XLII Festival de Pardiñas

Redacción. -
Este domingo, 1 de agosto, a Asociación Cultural Xermolos fará a presentación do XLII FESTIVAL DE PARDIÑAS, ás 6 da tarde, na igrexa do San Alberte, ao pé da Nacional Vi, entre Guitiriz e Baamonde.

Durante o festival celébrase a Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional

Este é un festival que se denomina a si mesmo “Feira e festa da música e da arte” e que desde 1980 organiza a asociación cultural  Xermolos, dedicada a preservar e difundir a cultura galega.

En torno a un festival de música, por cuxo escenario pasan grupos e intérpretes galegos, españois e de distintos lugares do mundo (Francia, Escocia, Cuba, Portugal…) teñen lugar outros eventos, como mostras de artesanía, exposicións de pintura, escultura, fotografía, cerámica, debuxo infantil, espazos de poesía, de narrativa, feira de libros, ou un dos pratos principais, a Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional.

A suma de todos estes ingredientes fai do festival de Pardiñas un evento no que se respira creatividade e frescura polos catro costados que goza do recoñecemento de artistas, creadores e público.

30 de xul. de 2021

A auga é vida

Redacción. -

Os anos setenta do século XX marcaron un punto de inflexión na historia recente de Mos. Eran tempos de mudanzas políticas e sociais, nos que o movemento veciñal rexurdía ao tempo que agonizaba a ditadura e a xente empezou a organizarse para mellorar as súas condicións de vida nun momento en que aínda había moitas carencias. Unha das máis importantes, o subministro de auga potable, que dependía ata entón de pozos ou mananciais particulares sen ningún tipo de garantía sanitaria. A administración non ofrecía solucións e as familias fóronse organizando pola súa conta, por barrios, para construír captacións e depósitos no monte, despregar unha rede de abastecemento que chegara a todas as casas e crear un novo sistema de autoxestión para administrar o servizo de maneira eficaz.

As persoas que participaron na construción das traídas de augas desenvolveron un traballo en ocasións heroico, xogándose a vida cavando a man unhas trincheiras que podían derrubarse en calquera momento, e a través do proxecto ‘A nosa auga, a nosa historia’ a Plataforma ‘A Auga é Vida’ quere poñer en valor a relevancia deste movemento histórico. Nas últimas semanas organizáronse varios encontros de fundadores e membros das directivas das comunidades de usuarios onde se compilaron lembranzas e anécdotas de máis de catro décadas de xestión veciñal do abastecemento. Algunhas historias relativas á procura dos mananciais, a adquisición dos terreos ou a organización de cuadrillas para a realización dos traballos xa foron difundidas en vídeos publicados nas redes sociais e todo ese material servirá para elaborar un documental que será presentado no outono.

En todas as entrevistas realizadas ata o momento, queda de manifesto o sentimento de orgullo das persoas que participaron nese proceso, así como a convicción de que a autoxestión veciñal da auga é un sistema de abastecemento con moito futuro por diante. Fundadores e usuarios das traídas de Monte Baxiña, Tameiga-Casal e Petelos ofreceron xa o seu testemuño e reivindicaron as vantaxes de contar cun subministro de calidade, económico, con plenas garantías sanitarias e sustentable dende o punto de vista ambiental. Tal como expresou recentemente Augas de Galicia, a experiencia demostra que as traídas comunitarias son a solución máis eficaz para o abastecemento en áreas de poboación dispersa e fronte a certos discursos que non últimos tempos puxeron en cuestión a capacidade de xestión das comunidades de usuarios, a Plataforma ‘A Auga é vida’ quere reivindicar o traballo desenvolvido por varias xeracións de mosenses para levar a auga a todos os fogares.

29 de xul. de 2021

Viñetas desde o Atlántico

Redacción. -
O Concello da Coruña acollía na mañá deste 27 de xullo a presentación do vixésimo cuarto Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá na cidade entre os vindeiros 9 e 15 de agosto. Miguelanxo Prado, director do evento, daba a coñecer neste acto a listaxe de artistas que visitarán o encontro, protagonizarán exposicións e asinarán exemplares dos seus traballos. Segundo destacou, "este Viñetas 2021 é o da supervivencia positiva, o salón que se executará nunha fase próxima á normalización absoluta e fará de ponte coa celebración do 25 aniversario de Viñetas no 2022".

Entre os nomes que paraticiparán no evento, destaca o dun galego, Das Pastoras, que amosará os orixinais do seu flamante traballo Hércules 1417, que conta con guión de Pedro Villora. Canda a el, poderá verse a adaptación de Dune á BD que realizaron Raúl Allén e Patricia Martín, mentres Pepe Larraz achegará os superheroes que realiza para a editorial Marvel en Estados Unidos.

Pola súa banda, dous pesos pesados do panorama estatal, os multipremiados Javier Olivares e Santiago García protagonizarán unha exposición no Kiosko Afonso con orixinais das súas obras La Cólera e mais Las Meninas, coa que obtiveron o Premio Nacional do Cómic de España en 2015. Núria Tamarit, autora do recoñecido Avery's Blues, Jaime Martín, coa súa triloxía sobre a recente historia de España, e mais Tyto Alba, coñecido pola súas biografía en banda deseñada de autores como Casagemas, Picasso, Fellini, Balthus ou Whitman estarán tamén presentes no evento.

Outra protagonista do festival será Teresa Valero, nominada aos premios Eisner 2021 con Contrapaso e autora do cartel desta xeira. Do noso país chega o dúo formado por Fernando Llor e Miguel Porto, que continúan no evento os recoñecementos á súa obra Subnormal, dedicada ao acoso escolar.

Canda ás exposicións de todos os nomes convidados, tamén se poderán ver mostras dos premios Castelao de Banda Deseñada 2020. Deste xeito, a Sala Salvador de Madariaga acollerá Adeus amigos, de Begoña García-Alén e As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán. A Torre de Hércules acollerá tamén unha mostra que compila todos os carteis que tivo o Salón ao longo da súa historia.

Como é habitual, haberá encontros con autores e autoras e sesións de sinaturas, así como o mercado dedicado á banda deseñada nos xardíns de Méndez Núñez. Despois do remate das actividades, as exposicións permanecerán abertas ata o vindeiro 5 de setembro. A organización adiantou que todas as actividades se desenvolverán de acordo aos protocolos sanitarios vixentes no nomento da celebración.

27 de xul. de 2021

Regresa o FIV

Redacción. -

O FIV está de volta. Celebrará este 2021 a súa 14ª edición, os días 17, 18 e 19 do próximo mes de setembro. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nun referente do calendario festivaleiro nacional. Foi a partir da cuarta edición cando o festival adquiriu entidade propia, celebrándose ininterrumpidamente nos meses primaverais ano tras ano; ata a chegada da Covid19. Agora, tralo parón provocado polas circunstancias sanitarias, o FIV de Vilalba está, por fin, de volta; e faino adaptándose aos tempos.

Trátase dun evento único, no que a música se mestura con outras disciplinas atractivas que completan a experiencia. Un acontecemento clave para Vilalba, que pode desenvolverse grazas á aposta do concello por manter esta cita nun ano complexo, e que supón para a localidade unha inxección importante na revitalización económica, tan necesaria trala crise dos últimos meses. Emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Repercusión para a vila de Vilalba non só a nivel comunitario, senón tamén a nivel nacional.

Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira. Enclaves queacollerán este novo FIV; espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes. Pois a edición deste 2021 será, ante todo, segura. O cambio de escenarios respecto a edicións anteriores, así como a modificación das datas, garanten a celebración do festival. Fan que o seu desenvolvemento sexa posible de acordo coas medidas sanitarias, e aseguran a súa viabilidade cara a edicións futuras.

O festival é tamén un dinamizador cultural do territorio. Polos seus diferentes escenarios pasaron recoñecidos artistas de primeira liña do panorama actual, e nesta edición manterase o aceno de identidade de perfil de bandas nacionais de corte indie / pop / rock, con algúns artistas xa habituais do festival.

Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Djson as confirmacións dun atractivo cartel que fará que o público volte a gozar. O FIV Vilalba contará ademais cun espazo para artistas emerxentes no que os e as asistentes terán a oportunidade de descubrir ás voces do futuro.

Este festival marcou, de sempre, a apertura do calendario festivaleiro. Conta ademais cun público fiel en cada unha das súas edicións, e vese como unha proposta cultural accesible para un público de case calquera idade. Esta edición conxuga a esencia do propio FIV marcada por artistas habituais e concertos xa consolidados como o da Banda Municipal de Música de Vilalba, con outras novidades. Deste concepto nace FIV KIDS, un espazo para os pequenos e as pequenas da casa, no que gozarán de ofertas adaptadas aos seus intereses.

O FIV, xunto ao Concello de Vilalba, dará nesta edición continuidade á programación paralela do festival, aproveitando distintos espazos da localidade, dinamizando e ampliando a actividade na vila. Actividades paralelas, aderezadas coa mellor música indie do panorama nacional, e coa posibilidade de combinalo todo coa oferta gastronómica local. Trátase de renacer, pero sen perder a esencia, sen embargo, un novo FIV necesita unha nova imaxe, de aí o cartel desta 14ª edición do festival, no que se destaca a importancia e o protagonismo de Vilalba.

Proximamente ampliarase información sobre as actividades paralelas do festival.

22 de xul. de 2021

Volve Rompente coa Editorial Elvira

Redacción. -

Hoxe mércores estarán os fedellos dos ROMPENTE nunha nova presentación de «QUE HOSTIA DIN OS RUMOROSOS?», da Editorial Elvira, de Vigo. Nesta ocasión en Pontevedra, no fermoso espazo Nemonon, a partir das 20:00 horas.

Entre 1976 e 1983, Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño mantiveron viva unha actitude literaria rompedora en Galicia que comezou chamándose Grupo de Resistencia Poética e desembocou no que marcaría as súas vidas: O Grupo de Comunicación Poética Rompente. Publicaban poemas con aquela técnica de impresión coñecida como «vietnamita» e multicopias con clixés. Eran, en doses inexactas, un chisco «beat» e un chisco guerrilleiros. Avendaño, Reixa e Romón fundaron Rompente Edicións e publicaron «Silabario da turbina» (1978) e «A dama que fala» (1983). En 1979, a serie Tres Tristes Trigues vería a publicación de 3 libros de autor: «As Ladillas do Travesti» (Reixa), «galletas kokoshka non» (Romón9 e «Facer Pulgarcitos Tres» (Avendaño). Logo, reecontraríanse na antoloxía poética «Upalás» (1998). Facían «performances» e estaban obsesionados coa linguaxe «multimedia». Subíanse a escenarios con músicos como Julian Hernández (antes de que se fundase Siniestro Total), e colaboraban con pintores como Menchu Lamas e Antón Patiño para visualizar a súa expresión poética. Hoxe, uns 40 anos despois, teiman na poesía e volven dirixirse a palabra aínda que seguen falando sós.


21 de xul. de 2021

34 edición do Festival Noroeste

Redacción. -

Haberá Festival Noroeste Estrella Galicia este ano na Coruña. A presentación oficial de datas e cartel por parte da alcaldesa, Inés Rey, despexou todas as dúbidas tras a cancelación aínda recente dos concertos programados para o estadio de Riazor. A 34 edición terá lugar do 6 ao 8 de agosto e conservará toda a súa esencia e calidade nunha versión similar á do ano pasado que finalmente non se puido realizar. Nesta entrega terán cabida artistas que en agosto de 2020 non se puideron subir ao escenario, moitos deles da escena musical galega.

Catro escenarios en diferentes puntos da cidade asegurarán a expansión do festival polos barrios e evitarán a concentración: praza de María Pita, parque Santa Margarida, Parque Europa e Campo da Leña, onde actuarán 25 formacións, das que catro son internacionais (Cimafunk, Javiera Mena, Morgane Ji e Lina & Raül Refree), 9 nacionais e 12 galegas. Entre estas últimas están nomes como Triángulo de Amor Bizarro, Bala, Mad Martin Trío, Baiuca, Ataque Escampe ou The Soul Jackets, entre outros. A nivel nacional o festival contará por exemplo con Zahara, Los Zigarros, Marlango e o Combo Paradiso.

Homenaxe a Nonito Pereira e Jaime Manso
Como estaba xa previsto o pasado ano, os escenarios denominaranse en xeito de homenaxe a dúas figuras imprescindibles da historia da música moderna na cidade, Nonito Pereira e Jaime Manso, que lles porán nome aos escenarios de María Pita e Santa Margarida respectivamente. Estes dous escenarios e o do Parque Europa contarán con sesións os tres días ás 20.00 e 22.30 horas. Ademais haberá sesións vermú no Campo da Leña durante as tres xornadas e en María Pita o sábado e o domingo co fin de lle axudar á hostalaría animando os ditos días ambas as zonas. Todos os concertos serán sentados debido á evolución da pandemia e as localidades poderanse comezar a reservar desde tres días antes do inicio do festival na web do evento. Canto ás capacidades e dada a evolución actual da pandemia, seguirase rigorosamente a normativa e o acceso será logo da retirada previa de código QR para todas as sesións do día. Establecerase tamén un rexistro de datos persoais. Cos ditos códigos QR poderase acceder ao recinto até 15 minutos antes do inicio do primeiro espectáculo. Despois, o acceso será por rexistro físico na porta até completar a capacidade.

Axudas ao sector editorial

Redacción. -

 A Xunta de Galicia vén de convocar unha liña de axudas dotada con 200.000 euros dirixida ao sector editorial galego co obxectivo de impulsar a distribución das obras editadas e, deste xeito, facilitar que cheguen ao público lector.

Segundo se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, as axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas entre o 1 de setembro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. Entre os gastos subvencionables están os derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

Á convocatoria poderán presentarse as empresas editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia, e os libros obxecto de axuda deberán cumprir cunha serie de requisitos como estaren editados en Galicia e comercializados a través de librerías ou doutras plataformas de distribución física ou dixital, contar unha tiraxe mínima de 500 exemplares (250 exemplares por tiraxe no caso de obra de poesía, teatro e ensaio), contar cun plan de distribución e comercialización en España ou fóra de España, ser a primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha obra cuxa última edición na lingua que se propón publicar teña unha antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas por exemplar (a excepción dos libros infantís, de teatro e de poesía), entre outros.

A orde tamén especifica os criterios de reparto das contías en función dunha serie de porcentaxes segundo o investimento presentado para cada publicación. En todo cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o o importe máximo adxudicado a cada unha delas non superará os 30.000 euros. O prazo para solicitar as axudas remata o 2 de agosto.

Dinamización do sector
Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación da cultura, que este ano se viu reforzado con 23M€.

Ademais das axudas á distribución que hoxe se convocan, no caso concreto da dinamización do sector do libro a Xunta mantén tamén outras convocatorias como as dirixidas ás librarías para o apoio á difusión do libro e da lectura, ou o apoio ás Feiras do Libro de Galicia con doce paradas en distintas cidades e vilas ata o mes de agosto.

20 de xul. de 2021

'Asdomare' no Museo do Pobo Galego

Redacción. -

A narradora Vero Rilo e a música Sonsoles Penadique apostan novamente polas augas, despois de ter xirado por todo o país co seu espectáculo O Pozo das Señoras. Agora lanzan esta nova proposta onde palabra, música e mulleres van da man.

A estrea deste agardado novo espectáculo será triple: o 21 e 22 de xullo ás 11:30h no Museo do Pobo Galego haberá un pase para Centros Socioculturais, e o 22 ás 19:30h será o turno das familias.

Rilo&Pendique narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.

Teñen espectáculos para crianzas, como A formiga no carreiro, Barrococó, Derriba da lúa ou Historias con susto para durmir a gusto; e para público adulto, como Lavandeiras ou Arrolando as frores



16 de xul. de 2021

Exposición de Isabel Pardo

Redacción. -

O Instituto  de  Estudos  Chairegos (IESCHA),  en  colaboración  co  Concello  de Vilalba,  organiza  a  exposición  Debuxo  e pintura  de  ISABEL  PARDO. O  acto de inauguración terá lugar o venres 23  de  xullo,  ás  19:30  horas,  na  CASA  DA CULTURA  DE VILALBA. Intervirán: ANTÓN DE GUIZÁN,  MARISA BERREIRO e  ISABEL  PARDO A  exposición  poderá  visitarse  dende  o  día 23  de  xullo  ata  o  20  de  agosto  de  2021. 

ISABEL PARDO Actualmente  estuda  Historia da  Arte  en  Santiago,  onde pasa  a  maior  parte  do  tempo.   Realizou  dúas  exposicións  entre  o  2017  e  o  2019,  participando, tamén  nestes  anos,  en  diversos  actos  sociais,  pintando  en directo.  Algúns  destes  actos  son  o  premio  Agustín  Fernández  Paz,  en  Vilalba, e  o  premio  Trapeiro  de  Honra  a  Raúl Río, nos Vilares, da man  da NPG. Ilustrou  o  número  0  da  revista  NPGgazeta,  e  paralelamente  o  libro  de  poesía de  Emilia  Martínez  Fuentes  "Lendas e versos". Tamén  esta  a  traballar  dando  clases  de  debuxo  a  rapaces  e  rapazas,  así  como realizando  murais  privados.  Houbo  un  parón  neste  último  tempo  a  nivel  social, no  que  se  alonxou  un  pouco,  pero  que  foi  necesario  para  poder  evolucionar tanto estilística como temáticamente. 

'Algúns contos completos', de Domingo Villar

Redacción. -

Editorial Galaxia levará de novo ás librarías a Domingo Villar a principios de setembro. Tralo éxito de O último barco, que puxo o ramo á triloxía do inspector Leo Caldas, dous anos despois, Algúns contos completos desvelará unha faceta sorprendente do aplaudido autor de novela negra.

O escritor Domingo Villar e o pintor Carlos Baonza únense nunha aventura creativa de dez contos ilustrados que, na mellor tradición oral da terra galega de Villar, funden o retrato social e a comedia, a maxia coa realidade. 
Algúns contos completos reúne unha selección de relatos que o autor foi producindo ao longo dos anos. Uns foron recollidos en diarios ou lidos en público, outros son inéditos, pero todos estaban contemplados como narracións orais que Villar “reservaba para encontros familiares sen outra intención que celebrar a risa compartida e a amizade”.

Completan o volume os espectaculares linogravados de Carlos Baonza, que dialogan coas palabras de Villar nunha colaboración que non é nova: “Nunha desas ocasións nas que eu lía os meus relatos, estaba sentado á mesa o meu amigo Carlos Baonza, un marabilloso artista natural que convive co seu singular mundo interior sen un ápice de pose ou presunción. E daquel encontro xurdiron algúns outros que se foron sofisticando ata encamiñarse cara a unha sorte de sesións de cine mudo, nas que, sempre para un grupo de amigos, eu lía as miñas pequenas historias mentres proxectabamos os linogravados de Carlos”.

Domingo Villar (Vigo, 1971) inaugurou con Ollos de auga a exitosa serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. O segundo título, A praia dos afogados, supuxo unha consagración no panorama internacional da novela negra, obtendo excelentes críticas e vendas. En 2019 publicouse O último barco, o esperado regreso do inspector Leo Caldas. A serie foi traducida a máis de quince linguas e recibiu un gran número de premios.

Carlos Baonza (Madrid, 1957) é pintor, gravador e escultor. Iniciouse na actividade artística de forma autodidacta en relación directa con outros artistas consolidados. Ata o ano 2015 compartiu o seu tempo entre a docencia e a actividade artística (ás veces combinando ambas as dúas en talleres de arte) e dende entón ten plena dedicación ao arte plástico-visual. Ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas, performances e instalacións en España, Austria, Alemaña e Italia.

10 de xul. de 2021

Pedras de Cartón gañan en Almagro

Redacción. -

A compañía galega Pedras de Cartón gaña o Certame Barroco Infantil do prestixioso Festival de Teatro Clásico de Almagro
Hoxe volverán representar a peza no Teatro Municipal de Almagro

O espectáculo Quixote, da compañía coruñesa  Pedras de Cartón, gañou por unanimidade o X Certame Internacional Barroco Infantil na presente edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, un dos festivais de teatro clásico máis importantes do Estado.

O xurado destacou a creatividade da obra, "o inxenio da mímica para sacar un sorriso" e "a maestría e o oficio dos actores para conectar co público baixo a acertada batuta da directora de escena".

Juan Rodríguez e Pablo Sánchez metéronse na pel de Quixote e Sancho para interpretar o texto de Cervantes en clave de clown e sen palabras baixo a dirección de Laura Sarasola.

A compañía 
Pedras de Cartón nace coa intención de crear espectáculos que poidan chegar ao maior número de públicos posible.

Con Lázaro de Tormes, a súa primeira peza, xa recibiran a Mención especia do xurado na pasada edición do Festival de Almagro. Nesa ocasión abordaron o clásico picaresco pero contado e representado, por primeira vez, sen palabras. Agora utilizan o clown ao puro estilo Fellini para achegar o Quixote ao público familiar. 

9 de xul. de 2021

Recomendacións para a limpeza de praias

Redacción. -

Ecoloxistas en Acción presenta a todos os concellos das Rías Baixas un manual de recomendación para realizar unha limpeza das praias de xeito respectuoso co medio ambiente.A organización ecoloxistas agarda que os concellos atendan as súas recomendacións e deste xeito rematar con prácticas moi agresivas para a biodiversidade dos areais.

A sociedade do lecer actual xera unha gran presión sobre os areais, moito máis intensiva coa chegada da época estival, cando se esixe por parte dos usuarios en maior medida unha adecuada calidade hixiénica da area e da auga de baño. Con todo, esta a limpeza non debe supoñer un impacto negativo ao ecosistema natural litoral. O uso de maquinaria pesada (pas escavadoras e máquinas cribadoras), co fin de realizar unha limpeza exhaustiva, pode provocar unha redución dos sedimentos e unha alteración da biodiversidade existente, producindo un impacto máis significativo naquelas praias con sistemas dunares.

As algas e fanerógamas, que ás veces son consideradas como sucias e molestas tras ser depositadas polas mareas periodicamente nas praias de Galicia, son en realidade o hábitat e o alimento de gran número de especies de pequeno tamaño, cuxa existencia depende totalmente da chegada dos  arribazones posto que as praias carecen de vexetación. Ademais, son a base de todo un sistema e unha pirámide trófica que actúan como hábitat exclusivo e recurso alimenticio de numerosos invertebrados, tales como crustáceos, insectos e outros grupos que non supoñen ningún risco para a saúde humana e cuxo nicho se atopa ligado de forma practicamente exclusiva a estes acúmulos.

A importancia da presenza destes organismos, non reside tan só en que por si mesmos achegan riqueza e diversidade biolóxica ás praias, senón que tamén supoñen a fonte de alimento de distintas aves de enorme interese ecolóxico, algunhas delas en risco de desaparición en Galicia como o Chorlitejo patinegro (Charadrius alexandrinus).

A limpeza mecanizada das praias de forma exhaustiva e sen aplicar criterios  geomorfológicos e ambientais de xestión non só reduce a biodiversidade costeira, tamén altera os perfís de praia e provoca unha perda de sedimentos. A  compactación producida polo paso continuado da maquinaria pesada favorece a entrada da ondada, incrementando os procesos  erosivos. Doutra banda, a limpeza mecanizada desestabiliza o pé de noiro de en zonas dunares, coa consecuente eliminación vexetal, facilitando a acción directa do vento no seu proceso erosivo. Ademais, a retirada de  plantones afecta negativamente as dunas embrionarias, xa que estabilizan de forma natural o sedimento. 

A todo isto, únese a retirada involuntaria dun gran volume de area retida polas algas, que se produce ao recoller estas de forma mecánica. Aconséllase que as algas se retiren de forma manual, pero nunca con medios mecánicos xa que arrasan con toda a riqueza que conleva. En caso da total retirada das algas, sería aconséllase depositalas nalgún lugar outro lugar da mesma praia.

"O concepto de sucidade non pode asociarse á presenza dos  acúmulos de algas que cumpren un notable papel ecolóxico. Trátase de ver as praias como enclaves naturais que teñen a súa propia dinámica biolóxica, e non como meras extensións de area case estéril." -resalta Ana Prado, bióloga e voceira da área marina de Ecoloxistas en Acción.

Ver o vídeo explicativo: https://youtu.be/DJOX_XXssqA

7 de xul. de 2021

"Utopías", con Atenea García

Redacción. -

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 10, ás 19 hrs, o espectáculo de narración oral “Utopías”, de Atenea García. A actividade encádrase no Festival internacional de narración oral Atlántica, no que este ano colabora a Casa-Museo Manuel María, e que está a levar as súas actividades a distintas localidades de Galiza, e concretamente a espazos significativos co patrimonio e a cultura galega.

O espectáculo gratuíto, dirixido para público infantil e familiar, a partir de 3 anos, combina a narración oral e a manipulación de obxectos. A través de diversas historias as persoas asistentes irán descubrindo eses mundos invisíbeis que nos rodean, eses outros xeitos de vivir. Ratos na procura de novos camiños, rapazas que soben e baixan escaleiras e parrulos, moitos parrulos.

Atenea García é actriz e creadora escénica. Titulouse en Arte Dramática pola ESAD de Galicia no ano 2010. Durante os anos 2011 e 2012 viviu na cidade de Bos Aires; onde ampliou a súa formación no ámbito vocal e interpretativo con mestras como Jessica Pinkus ou Ignacio Monna. Tras a súa volta a Galiza traballou como actriz no Colectivo Avoayouja formando parte de varias das súas montaxes. No ano 2015 fundou co músico Nicolás Zamorano a compañía Xarope Tulú. Desde o ano 2017 colabora como performer co colectivo Blanco&Roja e coa artista Alba Blanco. No ano 2019 traballou como actriz na montaxe Galego, Neorretranca e posmorriña do Centro Dramático. Na actualidade, Atenea combina o seu labor como actriz en diversos proxectos coa súa actividade como narradora oral.

A entrada é de balde mais cómpre anotarse a través do correo electrónico:

contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.


Roza reivindicativa en Caldaloba

Redacción. -

Onte á mañá, representantes de entidades da Terra Chá e de concellos lindeiros, levaron a cabo un acto reivindicativo que consistiu na roza da contorna da torre de Caldaloba. Con esta acción as entidades quixeron, máis unha vez, denunciaren o estado de abandono en que se encontra este ben tan importante da historia e do patrimonio galego.

Estas entidades coñecedoras da súa función de concienciar á sociedade do estado en que se encontra a torre e de reivindicar ás institucións que cómpre salvar este ben, salientan a palabra “salvar” xa que o estado actual ameza con ser irreversíbel. “Non comprendemos –sinalan– que a administración galega poida plantexar, a estas alturas, accións diferentes que non sexan que dito ben pase ao patrimonio público e a execución de accións inmediatas para a súa recuperación”. Neste sentido, sinalan as entidades, “somos conscientes que a limpeza da contorna non salva a torre, que debe ser o obxectivo urxente que non admite retraso ningún”.

As entidades anuncian novas accións encamiñadas a dar a coñecer o capítulo tan importante da historia galega vinculada a Caldaloba e a necesidade da súa recuperación para a que o pobo galego teña dereito a coñecer a súa historia. Recuperarmos o noso patrimonio, recuperarmos a nosa historia!


4 de xul. de 2021

"Visións inéditas" na Fundación DIDAC

Redacción. -

Trátase dun proxecto realizado a partir de catro pezas, conformadas a modo de capítulos, que compoñen un documental a través do cal asomarse a algunhas das persoas, lugares e experiencias que axudan a definir e revalorizar o patrimonio cultural galego. As pezas, ideadas especificamente para o proxecto, están dirixidas por Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño e Alfonso Zarauza, que representan unha boa mostra da vixencia e calidade do audiovisual galego contemporáneo. Cunha mirada propia e a partir de ferramentas audiovisuais innovadoras, estes directores aproximáronse a personalidades chave para a nosa cultura a través dun retrato audiovisual expandido que transcende o concepto de retrato ao uso.

Así, Xisela Franco en Oco morno gravou á cineasta Margarita Ledo Andión mentres a acompañaba na súa primeira visita á abandonada fábrica de Álvarez en Vigo; Lois Patiño en ML-AP, filmou por primeira vez aos seus pais, Menchu Lamas e Antón Patiño, e fíxoo en Súper-8 co pano de fondo da súa casa de Alcabre en Vigo; Jaione Camborda en Fragmentos de Janet, buscou realizar un retrato da coreógrafa e bailarina Janet Novás, durante os ensaios para a estrea da súa peza Where is Janet? en Plataforma. Festival de arte performativas de Compostela, e Alfonso Zarauza en Intérpretes realiza unha aproximación ao retrato actoral dende un coñecemento case reverencial ao oficio a través do traballo das actrices das súas películas: Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado. Campos como a danza, a pintura, o pensamento, o cinema ou a interpretación son abordados desde o xenuíno, compoñendo un acervo capaz de revelar o capital simbólico e inmaterial de Galicia.
 
O proxecto Visións inéditas foi beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

2 de xul. de 2021

'Pandemias', novo libro do prof. Juan Gestal

Redacción.- 

A situación provocada pola pandemia de COVID-19 no planeta parece algo insólito, pero nada máis lonxe da realidade, asegura o profesor Juan Gestal no seu último libro Pandemias. As epidemias que arrasaron a humanidade (Ed. Bolanda, 2021). A través de 600 páxinas, o autor expón, de maneira amena e con gran rigor científico, datos, anécdotas e curiosidades para desmitificar o que sempre estivo connosco. "Convivimos coa enfermidade desde o principio dos tempos e foron moitas as crises sanitarias que arrasaron o mundo até chegar á actual que deixou o mundo en shock", explica o profesor Gestal. 

"O mundo en shock" é, precisamente, o título do capítulo dedicado á pandemia de COVID-19 na que o autor xogou un relevante papel divulgativo con centenares de intervencións en multitude de medios de comunicación nacionais e  internacionais "especialmente de América Latina" para dar a coñecer as peculiaridades desta última gran pandemia que "probablemente non será o última pero que nos ensinou moitas cousas que deberiamos ter presentes para afrontar a próxima con maiores garantías", explica o profesor Gestal, quen pecha o libro cun capítulo dedicado xustamente ao "desafío das pandemias na era global", no que expón retos e cuestións de máxima actualidade. 

No entanto, a obra evidencia que non estamos ante algo insólito. As epidemias e pandemias foron recorrentes ao longo da historia e probablemente a maior diferenza estea no desenvolvemento científico e médico que permitiron afrontar a enfermidade desde novas perspectivas nunca imaxinadas. "Por iso faise máis necesario que nunca reivindicar o papel da investigación e de todas as ramas sanitarias que permitirán abordar a enfermidade posiblemente desde perspectivas inimaxinables a día de hoxe [...] Mentres tanto, a capacidade de anticiparse a posibles escenarios que nos facilitan as ferramentas actuais abre unhas posibilidades extraordinarias no campo da prevención", asegura o profesor Gestal, á vez que destaca o importante papel dos equipos multidisciplinares (matemáticos, intelixencia artificial, biotecnoloxía...). "O nivel de progreso tecnolóxico actual supón unha esperanza sen precedentes para a humanidade no ámbito da saúde (con todos os retos asociados que leva en canto a ética, deontología, etc.) até o punto de que non é descartable que un gran avance científico cambie completamente as regras de xogo", asegura o autor. 

Da peste ao COVID pasando pola achega galega na loita contra as vexigas
Até a pandemia de COVID-19, foron moitas as que sufrimos. O libro fai un repaso ás principais, comezando pola peste, causante das primeiras grandes pandemias da historia. A Peste de Justiniano que afectou a boa parte de Europa, África e Asia entre os anos 541 e 750 considérase a primeira pandemia de peste documentada da historia. 

A partir de aí relátase a loita contra as vexigas (coa inestimable achega galega que supuxo a Real Expedición Filantrópica da Vacina que partiu da Coruña  o 30 de novembro de 1803), o cólera, a gripe, a poliomielitis, diversas enfermidades infecciosas emerxentes (como a síndrome pulmonar por hantavirus, a diarrea sanguinolenta, a tuberculose ou o sarampión), o sida, o mal das vacas tolas, o SARS e MERS, o ébola e as arbovirosis emerxentes e reemerxentes. A todo iso súmase un capítulo inicial sobre as pandemias na literatura e o cinema de enorme interese para comprender o alcance e preocupación que esta cuestión tivo para a humanidade antes mesmo de estalar a actual pandemia. 

Cada capítulo vai precedido dunha ilustración alusiva creada ad hoc por Olaya Naveira que se suma á ampla documentación gráfica e infográfica que complementa o texto do Dr. Gestal contribuíndo de maneira  decisiva a conformar o que, sen dúbida, será unha de obra de referencia e consulta no ámbito da saúde. 

O autor e o prologuista 
"O autor desta obra, o Dr. Juan Jesús Gestal Otero, non pode estar máis cualificado para falar do tema obxecto deste apaixonante libro. É un indubidable referente no Medicamento Preventivo e na Saúde Pública en Galicia, España e no mundo. Actual catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario das Reais Academias de Medicamento e de Farmacia de Galicia, tivo experiencia directa en xestión sanitaria, incluíndo a súa etapa como director xeneral de Saúde Pública da Xunta de Galicia". 
Así presenta ao autor do libro a persoa que asina o prólogo, o Dr. José Mª Martín-Moreno, catedrático de Medicamento Preventivo e Saúde Pública da Universidade de Valencia, quen destaca tamén o oportuno da publicación en pleno Ano Santo na meta do Camiño de Santiago que "deu lugar á que se podería considerar a primeira rede de hospitais do mundo". "O Camiño de Santiago representa grandes valores da humanidade: a espiritualidade, a solidariedade, a igualdade, a inclusión, o respecto ao medio ambiente e a fraternidade entre xentes independentemente da súa raza, nacionalidade ou credo. Estes valores son esenciais para tratar de minimizar secuelas e superar unha grave crise como a que estamos a afrontar neste momento", asegura o Dr. Martín-Moreno. 

O profesor Juan Gestal (Muros, 1947) é, ademais dos cargos mencionados, un dos maiores expertos en Saúde Pública e, como tal, tivo un papel moi relevante nos últimos meses para dar a coñecer a situación sanitaria derivada da COVID-19. As súas intervencións nos medios de comunicación contabilízanse por decenas cada semana, tanto para informar os avances no coñecemento da enfermidade como á hora de transmitir a importancia de cumprir as medidas de prevención establecidas. Desde o inicio desta pandemia e até a actualidade estivo a disposición de todos os medios e persoas que o requiriron co fin de loitar contra a desinformación e as fake news coa mellor arma: información contrastada, veraz e con total rigor científico.