Outono autonómico

Fermín Bouza.-

O BNG irá ás eleccións cunha dirección clásica e sen renovación de fondo. O peso político de Xosé Manuel Beiras non estará nas autonómicas no cartel que fará o BNG fronte a Feijóo. Foi unha resolución moi conservadora da crise e quizá moi afastada dos votantes, pero as cousas veñen así e as carencias do BNG terá que suplilas o PSdG para tentar compensar as perdas que se poidan producir do lado nacionalista. Podería ser? O PSdG anda tamén en problemas de división e debate e a súa imaxe non está no seu mellor momento. A día de hoxe, o que fóra en tempos "o bipartito", non ofrece nada estimulante ao electorado galego. Tampouco Feijóo seduce. Serán, vistas desde hoxe, unhas autonómicas de aderezo, repetitivas, conservadoras e pésimas para o que eu penso que debe ser unha Galicia emerxente. A can fraco todo son pulgas, que se di. Todo moi afastado dos mellores desexos. A nosa política está á altura de todo o demais. Hai que seguir traballando cara ao futuro.

31/01/2012

Hospital Metropolitano Antón Beiras


Xurxo Martínez González.-

Vigo acolleu gratamente a sobranceiros intelectuais da cultura galega. Moitos deles, malia seren oriúndos doutros lugares, consideráronse fillos adoptivos dunha cidade que non puxo reparos en tal xesto. Esa acumulación e comuñón cos vigueses permitiron o florecer de destacadas iniciativas artísticas, arquitectónicas ou editoriais.
O hinterland vigués converteuse nunha capital da arte galega, no lugar onde distintos artistas desenvolveron a súa obra. A presenza destes favoreceu aínda máis a identificación da cidade coa comunidade galega.
Álvaro Cunqueiro resulta un exemplo de fillo adoptivo por motivos de sobra coñecidos. Unha figura do seu tamaño, un verdadeiro xigante da literatura galega, merece con certeza un recoñecemento. Cunqueiro, que nos ensinou a internacionalizar a nosa cultura por medio da expresión literaria en galego, é merecente de algo máis que ter unha rúa ou o nome nun instituto de Coia. Debería explotarse doutro xeito a imaxe dese espléndido fabulador que retiña no maxín unha cantidade incerta de anécdotas, contos e outras lerias.
O Partido Popular lanzou a proposta, no romper deste ano, de instituír o nome de Álvaro Cunqueiro ao novo complexo hospitalario de Vigo, que arelamos sexa integramente público pois a saúde das persoas non pode medirse nunha cifra monetaria. Faino no ronsel do pasado centenario do nacemento do escritor mindoniense (1911). Argumentan a educación na botica do seu pai naquel Mondoñedo antergo ou na publicación do libro Escola de menciñeiros. Sen dúbida Cunqueiro foi un entendido na materia.
Porén non estamos carentes na urbe atlántica doutras figuras intimamente ligadas ao campo da saúde para botar man de Cunqueiro. Sinalemos o humanista Antón Beiras García, recoñecido oftalmólogo a quen a cidade xa lle dedicou unha rúa (situada entre o nudo de Isaac Peral e a Travesía de Vigo).
Antón Beiras, coñecido como Tucho, instalouse na cidade en 1946. A consulta estaba situada no Edificio Sanchón, na rúa Policarpo Sanz, onde tamén tivo o seu bufete Valentín Paz Andrade.
Axiña centraría os esforzos de investigación na corrección do estrabismo viaxando por toda Europa. Publicou artigos en galego sobre importantes avances científicos. O resultado foi a creación dun aparello que axudaba a corrixir a deficiencia óptica. A ese aparello púxolle de nome “vigoscopio” nun evidente ademán á cidade da oliveira. Por mor da temperá visita da morte Antón Beiras non puido desenvolver o vigoscopio.
Alén da actividade profesional, Tucho tamén mantivo unha inquedanza intelectual que se expresaría coa participación no primeiro equipo de xerencia da Editorial Galaxia ou na cofundación da escola Rosalía de Castro na urbe onde residía e que dirixiu a súa dona, Antía Cal (excelente pedagoga educativa).
A atípica parella de Tucho e Antía, atípica dentro da súa clase social dado o compromiso coa cultura galega en tempos de obrigada escuridade, colocaron a Vigo nese epicentro da nosa terra, fose por razóns culturais, educativas ou científicas.
Vigo débelle ben a Álvaro Cunqueiro mais darlle o seu nome a un hospital non resulta o máis axeitado porque non foi, malia os datos expostos, unha persoa ligada ao campo da sanidade. Porén, Antón Beiras ofrece un elenco de argumentos a prol dese bautizo e resultaría arduo difícil negarllo. O Hospital (Público) Metropolitano Antón Beiras parécenos a mellor opción. Canto menos, deberíase considerar.

25/01/2012

Premio Diego Bernal a Pilar Cernuda


Manuel París.- Coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales, patrón dos xornalistas, hoxe terá lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega do Premio Diego Bernal, que na súa 17ª edición recaeu na prestixiosa xornalista galega Pilar Cernuda. Previamente, ás 12 horas, celebraráse unha ceremonia relixiosa na Catedral. O evento terá lugar no hotel Puerta del Camino a partir das 14,30 horas, no decurso dun xantar; durante o mesmo, a xornalista viguesa Mari Carmen Parada pronunciará o discurso de exposición de méritos da galardoada. A entrega do Premio estará presidida por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

A xunta directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), reunida en Santiago o día 25 de novembro de 2011, logo de deliberar sobre as candidaturas presentadas, e de propola á asemblea ordinaria celebrada ese mesmo día, acordou por unanimidade outorgar o Premio de Xornalismo Diego Bernal (edición de 2012) a Pilar Cernuda. Na acta de otorgamento, a Directiva da APG considera que Cernuda, ao longo da súa carreira, superou sobradamente o cumprimento de todos os requisitos de historial profesional e perfil humano que se consideran necesarios para merecer este recoñecemento. O Premio valora a traxectoria de toda unha vida dedicada ao exercicio da profesión xornalística, que no caso de Pilar Cernuda é ampla e desenvólvese con recoñecido éxito en Prensa, Radio e Televisión no ámbito de España, dando así unha proxección aos profesionais galegos, condición da que esta xornalista sempre se amosou orgullosa publicamente.

O Premio Diego Bernal, en anteriores edicións, foi outorgado a xornalistas galegos de recoñecido prestixio como Pepe Domingo Castaño, Manuel Martín Ferrand, Perfecto Conde, Gerardo González Martín, Ángel Botana, José Manuel Rey, Alfonso Sánchez Izquierdo ou o colectivo de xornalistas vascos. Tamén recibiron o galardón editores de prensa como Santiago Rey e Blanca García Montenegro.

Pilar Cernuda (Santiago de Compostela, 1948) estudou Xornalismo en Madrid e iniciou a súa carreira profesional en 1975. Durante anos correspondeulle o seguimento das actividades da Casa Real; máis adiante, trasladouse a Nova York desde onde exerceu de correspondente do diario ABC. Nos seguintes anos traballaría en Radio Nacional de España, a Cadea COPE e Televisión española, tanto no espazo de entrevistas Centros de poder (1994-1995), xunto a Julia Navarro, como no informativo matinal Los desayunos de TVE. Especializada en información política, nos últimos anos seguiu a colaborar en distintos medios, tanto escritos como de radio e televisión. Participa no faladoiro do programa Herrera en la onda e tamén no programa de Carlos Alsina de Onda Cero (cadea á que se incorporou en 1993) e nos programas de televisión Espejo público de Antena 3 e Alto y claro e Madrid opina de Telemadrid. Ademais escribe na revista Cambio 16 e no diario La Razón. Tamén dirixiu a axencia de noticias Fax Press ata a data do seu peche, en setembro de 2009.

24/01/2012

Novo número de 'Pena do Encanto'

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos vén de editar o número 6 da revista PENA DO
ENCANTO, publicación bianual que alterna coa do Caderno de Estudos Chairegos.
Nesta ocasión, conforman a revista os seguintes traballos:

Limiar: Na Pena do Encanto
Bernardo García Cendán
Memoria de Actividades 2010-2011
Arturo Gómez Mato
Vivencias da miña infancia
Xosé Manuel Blanco Prado
Polos camiños da tribo:
Dende San Clodio ata Vilar e a Penadedra
Orlando Viveiro Veiga
Unha páxina transcendente da
historia de Vilalba: A luz eléctrica
José-Luis Novo Cazón
Poesía
Maite Arias
Pastora Veres
Desde o outeiro dos anos:
A Lareira
Manuel Castro Santamariña
Fundación Sotavento-Galicia
Manuel Díaz
Sito Carracedo
Pequena nota biográfica
Pedro Freire

Este número da Pena do Encanto foi remitido a todos os socios e socias do IESCHA, formando parte dun lote-agasallo que recibiron os asociados polo Nadal, como ven sendo tradición dende hai bastantes anos. Nesta ocasión, o lote confórmano as seguintes publicacións editadas polo IESCHA:
-Os Olano: de Zaldibia a Vilalba, de José-Luis Novo Cazón
-Da Chá ao lonxe, de Rafa Yáñez
-A cova do adeus, de Vicente Piñeiro
-A liñaxe fidalga dos Raña, de José-Luis Novo Cazón
-A revista PENA DA ENCANTO, nº 6
-CALENDARIO 2012 (por xentileza de IMPRENTA JUNOR), onde cada mes do ano vai acompañado dunha foto antiga procedente das exposicións TAL COMO ERAMOS, de Guitiriz e Vilalba, organizadas polo IESCHA.

20/01/2012

A familia que traballa unida...

Fermín Bouza.- 

O señor Feijóo, que está a piques de facer desaparecer do mapa das cousas realmente existentes a Galicia, que é a miña terra, e dando agora probas dun desmesurado amor á familia, decide subir os prezos das gardarías para que a familia teña onde deixar aos seus fillos mentres traballa nalgún minijob para algún listo destes que proliferan nas crises. Pode dicirse que era máis xusto apertar algo aos ricos, pero non, a xente de menos diñeiro debe aprender a dureza da vida e o moito que pelexaron os ricos para chegar onde chegaron. Que dano fixeron ao ben común as utopías.

A recesión e a absurda terapia

Parece que o furacán económico que Rajoy ía arranxar segue crecendo e empeorando día a día desde que este home se fixo cargo do goberno, para o que deslexitimou ao anterior presidente e incrementou a desafección política até extremos de franco perigo social. Desestabilizouse o país e só un milagre ou algo similar impediu que as cousas fosen a máis mentres o partido do actual goberno, a un tempo e a berros, maldicía sobre Zapatero, o seu goberno, as súas decisións e, de paso, ennegrecía a imaxe do Reino de España e reducía os seus xa escasas posibilidades de remontar naquel momento crítico de Europa.

Ben, pois xa empezan a saber de que vai a cousa. Fagan o favor de facer o razoable e non empurrar o país á recesión máis longa que coñecésemos. Xeren actividade, xeren entradas. Non podemos sobrevivir a base de recortes, a situación require outras cousas. Fáganas e demostren que non son uns incapaces, como vostedes mesmos dicían do goberno anterior.  Hai moita xente que xa comeza a pensar que os incapaces son vostedes.

Réquiem

Vicente Piñeiro.-

A José Luis García Dans
no seu camiño ao ceo.


Pecháronse as portas á vida
Bruscamente aquel día verdadeiro
Non puideches aprazar máis a viaxe
E marchaches só nos finais
Dixeches, acabouse, vou estar morto
E aquí soa deixaches á amada
Talvez agora che apena o quedado
Pero non hai volta atrás, xa ascendiches
Estás distante alá, estás moi lonxe
Ti xa non estás aquí tras da lápida
Fúcheste coa túa morte tan sereno
Con máis de oitenta anos traballada
Buscando descansar alén
Non sei se agora pensas, que deixei?
Se mereceu a pena abandonarnos
Somos espectadores ante o ceo
Ese prado de luces esmaltado
Amigo meu, agora xa estás morto
Non sei se estás contento ou apenado
Talvez vives alí noutra casa
Talvez aí non existen os comezos
As cargas, os dominios, os enganos
Aí vives aliviado na paisaxe
Aí onde un poema espértache
Aí onde o home só é home
Onde vai sen peso e é verdadeiro
Aos que están aí non os coñeces
Talvez non espertaron de estar mortos
Non queren espertar e ser iguais
A morte fáiselles insoportable
Se preguntan que che levou aí
Dilles que foi un desexo de morrer.

2
Buscando outra infancia, outro comezo
Buscando o salvarte transformado
Recordo cando eu te vin marchar
Un día cando fuches trasladado
Levando o teu destino en anos idos
A quen buscaches aí o primeiro día?
Seica non falaches cos mortos?
O máis aló ti xa o imaxinabas
Del xa falamos con nostalxia
Aquel día inconsciente dos soños
Manda unha mensaxe a través do tempo
Dinos como chegaches estando morto
Se é lixeiro ou grave o universo
Dinos se é o que ti imaxinabas
Non che vou reprochar que te foses
Ti niso non fuches un adiantado
A túa morte foi propia, traballada
Ela vén e o seu tempo non se apraza
Non recordo no teu idioma un queixume
Unha dor transformada nas palabras
Así ti traballabas á morte
Que viña por ti e non suplicabas
Todo ti eras o meu amigo en sentimentos
Dábalo todo e non desexabas nada
Non sei como te tratan aló enriba
Nin o que experimentas, non sei nada
Algún día estaremos aí contigo
Eu hei de ir moi cargado de palabras
Resiste amigo meu ata que chegue
E preséntame a Deus aí na túa casa.

18/01/2012

Descanse en paz

Xulio Xiz.-

Para Galicia, hoxe é o segundo día de loito oficial polo pasamento de Manuel Fraga Iribarne. Para Vilalba, esta declaración ten un especial significado por tratarse dun fillo desta terra, á que ten dedicado as mellores loubanzas, e á que sempre demostrou a mellor das querencias.

Para os vilalbeses, Fraga foi primeiro o fillo de Manuel Fraga Bello, oriundo de Cospeito, que fóra emigrante en Cuba, e á volta afincou en Vilalba onde chegou a ser alcalde.

 Unha lenda urbana vilalbesa afirma que Manuel Fraga non era o máis intelixente ou preparado da familia, senón que o aventaxaba amplamente o irmán que morreu de mozo na Pena de Miguel. Aínda así, desde os tempos de estudiante –eu coñecín compañeiros de estudos que afirmaban que – destacaba polos seus esforzos, inteligencia e coñecementos.

 Aos alumnos da Academia, a comezos dos anos sesenta, don Daniel Ferreiro poñíanos a Fraga como ejemplo de estudio ao que debíamos parecernos, afirmando que aínda daquela estudiaba catorce horas diarias.

 O certo é que desde que hai sesenta anos accedeu á secretaría do Instituto de Cultura Hispánica ata a súa morte aos 89 anos, demostrou ter o Estado na cabeza e ser un home de Estado que protagonizou unha moi importante parte do tránsito hispano dunha dictadura á democracia, comezando por aquela “Ley de Prensa e Imprenta”, denostada por moitos pero que resultou ser un paso decisivo para sair do mouro túnel no que a información estivo en España durante décadas.

 Como Ministro de Información e Turismo propiciou a chegada a España de millóns de turistas que revitalizaron a economía e –indirectamente, pero de xeito importantísimo- nos foron abrindo os ollos cara a realidades exteriores tan diferentes da nosa.

 Pero o que nos ten que chamar máis a atención dos vilalbeses é que ningún vilalbés que se achegase ao seu despacho, fose onde fose o seu despacho, e indicase a procedencia, quedou sen atender. E que cando a Vilalba chegaba, desaparecía o político e aparecía o vilalbés. E cando era máis novo, collía un caiado e ía pasear cara a Lanzós por onde a súa familia tiña curros e fincas.

En Vilalba, para a maioría da xente, tiña unha autoridade natural, e conseguira un respecto e admiración derivados da súa trayectoria, independentemente do cargo que exercera en cada momento. E mesmo cando non desempeñaba cargo oficial, tiña un especial estatus conseguido por dereito de convivencia e trato.

 A súa anual presencia nas festas do San Ramón foi marcando o ostensible deterioro dos últimos anos. Nos case corenta anos que levo como secretario do xurado do Certame Literario de Vilalba e presentador do acto de entrega e pregón das festas, acredito que en poucas ocasións estivo ausente. O 2011 foi unha delas, como preludio da definitiva despedida neste comezo do 2012.

 Como herdanza deste destacado vilalbés, a Vilalba quédalle a Fundación que leva o seu nome e os esforzos que durante toda a súa vida fixo Fraga para colocar a nosa vila no “mapamundi” polìtico e social onde chegaban as súas palabras.

 Descanse en paz, Manuel Fraga Iribarne, vilalbés que honrou a súa vila, home de Estado, que soubo exercer tarefas da máxima responsabilidade para rematar lixeiro de equipaxe co xeral recoñecemento – mesmo dos seus adversarios politicos – polo especial papel xogado a prol de España, de Galicia… E de Vilalba.

17/01/2012

Vidas paralelas

Paulo Naseiro.-

Cando Manuel Fraga chega a Londres no ano 1973 para desempeñar a embaixada española na corte de St. James, Sir Winston Churchill, falecido oito anos antes, ocupaba por méritos propios un lugar destacado no olimpo dos grandes británicos da historia. Houbo, sen dúbida, unha grande admiración por parte do de Vilalba cara ao político conservador inglés, se cadra moito máis intensa logo de desempeñar este destino diplomático no que, probábelmente, tivo ocasión de afondar na biografía política de Sir Winston, e que foi manifestada en múltiples ocasións nos seus discursos e declaracións públicas.

Pero, alén desta querencia, hai moitos e sorprendentes paralelismos entre estas dúas figuras que, cada un á súa maneira, participaron do devir político dos seus países durante máis de meio século. Fraga, ocupando de forma case continua cargos públicos desde 1951 a 2011, non quedou atrás dun Churchill que, elexido membro do Parlamento en 1900, coa raíña Vitoria aínda viva, foino nada menos que até 1964, cunha soa e breve interrupción.

Ambos conservadores e figuras senlleiras nos seus respectivos partidos, os dous viviron en torno aos noventa anos (noventa e un Churchill e oitenta e nove Fraga) e os dous foron parlamentarios até pouco antes da súa morte. Compartiron certo gusto pola teatralidade política, mal xenio, unha sorprendente capacidade de traballo que esgotaba aos seus colaboradores e un gusto polas frases lapidarias nas que o inglés foi sen dúbida un mestre.

Se a nai de Fraga era basco-francesa, algo ben exótico na Vilalba dos anos vinte, Jenny Jerome ou Lady Churchill, era americana con sangue sioux, unha pequena rareza na Inglaterra victoriana. Tanto o vilalbés como o británico viviron longos matrimonios, con Carmen Estévez e Clementine Hozier, respectivamente, e deixaron prolíficas descendencias de sete fillos no primeiro caso e cinco no segundo, se ben a súa actividade pública non deixou, en ningún dos dous casos, moita marxe para unha vida familiar plena. Chartwell, unha casa de campo no condado de Kent, foi o retiro favorito de Sir Winston, dun xeito parello ao que foi Perbes para Fraga.

Winston Churchill, foi promovido a ministro de interior en 1910 e as súas actuaciones levantaron grandes polémicas. Nunha fotografía famosa, Churchill aparece dirixindo en xaneiro de 1911 o sitio de Sidney Street, unha batalla entre un grupo de anarquistas que asaltaron un edificio e a policía. Un incendio prendeu no edificio e Churchill prohibiu chamar aos bombeiros,  forzando aos anarquistas a elixir entre a rendición ou a morte. Salvando as distancias, ven á mente aquela frase de “la calle es mía” que, se non è vera, è ben trovata e definiu unha etapa ministerial do león de Vilalba marcada polos tristes sucesos de Vitoria, saldados con cinco mortos e máis de cen feridos.

Escritores prolíficos os dous, os case lexendarios máis de cen libros de Fraga emulan só até certo punto a un Churchill que viviu a maior parte da súa vida dos ingresos producidos polos seus textos, moitos deles notables pezas, e do seu talento como articulista. Obtivo incluso o Premio Nobel de Literatura.

A lista de paralelismos, en fin, sería interminable, mais algunhas diferenzas marcan unha grande distancia entre as dúas personaxes. En maio de 1940, a demisión de Neville Chamberlain foi a oportunidade que lle abriu as portas grandes da historia a un Churchill que, para moitos, era xa pasado. En 1976, outra demisión, a de Arias Navarro, non deu unha oportunidade a un Fraga que algúns creían o home do futuro para a Transición. Sen dúbida, a historia podería ter sido ben distinta.

16/01/2012

Fraga

Redacción.-

Fraga –en Vilalba non se necesitaba precisar máis- era unha especie de mito naqueles anos setenta onde habitan as nosas lembranzas de infancia. Na vella zapataría dos Taraxais, fronte aos bancos onde os irmáns zapateiros petaban, cosían, cortaban e pegaban desde a mañanciña á noite, unha pequena parede disposta a xeito de altar doméstico contiña moreas de fotografías e recortes de prensa: Fraga con nonseiquen, Fraga facendo noseiqué, Fraga recibindo a… Un daqueles recortes do diario Ya presentaba ao tótem tocado cun sombreiro hongo e camiñando apoiado nun clásico paraugas negro. Quen sabe por que, esta é a única daquelas imaxes que perviven na lembranza con toda claridade. Sen dúbida pertence á época na que desempeñou a embaixada en Londres e, se cadra, aquel pucho tan inhabitual por estes lares axudou a fixar o recordo.

Na súa terra, Fraga era algo máis ca un político. Constituía unha caste de semideus ao estilo grego para a maioría dos adultos daquela Vilalba na que a xente non era de dereitas, senón “de Fraga”, aínda que algúns podían ser de esquerdas, pero “votaban a Fraga”, na que “falar mal de Fraga” era un anatema tan grande como puidera ter sido prenderlle lume á imaxe da patroa. Foi máis ca profeta na súa terra, na que a primeira -e durante máis de trinta anos única- estatua que honrou un espazo público foi a súa, o tan traído e levado busto.  

Foi por iso que Fraga marcou un punto de inflexión nos primeiros pasos tatexantes deste xornal. O xogo duns rapaces ociosos que dedicamos o verán a facer un xornal, diante das olladas irónicas mais tolerantes dos audultos, converteuse de súpeto en algo máis serio aquela mañá de xullo de 1983 na que, por mediación da tía Amadora, aquel sólido punto de amarre que xunguía á familia Fraga ás súas orixes, entrevistamos ao entón “líder da oposición”. As preguntas e respostas, intrascendentes, máis ben inocentes, son o que menos importa daquel día, para nós tan importante, e fican, para quen teña curiosidade, na nosa hemeroteca.

As reseñas dos xornais do día seguinte, que recollían a entrevista, e sobre todo a nova actitude dos maiores, que viraron moito máis comprensivos coa nosa aventura xornalística, marcaron sen dúbida o futuro d´A Voz de Vilalba, a continuidade dunha iniciativa que perdurou durante tres anos máis naquela primeira etapa. Ningunha das moitas entrevistas que fixemos despois tivo a mesma repercusión nin desde logo as mesmas consecuencias.

Fraga foi suscriptor do xornal desde entón até o fin daquela primeira etapa adolescente. Foino aínda cando a nosa liña virou ostensiblemente cara unha esquerda xuvenil e inquieta. Sen dúbida para moitas outras persoas “de orde”, aquela nosa liña editorial, se se lle pode dar tal nome, era unha especie de traizón á causa dun pobo entregado, ou que polo menos daba a sensación de tal, ao seu fillo máis ilustre.

Fotografía: Fraga e a tía Amadora na súa casa de Vilalba

Finou Manuel Fraga

Redacción.-

Manuel Fraga Iribarne (Vilalba, 1922) morreu no seu domicilio de Madrid aos 89 anos dun fallo cardíaco, segundo confirmaron fontes da súa contorna familiar. A noticia deuse a coñecer na noite de onte e, en poucos minutos, a maioría dos medios do Estado fixéronse eco dela. Fraga padecía unha infección respiratoria importante desde primeiros de ano por mor dun forte catarro, e no momento do seu pasamento, atopábase rodeado dos seus familiares máis próximos. O presidente fundador do PP recibira este sábado unha mensaxe de afecto dirixido polo presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, no que lle desexaba a súa pronta recuperación.

Rodeado da súa familia, o político vilalbés, de 89 anos, atopábase en cama, pero consciente, e estaba sendo tratado estes días en casa pola súa filla, Isabel, que era tamén o seu médico de cabeceira. Pechábase coa súa morte un importante capítulo da historia do noso país, tanto a nivel estatal como autonómico, xa que Manuel Fraga conseguiu precisamente en Galicia o que nunca puido lograr en España: ser presidente de Goberno.

Os rumores sobre un agravamento das súas doenzas disparáronse hai xustamente unha semana, e en distintos foros das redes sociais nas redes sociais falouse de que a súa saúde estábase crebando. Nesta ocasión non era un simple rumor. Daremos cumprida información sobre esta nova nas vindeiras horas.

Comunicación e tecnoloxía

Moncho Paz.- A comunicación corporativa –empresarial e institucional– converteuse nos últimos anos nunha das novas opcións para os profesionais dos medios informativos. Os grandes avances neste terreo débense fundamentalmente a dous feitos, determinantes para a profesionalización da comunicación en España. Por unha banda, a influencia de Estados Unidos e o mercado anglosaxón, que sempre foi un espello onde mirarnos, pois levan máis de corenta anos traballando neste eido.  E, pola outra, a constitución da Asociación de Directivos de Comunicación (Dircom), integrada na actualidade por máis de oitocentos profesionais e que constitúe a organización de referencia neste ámbito en España; nace en 1992, da iniciativa de destacados profesionais da comunicación, motivados pola crecente importancia e alcance das súas responsabilidades na empresa e na sociedade.

A estes dous feitos hai que engadir que os empresarios son cada vez máis conscientes de que é necesario contar coa figura dun directivo de comunicación. Tamén de incorporar a comunicación á estratexia da empresa, que debe dar a coñecer a súa actividade  ao conxunto da cidadanía. Pero para iso é preciso que teña no seu equipo a un profesional dos medios, que será o responsable de levar a cabo a xestión cotiá da comunicación empresarial -interna e externa-, prestando especial atención ás relacións coa prensa e, nestes tempos máis que nunca, á xestión da comunicación en situacións de crise.

Porque en época de crise tamén xurden oportunidades. Unha delas pasa pola presenza nas redes sociais, imprescindibles para definir adecuadamente unha estratexia de comunicación competitiva, en canto achegan valor á marca e ao negocio. A nova contorna dixital está implícita na estratexia de comunicación das organizacións e non entendemos a comunicación do século XXI sen a tecnoloxía: hoxe en día atopámonos ante a revolución das redes sociais, cunha interconexión total que fai necesaria a implementación das novas tecnoloxías nas estratexias de comunicación para dar resposta ás novas demandas.

Os medios democratizáronse e apareceron novas audiencias, o que supuxo un cambio nas relacións tradicionais entre ambos. A revolución dixital deuse non só nas empresas, senón tamén nos propios medios. Proba diso é a evolución que experimentaron as salas de prensa 2.0 ao longo dos últimos anos. Parafraseando a Ignacio Ramonet, antes era un modelo de comunicación de masas e agora son masas de comunicadores. O cambio que sufriron as relacións cos medios e os comunicados de prensa debido á evolución tecnolóxica e á mobilidade foi tremendo, e incidiu na necesidade de traballar nos contidos e utilizar as redes sociais como caixa de resonancia e espazo de diálogo. Quedouse obsoleto o requisito de estar situado fisicamente nunha determinada zona xeográfica; agora valóranse enormemente a mobilidade e a capacidade do profesional, especialmente os seus coñecementos das novas tecnoloxías.

14/01/2012

Conta atrás para o dominio .gal

Redacción.- A ICANN, a corporación que goberna os nomes de Internet, abre este venres un proceso de solicitude de novos dominios, o primeiro dende 2004. A Asociación Puntogal ,co apoio da secretaría xeral de Modernización da Xunta de Galicia, remitirá a candidatura para un identificador de máximo nivel para a lingua e a culturas galegas, o “.gal”.


O prazo para enivar as candidaturas pecha dentro de tres meses. Puntogal está a ultimar os informes imprescindibles para demostrarlle á ICANN que o dominio para o galego é viable técnica e economicamente e conta cun amplo respaldo social.

Prazos
Unha vez recibidas todas as candidaturas, a ICANN avaliará aos candidatos a través dun complexo exame nun prazo que oscila entre os doce e os dezaoito meses. No caso de superar o exame sen ter que aportar información suplementaria, poderanse rexistrar dominios .gal a partir de mediados de 2013. Na Asociación Puntogal participan 109 entidades, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura, etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña, etc.) do país.

Utilidade do “.gal”
Máis de vinte asociacións de emigrantes baseadas en 10 estados (España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil) tamén colaboran na Asociación. E é que servir de vínculo entre a comunidade emigrante é unha das utilidades prácticas que terá o “.gal”.
Un dominio propio axudará tamén a localizar máis rapidamente os contidos en galego. O aumento do prestixio que implicaría o logro “.gal” axudaría, ademais, á publicación de novos contidos en liña en galego. Así sucedeu xa no caso do “.cat”, o único dominio lingüístico en marcha.

Beneficios para axudar ao galego nas novas tecnoloxías
En cinco anos, a Fundació Puntcat rexistrou máis de 51.000 dominios, logrando que o dominio para a lingua e culturas catalás se autofinancie. Puntogal tamén é unha iniciativa sen ánimo de lucro, que reverterá os seus beneficios en convocatorias de axudas ao fomento do galego nas novas tecnoloxías. Máis de 13.000 cidadáns de todo o mundo xa deron o seu apoio ao Puntogal asinando en liña a través da súa web, onde seguen a chegar novas adhesións a diario. 

A Asociación fai un chamamento aos internautas a colaborar coa súa sinatura para demostrarlle a ICANN o apoio ao .gal e, neste senso, informará nos vindeiros meses dos pasos organizativos dados cara a remisión da candidatura antes do 13 abril.

12/01/2012