Suso de Toro.-
Un amigo, madrileño, dime que está desexando que conclúan a construción do AVE para poder chegar en pouco máis de dúas horas. Eu alégrome de que el poda vir, mais na imaxinación xa vexo verdadeiras masas de persoas de todo tipo a dar voces nos seus sotaques e a invadir desentendidamente os nosos lugares. Sentíndose propietarios do lugar, é un territorio "seu".
O meu amigo mesmo sabe tamén que vai ser así, imos ser invadidos tan pacífica como masivamente. E tan destrutivamente, engado eu.
Sen dúbida o que se aveciña é que o noso país, que vai seguir sen as conexións coas grandes vías europeas, con conexión precaria con Bilbao e só por avión con Barcelona, vaise transfomar nunha nova praia de Madrid.
Madrid é un furado negro tiránico, decide segundo os seus intereses, aliméntase de todo o territorio dentro do estado, o estado é seu, e traga toda oportunidade vital e toda esperanza. "Madrid es España y España es Madrid", non é unha choqueirada, é a realidade descarada. E a oligarquía da corte ten claros os seus intereses e negocios e domina a través dos seus partidos, de dereita e de esquerda madrileña.
O proceso de colonización lento vaise acelerar de modo vertixinoso nun prazo de meses, ese é o horizonte. E aí é onde tamén eu sinto remorsos.
Tamén eu escribín para revistas e xornais reportaxes sobre Galiza, Santiago, A Coruña, Vigo, as nosas rías, cidades, comarcas... Tamén eu teño actuado como un sherpa que abre camiño e sinala rutas aos forasteiros.
Hai uns días nunha rúa de Santiago: “Eres de aquí? Sabes dónde está la Plaza?”. A praza de abastos de Santiago é un reclamo turístico, escribía aquí alguén hai uns días que agora aos caramuxos chámanlle “bigaros”, “para que entendan os de Madrid”.
O caso é que hai anos tamén eu escribín sobre a Praza para unha revista de modas, “Vogue”. A proposta que me fixeron era escribir sobre ese mercado, pareceume curioso e orixinal, interesante, e fíxeno. Enviei a reportaxe e posteriormente dixéronme que a reportaxe incluía que chegaría a Santiago un equipo técnico e a actriz e presentadora Paula Vázquez, ben salada por certo, para que fixésemos unhas fotografías.
Colleume de sorpresa e, ademais, non era o mellor momento meu, levaba uns meses cunha parálise facial. Así e todo alí posamos na praza de abastos, unha muller nova alta e linda e un home cativo coa cara deformada. Nunca cheguei a ver as fotografías, non sei como se darían xeito os editores para mellorar a miña imaxe.
O certo é que tamén eu teño culpa en que fósemos chegando ao que está a piques de ocorrer.
E o terríbel é que a sociedade galega non é consciente nin está a tomar as medidas para controlar e establecer as súas propias regras, para non ser ocupada, tomada, colonizada. Porque ese é o plan.
E non é certo que vaian vir xente de todas partes e de todas as linguas, etc. Han ser masas de madrileños, coa súa peculiar maneira de entender o respecto aos lugares e aos demais, o seu particular modo de entender a cortesía e as boas maneiras e a súa lingua, que é a lingua do seu imperio. Nós somos parte dese pequeno e misérrimo imperio.
Madrileñ@s, naturalmente, hai de todas as maneiras, como galeg@s, cataláns, berlineses, londinenses, bilbain@s...Mais estamos a falar de relacións de poder, de subordinación, que son as que se dan na España centralista e centralizada que o AVE consagra, ao tempo que anula as nosas conexións de proximidade. Reducíndonos a unha estación de cercanías da Puerta del Sol.
Non hai "España vacía" hai unha meseta baleirada, e toda esa humanidade que falta foi tragada por ese furado no centro. Debemos asumir esa realidade, se non temos capacidade de reación seremos parte dun plan no que seremos a servidume.
Lido en: https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=387965579599036&id=100051567917230
0 comentários :
Danos a túa opinión