Antón Guntín Currás, o seu sobriño, vaime desenleando, con certo desapego e afectuosa distancia, unha manda de andanzas musicais da súa mocidade. Andanzas que amosan o moito que, ás veces, tiña de peripecia case improvisada a constitución de moitas agrupacións, orquestras e bandas baseadas, con todo, nos arduos ensaios e nas abondosas e longas horas de traballo silandeiro. De entre esas andanzas rememoradas xorde a figura do seu tío Manuel Currás Guntín.

Ao velo co violín na man na máis antiga das vellas fotografías, afortunadamente hoxe recuperadas polo Instituto de Estudos Chairegos, un non pode deixar de lembrar aqueloutras imaxes –que nos chegan a través da televisión, os libros ou Internet– dos primeiros bluesmen norteamericanos, aquela rechamante mestura de cantantes rueiros e tabernarios que, practicamente na mesma época que os de aquí, entoaban saudosas baladas e afoutados espirituais polas vilas e cidades do sur dos Estados Unidos. Tanto naquelas fotos como nas do conxunto chairego aprécianse as guitarras e os violíns coma se fosen instrumentos doutra época máis lonxana e dos que, uns e outros, servíanse para amosar o seu devezo de fuxir da resignación dunha vida inzada de fondas limitacións.

É sabido que a gran ebulición cultural das primeiras décadas do século XX deixou en Vilalba, como en moitas outras vilas e cidades galegas, a creación dun bo número de xornais e, asemade, de moitas agrupacións musicais: a “Lira”, a do “Sur”, a “Municipal”… Aí é, nesa escola nada convencional, onde podemos dexergar como encarreirou Manuel Currás a súa andaina primeira. Fíxoo tocando a caixa na “Nova Lira”, unha banda formada a partires da escisión da “Lira” de cinco músicos –o seu pai Manuel Currás “Longo”, os seus tíos Celestino e Xenaro, “Pequecho” Piñeiro e Xosé Fernández “Luta”– aos que, co tempo, virían a engadirse moitos outros. A primeira actuación sería na festa de Vilapedre, malia que entón inda eran para o público “a Banda dos Longos”. O nome definitivo viría pouco despois, case por casualidade, cando un membro da comisión de festas de San Roque, Alfonso Gayoso “Chafarote”, presentounos á concorrencia como a Banda da “Nova Lira”.

O habelencioso Manuel non tardaría en dominar varios instrumentos: o clarinete, o saxo, o violín, a guitarra ou o piano, facendo os exames correspondentes deste último en Compostela. Amais diso, o mesmo que os outros, daba clases de música, polo serán, na casa da rúa Valeriano Valdesuso na que o seu pai tiña a zapatería.

Con todo, a guerra veu esnaquizar moitos soños e obrigou a frear toda actividade cultural. Mesmo o pequeno autobús que adquirira o seu tío Celestino para os desprazamentos foi requisado para levar feridos de Ribadeo á Coruña. Como moitos dos seus compañeiros, Manuel foi destinado como soldado forzoso á retagarda en Grado (Asturias). Alí coincidiría co pintor Laxeiro quen lle regalou un retrato a carbón hoxe perdido.

Co remate da contenda a actividade musical non tardou en reorganizarse de novo. Así, en 1946, formaría parte da Orquestra “Nova Lira”, na que tamén participaron os seus sobriños Antón, Ramón, Pepe..., ademais de Andrés de Moreno e outros. Cómpre lembrar que, ao longo de diferentes momentos desta traxectoria, Manuel foi compoñendo varias pezas, se cadra hoxe esquecidas ou definitivamente perdidas, entre elas unha zarzuela e moita música para comparsas. Tamén musicou o “Himno do Rácing Vilabés”, composto pola poeta local Carmiña Prieto Rouco.

Virían logo anos máis duros. En 1951 a súa muller, coa que casara antes da guerra, deixouno para emigrar cos seus dous fillos á Arxentina. Quen sabe se iso non o deixou atordado, se cadra máis que polo feito en si, por ese costume da rexouba que ás veces gangrena e malogra a convivencia das vilas.

Ao chegar a este punto, a crónica da súa vida tínguese desa saudade propia daquelas xentes que quixeron comezar a vivir nun país que viña de deixar unha fonda ferida nas súa historia e que tentaba coller novos folgos. A crónica da súa vida é, pois, a crónica dun mundo, non sempre infortunado, mais inzado de estreitezas, de certo fatalismo e certa escaseza, un mundo no que os prosaicos atrancos e mesquindades do cotián remataban afogando e impóndose a toda expectativa vital, aos soños máis ilusorios, pero tamén aos máis tanxibles.

É, xa que logo, difícil, por non dicir imposible, mergullarse nos soños alleos. Quen sabe cales puideron ser os de Manuel Currás Guntín. Se cadra gozaría hoxe sabendo que Pepe, un daqueles sobriños que o acompañaban nas verbenas, fundaría anos despois, en 1991, a “Banda de Música de Vilalba”. Se cadra recibiría tamén cun sorriso de agradecemento o feito de que esa mesma banda interpretase o himno que el compuxera moitos anos antes para o equipo local.

Por iso, quizais o seu único legado, o único que o fará sobrevivir ao esquecemento do que falaba Faulkner sexa esa peza musical, ese “Himno do Rácing Clube Vilalbés”. O caso é que, como acontece con moitas outras manifestacións culturais de orixe popular, hoxe a existencia desa peza é algo case invisible, porque pouca xente a coñece, a valora ou é capaz de tarareala, a pesar das versións que circulan por Internet. Tan invisible como a do seu propio autor, cuxa imaxe se nos amosa difusa, esluída entre as doutros familiares e amigos nese pasado en branco e negro das fotografías, ese pasado que é o seu, pero que tamén, gústenos ou non, segue sendo o noso.

Versión roqueira do Himno do Rácing a cargo do grupo galego de rock "A Banda Íntima de Martin Frost"

31 de ago. de 2010

Memoria da Chaira enteira


Redacción.-

A Irmandade Manuel María convoca de novo os actos da "Memoria da Chaira enteira", coincidindo co cabodano do poeta Manuel María, o vindeiro día 8 de setembro.

A xornada comezará ás 15 horas cun xantar de irmandade na casa de turismo rural Río Ladra, en Gaioso (Outeiro de Rei). Ás 17 horas terá lugar un recital de poesía de Manuel María no lugar de Penas de Rodas.

Á 18 horas, celebrarase o tradicional prego no cemiterio de Outeiro de Rei, diante da campa do poeta chairego, e a conticuación, o “Rito compartido da navalla do Manuel”, no Campo de Santa Sabela, coa intervención de Valentín Arias, Miro Casabella, Mini e Mero, Antón Valcarce e Tino Baz.

Para máis información sobre os actos, ou inscribirse no xantar, no teléfono 646413890

30 de ago. de 2010

Inauguración

Redacción.-



Onte inaugurouse a exposición "Tal como eramos V", organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, e que amosará fotografías antigas de Vilalba até o vindeiro 17 de setembro, na sala de exposicións do Auditorio Municipal.

A mostra recolle duascentas trinta fotografías de temática variada, a maioría delas datadas na primeira metade do século XX.

Fotografías: P. Naseiro

28 de ago. de 2010

III Mostra do Traxe Galego e Música Tradicional

Redacción

A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), organiza xunto co concello de Melide a que será a "III Mostra do Traxe Galego e Música Tradicional". Un evento que durante toda a fin de semana contará con actos na Praza do Convento e no Cantón de San Roque de Melide. Sete artesáns expoñerán os seus instrumentos tradicionais, haberá obradoiros de xoguetes sonoros e enredos musicais, exposicións e actuacións musicais.

Durante as xornadas do 28 e 29 de Agosto, no marco incomparable da Praza do Convento de Melide, sete artesáns de instrumentos musicais cos que contará a mostra, abrirannos unha fiestra aos seus obradoiros amosando instrumentos tradicionais de grande valor artístico e histórico: gaitas e requintas, arpas, percusión e zanfonas ou frautas tradicionais estarán á vista de todas as persoas que se acheguen o sábado e o domingo entre as 11 e as 14h da mañá e as 16.30 e as 21h da tarde. Pero haberá moito máis, xa que se trata dunha festa na que non poden faltar as actuacións en directo, obradoiros, o baile tradicional e a foliada.

No apartado das exposicións, haberá dúas citas importantes: por unha banda, unha exposición de traxes tradicionais de grande valor propiedade de Alberto Golpe, que poderá visitarse na Capela de San Antón, e por outra, unha mostra de instrumentos antigos, vestiario, fotografías e outros obxectos relacionados coa música tradicional nas zonas polas que discorre o Camiño de Santiago. Esta mostra, de Pablo Carpintero, estará visible na Praza do Convento, e leva o título de “A música tradicional galega nos camiños xacobeos”, un lema baixo o cal se quixo dedicar todo este evento que empeza a ser unha cita fixa no calendario cultural galego.

Na Mostra tamén terán cabida obradoiros participativos, coma o de enredos musicais, que se celebrará o sábado ás 12h, ou o de xoguetes sonoros, que se realizará o domingo á mesma hora, así como actuacións con grupos de música e baile tradicional que sairán ás rúas ás 18h tanto o sábado como o domingo.

O domingo ás 19.30 terá lugar o desfile de traxes tradicionais da man da Asociación do Traxe Galego, que se realizará no Cantón de San Roque, e así mesmo, para finalizar o día, o sábado ás 23h, no Cantón de San Roque, ofrecerán un concerto as pandereteiras de Limagoia, e o domingo ás 22h na Praza do Convento, terá lugar un concerto a cargo do cuarteto de música tradicional Ludovaina.

Todas as actuacións serán con acceso gratuíto.

27 de ago. de 2010

A Porta de Cima

Martín Seco García

Unha vez que comeza a verse o resultado das obras de rehabilitación da rúa Porta Decima, cun resultado que os socialistas valoramos positivamente. Dende o noso grupo político, observamos como chegan certas informacións, esgrimidas por algún veciño da zona, xunto coa colocación de mobiliario decorativo na entrada da rúa, que fan que exista a posibilidade de que o Grupo de Goberno do Partido Popular, poida estar valorando a peonalización de dita rúa do noso casco histórico, e digo observamos, posto que ninguén do Grupo Municipal Socialista, como ven sendo habitual nesta lexislatura, foi avisado de tal posibilidade polos gobernantes do Partido Popular, en ningunha reunión oficial, extraoficial, nin tan sequera cunha simple chamada telefónica a nosa portavoz ou a algún membro do noso grupo.

Se fose certa dita información ou simplemente a existencia de dita posibilidade, dende o Grupo Municipal Socialista aplaudimos ao señor Alcalde e o PP para que continúen adiante con esta peonalización, que dende fai moitos anos, este e os anteriores grupos municipais socialistas, reivindicaron publicamente e que tamén incluíron nos sucesivos programas políticos de cara ás citas electorais. Animamos tamén ó PP a que este, sexa o primeiro paso, de cara a unha maior peonalización da zona vella do noso casco histórico, que continúe coa Praza de Santa María e algunha das rúas que levan a ela, sabendo que contan co leal apoio do grupo maioritario da oposición para facelo. Tamén queremos animar a aqueles veciños, que non teñan clara dita peonalización, a que pensen a que a medio e longo prazo serán os grandes beneficiados desta decisión, como sucedeu neutros concellos do noso entorno, en que moitos veciños, tamén dubidaron da idoneidade de facelo e que agora están encantados con que se tomaran estas decisións no seu tempo.

Nada máis que rexeitar o xeito tan pouco transparente e democrático co que o PP segue a tratar ao partido maioritario na oposición, que ten que decatarse dos novos proxectos que quere desenrolar o Grupo de Goberno da nosa vila, polos comentarios de veciños ou por informacións dos medios de comunicación, sen que exista por parte do Alcalde nin do seu grupo, nin unha soa chamada aos membros do noso grupo, nin a convocatoria da nosa Portavoz para informala ou buscar puntos de encontro co noso grupo. Sendo de maior gravidade, que nin tan sequera se intentase informar deste tema aos membros da oposición, nunha recente comisión de urbanismo celebrada a finais de Xuño, cando os nosos gobernantes xa deberían de ser coñecedores deste cambio de proxecto para a Porta Decima, tendo en conta que sobre esta rehabilitación, o noso grupo, preguntou polo menos en dúas ocasións en ditas comisións, sen ter sido informada sobre ningunha posibilidade de peonalización. Esperamos e desexamos para este final de lexislatura, un cambio de actitude no PP, posto que dende o grupo municipal socialista, ansiamos poder colaborar lealmente co grupo de goberno en aqueles asuntos de interese para o noso concello e só o comportamento de boicot do PP cara a nós, fai imposible que así sexa.

Festas


María Xosé Lamas.-

Dende mediada a primavera até ben entrado o outono os nosos pobos engalánanse para celebrar as festas do patrón, e isto dende tempos que non abrangue a memoria. Constitúen feitos sociais dos que antes, mais ca no momento actual, non se podía prescindir. Non obstante e a pesar de que cada ano auguramos que se vai perdendo a tradición, seguen a estar presentes e cumpren coa finalidade principal do reencontro, aínda que perderan a do divertimento único que antigamente posuían.

Na parroquia de Vilapedre, no primeiro terzo do s.XX, festexábanse catro datas dedicadas aos respectivos santos: polo vinte de maio os Milagros, que era a festa maior e adoitaba durar dous días; en xuño o santo Antón, en setembro o san Mamede e en outubro o santo Estevo.
Eran xornadas de referencia para todo o ano, xa que nelas se pensaba á hora de manter un bo galo, gardar unha galiña vella ou reservar un cabuxo ou un año cos que contar para ditas celebracións.

Unhas semanas antes da festa, a siña Remedios ía á canteira de cabanas para catar unha saquetada de area branca coa que fregar cun cepillo de raíz e de xeonllos as escadas, pisos, mesas e bancos de madeira de toda a casa, ademais das chinelas novas que habían de ser vistas na misa, procesión e baile o día da festa. Tamén lavaba toda a roupa das camas: sabas de algodón, cobertores de lá e colchas de trapos tecidas no tear, que levaba varias xornadas de traballo no río, pois había que mollalas, darlles xabón, clarealas ao sol, petalas sobre as chantas que facían de lavadoiros e aclaralas, para que enxugaran enriba da silveira até que valeran para por nas camas. Baleiraba os xergóns de folla de millo ou de lá enchéndoos con máis folla picada ou cardando os vellóns da lá que se facían co uso. Deste xeito a casa toda cheiraba a limpo.

A poucos días do día grande, o Golpe mataba os bechos que a súa dona prepararía adubándoos ao xeito e cocían a fornada de pan trigo, pois o resto do ano comíase centeo. A véspera mesmo era o día dos doces: biscoitos, brazos recheos, roscas…. e de facer a manteiga e o queixo fresco. Naqueles tempos non se desperdiciaba nada. O leite que ficaba na nateira despois de callar a tona, leite da roda, servía de bebida; o soro que quedaba do queixo fervíase e coa súa tona, o cáparo, facíanse sopas para a cea.

Á festa estaban convidados os membros da familia e amigos. Era un día de abundancia e todos os seres queridos tiñan que partillala. Na casa dos ramistas, ademais, adoitaban comer os músicos. Despois de asistir á misa e á procesión, cousa que a siña Remedios coma moitas amas de casa nunca pisaban, chegaban os comensais ante unha mesa cuberta co mellor mantel e servida cos mellores cubertos e cristalería. Nela había varias balugas de manteiga sobre tenras follas de verza e azucre que se comía de entrante . O primeiro prato era a sopa do cocido, que se servía a continuación como segundo. Despois chegaba o asado e para remate o arroz con coello. De sobremesa os doces, o queixo, licores e café. Os comensais erguíanse da mesa á noitiña xa con gañas de baile.

A verbena corría a cargo das máis prestixiosas orquestras dos arredores, como acontecera xa coa procesión da mañá. A orquestra de Os do Alto, do Xestoso; a das Pontes, a de Burgás, a de Cabreiros e a de Rodrigo de As Pontes, a máis importante xunto coas dúas da vila – a dos Longos e a dos Matos- amenizaban en cada xeira festiva as noites dos chairegos e chairegas. Eran músicos auténticos que tocaban en directo e por partitura as pezas musicais, sen megafonía de ningunha clase. O vocalista axudábase dunha especie de embude ( que nunca chegaba a ser megáfono) para proxectar a súa voz sen que se vira apagada polos instrumentos. Pasodobres, tangos, valses e música tradicional e lixeira da época soaba dende o reducido palco para engaiolamento dos veciños e veciñas que bailando estreitaban lazos de amizade e incluso de amor en moitos casos. Os máis novos tamén tiñan tómbolas, tiros e carriolas onde se divertiren e cando remataban as poucas perras gordas das que dispuñan, xogar ás agachadas ou ás pilladas era sempre un bo divertimento, aínda que os máis fervellasverzas gozaban con se meter con algún pasado de alcohol ou algunha parella coñecida.

Grandes e pequenos vivían experiencias que se trocarían despois en motivo de conversas até chegar a próxima festa.

26 de ago. de 2010

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

Todos contra o lume

Antonio Cendán Fraga


Durante moito tempo esta expresión, da que incluso se faría unha versión melódica, era o eslogán que se escoitaba en emisoras de radio e de televisión para tratar de derrotar ese temible inimigo que durante os distintos veráns arrasa as frondosidades galegas. Non faltaron nunca argumentos, teorías e hipóteses sobre que ou quen se atopa detrás do lume forestal, polo que non é o momento para recrearse en asuntos que están de sobra comentados.

Este ano pasará á historia como un dos máis tristes desta terrible lacra en Galicia, polo falecemento de dúas persoas que estaban a traballar moi dignamente apagando varios focos incendiarios. Non é necesario dicir que valían máis as dúas vidas que canta superficie de monte se poida queimar non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado.

Malia estes desafortunados acontecementos, cómpre salientar tamén a capacidade de resposta da clase política galega que soubo estar á altura das circunstancias. Neste sentido, o titular de Medio Rural, Samuel Juárez, deu as oportunas explicacións e evitou calquera tipo de dramatismo que puidese afondar aínda máis na ferida. Do mesmo xeito, a oposición tamén tivo altura de miras e evitou facer demagoxia cun asunto que involucra directamente a todos os sectores sociais.

Precisamente ese oportunismo político, do que non fixeron gala BNG e PSOE, faltoulle ao líder da oposición en Madrid, Mariano Rajoy en 2006, quen agora está agochado e mira cara a outro lado. Daquela, na primeira quincena de agosto daquel desgraciado verán, Galicia ardera polos catro costados, sendo a zona das Rías Baixas a máis afectada. Malia a dignidade amosada polo daquela responsable de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, non faltou quen se lle votara enriba e moi especialmente o señor Rajoy, que pedira a súa dimisión, ademais de amosarse de xeito especialmente contumaz contra a política antiincendiaria do Goberno galego daquel tempo.

Catro anos despois, aínda que os titulares da Xunta son distintos, os efectos do lume son os mesmos, cando non máis dramáticos polo triste suceso deste verán. Nesta ocasión, Rajoy non saíu á palestra como fixera naquela ocasión, o que amosa que a súa suposta terra lle interesa pouco ou practicamente nada.

Se cadra, e despois da desgraciada experiencia que vimos de sufrir, a moitos dos que fixeron demagoxia coa política antiincendiaria deberán facer un exame de conciencia. E ao igual que todos temos que estar contra o lume, hai que lembrarlles tamén que co lume tampouco se xoga.

25 de ago. de 2010

Axudas ás festas populares

Redacción

Unha fin de semana máis foron moitas as festas e romerías que se benefeciaron do programa posto en marcha pola vicepresidencia da Deputación de Lugo en colaboración con Caixa Galicia para promover as actuacións de grupos de música tradicional, bandas de música e corais. Nesta fin de semana o grupo de música tradicional ABRENTE amenizou as festas da parroquia de Castelo no concello de As Nogais; a banda de música de As Nogais participou nas festas de Agüeira no concello de Becerrea e o grupo de música tradicional LEÑA VERDE de Pol interpretou o seu repertorio nas festas da parroquia de Bretoña no concello chairego da Pastoriza.

Para levar a cabo este labor, a Deputación costea a actuación destes grupos musicais evitando así que as comisións de festas, principalmente as das vilas e aldeas máis pequenas, vexan reducido o seu orzamento de xeito considerable. Con esta iniciativa, a Área de Cultura pretende ofrecerlle tamén ás propias agrupacións musicais a posibilidade de actuar noutros lugares e de medrar profesionalmente xestionándolles actuacións ao longo do ano. Ademais este programa supón un importante estímulo para as agrupacións e entidades asociativas que teñen actividade musical e poden, deste xeito, amosar o seu bo facer en numerosos concellos de Lugo.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro as solicitudes presentadas polos representantes das comisións de festas, e xestionadas pola Área de Cultura, incrementaron notablemente coincidindo coa etapa do ano na que se concentran a inmensa maioría das festas e romarías: o verán.

Actividades no GALIBUDO 2010 de Vilalba

Redacción

O primeiro domingo de Setembro, día 5, celebrarase en Vilalba, no marco da IX Convención Internacional de Artes Marciais "GALIBUDO-10", un seminario de iniciación ao Kouk Sun Do. O Kouk Sun Do é un metodo tradicional coreano para conservar a saúde e a enerxía tendo como principal obxectivo que os seus practicantes acaden unha forma física e mental a través da meditación, respiración abdominal e exercicios especiais. O seminario estará impartido polo Gran Mestre Chong Sung Kim Choi, maximo expoñente desta disciplina en Europa e, ao mesmo tempo, tamén o maximo grao de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan en Europa. O seminario celebrásese entre as 9.30 e as 13.30 e tendra un custo de 20 euros, para maior informacion contactar co Ximnasio Sport Center de Villalba no 982.511210. Os asistentes deberan levar roupa comoda e frouxa preferentemente de cores claras.

Tamén está aberto o prazo de inscrición para participar nas diversas actividades que se desenvolvesen no transcurso da IX edición de GALIBUDO, unha das máis importantes convencións de artes marciais que se celebran en Galicia. O prazo remata o día 31 de Agosto, e as inscricións poderán realizarse tamén nas instalacións do Ximnasio Sport Center.

GALIBUDO comeza o venres dia 3 celebrando ás 19.00 h. a reunion dos integrantes do Círculo Internacional Amigos das Artes Marciais. Ás 20.30 procederase a presentar a Asociación Cultural Recreativa e Deportiva WORLD MOO DUK KWAN. Trátase dunha asociacion de carácter internacional que ten como principal obxectivo profundar no estudo do Tae Kwon-Do así como doutras Artes Marciais Coreanas, divulgar a cultura e filosofia oriental coreana, e ser un punto de encontro internacional entre todos aqueles que entendan práctica do Tae Kwon-Do como algo mais que un deporte.

Na xornada do sábado no pabellon municipal dos deportes se impartirán uns obradoiros prácticos a cargo do mestres D. Francisco Gomez (C.N. 10 DAN Ju Jutsu), D. Francisco Paredes (C.N.7º DAN Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan) e D. Luciano Moura (mestre fundador Kimourado), estas clases prácticas levan un enfoque especial á defensa persoal feminina.

En sesión de tarde no salon de actos da casa da cultura de Villalba celebrásese unha charla/coloquio enfocada a explicar procedementos a seguir co uso das Artes Marciais nos corpos de seguridade e tambien tratarase sobre as consecuencias penais nas agresións entre civís; estes relatorios seran expostas por dous instrutores da Garda Civil.

Xornadas Internacionais de Adestramento en Vilalba

Redacción

O delegado de Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou o pasado 23 de agosto aos participantes nas xornadas Internacionais de adestramento que se están a desenvolver no auditorio de Vilalba, unha actividade que se desenvolve para achegar aos loitadores de Galiza cos profesionais a nivel internacional, para que deste xeito os galegos poidan aprender e convivir con eles.

Nesta ocasión, as xornadas contan con Alexis Rodríguez, un dos loitadores máis recoñecidos a nivel mundial, que ten no seu poder o título de campión do mundo no 98 sénior e bronce na Olimpíada de Sydney, entre outros. Como explicou Iván Castro, adestrador das escolas, “Alexis ten como obxectivo principal adestrar e axudar a mellorar a José Cuba, que loitará o 12 de setembro no campionato do mundo, e a estancia do loitador cubano tamén se aproveita para que outros deportistas, como José Luis Puentes, tamén do Clube de Vilalba, preparen a súa participación nos campionatos do mundo universitarios, que terán lugar este ano en Italia”.

Antonio Veiga deu os “parabéns tanto ao clube de loita como á Federación polo traballo que están facendo por este deporte, co que a Área colabora de moi bo grao xa que nestes tempos é difícil pero non deixa de ser importante darlle a difusión que se merece á este tipo de actividades”.

Alexis Rodríguez é o segundo deportista internacional que é convidado a estas xornadas organizadas polo club vilalbés e coas que colabora a Área de Deportes da Deputación, que comezaron hai un mes e medio coa presenza do ucraíno Sergey Priadum.

Tal como eramos V


Redacción

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) inaugura o vindeiro venres 27 de agosto, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, a mostra fotográfica Tal como eramos. Fotos para o recordo, que chega á súa V edición.

A devandita mostra está integrada pola reprodución de 230 fotografías de temática variada (Entroido, deportes, celebracións, actos relixiosos, feiras e festas, música, nenas e nenos, grupos, oficios e actividades, paisaxes e recantos, paseos, etc.) e a maioría delas corresponden á 1ª metade do pasado século XX. Todas proceden da fototeca do IESCHA, e que é posible grazas ás aportacións de moitos veciños e veciñas de Vilalba e do conxunto da Chaira.

Tal como eramos V poderá ser contemplada entre o día 27 de agosto e o 17 de setembro na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba. O acto oficial de inauguración terá lugar o venres 27 ás 20:30 horas do serán.

24 de ago. de 2010

Art Notes e a avangarda da arte galega

Redacción

O sábado 14 de agosto distribúese conxuntamente con El Correo Gallego, o primeiro número de ART NOTES, un suplemento de periodicidade trimestral que naceu coa intención de continuar co proxecto de difusión da cultura e a arte contemporánea que a editorial Anotarte SL mantén coa súa revista ART-NOTES desde fai seis anos.

Nestes anos o seu principal obxectivo foi ofrecer unha lectura crítica e informativa sobre a actualidade artística contemporánea; prestando unha especial atención a aqueles proxectos desenvolvidos desde Galicia, seguindo a traxectoria de artistas galegos (dentro e fóra das nosas fronteiras) e acompañando ás galerías ou os centros de arte do noso contexto.

Durante este tempo, publicouse a revista cada dous meses, e a editorial ten participado nas máis importantes feiras de arte, tanto nacionais como internacionais. Na actualidade, e sempre co ánimo de seguir crecendo neste medio, tense consolidado unha plataforma e recursos web (www.artnotes.info) baixo a estrutura medial de ART NOTES.

Co acordo de colaboración co diario El Correo Gallego, ART NOTES. Edición Prensa, aumenta a súa participación no eido informativo estreando un novo soporte co que agardan responder ás expectativas de todos os seus seguidores. ART NOTES. Edición Prensa nace baixo a intención de continuar coa difusión da cultura e a arte, mantendo o mesmo empeño e ambición dos últimos seis anos, coa certeza de que é necesaria unha información crítica e plural, e co convencemento de que a produción artística realizada desde Galicia sitúase no mesmo nivel competitivo que a arte internacional, razón pola que están dispostos a seguir traballando.

23 de ago. de 2010

"Festa da Istoria" en Ribadavia

Redacción

O vindeiro fin de semana celebrarase a "Festa da Istoria" en Ribadavia. Este acontecemento recorda, ano tras ano, a historia da Vila e a súa Bisbarra, achegando ao presente as tradicións e vivencias de épocas pasadas nunha recreación medieval onde se encontran representadas as distintas culturas, relixións, oficios e clases sociais daquela época.

Recuperar a Festa foi un esforzo da xa desaparecida "Escola Taller de Santo Andrés". A testemuña fué recollida polo pobo, que representado por unha Coordionadora Veciñal a segue representando todos os anos, contando para iso cun gran número de voluntarios.

O esforzo de todo un ano, non só queda representado neste día, senón que durante todo o ano a Coordinadora leva a cabo diversas actividades organizando cursos, talleres artesáns, recuperación de xogos populares, exposicións, etc. posibilitando así o enriquecemento cultural da Bisbarra.

Non cabe dúbida de que a actividade principal é a "Festa da Istoria" e para iso non se escatiman esforzos que se ven recompensados polos distintos recoñecementos a nivel rexional, estatal e internacional (Declarada de Interese Turístico Nacional, Premio Canle da Historia...).

Mine Kawakami ofrece catro concertos en Galicia

Redacción

A pianista xaponesa Mine Kawakami ofrece este verán en Galicia, en agosto e setembro, catro concertos que forman parte do Camiño da Música da programación deseñada para este Ano Santo. O espectáculo audiovisual Un piano no Camiño, inspirado no Camiño de Santiago, nas súas paisaxes e nas súas xentes, pasará por Pontevedra, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo. A xira da pianista, que xa actuou en Pontevedra e Ourense, recalará en Santiago de Compostela o martes 24 de agosto, onde actuará a partir das 22.00 horas nun concerto enmarcado no Festival dos Abrazos e que terá lugar en Bonaval. Por último, o 5 de setembro desprazarase a Lugo para actuar ás 21.00 horas na Praza de Santa María.

Os protagonistas do espectáculo de Mine Kawakami son un piano de cola e o Camiño de Santiago, xa que a pianista aposta por unha posta en escena moi sinxela na que destaca o seu virtuosismo musical. En Un piano no Camiño, a pianista xaponesa retoma a súa formación clásica e dota ás súas composicións dun estilo no que se aprecia a influencia das súas raíces xaponesas.

O resultado é un proxecto de nove pezas musicais de gran complexidade, que reflicten o crecemento persoal, o esforzo e a vitalidade da artista. Para completar o espectáculo audiovisual, realizouse unha coidada selección de imaxes tomadas no Camiño de Santiago polo fotógrafo xaponés Jiro Hirayama. Grazas o impulso de Xacobeo 2010, nos próximos meses Mine Kawakami lanzará este proxecto audiovisual ao mercado español a través dun novo disco que levará por título O Meu Camiño.

20 de ago. de 2010

Apertura dos Xardíns da Deputación

Redacción

Coa entrada do novo goberno na Deputación de Lugo, desde a súa Área de Cultura púxose en marcha hai tres veráns o programa Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación, unha iniciativa que pretendía ser unha alternativa cultural e de ocio para as e os lucenses logo de observar a escasa oferta cultural do verán en Lugo. Dalgún modo, foi o símbolo de apertura á sociedade da Deputación, abrindo para elo o acceso á cidadanía a un lugar privilexiado, que sempre estivo pechado a cal e canto para este tipo de actividades, coma son os xardíns interiores da Deputación. Con Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación conseguiu ademais racharse outros tópicos, como a inexistencia de actividades culturais en Lugo na temporada estival e que en Lugo, polo verán, a xente que queda sen vacacións non acude a este tipo de eventos.

Neste terceiro ano consecutivo que desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo se pon en marcha o programa Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación puidemos constatar como as diferentes actividades e concertos remataron cun éxito rotundo pola afluencia do público, polo que os concertos e actividades nos xardíns consolidáronse nestes 3 anos como a alternativa cultural do verán lucense.

Ademais do éxito da programación de concertos dos xoves á noitiña, os que se confirmaron como a alternativa de ocio para as familias lucenses no verán foron os Mércores Miúdos. Desde que se puxeron en marcha o ano pasado debido á carencia deste tipo de actividades no verán en Lugo, cada actividade pensada para nenos e nenas que se organiza os mércores de xullo e o primeiro de agosto é un auténtico éxito.

Este ano, ademais, a programación dos xoves de Cultura Aberta foi un rotundo éxito de público (superando as 3000 persoas entre todos os seus espectáculos), xa que, ademais de enchérense até os topes os Xardíns coa estrea do novo espectáculo de Carlos Blanco xunto ao Sérgio Tannus Trío a semana pasada, permitiu que chegasen a Lugo músicas representativas das diferentes culturas do Estado, desde uns Txalapartaris a un autor de canción protesta catalán, pasando pola fusión dos ritmos galegos e balcánicos dos Festicultores e a lingua irmá, a portuguesa, cos angolanos de Katembe Project.

Desde a Área de Cultura da Deputación valórase esta exitosa iniciativa como un exemplo de como cun orzamento axustado aos tempos que corren, pensando e programando as mellores alternativas, se lle pode dar á cidadanía, nenos e nenas e adultos, unha programación cultural de calidade que encha o baleiro de alternativas de ocio cultural no verán lucense.

Por todo isto, agárdase que o vindeiro ano esta programación teña unha continuidade e a poboación lucense non deixe de gozar cos diferentes espectáculos e actividades infantís que a Área de Cultura da Deputación de Lugo ideou realizar no verán hai xa tres anos.

18 de ago. de 2010

Vacacións


María Xosé Lamas

Este termo, vacacións, que tanto nos agrada hoxe, non existía no dicionario do Golpe nin de ningún labrego. As tarefas da terra e do gando eran escravas e non deixaban apenas tempo de lecer.

Non obstante, sempre facían por ir dar os baños chegado o mes da sega. Na lúa de agosto polo entre lusco e fusco, o Golpe e a súa dona ían a calquera das dúas charcas de augas curativas que había na bisbarra: a do Alligal en Codesido ea do Ribado en Lanzós. Os baños tiñan que efectuarse nove días seguidos co fin de que serviran pera previr catarros e reumas durante todo o ano e, despois de cada baño, beber auga das fontes respectivas.

É curioso o feito de que tiveran que ser exactamente nove baños, sempre me preguntei o porqué desta cantidade que se repite en moitas das crenzas e lendas que forman parte da nosa cultura. Pois tamén se conta que para acadar a fertilidade, por exemplo, había que saltar nove ondas na praia da Lanzada. Indagando sobre este feito atopei que o número 9 era chamado polos pitagóricos “O Alfa e a Omega”, o primeiro cadrado dun número impar. Tamén se denominou como o número do Home, porque a súa xestación dura nove meses. O único número capaz de dar vida a calquera outro número de aí que se lle chame o número perfecto, porque nunca se destrúe. Segundo as ensinanzas místicas, é o número das esferas a través das que a conciencia emprende a viaxe ao nacemento.

Non sei se o Golpe coñecía o significado dese número, pero si respectaba a tradición e cría nela. Do mesmo xeito, lembro que me tiña informado que non se podían mesturar os baños de auga doce cos da auga salgada, pero descoñezo a razón desta sentenza.

Cando xa maiores deixaron de pagar o censo para cobrar o subsidio, venderon as tres vacas que posuían e ficaron só co gando miúdo; deste xeito tamén se aliviaron de moitas tarefas agrícolas, o que lles permitía dispoñer de máis tempo. Foi así como trocaron as charcas pola praia.

O seu lugar preferido era Viveiro, pois coñecían xente alí. Alugaban en Covas un cuarto con dereito a cociña durante uns días e daban os baños na auga fría da súa praia longal todas as mañás case ao raiar do día. O resto do tempo dedicábano a gozar da paisaxe mariñá, tan distinta da que ollaban a cotío na aba do monte , fronteira da Chaira, onde se atopa Vilapedre. O Golpe camiñaba pola vila e arredores parolando con quen lle dera conversa e, tanto el como a súa dona, non se perdían o mercado semanal na Praza Maior de Viveiro no que aproveitaba para expor as súas zocas de adorno que todo o mundo admiraba. Polas noites, mentres a súa dona calcetaba os carpíns para o inverno coas súas catro espitas, aproveitaba para fumar unha dose de picadura na súa pipa de buxo. Así transcorrían uns días máxicos que rachaban a rutina do resto do ano. Velaí como á fin souberon o que era o veraneo.

17 de ago. de 2010

Visitas ao Castelo de Pambre

Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado, asinaron a comezos de agosto un convenio de colaboración para a apertura e visitas públicas ao Castelo de Pambre. O obxecto do convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello é establecer as condicións necesarias para a apertura e visita pública a un monumento tan importante como o Castelo de Pambre. O Concello de Palas de Rei formalizará unha póliza de seguro para cubrir os danos que poidan sufrir os visitantes ao Castelo dentro das súas instalacións e durante o tempo que duren as visitas. Asemade, comprométese a levar a cabo a limpeza exterior da fortaleza.

O custo total de todas as actuacións derivadas da execución deste convenio acada un importe total de 16.000 euros, dos que 10.000 euros serán financiados pola Consellería de Cultura e Turismo. Con esta cantidade levaranse a cabo as actuacións necesarias para establecer o réxime de visitas ao Castelo de Pambre e os custos derivados destas actuacións, como son a seguridade, a sinalización e a promoción e información sobre as visitas.

O horario para a realización destas visitas, que serán gratuítas, é o seguinte:

- Horario de verán: Todos os días de 11.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
- Resto do ano: Todos os días de 11.00 a 13.00 horas e de 14.00 a 20.00 horas.

O Castelo de Pambre goza dunha súa situación estratéxica en Palas de Rei, en pleno Camiño de Santiago, e posúe un gran valor histórico e arquitectónico. Coa apertura ao público desta fortaleza potenciarase a promoción do Camiño de Santiago e será unha fonte de atracción turística para Galicia, posto que se trata dun valor patrimonial de enorme importancia. Este monumento, de longa traxectoria histórica e cuxa construción data do século XIV, está tamén catalogado como Ben de Interese Cultural.

Tres almas, tres Galicias


Fermín Bouza

O excelente artigo de Suso de Toro en El País, nuestra irrelevancia, reflexiona sobre as dúas patas históricas da esquerda galega do posfranquismo (PSdG e UPG/BNG), e sobre o fraguismo (PP de Galicia), nun alarde de pesimismo/optimismo que incita ao debate, e eu celébroo. Estou esencialmente de acordo con Suso, e desde ese acordo tomo o relevo do seu artigo e alóngoo.

É probable que as eleccións municipais manteñan as cousas tal como están, non tanto polos acertos de ninguén como pola singular torpeza dun PP que encalla nas rochas de Galicia, nacionalidade constantemente, empezando pola lingua, a súa gran desfeita desde o comezo da lexislatura autonómica: iso limítao extraordinariamente como partido galego e redúceo a unha mala franquía dun PP estatal cada vez máis antiperiférico e máis inclinado cara á extrema dereita, mesmo nalgúns dos seus líderes.

Galicia non é allea a esa movida "central-rexeneracionista" (aquí toma a forma de rexionalismo español en boca de Feijóo) e non só non é allea senón que a atopa nun dos seus peores momentos da historia recente, coa oposición bastante desarbolada, na que un PSdG-PSOE que trata de tomar o camiño do galeguismo (Quintanilla) que abandonou despois da guerra civil, de forma moi incipiente e vacilante aínda, encóntrase ou desencóntrase cun BNG-UPG que non é capaz de romper o seu moi baixo teito actual e que dá unha imaxe arqueolóxica dun galeguismo/nacionalismo moi afastado xa de Castelao e a súa xente e máis próximo a un certo remake dos anos 60, que deus teña na súa gloria e que vivín de preto con algunhas destas xentes, sempre ben intencionadas e que, de feito, recolocaron ao galeguismo na mesa política.

Ese é o seu mérito, pero xa non é suficiente: necesitamos un Concilio para aclarar as cousas, que diría Roma. Por se serve de consolo, non creo que perigen as cidades nas municipais. Verémolo. Precisamos cambiar, sobre todo os dous elefantes políticos, o BNG e o PSdG. Nin o antigaleguismo de Francisco Vázquez e os seus simpatizantes no PSOE-PSdG nin o fondo arqueolóxico, retórico e tópico do BNG-UPG axudan moito. Alguén debe tentalo antes de que haxa que cambialo todo, co risco que isto ten. Ao choio, pois.

16 de ago. de 2010

Expreso Ribeira Sacra

Redacción

Como este verán non hai catamaráns polos Canóns do Sil, o descenso do nivel de río polas obras de Iberdrola no curso do río fixo que os responsables de turismo da Ribeira Sacra buscasen unha alternativa para os visitantes. E atopárona no Museo do Ferrocarril de Monforte. O tren de época Galaico Expreso oferta por vez primeira a ocasión de coñecer desde as vías este lugar único.

As deputacións de Lugo e de Ourense, os concellos da Cidade das Burgas e mais de Monforte, entre outras entidades, son as responsables de pór a andar este programa. Cada fin de semana, ata o vindeiro 19 de setembro, percorridos entre Monforte e Ourense, con parada nos Peares permiten ver cunha nova perspectiva unha das comarcas mais recoñecidas do país. O convoi, conformado con maquinaria que se recuperou no Museo do Ferrocarril de Galicia, inclúe servizos como un vagón para proxectar audiovisuais, outro con información turística, dous con compartimentos e mais un coche restaurante. Está previsto que as actividades deste tren continúen ao longo do vindeiro ano.

Obras de restauración do reloxio da torre da catedral compostelá

Redacción

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado día 12 de agosto a resolución da Consellería de Cultura e Turismo pola que se anuncia a licitación, polo procedemento aberto con pluralidade de criterios, do contrato de obras de restauración da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago. As obras de restauración da Torre terán un prazo de execución dun máximo de doce meses e dun mínimo de nove, cun orzamento total cifrado en 498.145 euros distribuído en dúas anualidades.

A torre do reloxo da Catedral de Santiago de Compostela presenta unha serie de patoloxías que fan necesaria a actuación sobre a mesma para garantir a súa mellor conservación. Estes problemas teñen a súa orixe en causas como a acción dos axentes meteorolóxicos que provocan a colonización pola vexetación das xuntas abertas entre os sillares, deterioro de elementos pétreos por diversas causas, tanto naturais como antrópicas ou a deposición de sucidade sobre as fábricas.

As actuacións contempladas no proxecto teñen como obxectivo a restauración da torre, incluíndo principalmente a limpeza, saneamento e selado dos muros, e restauración de varandas e outras pezas de cantería na súa fábrica mural. Estas actuacións están extraídas do Plan Director da Catedral, onde se incorpora tamén a actuación sobre a escaleira de caracol e outras cuestións que tamén merecen consideración.

A Catedral de Santiago de Compostela ten a consideración de Ben de interese Cultural, BIC, coa categoría de Monumento, declarado pola Lei de 26 de agosto de 1896.

15 de ago. de 2010

Mostra virtual de Xesús Trastoy Saavedra

Redacción

Desde o pasado mes de xullo o pintor chairego Xesús Trastoy Saavedra (Vilalba, 1941), de formación autodidacta, vén amosando en Internet unha mostra virtual do seu quefacer artístico que se pode visitar no seguinte enlace: http://jesuspintura.blogspot.com/

14 de ago. de 2010

Mañá comeza o "Fútbol Sala no Camiño"

Redacción

O proxecto "Fútbol Sala no Camiño" enmárcase dentro do Camiño do Deporte da programación do Xacobeo e levará partidos, cursos para nenos e distintas actividades a varias cidades e vilas polas que discorren as rutas xacobeas. Nel colabora tamén Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS e ten como obxectivo ofrecer un espectáculo deportivo de élite por distintos concellos do Camiño, difundir o nome do Xacobeo, aportar unha experiencia inesquecible para moitos nenos e nenas e favorecer o coñecemento e a práctica do fútbol sala e do deporte en Galicia.

A xira, que terá lugar durante os meses de agosto, setembro e outubro deste 2010, non será unha simple iniciativa con partidos de exhibición, senón que os encontros estarán acompañados de cursos nos que xogadores de primeiro nivel achegarán aos nenos algúns dos seus secretos. Asemade, nos Campus incluiranse sesións de traballo táctico, charlas con xogadores e unha ponencia sobre formación deportiva e fútbol sala dirixida a nenos e profesores.

A iniciativa levarase a cabo en virtude dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Xacobeo Lobelle. O acordo recolle a finalidade de realizar actividades e programas específicos de promoción e potenciación das diferentes rutas xacobeas e as vilas polas que transcorren, a través da celebración de eventos deportivos dirixidos ao público máis novo.

O Club Lobelle de Santiago é unha entidade que ten como fin fundacional o fomento e promoción do deporte do fútbol sala. Este club foi fundado en 1975 por José Antonio Lobelle, actual presidente do club, e nestes momentos ademais do conxunto da Liga Nacional de Fútbol Sala ten nove equipos máis en categorías inferiores, desde o filial ata o equipo benxamín.

PROGRAMACIÓN

14 de agosto – 20h – Melide
Melide FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

18 de agosto - 20h – Melide
Azkar Lugo vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

21 e 22 de agosto – Torneo de Trabada Participan: Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS, Reale Cartagena, Burela e Marfil Santa Coloma

25 de agosto – 20.30h - Noia
Noia FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

28 de agosto – 19:00h – Pavillón de Os Remedios de Ourense
Burela FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

1 de setembro – 21h - Pavillón de As Travesas de Vigo
Coruxo FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

4 e 5 de setembro – Torneo en Cortegaça, Ovar - (Portugal)
Participan: Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS, Benfica, Crecor e Academica de Coimbra

21 de outubro – Arzúa
Arzúa FS vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

27 de outubro – O Porriño
Rival por determinar vs Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago FS

13 de ago. de 2010

XXVII Xornadas de Folclore en Ourense

Redacción

O pasado luns, día 9 de agosto, deron comezo en Ourense as Xornadas de Folclore, das que este ano se celebra a vixésimo sétima edición. Arredor de 450 artistas de diferentes países percorrerán a provincia de Ourense no marco das XXVIII Xornadas de Foclore. O evento, que visitará 18 localidades ata o vindeiro 19 de agosto, conta coa presenza de grupos tradicionais de Senegal, Brasil, México, Serbia, Daguestán ou Polonia, entre outros lugares. O día 16 a Cidade das Burgas acollerá unha actuación con todos os grupos participantes. Como novidade este ano a embaixadora de Indonesia acudirá ao evento como apoio ao grupo da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Iacarta.

Entre os grupos participantes figuran: o Instituto o Cimarrón de Arxentina, Ballé Folklórico dá Amazónia de Brasil, conxunto artístico Maraguán de Camagüey, a compañía de Danza de Tenochtitlán de México, a Compañía de Danza Simyonov-Tucovic, de Serbia, a Esteva de Segovia representando a España, o Grupo Etnográfico Areosa de Portugal, a compañía Polonin de Polonia, o grupo Lezginka chegado da República rusa de Daguestán, African Tumbas de Kenia e o Ballet Jamnu de Senegal e o Klub Peminatn de Indonesia.

Pódese consultar o programa aquí.

11 de ago. de 2010

Viñetas desde o Atlántico

Redacción

Desde onte e até o próximo 15 de agosto, A Coruña acolle a duodécima edición de Viñetas desde o Atlántico, festival de cómic de carácter anual que organiza a Concellaría de Cultura e que programa actividades diversas: exposicións, charlas, conferencias e debates con artistas invitados internacionais, entre os que figuran Dave McKean, Carlos Pacheco ou Raule e Roger. Esta ampla oferta complétase cunha feira de libreiros e editores na que se presentan as principais novidades editoriais deste sector. Hai que destacar que o acceso á feira e ao conxunto dos seus espazos é aberto e gratuíto. Destaca na axenda do evento a mostra dedicada a Will Eisner que até o 22 de agosto permanecerá aberta no Kiosko Alfonso e que recollerá ferros orixinais dos seus distintos traballos, como Contrato con Deus, The Spirit ou O corazón da tormenta, expostas por primeira vez en Galicia.

10 de ago. de 2010

Gurús e democracia interna


Martín Seco García.-

Outro día máis, amencemos coa noticia de que o peixe poderoso trata de engulir ao pequeno, cando xa non necesita dos seus servizos. Unha vez máis, trátase de impoñer a intuición divina dos gurús políticos, por riba do que pensa a militancia que paga relixiosamente as súas cuotas. Unha vez máis, trátase de utilizar o que din “oportunas” enquisas, sobre un traballo serio a longo prazo, que intenta conseguir o goberno da comunidade madrileña con honestidade política e cun proxecto que apoian as bases desta organización.

O problema de todo isto, é que este tipo de actuacións repítense por toda a xeografía estatal e somos moitos, os que levamos sufrido atropelos deste tipo.

Cando aprenderemos a respectar aos que merecen ter a oportunidade de dirixir un proxecto serio e traballado, cando respectaremos o que desexa a militancia, cando será o momento que primen os proxectos, a seriedade e o contido programático sobre a oportunidade política, porque se lle rouba o caramelo da boca a quen renunciou a seguir sendo o alcalde máis votado de toda España, para sacarlle as castañas do lume a un proxecto político desnortado e sen liderado, que atopou nesta nova dirección, unha ilusión perdida nesta parte da xeografía estatal.

Mentres se tratan de potenciar novos mecanismos que fortalezan a democracia e a participación da nosa sociedade, coa creación de mellores regulamentos de participación cidadá, creación dos chamados orzamentos participativos, e outras medidas que se están a tomar en certas administracións. Os partidos políticos, uns como o PP, ancorados no inmobilismo absoluto, e outros que fai un tempo parecía que tomaban o camiño da modernidade, seguen a dar pasos atrás, nunha dirección contraria a que esixen os cidadáns, que se senten cada vez máis afastados da política e sobre todo dos seus políticos.

Por iso non me resigno, e sen medo a dicir o que penso, animo a Tomás Gómez a continuar con valentía, no proxecto que honestamente lidera, porque somos moitos os que esperamos que a dirección federal do Partido Socialista reflexione sobre o tipo de partido que desexa e que non volte a cometer os erros do pasado nesta comunidade. Espero que estas noticias que aparecen día a día en diarios de prestixio, sexan corrixidas ou en todo caso que o mecanismo das primarias sexa o que permita que a militancia dirima entre dúas sensibilidades diferentes.

Mentres o fago, observo desilusionado o que sucede na política do noso país, dende o templete da nosa Alameda.

9 de ago. de 2010

Humor

7 de ago. de 2010

Nacións, estados e linguas


Fermín Bouza.-

Co título El presidente y el fraile renovo o tema da lingua propia de Galicia (a natio máis antiga da Península Ibérica segundo os viaxeiros e invasores romanos) nos meus pequenos apuntamentos de El País-Galicia. Os intereses políticos e as coxitacións xurídicas son lexítimos/as en democracia, mesmo para Feijóo, como non, pero non poden competir co relato obxectivo, nin político nin xurídico, polo menos intencionalmente, da historia deste chamado Reino de España, conxunto de nacións-estado (na medida en que se pode falar de estado en tales tempos) que se uniron máis ou menos (máis ben menos) libremente para formar o estado-nación vixente.

Todo isto sería anecdótico se non se nos negara o pan e o sal con supostas razóns liberais, democráticas e até racionais e ilustradas. De ningunha maneira: defendemos a nosa lingua, e ese é o acto máis liberal, democrático e ilustrado que poida un imaxinarse.

Probablemente a única forma racional de denominar ao Reino de España podería ser a de estado-nación ou, se queren, nación de nacións. Iso, en todo caso, en nada afecta á historia e ao carácter nacional dos países periféricos deste raro estado que de cando en vez se ve na triste, sinistra e melancólica obriga de devorar aos seus fillos, que en realidade son os seus pais históricos.

Parricidio e infanticidio cíclicos. Defendemos a nosa lingua, e iso é xusto, racional e necesario.

6 de ago. de 2010

Programa do XXXI Festival de Pardiñas


Redacción

Sábado, 7

16:00 horas:
Apertura das exposicións de Pintura, Escultura, Fotografía, Ceramica, na CASA DAS ARTES.
Comezo da Mostra do XXXI Certame de Debuxo Infantil.
Fallo dos Premios Guitiriz de Escultura e Fotografía.
Apertura da XXXI MOSTRA DE ARTESANIA: cesteiros, tecelás, alfareiros, etc., que mostran a súa obra en máis de 60 stans.

17:00 horas:
Apertura da XVII MOSTRA DE ARTESANOS DE INSTRUMENTOS DE MUSICA TRADICIONAL, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

18:00 horas:
Pregón desta Mostra a cargo dun investigador da música tradicional

19:00 horas:
1º Concerto de Música Tradicional no palco deste espazo. Despois actuacións de grupos espontaneos. Hai sesións didácticas, seminarios e obradoiros sobre danza tradicional, xoguetes sonoros, historia de instrumentos, afinación da palleta, etc.

21.00-04.00 horas:
Festival no PALCO do certame, con BELLON MACEIRAS QUINTETO, AL JAUJALA (Alemaña), CANTECA DE MACAO (Madrid) e GALEGOZ

Domingo, día 8:

11:00 horas:
Apertura da Feira de Libros, coa presenza de escritores como Bernardino Graña, Paco Martín, David Otero, Neira Vilas, Marica Campo, etc. e presentación do nº 54 da Revista Xermolos.
Apertura das Exposicións
XXXI Mostra de Artesanía, de artes plásticas, cerámica, fotografía na Casa das Artes, XVII Mostra de Artesáns de Instrumentos.

11:30-13:30:
Escenario libre para músicos espontáneos na Mostra de Artesáns de Instrumentos.

12:00:
Seminario de Baile Tradicional, Seminario de Xoguetes Sonoros

13:30:
Concerto da Coral de Xermolos na Igrexa de Santo Domingo.Merendas.

16:00 a 21:00 horas:
Concertos no escenario libre de músicos espontáneos.

18:00 horas:
Pregón do sociólogo Bernardo García Cendán.

18:30 horas:
Entrega pola banda des escritores e creadores de lotes de libros do XXXI Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil.

19:00 horas:
Concerto de música tradicional na Mostra de Artesáns.

20:00 a 22:00 horas:
Escenario libre de músicos espontáneos.

22:00 a 03:00:
2º Festival de música de Pardiñas con Xosé Manuel BUDIÑO e o seu grupo, PELEPAN, PABLO SEOANE E GRUPO, ALALE (Irlanda), GUINTEAVAN


A QUENLLA presenta o seu novo disco OS IRMANDIÑOS sobre textos de Manuel María, e co seu expreso desexo, a Quenlla gravou este novo traballo discográfico, que dá actualidade a un dos feitos máis sobranceiros da Historia de Galicia.

Coa participación de: Marica Campo, Miro Casabella, Xosé Estévez, Xosé Neira Vilas David Otero e membros do grupo A Quenlla. Na Mostra de Instrumentos, domingo, día 8, ás 13,30.

“...A finais do S. XIV a fame, a peste e a guerra visitan Galicia e producen unha forte regresión demográfica e unha debilidade biolóxica que ten como consecuencia un empobrecemento das vilas e cidades e a falla de brazos campesiños para traballar as terras, o que perxudica sobre todo a economía dos señores. Estes, non queren perderen a súa posición económica e aumentan os impostos e tributos, e buscan garantir o seu sustento empregando a forza con toda caste de abusos e mesmo coa práctica da bandidaxe. Estamos en pleno feudalismo e a ausencia da autoridade do rei é unha realidade. Como resposta a esta situación burgueses e labregos convocan Irmandades e rebélanse contra o poder da nobreza...”

CARREIRA POPULAR DE PARDIÑAS

7 de agosto ás 7 da tarde, en homenaxe a Julián Bernal, 0 atleta máis veterano do país, que emprendeu a derradeira carreira o pasado 16 de marzo, aos 91 anos. O mesmo percorrido das edicións anteriores: 5,3 quilómetros adultos e 4 quilómetros os a as nenas. Inscricións até media hora antes na liña de saída, no Campo da Feira de Guitiriz.

XVII MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL

Un ano máis a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a "XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Un evento que constitúe unha das mostras de luthería máis antigas da península e que congrega cada ano a numerosos artesáns do país para mostrar o seu traballo ao público. Este ano a mostra conta coa presenza de 22 artesáns que amosarán o seu bo facer, e séguese apostando pola música e polo baile tradicional a través de actuacións en directo, obradoiros e a sempre estimada participación do público presente.
Para levar a cabo esta actividade, a AGG coa axuda da Consellería de Cultura e Turismo, Maderas Barber, Comercial Pazos e Seivane-Goretex. Unha colaboración que resulta imprescindible para que a AGG continúe na súa loita de divulgación e dignificación da cultura tradicional.

Durante as xornadas do 7 e 8 de Agosto, e no marco incomparable do Festival de Pardiñas, a XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional contará cun programa repleto de actividades. O Sábado, Nando Casal, un dos membros fundadores do grupo Milladoiro, fará o pregón da mostra. Posteriormente terá lugar unha demostración e construcción de gaitas con torno de varas, a cargo do artesán Nebra. Para rematar as actividades do sábado, actuación de Os Minhotos, grupo chairego composto por cinco músicos, que naceu como cuarteto, alá polo ano 96 e que pouco a pouco foi incorporando outros instrumentos da nosa música como o acordeón, a requinta ou a zanfona.

Durante a xornada do Domingo haberá actividades dende a mañá co Concerto "Os instrumentos femininos", a cargo de Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Mª del Carmen Picallos e Xaneco. Xa pola tarde haberá unha demostración práctica de instrumentos de corda e percusión a cargo do grupo Diluvea, que está formado por Diego Langarika, Luis Martínez e Beatriz Martínez.

O Obradoiro de Baile Tradicional, correrá a cargo de Gustavo Couto, mestre desta disciplina e coautor do libro Bailaben, e máis tarde Pablo Carpintero e Rosa Sánchez serán de novo os encargados de ofrecer un concerto de repertorio antigo de Pontevedra, que rematará cun obradoiro de Treboada a cargo de Oli Xiraldez.

As actividades previstas para enriquecer a exposición, están enfocadas para que sexan totalmente participativas, así pois haberá un escenario disponible, durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.

A “FEIRA E A FESTA DA MUSICA E DA ARTE” é unha aposta por todas as artes. En Pardiñas todas e todos os festivaleiros son artistas, crean espirais de beleza, que se multiplican en ducias de universos prodixiosos: a Casa das Artes, a Mostra de Artesáns de Instrumentos, o seu palco de intérpretes espontaneos e os obradoiros, as feiras do libro e da artesanía, o certame de literatura e debuxo infantil.

O FESTIVAL é un corpo a corpo cos creadores e as creadoras, porque todos os que se citan nesta feira e festa, achegan a súa parte de beleza e paixón, sentíndose atraídos por este manancial de emocións. Cadaquén é un anaco da paisaxe de Pardiñas, danzando e contaxiando enerxía e ledicia. Ninguén é un espectador, todos os participantes son fontes e surtidores de amizade, beleza, arte. Cada edición renóvase a mesma teima: “facer un Pardiñas máis fermoso”. Coma dixo un dos seus asíduos, o poeta de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro: “a beleza feríunos para sempre”.

Abertos a todas as músicas e aos fluxos máis plurais das artes, Pardiñas é unha sucesión de ritmos, recendos, formas, cores, sons, que o converten nuns días máxicos, propicios para debuxar no horizonte ronseis de harmonía e liberdade, desde este recanto da natureza.

Foto: P. Naseiro

5 de ago. de 2010

O CD Lugo, campión da III Supercopa da Deputación

Redacción

O deputado da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, entregou onte á tardiña ao CD Lugo o trofeo de campión da III Supercopa Deputación de Lugo de Fútbol. Este torneo disputárono os vencedores da Copa Deputación de Fútbol nas súas categorías (1ª e preferente o Chantada e 2ª e 3ª autonómica o Calasancio) mailo club máis representativo da provincia, o Lugo. Esta modalidade de competición implica que todos os conxuntos se enfronten entre si en partidos de 45 minutos de duración, co que resulta vencedor o que máis partidos venza e, en caso de igual número de vitorias, o que mellor diferenza de goles teña.

O Lugo pasou máis apuros dos previstos e non logrou impoñerse ao Calasancio no primeiro partido, no que ambos conxuntos empataron sen goles. Non obstante, coa entrada de moitos titulares no once do Lugo o partido contra o Chantada resultou cómodo e o equipo da capital colleitou xa 3 goles nos primeiros minutos de partido, renda que logo incrementaría, e que lle valeron para levarse o partido e a 3ª Supercopa Deputación, xa que o Chantada lograría impoñerse ao Calasancio no último partido por un resultado de 2-0.

Esta III Supercopa disputouse no campo do Acebreiro, na Pastoriza, que foi reformado coa cantidade de 131.000 euros aportados pola Área de Deportes da Deputación, acometéndose o levantamento do antigo terreo de xogo, instalando un sistema de drenaxe eficaz que permite evacuar a auga sobrante da superficie, colocando un sistema de regadío automático que se activa con programador e replantando de novo con céspede a superficie. Actualmente, logo dunha tempada, o céspede atópase totalmente enraizado e en perfectas condicións para a práctica do fútbol, o que converte ao campo de fútbol do Acebreiro nunha instalación deportiva punteira na comarca da Terra Chá. Antonio Veiga tamén lembrou, coma no momento da presentación deste torneo, que os partidos que se puideron ver hoxe non son máis que un reflexo da boa saúde da que o fútbol lucense goza hoxe en día, como demostra que case a totalidade dos equipos da provincia participaron na Copa Deputación deste ano.

2 de ago. de 2010

O selo na administración


Redacción

O Arquivo Xeral da Administración (AXA) presentou a primeira exposición relativa ao selo como elemento básico e característico da documentación emanada das Administracións Públicas.

A través dun percorrido pola historia do selo administrativo, trátase de render homenaxe a este instrumento de validación e autenticación, ofrececiendo aos cidadáns unha visión sobre o selo na súa dimensión administrativa e contemporánea, de maneira que o público poida comprender o seu significado e importancia.

Esta mostra pretende presentar unha visión diferente á tradicional, que adoita asociar o selo administrativo e o selado dos documentos co portelo de calquera institución e cos amolantes trámites que debe realizar o cidadán perante a administración.

A mostra recolle unha selección de selos, algúns dos cales son documentos inéditos, así como unha colección de sinais que nunca antes fora exposta ao público.

A exposición, que está comisariada pola vilalbesa Ana Naseiro, arquiveira do AXA, pode visitarse na sé do arquivo, en Alcalá de Henares, de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas.


Revista avozdevilalba.com do mes de xullo


Redacción

Como é habitual neste medio, xa se pode descargar a revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de xullo en formato pdf. Para elo, basta con picar na imaxe da esquerda. Tamén se poden consultar e descargar todos os números anteriores na nosa Hemeroteca. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.

1 de ago. de 2010