Fermín Bouza.-
Morreu Jorge Semprún, toda unha vida unido ao seu tempo, desde a loita pola dignidade contra o fascismo e contra o estalinismo a unha vellez lúcida e aberta no campo da xestión cultural e da axitación libertaria. Foi unha xeración especial e xenerosa de antifascistas aos que debemos a permanencia dese espírito na noite franquista que agora evoca o dicionario da RAH ou o xenófobo ese que aspira a acabar cos diferentes polo feito de selo: os nazis tampouco o perdoaron a el, ten un certo aire xudeu, ou quizá mouro, ou quizá simplemente español ou catalán ou do Machu Picchu.
Por aí andaba Semprún, nos campos de exterminio daqueles nos que os nosos franquistas ou franco-fascistas do 36 foron a inspirarse. A súa biografía vén en toda a prensa, non a vou pór aquí. En Semprún despedimos á intelixencia e á coherencia do mellor dunha xeración de crentes na igualdade humana. Un absurdo, como se sabe. Non tiveron un grande éxito nese sentido: o bo é o que finalmente prosperou, esta inmensa felicidade das crises, a pirataría financeira e o paro cíclico. A competencia a matar e o discurso sereno e obxectivo de Aznar ou Rajoy. Boa viaxe Jorge, vémonos alá .
0 comentários :
Danos a túa opinión