O ocaso dos deuses

Mario Paz González.-

A primeira vez que lin a novela O señor das moscas de William Golding, sendo apenas un adolescente, chamoume poderosamente a atención o feito de que, entre todos os personaxes, non houbese nin unha soa rapaza. Non entendía por que naquela fábula, na que uns raparigos sobreviventes dun naufraxio agardaban sós nunha illa deserta por un anhelado rescate, non había mozas. Podería alegar agora que, se cadra, a miña sensibilidade adolescente fora capaz de percibir ao seu redor as turbulentas estruturas dun mundo cambiante no que as mulleres foran adquirindo un protagonismo sen dúbida diferente ao que puideron ter naquela época, para min demasiado remota, na que se escribiu a novela. Pero o certo é que, como calquera outro raparigo da miña idade, non concibía un mundo no que as rapazas non puidesen ter unha presenza abafadora e, polo menos neses anos, desconcertante. É probable que, de escribila hoxe, nun tempo no que se pretendeu, cada vez máis, ir na procura do politicamente correcto, o equilibrado ou o xusto, William Golding as tería incluido na trama, aínda que iso implicase unha máis que evidente, e demasiado doce, mistificación da realidade.

Cando a lín de novo, moitos anos despois, nun momento no que xa a miña formación lectora e a miña conciencia política foran madurando, houbo outro detalle, se cadra máis importante, que esta vez non me pasou en absoluto desapercibido, até o punto de non entender como puido térseme escapado antes. Refírome á necesidade, presente en todos os personaxes, de buscar un líder carismático ao que seguir na procura da desexada supervivencia, aínda que iso remate levándoos, mesmo, ao fanatismo máis radical e á barbarie.

Se cadra, como adoita suxerirse, Golding pretendía presentarnos unha distopía, é dicir, o contrario da utopía proposta séculos atrás por Rousseau ou Daniel Defoe, a saber: que o home é un lobo para o home. Malia iso, pola miña banda, sempre crin que esta obra non era máis que unha alegoría da Segunda Guerra Mundial –á fin e ao cabo publicouse por primeira vez pouco despois, en 1954, e é a contenda o marco no que se encadra– e que a tolemia á que se vían sometidos algúns dos seus protagonistas ao seguir cegamente a un dos raparigos chamado Jack, un guía que os conducirá ao desastre máis sanguinario e atroz, non era máis ca unha clara representación do que sucedera na Europa da primeira metade do século XX.

Precisamente dos perigos desa fe cega nos guías, carismáticos ou non, fálanos nun ensaio recente, No poder e na enfermidade (Siruela, 2010), David Owen, ex ministro de Exteriores británico e psiquiatra, quen analiza o xeito no que os trastornos de moitos líderes mundiais afectaron a un bo número das súas decisións políticas e, xa que logo, ao propio desenvolvemento da Historia. Tamén as imaxes que, a través dos medios, nos chegan desde hai uns meses de algúns países árabes, como Tunes, Exipto ou Libia.

Resulta case imposible non emocionarse ante a espontaneidade deses mozos e mozas que se xuntan nas rúas ou prazas, unidos grazas á forza das novas tecnoloxías, fartos do poder omnímodo dos sátrapas que os gobernan. Resulta case imposible non querer crer que, se cadra, como en A peste (1947) de Camus –outra marabillosa novela sospeitosa de alegoría– esta forza organizada de moitos, aos que se intúe dotados dun profundo sentido crítico e afastados daquelas masas exaltadas que seguían con fanatismo aos seus deuses de carne e óso, non poida traer agora novos aires de revolución democrática e liberdade a todo un mundo sometido durante demasiado tempo ao medo e á humillación vivida baixo o abafador e desacougante sometemento aos ditados dun só.

28/02/2011

Matrícula nos colexios de Vilalba

Redacción.-

A Escola de Educación Infantil, o CEIP “Manuel Mato Vizoso” e o CEIP “Antonio Insua Bermúdez” de Vilalba, informan que dende o día 1 ata o 31 de marzo estará aberto o prazo para presentar a SOLICITUDE DE ADMISIÓN do alumnado para o curso escolar 2011/2012.

Para máis información, dirixirse aos referidos centros, onde se facilitará a documentación a cumplimentar

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 25 feb 2011

Meu querido Antón:

Poucas novidades me comunicaches estes días. Supoño que a túa dona che puxo un pouquiño de sensatez no gasto que estás a facer co teu móbil. Eu non che digo nada, pero ben me decato de que, cando me chamas, non das parado de falar, e, por riba, de falar ti, porque escoitar, o que se di escoitar, non escoitas nada nin a ninguén. Ao mellor, é que, como xa andas con algo de xordeira, no canto de escoitar, falas. Non o sei, ti verás. O caso é que seguramente che tiraron das orellas e por iso esta semana non me contaches case nada. Soubeches, si, que andou por Vilalba, o sábado pasado, un grupiño coral de Lugo chamado Sólo Voces ao que che apetecía escoitar, e así mo comunicaches, pero non tiveches medios, seica, para achegarte aquí nin eu puiden ir buscarte. Non é que ti sexas moi adicto (máis ben, nada) á chamada música culta, pero a música coral, en principio, non deixa de atraerte. E este coro abofé que vale a pena, aínda que teña o nome en castelán e se acompañen dun piano, deixando, polo tanto, de ser sólo Voces

Pois ben, este grupo lugués presentounos un panorama moi atraente de música coral feita en Lugo ao longo do século vinte. O predominio foi, evidentemente, para os cantos das catedrais, tanto de Mondoñedo coma de Lugo, pero non faltaron pezas máis coñecidas popularmente como a Negra Sombra do lugués Montes, a cantiga de amor “Compañeira” do barbudo Mini, o de Fuxan e a Quenlla, xa sabes, ou a delicadísima “Lela”, un poemiña de Castelao no que se di que están as nubes chorando, supoño que xa te darás conta.

Pois ben, meu Antón, resulta que o director do coro, Fernando, cando anunciou esta última peza, agardaba que o público vilalbés a recibise cun especial eco de orgullo doméstico, porque, efectivamente, esta deliciosa melodía é froito dun noso paisano que se chamaba Rosendo Mato Hermida. Chamándose Mato, era evidente que algo tería que ver con Vilalba. E así é, pero non houbo a reacción esperada porque, polo percibido, case ninguén dos que alí estabamos eramos coñecedores nin da valía deste músico nin da súa procedencia vilalbesa. A min, como comprenderás, deume moita pena non ter nada coñecido desta riqueza artística con raíces entre nós. Tratei de pescudar un pouco e pregunteille a Pepe Leira que, en efecto, sabía ao menos de que familia era. Algo é algo para comezar. En consecuencia, desde aquí, ti, Antón e máis eu, botamos un desafío para que, por exemplo, algúns parentes do músico, como o apreciado Mato do Mesón ou o noso mestre Arturo, eficiente e eficaz secretario do IESCHA, se poñan a investigar algo máis e nos comuniquen outros logros deste vilalbés que, aínda que só fose pola aludida melodía, xa tería ben merecido ser rescatado do esquecemento dos seus paisanos.

E, aproveitando o tirón, cumpriría reservarlle, nalgún documento público, unha agradecida lembranza a outro músico de Vilalba, parente tamén de Arturo e de Rosendo, que era coñecido popularmente como Olaso. Pouca xente, mesmo do seu tempo, son coñecedores da valía que se lle recoñecía a este home, como instrumentista da frauta, entre os seus compañeiros da Banda da Coruña naqueles anos cincuenta e sesenta nos que esta agrupación coruñesa ostentaba o mellorciño da música que se facía na nosa terra. De feito, cando se representaba na Coruña unha ópera de categoría (unha ou dúas ao ano) cun esforzo de medios excepcional, adoitaba ser preciso traer de fóra reforzos de instrumentistas musicais inexistentes na cidade, pero nunca foi necesario que viñese un frautista, malia a singularidade deste instrumento, pois Olaso cumpría sobradamente ese labor, aínda que a cantante acompañada fose a mesmísima Monserrat Caballé ou a grandiosa Pilar Lorengar. Así que, en fin, aí lle quedan deberes impostos aos nosos amigos Matos, e, tamén por suposto, ao encargado da cultura no concello.

E, ao falar do concello, hei de me referir á política en xeral, porque ti, meu Antón, non paraches de me encirrar cos teus comentarios sobre a miserable panorámica que nos están a ofrecer os nosos representantes nas institucións. Polo que se ve, dicíasme, parece que as ideas desapareceron dos parlamentos e só nos quedan insultos, pendencias e descualificacións imparables na busca do poder. Por moito que o convenzan, ninguén é quen de manifestar a súa concordancia e cambiar, en consecuencia, o seu voto. E seguramente, coas vindeiras eleccións, o que nos agarda é que sigamos coa mesma trécola para noxo de todos: Zapatero é nulidade e Rajoi, un folgazán, segundo quen fale. E mentres, aí temos: implicados presuntos en corrupcións diversas son propostos impunemente como presidentes ou membros de autonomías, algunhas sospeitosas actuacións dos tránsfugas pasan desapercibidas para o persoal, e as ideas, de existiren, quedan fóra do debate. Xa verás, Antón, como nas eleccións para o noso concello non imos escoitar reflexións algo substanciosas, senón que, máis ben, uns e outros, han insistir no traballo cotroso de mercaren vontades mediante promesas de empregos ou doutras prebendas, aproveitando, claro, os postos que ocupan nas empresas ou na Administración. Todo sucio dabondo. E o máis curioso é que, malia todo isto, os cidadáns, como ovelliñas, seguirán a darlle votos a moitos dos que nunca na súa vida tiveron a luz dunha idea nin argumentos para a defender. Só a causa de seren propostos por un partido dos grandes. Dos grandes, porque dos outros habería que matizar algo máis.

Fíxome sorrir a viñeta de humor galego dun tal Gogle, moi surrealista, que me mandaches hai uns días. Non é máis ca un chiste nin a cousa ten máis malicia, pero, se nos fai sorrir é porque indica un estado de ánimo da poboación. A viñeta mostra a dous vellos en conversa:

- estou preocupado, o meu neto dixo que non quería estudar

- e logo, que pensa facer

- non fai máis que dicir que quere ser alcalde

Que non se vexa falta de respecto, pero a política, efectivamente, non está respectada. E isto debería facer reflexionar.

Neste contexto de pobreza política, paréceme moi ben a túa proposta dunha adiviña: quen é o político que ten experiencia, que non só ten ideas senón que quere ter máis, que sabe discutir con calma e que non vai estar no concello? . Eu supoño que sei a resposta, pero vou deixar sen poñela para que cada quen poña a súa. O que si che digo, aproveitando a túa insinuación, é que un pobo non pode prescindir alegremente dunha persoa así, sexa do partido que sexa. Máis ideas e menos ansias de poder, é o meu resumo. Espero que ti, Antón, cadres de acordo, xa me dirás.

Nada máis por hoxe. Unha aperta suíña, pero agarimosa de

Bernardo

27/02/2011

Fóisenos Jaime Rábade Prieto



Xulio Xiz.-

Jaime Rábade Prieto foi un pioneiro na comunicación vilalbesa. Naqueles tempos heroicos nos que a información nos medios escritos e falados era escasa e tardía, Jaime Rábade foi un dos primeiros.

Aínda que a súa profesión era a de bancario, a súa querencia pertencía ó mundo da información, e foi durante moito tempo corresponsal de Radio Popular de Lugo desde Vilalba, e logo desde A Fonsagrada, onde fora destinado, tinguindo sempre as súas crónicas dunha humanidade e dun agarimo total hacia a súa terra e as súas xentes. En Vilalba, á súa marcha, sustituíuno o tamén precursor da información vilalbesa, Carlos García Fraga.

Vino por última vez o pasado día de San Ramón, nun restaurante do Campo de San Xoan. Mirámonos e, cousas da idade, el non me recoñeceu. E eu non me din conta ata que saín do restaurante de que aquel home de poboada barba era o veterano cronista e amigo Jaime Rábade Prieto.

Que os ventos celestiais lle sexan leves, e poida seguir alí facendo crónicas daquela vida superior.

24/02/2011

Cartas a Antón





Bernardo García Cendán.-

Lugo, 18 feb 2011


Meu querido Antón:


Xa ves o que son as cousas. Na última carta cominábate a que non deixases de asistir ao festival organizado por Mans Unidas de Vilalba, e, ao final, resultou que non che foi posible, pero o máis grave é que tampouco eu puiden asistir. Sentino ben, en primeiro lugar, por colaborar, pero tamén porque, segundo me contan, foi todo un logro dos participantes.


Tamén ao final desa mesma carta, che dicía que se acababan de anunciar polos partidos políticos as candidaturas para a alcaldía de Vilalba e que me reservaba para comentarche algo deste asunto en próximas cartas. Pero ti, como eu supoñía, non fuches quen de agardar, agarraches o móbil e, sen ter en conta as tarifas a pagar, tivéchesme leado preto dunha hora, e por riba en horario laboral. Espero que o reitor da universidade non mo teña en conta. O curioso é que me chamaches para saber a miña opinión, pero case non me deixaches falar: ti faláchelo todiño. E eu escoitei relixiosamente como corresponde.


Preguntáchesme pola candidata do Bloque, unha rapaciña nova que xa exerce, ao parecer con solvencia, as tarefas de avogada, e, por riba, lidera con entusiasmo e eficacia un grupiño de música popular moi presente nas diversas festas que dan vida a Vilalba e a toda a Chaira. Avogada e música non é mala mestura para vivir ambientes moi distintos e comunicarse con diferentes sectores da vida local. Iso é positivo. Polo demais, pouco che podo dicir dela: eu, persoalmente, coñézoa moi pouco, pero pareceume unha rapaciña intelixente e comunicativa, dúas cualidades moi importantes para calquera político, e moito máis para un candidato á xestión municipal. A ver se ten sorte.


Os do Partido Popular, pola súa banda, repiten candidato e seguramente tamén os principais concelleiros. Supoño que se senten contentos, convencidos de que Vilalba é conservadora por natureza e que vai seguir nesta liña, de xeito que non lles paga a pena arriscar novidades. Se cadra, teñen razón, aínda que os datos de anteriores eleccións indican que non andan tan por riba como era habitual. Despois de todo, a mocidade non é tan dócil como era, e, polo tanto, non a teñen tan de man, aínda que, efectivamente, certas insinuacións de posibles choios que se deixen caer nos seus ambientes poderán, quizais, desfacer rebeldías teóricas. E disto os partidos que ostentan poder saben dabondo. Non hai máis que ver o descaro de Baltar en Ourense, por exemplo.


Finalmente dos que se presentan polo PSOE prefiro non opinar polas razóns que ti, Antón, coñeces perfectamente. Na conversa telefónica non ocultabas a túa malicia pícara para provocarme, pero non penso facerche caso. Estás convencido, disme, que nestes candidatos non hai tanta vocación socialista como desexos de se montaren no poder local imitando as actuacións dos populares. Ao final, o que se nos presenta é unha situación en que tanto monta o popular como o socialista: ideas parecidas, e non moitas, valores pouco ou nada diferenciados e actividades prácticas moi similares destinadas á consecución do voto con promesas de rendibilidade persoal. Se non entendín mal, isto é o teu razoamento: que na esquerda deberían predominar as ideas sobre outras expectativas, e, segundo pensas, non parece ser o caso entre nós. Eu tería moito que matizar, pero xa che dixen que non vou opinar.


E non che falo máis de eleccións: xa teremos tempo se Deus o quixer. Pero hai outro asunto polo que mostraches moito interese e que, polo tanto, debo comentar nesta carta. Efectivamente, como ti ben dis, sería unha pena que o Centro Cultural Recreativo tivese que pechar as súas portas e desaparecer, algo que, polo visto, estivo a piques de acontecer. En todo caso, habería que facilitar as cousas para que os vilalbeses, todos, se convencesen de que aquilo non ten por que ser ningún casino para xente selecta, como era habitual nos pobos do século pasado. “A min a ese lugar non me levan os pes”, dicíame non hai moito un amigo ben coñecido convidado a unha conferencia naquel local. Isto, claro está, cómpre superalo.


O caso é que, por fin, un grupiño de rapaces animosos decidiron darlle continuidade a esa asociación. Ti, Antón, viches a foto destes mozos na prensa e pregúntasme insistentemente por eles. Tamén eu vin a foto e, de todos eles, só coñecín a dous que, por certo, cáenme moi ben e, por moitas razóns, contan coa miña simpatía indisimulada, tanto por causas familiares como pola súa ledicia de vivir. En consecuencia, estou seguro de que te xuntas a min para, primeiro, agradecerlles aos de anteriores directivas canto deixan feito, e aos novos, que se decidisen a manter a institución, cousa non moi doada porque está exposta a críticas constantes. E tamén, en segundo lugar, ti e máis eu queremos desexarlle á nova directiva que acerte nas súas decisións. Terán que poñer moita imaxinación para racharen ese desleixo que un sector de vilalbeses manteñen en relación con ese Centro, e, xa desde o principio, haberán de pensar en certos cambios precisos para que aqueles locais poidan ser moi útiles ao conxunto de Vilalba. O máis importante é poñer as cousas doadas para que os nosos veciños se sintan animados a acudir alí con frecuencia, e niso teño confianza, porque á xente nova o que lle sobra é imaxinación: seguro que saberán encher aquel espazo de actividades atraentes para todas as idades e todas as sensibilidades. Iso si, o que eu lles pediría con insistencia é que non se deixen caer na tentación moi perigosa de excluír algunha destas sensibilidades. Vilalba é conservadora, pero non tanto, e os xeitos de pensar son xa moi variados.


E nada máis por hoxe. Recibe unha aperta do teu amigo


Bernardo

Humor

23/02/2011

Non llo perdoan

Fermín Bouza.-

Sobre un fondo de escenario onde aparece a volta de Ruiz-Mateos e no que un grupo de señoras fanatizadas por moitos anos de franquismo e barbarie mental e moral van cantar o "Cara al Sol" a Candeleda, nun acto polas vítimas daquel golpe de estado cruento e cruel que puxo ao agora Reino de España nunha situación de illamento internacional, extenuación económica e inferioridade moral ante o mundo, situación que aínda dura en parte en todos eses ámbitos, sobre un fondo, digo, así, pasamos a conmemorar o 30 aniversario de 23-F.

Aquel golpe foi o último intento da xeración activa dos militares (non profesionais a maioría antes do golpe) da Guerra Civil, por impedir un proceso moderadamente democrático no que se recuperaron as vellas liberdades sempre cun fondo de escenario semellante ao citado ao principio. A eses militares da guerra acompañáronos activamente nesa aventura do 23-F moitos outros de xeracións novas ou moi novas formados polo propio franquismo nos principios do chamado "Movimiento", no autoritarismo, o desprezo ao pobo e a súa vontade, e a manexar unha idea de España non só rifada coa historia e coa realidade senón enfrontada co ben común, a democracia e todos os dereitos humanos que esta carrexa.

De seguir aquel día o proceso triunfal do golpe, é máis que probable que entrásemos nunha dinámica a medio prazo de nova guerra civil e é probable que a sociedade internacional, agora si, non tivese máis remedio que facer o que entón, en 1936, non fixo: apoiar claramente á democracia, deixando as mans libres aos fascistas aos que logo terían que combater gravemente con perdas millonarias de vidas humanas de até, quizá, 70 millóns de persoas. O primeiro millón puxémolo nós.

O 23-F foi un intento de repetir todo aquilo, pero xa non foi posible, sobre todo porque a conciencia popular normalizouse e estabilizou ao redor da liberdade. O Rei puxo moito do seu parte para que fose así, contra o que os ultras mediáticos teñen tratado de difundir. Non é estraño que a súa figura fose un obxectivo importante da ultradereita mediática nestes últimos anos: non llo perdoan.

22/02/2011

Cunqueiro cumpre cen anos

Xulio Xiz.- 


Se falo de Cunqueiro parece que non falo de Vilalba, e sen embargo falo de Vilalba como falo de toda a provincia de Lugo, e de toda Galicia.

Cunqueiro cumpre cen anos, e segue vivo aínda que hai trinta anos que morreu. El nacera en Mondoñedo en 1911, e morreu en Vigo en 1981. E nos seus setenta anos de vida creou mundos coa súa pruma dun xeito tan fermoso e tan polifacético, que fixo verdade a frase que figura na súa tumba no cemiterio mindoniense: “Aquí xaz un home que fixo que Galicia vivise mil primaveras máis”.

Só entrevistei unha vez a Cunqueiro, cando o coñecín persoalmente, e foi precisamente na feira dos capóns en Vilalba, a finais dos anos setenta. Eu acudira a aquela feira do capón para informar nos medios nos que traballaba, Radio Popular de Lugo e El Ideal Gallego. Despois de ver como ía a feira, tiven a seguridade de que redondearía o meu traballo cunha breve entrevista a Cunqueiro. E así o fixen. Dirixinme ó que coidaba don Álvaro e pedinlle con todo respecto que me fixese unhas declaracións do que era para el aquela feira do capón.

Aquel home alto díxome que non lle importaba declarar o que fose, pero que moi posiblemente eu non quería falar con el, senón con seu irmán Álvaro, que por alí andaba. Á segunda foi a vencida, que Cunqueiro tiña esa xenerosidade dos grandes de estar sempre disposto a colaborar no que se lles solicitaba.

Cunqueiro era un devoto de Vilalba, como era devoto dos lugares que tiñan características especiais en canto á gastronomía e produtos do país. De Vilalba destacaba especialmente os queixos de San Simón, e por riba de todo os nosos capóns, sendo un asiduo á anual Feira do Nadal.

Tiña como o seu mellor amigo vilalbés e experto en capóns, ó "Vello Chao", propietario do Hotel Chao, que sempre era o seu anfitrión, e ó que pedía consello para mercar, para saber como ía a feira.

Estes días andiveron en Mondoñedo homenaxeando a don Álvaro, e alí fun falar sobre Cunqueiro e a gastronomía, un mundo no que me metín a petición da organización, e aínda que coidaba saber del, volvín marabillarme ó ver a inmensidade da perspectiva cunqueiriana en relación coa nosa comida, os seus coñecementos e as súas invencións.

Estamos no ano de Cunqueiro, e a homenaxe comezou en Mondoñedo e rematará en Vigo, pero ten que pasar por toda Galicia, que en toda Galicia influíu, en toda Galicia fixo amigos, e non esqueceu ningunha das nosas cousas de comer.

19/02/2011

Festival de Curtametraxes de Clermont

Redacción.-

A curtametraxe é o formato que se erixe como a máis empregada plataforma de compromiso social no sector audiovisual, na que a actualidade dos países de procedencia dos mesmos se pon de manifesto xunto ós problemas globais que vive o mundo. Así o manifestaron os representantes de Ficción Producciones –organizadores durante sete anos do Festival Internacional de Curtametraxes, CURTOCIRCUÍTO-, a produtora executiva Mamen Quintas, e o director deste festival galego de curtametraxes, Tim Reford, á volta da súa participación no máis importante festival de curtas do mundo, Clermont-Ferand, en Francia. Os conflitos sociais e políticos do mundo árabe ou a crise económica internacional, foron quizais as temáticas máis presentes neste festival francés este ano. Un cine moi social, moi étnico, deuse cita coa na representación da multitude de países participantes en Clermont. Temáticas que, malia seren localizadas en países concretos, teñen carácter universal e son fácilmente extrapolables a calquera país ou rexión, atendendo ás características sociais de cada un deles.

Do mesmo xeito, confirmaron o recoñecemento que no ámbito internacional ten o festival galego, que leva 5 anos pertencendo á ISFC (International Short Film Confedence), unha alianza de colaboración da que forman parte os principais festivais de curtas do mundo.

Xuntanzas e acordos coas máis importantes Distribuidoras co fin de conquerir os mellores e máis recentes traballos realizados no mundo –arredor de trinta xuntanzas-, encontros con compradores co obxecto de contar coa súa posible presencia no mercado da curta, como foron Canal +, France Televisio, Canal Arte, ou mesmo TVE, foron parte das citas que encheron a axenda de Mamen Quintas e Tim Reford, que participaron nas diferentes Mesas Redondas e Debates celebrados: as novas tecnoloxías e a distribución das Curtas pola rede Internet, centraron boa parte dos contidos.

Acordos de colaboración con futuros xurados, ou a posibilidade de trasladar ó Programa de CURTOCIRCUÍTO actitivdades formativas que se celebran en Clermont ou se ofertan no seu mercado.

Un dos cometidos fundamentais da presencia de Ficción Producciones neste importante festival francés, era visionar os últimos traballos de cara a seleccionar as curtas para as seccións paralelas do festival galego, ademais de continuar coa promoción internacional e o asentamento de CURTOCIRCUÍTO no panorama audiovisual internacional no tocante á curtametraxe.

18/02/2011

Galicia Classics

Redacción.-

O público que asistirá o próximo sábado, 19 de febreiro, á inauguración do ciclo Galicia Classics en Vigo xa esgotou as entradas para este primeiro concerto, no que o director favorito da gran Maria Callas, Georges Prêtre, debutará nos escenarios galegos coa Filarmónica de La Scala de Milán. O Centro Cultural Novacaixagalicia acollerá ás 20.30 horas esta esperada actuación cunha das más respectadas formacións sinfónicas europeas e o lendario mestre francés, que en 2008 e 2010 dirixiu os concertos de Ano Novo coa Filarmónica de Viena.

Baixo o pseudónimo de Georges Dheráin, Georges Prêtre comezou a súa carreira dirixindo en opereta en pequenos teatros, antes de facerse cargo da Ópera de Marsella, o seu primeiro posto relevante, desde o que foi progresando ata converterse en 1970 en responsable da Ópera de París. Esta aprendizaxe permitiulle rodar un repertorio co que despois despuntaría no Covent Garden, a Ópera de Viena, o Met ou La Scala. No ano 2008, a Filarmónica de Viena escolleuno para que se fixese cargo do tradicional Concerto de Ano Novo, converténdose no único director galo en lograr tal honra. Este fito persoal adquiriría máis relevancia cando os vieneses volveron contar con el para o concerto de 2010 case por aclamación.

A súa seguridade, dominio e coñecemento, principalmente do repertorio francés, tamén son moi apreciados no ámbito sinfónico. En 1962 nomeárono director asociado da Royal Philharmonic Orchestra e, anos máis tarde, principal incitado da Sinfónica de Viena, orquestra á que aínda segue vinculado como o seu primeiro director honorífico.

Repertorio
Georges Prêtre interpretará coa Filarmónica de La Scala de Milán os Pinos de Roma e as Fuentes de Roma de Ottorino Respighi na súa primeira aparición en Galicia. Pero antes, o director e a orquestra fundada por Claudio Abbado abordarán a Sinfonía en re menor de César Franck. Nado en Lieja (Bélxica), aínda que formado en Francia, César Franck compuxo un bo número de obras corais e música relixiosa antes de crear os seus grandes éxitos, como as Variaciones sinfónicas, o seu poema sinfónico Psyché e a célebre Sinfonía en re menor, dedicada a Henri Duparc e estreada no Conservatorio de París no ano 1889.

Pola súa banda, o boloñés Ottorino Respighi, alumno de Rimski-Korsakov no Conservatorio de San Petersburgo, permanece hoxe como unha das figuras máis importantes do movemento renovador sinfónico en Italia. A súa popularidade débese, principalmente, a dúas das tres pezas que conforman o chamado tríptico romano, a súa particular homenaxe á Cidade Eterna. Arturo Toscanini foi o principal defensor, e programador no seu día, de Pinos de Roma e Fuentes de Roma, os dous poemas sinfónicos inspirados na paisaxe da capital italiana. Las fuentes de Roma estreouse no Augusteo, o 11 de marzo de 1917.

Galicia Classics é unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, coorganizada por Novacaixagalicia. O ciclo recolle a estela do Xacobeo Classics en canto ao esquema da súa programación, e nace co obxectivo de ofertar concertos de primeira calidade para complementar as programacións musicais que xa existen en Galicia, aportando actuacións de primeiro nivel internacional, sen esquecer a música de autores galegos. Entre os meses de febreiro e decembro, programaranse máis dunha trintena concertos de música clásica nas sete cidades galegas. Entre os artistas que actuarán por primeira vez en Galicia atópanse algúns dos nomes máis destacados da dirección orquestral do momento.

Galicia Classics está estruturado en seis grandes ciclos: o dedicado ás Grandes Orquestras, outro de Grandes Voces, un apartado para os Grandes Intérpretes, outro destinado á ópera e os ciclos Made in Galicia e En Xira. Con estes apartados, Galicia Classics continuará o compromiso coa música clásica iniciado en 2010 con Xacobeo Classics, que se pechou con máis de 40.000 asistentes ao medio cento de actuacións programadas.

17/02/2011

Revista Galega de Teatro, n.º 65

Redacción.-

Manuel Lourenzo falando de Luís Seoane; a reflexión sobre o papel das Compañías Residentes de Manuel Vieites e as entrevistas con Blanca Cendán, directora do Centro Dramático Galego, e Mercedes Suárez, do Centro Coreográfico Galego, son algún dos contidos do número 65 da Revista Galega de Teatro. Unha publicación trimestral que se distribúe en 50 librarías galegas a través da Editorial Galaxia.

16/02/2011

Homenaxe a Francisco Río Barja

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega homenaxeará e recordará o xoves 24 de febreiro ás 19 horas ao xeógrafo, catedrático e escritor Francisco Río Barja (1919-2011), un dos fundadores da institución e membro do seu Plenario desde 1983 ata 2010. No acto participarán tamén representantes da Real Academia Galega das Ciencias, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, Real Academia Galega e Universidade de Santiago de Compostela, das que foi parte o ilustre profesor desaparecido.

O acto de homenaxe será presentado por Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, e contará coas intervencións iniciais, “Francisco Río Barja na memoria”, de Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, e Salvador García Bodaño, poeta e académico.

Seguirá un recital de piano a cargo de Xulio Mourenza, profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que interpretará obras de Claude Debussy e Xan Durán.

Falarán despois os resentantes institucionais: Miguel Ríos Fernández, vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias; Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

Por último proxectarase un vídeo coa imaxe e a palabra do homenaxeado.

DIVULGADOR DA XEOGRAFÍA
Francisco Río Barja faleceu o pasado 6 de xaneiro aos 91 anos de idade. Ramón Villares lembrou entón o seu traballo no Consello da Cultura Galega, institución da que formou parte desde a súa creación en 1983. Primeiro como representante do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, do que era daquela director, e desde 1996 a marzo de 2010 como persoeiro elixido polo Plenario. Entre os seus traballos citou publicacións como “Os ríos galegos”, os vídeos “Xeografía de Galicia” ou o “Diccionario Xeográfico de Galicia”.

Salientou o contributo do profesor Río Barja, quen fora discípulo de Ramón Otero Pedrayo, ao desenvolvemento dos estudos e investigacións en todo o relacionado coa Xeografía e os seus traballos pioneiros en Xeografía Económica, nomeadamente os referidos aos ámbitos comarcais galegos. “Alén da súa longa e intensa dedicación docente, foi un gran divulgador e popularizador da Xeografía de Galicia cos seus libros e, moi especialmente, a través dos traballos realizados desde o Consello da Cultura Galega en colaboración coa a Televisión de Galicia”, dixo Ramón Villares, quen recordou a Francisco Río Barja como “un home discreto, amable e elegante”.

Aquí pode descargar o PDF do folleto informativo sobre o evento.

15/02/2011

Presentación de Dardo en ARCO

Redacción.-

O vindeiro venres 18 ás 19.00 h preséntase na caseta individual de Dardo en ARCO as novidades de DARDOmagazine e os últimos títulos publicados pola súa editorial, ademais de guía Atmosferas, unha vía de aproximación ás cidades contemporáneas, neste caso á Rexión de Murcia. A esta caseta individual en ARCO 2011, súmase tamén a súa presenza con caseta individual en Art Madrid, na caseta R5.

Por outra banda, cúmprense 5 anos de DARDOmagazine e a celebración inclúe novidades significativas, ampliando a súa periodicidade (5 números ao ano) e presentando, baixo a mesma cabeceira, unha nova revista dedicada á arquitectura e ao deseño, e á relación destas disciplinas coa arte contemporánea.

No número 17 de DARDO destacan entrevistas con arquitectos como Andrés Xaque, deseñadores como Fernando Brízio ou Tezo Remy e artistas como Olafur Eliasson, á mantenta da súa colaboración co arquitecto Henning Larsen para un novo centro de concertos e conferencias en Reykjavic. Tamén inclúense reportaxes de artistas que traballan a medio camiño entre a arquitectura e o deseño, como os alemáns Winter & Hörbelt ou Moholy-Nagy, así como unha serie de exposicións e noticias sobre a actualidade da arquitectura, o deseño gráfico e industrial, a arte e a publicidade. A entrevista central sitúase na casa do artista Julião Sarmento, co autor da mesma o arquitecto Carrilho da Graça e outros personaxes próximos á traxectoria do artista como o deseñador Miguel Rios, a escritora Clara Ferreira Alves ou a galerista portuguesa Cristina Guerra, que se suman á entrevista en diferentes momentos.

Entre os últimos libros editados por DARDO destacan os dos artistas Albano Afonso, Marco Giannotti e José Luís Serzo; proxectos artísticos desenvolvidos en cidades como Porto (Look Up! Natural Porto Art Show I e II ou São Paulo (Arte/Cidade Zona Leste); ou o libro de pensamento Momentos do político escrito por Pedro Alberto Cruz.

14/02/2011

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-
Lugo, 11 feb 2011

Meu amigo Antón

Somos irregulares dabondo nisto de che escribir cada carta semanal, pero mentres poidamos facelo de cando en vez, xa me dou por satisfeito. Supoño que non é cousa de lles explicar aos nosos oíntes as causas da nosa ausencia, sobre todo cando andan polo medio asuntos da túa saúde. Como ti dis, hoxe non é de bo gusto falar destas cousas cos amigos. De haber problemas, un debe gardalos para si sen alterar o estado de ánimo optimista dos que nos escoiten. Así que teremos que dicirlles a cantos nos escoitan ou nos len que ambos, ti e máis eu, estamos moi ben. Menos mal que aos galegos non nos compracen moito estas normas e non somos en ningún caso tan aseverativos: sempre temos o recurso de utilizar frases como “ímola virando” ou “imos termando” ou iso, o máis frecuente, de “imos indo”. Pois aí queda: imos indo.

Ti, meu Antón, agora xa case non te moves de Compostela e tes moi abandonada a nosa Vilalba. Aínda que non é así de todo, porque non che sae do pensamento e, naturalmente, queres que eu che conte o que vai acontecendo por aquí. Pois, atende: hoxe vou comezar por che recomendar unha visita, canda a túa muller, a esta vosa vila, mañá mesmo, sábado, para estardes aquí pola tardiña. E, como eu ben sei que ti non conduces, deduzo que terás que convencer ao teu fillo para que te achegue ata nós, e, claro está, con el virá tamén a túa nora e, se cadra, algún dos teus netos. E así será perfecto: faremos un pleno familiar para verdes un espectáculo que sen dúbida pagará pena. Trátase dun festival organizado pola sección parroquial de Mans Unidas coa intención de recadar fondos para unha obra importante nunha zona de Tanzania, seica, da que non me se me recorda o nome. Un nome raro que non pillei axeitadamente porque non estaba moi atento ás noticias na radio cando oín falar deste asunto á miña amiga Loli, unha colaboradora eficiente que, por certo, non sei por que, explicábase en castelán.

Pero en castelán ou galego, creo que, con este motivo, vale a pena a vosa visita a Vilalba. Primeiro, porque así podemos vernos, e, segundo, porque estou seguro que vos haberedes divertir coa música de noviños intérpretes chairegos, cos poemas da chairega Marica e cos monólogos dun coñecido humorista na tele galega. Ademais disto, tamén gozaredes, sen dúbida, como non, coas habilidades máxicas do meu amigo e colega Xosé Manuel Carballo do que non é preciso facer ningunha presentación. Os teus netos, segundo ti me tes contado, aínda recordan vivamente o ben que o pasaron na última vez que puideron presenciar os xogos deste amigo entrañable. Todo iso, como digo, xa paga a pena, pero tamén é importante a vosa visita porque cómpre apuntalar ese labor magnífico que tenta realizar un grupiño de persoas vilalbesas que se quixeron comprometer nas actividades desa institución de Cáritas, Mans Unidas, que vai collendo pulo na nosa vila e que agarda pola incorporación doutros membros que ousen prestar unha intensa colaboración. E ti ben sabes: colaborar quere dicir ofertar axudas económicas, claro, pero tamén algo de traballo, moitas ideas e influenza nas decisións. Coma en calquera outra asociación.

Xa sei, xa sei o que me dirías, coa túa sorna habitual, se agora mesmo estiveras ao meu carón. Seino, porque sempre andas coa mesma teima de que facer caridade non é facer xustiza, e que Cáritas non se para tanto na xustiza como en aquietar a mala conciencia dos máis ricos mediante a entrega duns euros no nome da caridade. E, como ben sei que é isto o que estarás a pensar, xa che respondo axiña que a filosofía de Mans Unidas non é tanto a de facer pequenas esmolas, aínda que estas sexan imprescindibles, como a de facernos tomar conciencia das inxustas desigualdades sociais e ser consecuentes con esta conciencia. Necesidade, xa que logo, de actuar en consecuencia, e isto, meu amigo rosmón, pode ser perigoso para os que, coma ti, teñen unha mentalidade conservadora, pois os que teñen esta mentalidade tenden a lle dar o seu voto xustamente aos partidos conservadores que non son precisamente os que máis loitan contra as abafantes desigualdades sociais. En fin, non sei se me entendes, así que che propoño unha cousa: no canto de lle chamar caridade ao que fai Mans Unidas, chámalle solidariedade, e seguramente, deste xeito, comezaremos a nos entender. Eu ben sei tamén que moitos dos que traballan en Mans Unidas, tanto no resto do país coma aquí, en Vilalba, pertencen abertamente ao mundo conservador, pero asegúroche que, se non cansan de facer este labor, acabarán por descubrir que a loita pola xustiza non casa moi ben coas posturas conservadoras, e, se cadra, comezarán a seren tan revoltosos como revoltoso é o evanxeo de Xesús que está na base, suponse, desta institución de Cáritas. De feito, Cáritas e Mans Unidas, son institucións que estiveron moi respectadas e valoradas polos partidos progresistas ao longo de toda a transición política española. Eu disto pódoche dar fe.

Meu Antón, hoxe, como ves saíume unha prédica, pero foi intencionada. E agora aínda tiña que seguir con asuntos políticos a che contar, porque xa foron presentados os cabeza de lista para as eleccións municipais. A cousa, xa o imaxinas, vai dar para moitos comentarios que andarán sen dúbida polos nosos bares, tabernas e demais lugares de tertulia, pero precisamente por iso, polo que a cousa pode dar de si, prefiro deixalo para a carta da semana que ven, se Deus o quer.

Cóidate, non deixes de vir ao festival e non dubides do aprecio do teu amigo

Bernardo

11/02/2011

Presentouse poesiagalega.org

Redacción.-

Unha web dedicada a difundir e repensar a poesía desde novos esquemas. Este é o obxectivo de poesiagalega.org, un proxecto do Grupo Alea de Análise Poética, vencellado á facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, que se presentou hoxe venres 11 de febreiro no Consello da Cultura Galega. A institución achegou o soporte técnico a este web, que achega contidos como gravacións das xornadas Translittera, artigos sobre este xénero, recensións e mesmo poemarios completos. Segundo Arturo Casas, coordinador da iniciativa, a idea base é "facer un discurso máis plural sobre poesía e unir forzas para sacar máis rendemento". E engade que o proxecto parte dun principio ideolóxico claro: "Entender que a poesía é máis ampla que un soneto, que a poesía posúe unha tradición que vai máis alá da a tradición á que se accede ao ensino de grao universitario".

Segundo explica o GAAP, este web “representa o resultado inicial dun traballo de colaboración en proceso que, a medida que incremente contidos e información, está chamado a constituírse nun dos lugares de referencia para o estudo e a investigación da poesía e a literatura galegas contemporáneas no espazo cultural de seu e nun marco amplo de relacións interculturais”.

O Grupo Alea de Análise Poética (Gaap) creouse hai dous anos, en xaneiro do 2009, como colectivo vinculado á facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago que trata de pensar a poesía. Canda Arturo Casas o grupo conta con outros nove teóricos e críticos literarios, como Iris Cochón, Ana Acuña, María do Cebreiro, Isaac Lourido, Miro Villar, José Luis Forneiro, Helena González, María López Sández, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Iria Sobrino, Laura Mariño e Margarita García, Lorna Domínguez e Montserrat Pena.

Transferencia do coñecemento
A web pretende, entre outras cousas, "facilitar o acceso e facer unha transferencia de coñecemento". De feito, un dos interese é saber se nos institutos se lle saca proveito ao material ofrecido no que se inclúe, por unha banda, unha base de datos potente. Pola outra, unha análise da poesía non lírica na que entran a poesía narrativa, a poesía ensaística, a dramatizada, as formas performáticas, a poesía en voz alta, a polipoesía e bastantes máis, como a poesía medial. O propósito é, en calquera caso, facer máis amplo o concepto de poesía.

O grupo, segundo se subliña na nova páxina poética, "fíxase como obxectivo fundamental a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de selección e concreción heurística cando se fala de poesía". Esta tarefa, ademais, enténdena non só en sentido académico senón, de modo especial, na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. O grupo aspira a intervir nese campo achegando "un discurso teórico e crítico plurívoco e non cinguido a coordenadas apriorísticas, que irá acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, cunha ollada atenta á que se podería denominar actual, á de hoxe, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública".

Arturo Casas non considera que a poesía viva hoxe en Galicia un retroceso. Recoñece que, se cadra, parou o ritmo da edición tradicional e bótase en falla a existencia de revistas "dinamizadoras" e podería chamar a atención a desaparición dos recitais, pero neste último caso o seu formato "hai que reiventalo: non ten moito sentido a día de hoxe, nin na disposición do público, nin no carácter de oratoria...".

Documentos
A primeira documentación que ofrece poesiagalega.org é a de Translittera, un ciclo sobre "novas linguaxes poéticas" organizado por Rafa Xaneiro que se de-senvolveu en varias fundacións do país co apoio do Consello da Cultura. A revista recolle algún material que foi gravado entón -do 18 de novembro ao tres de de- cembro do 2005- e unha entrevista actual cos participantes, entre eles Ig, Lomarti, María Lado, Nela Quessada, Lucía Aldao, Carlos Quiroga, Manolo Cortés, Yolanda Castaño, Estevo e David Creus, Nenoescuro e Pepe Sendón. O traballo dos participantes centrouse nunha serie de intervencións, cun espazo e un tempo determinados, que xiran en torno a dous eixes. Por unha banda a idea da transgresión, superación ou, simplemente, o xogo cos límites habituais que conforman a expresión poética; pola outra, a reivindicación da poesía como acto, con maior ou menor importancia do seu carácter efémero. Estas liñas serviron para amalloar e dar senso de conxunto, ou fondo de escenario, a todos os proxectos levados a cabo dentro de Translittera, de xeito que propiciaron unha serie de propostas diversas (amais de diverxente) nos modos e metodoloxías de expresión e no tocante aos aspectos conceptual e técnico.

Poesíagalega.org ofrece, ademais, un amplo abano de informacións, algunhas inéditas, como unha carta que o poeta Manuel Forcadela lle remite ao crítico Luciano Rodríguez explicándolle algunhas das claves básicas para entender o seu poemario Refutación da musa. Tamén figura se inclúe a versión dixitalizada do libro de María Lado A primeira visión -publicado no 1997 en Letras de Cal-, ou o estudo de Xoán González-Millán sobre lugar que a historia cultural e literaria galegas lle outorgan ao exilio de 1936 a través dunha serie de nocións habituais nos estudos do autor, como "criterio filolóxico", "normalización", "institucionalización", "nacionalismo literario", "literatura nacional", "canon", "mal histórico" e outros. Explórase como caso destacado e representativo o de Luís Seoane na Arxentina en tanto publicista, intelectual e artista. No ámbito da oralidade, ao que a revista lle dedicará atención especial, reprodúcense tres casos específicos: dous en Bande -Conde Alarcos e A pastora Rufina- e un terceiro en Entrimo: A Gallarda.

Álvaro Muras en Doble Moral mañán sábado

Redacción.-

Concierto e jam session a cargo do baixista coruñés Álvaro Muras no pub Doble Moral de Lugo. Acompañarase para l ocasión de Bruno Couceiro na batería e Julio Cuns na guitarra. Farase un primeiro pase cun repertorio variado de estilos e de creación propia dando un segundo onde os músicos convidarán ao público asistente a participar.

É un concierto programado dentro do Circuito Xpressionk!!! Galiza. A actividade que leva a cabo Xpressionk poderíase definir como a promoción activa da cultura, buscando e ofrecendo espazos a artistas non profesionalizados de calquera disciplina (Música, artes escénicas, artes plásticas, etc...) para que poidan ensinar os seus traballos. Para iso, contan con espazos xa existentes e moitas veces infrautilizados, onde ademais a xente xa esta aí (Bares, xardíns, restaurantes, comercio, praias, etc). Así créase unha cultura que non se busca... atópase, e é totalmente gratuíta.

As liñas que definen a dinámica de Xpressionk son as seguintes:
-Accesibilidade para o público, ao crearse iniciativas gratuítas e o máis próximas á cidadanía posible (en ocasións na mesma rúa).
-Integración. Xa que non se exclúen artistas, espazos nin colaboradores que acheguen algo positivo (por pouco que sexa) ao proxecto. Tamén búscase integrar todo tipo de público no conxunto das iniciativas, sen ningunha exclusión xeográfica.
-Optimización dos recursos. Tanto polo aproveitamento de espazos e recursos infrautilizados como polo baixo custo dos artistas, que moitas veces non están profesionalizados pero teñen calidade profesional.
-Equilibrio pensando como empresas e sentindo como artistas.
Xestión empresarial (mercadotecnia, dinámica comercial, estructuración departamental, xestión e "investimento" de recursos etc..) e sensibilización cultural (identificación de necesidades e limitacións do artista).
-Emerxencia. Detectando e apoiando iniciativas e artistas emerxentes.
Obxectivo: Promover e dar a coñecer o inmenso activo cultural que non se coñece na sociedade.

Para que serve a esquerda?

Fermín Bouza.-


Onte escribía Josep Ramoneda un artigo provocador e suxestivo que volvía expor o eterno tema de para que serve a esquerda ou esta esquerda se ao final sempre gañan os do capital, os mercados e todo ese mundo que, finalmente, fixo imposible calquera emancipación baixo bandeira comunista, socialista, socialdemócrata, libertaria, liberal (auténtica, digamos) ou de calquera outra clase coñecida ou por coñecer. Ramoneda dío moi ben, e está obrigado, pola síntese xornalística, a parecer máis tallante do que en realidade poida ser a súa concisa narración: Estamos, por tanto, nunha fase excepcional de cambio. E é lóxico que nela reapareza o mito do consenso, que na transición acabou sendo tan pegañento como a canción do verán. Pero esta crise tivo a virtude da obscenidade: mostrou con máis descaro que nunca o que o pudor, polo xeral, evita exhibir. De modo que quedou máis en evidencia que nunca a impotencia do poder político ante o poder económico.

Desde logo que foi así, e que a praza de político con capacidade de decisión sobre as políticas dun estado (poñamos o mesmo Zapatero) non é envexable: ten posibilidades operativas moi limitadas entre marxes de presión que ás veces se tocan. É complexo e frustrante, pero alguén ten que facelo, de esquerda ou de dereita, tomando estas denominacións, ao vello estilo, como modos de buscar o ben común, non como formas bastardas de servir aos mercados. Pero é certo, se alguén fracasou á hora de chegar a sociedades estimulantes é a esquerda. A dereita limitouse a identificar a desigualdade co sentido común e o benestar, e a seguir esa pista até hoxe, e todo iso tendo tamén, como a esquerda, excelentes "pensadores", como antes
se dicía, ademais dos homes do puro, o látego e o bandullo, ou o fusil unidireccional, ou o altar ao servizo do mesmo soño.

O clásico despotismo oriental (que tanto preocupou a Marx) está hoxe representado polo réxime chinés, de orixe comunista, evolucionado a expresión extrema de precapitalismo asiático, en vésperas xa da súa definitiva transformación en réxime capitalista predemocrático que algún día non lonxano acadará a estabilidade democrática completa baixo ese rótulo económico. Velaí un paradoxo brutal que paga a pena coñecer e reflexionar ao máximo para explicar as dificultades da esquerda histórica revolucionaria para chegar a ser un réxime aberto de liberdade e progreso sen manter fórmulas militares ou case militares de goberno. 

Pero o caso da socialdemocracia, que é do que fala Ramoneda, é outro, e as súas dificultades son doutra orde. Son desa orde que alude aos problemas de quen quere cambiar as cousas e atópase, sistematicamente, co doberman de quenda (os mercados ou... quen sexa) que lle lembra que os procedementos socialdemócratas non son compatibles coa boa orde das cousas, é dicir, da economía. Ou dito ao xeito de Ramoneda: a política segue sendo subsidiaria desa orde superior.

A pesar de todo, a socialdemocracia tivo evidentes éxitos que cambiaron o modo de vivir nos países chamados capitalistas (e a idea de mercado ten que separarse da idea que temos do capitalismo, porque o contrario sería irmos directos ao Falansterio ou cousa semellante). Pero a socialdemocracia non nos seduce nos momentos críticos, cando as cousas devolven o poder á economía así pensada e derrúbase a metade do soño pacífico e transformador da socialdemocracia.

Non esquezamos tampouco que non só nós, os que queremos impulsar un escenario mellor, debemos convencer e ilusionar á xente, senón que é tamén a xente a que debe persuadir aos seus líderes económicos, políticos ou intelectuais. É hora de mirar a esa multitude e contestar tamén ás súas críticas: e vós que facedes, que sempre acabades por deixarnos sós cando realmente queremos cambiar algo? Así foi con absoluta frecuencia. Rajoy, para gañar as eleccións, non necesita nin entender a súa propia letra, abóndalle ver pasar o cadáver do seu inimigo ante unha multitude acrítica, desinformada e compracente. Agardo que non sexa así e que no novo ciclo económico positivo poidan recuperarse algunhas cousas perdidas nesta treboada de ineficiencias e estafas colectivas das que agora se quere cargar o morto á esquerda que manda. Hai que ir virando a artillaría cara a onde está a cabalaría e as trompetas inimigas, que son as do vello réxime (no sentido de Ancient régime) tentando volver.

10/02/2011

Tristes tempos

Xulio Xiz.-

De novo as igrexas son punto de referencia para os amigos do alleo, e sofren os nosos templos o ataque de quen non respecta o máis sagrado e coida obter nun momento un sustancioso beneficio.

Non quedan tan lonxanos os tempos en que os templos eran intocables, e se non quedaban as portas abertas era para que non entraran neles os animais, que a fe imperante era abonda para evitar que ninguén entrase nun templo con malas intencións.

Ademais, daquela as aldeas estaban densamente poboadas e arredor das igrexas había unha vida intensa, sendo estas o centro das actividades, o punto de referencia ineludible de toda a parroquia.

Cambiaron radicalmente os tempos no decurso dunhas décadas, e as aldeas despoboáronse en beneficio das cidades e pobos, podendo as aldeas volver á vida as fins de semana coa visita dos que regresan os venres á noite, pero o resto da semana todo é silencio.

E por outra parte, aquel sentemento de querencia polos bens comunais pode seguir, e podemos seguir considerando nosas as igrexas, pero para os de fóra a igrexa chega a ser un lugar onde presumiblemente hai riquezas que poder levar, hai diñeiro ou xoias que é o que buscan os amigos do alleo que coidan atopar os perfectos lugares onde roubar sen perigo de ser descubertos.

A colocación de alarmas non é sistema moi práctico, polo custo da instalación e mantemento, e porque normalmente as casas están lonxe desas igrexas, e non é doado que se escoite unha alarma no caso de que esta salte. Que se os ladróns son relativamente “profesionais” saben perfectamente como desconectalas antes de que cheguen a soar.

Dun tempo a esta parte, optouse por retirar das igrexas rurais os obxectos de máis valor, e mesmo as imaxes, de xeito que as visitas nocturnas dos cacos ás igrexas vanse saldar con resultado escasamente fructífero, pero as repetidas oleadas de roubos demostran que a necesidade dos que se dedican ó roubo aumentan, e que de pouco vale que o resultado non sexa moi interesante, que ás veces son peores os danos causados que o importe do roubado.

Toca, agora, de novo, sufrir os ataques nocturnos ás igrexas chairegas para levar o que queda de valor no interior ou no contorno, que todo vale cando se trata de esquilmar ou facer mal. Ou non tan nocturnos porque mesmo en Vilalba, en pleno día, forzaron a caixa das limosnas do interior da igrexa parroquial, onde ó ser baleirada cada día tampouco se podía agardar un gran botín, e nas terras de Guitiriz onde se contentaron con roubar os focos que iluminaban o exterior do templo.

Tristes tempos estes nos que se busca un mínimo rendemento atacando o que en tempos se consideraba o máis sagrado; pobres tempos os que os danos que se causan – económicos ou morais- son moito maiores que o resultado previsible de calquera acción.

O tema económico ten moito que ver. Pero máis ten que ver aínda o menosprecio polo que é colectivo, público, de todos, xa non digamos por aquelo que move ós demáis a crer, que inflúe decisivamente na vida dos demais.

Non digo que teñan que volver tempos pasados de miseria e oscuridade. Teñen que vir tempos novos nos que repectemos o que é de todos; nos que respectemos aquelo que a nós pode non afectarnos pero é motivo de crenza, de devoción, para os demais.

09/02/2011

Isadora Duncan, a revolución na danza

Redacción.-

Este espectáculo estrea o sábado día 12 de febreiro ás 21:30hs e fará tempada xuntamente con "O Efecto dos Raios Gama nas Margaridas do Campo". O espectáculo é basado na autobiografia da revolucionária e célebre bailarina norteamericana. Con texto e interpretación de Roberto Cordovani e dirección de produción de Bruno Portela, a montaxe abranxe os principais acontecementos da vida da artista. A peza estreou en 2000, en Portugal e en 2010 presentouse no Brasil, nunha tempada pólo Sur do país.

A obra fixo tamén funcións em anos anteriores por Bolívia e España. No Teatro Arte Livre a penas 06 funcións en comemoración ao 5 aniversário de fundación do teatro.
Contada en primeira persoa, a encenación presenta as diversas personagens e acontecementos que fixeran da vida da bailarina un referencial de liberdade, revolución, arte e traxédia. Nesta obra teatral são recriadas catro coreografias extraídas dos dibuxos do consagrado escultor francés Auguste Rodin que, durante ensaios de Isadora, dibuxou as posturas da bailarina inspiradas na mitoloxía grega. A túnica utilizada no espectáculo foi creada pola Maison Chanel de Paris.

Horários das obras do Teatro Arte Livre en comemoración o 5 aniversário:
O Efecto dos Raios Gamma nas Margaridas do Campo: Venres 21:30hs / Sábados e domingos 18 hs
Isadora Duncan, a revolución na danza: Sábados 21:30 hs / Domingos 20:30 hs
Cia. Intern. de Teatro Arte Livre
Vigo - Galícia, España
(#34) 673 218 410 / (#34) 986 114 444
Conócenos: http://bpartelivre.blogspot.com

08/02/2011

No tempo dos nabos

María Xosé Lamas.-

De nena teño rido moitas veces das ocorrencias do Golpe, dos seus contos e as súas historias cheas de ironía e humor. Certo día, vixiando que non se queimaran uns chourizos que meteramos entre as brasas da lareira envoltos en follas de verza, contou que un rapaz un pouco parvo preguntara á dona da casa onde traballaba ao xornal, por que os seus chourizos eran tan sabedores. A dona respondéralle que na véspera da matanza dáballes de comer aos ranchos unha libra de chocolate e despois para facelos non tiña máis que atar as tripas tal e como saían do becho. Non lembro se o conto remataba aí ou se o rapaz experimentara a tal feitura dos chourizos; o que si sei é que rira a cachón coa tal resposta, non sen amosar un aceno de noxo.

Do que non cabe dúbida é que a calidade dos produtos de orixe animal depende en grande medida da alimentación dos mesmos. Sempre oín dicir que non hai mellor queixo que o feito no tempo dos nabos e ten que ser certo xa que neste tempo, sempre que ía a Cas Paredes, atopaba á tía Remedios facendo nel.

O proceso de facer os queixos non era tan sinxelo como semellaba. A tía gardaba o leite de varios días nunha ola da que, de cando en vez, retiraba a tona para outro recipiente. Cando tiña a cantidade suficiente, engadíalle o calleiro que ela mesma elaboraba coa tea interna do bandullo dos porcos que mataba polo San Martiño; só cando o remataba ía mercalo á botica. Unha vez engadida a substancia e unha presa de sal ao gusto, achegaba a ola ao lume da lareira durante unhas cantas horas.

Ao comprobar que o leite estaba callado, remexíao e ía collendo presas del o máis escorridas que podía e colocándoas nun molde que tiña no fondo un coador. Non lembro cousa máis sabedora que comer directamente unha presa de queixo frasquiño da ola ao dereito! Ao rematar de encher o molde dándolle a forma desexada, poñíalle un peso por enriba co fin de que fora escorrendo todo o soro. De cando en vez, virábao e repetía a operación.

Coa tona que fora retirando do leite facía a manteiga. Para iso vertíaa nunha manteigueira, botáballe unhas areas de sal e batía nela até que ficaba solidificada. Despois colocábaa enriba dunha folla de verza e dáballe forma de baluga, que nunca faltaba na mesa da casa do Golpe presidindo todas as comidas.

Pero aínda se podían tirar máis produtos dese leite. Cando se escorría o queixo, o soro que ficaba fervíase e ía criando unha tona por enriba, o cáparo, que se retiraba para unha cazola e comíase con pan derrafado, coma se foran sopas. Era a cea de moitos días do inverno. Cos restos do soro facíase encaldada para os porcos, engadíndolle farelo e patacas cocidas coa carapela. Nada se perdía, de todo se sacaba proveito.

Os queixos que facía a dona do Golpe eran moi sabedores, tanto en fresco coma curados. Neste tempo dos nabos, a produción excedía o consumo, polo que habitualmente ía vendelos á feira e ao feirón de Vilalba. Así chegábanos á xente do pobo os queixos elaborados polos nosos labregos, con toda garantía de calidade. Non obstante, as condicións sanitarias non estaban aseguradas, naqueles tempos – hai catro décadas- as esixencias neste aspecto eran nulas. Por iso a xente mercaba só queixos “de confianza”.

Non volvín dende aquela a probar unha presa de queixo, pero aínda lembro o seu sabor e o seu aroma. Pegade o resto sobre este outro.

06/02/2011

O cancioneiro de Marcial Valladares

Redacción

Recentemente, a editorial Dos Acordes tiraba a luz Ayes de mi país. O cancioneiro de Marcial Valladares. A obra, cun estudo crítico de José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim, recupera o traballo deste coñecido autor do Rexurdimento e amosa un novo aspecto do seu traballo. E é que Valladares foi un pioneiro na recuperación da música popular galega, e na súa obra atopamos a fusión entre o mundo pacego e as cancións tradicionais.

Ayes de mi país é unha colección de 29 pezas distintas de música popular que están transcritas e contan cun acompañamento para piano elaborado polo propio Marcial Valladares. Para alén, varias das pezas presentan dúas versións desa notación con diferentes dificultades, polo que en total pódese falar de 34 pezas distintas, divididas en alalás, cantinelas, cantares do pandeiro, muiñeras, e cancións do ciclo do Nadal. Para alén da importancia intrínseca das cantigas que recolle Valladares neste traballo, segundo explica Isabel Rei “este é o cancioneiro de música tradicional máis antigo que coñecemtos ata o de agora”, xa que o caderno orixinal que recolle a obra está datado en 1865 polo autor e permanecera ata o de agora sen unha edición completa. Esta condición, canda á existencia do acompañamento para piano en cada unha das pezas revela un xeito inédito de achegamento a música tradicional naquela época. Como exemplo, Rei sinala que “José Inzenga foi un español que comezou a obra Cantos y bailes populares de España pero que finalmente só realizou a parte dedicada a Galicia. El tamén incluía acompañamento para piano ás pezas que recolleu, pero Valladares fíxoo case vinte anos antes do que el, recollendo a música e a letra”.

O interese de Valladares por este campo insírese no Rexurdimento e, de xeito mais amplo, no movemento que naquela altura do século estaba a se dar por toda Europa de cara á recuperación de linguas, tradicións e culturas tradicionais. Do mesmo xeito que se preocupou por escribir artigos, teatro, novela, e diferentes traballos sobre lingua e outras materias, Marcial tamén abordou a recuperación dos cantos tradicionais desde a súa formación musical. “Non era profesional pero sabía o que facía”, explica Isabel Rei, “ademais era bastante catastrofista sobre situación da lingua e da cultura do país e tentaba moverse”. Desde a casa grande que a súa familia mantiña en Vilancosta (Berres, A Estrada), preocupouse por facer recollidas. “Tiña moito contacto coa xente do lugar, se non falaban galego entre os membros da familia si que o farían coa xente da casa. Polas memorias da familia sábese que se xuntaban todos arredor da lareira e que ali se contaban historias e se cantaba”, explica esta investigadora.

Pode resultar curioso aos nosos ollos a idea de facer un acompañamento de piano para pezas tradicionais, pero naquel momento esta proposta supuña introducir os cantos tradicionais nos salóns pacegos, onde eran habituais as veladas nas que se interpretaban con este instrumento pezas de todo tipo. “A obra supón unha achega á música tradicional desde a música culta. Valladares buscaba revitalizar a música popular e inserila nos salóns dos pazos” explica Rei. “Pensaba que esas pezas se podían cantar en calquera lugar tal e como estaban. Hai traballos como o de Marcial del Adalid que se inspirou no seu cancioneiro nas melodías folclóricas e a partir delas elaborou as súas propias pezas musicais. Pero Valladares non as reformou, quixo presentar limpamente a cantiga, e despois como lle debeu parecer que el podía achegarlle algo, fixo un acompañamento sinxelo que pode tocar calquera persoa sen necesidade de ser profesional e que non interfire na música”.

Para os responsables desta edición, a propia idea da interpretación da música popular nos salóns pacegos do XIX “supuxo unha sorpresa. Nas memorias da familia dise que ían tocar a pazos de amigos e familiares, como Simonde ou Ribadulla, e aínda que non temos probas de que o fixesen é moi probable que tamén tocasen estas pezas”. E é que todos os Valladares tiñan formación musical. “Na casa aínda se conserva o piano forte, que debeu de ser os primeiros que chegou á Península e que se trouxo desde Zamora nun carro de bois. As partituras do cancioneiro estaban alí mesmo, no caixón. Tamén había unha guitarra que non se conserva e unha flauta de Serxio Valladares moi curiosa”. Segundo os responsables desta edición do cancioneiro, é posible que os traballos de compilación das pezas que logo Valladares seleccionaría para formar o cancioneiro comezasen cada cara a 1840, o que fai aínda máis pioneiro o seu labor. “Daquela comezaron os estudos de música na casa, e pode ser mesmo que o fixesen un pouco tamén para iniciar este traballo de recuperación”.

Precisamente este amor familiar pola música está detrás do outro achado destacado que fixeron Isabel Rei e José Luís do Pico. “Onda o cancioneiro había un dos maiores arquivos musicais que se achou na historia de Galicia e que se conserva sen editar”, explia Rei. Trátase de pezas manuscritas, algunhas de creación propia e noutros casos transcricións de composicións alleas acumuladas por diferentes membros da familia. “Pode haber cerca de seiscentas para piano, voz, guitarra, flauta e violín. Temos por exemplo unha peza de Avelina Valladares, que era guitarrista, e tamén hai pezas de autor anónimo. Pensamos que se trata de música recollida desde comezos do século XIX e poida mesmo que desde finais do XVIII. Hai moitas mans diferentes e pola letras vese que algúns escritos son moi antigos. Pensamos que xa o pai de Marcial, que estivo nas guerras napoleónicas, debía ter formación musical”, explica, e adianta a posibilidade de achados deste tipo se poidan multiplicar no futuro. “As bibliotecas dos pazos non están estudadas nin catalogadas. En moicos casos mesmo se achan a perder. Aínda recentemente no Pazo de Tor, en Monforte, aluciamos coas partituras que se conservan”.

Máis información: www.culturagalega.org

05/02/2011

Seguimos en pe

Fermín Bouza.-

O parlamento vasco abre a súa exposición Euskara jalgi hadi plazara ("Que o eúscaro saia á rúa") e na Cidade da Cultura de Santiago ábrese a partir de Febreiro a exposición Ex libris Gallaeciae coa mesma temática: os primeiros libros nas nosas linguas nacionais e todo o que rodea a aqueles acontecementos lingüísticos que non foron suficientes para neutralizar a presión histórica do idioma castelán, oficial na unificación de reinos e territorios, e cuxa potencia político-lingüística deixou moi mal parados aos nosos idiomas, entre outras cousas malparadas que nos deixou esa unificación e esa presión.

En realidade case todo o relacionado coa nosa existencia como pobos saíu en estado comatoso de todo iso, e chegou a hora de recuperalo sen necesidade de recorrer ás armas ou a procedementos desa clase. A democracia non os fai necesarios, e son agora os gobernos e as organizacións culturais e populares as que deben loitar sen descanso para invertir un durísimo proceso de destrución no que hai de todo, presión e opresión, autodestrución, colaboración interior, saqueo exterior, e todas as circunstancias e feitos que nos trouxeron onde estamos, unha parte de cuxa culpa nos corresponde por non coidar suficientemente o legado que se nos deixou.

E é isto último o que máis e mellor se pode corrixir, pois depende só de nós. Se nos pomos a iso, despois será moito máis doado saír da presión que se nos poida facer para que desaparezamos do mapa a maior gloria de tantos caudillos de ocasión que amencen coa idea de acabar até coas autonomías. Vaia o meu desprezo cara a eles.

O calendario exipcio

Moncho Paz.-

A reflexión humana sobre o tempo vén da época de Platón e dende entón seguimos a darlle voltas ao tema. O filósofo grego ensinounos a diferenciar entre o tempo subxectivo –o de cada persoa– e o tempo obxectivo, entendido éste como a duración dos acontecementos. En definitiva, unha cuestión interminable que segue a ser motivo de debate nos nosos días. Hai xustamente trinta anos, sendo un adolescente, puiden ver en televisión as imaxes do asasinato de Anwar el-Sadat, daquela presidente de Exipto, por un grupo de militares partidarios do integrismo islámico. Ata ese momento o país norteafricano era para mín o símbolo dunha civilización fascinante, aínda que descoñecida no que se refire á súa historia contemporánea.

O seu sucesor foi Hosni Mubarak, que durante tres décadas ostentou o poder coa herdanza de postergar a causa da unidade árabe e da loita contra Israel, en beneficio dunha política supostamente máis realista e encamiñada a fortalecer o desenvolvemento de Exipto. Predicando o liberalismo económico, abriuse moitas portas en Occidente, pero en detrimento das liberdades individuais. E hoxe o férreo réxime implantado por Mubarak agoniza e depende totalmente do calendario e das circunstancias, por moito que se empeñe en insistir en que “quero dimitir pero non podo” co argumento demagóxico de que sería o caos do país.

Como sempre, os que pretenden manter o poder a calquera prezo tentan librarse dos que cumprimos coa función de informar. Son inaceptables as agresións que están a sofrir os xornalistas desprazados en Exipto, acusados polos partidarios de Mubarak de ofrecer unha imaxe que non se axusta á realidade. Basta con escoitar as crónicas de Rosa Molló en TVE para ver a gravidade dos sucesos que se producen na Praza Midan Tahrir (ou da liberación) do Cairo, convertida nun auténtico campo de batalla e tamén na estampa dunha ditadura que esmorece día a día. O anuncio presidencial de formar un novo Goberno é un insulto á intelixencia, pois nada cambiará mentres siga o actor principal. Na astroloxía exipcia estamos nos días de Bastet, a deusa gata, que trae protección para o fogar. Oxalá leve a Mubarak ben lonxe para que regrese a ilusión á beira do Nilo.

04/02/2011

A Lola do Toniño

Xulio Xiz.-

O Instituto de Estudos Chairegos ven de publicar un dos seus cadernos, onde se rescatan vellas historias e vellas imaxes para que todos saiban como era a vida doutrora nesta terra, e os maiores poidamos volver ó pasado con vellas fotografías que nos dín – ó mellor xa o esquecemos – como fomos algunha vez.

E noto a faltar, e se a hai non a coñezo, unha historia de xentes, de persoas doutro tempo que só quedan na lembranza dos maiores que imos esquecéndonos delas.

Estes días deume por lembrar a Lola do Toniño, á que tamén lle chamabamos a “Dolores tola”, pero de tola non tiña absolutamente nada.

Dolores vivía nos Catro Camiños, á beira dun vello cruceiro situado entre a estrada de lanzós e a das Pontes. Cos meus ollos de neno recórdoa moi maior, pero seguro que era moito máis nova do que eu son agora.

A Lola pasaba varias veces ó día diante da miña casa, na porta de Cima, cara a praza da Igrexa ou de volta, e como o seu volume era considerable e as forzas minguaban, e tiña algún problema de tipo respiratorio, levaba no brazo unha silla que utilizaba de cando en cando para sentar en plena rúa. Era unha silla de madeira con asento trenzado, voluminosa para ser carretada, pero tremendamente util como a cotío podía comprobarse.

E un ía pola rúa, e en calquera esquina, diante dunha casa, onde houbera xente, estaba a Lola do Toniño sentada na súa silla, descansando, facendo tempo, vivindo.

A xente chamáballe “A Dolores tola”, quizais polo da silla, pero a boa muller falaba e razonaba con toda propiedade, e era querida por toda a veciñanza. E de tola non debía ter un pelo, que en dúas palabras resumía toda a actualidade e toda a historia da humanidade.

Non recordo dela máis que esa frase, que me deixou marcado en tempos nos que o falar mesurado cotizábase, e non caían ben as estridencias. Diante calquera sucedido, o comentario de Dolores era lapidario e sempre remataba coa exclamación de “Mundo puto!”.

Certo que xa daquela o mundo evidenciaba estar bastante tolo, pero non máis ca agora. E agora, que os medios de comunicación nos sitúan en calquera punto do globo, e as noticias globais na nosa propia casa, temos que recoñecer que non estaba nada mal aquel xuizo para unha muller que tiña unha curta xeografía física pero grande profundidade humana.

E que postos a enxuizar, poucos analistas chegarían a máis fonda conclusión sobre o que nos rodea ca a palabra da “Dolores tola”, a Lola do Toniño, transcendendo no tempo, aseverando que estamos nun “Mundo puto!”.

A representación política ideal

Redacción.-

Mónica Threlfall, profesora investigadora da London Metropolitan University, falará mañá xoves 3 de febreiro ás 17 horas no Consello da Cultura Galega, sobre “A representación política ideal d@s cidad@ns en España, Reino Unido, Polonia e Macedonia”. A intervención forma parte do seminario interdisciplinar “O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)”, que, desde hai tres anos, ven realizando o Consello da Cultura Galega coa coordinación do profesor Ramón Maiz.

Mónica Threlfall dirixe actualmente un dos equipos do proxecto “FEMCIT-A Cidadanía Xerada nunha Europa Multicultural”, que sostén que a representación política debe reorganizarse para que cidad@ns e residentes se sintan incluídos. Ten publicado traballos sobre o papel das organizacións da sociedade civil na transición democrática, o consenso ou o movemento feminista en España.

O texto da súa intervención pode verse en:
http://consellodacultura.org/?page_id=847

03/02/2011

Os contos do camiño

Redacción

O Museo do Pobo Galego acolleu onte á mañá á presentación do libro Os contos do camiño, enmarcado no proxecto homónimo que formou parte do Camiño Infantil da programación deseñada para Xacobeo 2010. Neste acto, o xefe da área de Publicacións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul, estivo acompañado pola coordinadora do proxecto Os Contos do Camiño, Eva Mejuto; e polo secretario do Museo do Pobo Galego, Francisco J. Sanjiao Otero.

No marco do proxecto Os contos do camiño, ilustradores de recoñecido prestixio de Francia, Portugal e España viaxaron ao longo do pasado ano a Burdeos, Madrid, Évora, Óbidos, Pombal, Beja e Santiago de Compostela con contos da tradición oral dos seus respectivos países para que os escolares destas cidades lles deran vida facendo uso de pinceis, tinta, lapis, tea e papel. O resultado é o libro Os contos do camiño, presentado hoxe en Santiago.

A iniciativa, coordinada pola editorial galega OQO, en colaboración -en calidade de socios- da francesa La Compagnie Créative, a portuguesa O Bichinho de Conto e o Museo Thyseen-Bornemisza, foi a única representante galega en 2009 no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Asemade, acadou a maior puntuación, ao sumar 32 puntos dos 35 máximos posibles.

O libro presentado hoxe en Santiago é a compilación das ilustracións realizadas na actividade Ilustrar un conto con... na que un famoso ilustrador internacional escolleu un conto tradicional do seu lugar de orixe para contárllelo aos rapaces e máis tarde todos traballaron na ilustración dunha secuencia da obra por día. Deste xeito, tentouse acadar o intercambio e o movemento transnacional da creación artística.

Así, a Burdeos (Francia) foi a ilustradora portuguesa Teresa Lima co conto O macaco do rabo cortado; a Évora, a galega Itziar Ezquieta con A flor de Lirolai; a Óbidos, Beja e Pombal, o andaluz Chené Gómez con Juanillo el de la burra; e ao Museo Thyssen-Bornemisza, a francesa Véronique Vernette coa historia Les dons des trois animaux.

En Santiago de Compostela, por ser a cidade onde remataron as actividades de Os Contos do Camiño, foron catro os ilustradores que impartiron os obradoiros.. Así, na primeira semana de maio o CGAC acolleu en Ilustrar un conto con... á francesa, de orixe polaco, Joanna Concejo. As nenas e nenos ilustraron unha historia da tradición oral francesa Père Long-Nez.

A continuación, os escolares ilustraron o conto Per què l’aigua del mar es salada no obradoiro que impartiu o catalán Roger Olmos. A seguinte semana, os escolares déronlle vida ao relato popular galego O segredo do Mouro, no obradoiro impartido pola ilustradora Paula Aneiros. Concluíu a actividade de Ilustrar un conto con... a portuguesa Malfalda Milhões coa historia Os baptizados da raposa.

Unha selección destas ilustracións e as obras artísticas creadas polos cativos dos tres países nos outros dos obradoiros do proxecto (Un camiño de contos e A arte no camiño) foron expostas durante o mes de setembro no Museo do Pobo Galego, e actualmente pódense visitar virtualmente na galería da web do proxecto

Proxecto europeo
Os Contos do Camiño estivo dirixido a escolares de educación infantil e primaria nos que se pretendeu espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e achegarse aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo. Por este motivo, as actividades incidiron na ruta xacobea como o principal e primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e que congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais de cos centros de ensino, en cada unha das cidades contactouse con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección. Asemade cada centro de ensino participante recibiu, previamente á celebración das actividades, unha maleta de madeira cos álbums que serviron de base ás actividades e guías didácticas de apoio, así como información sobre o Camiño de Santiago e as súas distintas rutas. Deste modo, os docentes puideron incorporar no currículo do ano esta experiencia pluridisciplinar, coa posibilidade de ser continuada en cursos posteriores, xa que o material das maletas pasa a formar parte das bibliotecas escolares.

A ferramenta web creada para o proxecto (www.oscontosdocamino.eu) permitiu a interacción dos centros dos tres países, favorecendo o intercambio de experiencias a través dun foro e un videochat. O desenvolvemento da iniciativa tivo unha excelente acollida entre o público infantil e docente -máis de 25.000 escolares participantes-. Ademais, numerosos centros de ensino de distintas partes de España, Portugal e Francia reiteraron o seu interese de participar en Os contos do camiño nos anos vindeiros.

Revista avozdevilalba.com 2011 en PDF






Redacción

Do mesmo xeito que en anos anteriores, os contidos da edición dixital de avozdevilalba.com están ao dispor dos lectores nunha revista editada en formato de arquivo .pdf. Isto permite imprimilos ou gardalos de xeito cómodo no PC. Calquera lector pode acceder aos números editados clicando nas imaxes das portadas que acompañan este texto.

Teatro Arte Livre

Redacción

Despois do exito de O cuarto de Giovanni, en preparación agora para estrear en Barcelona con Rafael Amargo para o més de Abril, Roberto Cordovani e Bruno Portela, en comemoración ao 5º aniversário do Teatro Arte Livre, presentan O efecto dos raios gamma nas margaridas do campo, obra gañadora do premio Pultizer do autor norteamericano Paul Zindel, sobre a violencia doméstica, desde a ótica do universo feminino e malos tratos cos da terceira idade.

O espetáculo estrearáse este venres, día 4 de febreiro ás 21:30hs e cumprirá corta tempada, soamente no mes de febreiro tamén os sábados e domingos. Nel participan Roberto Cordovani, Laura Alvarez, Andrea Nespereira e Bruno Portela. Cordovani interpreta a frustrada e violenta nai de familia Beatriz, que maltrata unha anciana de 102 anos interpretada por Bruno Portela e ten coma competición as súas dúas fillas e vítimas, Matilde (Andrea Nespereira) e Ruth (Laura Alvarez).

Este espectáculo xa tivo tempadas exitosas en Lisboa e Brasil con Cordovani. A obra que fará tempada a partir de 04 de febreiro fará espectáculos extras durante a semana para Institutos, colexios e organismos.

Roberto Cordovani é actor, autor, director, iluminador e produtor teatral. Fundador da Compañía Arte Livre do Brasil, en São Paulo, en 1981, e desde 1985 en Europa. Viaxou cos seus espectáculos por 9 países e 360 cidades da Europa. Como actor recibiu os Premios Compostela de Teatro, Festival de Outono de Madrid, Premio no Festival de Edimburgo e de mellor actor de Londres. Foi o primeiro latino a recibir estas condecoracións. En Galicia dirixiu e representou, entre outras, as seguintes obras: Dr. Jekyll & Mr. Hyde, Ollares de Perfil (O mito de Greta Garbo), O Retrato de Dorian Gray, Todos os Homes, Eva Perón, Isadora Duncan, Orlando, Belle Otero (O corpo que fala), Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegard, Evita, Eva Perón, A volta do Parafuso, O Efecto dos Raios Gamma nas Margaridas do Campo, Infamia, As Bruxas de Salen, Aladin Perdido na Galiza, Ídolos de Papel. Autor do libro “Teatro brasileiro en Galícia” (Universidade da Coruña, 2002), é director e propietário do Teatro Arte Livre en Vigo.

Teatro Arte Livre:
Rúa Vázquez Varela, 19 - Vigo. Telefones: 986 11 44 44 e 673 21 84 10. Capacidade 100 prazas. A taquilla abre 30min antes do inicio da función. Aceso para portadores de necesidades especiais. Fanse reservas por teléfono.
Máis información: http://teatroartelivre.no.comunidades.net/