A República Independente de Ourense


Manuel París

O triunfo de Manuel Baltar Blanco no Congreso do PPdeG en Ourense desta mañá supón un grave pau para Núñez Feijóo, que apostou todas as súas cartas a cabalo perdedor. Jiménez Morán, o ousado adversario, terá que replegarse a terras de Verín e disfrutar como poida do Antroido de Laza, se aínda lle quedan ganas. De nada serviron as ameazas de intervención de Alfonso Rueda e a chamada a capítulo de Rajoy, obrigando a desfilar a Baltar Sr. por Compostela e Madrid. Gañaron por goleada os partidarios da República Independente de Ourense.

Feijóo ten un novo problema, por si foran poucos. Porén, hai quen pensa que, no fondo, foi o mellor que lle puido pasar, pois no caso contrario atoparíase cunha situación parella ao que aconteceu hai poucos anos en Lugo, cando prexubilaron a Cacharro e éste deixou de traballar para o partido. No caso de Baltar, hai que ter en conta que aínda mantén vivo Centristas de Galicia. Por outra banda, a fusión das caixas non vai cara adiante, senon que pasou a converterse nun debate permanentemente aberto a todos os niveis da sociedade. Como se pode entender iso? En Cataluña ou en Euskadi non se daría esta situación baixo nengún concepto, senon que fusionarían –como fixeron no seu día- as súas entidades, elevando posteriormente o acordo a público.

Sobre o baixo perfil dalgúns conselleiros, que non dan a talla, o presidente da Xunta debe ser consecuente e cumprir a súa promesa de “quen non acade as expectativas, iráse en decembro”. Case a metade do seu Goberno está enfrentado á sociedade. E sobre o decreto do galego, xa está cáseque todo dito, agás que o vindeiro venres 5 de febreiro presentarase simultaneamente en toda Galicia o libro “55 mentiras sobre a lingua galega”, editado por Laioventó. Sopran ventos favorables, deixemos que o noso barco continúe a singradura.

30 de xan. de 2010

Metade anxo, metade marisco: outros tempos


Fermín Bouza

Hoxe acabei o día no Círculo de Bellas Artes vendo na Sala de Columnas un fermoso vídeo de longa duración sobre a nosa espléndida, celestial e crustácea paisana ("metade anxo, metade marisco") Maruja Mallo, a voz das vangardas chegando polo túnel do tempo e lembrándonos que romperon un mundo perceptivo e ideolóxico que, con todo, acabou gañando a batalla final (en fin: penúltima) e botounos a fartar de Galicia, de España e de onde fóra, para resituar de novo a vulgaridade e o convencionalismo como inacabable produto do terror e dos horrores nacional-católicos que aínda duran en tantos sectores rancios e agresivos do estado ou reino de España.

Un documental espléndido de Antón Reixa (dirección) e Antón Patiño (guión), que entenden a Maruja porque son da mesma casca (amarga), igual de bordos, igual de galegos e igual de loitadores pola nosa lingua á que Feijóo xibariza (e non só). Bos críticos comentan a súa fantástica obra, e entre eles un sobriño de Maruja (de apelido Conde, fino e intelixente de criterio), Antón Castro, Carmen Pena, Huici, De Diego, Osma, Vázquez Cereijo, Vázquez de Parga, Antonio e José Manuel Bonet, e aínda outros non menos finos de criterio pero cuxo nome se me escapou polas fírgoas da cabeza. Un bo fin para unha mala xornada.

Alegreime especialmente porque viña dunha deses debates feroces nos que un acaba por desbordarse e que teñen que ver coa ciencia e a universidade e ao fondo do escenario os ridículos procedementos de selección do persoal, de avaliación de persoal e de tortura do persoal. Todo salvo iniciar o camiño dunha ciencia sólida. Pero sei que é unha batalla perdida: sempre a gañan os mesmos, os burócratas, os contadores de artigos, os que escriben miles de folios para non dicir nunca nada, os que creen que investigar é refritir os traballos doutros e contalos mal facéndoos pasar por seus, e xentes desta extensa tribo de mil e unha patoloxías científicas que, con todo, atopas en todas as avaliacións, en todos os sistemas de cualificación, sexenios, quinquenios e plans quinquenais.

Unha rémora que, nalgunha das súas facetas, amargoume o día cun debate ridículo pero que me abriu a posibilidade (a providencia escribe dereito con liñas tortas) de ver ese documental e restaurar a miña mellor conexión con outros cronopios, outros seres humanos como Maruja Mallo, unha creadora dunha magnitude moi superior á que de momento se lle ha ir dando: unha das xoias creadoras deste século. E é galega, paisana e universal. Amiga de Xoán Carballeira, alcalde de Bueu no 36, do Partido Galeguista, fusilado, e en cuxa casa pasou algunha tempada. Maruja era un produto artístico exquisito e universal, pero moi do mundo republicano e progresista, moi doutro tempo, si hai que medir os tempos pola cantidade de ilusión que xeran na xente e polos tabús que esmagan. Foron anos doutra magnitude.

Non a esquecemos nin a ela, nin a todos os *Carballeiras nin a aqueles anos fantásticos de ciencia e creación artística. Aí está restaurada a Residencia de Estudantes como monumento a todo iso.

Haití invisible

Mario Paz González

Nestes días a desgraza sacou a Haití da invisibilidade na que se achaba para elevar o país antillano ao primeiro plano da actualidade. Como case todo o mundo, seguín a través dos medios a noticia, os avances no rescate de posibles sobreviventes, os atrasos na arelada chegada da axuda internacional… Estarrece sen dúbida ler as historias do horror, como a de Antoine que, tras camiñar máis dunha hora levando nos seus brazos ao seu pequeno morto, prega con abouxante desesperanza que lle deixen entrar ao cemiterio para soterralo coas súas propias mans e dese xeito evitar que o cadáver podreza á intemperie ou teña que botalo a unha das moitas fosas comúns improvisadas. Estarrece tamén, e admira, a coraxe de Louise que, malia soportar esa dor sen tregua que supón a perda dos seus, vai na procura do cadáver do seu marido entre os cascallos do Pazo de Xustiza de Porto Príncipe para soterralo, pero tamén porque, segundo relata á prensa, levaba os visados que permitirían aos seus fillos marchar a Francia e así fuxir a salvo do horror e da traxedia. Ao ler estas e algunhas outras historias –como a daqueles que sobreviviron acubillados quince días baixo os cascallos, ou a do pequeno Redjeson Hausteen, rescatado por uns bombeiros valisoletanos– penso na explicación que Carpentier deu a Ramón Chao sobre o título da súa novela O reino deste mundo (1949), na que relata o proceso da degoirada independencia de Haití a comezos do século XIX: “dentro da súa miseria, capaz de amar no medio das pragas, o home só pode achar a súa grandeza, a súa máxima medida no reino deste mundo”.

A excelente novela do cubano, que non tardou en converterse en paradigma do chamado “realismo máxico” hispanoamericano ao entretecer realidade e marabilla nunha complexa armazón, profundaba na procura dunha conciencia americana propia, afastada do colonialismo secular. Ese colonialismo que en Haití crebou coa revolución de escravos liderada por Toussaint Louverture que, en 1804, conseguiu a desexada independencia de Francia logo de violentos combates coas tropas napoleónicas. A pesares diso, víronse na obriga de pagar unha sinistra “indemnización” a Francia polo menoscabo que supuña para o enriquecemento do país galo a perda desa colonia. Sen dúbida foi esta débeda, así como a acción dos sucesivos gobernos locais, incompetentes e corruptos, ou as discutibles intervencións internacionais de países como os Estados Unidos, o que fixo de Haití, segundo o último informe da ONU, o país máis pobre de América Latina, agrilloado polo altísimo analfabetismo en contraste cunha esperanza de vida en grao sumo baixa en pleno século vinte e cun 80 % da poboación vivindo no limiar da pobreza en míseras casarellas nas que nin sequera teñen auga corrente. Basta botar unha ollada ao Google Earth para comprobar isto e ver, de paso, o imparable avance da deforestación en comparanza co seu veciño, a República Dominicana.

Pero alén destes e outros moitos datos, todos eles estarrecedores, a única verdade inmediata que podemos dexergar é que esta terrible traxedia, que desbaratou as vidas de tantos, sacou momentaneamente a Haití da desaborida invisibilidade na que se achaba sumido para vergoña dos chamados países civilizados. Non debería ser posible, pois, a partires de agora seguir vivindo nesa acídia, nesa ignorancia, atordados polo envilecemiento moral do silencio, permitindo que a aldraxe que supón a presenza cotiá do inferno e a pobreza froito do egoísmo duns poucos siga a estenderse con impunidade converténdose nunha monstruosa normalidade para un occidente que prefire mirar cara a outro lado.

Nos xornais dos últimos días a presenza da traxedia haitiana foi enfraquecendo cada vez máis. O país, a súa vergoñenta miseria, non tardará moito en voltar a esa asexante invisibilidade na que se achaba. Antes de que isto ocorra sería precisa unha reflexión global, sería necesario expor verdadeiros cambios na orde mundial si queremos facer un lugar máis habitable do reino deste mundo.

mariopaz@avozdevilalba.com

O Consello da Cultura fará pública o martes a súa opinión sobre o decreto

Redacción

O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) discutirá para a súa aprobación o vindeiro luns o seu ditame respecto das bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo presentadas pola Xunta de Galicia, que darán a coñecer o martes ás 12.00 horas, en rolda de prensa, o seu presidente Ramón Villares e o coordinador da comisión que analizou o documento, Henrique Monteagudo.

Tras a celebración do Plenario e no caso de aprobarse o ditame, devandito documento será remitido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mentres que ao día seguinte Villares e Monteagudo explicarán paso por paso os contidos do texto, que se distribuirá aos medios de comunicación e publicarase na web www.consellodacultura.org.

A comisión que elaborou o ditame foi nomeada pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, e está composta polos membros do Plenario Henrique Monteagudo Romeu -coordinador-; Rosario Álvarez Branco; Víctor Fernández Freixanes; Xosé Antón García Caridad; Ramón Máiz Suárez; Helena Villar Janeiro; e por Felipe Ferreiro Feijoo e Bieito Silva Valdivia como asesores.

Deste xeito, darase a coñecer a valoración con respecto ao decreto do galego no ensino da Xunta, tras as críticas ao texto por parte da Real Academia Galega e tras a reunión mantida a pasada semana co titular de Educación, Xesús Vázquez Abad, que foi unha primeira toma de contacto "cordial" da que non avanzaron impresións.

Sobre o ditame, o CCG sinalou que será un informe que plasmará unha proposta de corte "institucional" similar ao documento presentado á Cámara e aos grupos parlamentarios, na que pediron a constitución dunha comisión para acordar o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Concerto Solidario: Pontevedra con Haití

Redacción

Con motivo da crise humanitaria en Haití, o vindeiro seis de febreiro celebrarase na Praza do Teucro un concerto solidario “Pontevedra con Haití” para recaudar todo o posible para o pobo haitiano. Esta iniciativa xurdiu a partires dun grupo creado na rede social Facebook que se movilizou para crear un concerto solidario na provincia en favor de Haití. Na actualidade este grupo conta con máis de 3.600 seguidores que mostraron o seu interese en participar de diversas formas na causa. Tralo chamamento que fixemos solicitando axuda desinteresada a entidades públicas ou privadas, obtivemos a resposta inmediata e o apoio incondicional do Concello de Pontevedra, así como das empresas privadas: Veteris, Gadis e Ernie Produccións e de numerosos locais da zona vella como: Karma, Rubick, Cordura e o Camarú.

O concerto solidario: Pontevedra con Haití celebrarase o vindeiro 6 de febreiro na praza do Teucro cedida polo Concello de Pontevedra, das 17.00 ás 00.00 h. Nel participarán oito grupos seleccionados entre as cincuenta bandas que mostraron o seu interese por participar. Os grupos que participan son: Portrait, Dismal, Drama, Samuel Levi, Marvel, Eladio Santos y Querido Extraño+ Pulsa Denura. Do mesmo xeito, unha vez rematado o concerto haberá unha ruta de pubs solidarios onde os asistentes poderán escoitar a mellor música da man dos dj´s: Sergio Lagartija, Illmo.Señor Fiuza, Charli_e, Sandrita Dinamita, Picnic & Dddelirio que pincharán nos locales da zona que colaboran ca causa.

Todos os beneficios destinaranse á Cruz Roja Española para a causa de Haití, por ser unha das organización internacionais máis serias no seu traballo e que contan con experiencia en terreo. Pedimos a colaboración de todos por unha boa causa, o seis de febreiro únete a esta iniciativa e contribúe no que poidas para axudar a minimizar os efectos devastadores desta catástrofe. Todo aquel que queira poñerse en contacto coa organización poderá facelo a través do correo electrónico conciertosolidario@hotmail.com ou entrando na páxina de Facebook Concierto Solidario: Pontevedra con Haití.

29 de xan. de 2010

"Queremos galego" denuncia manipulación na TVG


Redacción

A plataforma 'Queremos galego' denunciou o "uso partidista e manipulador", que ao seu xuízo, o Partido Popular realiza dos informativos da Televisión de Galicia, en referencia ao tratamento da cadea sobre o decreto do galego.

Así, lamentou que o PPdeG "pretenda convencer das bondades dun decreto exterminador do galego", a través, segundo expresou, de "informacións cernadas e sen contraste de opinións".Xunto a isto, a plataforma acusou á cadea pública de basear a súa información "nos escasos centros onde o seguimento da folga foi menor", ao que engadiu que se recolleu a opinión de profesores que non secundaron o paro, así como de pais falando a favor do decreto para "minimizar o impacto da folga".

"As reportaxes sobre o inglés que emite a TVG parecen propios do NO-DO e exclúen a voz dos pedagogos, porque rexeitan este decretazo", subliñou o colectivo. Ademais, resaltou que o PP "quere ocultar co inglés a súa agresión contra o galego", pois, ao seu parecer, "o problema" do decreto é que "non garante que os estudantes rematen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego", destacou. "Pero por máis que se manipulen as noticias, non van enganar aos miles de persoas que o pasado día 21 colapsaron a capital de Galicia", advertiu a plataforma.

PuntoGal presenta a súa iniciativa na 10ª Reunión do ICANN Studienkreis

Redacción

Os pasados 21 e 22 de xaneiro a cidade condal acolleu a décima Reunión do ICANN Studienkreis, unha rede aberta de individuos de diversos ámbitos do mundo Internet: sector privado e académico, sociedade civil, medios de comunicación e gobernos. Baixo o título “Gobernanza de Internet e nomes de dominio” esta edición do ICANN Studienkreis reuniu a expertos de diversas nacionalidades para tratar cuestións vencelladas a Internet e a súa xestión: análise das actividades desenvolvidas pola ICANN e o IGF (Foro da Gobernanza de Internet), estratexias para novos dominios xenéricos, Nomes de Dominio Internacionalizados, futuro de Internet, etc.

Durante a primeira xornada presentouse detalladamente o Plan Avanza, así como os principais desafíos e éxitos na xestión do dominio de código de país .es e do dominio xenérico .cat para a lingua e cultura catalá, respectivamente.

Outra das sesións centrouse no proceso de introdución de novos dominios xenéricos e contou coa exposición de proxectos de novos dominios xenéricos, entre eles .berlin, para a cidade alemá, .music, para o mundo da música, .eus, para a lingua e cultura éuscara, e .gal, para a lingua e cultura galega, estes dous últimos dentro dos chamados “dominios culturais e lingüísticos”, que contan cun precedente exemplar: o .cat. Este tipo de dominios non están restrinxidos a un territorio concreto, senón a unha cultura e lingua específicas.

Unha representante do PuntoGal explicou a importancia de contar cun dominio propio para a comunidade cultural e lingüística galega como ferramenta para obter unha maior visibilidade a nivel global e para promocionar a cultura galega e o uso do galego na rede. Ademais destacou que o .gal será o lugar común virtual para a ampla comunidade emigrante galega.

Pre-solicitude de novos dominios
Tamén se discutiron as propostas que está a estudar a ICANN para avanzar no proceso de concesión de novos dominios, cuxos prazos previstos xa foron adiados en varias ocasións debido aos problemas xurdidos no estudo da súa implementación: protección de marcas, seguridade e estabilidade do sistema de nomes de dominios, etc.

A ICANN está analizando a proposta “Expressions of Interest”, unha “pre-solicitude” segundo a cal os candidatos enviarían o nome do dominio solicitado e información da entidade solicitante e a candidatura. Esta vía permitiría coñecer con máis exactitude o número e tipo de candidaturas que se presentarán, analizando os posibles problemas, pero non equivale á apertura inmediata do proceso. O modelo proposto por ICANN, aberto a comentario público, propón a obrigatoriedade de enviar a pre-solicitude, que se faría pública, para todos os que desexen participar na primeira rolda. O vindeiro mes, ICANN tomará unha decisión en canto a esta proposta, baseándose nos comentarios recibidos pola comunidade e na súa propia análise.

Apoio da AELG á carta dos Premios Nacionais

Redacción

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, agrupada na actualidade entorno a un colectivo de 381 autoras e autores, representantes da creación literaria en lingua galega, expresa o seu apoio aos once escritores galardoados no seu día co Premio Nacional, nas modalidades de narrativa, teatro, ensaio, tradución e literatura infantil e xuvenil, e comparte o seu reclamo da necesaria valoración responsábel e obxectiva para a cultura galega, pensada e (re)creada en galego, entendéndoa sempre integrada nun escenario permeábel e aberto ao mundo desde a procura da necesaria reatroalimentación que comeza polo coñecemento, apreciación e dignificación do propio.

A concesión dos Premios Nacionais aos escritores e á escritora en lingua galega asinantes, por parte do Ministerio de Cultura do Estado español, desde o ano 1985, ratifica a capacidade de os nosos creadores e creadoras seren autores dunha creación literaria exportábel alén das nosas fronteiras que nos enche de orgullo e admiración, e que só require destinatarios e receptores con vontade de se aproximar a ela e interpretala como un legado senlleiro dentro doutros parámetros globais.

Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos e acreditar definitivamente na capacidade, valía e potencial enriquecedor da súa divulgación, materia pendente aínda de abranguer cun proxecto contundente e de futuro.

Solidariedade dos xornalistas con Blanco Valdés


Redacción

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) rexeitou de modo enérxico e contundente o atentado con explosivo que tivo lugar no día de hoxe contra o catedrático da Universidade de Santiago e asiduo contertulio en medios de comunicación galegos, Roberto Blanco Valdés (na fotografía). A explosión, que so causou danos materiais por sorte, produciuse na vivenda habitual de Roberto Blanco, nas inmediacións da capital galega. A APSC considera sen lugar a dúbidas que se trata dunha acción intimidatoria de grupos radicais que non toleran a liberdade de expresión nin a discrepancia dialéctica en democracia. A APSC quere amosar toda a súa solidariedade e afecto con Roberto Blanco e a súa familia.

28 de xan. de 2010

Maña estrea mundial de 'A sinapsis do códice'

Redacción

Mañá día 28, ás 20.00 horas terá lugar a preestrea da película A sinapsis do Códice, pero antes, pola mañá, haberá unha rolda de prensa con emisión do trailer para os medios de comunicación ás 11:00 h. na Sancristía Alta do Hostal dous Reis na que participarán director, actores e autoridades. A continuación, ás 12:00 h. na catedral de Santiago (misa do peregrino) o director da película, Pablo Igresias, fará unha ofrenda ao Apóstolo. O Deán da catedral fará a presentación.a estrea de “La sinapsis del códice”. Ademais da proxección do filme, haberá unha actuación da cantante de ópera Ayelen Italia e do pianista Manuel Riveiro, e un cóctel.

O argumento é coma segue. Ana é unha estudante de cine que, ao acabar o seu curso na Sorbona, promételle a Catia, unha amiga súa brasileira que é actriz, escribir un guión para que ela volva a Europa e o protagonice. Ana, influenciada polo coñecemento cultural do seu irmán Kristoff, acaba lendo o Códice Calixtino, onde se recollen as experiencias co Camiño Francés na Ruta Xacobea cara a Santiago de Compostela. Aí descobre o personaxe de Gerberga de Flandes, a primeira muller que percorreu a Vía Francíxena. Ana namórase desta personaxe e decide levar a cabo a experiencia que vive Gerberga no libro. Acompañada por un equipo de cámaras e durante doce días, Ana irá desde Saint-Jeau-Pierre-de-Port ata Santiago de Compostela realizando unha viaxe iniciática de madurez espiritual e na que descubrirá un gran segredo: quen era realmente Gerberga de Flandes.

Segundo o cineasta autor da obra, un proxecto deste tipo encandea a calquera. Partiu todo dun investidor privado e a medida que se foi dimensionando o filme, entraron TVG, Xacobeo e diversas institucións da Xunta. Tamén hai contactos con outras televisións e barállase facer unha gran tirada de copias en 35 mm. A Xunta complementará a estrea coa edición dun libro e un DVD para a súa distribución mundial, e con apoio á delegación da película en diferentes festivais nacionais e internacionais.

Título: La Sinapsis del Códice
Director: Pablo Iglesias
Actores: Saras Casasnovas, Hugo Silva, Sergio
Pazos, Miguel de Lira, Óscar Jaenada, Tessa Bergmeier,
Ana María Vallejo e Cristof Vega
Voces en off: Yolanda Castaño e Luís Tosar
Composición musical: Manuel Riveiro
Cantante de Ópera: Ayelen Italia
Xénero: documental de ficción
Formato: cor e B/N
Duración: 105 minutos

Trinta anos d´A Pravia


Alfonso Blanco

A Pravia é un dos sinais máis senlleiro da identidade de Vilalba, porque esta árbore silandeira garda e conserva as coitas, segredos e debates de moitas xeracións de veciños, que confiaron os mellores devezos á súa sombra. É a criatura que máis sabe da cidadanía en toda a comunidade. Nestes centos de anos abrollaron moitas e moitos retoños, pero un, que ven de cumprir anos, é o que mellor asimilou o seu xeito: a revista do colexio Insua Bermúdez, unha mostra daquel dito: "o que a boa árbore se arrima, boa sombra o acubilla". As nenas e nenos, que hai tres decenios teceron este proxecto con fibras tan tenras e rexas, ben sabían que con esta cerna non hai fracaso.

Xa son 39 números, que foron producindo promocións de xornalistas deste centro. As raíces da pravia resisten todos os embates da vida. Así erguida, coa cabeza ben alta, de pé…, segue a inspirar tanta sabedoría popular a estes redactores. A publicación é unha testemuña viva da comarca, agarimada polos ollos sagaces dos máis novos. Tanta sementeira literaria e artística, ata de investigación, só é posíbel nunha vila cunha forte historia xornalística nestes dous séculos. Non hai escrita tan rigorosa sobre o capón, por exemplo, coma a dos seus especiais… Ou eses elencos de adiviñas, refráns, etc. A colección converteuse nunha pequena enciclopedia do noso universo chairego, que vai fornecer de materiais de primeira man, ás vindeiras xeracións.

Advertín nesta colleita de A Pravia que transmiten todos estes saberes coa autenticidade propia da idade temperá dos seus autores, coa obxectividade do que recolle, ata onde a súa ollada marabillada alcanza, sen outros intereses, que non sexan, compartir e comunicar estes descubrimentos. Nesta hora, hai que festexar o latexo e creatividade desta xente nova, cando sentimos que publicar neste soporte, non adoita ser o hábito máis común hoxendía. Buscar datos, estruturalos, darlles esta forma e beleza, ilustralos…, é un proceso ateigado de lentura que os convida a recoñecerse membros da súa comunidade, herdeiros dunha cultura, que eles mesmos están a enriquecer e alongar coa súa revista. Cómo mesatisfixo, cando unha nai me informaba de que ía preparar un xantar no Nadal cunha das receitas que seleccionou n´A Pravia!.

27 de xan. de 2010

Con Pantagruel ás voltas


Xulio Xiz

Do mesmo xeito que na Televisión galega deron en publicar fotografías de galegos dos máis diversos lugares e nas máis varias ocupacións ou posturas, nunha vulgarización do medio que pouco pode aportar á audiencia, tamén algúns xornais publican na fin de semana fotografías persoais, de celebracións familiares, de comidas parroquiais, de romerías festeiras, sabendo que posiblemente vendan como mínimo un exemplar por cada persoa que se vexa reflectida nas páxinas do xornal.

Dun tempo a esta parte saen publicadas fotografías de grupos con algunha afinidade, especialmente con vencellos familiares, que seguro se retroalimentan, porque dan ideas a outras persoas para facer públicas outras celebracións familiares. Supoño que son publicacións moi seguidas polo público. Eu, alomenos, xa estou tomando boa nota.

Na sección A Chaira do xornal El Progreso de finais do pasado setembro publicouse unha foto da primeira reunión en Vilalba dos curmáns Rouco... Os Roucos e as súas respectivas parellas celebraron unha xuntanza de fraternidade á que seguíu unha noite de movida. Na fotografía aparecen un total de vintedous festeiros que o están pasando moi ben.

Noutra foto do mesmo xornal aparecen os descendentes do vilalbés Agustín López Arias, que se xuntan anualmente en Vilalba para lembrar a este antecesor que foi empresario na antiga Habana e mantivo co noso pobo un forte vencello. A xuntanza comezou cunha misa na capela do Hospital-Asilo e rematou cun xantar no Parador. Na foto conto 27 asistentes.

E sigo con outra foto – a verdade é que me chamaron a atención e funas recortando – na que a familia dos Ignacios, da parroquia vilalbesa de Santaballa, celebrou a súa quinta reunión anual cun xantar que fixeron na área recreativa da Magdalena. Na foto aparecen 34 ignacios.

Seguro que hai moitos outros exemplos dos que non me fixei, xa que sólo atendín ós casos vilalbeses, pero por se acaso é un record a bater atopo que en Mondariz-Balneario se reuniron un total de cento cincuenta membros da Familia Cachafeiro para reforzar os vencellos familiares dos descendentes dos irmáns Cachafeiro Cabano naturais de Forcarei. Chámanlle xa “Cachafeirada” a esta xuntanza de familiares que viñeron de Londres, México, Barcelona, e de toda Galicia, e cun abano de idades de entre seis meses e os noventa e dous anos.

De todos os xeitos, non está nada mal que os familiares se xunten alomenos unha vez ó ano, para reforzar lazos e contar os feitos acontecidos desde a última xuntanza. E sorte teñen os que disfrutan de familia numerosa de poder vivir nun clima ben diferente e agradable dos que resultamos fillos únicos.

Quizais, por eso, me chamou a atención o tema, xa que se ben pola miña parte teño que dicir que prácticamente son eu só, xuntando o que se adoita en chamar familia “política” chegamos a medio cento. E todos contentos.

Continúa o apagón analóxico en Galicia


Redacción

Hoxe apagaranse dez concellos da provincia de A Coruña que a partir de agora só poderán ver a televisión a través do sinal dixital. O apagón analóxico continúa esta semana en Galicia, hoxe mesmo apagaranse dez concellos de A Coruña: Aranga, Betanzos, Coirós, Irixoa, Monfero, Oza dos Ríos, Paderne. Pontedeume, As Pontes e Vilarmaior.

Nos vindeiros tres días apagarase definitivamente o sinal doutros corenta municipios de A Coruña e Ourense e tamén dalgúns de Lugo e Pontevedra, o que significará que uns 250.000 galegos deixarán de ver o sinal analóxico para pasarse ó dixital. Esta fase rematará co apagón definitivo -o vindeiro 1 de febreiro- de catro das sete grandes cidades galegas. Ese día, nas zonas de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Ourense, os repetidores só emitirán sinal de TDT, que segundo cálculos da Xunta, chegará ao 98 por cento da poboación.

26 de xan. de 2010

Carta colectiva dos nosos Premios Nacionais

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.

Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.

Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.

Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cese inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde, Paco Martín, Antón Santamarina, Xabier P. DoCampo, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo, Suso de Toro, Rubén Ruibal, Agustín Fernández Paz, Xusto Beramendi.

Escritores piden a dimisión do Conselleiro de Cultura


Redacción

Os escritores Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo, Xusto Beramendi, Paco Martín, Antón Santamarina, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal farán pública nas próximas horas unha carta pedindo a dimisión do Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, pola súa “falta de consideración” e o seu “escaso coñecemento” da cultura que se fai en Galicia, segundo informa Xornal de Galicia na súa edición de hoxe.

O escrito, do que os asinantes teñen en común ter sido galardoados cos Premios Nacionais de Literatura que concede o Ministerio de Cultura, nas súas distintas modalidades, esixe o cesamento inmediato ou a dimisión de Varela polo que interpretan como desprezo sistemático cara á cultura galega e os seus creadores, a raíz das declaracións que realizou o pasado luns nun encontro con empresarios, creadores, autoridades e medios de comunicación na Coruña, onde confesou que a cultura galega lle parece, ademais dun termo “espiñento”, unha cousa “ensimesmada e acomplexada”.

A xestión de Roberto Varela está a ser criticada incluso dende o seo do seu propio partido, a raíz do que se considera unha mala xestión do Xacobeo. Diversos medios de comunicación informaron que o propio conselleiro lle anunciou a Feijoo a súa dimisión o pasado venres coincidindo coa visita que ambolosdous fixeron á feira Fitur, en Madrid, se ben esta información foi desmentida pola presidencia da Xunta.

25 de xan. de 2010

Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega


Manuel París

Esta mañá reuniuse en A Coruña o Plenario da Real Academia Galega, en sesión extraordinaria para a elección do Presidente e da Comisión Executiva da Institución. Tras a correspondente votación, a Xunta de Goberno da Real Academia Galega quedou constituída polos seguintes académicos numerarios: Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario; Manuel González González, tesoureiro; Euloxio Rodríguez Ruibal, arquiveiro-bibliotecario; e Francisco Fernández Rei, vicesecretario.

A candidatura de Méndez Ferrín, a única presentada e que contaba co aval do anterior presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, recibiu vinte votos a favor, tres abstencións e ningún voto en contra. Deste xeito, Ferrín convérsese no undécimo presidente da institución.

Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) é Doutor en Filoloxía e catedrático de Literatura. Preparou a edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e como ensaísta publicou De Pondal a Novoneyra (1984). Colaborador no Faro de Vigo e director da revista A Trabe de Ouro. Membro do grupo literario nacionalista Brais Pinto.

Deuse a coñecer como poeta coa obra Voce na néboa (1957), á cal seguiron Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977), Premio da Crítica; Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992) e Estirpe (1994), Premio Losada Diéguez, 1995.

Como narrador publicou Percival e outras historias (1958); O crepúsculo e as formigas (1961); Arrabaldo do norte (1964); Retorno a Tagen Ata (1971); Elipsis e outras sombras (1974); Antón e os inocentes (1976); Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982); Arnoia, Arnoia (1985); Bretaña Esmeraldina (1987), Premio da Crítica de Galicia, 1988; Arraianos (1991), Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Crítica Española, e No ventre do silencio (1999), Premio Eixo Atlántico. En 1999 foi candidato pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para o Premio Nobel de Literatura.

23 de xan. de 2010

Os xornalistas galegos celebran a súa festividade con varios actos en Compostela


Redacción

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) celebrou esta mañá a festividade do seu patrón, San Francisco de Sales, cun acto reinvindicativo da figura do xornalista compostelán Alfredo Vicenti Rey, que se desenvolveu na Fundación Araguaney ás 13 horas. Foi durante a presentación do libro Alfredo Vicenti, vida e obra dun gran periodista, do escritor e xornalista Baldomero Cores Trasmonte, editado conxuntamente polas Asociacións da Prensa de Madrid, A Coruña e Santiago.

Por outra banda, mañá domingo -e organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG)-terá lugar o acto de entrega do Premio Xornalístico Diego Bernal que, na súa edición de 2010, recibirá o prestixioso profesional Manuel Martín Ferrand, en recoñecemento á súa dilatada traxectoria en medios escritos, emisoras de radio e cadeas de televisión, onde deixou unha fonda pegada en moitos profesionais da información. Como en anos anteriores, o acto de entrega do Premio Xornalístico Diego Bernal celebrarase durante o xantar da Festa do Patrón dos Xornalistas, ás 14.30 horas, nos salóns do Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, con asistencia de xornalistas de toda Galicia. O evento estará conducido pola presentadora de Correo TV Susana López Carbia. Pola súa banda, a descrición cos méritos do galardoado correrá a cargo de Perfecto Conde -Premio Diego Bernal de 2009- e vello amigo de Martín Ferrand.

Encerrado no círculo


Antón Baamonde

Caben moi poucas dúbidas de que Núñez Feijóo está perdendo a batalla da opinión en relación ao idioma. Rexistrase a opinión moi estendida de que o presidente creou un problema que non había, que ameaza coa fractura social. E todo, por seguir os ditados da COPE&co e do número exiguo de pais, localizados fundamentalmente en colexios privados, que preferirían unha educación só en castelán. Non soubo entender Feijóo, tal vez porque no seu propio entorno abunde ese perfil social, que non a todo o mundo o galego lle parece tan desprezable ou prescindible.

De feito, todas as fontes coinciden en afirmar que aumenta o nerviosismo dentro da Consellería de Educación e do PP despois do unánime rexeitamento que suscitaron as Bases para o novo decreto. Un índice desa electricidade que recorre San Caetano deuno a publicación, o pasado mércores, da esperada auditoría de KPMG sobre a posible fusión das caixas. A maneira urxente en que foi dado á luz ese informe indica que o que se trataba era de desviar a atención -polo menos nas primeiras páxinas dos periódicos- da xornada de onte.

Un día que foi importante non só -mesmo non tanto- polo éxito dos que convocaron a folga e a manifestación, senón porque evidencia que o PP carece de interlocutores. El mesmo encerrouse nun círculo. Quédanlle agora dúas alternativas: ou reafirmarse na súa inimiga contra o galego -e entón nos agardan anos de leas- ou, se quere saír do furado no que se meteu, volver ao consenso con PSdeG e BNG -e entón vanlle caer chuzos de punta na prensa madrileña e provocará a ira dos seus antigos aliados aos que tanto inflou e prometeu-. As dúas posibilidades son desagradables para eles. Pero é o que pasa cando un goberna dende a frivolidade e a improvisación.

Revista de prensa: XORNAL

Galicia Trilingüe

J. L. Martín-Palacín

Ás veces fanse promesas electorais sen criterio e de xeito improvisado. A mala táctica de pescar votos en río revolto. Núñez Feijóo non daba un can polo éxito da súa campaña (lembremos que non a gañou el, que a perderon os outros), e apuntouse á "Galicia bilingüe" porque estimou que aí había un caladoiro electoral. Cometeu a lixeireza de remover algo que estaba unanimemente pactado na época Fraga. Esa lixeireza levouno á actual lameira.

Cando prometes sen meditar terminas no camiño das ocorrencias. E as ocorrencias constitúen o primeiro banzo das escaleiras que levan á complicación e ao absurdo. É o caso do borrador do decreto sobre as linguas no ensino en Galicia.

Primeira ocorrencia: tirar a pedra e esconder a man. Fas unha enquisa sen rigor científico, para que o resultado dea argumentos para facer o que querías. Como non sabías ben o que querías, convértelo nun borrador para que todo o mundo opine. Opinión baixo a ameaza de que, como tes maioría absoluta, vas terminar facendo oídos xordos ás opinións. Todo o mundo considera (incluído ti) que o borrador xa é o decreto. Cando comezan as queixas e as opinións contrarias, ti dis que non se alborote o persoal, porque isto non é máis que un borrador?

A segunda e máis grave ocorrencia é a de equiparar, á marxe da Constitución, do Estatuto e do propio sentido común, as dúas linguas oficiais co inglés ou outras linguas estranxeiras. Descubrimos unha imposible Galicia trilingüe: non tes profesorado preparado para facer o que propós. E practicas un xeito de contrabando, porque o problema que suscitaches non era o do ensino de linguas en xeral, senón o de equiparación das linguas oficiais. E descobres (non sei en que idioma, por certo) un sistema matemático tan novo que converte a metade no 33%. Si a intención do autor do invento era potenciar máis o galego ou potenciar máis o castelán, saíulle que o que termina potenciando é o inglés. Á conta de restar peso ás linguas oficiais. Todo un galimatías.

É curioso que, cando quere enmascarar ou variar algo no Ensino, o Partido Popular termina "traballando para o inglés". Ocorreulle na Comunidade Valenciana co errado intento de ensinar Educación para a Cidadanía en inglés, e agora quere repetir con máis materias: a terceira parte nada menos.

Pero queda un "máis difícil aínda" na carreira das ocorrencias. Quizá o que ideou a terceira gran ocorrencia pensou que expuña unha medida intelixente, e planeou quitarse do medio á hora das responsabilidades: que decidan os pais. Inventa o movemento asembleario no Ensino. E reparte todas as papeletas para a rifa do caos. E introduce o malestar nos centros de ensino. Imaxinemos que nese movemento asembleario hai un 51% que pensa que hai que dar Ciencias Sociais en Galego, e un 49% que opina o contrario: xa temos dividido o centro practicamente á metade. E así co resto das materias. E para completar o batiburrillo, nun centro daranse unhas materias nun idioma, e no da beira daranse noutro distinto. E como somos, polo menos, trilingües, a falta de concordancia entre centros complícase. E os pais que sentan en minoría, quererán trasladar aos seus fillos a un centro onde se fagan as cousas como eles queren. E non poderán. E incrementarase o malestar.

E como as ocorrencias non só xeran malestar, senón que inspiran ocorrencias, imaxinemos que nun centro se poñan dacordo en que a Lingua Española, por exemplo, ou a Galega, se impartan en inglés. Bo, sei que o autor desta ocurrente proposta pode protestar dicindo que eu quero que o colla o touro. Non é así, aínda que lle vai a coller con toda certeza, porque saíu a tourear de espontáneo. E aos espontáneos, ou os saca a autoridade competente, ou os pilla o touro. E neste caso, a autoridade competente é precisamente a que lle fixo saltar ao rodo.

Este proxecto de Galicia trilingüe falsea a Constitución e o Estatuto, contradi o sentido común, xera o caos e "o que é nefasto para o goberno de Núñez Feijóo" concita a unanimidade de todo tipo de institucións, organizacións, partidos políticos, xuristas e decenas de milleiros de cidadáns, nun claro rexeitamento ao proxecto. E incitou á convocatoria dunha folga xeral maioritariamente secundada, que moi probablemente acabará co proxecto e abrirá unha brecha entre o goberno da Xunta e a sociedade. Para esta viaxe...

22 de xan. de 2010

"Gustavo Freire na memoria" o sábado 23

Redacción

A Asociación Cultural “ Cántigas e Frores” organiza para o vindeiro sábado día 23 unha gala adicada ao músico lucense Gustavo Freire que terá lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes a partir das 19.00 h.

Durante o transcurso do acto serán presentados os libros "Gustavo Freire na Galicia da época Nós", e a edición completa da obra "Non Chores Sabeliña". O primeiro é un traballo no que se ofrece unha visión sobre o maestro Freire e a música do seu tempo, na que o nome do compositor lucense acada un dos lugares máis sobresaíntes. A obra "Non Chores Sabeliña", trátase dunha zarzuela escrita polo xornalista lucense José Trapero Pardo e musicada por Gustavo Freire que foi estreada obtendo un enorme éxito polos coros lucenses Frores e Silveiras e Cántigas e Aturuxos o 11 de febreiro de 1943. A popularidade desta obra na súa cidade natal non decaeu, pois seguiu representándose con bastante frecuencia ata os nosos días.

A gala tamén contará coa presentación do libro "Asi fan os Bailadores”, un libro sobre baile galego con bailes transcritos en cinetogramas, que conta con explicacións en texto dos movementos e unha introdución breve á cinetografía e os seus signos.

A parte musical correrá a cargo da Banda de Gaitas da Asociación Cultural "Cántigas e Frores", unha banda que nace no ano 1999 para dar saída a tódolos gaiteiros e percusionistas que formaban parte das diferentes escolas desta asociación nese momento. A banda interpretará a peza composta por Gustavo Freire “Airiños Aires”, e unha peza aprendida do grupo de gaitas máis galardoado desta cidade, “Os Montes” de Lugo, grupo que puxo aos gaiteiros da cidade amurallada na elite dos gaiteiros galegos acadando numerosos premios en concursos celebrados por toda Galicia. A peza recibe o nome de “Xota do Xosé”.

Na gala tamén se contará coa presenza do cuarteto de acordeóns “Tasabala” que interpretarán as obras “Miña Nai”, unha obra arranxada por Gustavo Freire e que formaba parte do repertorio do Coro de Cántigas e Frores alá polos anos 50 e o alalá "Canta a rula" que forma parte da Zarzuela Non Chores Sabeliña.

A organización deste acto corre a cargo da Asociación Cultural "Cántigas e Frores", e conta coas colaboracións da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a Editorial Dos Acordes e o Círculo das Artes de Lugo.

Concerto benéfico en favor de Haití

Redacción

O vindeiro domingo 24 de xaneiro terá lugar en "El Canalla", na avenida do Porto, en Sada, un concerto benéfico a prol dos damnificados polo desastre de Haití. Serán seis horas de música desde as seis da tarde ata as doce da noite con doce grupos. A recaudación destinarase íntegramente para a Cruz Vermella.

Os grupos e a orde de actuación serán como segue:

6,00 pm : FRESQUIÑOS
6,30 pm : XURXO MARES
7,00 pm : PABLO BICHO
7,30 pm : ROGER DE FLOR
8,00 pm : KATY BLUE & CRAZY CATS
8,30 pm : QUINITO MOURELLE, KIKE ALVARADO Y MARÍA GORÍS
9,00 pm : ALVARO MURAS
9,30 pm : MARCOS MELLA
10,00 pm : CHAMITO EL FLACO
10,30 pm : PARIS JOEL
11,00 pm : COYOTE EXPRESS
11,30 pm : ESTADOS ALTERA2

Coordinador das actuacións: Pedro Alisedo (677.056.792 / 981. 611.747).
Máis información: www.alvaromuras.com

21 de xan. de 2010

Presentación do libro sobre Vicenti en Compostela


Redacción

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) presentou na tarde de onte na facultade de Ciencias da Comunicación o libro Alfredo Vicenti. Vida e obra dun gran periodista, do xornalista e membro da directiva da APSC, Baldomero Cores Trasmonte, co motivo da celebración da semana do patrón dos xornalistas. A través deste documentado traballo, Baldomero Cores pon de manifesto a importancia que tivo para Santiago a figura do periodista santiagués Alfredo Vicenti Rey, nado no Picho da Cerca. Formado en El Diario de Santiago, abandonou Compostela polo seu marcado carácter anticlerical e decidiu instalarse en Madrid, onde fundou a Asociación da Prensa a finais do século XIX.

O decano da facultade de Ciencias da Información, Xosé Pereira, presentou o acto, no que tamén interviu o presidente da APSC, Luís Menéndez e o autor do libro, Baldomero Cores, quen reivindicou o recoñecemento de Vicenti por parte da Universidade “para ben do coñecemento e dos saberes relacionados coa comunicación”. Na clausura do evento, a alumna Verónica Cambón recitou unha poesía que Vicenti escribira e dedicara a Rosalía de Castro. O vindeiro sábado, 23 de xaneiro, realizarase o acto oficial da presentación do libro na Fundación Araguaney (Montero Ríos, 23), ás 13 horas.

Supoñamos...


Antón Baamonde

Supoñamos que a convocatoria de hoxe fai recuar ao PP e que se reinstaura o consenso -que os tres grandes partidos acadan unha nova fórmula satisfactoria- entón habería que ir más aló do debate sobre a legalidade e entender que o ensino non é máis que unha parte moi limitada do asunto.

Sería necesario que a enerxía que se desatou no último ano fora aproveitada.

Son posible dúas cousas simultáneas: gañar a presente batalla política e, ao tempo, que o galego siga perdendo falantes.

A reflexión sobre a perda de falantes debería favorecer a busca do consenso, pero, máis aló e mirando máis lonxe, as xentes de todo tipo que queren ao seu idioma e desexan que perdure deberían pensar proactivamente, non só reactivamente.

Habería que imaxinar que medidas, actitudes, empresas poden darlle, en efecto, mil primaveras máis ao idioma e cales outras son un atranco.

Medios de comunicación, escolas concertadas e privadas, desenvolvemento dunha cultura xuvenil e urbana en galego, iniciativas de barrio, papel dos concellos -coa súa influencia sobre certas capas como pequenos empresarios, comerciantes, etc-. Os modos de gañar prestixio, recuperar falantes, evitar o ghetto son moitos, e moi pouco practicados.

Batallas como a a de hoxe galvanizan, unifican e crean polos de referencia. Pero non podemos pensar que os decretos -tampouco os aceptables- van a funcionar como un ensalmo máxico.

Hai que reflexionar.

Agardando pola autovía


Xulio Xiz

Eu creo que cando se plantea unha obra, os redactores do proxecto e os políticos que a promoven saben que de ningunha maneira se van cumprir os prazos que anuncian, pero comprenden que a mesma satisfacción xenerada pola obra, logo da obra en marcha e finalmente da obra rematada farán olvidar calquera promesa inicial ou durante o proceso, e o que vai importar en definitiva é disfrutar da obra feita.

Eso ven ocorrindo case sempre. Pasou coa Autovía Madrid-Coruña, antes coa Nacional VI, e antes con outras moitas iniciativas.

No caso que nos ocupa – Vilalba sempre – é a obra da autovía entre Ferrol e Vilalba, soñada hai moito templo, planificada hai máis dunha ducia de anos, e con sucesivos retrasos algúns deles derivados das dúbidas de quen era o organismo, a Administración, que debía afrontar esta obra que se considera vital para a promoción dunha ampla comarca necesitada de impulso económico que se entende está vencellada á disposición dunhas comunicacións como as que van enlazar Vilalba coa costa lucense, coas Pontes, con Ferrol e co sur de Galicia.

Non axudou, pois, a lentitude oficial no planteamento da obra, pero resultou ben que todo o proceso fose anterior á crise, que agora mesmo podería ter importantes dificultades unha obra coma esta. E tampouco axudou para o cumprimento dos prazos o tema orográfico que obrigou ó selado de taludes, nin os últimos rigores climatolóxicos, que segundo o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras tamén provocaron retrasos na posta en marcha do último tramo desta obra, que vai desde Cabreiros a Vilalba.

Na festa de Santa Cecilia, en Vilalba, alguén ben enterado da situación aseguroume que a obra ía entrar en funcionamento o vinteoito de decembro, recalcando que non se trataba dunha inocentada senón que así estaba previsto.

Non foi así, e a nova data prevista quedou fixada para o mes de xaneiro, do que xa temos rebasado a metade.

Agora, o Conselleiro confesa que aínda haberá que agardar unhas semanas para que entre en funcionamento unha vía que agardamos como auga de maio, porque para saber o que podemos esperar dela non hai máis que ver os tramos que xa están en funcionamento e o suplicio que supón recorrer os arcaicos camiños que levan á autovía e ó futuro.

Pero volvo ó suposto inicial de que sexa cal fose o proceso, ó final vale a pena agardar porque o resultado vai compensar de todas as esperas. E a esperanza é grande, así que teñamos a espera en paz pensando que xa case se pode cuantificar en horas a distancia que nos separa da entrada en funcionamento da soñada autovía que nos achegue definitivamente a todo o noso contorno xeográfico.

Valerá a pena, así que –aínda a distancia- démoslle a benvida á nova Autovía Ferrol-Vilalba, que está aí, ó alcance da man.

20 de xan. de 2010

Cara onde vas, Chile?


Moncho Paz

O resultado das eleccións chilenas do pasado domingo é a confirmación definitiva de que o ser humano é de memoria feble. A limpeza coa que se desenvolveu o proceso electoral outorgou a vitoria á dereita liderada polo empresario liberal Sebastián Piñera, de Coalición por el Cambio, un triunfo que sería matematicamente imposible de non contar cos apoios de Lavin e os sectores da ultradereita que representan o post-pinochetismo. Os militares e antigos membros da DINA pendentes de procesos xudiciais aínda deben estar de festa cando escribo estas liñas.

O fracaso da Concertación progresista, que gobernou o país andino durante os últimos vinte anos, ademais de estar producido pola crise económica, débese á falla de renovación dos seus líderes. Se Michelle Bachelet non podía presentarse por esgotar mandato, por que non buscaron outras caras? Ninguén dubida do que simbolizaron no seu día Ricardo Lagos e Eduardo Frei, o candidato perdedor, pero ata os seus seguidores sabían que agora non era unha alternativa real de futuro.

A esquerda vaise de novo sen aprender a lección: demasiados protagonismos e autocompracencia. Hai pouco máis dun mes tiña lugar o enterro oficial de Víctor Jara, torturado e asasinado polos militares de Pinochet en 1973. Gustaríame coñecer a súa opinión ante semellante panorama.

19 de xan. de 2010

Joey

Por César Reis

Parafraseando con libérrima impudicia ao poeta Gil de Biedma, atrévome a dicir que de todas as historias das miñas bandas de rock preferidas, sen dúbida a máis triste é a dos Ramones, porque remata mal.

Si para esnaquizar as vidas posibles dos Beatles no moroso “Anthology” foi necesaria a friorenta de case dez horas, Jim Fields e Michael Gramaglia apenas empregaron 108 minutos en ilustrar con non menos paixón a historia dos Ramones en “End of the Century” (2003). No fondo nada estraño, proporcional á duración dos temas de ambalas dúas bandas.

A música perpetrada polo grupo de Queens resulta, de pura sinxeleza, sumamente inxenua –estriba niso a propia simplicidade do rock’n’roll en tanto que manifestación xenuína da música popular moderna–, chea de cantigas vivaces, pletóricas, sinceras... Sen dúbida propenden ao oínte a unha ledicia incondicional, a un vitalismo dunha candidez ilimitada e avasaladora. Con todo, o documental “End of the Century” amosa o mesmo rosario de sufrimentos, o mesmo catálogo de culpas, a mesma ilimitada conxunción de pecados que calquera outra historia similar onde as haxa. Resulta estraño pensar que aqueles que foron capaces de transmitir tanta ledicia sincera non tivesen a capacidade de gozala. En calquera caso, de entre os sufridos representantes, de entre a turbia e ambigua depravación de Dee Dee, o pasado pendencieiro de Johnny ou o desvío cara ás marxes da tolemia dos sucesivos baterías, emerxe con luz propia a figura do vocalista Joey.

Si –Monterroso dixit– os vates han ser máis ben baixiños, os seus dous metros de estatura, a súa indubidable fealdade física ou un diagnóstico precoz de trastorno obsesivo-compulsivo non foron argumentos suficientes para apartalo de converterse, sen apenas el mesmo pretendelo, nun auténtico poeta do rock. De ter a súa orixe nalgunha rancia proxenie europea ou de estar a conta corrente da súa familia felizmente saneada ou dotada de maiores atributos pecunarios, o mundo circundante teríao considerado alguén dunha xenialidade excéntrica e pouco común. Sendo como foi, non lle quedou outro remedio que vivir coa conciencia e o estigma do “raro”, do alieníxena, do desposuído oriúndo dos mesmos marxes da marxinalidade. O inferno, Sartre xa nos advertiu, son os outros. Nun mundo de modais rufianescos como o do rock e os seus arredores, só alguén igualmente egrexio, aínda que desequilibrado, como Phil Spector, dotado dun xenio tan voraz como o seu, sería capaz de albiscar algo sublime máis aló de onde os outros só percibían o grotesco da súa apostura, o irregular da súa desproporción.

O epílogo a “End of the Century” deixa, así, un sabor agridoce ao espectador. Todos, agás Joey falecido pouco antes de cancro linfático, recollen en 2002 o primeiro recoñecemento firme que lles outorga a industria do rock. Dee Dee morrería pouco despois de rematar o documental. O guitarrista Johnny, con quen Joey non se falaba desde facía anos a pesar de seguir compartindo escenario, confesa non asistir ao cantante nos seus derradeiros intres de sufrimento. Aínda que non menciona a súa propia saúde, alega non concibir un fariseísmo que en absoluto desexaba para si mesmo –un ano despois íao levar un tumor de próstata.

“Too tough to die”, demasiado duros para morrer, rezaba en 1984 un dos temas do álbum homónimo. Tanta ledicia non era posible. Os deuses conxuráronse contra eles, quen sabe en base a que absurdo xeito de manter o equilibrio universal.




cesar.reis.alveiros@gmail.com

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO


A mala planificación do Ano Xacobeo


Antonio Cendán Fraga

Cando xa principiou un novo ano Xacobeo en moitos lugares do mundo non se dan por informados oficialmente de que este evento ten lugar no fisterrán occidental. Ao longo do último ano levouse a cabo unha campaña deficiente e con escaso interese informativo. O novo ano xubilar regresou ás Antípodas do que era cando se retomou a súa promoción, en 1993, unha feira de folclorismo con supostos turistas de mochila e bocadillo, así coma troulas de última hora na Praza do Obradoiro. Desgraciadamente non se progresou nada en 17 anos, malia que hai que recoñecer que nun comezo foi unha extraordinaria oportunidade para moitos concellos, especialmente os da Galicia interior que vían como cada Ano Santo pasaban miles de forasteiros polas súas terras e contribuían a enriquecela tanto económica coma humanamente. Non obstante, en posteriores edicións dos Xacobeos a promoción repetiuse dun xeito patético e escasamente renovador, cando dende 1993 a 2004 aconteceran feitos salientables entre eles a incorporación das novas tecnoloxías, as que unha vez máis parecen estar ausentes para os organizadores deste evento.

Este singular feito que acontece periodicamente cunha media de cinco-seis anos en Galicia, sofre unha parada cun intervalo de 11 por caprichos do calendario, aspecto este que se debería ter en conta cando se estaba a preparar o actual ano xubilar, xa que ata pasada unha década non volverá suceder un acontecemento destas características. Daquela xa haberá novas xeracións de políticos e tamén doutro xeito de pensar. Se cadra seguirán as peregrinacións a Compostela, pero tamén poden decaer como fixera noutros momentos históricos ata a década dos noventa, porque outros lugares saben aproveitar ese baleiro que deixarán os anos xubilares galegos. Unha gran parte dos cartos dedicados á promoción do actual Xacobeo fíxose a base de patrocinios de equipos deportivos, dos que, dende o meu punto de vista, só está xustificado o de ciclismo, xa que é un deporte que vive exclusivamente da publicidade e da televisión, ademais de levar o nome deste evento polos principais países europeos. Non obstante, os restantes clubs, con todo o meu respecto, representan un desfalco económico xa que dificilmente se pode vender o evento galego no resto de terras do estado, onde é de sobra coñecido, cando non están saturados de escoitalo a través dos medios de comunicación.

O Ano Santo Compostelán non se pode basear só na promoción a base de camisetas, gorras e clubs deportivos. Necesítase unha planificación previa e concienzuda, xa que o resto é auga de borrallas e ganas de tirar cos cartos de todos os galegos dun xeito vil e absurdo. Ademais, hai que ter en conta que esta galiña dos ovos de ouro pode morrer en calquera momento e tendo en conta que terá que pasar unha longa etapa para poder vivir outro.

18 de xan. de 2010

Xesús Alonso Montero, premio "Facho de Ouro"

Redacción

A Directiva da Agrupación Cultural "O Facho", d'A Coruña, acordou outorgar O Facho de Ouro ao "profesor e home de ben", segundo din nun comunicado enviado aos medios, a don Xesús Alonso Montero, como testemuña e recoñecimento á sua longa traxectoria na defensa da dignidade e da cultura do país galego.

A entrega do premio terá lugar nun acto cívico que será acompañado dunha cea homenaxe que se celebrará o sábado, día 30 de Janeiro, às 21 horas no Hotel Riazor d’A Coruña. O prezo por persoa é de 30 €. Para reservar lugar pódese chamar a Rafael: 981.269.663 (tardes). Correo electrónico: lobezan@yahoo.es

Represalia e desagravio


Antón Baamonde

Chega as miñas mans Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, libro editado por Edicións do Castro a fins do ano que acabou e que narra as peripecias e a fidelidade á II República de Manuel María Díaz González, médico do concello lugués do Incio, galeguista e militante de Izquierda Republicana no momento en que foi asasinado polos fascistas -pola Escuadra Negra de Eirexalba- o 11 de setembro de 1936. O libro é unha vindicación e unha homenaxe, unha forma de recuperar a memoria por parte non só da sociedade en xeral, senón por parte da súa propia familia.

Todos sabemos que a transición foi produto dun pacto, dun acordo entre un franquismo que non tiña forza ou poder para perdurar e unha oposición democrática débil que tampouco podía forzar unha ruptura co réxime. Iso determinou que a memoria das atrocidades fose reprimida. Ademais, aínda que tiveran pasado corenta anos, en moitos casos os autores seguían vivos. A relación de forzas e a prudencia se aliaron para producir unha censura que nos últimos anos parece estarse levantando grazas a aprobación da Lei da Memoria e a unha sensibilidade social menos condicionada polo medo aos vellos fantasmas.

De feito, o libro parte dos recordos da familia reunidos polo autor, José Luís Díaz, médico mexicano especializado en Psicobioloxía, e sobriño do paseado. Resulta especialmente lacerante o relato dos últimos momentos do pequeno do Incio -ese era o alcume do deputado por Lugo- coas mans atadas á cola dun cabalo, exhibido en público coma un trofeo coa intención de aterrorizar, que solicita poder rezar e que realicen a descarga no momento de dicir “Xesús”, presente e desesperada a súa irmá Lola. Non é raro que os descendentes dos agraviados contrasten os axustes co pasado de franceses e alemáns con España “onde os nomes dos que actuaron na ditadura seguen reptando a volta das esquinas”.

DÍAZ GÓMEZ, José Luís.
Sementeira e memoria: Represalia e desagravio dun médico lucense represaliado.
Ediciós do Castro. Sada. 2009

17 de xan. de 2010

É Feijoo un radical extremo?


Fermín Bouza

Feijóo acusa de radicais aos seus críticos. Que cousa máis absurda e que perda de tempo e de sentido común. É obvio que non é así, e abonda con saír á rúa e falar coa xente, ou ler dentro dos arquivos das enquisas ou, sinxelamente, pensar un pouco nisto, para concluír que aqueles que apoian unha redución de galego (que está reducido xa desde hai séculos, reducido, reprimido e até prohibido en múltiples usos) son moi pouca xente.

O problema é que a xente que non é así e non desexa esa redución do galego que o PP propicia (ollo con este partido, agora que ten algunhas opcións de gañar eleccións en diversos lugares: o PP é, na actualidade, un partido fortemente radicalizado) está afeita a non facer nada pola súa lingua e deixar facer con certo senequismo agardando que as cousas se arranxen "polo seu propio peso", como a lei da gravidade daquel sarxento do conto.

Pero esa boa xente que non deixaría que a súa lingua se perdese, e que é de dereita ou de esquerda, segundo e como, comeza agora a verlle as orellas ao lobo. E esa xente, a señora María do estanco, Carmiña a do quiosco, Vanesa a ATS, Don Agapito o avogado, etc., son aos que Feijóo chama radicais, un Feijóo que pon cara de bo pero que non parou de chamar corruptos aos seus adversarios políticos, aos que agora tamén chama radicais e non se que insinuacións máis. Non é tolerable, pero expresa un certo desaxuste político, coma se non entendese o que lle rodea e coma se se atopase moi estraño e moi distante na súa cadeira de brazos de mando. Un episodio de autoextrañamiento no que Feijóo descóbrese de súpeto a si mesmo como un político da desesperanza (é o que é exactamente neste momento), e debe improvisar descualificacións dos seus adversarios, o que o fai aínda máis desesperanzado e incapaz.

Incapaz, digo, de chegar a acordos e de pechar este proceso da lingua de forma cabal e aceptable para todos. Non o sabe facer, non o quere facer: el cultiva unha imaxe aceptable no Madrid-fortaleza de Esperanza Aguirre, e esa imaxe pasa por facer o que está a facer, ao que lle axuda a pura extrema dereita reclamándolle mil cousas que din prometeu, e o que fan é resituarlo nun centro do que realmente está moi afastado. Feijóo é un político típico da dereita histórica española, e non vai máis aló diso. Pode facer movementos para recapturar algo do espazo central, pero sempre serán movementos de imaxe, de superficie, a súa política coa nosa lingua é radical, extrema.

16 de xan. de 2010

Casa Museo de Manuel María

Redacción

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno presidida novamente polo vicepresidente Antón Bao, fóra dos asuntos da orde do día, que a Deputación de Lugo, a través da súa Área de Cultura, está a liderar a iniciativa para que a casa natal do poeta de Outeiro de Rei, Manuel María, acolla un museo dedicado á súa obra e á súa vida, que sirva para recoñecer e poñer en valor o legado dun dos escritores lugueses máis importantes na historia da literatura galega.

Antón Bao anunciou que, pola transcendencia desta iniciativa en todo o ámbito do País, perséguese a implicación de todas as institucións que teñen competencias en materia cultural e daqueloutras que tiveron relación directa coa vida do poeta. Neste camiño, Bao explicou que “hai uns días enviouse unha carta á Consellaría de Cultura e ás outras tres Deputacións galegas, pola súa responsabilidade en materia cultural, e a aquelas institucións que tiveron relación directa e persoal con Manuel María, como é, por suposto o Concello de Outeiro de Rei, o Concello de Monforte de Lemos, o Concello da Coruña e o Concello de Lugo”. Antón Bao anunciou que hoxe mesmo se inicia “a rolda de contactos con institucións para cooperar no proxecto cunha entrevista co vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, mentres se agarda a resposta doutras institucións para avanzar nesta iniciativa, que cremos de interese cultural para Lugo e o conxunto do País.

O nacionalista Antón Bao lembrou como xurdira a idea do proxecto de creación dun museo na casa natal de Manuel María, “ao recoller o reto que desde a Fundación Manuel María se lanzara hai un mes en Lugo durante os actos de homenaxe ao escritor con motivo do seu 5º cabodano”. Bao, a este respecto, explicou que existe un claro “compromiso da Área de Cultura da Deputación por manter o legado e a memoria do poeta Manuel María e, de xeito máis específico e inmediato, dispoñer dese espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego.

Dentro dos asuntos do día da Xunta de Goberno presidida por Antón Bao, o vicepresidente informou da modificación do proxecto de rehabilitación de vivenda para restaurante no Pazo de Tor. A reforma do proxecto non implica ningunha modificación do prezo contractual e vai na liña de adaptar as instalacións anexas ao Pazo para optimizalas de cara a seren empregadas con fins turísticos. Bao explicou que “a rehabilitación contempla a creación dun restaurante e a súa cociña (que se ve ampliada na reforma do proxecto) para que nun futuro a integración de toda aquela área poida convertelo nun complexo atractivo que redunde en beneficios para a zona e a comarca”.

Referido á Área de Benestar Social, Antón Bao anuncio a ampliación dos prazos de execución e xustificación das subvencións a actividades, gastos correntes e equipamentos destinados á conciliación da vida familiar e laboral nos concellos da provincia de Lugo na anualidade de 2009. Deste xeito, amplíase o prazo de execución até marzo do presente ano e o prazo de execución até o 30 de xullo de 2010. Esta ampliación será notificada a todos os concellos coa finalidade do aproveitamento destas subvencións para mellorar o benestar da sociedade lucense.

15 de xan. de 2010

Avatar

Bruno Marcos

O futuro é o pasado. Coido que foi Einstein quen dixo que a cuarta guerra mundial sería con paus e pedras, pois os paus e as pedras xa están aquí, en Avatar, a película da que fala todo o mundo.

Si non fose porque parece fundada no cuestionamiento da realidade de Mátrix ou na bioética existencialista de Blade Runner e porque se aseguraron de dar emprego a Sigourney, un non se decataría de que falan do futuro, senón máis ben do pasado. Toda a película é unha escusa para amosar outra guerra e se cadra o orixinal é que a gañen os que loitan cos paus e as pedras.

A especulación inmobiliaria ou algo semellante en base a un subsolo rico en non sei que minerais promove, no salutífero planeta de Pandora, a aniquilación dun pobo humanoide extremadamente sensible e espiritual que encarnaría unha especie de ecoloxismo do mañá. O máis característico destes seres é que desenvolveron, ao final da súa demasiado longa coleta, un ramallete de pelos metafísicos cos que se axuntan a seres vivos producindo un sincopado orgasmo que lles dilata as meniñas dos ollos.

Todas as criaturas son improbabeis desde o punto de vista evolutivo: os cabalos de seis patas, os humanoides enormes con cadeiras atrofiadas, os hipopótamos con morro de peixe martelo... que ademais conviven con paxaros xigantes prehistóricos ou lobos esquemáticos.

Penso eu que unha das claves do xénero fantástico é precisamente a verosimilitude e Avatar é unha mistura de plaxios e de fantasías faltas de imaxinación cuxo mensaxe inconsciente non é un suposto esencialismo ecoloxista e cósmico senón a volta á superstición e ao taparrabos. A súa espectacularidade é un compendio de trapalladas como a das montañas flotantes atadas por pequenos fíos de vexetación unhas a outras para que, de tanto flotar, non se vaian ao quinto inferno, ou a árbore das almas, verdadeiro tratado do concepto visual que manexa como paradigma do belo a cousa máis parva do visual, a fosforescencia.

14 de xan. de 2010

Preocupación polo legado de Díaz Pardo

Redacción

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega expresou a súa preocupación polo futuro do importante legado cultural recuperado e reunido durante anos por Isaac Díaz Pardo no Museo Carlos Maside, no Seminario de Sargadelos e no Seminario de Estudos Galegos. Legado que constitúe “un quiñón esencial do patrimonio cultural colectivo de Galicia, fardel da nosa memoria histórica e prenda de transmisión de moitos dos nosos devanceiros á posteridade”.

Entende o Consello da Cultura Galega, institución á que corresponde a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, que todo ese legado debe ser acollido, preservado, protexido e posto en valor ao servizo de Galicia.

Lembrou ao respecto, e lamentou, que quedaran inconclusas as tarefas de ordenación e dixitalización do material conservado no Instituto Galego da Información, levadas a cabo ao abeiro dun convenio asinado co Consello da Cultura Galega e o Seminario de Estudos Galegos.

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega expresou asemade a solidariedade con Isaac Díaz Pardo e o recoñecemento institucional a quen sen dúbida é unha figura senlleira da cultura galega.

XIII Premio internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña

Redacción

O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos inaugurou esta mañá no Hostal dos Reis Católicos a exposición do XIII Premio internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo 2010 e a ONG Médicos del Mundo. A exposición, patrocinada pola Xunta e Xacobeo 2010 está composta por 29 instantáneas que reflicten crises das que ninguén fala tamén asistiron a presidenta de Médicos del Mundo, Teresa González, director do Hostal dos Reis Católicos, Julio Castro e dous dos fotógrafos premiados.

Ignacio Santos valorou a calidade das series fotográficas e instantáneas presentadas como "unha marabillosa escolma da fotografía europea que sitúa o seu obxectivo naqueles que, por mor da súa minoría, non poden erguer a súa voz para denunciar as inxustizas sufridas". O xerente do Xacobeo, lembrou tamén aos fotógrafos e profesionais que foron asasinados mentres participaban en proxectos de axuda humanitaria, dando a súa vida pola "construción dun mundo máis xusto" e incidiu no excelente humanismo legado por Luis Valtueña como "un compromiso coa solidariedade que representa a esencia deste certame".

Nesta edición, o gañador foi o fotógrafo italiano Francesco Cocco pola súa serie fotográfica Afganistán sobre a situación dun país que padece guerras e conflitos desde fai máis de 30 anos. As instantáneas de Cocco transmítennos dunha forma moi persoal a crise dun país acosado pola corrupción e o terrorismo. Son fotos duras, pesimistas e escuras que mostran, en verbas do propio fotógrafo: "un país de superviventes, onde os seus habitantes son tristes prisioneiros do seu pasado e carecen de perspectivas nin esperanzas de futuro".

O primeiro premio obtido por Francesco Cocco consiste nunha beca de traballo de 8.000 euros destinada á realización dun proxecto fotográfico nunha das áreas de traballo de Médicos del Mundo. A lista de premiados complétana outros dos fotógrafos italianos: Giulio Di Sturco, finalista coas súas instantáneas das inundacións a causa do monzón no norte da India, e Pierluigi Giorgi, que recibiu unha mención especial do xurado pola súa fotografía dun campamento de poboación xitana nos arrabaldes de Tirana.

Nesta edición número 13 presentáronse 545 fotografías de 195 autores representantes de 30 países. Durante 2010 a exposición continuará de xira por outras cidades españolas e galegas. O xurado desta décimo terceira edición estivo formado pola editora xefe de fotografía do diario El País, Marisa Flórez; o editor de fotografía de Público, Jon Barandica; o editor gráfico de La Vanguardia, Pedro Madueño; a responsable de exposicións da Casa Encendida da Obra Social de Caja Madrid, Yara Sonseca; a fotógrafa do diario El Mundo, Begoña Rivas; a fotógrafa Julia Hernández; o responsable de relacións cos medios de Médicos del Mundo, Guillermo Algar e a tesoureira de Médicos del Mundo, Ave María Aburto.

Luis Valtueña
O premio convócase anualmente en lembranza de Luis Valtueña, Flors Sirera, Manuel Madrazo e Mercedes Navarro, cooperantes de Médicos del Mundo asasinados en Ruanda en 1997 e Bosnia en 1995 cando traballaban en proxectos de acción humanitaria. Luis Valtueña era fotógrafo de profesión e en España traballaba como reporteiro na Axencia Cover, motivo polo cal este Premio leva o seu nome. Nestas trece edicións, o premio converteuse nun referente da fotografía humanitaria e no seu papel de acercar unha realidade, a veces esperanzadora, a veces aterradora, pero ante a que non se pode permanecer indiferente. Nos doce anos do premio, centenares de fotógrafos procedentes de todo o mundo presentaron as súas instantáneas para transmitir esta realidade.

Palmarés do XIII Premio de fotografía humanitaria Luis Valtueña
Na presente edición do Premio de fotografía humanitaria Luis Valtueña, o primeiro premio recaeu sobre Franceso Cocco (Italia), pola súa serie "Afganistán", o accésit foi para Giulio Di Sturco (Italia) pola serie "Las secuelas en Bihar" e entregouse tamén un tercer título como mención especial do xurado a Pierluigi Giorgi (Italia) pola instantánea "Apnea".

As fotografías seleccionadas para a exposición foron ademais das dúas series gañadoras, Kutupalong, de Javier Arcenillas (España), Guerra Mundial Africana, de Espen Rasmussen (Noruega), Escenas de Kerala, de Paolo Marchetti (Italia), La infancia olvidada, de Bet-Sabé Rivas (España), Niños sin palabras de Luca Catalano Gonzaga (Italia), Chagas, la enfermedad silenciosa de Giancarlo Ceraudo (Italia) e as fotografías Lady Vojllca, de Giovanni Marrozzini (Italia), Mar Egeo, de Giorgos Moutafis /Anzenberger agency (Grecia), Reciclaje Extremo, de Cristina de Middel (España) e Mongolia, sobrevivir al invierno, de Richard Wainwright (Reino Unido).