Avelino Pousa Antelo, o último dos
activistas do galeguismo da Segunda República, finou hoxe cando
estaba a piques de cumprir un século de vida, pechando unha
biografía ateigada de compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e
co noso país.
O Concello de Teo instalará desde hoxe
á tarde a capela ardente no local sociocultural. Mañá o seu corpo
quedará exposto no salón de plenos da casa consistorial, onde se
lle renderá homenaxe antes de ser incinerado ás 19 horas. A familia
prega que non se envíen flores e, no canto diso, se se quixer, que
se faga unha doazón a APAMITE (Asociación de Pais de Minusválidos
de Teo).
Avelino Pousa Antelo mostrouse sempre
fiel ao ideario de Castelao, reivindicou o papel do rianxeiro na nosa
historia e no recoñecemento popular e institucional mais non mostrou
ningunha dúbida cando decidiu rexeitar a medalla Castelao outorgada
pola Xunta de Fraga Iribarne. Dicía que non podía aceptar unha
medalla que deshonraba o seu nome.
Nado na Barcala (A Baña), Avelino
Pousa Antelo, coñecido tamén como Lucho do Peto, cursou seis anos
na Universidade Pontificia compostelá, maxisterio en Santiago, dous
cursos de Comercio en Lugo e Xerente de Cooperativas en Zaragoza.
Afiliado ás Mocedades Galeguistas, tomou parte na propaganda do
Estatuto de Autonomía de 1936. Agrarista e cooperativista, colabora
coa sociedades agrarias barcalesas.
En 1946 foi bolsado á Misión
Biolóxica de Galicia para prepararse para dirixir a Escola Agrícola
da Granxa Barreiros de Ortoá (Sarria) que comezou as súas
actividades o 1 de xaneiro de 1948. Alí xurdiron os Cursos
Agropecuarios para mestres rurais que se celebraron en Lugo desde
1948 ata 1971 (ano en que faleceu Antonio Fernández López, que era
quen os financiaba). Marchou a Orotava (Tenerife) en 1955 e alí
traballou de mestre e Técnico Agrícola do Laboratorio do Cabido
Insular. Regresou a Galicia en 1960 para traballar como técnico de
SEMISA, empresa productora de semente. En 1960 marchou a Zaragoza,
onde dirixiu a empresa gandeira AIVESA. Regresou de novo en 1970, ao
grupo escolar de Pontecesures, onde exerceu ata a súa xubilación en
xaneiro de 1983. No momento do seu falecemento era presidente da
Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Florez e
vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
En 1963 obtén o Premio Xornalístico
Ramón Mourente de temas agrarios. Un ano máis tarde, o premio "Luís
Sánchez Harguindey", tamén de temas agrarios. A Asociación
Galega de Cooperativas Agrarias outórgalle en 1998 a Insignia de
Ouro e Esmalte da Unión de Cooperativas. Foi nomeado Padriño de
Honra da primeira promoción de diplomados da Facultade de Ciencias
da Educación da Universidade de Santiago (1999) e da promoción de
2002 da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (UVI). En
2000, a Universidade Compostelá outorgoulle a súa Insignia de Ouro.
Colaborador nos anos 30 de La Voz de
Barcala —órgano da Federación Agropecuaria do Distrito de
Negreira—, publicou centos de artigos en xornais e revistas sobre
temas agrarios e cooperativos, ademais doutros temas tamén
políticos. Entre os seus libros figuran Temas de Agricultura (1951),
Cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquia rural
(1968), ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para o campo
galego? (1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia (1971), A
Escola Agrícola de Granxa Barreiros (1988) e Galicia, tarefa urxente
(1992).
0 comentários :
Danos a túa opinión