Gabilondo, Ónega e o 17 de maio


Fermín Bouza

Vólvese a falar do tema das linguas porque estivo o ministro Gabilondo en TVE-59 segundos. Ten aire de persoa afable, pero eu non lle entendo nada do que realmente di, aínda que intúo que quere ser home de paz ou moderado, aínda á conta de non dicir moito (isto é necesario con frecuencia para mediar entre partes), ou se cadra, con frecuencia, de non dicir nada.

Está ben, é mellor unha persoa tranquila aínda que non acabe de expresarse con certa transparencia e intelixibilidade que algún energúmeno destes que tanto circulan polo sistema mediático. Non se dixo, por tanto, nada transcendente do que houbese que tomar nota, aínda que Ónega, que é en xeral persoa equilibrada e xornalista de rigor, volveu dicir aquilo de que o Bipartito perdeu as eleccións pola lingua. É inútil pór táboas e tratar de ilustrar sobre isto mentres as fontes científicas de moitos xornalistas sexan outros xornalistas con creatividade suficiente como para inventarse a realidade todos os días. A verdade é que cansa este tipo de deporte, e por iso son cada vez máis implacable con aqueles que lle dan a volta de maneira intencional á realidade para obter réditos dalgunha clase.

Non é o caso de Ónega, que probablemente está mal informado desa relación lingua/proceso electoral 2009. Sería inxusto cargar exclusivamente contra os xornalistas: hai moitos científicos sociais, dos que non me exclúo, que inventan a realidade á súa medida e que fosen bos escritores ou cousa parecida e, con todo, non é así: publican artigos, libros, e ninguén lles di nada polas súas parvadas, que son de a quilo, non por ser opinións, senón por ser supostos datos obxectivos. Quede pois a salvo a profesión xornalística, aínda que non algúns xornalistas de carne e óso.

E o 17 de Maio, en Galicia, os partidos e organizacións da lingua e de calquera outra especie terán que botar toda a carne na grella para convertelo no gran día da lingua, da defensa da nosa lingua e, con ela, de nós mesmos como cidadáns. Se podo, estarei alí, aínda que o teño fatal de exames e puñetas diversas. Pero eu só son un.

29/04/2010

Vicente Risco en imaxes

Mario Paz González

Hoxe en día, gústenos ou non, vivimos nunha época inzada de imaxes, na que non só os grandes acontecementos, senón o máis ínfimo das nosas vidas cotiás é fotografado até a saciedade cunha compulsión case enfermiza. Se cadra por iso a fascinación que exercen as fotografías antigas nalgunhas persoas, nas que me inclúo, non ten límites. A través delas, da súa inevitable fragmentación e capacidade de suxerencia é posible mergullarse en boa medida nun mundo completo, co que poida ter de fermoso ou contraditorio. As fotografías antigas fornecen a imaxinación, como poucas outras manifestacións artísticas, cun estímulo e unha chamada constantes, facendo que se sinta compelida a encher os ocos deixados pola imaxe obrigándonos a dexergar na mente os momentos previos ou os seguintes ao acto de fotografar, aquilo que dixeron, pensaron ou, mesmo, sentiron e desexaron os seus protagonistas. Pero, sobre todo, obrígannos a recrear o xeito no que puido desenrolarse a vida nos escenarios capturados, nun mundo para nós case sempre descoñecido e xa extinto. Dicía Susan Sontag, no seu estupendo ensaio Sobre a fotografía, que un dos resultados adxacentes ao empeño fotográfico é “darnos a impresión de que podemos conter o mundo enteiro na cabeza, como unha antoloxía de imaxes”. A fotografía serviría dese xeito como medio para conxelar unha vida, unha época, un acontecemento concreto, para mantelo inmutable fronte ao paso do tempo. Quizais por iso, coma contrapartida, ten algo de arte elexiaco, crepuscular, pois axuda a lembrarnos o perecedoiro de todo o que rodea a nosa existencia e ata o perecedoiro dela mesma. Todas estas, e outras, sensacións son as que desperta un libriño publicado recentemente pola Fundación Vicente Risco, case corenta anos despois da morte deste inquedo intelectual galego.

Nacido a finais do século XIX e fundador de revistas como A Centuria ou Nós, Risco é, xunto a Castelao, Otero Pedrayo e outros compañeiros de xeración, un dos persoeiros máis importantes do seu tempo e a súa figura é fundamental para comprender boa parte da cerna da cultura galega. Se ven sendo innegable a súa importancia á hora de introducir a Galicia nas correntes dominantes da etnografía e a antropoloxía modernas, compre sinalar que a súa evolución intelectual estivo vencellada a algunhas das principais correntes da época, desde o Novecentismo, na continua reivindicación do século XX fronte ao fracaso da visión de mundo decimonónica, ao Antirracionalismo afoutado pola súa desconfianza fronte ás contradicións da ciencia empírica. Polo medio atópanse outras moitas etiquetas que, sen abarcala na súa totalidade, axudan a esguizar e, xa que logo, analizar algúns aspectos da súa vida ou da súa obra. Entre elas, o historicismo, a visión vangardista do mundo ou ese xeito de decadentismo polo que devecía na xuventude e que se amosa no seu manifesto xeracional “Nós, os inadaptados” ou no ensaio póstumo As tebras de occidente. Se para o lector novo resulta estimulante descubrir a desbordante imaxinación de novelas, como O porco de pé, ou relatos como “Os europeos en Abrantes” ou “Dedalus en Compostela”, a medida que un vai medrando como lector libre de prexuízos resulta case imposible non sentir a mesma fascinación pola súa prosa ensaística. Refírome a textos como o libro de viaxes Mitteleuropa, ou pequenos ensaios como A Atlántida, A interpretación da historia, Teoría do nacionalismo galego ou, mesmo, libros de investigación científica como a súa Historia de Galicia.

Afortunadamente, agora podemos ver algúns destes aspectos mencionados da súa vida e do seu traballo investigador e creador a través das fotografías que integran este volume de pequeno formato e que pertencen, na súa maioría, aos fondos da propia Fundación Vicente Risco. A través delas pódese realizar un ameno percorrido por algúns dos seus acontecementos familiares e dos seus lugares vitais como Ourense, Castro Caldelas e Allariz. Tamén por esa Galicia rural interior cuxos modos de vida baseados na agricultura, a gandaría, as feiras ou a artesanía estaban, xa daquela, en vías de extinción. Doutra banda, ofrécense imaxes que amosan a súa labor investigadora na revista Nós, as súas conferencias, o seu interese pola arquitectura popular dos cruceiros, os seus estudos etnográficos de festas tradicionais como a Rapa das bestas de Sabucedo, as danzas populares, o Corpus ourensán e, sobre todo o Entroido, sendo os seus traballos de campo nesta materia os primeiros e, durante décadas, os máis importantes feitos ao redor desta festa. Tamén o seu interese por Europa, as súas viaxes a Portugal, os seus contactos con intelectuais como Phileas Lebesgue e ademáis, a súa viaxe a Centroeuropa para ampliar os seus estudos de etnografía e folclore e cumprir ese ritual de aprendizaxe intelectual nunha cidade estraña, afastada. A experiencia serviríalle para evocar a súa propia terra e tamén para atoparse coa súa identidade máis auténtica, regresando o seu espíritu renovado e, ao mesmo tempo, non alleo ás convulsións dunha época que se agoiraba abondo esgrevia.

O tempo da posteridade é moi longo e o seu facho iluminador. Por iso, a medida que o fío se vai desenleando, todas as cousas vanse poñendo no lugar que, se cadra, lles corresponde. Achegarse a unha figura tan complexa e chea, nalgúns episodios da súa vida, de tan amplas contradicións como a de Vicente Risco de ningún xeito pode ser unha tarefa doada e, por iso mesmo, pola súa complicación, non deixa de resultar menos “atractiva” intelectualmente, como ben recoñecía Carlos Casares naquela magnífica biografía deste ourensán universal escrita en 1981 e na que o calificaba de “indispensable para comprender a historia de Galicia do últimos sesenta anos”.


Vida y época de Vicente Risco.
Fundación Vicente Risco.
Madrid: Amberley, 2009.
96 páxinas.




mariopaz@avozdevilalba.com

28/04/2010

Queixos de San Simón


Xulio Xiz

En principio, sonoume raro saber que na Pastoriza se vai producir queixo de San Simón, aínda que logo – pensándoo mellor- o tema vai parecéndome máis normal. Esta noticia xúntase coa que afirma que Entrepinares vai empezar a producir en Vilalba queixo de barra, que redondea a nosa crenza de que Vilalba é terra de queixo con interesante futuro.

En relación co Queixo de San Simón, os vilalbeses estabamos afeitos a que tivese unha forma determinada, unha textura, un sabor, produto dun determinado proceso que procedía da noite dos tempos e proporcionaba un queixo tan característico que a súa presencia o identificaba. E estabamos afeitos ó seu nome porque procedía da parroquia de San Simón da Costa, nos límites montañosos do noso concello chairego, levando un nome que garantía a súa procedencia.

Pero logo constituiuse a denominación de orixe “San Simón da Costa”, onde parece ser máis importante a esencia do queixo que a súa pura procedencia xeográfica, e parece xusto que así sexa porque cando se fala de viños aténdese especialmente ó tipo de uva, e falando de queixos fálase de “queixo tipo Arzúa”, Cebreiro, Tetilla... e agora tipo San Simón”.

Ata agora había oito queixerías dentro da denominación, entrando agora a novena, e primeira fora do concello vilalbés, á que só lle falta a licencia de actividade para entrar oficialmente en funcionamento.

A empresa está situada en Crecente, do Concello da Pastoriza, e producirá queixos de San Simón ecolóxicos, co que se entra nunha dimensión diferente en canto á alimentación das vacas e polo tanto no resultado da producción, no queixo.

Antes, cada queixo era un produto diferente e o seu sabor respondía a un momento especial. Dependía de conseguir leite abondo nun momento determinado, tempo libre do confeccionador – case sempre confeccionadora- e supoño que da temperatura ambiente e das condicións do lugar onde se facía. Eu teño que confesar que son devoto de case todos os queixos que se producen no mundo coñecido, e que debecía por aqueles queixos artesáns agora prácticamente desaparecidos onde cada sabor era un misterio que só podía desentrañarse cando o queixo se partía.

E recoñezo que os queixos de agora, sen tanta probabilidade de sorpresa, teñen conseguido un nivel de sabor e presencia moi alto, co que hai prácticamente a garantía de que o queixo que se merca vai responder ás apetencias do devoto queixeiro.

A existencia da denominación de orixe que controla o traballo das queixerías vilalbesas ou – desde agora- de concellos da comarca, garante calidade e presencia, á vez que publicidade e consideración. Que coido xa é dicir abondo para un produto que ten gañado unha cota de mercado moi importante.

Seguro que os queixos de san Simón habituais, ou os queixos de San Simón ecolóxicos, seguirán medrando na consideración das xentes polo traballo da súa promoción e cuidado.

E se o turismo é vital como elemento de promoción e explotación dos recursos naturais e producións artesanas da comarca, velaquí que temos un produto esencial que nos demostra con feitos que o progreso é posible, baseándonos nos elementos máis representativos da nosa artesanía.

Presentación de libro


Redacción

Mañá xoves, 29 de abril, ás 8 da tarde, preséntase na Galería Sargadelos de Lugo o poemario Miño, río, pai e amigo, do autor chirego Xosé Otero Canto.

O libro vai ilustrado con pinturas de nove creadores lugeses: Sabela Arias, Anxo Lamas, Cuby, Lugilde, Miguel Maciá, P. Romay, B. Santín, Leandro e Magdalena Seixas.

A presentación organizada pola Fundación Manuel María, contará coa actuación do gaiteiro Sito Carracedo, e coa participación de Primitivo Iglesias Sierra, Manolo Vila López, Roxelio Pérez Moreira e Xulio Xiz, ademais do propio autor.
.

Miguel Anxo Murado no III Encontro Cidade da Coruña

Redacción

Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o mércores día 28 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”.

O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, e acollerá a Hélia Correia (5 de maio), Alberto Manguel (11 de maio) e a Xavier P. Docampo (19 de maio)

Autor galego dunha prolífica obra narrativa, poética, ensaística e dramática, Miguel Anxo Murado cubriu como xornalista as guerras de Croacia e Bosnia e mais a Segunda Intifada Palestina. Durante as súas estadías en Oriente Medio traballou como oficial de prensa das Nacións Unidas, asistindo ao goberno palestino e, máis tarde, como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo, xermolo dos volumes Fin de século en Palestina, A segunda Intifada ou Ruído.

Presentará ao conferenciante Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

27/04/2010

Tres novas mostras no Centro Cultural Torrente Ballester

Redacción

O pasado sábado ás oito da tarde inauguráronse res novas exposicións no Centro Municipal Torrente Ballester a partir do próximo sábado: ... Seguro?, do artista ferrolán Suso Basterrechea; Ocaso, de Mariña Núñez, pintora palentina e profesora da Escola de Belas Artes de Pontevedra; e unha terceira que leva por título Imaxes e símbolos relixiosos nos fondos do CTB.

... Seguro?
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, Suso Basterrechea (Ferrol, 1968) suxeriu o título para a presente exposición alegando que “nunca podería contestar a semellante consulta cun claro seguro. Se acaso, e pola miña particular dicción, quedaría nun “segudo”, cousa tamén improbable debido á miña natureza dubitativa e vacilante”. Asociado con linguaxes próximas á escultura e a instalación minimalista, en ….SEGURO? Suso Basterrechea intérnase no mundo do debuxo para afondar naqueles temas sobre os que se asinta o seu particular universo creativo: a violencia, as contradicións políticas, o absurdo, o contexto no que se move ou aqueles artistas que, como Franz West ou Joseph Beuys, admira e aos que en certo xeito homenaxea cun amplo sorriso. Unha exposición que nos descobre a un artista poliédrico e contundente, e unha montaxe con intervencións in situ que se complementa con textos que encobren, na súa ironía, unha lectura tan amarga como melancólica.

….SEGURO? comeza cunha determinada fisionomía, pero o artista resérvase o dereito de modificala durante o tempo que permaneza exposta.

Ocaso
Mariña Núñez (Palencia, 1966) unha das artistas con maior proxección do noso país, presenta na Sala de Proxectos unha videoproxección titulado Ocaso. A peza mostra unha paisaxe marítima que mantén certos aspectos iconográficos asociados ao mito do natural como utopía, aínda que nunha segunda ollada a percepción sexa a dun escenario artificioso -teatralizado- no que se presente a traxedia.

Despoxos corporais, aprisionados nunha serie de columnas/peañas/probetas de vidro, esténdense en filas ordenadas que forman un cemiterio infinito. O ocaso dun día tormentoso o é tamén dunha certa concepción do humano. Supón o comezo doutra forma de entender a nosa identidade, iso que moitos filósofos e historiadores deron en chamar o poshumano. Un traballo sorprendente dunha das artistas máis carismáticas do panorama actual.

Mariña Núñez é doutora en Belas Artes pola Universidade de Castilla- La Mancha e profesora titular de pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Expón con regularidade nos centros de arte máis prestixiosos e a súa obra se atopa depositada, entre outras, nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o MUSAC, o DA2, Artium, o Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas, o National Museum of Women in the Arts de Washington DC ou o Museo de El Cairo.

Imaxes e símbolos relixiosos
Aínda que a súa cronoloxía non está de todo clara, todos os datos apuntan a que a orixe do Cristo da Tahona data de época tardomedieval, é dicir, do século XIV. A historia do talle pasou por múltiples avatares ao longo da súa extensa vida. Incrustada nunha vivenda particular da Praza da Tahona no Barrio de Canido ata o ano 1850, e con motivo da restauración do inmoble, a peza foi extraida e adquirida polo Concello de Ferrol.

A escena que representa o cruceiro é un calvario, con cristo crucificado e as imaxes das Santas Mulleres e San Xoan Bautista a ambos os dous lados. A rudeza coa que foi realizado o talle, obra moi posiblemente dalgún artesán local, entronca coa tradición da escultura medieval galega, idealizada e tomada como un modelo a seguir por artistas fundamentais da vangarda do século XX. Do mesmo xeito, o Centro Torrente Ballester xunta tradición e vangarda coa intención de homenaxear a un dos principais símbolos da memoria e a cultura histórica ferrolá, e ao barrio de Canido en particular.

Con Delibes un mundo

Bruno Marcos

Con Delibes semella que morreu toda a literatura española e non porque teña unha boa necrolóxica, que non a ten, senón porque con el vaise un mundo que xa non existe, probablemente xa non estaba nin nel. Unha España que a nós nos chegou xa moi de ouvidas, como os restos dun festín de rudeza na que a literatura habería de ter unha función apotropaica.

Algo hai desa rudeza desanxelada nel, o campo, a caza, a posguerra, a sensación dun escritor sinxelo pero hermético no trato, escaso de palabras, coma eses tíos maiores cos que nunca se puido falar de home a home, que dicían máis cos seus silencios que coas súas verbas.

E unha linguaxe que xa non existe, a arca das palabras insalvables. E unha ruralidade que xa non existe se non é nese xeito de dióxenes do campo que, emboscados nos pobos coma os últimos rebeldes, negan que a guerra contra a modernidade acabase coa súa derrota e que esta penetrase nos trigos e os pozos, nas mallos e regueiros e até nos muladares.

Xa non se le nas escolas nin El Buscón nin o Lazarillo. Tempos virán en que o Quixote sexa algo descoñecido, un mamotreto arcaico cuxo maior misterio será o seu inexplicable éxito en épocas pasadas como será a nosa. Os escritores do entretemento hanse enseñorear da nadería para despeñarse, uns tras outros, á súa inmediata obsolescencia. Xurdirá entón, como xa se ve agora, máis que unha poética un sarpullido de carpe diem, un colle a flor do día porque non as ter posteridades e alí, aos esquecementos, irán os ríos caudais, os outros medianos e máis mozos.

Xa non se poderá dar unha literatura como a de Delibes, unha condensación tan certeira como a de Los Santos Inocentes porque habería que desposuír o presente de tanto engado que o autor ficaría derrotado.

25/04/2010

Segundo mandato de Villares como presidente do CCG


Redacción

A noticia cultural máis destacada desta semana que remata foi a reelección de Ramón Villares como presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), que se produxo por unanimidade dos presentes no Plenario do organismo. A súa foi a única candidatura presentada logo de cumprido o primeiro mandato (2006-2010).

Nas súas primeiras declaracións aos xornalistas, Ramón Villares expresaba o seu agradecemento aos membros do Plenario, así como o recoñecemento ao traballo desenvolvido desde o 2006 pola Comisión Executiva, que fixo posible -entre outras cousas- executar o noventa por cento do orzamento previsto. Aludiu tamén aos obxectivos de seguir facendo do CCG un laboratorio de ideas, ademais das súas funcións asesoras e consultivas, e de continuar traballando a prol dunha maior proxección exterior da cultura galega.

O trámite seguinte, se así o considera o Parlamento de Galicia, será a comparencia de Ramón Villares na Cámara, posibilidade contemplada no regulamento do CCG como expresión de boas prácticas institucionais. Deseguido producirase o nomeamento oficial no Consello da Xunta de Galicia, a proposta do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela.

24/04/2010

Infoentretemento político


Moncho Paz

Esta semana tiven ocasión de asistir ás xornadas Comunicar Cultura, organizadas polo Consello da Cultura Galega en Compostela. Un evento que coincidiu no tempo coa boa nova da renovación de Ramón Villares como presidente da entidade. Nelas déronse cita profesionais de distintos eidos para facer unha posta en común e fomentar o intercambio de puntos de vista. Entre as numerosas intervencións gustoume de xeito especial a de Salomé Berrocal, profesora da Universidade de Valladolid, que disertou sobre o infoentretemento (infoshow), de máxima actualidade no plano estatal. Unha tendencia que, curiosamente, está sen explotar na nosa Comunidade, a pesar do elenco de personaxes que temos nesta peculiar e variada fauna galaica.

Non hai dúbida que no Estado español estamos a presenciar a simplificación da política e a súa conversión en espectáculo, con determinados formatos que descontextualizan asuntos que deberían recibir un tratamento rigoroso, especialmente nalgúns espazos televisivos. Como consecuencia, hai actores –principais e secundarios– que prestan maior atención a certos programas e atenden primeiro a un locutor de entretemento que a un xornalista acreditado, por exemplo, no Congreso dos Deputados. Non é de estrañar, pois, que a chamada clase ou “casta” política teña eses baixos índices de popularidade e se sitúe como a terceira preocupación dos cidadáns.

Pola contra, en Galicia non estaría de máis un programa estilo CQC para parodiar diversos comportamentos, declaracións e supinas meteduras de pata dos nosos representantes políticos, e que sirva tamén para relaxar un pouco o ambente crispado de cada semana. Como a TV pública dificilmente está en condicións de acoller un formato desta natureza, que non chegaría ás cinco emisións por intervención dos censores oficiosos, está por ver se as canles privadas autonómicas son capaces de dar o paso e innovar nos seus contidos. Lembren aquela imaxe dos oitenta, con Beiras e Barreiro tocando o piano na TVG. Sería posible hoxe algo así?

Debate político sobre a crise en Vilalba



Redacción

A actualidade económica de Galicia porase enriba da mesa esta tarde, ás 20.30 horas no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, nun debate sobre as diferentes alternativas á crise no que participarán o Olga Iglesias Fontal -na fotografía-, deputada no Congreso polo PPdeG; Margarita Pérez Herráiz, deputada do PSdeG na mesma cámara; e Fernando Blanco Parga, ex deputado do BNG no Parlamento de Galicia e actual responsable da área parlamentar do Consello Comarcal de Ferrolterra.

Os tres políticos farán balance da situación pola que atravesa a economía galega e amosarán as diferentes alternativas que os seus respectivos modelos políticos poden aportar ao delicado momento polo que atravesa a nosa comunidade autónoma.

O acto está organizado polo mensual Terra Chá.Xa e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e será retransmitido en directo por Radiofusión (Rede de Emisoras Municipais Galegas) a partir das 20.30 horas.

23/04/2010

Humor

Últimos pasos para a posta en marcha da Fundación CIT-CEAGG

Redacción

O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego celebrou hoxe, xoves, 22 de abril ás 13 horas no Centro Social Caixanova da praza de Cervantes de Santiago unha reunión preparatoria do Patronato da Fundación CIT-CEAGG (Centro de Innovación Tecnolóxica da Comunicación, Edición e Artes Gráficas de Galicia). Durante a mesma, identificaranse os patróns privados e aprobarase a composición dos órganos de goberno da Fundación así como a data de celebración do Patronato constituínte, previsto provisionalmente para o próximo 29 de abril, coincidindo coa asemblea xeral do Clúster. Así mesmo, nesta reunión preparatoria aprobáronse os seguintes pasos a dar, como a inscrición notarial da Fundación, a aportación financeira dos patróns ou a solicitude de declaración de Fundación de Interese Galego, entre outras.

Na reunión estiveron presentes Juan Penas, secretario xeral do CPGLg; Ángel López, vicesecretario de AEAGG; Carlos García, director xeral de Grafinsa; José Graña, director/xerente de Sixpress; Carlos Casal, conselleiro delegado de Grial Libros; Carlos del Pulgar, presidente de Nova Galicia; Francisco Novoa, administrador de Academia Postal; Ángel Remesar, xerente do grupo El Correo Gallego; Jacobo Bermejo, conselleiro delegado de Tórculo; Carlos Docampo, presidente de Gráficas Anduriña; Eugenio Pichel, xerente de Eurográficas Pichel; Miguel Conde, presidente de Bapconde; e os administradores de Digipress-Gestión del color, Inés de Sáa; Jaime Conde, de Quattro; Antonio Couto, de Bolanda y Enrique Ulloa, de Atelier.

Trala reunión houbo unha comida de todos os presentes e, xa pola tarde, tivo lugar na mesma sede do Centro Social Caixanova de Santiago, unha xornada do Clúster na que se presentaron dous relatorios. O primeiro deles, a cargo de Alberto Rodríguez, consultor da empresa Márquez y Asociados, levou por título “A necesaria reordenación dos sectores implicados no Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, mediante o fomento de procesos de colaboración e alianzas entre empresas – a realidade actual do sector editorial en Galicia”. O segundo versou sobre “Os programas de apoio público do Goberno de Galicia e de España para o fomento da innovación tecnolóxica nos nosos sectores” e correu a cargo de Jorge Cebreiros Arce, presidente da Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de la Información y Comunicación INEO.

Convenio con Ineo
A xornada clausurouse ás 19 horas coa firma dun convenio entre o Clúster do Produto Gráfico e Ineo, Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías de Información e Comunicación de Galicia, unha entidade integrada por máis de 80 empresas de acreditada experiencia que traballan no sector TIC, cuxa facturación supera os 250 millóns de euros e dá emprego a preto de 3.300 profesionais.

Este convenio permitirá por en marcha unha estrutura conxunta de fomento de proxectos de innovación, con carácter permanente que contribúa a fomentar a cooperación entre empresas e a facilitarlles o proceso de innovación mediante o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Entre as iniciativas previstas no citado convenio está a creación dun Centro Web de xeración, xestión e difusión de contidos dixitais así como un proxecto suprarrexional para mellorar a plataforma de comercio electrónico do sector gráfico, a comunicación e o libro.

22/04/2010

Hoxe regresa ao escenario o grupo Radio Oceano

Redacción

O xornalista Xosé Manuel Pereiro, Johnny Rotring, e Santiago Romero, Ross Mero, voltan hoxe ao escenario 23 anos despois da separación da lendaria banda Radio Océano, a partir das 21:30 horas, na Sala Nasa de Compostela. Xunto a eles subirán ao palco os outros membros da formación -Dani Punta, Sito Evangelista e Pablo Iglesias- e os perpetradores do homenaxe: Julián Hernández, Miguel Costas, Leo i Arremecághona, Martin Wu ou Marcos Payno de Galegoz. O grupo Radio Océano percorreu os escenarios galegos entre 1981 e 1987. Chegaron a gravar un único elepé que saíu á rúa baixo o título Nin falta que fai (1985) con portada de Antón Patiño, e con temas tan impresionantes como "Terra Chá", "Como o vento" ou "El balcón".

Xuntanza de membros do SLG co Subdirector Xeral de Gandaría

Redacción

Na mañá de onte 6 gandeiros e gandeiras produtoras de carne das zonas de A Lama, Fornelos de Montes, Pontecaldelas e Cotobade, canda o Secretario de Sectores Gandeiros do SLG -Adolfo Cabarcos- e o Coordenador Comarcal de Tabeirós -Terra de Montes -Marcos Louzao-, entrevistáronse co Subdirector Xeral de Gandaría da Consellaría do Medio Rural (CMR), Manuel Castro-Gil Amigo.

Na xuntanza abordaron os problemas derivados do saneamento gandeiro -sobor de todo en gando que se atopa en montes veciñais en man común-, a dificultade para dar de alta os animais que nacen nas explotacións -a día de hoxe os gandeiros/as do interior da zona de Pontevedra teñen que se desprazar entre 30 e 40km para realizalas-, o mal funcionamento do teléfono do Centro de Información ao Agro Galego (CIAG), así coma o protocolo de actuación diante das reiteradas mortes e abortos logo da vacinación da lingua azul e os ataques da fauna salvaxe aos animais das explotacións.

Saneamento gandeiro.
Ao atoparse o gando de distintas explotacións convivindo nunha mesma unidade sanitaria -por exemplo, no monte en man común desa zona-, as follas de saneamento non chegan aos propietarios/as até que este foi realizado na totalidade das explotacións, posto que os animais están en contacto.

A este respeito, os afiliados e afiliadas do SLG transmitiron a existencia de situacións nas que por mor dunha explotación as cartas retrásanse até catro meses (o que imposibilita a venta do animal). As gandeiras e gandeiros solicitaron polo tanto que sexa a Administración quen se ocupe de presionar a estas explotacións concretas para que cumpran co saneamento.

Nembergantes, o Subdirector Xeral de Gandaría da Consellaría do Medio Rural, Manuel Castro-Gil Amigo, valorou que nestes casos teñen que ser os veciños e veciñas quenes se enfronten entre eles, indo a chamarlle a atención á explotación que presente problemas.

Reiterando por parte do SLG a pertinencia de que sexa un ente externo á parroquia, e oficial, como é a Consellaría, quen realice estas labores, Manuel Castro-Gil comprometeuse a colaborar dende a Subdirección Xeral de Gandaría realizando charlas informativas cos gandeiros e gandeiras, proporcionando ademais un documento sinxelo no que se recollerán as recomendacións a ter en conta para o cumprimento das normas sanitarias.

Os afiliados e afiliadas presentes na xuntanza comprometéronse, pola súa parte, a afondar nun posíbel maior desenvolvemento das normativas que regulan os deberes dos comuneiros e comuneiras, co obxectivo de facer máis patente os compromisos que se teñen que cumprir para non afectar ao resto de explotacións que teñen animais nesa comunidade.

Altas dos animais
Diante da solicitude de que se dote de persoal a Oficina Agraria Comarcal de Pontecaldelas con alomenos unha persoa que tramite unha vez á semana as altas -evitando deste xeito os desprazamentos de até 40km. Que os gandeiros/as están a realizar hoxe en día-, Manuel Castro-Gil anunciou que este trámite, así como o das guías, poderanse facer proximamente vía internet..

Máis fica claro que na alta montaña a cobertura de internet e practicamente inexistente, e mesmo podería ser catalogada en todo o rural alomenos coma “deficiente”. Ademais, o grao de coñecementos de informática nas persoas que se adican en maior número á gandaría na Galiza, de idade avanzada, apunta a imposibilidade de que estes trámites podan ser feitos “comodamente dende a casa” mediante un sistema cómodo para as gandeiras e gandeiros, malia a que esta fora a intención inicial desta medida.

Diante desta realidade, Manuel Castro-Gil anunciou que estes trámites poderanse realizar dende todos os concellos, pero non garantiu que se vaia a dar esta instrución explicitamente aos traballadores/as dos mesmos, nin que os concellos vaian ser dotados de máis persoal ou ordenadores para abarcar esta nova tarefa.

Dende o SLG insistimos en que a realización destes trámites por internet, que inevitablemente terán que ser levados adiante coa axuda do persoal e material do concello, non sexa considerado un “favor”, senón un servizo do concello, e que a Consellaría dea instrucións firmes neste sentido, tomando tamén as medidas de adecuación pertinentes.

Teléfono do Centro de Información ao agro galego
En relación ao mal funcionamento deste servizo -podemos pasar días sen conseguir contactar- Castro-Gil recoñeceu a existencia de determinados “picos” na demanda deste servizo, o que bloquea as liñas.

Dende o SLG valoramos que estes “picos” deberían ser abordados cunha certa previsión, xa que moitas veces veñen motivados por indicacións que se dan dende a propia CMR. Por exemplo, se durante unha fin de semana non concede permisos para queimas e logo levanta a prohibición, xa deberían prever que o número de chamadas neses primeiros días vaise ver intensificado. Tamén consideramos vinculado este mal funcionamento o feito de que neste servizo se veña de aplicar unha redución importante de persoal, achacada á falla de orzamento.

Fauna Salvaxe
Dende a Subdirección Xeral de Gandaría trasladarase as inquietudes manifestadas polos gandeiros e gandeira á Dirección Xeral de Conservación da Natureza -coa que o SLG xa se reuniu o pasado 24 de febreiro por este mesmo motivo1-, ficando comprometido a comunicarnos que medidas serán adoptadas neste sentido.

Lingua Azul
O problemas coa vacina da lingua azul véñense dando dende o ano 2008, no que se deu inicio á campaña de vacinación2.

Son constantes as mortes e abortos de reses logo da aplicación da vacina. Castro-Gil manifestou que estas mortes debíanse ao estrés dos animais ou en certos casos ás baixas defensas dos mesmos.

Por outra banda, recoñeceu que si que está a haber problemas e que se está a compensar economicamente ás persoas ás que, nos dez días seguintes á vacinación, lles morren os animais.

Dende o Sindicato Labrego Galego farase un pormenorizado seguimento da posta en marcha dos compromisos adquiridos pola Subdirección Xeral de Gandaría.

Deportista chairega no VIII Open de España de Tae Kwon-Do

Redacción

A deportista Janice Lopez Castelo, pertencente á Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan foi convocada pola federacion galega de Tae Kwon-Do para participar no oitavo Open de España en categoria cadete en peso lixeiro (-44 Kgr.). O Open de España celebrásese na localidade de Alacante entre o 23 e o 25 de abril e reune a mais de 2300 deportistas pertencentes a mais de 50 paises, sendo un dos eventos de maior nivel a nivel mundial. Como novidade para esta edición cóntase coa confirmación das potencias de Irán, USA, Azerbaijan que virán co seu equipo oficiais para conseguir os puntos ranking e mesmo Irán confirmou a participación do seu equipo cadete. Tamén Mejico e Francia xa confirmaron a súa presenza.

A auga e a Terra Cha


Xulio Xiz

Nestes tempos, quen non se apunta á industria, apúntase ó comercio e ó turismo como xeito de vender in situ os productos do país, fomentando de paso o coñecemento do que é noso en todos os ámbitos posibles.

Non é que na Terra Chá renunciemos á industria, que as hai e meritorias, pero non somos – como non é a provincia de Lugo, e mesmo Galicia- una zona esencialmente industrial. Así, a Terra Chá, e polo tanto a súa capital, Vilalba, conta co turismo, agardando que o turismo conte coa comarca.

Ós efectos que nos ocupa, a comarca está composta por nove concellos, e un grupo de desenvolvemento rural comprende como "Terra Chá" a Abadín, Muras, Xermade, Guitiriz, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e Pastoriza. Esquecémonos, do antigo esquema chairego, onde tamén se consideraba chairegos Rábade e Outeiro de Rei, Meira, Pol e Friol.

Alomenos xa somos nove que, se nos atemos á Mancomunidade da Terra Chá está só restrinxida a Abadín, Cospeito, Outeiro de Rei e Pastoriza.

Pois os nove concellos queren ser alguén no mundo turístico e están a traballar nun Plan que valla para un traballo conxunto de atracción de visitantes cunha mensaxe común que se sabe pode basearse na auga como elemento de identificación.

Un consultor turístico mencionaba que a comarca non ten unha imaxe definida, se ben pode ser a auga a que lla proporcione, que temos líquido elemento nas súas máis diversas manifestacións como para facer honra a un símbolo.

Vivimos na primeira comarca pola que pasa o gran río dos galegos, e – como dicía Aquilino- nos seus primeiros tramos vai recollendo a ledicia dos ríos novos, por Castro de Rei, por Cospeito, por Outeiro de Rei. Do Miño son fermosos alicientes o Pedregal de Irimia, o seu primeiro nacemento, en Meira, e o segundo nacemento, en Fonmiñá, para que non protesten os pastoricenses, que dous nacementos podemos recoñecerlle ó gran río dos galegos.

Coa sua carga de misterio profundo están a Lagoa de Cospeito, a maior; a de Caque, en Castro, as do Ollo en Begonte. As augas mineromedicinais reinan en Guitiriz, onde hai dous balnearios e un gran hotel, en Parga, e naturalmente en Codesido cun gran hotel-spa.

A auga segue sendo a raiña da Chaira no seu segundo río que en Vilalba conforma praia fluvial e longo recorrido pola súa beira, e logo conformará fermosos recantos deportivo-fluviais en Baamonde e Begonte. E o mesmo Miño en Rábade pouco antes de xuntarse os dous ríos.

Certamente un plan turístico para a Terra Chá pode e debe ter na auga elemento decisivo de promoción. Non o único, que os productos a vender ou expoñer son infinitos: os itinerarios turísticos, os monumentos, a gastronomía, os produtos artesanos... todos conforman un todo que, ben presentado e difundido, poden representar centos de postos de traballo e progreso para a comarca.

Empecemos pola auga, santo e seña da Terra Chá, do que nos gustaría fose un emporio de industrias limpias. Pois posiblemente sexa este o camiño, o do turismo, do comercio e da artesanía, que desemboque en ducias de pequenas industrias que fixen poboación e creen riqueza.

Empecemos pola auga. E con ela, todo o demais.

21/04/2010

Xornadas "Comunicar Cultura" en Compostela


Redacción

As xornadas Comunicar Cultura, organizadas polo Arquivo da Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG), deron comezo hoxe coa conferencia de Ramón Lobo titulada "Panorama e desafíos do xornalismo cultural". Tras el, diversos profesores, investigadores da comunicación e xornalistas interviñeron nestas xornadas de análise –que continuarán mañá día 21 e o vindeiro 29 de abril– para detectar os principais retos de futuro dos medios neste sector.

Hoxe tamén interviu o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Pereira Fariña, e Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que falaron sobre a información cultural na rede. Tras deles, tivo lugar a primeira sesión "Comunicar cultura nos medios" na que estiveron María Pallier, directora do programa Metrópolis e José María Caminos Marcet (Euskal Herriko Unibertsitatea). Pola tarde continuaron as reflexións con Alfonso Armada (Fronterad), Manuel Gago (www.culturagalega.org), Roberto Noguerol (Vieiros), Alfredo Ferreiro (Algueirada S.L.) e Ana Romaní, directora do Diario Cultural de Radio Galega.

As sesións de mañá mércores comezarán coa conferencia "Comunicar Cultura na sociedade-rede", para continuar coa reflexión máis práctica, a cargo de Xosé María Palmeiro (CCG), Henrique Sanfiz (Radiofusión), Javier Otero (Radio Galicia-SER), Iago Martínez (Xornal de Galicia), Xosé Ramón Pena (Faro de Vigo), Santiago Jaureguízar (El Progreso), Antón Lopo (Galicia Hoxe) e Camilo Franco (La Voz de Galicia).

20/04/2010

Luz Pozo e Xabier Quiroga, premios da Crítica

Redacción

Antonte, venres 17 de abril, foron comunicados á prensa, na cidade de Barcelona, os gañadores dos Premios da Crítica Española, concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios, que cada ano salientan os mellores títulos de poesía e narrativa en cada unha das linguas do estado.

En lingua castelá, José María Pozuelo Yvancos, anunciou que os galardóns correspondían a El viajero del siglo, de Andrés Neuman , en narrativa, e a Famulo en poesía, poemario do autor Francisco Javier Lerín

En lingua galega, Xosé M. Eyré fixo público que os premiados era O cabo do mundo, de Xabier Quiroga, en narrativa, e Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza,en poesía.

Javier Rojo comunicou que en lingua vasca correspondían a Autokarabana, de Fermín Etxegoien, en narrativa, e a Eroriaren logica, de Juanra Madariaga, en poesía.

Pola súa banda Álex Broch fixo públicos os correspondentes á lingua catalá, que recaeron en Contes Russos, de Francesc Serés, en narrativa, e a L´ombra dels dies vermells, de Carles Miralles, na modalidade de poesía.

Velaquí as palabras coas que Xosé M. Eyré facía públicos os premiados en lingua galega:

Deter o día cunha flor (A Coruña, Baía Edicións) presenta un diálogo artístico entre a poesía de Luz Pozo Garza e os grabados de José Valentín Díaz, diálogo harmonizado polo deseño de Xosé Tomás.
Un intenso ton de misticismo sincretista abre o poemario coa serie “Aleph”, en complicidade intertextual cos autores admirados, de Borges a Dante; e péchao tamén con ese clima a serie “Carta de Beatrice Vía-Láctea” . Unha vez máis, o libro envíase como ofrenda ao amigo/amado ausente, Eduardo Moreiras (“Lotus no corazón”), por quen cobra sentido o desenvolvemento lírico do motivo tomado dunha poeta chinesa do s.XI que se lamentaba de que a beleza dunha flor recén nacida no ía poder reter o tempo de amor nun instante de eternidade (“Li Yian pide deter o día”).

Luz Pozo Garza deuse a coñecer coa insólita sensualidade erótica de Ánfora (1949) na poesía española de posguerra, e desde 1976, tras o precedente de O paxaro na boca de 1952, é poeta monolingüe en galego, con títulos como Códice Calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) e As arpas de Iwerddon (2005), nos que se revela como neo-simbolista de impronta musical e interartística. Profesora, ensaísta e directora de revistas poéticas como Nordés e Clave Orión, desde hai tempo está consagrada como escritora galega universal.

................................................................
Era 2002 e Xabier Quiroga sorprendía na narrativa galega con Atuado na braña, unha historia ben trabada e traballada, complexa e poliangular, na que se plantexaba que a procura da identidade individual non se pode realizar fóra do ámbito social; por moito que os poderes mediáticos sacralicen o individuo, o certo é que a historia de cada un está intimamente ligada á dos demais. Esta orientación temática mantívoa dous anos máis tarde, en Era por setembro, novela máis breve que a anterior.

Posteriormente chegou Se buscabas un deus (2006, sempre en Edición Xerais de Galicia), outra novela de fondo alento, que complementa Atuado na baraña, en canto que a primeira incursión se proxectaba sobre o pasado resultando afectado o presente e nesta segunda partindo do futuro acaba por afectar as tres dimensións temporarias (presente, pasado y futuro).
Esta O cabo do mundo, que hoxe premiamos, combina a extracción de personaxes da historia da vida cotidá nun pobo do sur da provincia de Lugo (Escairón), coa doación a esa mesma historia de personaxes que son logradas creacións literarias. De forma e maneira que ambas (extracción e doación) encaixan á perfección no puzzle, ese enorme puzzle que construímos, con toda a vontade e dignidade de que somos capaces, todos os que non queremos que sexan esquecidas tantas traxedias, como o Alzamento militar franquista de 1936 provocou e que algúns pretenden desactualizar interesadamente.

18/04/2010

Entregáronse os premios da Cea das Letras

Redacción

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.

Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.

Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:

ENSAIO: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)

LITERATURA INFANTIL E XUVENIL: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)

POESÍA: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)

NARRATIVA: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)

TRADUCIÓN: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)

TEATRO: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)

MELLOR TRAXECTORIA XORNALÍSTICA: Manuel Rivas

BLOG LITERARIO: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas

INSTITUCIÓNS: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL: Juan Gelman

Fermín Bouza, distinguido co Pedrón de Honra


Redacción

O Padroado da Fundación Pedrón de Ouro ven de conceder o Pedrón de Honra a Fermín Bouza, sociólogo e catedrático da Universidade Complutense de Madrid. A distinción do Pedrón de Ouro recaeu en Camilo Nogueira.

Bouza, segundo o Padroado, recebe o galardón "pola súa traxectoria e pola defensa irredutíbel da lingua galega desde todas as tribunas públicas nas que participa". Unha desas tribunas é A Voz de Vilalba, que publica asiduamente as súas colaboracións. Mantén tamén a bitácora o voto con botas, onde reflexiona sobre diversos temas de actualidade, e nomeadamente sobre a súa especialidade, a opinión pública.

Fermín Bouza naceu en Compostela en 1946, e marchou a Madrid en 1969, fuxindo da policía, como el mesmo di, para evitar a deportación, nos convulsos anos finais da ditadura. Ensaísta, narrador e poeta, ten publicadas as novelas Memoria do Diaño (1980) e Longo voo de paxaro (1987), así como os poemarios O tempo na auga (1985) e Labirinto de inverno (1990), que recibiu o Premio da Crítica española.

17/04/2010

Amig@s da Fundación Manuel María comeza a súa andaina en Compostela


Moncho Paz

Esta mañá tivo lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego, en Compostela, a constitución da Asociación de Amigos e Amigas da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, presidida pola súa dona Saleta Goi, que estivo arroupada por un centenar de persoas. O seu obxectivo central é promover a adquisición da Casa de Hortas, onde naceu o poeta en Outeiro de Rei en 1929, coa finalidade de convertela en Casa Museo.

Na actualidade o inmoble serve de vivenda á familia de Xosé María, irmán do Manuel. Situado no mesmo centro de Outeiro de Rei, é unha típica casa de labregos acomodados que conta cun fermoso predio de máis de 2.000 metros cadrados, e foi construída en 1891 polos avós do finado e lembrado poeta da Terra Chá.

A realización do proxecto, segundo explicou Felipe Senén, suporá a restauración dunha vivenda que é prototipo da casa chairega. Nela preténdese dar acollida ao interesantísimo legado do escritor: unha biblioteca que contén a mellor colección particular do libro galego ou sobre Galicia desde a posguerra, un fondo artístico de pinturas de Castelao, Lugrís, Maside, Laxeiro ou Luís Seoane; numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación e diferentes coleccións dos seus obxectos particulares.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos foi creada en marzo de 2007 e declarada de interese galego ese mesmo ano. O seu principal obxecto é manter o legado e a memoria de Manuel María e, de xeito máis específico e inmediato dispor dun espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais ou calquera outro feito relacionado co poeta e que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa obra e figura entre o pobo galego. Para iso iniciáronse as xestións destinadas a adquirir a súa casa natal en Outeiro de Rei e convertela en Casa Museo Manuel María. Durante o acto de hoxe entregouse a cada asistente un exemplar do seu libro inédito Cecais hai unha luz, e tamén presentouse a renovada páxina da Fundación, www.manuelmaria.com, que foi amosada ao público por Xoán Díaz.

Pan e circo


María Xosé Lamas

Nunca gustei do fútbol, sobre todo como espectadora. Sempre me semellou estúpido ollar a vinte e dous homes correndo detrás dunha pelota. Mais respecto os gustos de todos/as que senten algo presenciando tal espectáculo.

Non obstante, hei de confesar que o sábado pasado vin o partido do Real Madrid – Barcelona. E olleino con gañas, acaso contaxiada polo meu fillo, incondicional do Barça. Pero os meus pensamentos naquel intre non estaban nas xogadas excepcionais do equipo vencedor nin no seu adalid Messi, non. Ían moito máis lonxe no tempo e na distancia.

Este partido fíxome lembrar un grande comedor ateigado de cadeiras nas que os siareiros dun e outro equipo berraban, discutían, cantaban e celebraban as intervencións desas corenta e seis pernas percorrendo o céspede. Eran nos anos de remate da década dos sesenta e a grande estancia pertencía á casa de Campos – unha das dúas que en Bustiello de la Cabuerna, no concello de Tineo, tiñan televisor. A outra era a casa de Valerio, onde nos xuntabamos todos os nenos e nenas da parroquia a ver polas tardes o programa infantil capitaneado por Hertha Frankel e Gustavo Rey coa súa cadeliña Marilín. Tamén os sábados pola noite os adultos gozaban da retransmisión de programas de variedades dos que non teño memoria, xa que con cinco ou seis anos que contaba, a esas horas estaba normalmente nos brazos de Morfeo.

Lembro coma se fora hoxe as actividades dominicais daquela pequena aldea. Pola mañá iamos á misa na igrexa que estaba en fronte da escola na que eu vivía coa miña familia ao completo, separada desta só polo lavadoiro público, cuxo tellado, ao ser un terreo costento, ficaba xusto á altura do camiño que conducía á igrexa e no que nos divertiamos escribindo sobre as lousas a xeito de encerado cando xogabamos ás mestras coa Amadina , con súa curmán Berta e co José Antonio de Marrón ao saír da misa. Algunhas veces tamén xogabamos ás agochadas. A min tocábame “pandar” moitas veces, xa que sempre me agochaba no mesmo sitio: un pequeno altar baleiro que había no adro– imaxino que nalgún tempo acollería algunha imaxe. Despois de comer, moitas veces convidados por algúns veciños, iamos a un dos poucos camiños chans que había no pobo, por detrás da casa de Campos, no que nenos, mozos e maiores xogaban aos bolos, o deporte “nacional” por excelencia. Máis tarde os nenos e nenas merendabamos e brincabamos ate a hora da cea. Este era o tempo de retirarse habitualmente, ao menos que houbera partido, caso no que ficabamos case toda a familia. A Madriña ía gobernar á casa da escola e arranxar todo para comezar a nova semana, mamá ficaba a barullar coas veciñas na cociña mentres papá co resto dos homes da aldea participaba na festa futboleira e os pequenos brincabamos.

O fútbol naqueles anos da ditadura era máis ca un deporte. “Pan e circo” era o que precisaba César para ter felices e quedos aos romanos. “Pan e fútbol” ofrecía o ditador para ter contentos aos seus súbditos.

Hoxe en día… ? ao fútbol fícalle pouco de deporte e posúe moito máis de negocio que naqueles anos escuros, mais segue a servir para o mesmo: entreter ao pobo, acadar encher o baleiro cultural e emocional da xente para que non pense demasiado noutras cousas. Isto sería perigoso para o poder, para calquera poder de calquera lugar. É preciso aumentar as posibilidades de acceso ao fútbol: incrementar os días de xogo, máis retransmisións, máis canais temáticos…. O caso é dar “pan e circo” aos cidadáns que seguen a comulgar con rodas de muíño.

16/04/2010

III Encontro Cidade da Coruña "Literatura e Viaxe"

Redacción

Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, hoxe luns día 12 de abril, ás 11,30 horas na Sala de Prensa do Concello da Coruña (Pazo de María Pita) será presentado en rolda de prensa o III Encontro Cidade da Coruña, que se desenvolverá na sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11, A Coruña), baixo o lema “Literatura e viaxe”, segundo o seguinte programa:

19 de abril
Juan Gelman: “Baixo chuvia allea”
28 de abril
Miguel Anxo Murado: “Inventar un lugar en vez dunha historia”
5 de maio
Hélia Correia; “A poeira falante”
11 de maio
Alberto Manguel (na fotografía): “O camiño da lectura”
19 de maio
Xavier P. Docampo: Viaxes imaxinarias”

Estarán no acto de presentación:
María Xosé Bravo, concelleira de Cultura do Concello da Coruña
Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Juan Gelman en Galicia

Redacción

A estadía do poeta Juan Gelman en Galicia, para recoller o galardón “Escritor Galego Universal”, outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, desenvolverase de acordo co seguinte programa:


SÁBADO 17 DE ABRIL, SANTIAGO DE COMPOSTELA

20,00 HORAS: CEA DAS LETRAS
Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela
Faráselle entrega dunha pluma en calidade de “Escritor Galego Universal”


LUNS 19 DE ABRIL, A CORUÑA

18,00 HORAS: ENCONTRO COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
Kiosko Alfonso

Acompañarán a Gelman:
María Xosé Bravo, Concelleira de Cultura do Concello da Coruña
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG


20,00 HORAS: III ENCONTRO CIDADE DA CORUÑA
Presentación do libro Bajo lluvia ajena
Salón de Actos da Real Academia Galega

Acompañarán a Gelman:
María Xosé Bravo, Concelleira de Cultura do Concello da Coruña
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG


MARTES 20 DE ABRIL, SANTIAGO DE COMPOSTELA

19,30 HORAS: ENTREGA DO PREMIO “ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL”
Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela.
Intervención de Gelman con título “Un árbol sin hojas que da sombra”

Durante este acto entregaráselle de mans do Conselleiro de Cultura e Turismo unha peza escultórica, tamén na súa condición de “Escritor Galego Universal”

Acompañarán a Gelman:
Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo
Elvira Fidalgo, Vicerreitora de Cultura da USC
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG
Socorro García, Concelleira de Cultura do Concello de Santiago

15/04/2010

Anido e Irago, gañadores do Premio José Couso


Redacción

Os xornalistas da cadea SER Daniel Anido e Rodolfo Irago foron proclamados hoxe gañadores do VI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. O fallo deuse a coñecer esta mañá na Galería Sargadelos de Ferrol nunha rolda de prensa na que se anunciou tamén que os actos de entrega terán lugar o vindeiro 7 de maio no Teatro Jofre e contarase, novamente co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia.

O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, quen destacou a mala situación da profesión xornalística na actualidade e lembrou os miles de parados, resaltando que "non hai peor ditadura que a econóimica nin peor traxedia humana que o paro". Pediu precaución "coas sentencias que inhabilitan xornalistas e que pechan medios de comunicación, porque ao final os delitos cométenos as persoas e non os medios" e estas actuacións xudiciais provocan peches e despedimentos. Neste sentido, reivindicou o "dereito a criticar as sentencias porque ao final estamos exercendo a liberdade de prensa".

Na rolda de prensa tamén estivo presente José Manuel Freire, en representación de Caixanova, quen sinalou que a entidade bancaria mantiña o seu apoio total ao Premio José Couso como mostra do compromiso da entidade coa liberdade de prensa, e mostrou a súa felicitación aos premiados. De igual xeito, transmitiu no seu nome e no da entidade que representa os parabéns á organización pola relevancia que adquiriu o certame a nivel galego e estatal.

Pechou a comparecencia o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, quen salientou que "non son os primeiros galegos premiados, pero Rodolfo Irago si é o primeiro colexiado do CPXG" e destacou del os seus comezos como xornalista en Ferrol. Durante a intervención de Pereiro, falou tamén Daniel Anido por vía telefónica, quen agradeceu a súa "satisfacción" e a de Rodolfo Irago polo premio e confirmou que ambos os dous estarán no acto de entrega o vindeiro 7 de Maio en Ferrol. Anido, por último, quixo destacar que o seu caso non é máis do que "unha anécdota" dentro sunha serie de ataques á liberdade de expresión que sofren os medios na actualidade.

Daniel Anido, director da cadena SER, e Rodolfo Irago, xefe de informativos da mesma emisora, enfrentanse á unha discutida sentencia que os condena a un ano e nove meses de prisión e penas accesorias de inhabilitación especial para a dirección de medios de comunicación e o exercicio da actividade xornalista e a inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que dure a pena privativa da liberdade imposta por "revelación de secretos". No seu día o CPXG emitiu un comunicado onde expresaba a súa fonda preocupación pola sentencia contra periodistas da SER e se solidarizaba cos afectados.

O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, quen destacou a mala situación da profesión xornalística na actualidade e lembrou os miles de parados, resaltando que "non hai peor ditadura que a econóimica nin peor traxedia humana que o paro". Pediu precaución "coas sentencias que inhabilitan xornalistas e que pechan medios de comunicación, porque ao final os delitos cométenos as persoas e non os medios" e estas actuacións xudiciais provocan peches e despedimentos. Neste sentido, reivindicou o "dereito a criticar as sentencias porque ao final estamos exercendo a liberdade de prensa".

Na rolda de prensa tamén estivo presente José Manuel Freire, en representación de Caixanova, quen sinalou que a entidade bancaria mantiña o seu apoio total ao Premio José Couso como mostra do compromiso da entidade coa liberdade de prensa, e mostrou a súa felicitación aos premiados. De igual xeito, transmitiu no seu nome e no da entidade que representa os parabéns á organización pola relevancia que adquiriu o certame a nivel galego e estatal.

Pechou a comparecencia o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, quen salientou que "non son os primeiros galegos premiados, pero Rodolfo Irago si é o primeiro colexiado do CPXG" e destacou del os seus comezos como xornalista en Ferrol. Durante a intervención de Pereiro, falou tamén Daniel Anido por vía telefónica, quen agradeceu a súa "satisfacción" e a de Rodolfo Irago polo premio e confirmou que ambos os dous estarán no acto de entrega o vindeiro 7 de Maio en Ferrol. Anido, por último, quixo destacar que o seu caso non é máis do que "unha anécdota" dentro sunha serie de ataques á liberdade de expresión que sofren os medios na actualidade.

Daniel Anido, director da cadena SER, e Rodolfo Irago, xefe de informativos da mesma emisora, enfrentanse á unha discutida sentencia que os condena a un ano e nove meses de prisión e penas accesorias de inhabilitación especial para a dirección de medios de comunicación e o exercicio da actividade xornalista e a inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo que dure a pena privativa da liberdade imposta por "revelación de secretos". No seu día o CPXG emitiu un comunicado onde expresaba a súa fonda preocupación pola sentencia contra periodistas da SER e se solidarizaba cos afectados.

Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson, o valenciano José Vidal-Beneyto e a catalana Rosa Maria Calaf.

A Porta de Cima


Xulio Xiz

O tema da circulación na Porta de Cima, ten dado ben que falar nos últimos tempos. Na miña estadía vilalbesa, o tráfico non orixinaba o máis mínimo comentario, e por alí circulaban os escasos vehículos existentes con total liberdade.

Certo é que o máis asiduo dos vehículos automóviles debía ser un camioneto que tiña o irmao da Julia da Leitería, que transportaba produtos para os veciños, especialmente leña taqueada que partíamos na mesma rúa porque prácticamente non estorbábamos a ninguén.

Coido que só unha vez se atreveu a pasar pola miña rúa un camión de máis que mediano tonelaxe que, coas dificultades da circulación, enganchou nun balcón da miña casa movéndolle unha das pedras.

Podíase circular nas dúas direccións, e se algún obstáculo se atopaba, maniobrar ou volver cara atrás ata o primeiro cruce.

Tardou ben en chegar a dirección única, xustificada pola estreitez da vía e a afluencia de automóviles que xa non permitían circular en ámbolos dous sentidos.

Aínda serían noticia logo as carreiras que desaprensivos automovilistas emprendían polas noites, ás tolas, pola miña vella rúa, varias veces centenario Camiño a Compostela, nunca pensada para ser escenario de tales manobras.

Pois agora, polo que parece, o próximo paso pode ser a súa peatonalización como parte do casco histórico vilalbés, da que se vai facer proba durante as obras de restauración do pavimento para facelo acorde co contorno e co seu carácter.

Por agora é só unha proba, pero xa podernos ir acomodando á peatonalización, destino ineludible de todos os cascos históricos, que só terá como excepción o acceso para residentes e urxencias.

En canto ás obras, tamén teñen o seu aquel, que ben leva cambiado a fisonomía da rúa no decurso do tempo que eu recordo. Dun pavimento de lanchas de máis dun metro cadrado pasouse ó cementado da vía, quizais a comezo dos anos sesenta, volvendo moito máis tarde ó pavimento actual para pasar agora ó que se agarda definitivo xa que a obra contempla, ademáis do pavimento, lineas soterradadas para servizo telefónico, cableado eléctrico e tuberías para o subministro de gas cidade.

A peatonalización ten moitas vantaxes pero tamén algún inconvinte como temos comprobado por exemplo en Lugo, onde o comercio pode verse restrinxido ó arredarse aqueles conductores que non saben camiñar uns metros para facer as correspondentes compras. Pero tampouco a Porta de Cima é precisamente unha rúa comercial.

Que por agora é unha medida provisional pero non cabe dúbida que acabará –agora ou máis tarde- por ser definitiva, que a vida non ten marcha atrás.

E se os intereses dos residentes están cubertos, os que utilicen esta rúa como simple vía de circulación, teñen outras non lonxe, entrelas a nova que vai desde o Auditorio ata preto do Asilo para circular máis rápido e máis comodamente.

Presentación do libro 'Bailabén' en Lugo

Redacción

Mañá Xoves día 15 de Abril, terá lugar en Lugo a presentación de BAILABÉN, un método de aprendizaxe do baile tradicional galego realizado por Edith Cotilla Quintela e Gustavo Couto Rodríguez. O ácto terá lugar no Salón de Áctos do Centro Lug II (Rúa Pintor Corredoira nº 4- Lugo) ás 20.00 horas. No acto participarán os autores Edith Cotilla e Gustavo Couto, acompañados de Cándido Meixide en representación da Editorial Cumio.

Coa presentación da publicación ‘Bailabén’, libro que ven acompañado dun DVD, a aprendizaxe do baile galego deu un paso máis xa que nesta publicación se marcan as pautas a seguir na aprendizaxe da xota e da muiñeira. ‘A idea xurdíu no primeiro congreso de ensinantes de música tradicional, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, onde mestres de Primaria e Secundaria nos trasladaron a falla dun manual polo que impartir clases de baile’. Así lembrou Gustavo Couto a orixe da obra que presentarán mañá e coa que propoñen un xeito sinxelo de achegamento aos bailes para un nivel de básico a medio.
Con esta publicación, os autores non pretenden establecer criterios de aprendizaxe, senon amosar un método baseado nun baile meramente popular.

14/04/2010

Castelao en Lugo: vive

Xosé Antón Bao Abelleira

A Deputación de Lugo inaugura hoxe unha exposición sobre Castelao que cremos, máis que nunca, imprescindible. O 7 de xaneiro deste ano cumpríronse 60 anos da morte de Castelao. A Deputación de Lugo dende a área de Cultura e o Museo Provincial, inaugura esta mostra, comisariada por Pilar García Negro e Felipe Senén, que se centra nun período importante da súa vida, o correspondente aos anos 1936 – 1950, aqueles que nos que Castelao construíu a nación aínda estando lonxe dela.

Nun intre en que os alicerces de todo o que el elevou á categoría de imprescindible para este país están en perigo, no que mesmo se insulta a súa memoria dende a presidencia do goberno galego, creo que esta exposición debe servir para resolver a anemia do esquecemento en que a súa figura está sumida.

“Abóndame con ser galego”. Abonda esta declaración de Castelao para ter convertido en realidade esta exposición, esta homenaxe necesaria, imprescindible a quen representa coma ninguén a conciencia ética da nación. Pretendemos que nas salas do Museo Provincial de Lugo estea a esencia da súa arte, da súa obra literaria, do seu pensamento e da súa vida dedicada a esta terra. A esencia de todo o que converteu a Castelao nun mito popular. Os seus debuxos, os seus oleos e tamén os libros e as imaxes deixan ver o autor que hai detrás, o creador honesto, comprometido, que é xa símbolo do país que retratou na súa obra.

Galega e humana, así é a creación de Castelao. En poucas ocasións unha nación ten a fortuna de ser “fundada” por unha figura de tan inmensa dimensión. Un home que concitaba admiración, un líder que producía afectos, un brillante artista que se caracterizaba pola súa humildade, un político honesto e comprometido que vivía para a súa Terra. As novas xeracións de galegos e galegas, ben poden atopar agora na súa obra o labor infatigable de quen cría con firmeza no futuro do seu país e estaba a poñer as sólidas trabes para a súa construción.

A xenerosidade de Castelao está presente na obra que agora se vai expoñer. A través deste legado artístico e cultural ben podemos trazar o perfil daquel home ao que tanto lle debemos. De Castelao recibimos, sen dúbida ningunha, boa parte do que hoxe somos, a conciencia da nosa lingua e do noso país, unha liña de transmisión de honestidade e lealdade da que podemos gabarnos. Terra, símbolo, referencia, nación, xustiza, pobo, lingua, historia. Aí está Castelao, unha imaxe que forma xa parte do noso imaxinario colectivo, que se mimetiza co pobo ao que tanto quería, que volve a nós coa súa lección perdurable. Expoñente máximo da nosa cultura, símbolo na nosa historia, figura admirada en todos os idearios liberadores, o discurso de Castelao prende e alumea, agasallándonos, unha vez máis, coa súa brillantez e o seu compromiso.

“Cómo lle queremos á Terra! Eu de min sei decirvos que si despois de morto tivese que voar máis alá das estrelas visibles para ir a un ceo tan lonxano da Terra, de boa gana renunciaría á inmortalidade para rematar a miña vida debaixo d-unha laxe e convertirme en herbas ventureiras”. De novo, escoitamos ao propio Castelao e, desde a Deputación de Lugo, queremos sementar con esta exposición as máis acaídas herbas ventureiras de quen é, sen dúbida, inmortal na nosa memoria como pobo.
_______________________
Máis información sobre esta mostra en: www.v1deputacionlugo.org/noticias.php?id=403

Nace Republica.es


Manuel París

Coincidindo co aniversario da proclamación da II República, hoxe comeza a publicarse na rede www.republica.es, un novo xornal dixital que pretende rachar co partidismo político nos medios de comunicación e ofrecer contidos informativos e de opinión dende unha posición equidistante da batalla ideolóxica.

“Na actualidade os grandes medios están moi aliñados cun ou outro partido político, e nós queremos romper ese camiño pola metade”, segundo o presidente e editor do novo diario, Pablo Sebastián, quen indicou que a crónica será o xénero xornalístico máis habitual e a intención é que “os lectores do xornal non só oian o que lles gusta oír senon que eles mesmos poidan formarse a súa propia opinión”. Algúns dos columnistas destacados deste novo medio son José Oneto –que tamén figura como Conselleiro Editorial-, Fernando González Urbaneja, Luis Racionero e Julián García Candau, entre outros. Republica.es está dirixido pola xornalista cántabra Carolina G.-Cortines.

Dos mortos e do esquecemento

Por César Reis

Un dos episodios máis estarrecedores, e probablemente máis descoñecidos, da Segunda Guerra Mundial é o relacionado coa matanza levada a cabo no bosque de Katyn, a 20 quilómetros da cidade rusa de Smolensk, preto da actual fronteira con Bielorrusia e onde o sábado ocorreu o accidente aéreo no que finou o presidente polaco, Lech Kaczynski. Alí, pero tamén en Tver, en Jarkov…, o exército soviético executou en 1940 a case 22.000 militares polacos mediante o procedemento do tiro na caluga. A masacre fora ordenada por Stalin seguindo o consello de Lavrenti Beria, xefe da NKVD (a policía secreta precursora do futuro KGB). Este brutal exterminio tiña como fin rematar cunha intelligentsia polaca –entre os executados estaban médicos, profesores universitarios, avogados…– que puidese exercer a resistencia á sovietización dos territorios que a URSS se tiña adxudicado en virtude do ignominioso pacto Mólotov-Ribentrop de 1939 coa Alemaña de Hitler.

Os soviéticos sempre negaron a súa participación nesa burda masacre atribuíndoa á Gestapo, mesmo en 1943, cando o exército alemán tentou invadir a URSS e descubriu os enterramentos masivos en Katyn. A mentira perdurou, para sufrimento das familias dos desaparecidos, durante case medio século (xuízo de Nuremberg incluído) co beneplácito das potencias occidentais que participaran na segunda Guerra Mundial. Houbo que agardar ata 1990, para que, coa Perestroika de Mijail Gorbachov, Rusia, principal herdeira da antiga URSS, comezase a recoñecer a súa responsabilidade aquel terrible xenocidio entregando a Polonia só unha pequena parte, aínda que suficiente, de probas documentais.

A estarrecedora historia destas brutais execucións, pero tamén a da cruel incerteza das mulleres dos soldados que xamáis regresaron aos seus fogares, levouna ao cinema o octoxenario cineasta polaco Andrezj Vajda, cuxo pai era un dos desaparecidos. O filme “Katyn” foi estreado en Polonia o 17 de setembro de 2007, data na que se conmemoraba a entrada no país das forzas soviéticas en 1939.

Hai un par de semanas a cinta, que aínda non se estreara oficialmente en Rusia, agás dous ou tres proxeccións restrinxidas, emitiuse na canle Kultura seguida dunha mesa redonda con políticos, historiadores e o cineasta Nikita Mijalkov. Sen dúbida, todo un xesto positivo por parte deste país. Por outra banda, o pasado domingo, tras a morte do presidente polaco precisamente cando se dirixía a Katyn para a conmemoración daquel terrible suceso, volveu emitirse en horario de máxima audiencia. O recoñecemento e a asunción daqueles feitos parece ser xa evidente en Rusia, proxectando unha imaxe positiva dun país non sempre dado a tales xestos.

A historia é moi dura, con todo, e por desgraza, non é necesario irse tan lonxe para atopar masacres de semellante calibre. Calcúlase que só no Val dos Caídos xacen os corpos de entre trinta e trinta e cinco mil homes e mulleres mortos na Guerra Civil. Deles só ao redor de 20.000 foron identificados. Ninguén foi xulgado por tales matanzas, nin por ningún dos miles de asasinatos levados a cabo nas cunetas, nos muros dos cemiterios ou en calquera outro lugar durante a guerra e a posterior e brutal represión dos primeiros anos de posguerra.

Resulta paradoxal e bastante penoso que, agora, mentres Rusia, un país non sempre dado a veleidades democráticas, anda a preocuparse por adoptar unha imaxe de tolerancia no exterior recoñecendo a súa culpa no xenocidio de Katyn, aquí o único que se vaia a sentar no banco por remover as tumbas do franquismo sexa un xuíz cuxa labor se caracterizou precisamente pola loita a favor da Paz. Como comezaba dicindo o pasado 8 de abril o editorial de The Economist ("Judge not"): “Franco debe estar a rir na súa tumba”.

13/04/2010

Mundos da historia – Historias do mundo, 50 anos de literatura infantil-xuvenil galega

Redacción

Onte presentouse na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela a mostra Mundos da historia – Historias do mundo, 50 anos de literatura infantil-xuvenil galega, organizada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. A mostra percorrerá posteriormente as bibliotecas nodais de Galicia e está integrada por 22 paneis que recollen a evolución do libro infantil e xuvenil galego, desde a súa tardía aparición, en 1961, con Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, ata a actualidade, cando Galicia conta con numerosos autores e ilustradores con proxección no exterior, traducidos ás linguas máis importantes da nosa contorna cultural e distinguidos con galardóns importantes no plano internacional.

Xuntanza da PGA co representante na Comisión Nacional de Bioseguridade

Redacción

Representantes da Plataforma Galega Antitransxénicos anunciaron na mañá de hoxe o rexistro dunha solicitude de xuntanza co Xefe da área de Sanidade Vexetal e representante da Galiza no Comité Nacional de Bioseguridade, Ramón Jesús Lamelo Otero. O devandito encontro foi un compromiso contraido tanto por Lamelo coma pola PGA na reunión mantida o pasado 15 de xullo de 2009, co obxectivo de establecer unha vía de comunicación e colaboración entre a Administración e a sociedade.

A finalidade desta xuntanza será coñecer a situación das solicitudes de experimentación realizadas por parte das multinacionais da biotecnoloxía na Galiza, aclarar o posicionamento oficial da Consellería de Medio Rural sobor das liberacións ao medio e experimentación con organismos xeneticamente modificados dentro do territorio galego e coñecer o plan de traballo da Xunta da Galiza para cumprir os acordos acadados no Parlamento Galego relativos aos Organismos Xeneticamente Modificados (OXM) no noso país.

As representantes da PGA valoraron tamén positivamente a xornada de debate realizada en colaboración co concello de Ames o pasado venres 9. Esta xornada cumpre co acordado na resolución aprobada por unanimidade na que se declarou o concello coma libre de transxénicos, e mediante a cal foron tomadas decisións realmente ubicadas na vangarda desta loita como a prohibición de servir alimentación transxénica nos comedores escolares públicos.

Por primeira vez un representante da opinión favorable aos transxénicos accedeu a compartir mesa de debate, xesto que desde a Plataforma Galega Antitransxénicos agradecen moi especialmente, xa que a tónica predominante é a negativa a participar nestas actividades, limitando a expresión do discurso pro-transxénico a eidos que carezan da posibilidade de réplica (como as entrevistas unilaterais ou os artigos asinados).

Na mesma liña de loita conxunta cos concellos da Galiza, ao tempo que se dá cumprimento ás resolucións acordadas para a declaración dun municipio “libre de transxénicos”, a principios de maio a Plataforma Galega Antritransxénicos e o concello de Chantada desenvolverán unha xornada informativa. Cómpre salientar a situación especial deste concello, que malia a terse declarado libre de transxénicos no 2008, foi solicitado para a realización de campos experimentais no ano 2009.

A xornada contará cunha parte de debate informativo aberto á cidadanía en xeral, e outra dirixida a mozos e mozas do Instituto Lama das Quendas (de Chantada), que pretende fomentar a capacidade de análise crítica e complementar o traballo iniciado no centro educativo sobre as repercusións dos OXM e a súa situación no noso territorio.

A PGA trasladou a expectación coa que se están a vivir os días precedentes á realización da 2ª manifestación estatal contra os organismos xenéticamente modificados, á cal prevese unha asistencia maior que a da que se deu en chamar “histórica” mobilización contra os transxénicos o ano pasado en Zaragoza, o que mesmo suscitou a modificación do percorrido inicialmente autorizado pola Subdelegación do Goberno.

Tamén se rexistraron novas adhesións á convocatoria, que arestora agrupa tanto organizacións agrarias, coma ecoloxistas, de consumo, entidades veciñais, da xuventude, do eido educativo ou sindicatos obreiros.

Forma parte deste ambiente tamén o feito de que o España ostente a presidencia europea xusto no momento en que, logo de doce anos, por primeira vez a UE autorizou a comercialización de tres novas variedades de millo transxénico Monsanto (MON863xMON810, MON863Xnk603 e MON863xMOPN810XNK603) e o cultivo da variedade de pataca xeneticamente modificada Amflora.

Desde Galicia sairán autobuses na noite do venres ao sábado cara a manifestación de Madrid, estando de regreso sobre as 24:00hrs. do propio sábado 17. A PGA anima á cidadanía a apuntarse para acudir a visibilizar a súa oposición aos organismos xenéticamente modificados e ao sistema produtivo que implican, mobilizándose canda a Plataforma Galega Antitransxénicos o vindeiro sábado en Madrid baixo o lema Rexeitamento da sociedade civil á introdución de organismos xeneticamente modificados na nosa agricultura e alimentación.

Pódense reservar prazas no bus de balde da PGA no correio nacional@sindicatolabrego.com e nos telefones 981 554 147 e 680 118 479.

XIII Premio de pintura Terras de Iria

Redacción

O vindeiro 21 de abril de 2010 remata o prazo de inscrición para o XIII Premio de pintura Terras de Iria, 2010, organizado polos Concellos de Padrón, Rois e Dodro, e a empresa Aluminios Cortizo SA. Poderán participar todos os artistas interesados calquera que sexa a súa nacionalidade ou residencia, sen límite de idade, podendo cada autor concursar cunha soa obra de pintura, orixinal e inédita. Tanto o tema como a técnica serán de libre elección e as dimensións non inferiores a 100 x 81 cm. indistintamente nin superiores a 195 x 195 cm.

Para participar só haberá que entregar o boletín de inscrición e unha imaxe da obra (resolución 300 ppp, tal como figura nas bases da convocatoria.

Os premios aos que se opta son os seguintes:
Primeiro premio 8000 euros
Segundo premio 3000 euros
Mención especial comarcal 1000 euros

Organiza e patrocina:
Concellos de Padrón, Rois e Dodro, e a empresa Aluminios Cortizo SA
Colabora:
Convento do Carme
Páxina web: www.premioterrasdeiria.com
Tel. información: +34 687 139139 / +34 981 142 674
Correo información: info@premioterrasdeiria.com

12/04/2010