III Xornadas de Literatura de Tradición Oral: Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas

Redacción.-

Do 5 de novembro de 2010 ao 6 de novembro de 2010, e co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza as terceiras xornadas de literatura de tradición oral, adicadas este ano á mitoloxía da morte.

As xornadas, que terán lugar no salón de actos do Pazo Provincial, serán coordinadas por Isidro Novo e Antonio Reigosa (vogal da AELG de literatura de tradición oral), e celebraranse segundo o seguinte programa:

5 de novembro
17.00 h.- Acto de inauguración coa participación de Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.
17:10 h.- As narrativas sobre a morte na cultura tradicional galega: estratexias de posta en valor, por Marcial Gondar Portasany.
18:10 h.- Da morte á Morte na cultura popular catalá, por Joan Soler i Amigó.
De 19:10 a 20:00 h.- Mesa redonda: A morte pre-vista.
Participan: Marcial Gondar e Joan Soler i Amigo.
Modera: Antonio Reigosa.

6 de novembro
10:30 h.- Representacións da morte na narrativa oral, por Camiño Noia.
11:30 h.- Ánimas, aparecidos e mortos en compaña na tradición galega, por Xoán Ramiro Cuba.
De 12:30 a 13:30 h.- Mesa redonda: Mortos de ida e volta.
Participan: Camiño Noia e Xoán Ramiro Cuba.
Modera: Isidro Novo.

Os participantes interesados en obter diploma acreditativo da súa asistencia, deben inscribirse previamente a través do e-mail oficina@aelg.org ou chamando ao 981 13 32 33.


31/10/2010

Felipe Senén recibiu a distinción de Chairego de Honra

Redacción.-

O arqueólogo e escritor Felipe Senén recibiu hoxe a distinción de Chairego de Honra, de mans da Irmandade Manuel María, no Muíño do Rañego de Vilalba. Os tamén arqueólogos Felipe Arias e Xoán Naveiro López, e os escritores Xosé Neira Vilas e David Otero trazaron a semblanza do homenaxeado, nun acto ao que concorreu numeroso público, entre o que destacou a presenza de numerosos alumnos da UNED Senior de Xestoso, na que Felipe Senén imparte aulas. Publicamos unha reportaxe fotográfica da homenaxe, do noso redactor Paulo Naseiro.

30/10/2010

“Café, copa e puro” Party

Moncho Paz.-

A necesidade de abrir un debate ideolóxico no PP preséntase como unha cuestión estratéxica para a dereita española, que viu a súa grande oportunidade na crise económica e aínda non é capaz de rendabilizala ao seu favor. E iso vése a cotío na rúa, onde o cidadán cada vez ten menos reparos a manifestar publicamente o seu cansanzo pola caste política, tanto dun como doutro bando do tsunami bipartidista. A pesar do desgaste actual do Goberno e de estar o PP por riba do PSOE en máis de doce puntos nas enquisas, aínda resta un terzo da lexislatura e falla por ver o resultado dos debates no Congreso dos Deputados, con Alfredo Pérez Rubalcaba e Soraya Saénz de Santamaría como principais protagonistas.

Precisamente tiveron o seu primeiro enfrontamento parlamentario o pasado mércores, levantando unha tremenda expectación mediática, e do que saiu victorioso o político socialista, tranquilo e seguro de si mesmo fronte a unha nerviosa Soraya, que incluso esqueceu abrir o micrófono nalgunha ocasión. Terá que practicar moito na intimidade para superar esta proba de lume que lle agarda durante máis dun ano; non chega con repetir ata a saciedade que “Rubalcaba ten o currículo máis escuro da democracia”. A descualificación fácil non é boa compañeira de viaxe, e menos servida en frío e sen condimentar. De todos xeitos, o tempo dirá.

Pero o rancio conservadurismo que invade a política española, que ten o seu máximo exponente en Esperanza Aguirre, desfavorece a construcción dunha imaxe de dereita moderna e “centrada” que a estas alturas deberían estar a traballar duramente os estrategas do PP. Pola contra, os conceptos que se transmiten son os de “España, unha, grande e libre”, un fervor relixioso in crescendo e non falemos xa do “autonomismo extrovertido” formulado por Feijóo.

Pola súa banda, a presidenta da Comunidade de Madrid sorprende cada certo tempo a propios e estranos co seu peculiar estilo, que tan nervioso pon a Rajoy e tanta hilaridade provoca a Zapatero. Por si fora pouco, nos últimos días Aguirre fixo seu o ideario ultraconservador do Tea Party, nacido no seo do Partido Republicano e que nas últimas semanas está percorrendo Estados Unidos en caravanas que lembran o máis puro estilo dos predicadores do Oeste.

Estradas a medias

Xulio Xiz.-

Hai uns días eu tiña que ir a Foz participar na presentación do libro ENTRE AMIGOS, co que se homenaxeou a Suso do Bahía, un histórico de Radio Popular de Lugo, e responsable de case todos os acontecementos culturais e sociais celebrados en Foz nos ultimos corenta anos.

Un amigo aconselloume que evitara a zona de Abadín, onde entraron en funcionamento un par de tramos da Autovía A-8, pero eu quixen ir para comprobar a situación, e ver como vai mellorando a circulación por unha vía sempre conflictiva como é a que vai desde Vilalba ata a Costa.

Eu xa sabía que os conductores comprobaban que en tempo é prácticamente o mesmo se se utilizan os novos tramos que se segue pola estrada de sempre, pero coidaba que a seguridade de non ter coches enfrente compensaba de calquera outra cuestión.

Non o agardaba, pero vin desencantado. Primeiro abrumoume o tráfico que había na tarde dun venres algo antes das sete da tarde, o que ven ser un excelente argumento a favor das obras.

Logo, colleume case de improviso o final do tramo da autovía, rematando nunha rotonda – posiblemente sexa só culpa miña- que me fixo frenar de xeito brusco.

Superado este tramo moderno volvemos á estrada de sempre, comparativamente estreita e difícil, que se ve complicada bastante máis adiante cando, entre Mondoñedo e Lourenzá, as obras da nova autovía inciden sobre a estrada actual, obrigando a desvíos, limitacións e cruces, que coidabamos ter superados hai moito tempo.

Pero a dificultade é maior de noite, como foi ese venres, cando a natural falla de luz se complica pola néboa, e circular pola nova vía faise especialmente complicado.

Non me arrepinto da experiencia en si, que está ben o de comprobar por un mesmo se as cousas son como as contan, como as pintan os políticos, ou como as sofren a diario os usuarios. Neste caso, alégrome de ter ido por alí, polo coñecemento. Pero xa non me parece tan boa idea que poñan en funcionamento un par de pequenos tramos quedando na situación que queda o resto da estrada de Vilalba ó norte.

Como proba de que vai quedar unha magnífica via de comunicación, si que está ben que estean en funcionamento nas terras chairegas dous tramos da Autovía A-8. Pero tamén supoñen un perigo pola provisionalidade, polo contraste, polos cambios e cruces. E para os políticos debera ser non motivo de confrontación senón de preocupación diaria.

E Ministro e Conselleiro en lugar de discutir polos prazos e os comportamentos das institucións, póñanse a pensar no que ocorrrirá cando se produza o primeiro morto que poida atribuirse ás dificultades que atope na vía. Como xustificarán diante de si mesmos que haxa unha víctima nun lugar destinado a ser de circulación perfecta, cando se poida.

En fin: prudencia en toda esa via, en todas as vías, que se os problemas da circulación veñen dados ás veces polas dificultades nas estradas, a maior parte dos problemas vai con nós mesmos, e a solución deses problemas témola precisamente nas nosas mans.

Día en branco (e II)

Mario Paz González.-

Non vou ser agora eu quen faga unha crítica sobre a necesidade de practicar algunha que outra vez na vida a lectura sistemática e ordenada. Alomenos, cando un quere abranguer e dominar con plenitude un tema específico é a opción máis desexable de todas as posibles. Con todo, ler dun xeito caótico, deixando que sexa a fraxilidade do azar quen traia ás nosas mans, con esa veleidade que a caracteriza, as lecturas elixidas, tamén resulta útil, osixenante, pois abre innumerables físgoas de liberdade propondo ramificacións ás que a lectura ordenada, por mor dese corpiño seu tan cinguido, xamais podería aspirar. É entón cando se acada a sensación de que, non só entre os libros, senón tamén entre todos os textos escritos ao longo e ao ancho do orbe existe unha interconexión tanxible que, dalgún xeito que non podemos controlar, esvae ante os nosos ollos, un vasto sistema de comunicación oceánico que enlaza, a través de ocultos vasos comunicantes, uns textos con outros, uns temas con outros, uns autores con outros, por moi afastados que poidan estar no ámbito xeográfico ou, mesmo, no cronolóxico. Saltar azarosamente de Caritón de Afrodisias a Thomas Pynchon, e de este a Murasaki Shikibu, e dela a Rosalía de Castro, a Omar Khayyam ou a Mark Twain non serve máis que para constatar dun xeito minucioso e espléndido que a biblioteca de Babel “iluminada, solitaria, infinita” da que falaba Borges áchase oculta, sen dúbida algunha, no mesmo centro da imaxinación de todos e cada un dos lectores.

Meditaba sobre estas cuestións o outro día, lembrando aquel artigo de Fernando Pessoa, cuxo contido glosei brevemente non hai moito aquí mesmo, e que fora publicado o 25 de xuño de 1926 no número sexto da Revista de Comércio e Contabilidade de Lisboa. O devandito texto, como algún se cadra poida lembrar, abordaba as propostas realizadas á Sociedade de Nacións a principios do século XX sobre a reforma do calendario. O caso é que, inda ben non viña de rematar aquela glosa e as miñas mans e os meus ollos xa pasaban, como por arte deses camiños obstinados nos que o azar se empeña en guiarnos, a outro texto que, inda que afastado daquel, resultou, para a miña sorpresa, non ser outra cousa que unha feliz prolongación do mesmo tema. Unha prolongación que fora publicada, curiosamente, case dez anos antes, en 1917, no número 5 da “revista neosófica” La Centuria, editada en Ourense por Vicente Risco.

Nun artigo titulado “El Calendario Universal”, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, un dos fundadores da publicación xunto ao propio Risco e Florentino López Cuevillas, analizaba unha daquelas tres propostas das que falaría nove anos despois Pessoa. Precisamente a que o portugués denominaba “radical” e que suxería a instauración dun calendario perpetuo que modificaba practicamente por completo o gregoriano actual. Segundo as informacións achegadas por Rodríguez Sanjurjo, máis xeneroso en detalles que o portugués, a autoría da proposta debíase a un tal Paul Delaporte e fora exposta en 1913, no Congreso Internacional de Liège sobre a Reforma do Calendario contando coa beizón, a xeito de xeneroso prefacio, do recoñecidísimo astrónomo galo Camille Flammarion, fundador da Sociedade Astronómica Francesa e autor el mesmo, aínda que algún tempo antes, da súa propia proposta de reforma.

Detense Sanjurjo a analizar o texto completo de Delaporte e a valorar a súa “orde perfectísima e rigorosamente científica”. Tamén fai un prolixo percorrido pola historia do calendario desde a Antigüidade até os nosos días, sinalando que o nome escollido para os meses do ano nesta nova proposta sería algo dunha sonoridade tan rechamante como: Primile, Duxile, Tercile, Quartile, Quintile, Sextile, Septile, Octile, Nonile, Décile, Undile, Dudile e Tredile; mentres que os días da semana ían ser: Anerdi, Duerdi, Trierdi, Quaterdi, Quinterdi, Sexterdi e Septerdi, e que se corresponderían, como no mundo anglosaxón, cun ciclo de sete días que comezase no equivalente ao actual domingo e non en luns. Ao que Pessoa denominaba “día en branco” déuselle en realidade o nome de “día de liquidación”, pero, o mesmo que no texto do poeta portugués, non se aclara cal podería chegar a ser o seu mellor uso.

Visto en perspectiva, resulta, cando menos, curioso, por non dicir “entrañable”, esa apaixonada obstinación, ese denodado empeño amosado por Primitivo R. Sanjurjo en defender a proposta de Delaporte. Sobre todo por contraste coa frialdade case burocrática de Pessoa no informe por el elaborado. Se cadra porque no seu caso tratábase dun traballo alimenticio daqueles que lle permitían dedicar a maior parte do seu tempo a outras actividades sen lugar a dúbidas máis estimulantes. Malia iso, non me custa imaxinar o xeito no que, a comezos da pasada centuria, cuestións como esta puideron desatar furores máis ou menos enconados nalgúns temperamentos sensibles, do mesmo xeito que outras similares poden desatalos hoxe entre nós. Porén, ao ler agora todo isto, case un século despois, trasladando a cuestión a outros aspectos do cotián, como o político, ou o social, resulta inevitable facer outra reflexión.

Nunha época como a actual, na que tantas cuestións de importancia seguen aínda pendentes, xa ninguén lembra algo que hoxe nos poida parecer, se cadra, tan intrascendente como aquelas propostas sobre o calendario feitas á Sociedade de Nacións, pero un non pode evitar preguntarse se moitas desas reformas pendentes de agora, que pasan pola reivindicación dun mundo máis xusto, máis igualitario, non serán vistas, pasados cen anos, feridas desa mesma anacronía coa que hoxe vemos aqueloutras do pasado. Un quixera pensar que non, que, de aquí a entón, moitas cousas poderán cambiar para ben, pero inevitablemente, mentres pecho o amarelado exemplar de La Centuria, voltan á miña mente as palabras de Camille Flammarion citadas por Rodríguez Sanjurjo: “hai para os reformadores un inimigo contra o que todos se estrelan: a rutina”.

29/10/2010

Sobre as mulleres taradas

Viviana Fernández García.-

Parácheste algunha vez a pensar que ocorrería se fósemos capaces de ler a mente da xente que nos rodea? Con total seguridade descubririamos que aqueles que coñecemos son máis complexos do que pensabamos, máis escuros, máis perigosos. E sentiriamos unha vergoña terrible ao desvelar as nosas pequenas obsesións, complexos e ideas politicamente incorrectas. Sacar á luz o pequeno monstro que habita nas catro protagonistas de Taradas foi o meu obxectivo inicial ao escribir a miña primeira novela, pero a historia evoluciona de xeito imprevisible como nave á deriva, segundo os antollos inimaxinabeis dos antigos deuses gregos.

Taradas é unha historia de sentimentos inefabeis, da arbitrariedade da sorte, do relativismo da bondade ou maldade do home. Porque, non nos enganemos, a normalidade non existe e é tan só unha cuestión estatística, por iso a miña primeira novela está creada a partir de personaxes xenuínos e auténticos. Taradas é pornográfica porque o lector é un mirón que contempla os pensamentos espidos das protagonistas. A relación entre lector e personaxe é íntima e ás veces sórdida. Tamén hai lirismo. Usei todos os recursos ao alcance da miña man para crear personaxes reais, de carne e óso con infancia e familia. Como nun abano de cores, ou nunha escala de sons, non tiven medo de mesturar os graves e os agudos, a linguaxe poética e a vulgar. Esta contradición non só é palpable no estilo senón tamén nos personaxes. As catro mozas teñen zonas de sombra, claroscuros, buracos negros como os do universo nos que non se sabe con exactitude o que ocorre. A xeografía dos meus personaxes inclúe cantiis de mares axitados e encoraxados aos que se asoman con certa frecuencia.

Virginia é unha moza ávida de sensacións, cunha alma inflamable que arde con facilidade, hedonista e dolorosa cun gran apetito polo volátil e o belo.

Carla é a máis romántica e namoriscada. Obsesiva e insegura de alma fluorescente que lampexa con fulgor na noite e permanece durmida e mate durante o día.

Silvia é reflexiva, cunha alma frondosa pero fráxil e unha visión dramática da vida. A súa traxedia é contemplarse como un personaxe secundario da súa propia vida.

Esther é intimidatoria e altiva, descreída porque perdeu a fe en case todo, escéptica e ás veces cruel.

Ao relatar a vida de catro mozas a miúdo pregúntanme se escribín “algo similar a Sexo en Nova York, Mulleres desesperadas ou O diario de Bridget Jones”. Rotundamente non. Taradas é unha novela feminina e fresca pero non frivoliza coas relacións home-muller, nin pon en ridículo aos homes. Ademais as vidas das miñas protagonistas non xiran ao redor dun home. O amor é unha peza máis pero de ningún xeito a máis importante deste quebracabezas. Taradas non é unha obra feminista nin de crítica social. Non hai mensaxe moral, nin unha estrutura clásica con formulación, nó e desenlace. As mozas que retrato non representan á sociedade aínda que sexan modelos relativamente frecuentes nela. Vemos unha mocidade que sente fascinación polo dionisiaco, coa necesidade de atopar o seu sitiño pero que, a diferenza de moitos mozos, non busca a identidade a través dun grupo senón que fai unha carreira en solitario. Tamén hai unha pulsión pola destrución e a morte.

Taradas é para min un experimento. Quería probarme como escritora escribindo sobre o que me gustaba, cunha estrutura orixinal, frases curtas, metáforas nada artificiosas, historias áxiles, cruzadas, moitos personaxes. Cando tiven que escribir unha sinopse fixen o que a maioría dos escritores: simplificar e deshumanizar ás protagonistas, pór etiquetas e tentar dar unha explicación lóxica ás caóticas e veleidosas relacións humanas. Pero se de verdade queres saber de que vai Taradas non terás máis remedio que lela.

Taradas.
Viviana Fernández García.
Barcelona: Carena.
176 pp.

Mañá celébrase unha polafía en Moaña

Redacción.-

Mañá sábado 30 de outubro, ás 18,30 horas, vaise celebrar unha Polafía no Centro Socio-Cultural “Daniel Castelao” de Moaña, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo.

Baixo o epígrafe Unha malta para todos, a Polafía de Moaña contará coa participación das veciñas e veciños da localidade, que contarán… cantarán… e conversarán…sobre historia, música, toponimia, e haberá danza e xogos. O poeta Isidro Novo levará a cabo unha lectura de rimas populares, e Antonio Reigosa falará das lendas do lugar. Na actividade, de entrada libre, participará igualmente Xosé Vázquez Pintor, Soledad Riva e Xavier Blanco.

POLAFÍA
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.

O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, neste caso en Moaña, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que sucede nas polafías é gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral. As polafías teñen unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.

Nostalxia de outra dereita

Fermin Bouza.-

Que a Xunta de Galicia desatenda os mandatos da UE sobre espazos protexidos, ou que o Río Eume, e con el o Parque do Eume sexan xa practicamente irrecuperables, é algo normal nas noticias do meu país, nas que non só a lingua é gravemente cercada pola mesma Xunta senón outra serie de cousas que, se algo non o remedia, acabarán a curto prazo coa Galicia que vostedes coñecen (xa está medio acabada). Son as marabillas do modelo de dereita do que gozamos, e do silencio que a rodea.

Non boto tanto de menos unha esquerda máis activa e eficiente como unha dereita normalizada, tanto en Galicia como no conxunto do Reino de España. É posible que as dereitas nacionalistas vasca e catalá xa sexan así, ou o sexan de forma suficiente, pero non é así a dereita castiza nin, no meu caso, a galega. Coñecín xentes conservadoras que individualmente son moi tratables, e mesmo cultas, no bo sentido, e até liberais, polo menos en perspectiva teórica (esquezan a Aguirre e similares, por favor). Se cadra non teñan outro sitio onde meterse que no PP, pero non parece que poidan cambialo de forma significativa.

O que un se atopa é unha enorme insensibilidade tanto en cuestións económicas (digan "sociais", se queren) como vitais, xa sexan ecolóxicas ou ecolingüísticas, como ocorre en Galicia. Dediquei a isto a miña viaxe de volta de Galicia, para acompañarme a min mesmo e non dar a vara en exceso ao meu acompañante. Cando as cousas non acaban de ir ben, e a iso engádese a desfeita de culturas e territorios, a ausencia dunha dereita culta e sensible é moito máis acusada.

Entretida en facer riqueza para si mesma a curto prazo, a nosa xente de orde vai xerando unha desorde de toda clase ao seu redor que algún día podería volverse na súa contra. Tanta destrución debe rematar, se non en nome das cousas clásicas como deus, a moral e outras que tamén foron de referencia para os hoxe destrutores, si en nome da sustentabilidade, o progreso e a paz. Chegando ao final do día, alguén que tampouco parece de esquerda, insulta de forma vergoñenta a Moratinos. É o signo dunhas carencias históricas que agora pagamos.

28/10/2010

Esta fin de semana comeza a XXVII edición de Galeusca

Redacción.-

Organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, os encontros Galeusca chegan á súa XXVII edición, congregando na cidade da Coruña, entre os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro, a escritores e escritoras da AELG, da Euskal Idazleen Elkartea e da Associació d´Escriptors en Llengua Catalana.

As sesións da XXVII Congreso Galeusca celebraranse na Biblioteca de Estudos Locais (rúa Durán Loriga s/n), baixo o epígrafe Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro.

O XXVII Congreso Galeusca promoverá neste 2010 o debate ao redor da importancia das nosas literaturas en lingua propia como subministradoras de contidos para unha fértil industria cultural que a todos e todas sen excepción preocupa e interesa, pois na lingua e na literatura susténtase a identidade senlleira dun pobo, unha historia pensada e debuxada tamén polos seus escritores e escritoras, voces reveladoras dunha viaxe colectiva cara un país con futuro propio.

Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o programa coa celebración de duas mesas redondas o sábado 30 de outubro, a partir das 10,00 horas unha, e ás 12,00 horas a seguinte: En primeiro lugar A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura e o audiovisual, na que participarán, baixo a coordinación en representación da AELG de Raúl Veiga, Héctor Carré, Harkaitz Cano, Ander Iturriotz e Manel Bonany, e As viaxes na literaura, coordinada por Xulio L. Valcárcel, con participación de Anxo Angueira, Urtzi Urrutikoetxea e Ignasi Riera.

Ás 17,00 horas está programado un percorrido Rosaliano pola Coruña dirixido por Diego Amado Pardo con saída na Rúa do Príncipe da Cidade Vella, e unha recepción no Concello da Coruña ás 18,30 horas.

A xornada do domingo 31 de outubro iniciarase ás 10,00 horas coa celebración da Asemblea da Federación Galeusca, que dará paso a unha mesa redonda coordinada por Tati Mancebo titulada A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura como modelo de convivencia de vellos e novos soportes, con participación de Marcos S. Calveiro, Nikolás Zamarro e Guillem-Jordi Graells.

O programa rematará ás 19,00 horas cun Recitado/Lectura de textos + Música con Olalla Cociña, Dores Tembrás, Nikolás Zamarro, Miquel Bezares e Xavier Díaz (música).

O luns 1 de novembro regresarán as delegacións invitadas.

27/10/2010

A revista Retranca, secuestrada por rirse do Papa

Redacción.-

Mentres van pasando os días e se achega a data do desembarco de Joseph Ratzinger en Galicia, a súa presenza xera informacións en todos os sentidos, pero algunhas non son tan ben recibidas coma outras. Unha desas que non sentou tan ben foi o último número da revista de humor galega Retranca. Segundo denuncian os responsables da publicación, o último número -un especial sobre a visita do Papa- foi secuestrado pola imprenta.

Retranca estaba a piques de saír cunha portada na que se podía ver ao máximo responsable da Igrexa rodeado de billetes e cun título no que se reflexa o custo da súa presenza en Compostela, acompañado dunha frase na que afirma: "Nin milagre dos pans e os peixes nin hostias!!! Eu fago que me chovan billetes". Os propietarios da Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, negánse a entregar os exemplares encargados pola publicación galega, aducindo o seu "desacordo moral" co contido da mesma.

Segundo apunta o director de Retranca, Kiko da Silva, nunha conversa telefónica, o dono da Imprenta explicou que a revista -impresa xa e lista para enviar á distribuidora- non se ía entregar porque a empresa está "en total desacordo co ataque ao Papa e á Igrexa". Da Silva asegura que "é a primeira vez que unha imprenta, cun traballo xa impreso e cun contrato de por medio, decide unilateralmente non entregar a publicación alegando a súa disconformidade cos contidos da mesma". Asemade, Retranca quere aclarar que "foi a imprenta a que acudiu á nosa empresa para ofrecerse a imprimir a nosa publicación, sabendo de sobra que se trata dunha revista satírico-política".

A pesares da maniobra levada a cabo pola imprenta murciana, os responsables da publicación queren "tranquilizar aos nosos lectores anunciando que o número secuestrado estase a imprimir xa noutra imprenta e que chegará aos quioscos en breve". Ademais "tamén queremos facer público que estamos tratando cos nosos avogados para tomar medidas contra os danos e prexuízos causados polo incumprimento de contrato da Imprenta Jiménez Godoy".

Retranca é unha revista galega de humor satírico que leva nos quioscos desde o ano 2007 e que o vindeiro sábado día 30 de outubro celebrará o seu terceiro aniversario cun acto no Café Moderno de Pontevedra ás 20 horas. Retranca, "a primeira revista galega de humor que consegue sobrevivir sen subvencións", recibiu na súa curta existencia o Premio do Público do Salò do Cómic de Barcelona e acaba de recibir o Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada. O número secuestrado era un especial sobre a visita do Papa a Galicia, e conta con autores convidados e colaboradores da revista El Jueves (Jordi March, Guillermo, Manuel Bartual, Fer e Bernardo Vergara), ademais dos colaboradores habituais da revista.

26/10/2010

Axudas aos medios en galego

Redacción.-

Os medios en galego son necesarios e precisan das axudas públicas, pero as empresas deben perfeccionar a xestión e ter en conta os indicadores e os comportamentos do mercado. É a principal conclusión da xornada de reflexión e debate celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG), coa participación de representantes do sector e investigadores da comunicación. A sesión foi clausurada polo Presidente do CCG, Ramón Villares, logo da intervención do Secretario Xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, que anunciou a continuación das axudas específicas para os medios en galego “nun marco orientador e regulador que non estará operativo ata finais de 2012”.

A xornada de reflexión e debate “Os medios impresos e electrónicos en rede en galego. Panorama presente e desafíos” situou nun primeiro plano o precario panorama xeral da economía mediática, tamén en Galicia, e as dificultades engadidas para algunhas empresas, e microempresas, de comunicación. Neste marco, afirmou Francisco Campos, profesor da Universidade de Santiago, hai que mellorar a xestión e facer máis rendibles as axudas institucionais. Pola súa banda, Valentín Alejandro, profesor da Universidade da Coruña, aludiu á necesidade de novos modelos empresariais que presten especial atención á elaboración dos contidos.

Os responsables dos medios amosaron as súas preocupacións nun panel coordinado por Xosé Manuel Pereiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Guillerme Rodríguez, director de A Peneira, botou a faltar unha maior cooperación e compromiso “cuns medios que contribúen a facer país”.

Xavier Cea, subdirector de Galicia Hoxe e Presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME), falou dunha case testemuñal presenza dos medios en galego fronte aos impresos en castelán e amosouse partidario de contar cunha maior oferta para poder ter máis demanda.

Alfonso Álvarez Riveiro, director do gratuíto De Luns a Venres, lembrou que a situación da prensa en Galicia xa non era moi boa antes da crise e, en clave autocrítica, aludiu ao negativo sobredimensionamento nalgúns casos e á “excesiva dependencia da publicidade institucional”. Previamente Victor F. Freixanes, profesor da Universidade de Santiago, aludira tamén á “fraqueza estrutural das propostas que periódicamente se fan verbo das alternativas de comunicación en galego” e á dificultade para xerar “dende a sociedade civil empresas, medios e iniciativas en lingua galega rendibles e con penetración social”.

O Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, falou da necesidade dun novo esquema de comunicación, no que se está a traballar e para o que pediu a colaboración do Consello da Cultura Galega. Asegurou a continuación das axudas diferenciadas para os medios en galego nun novo marco orientador e regulador que non poderá estar operativo ata finais de 2012.

A xornada foi aberta e clausurada polo Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que agradeceu a colaboración do Secretario Xeral de Medios e anunciou a continuación desta liña de debates, coordinados polo Arquivo da Comunicación, que dirixe Xosé López García, profesor da Universidade de Santiago e Secretario do CCG (na fotografía). Ao remate da mesma, os asistentes recibiron como agasallo un exemplar do número especial de 2010 de A Voz de Vilalba, publicado en papel o pasado verán e distribuído polos concellos da Terra Cha e as principais cidades de Galicia.

Felipe Senén, chairego de honra

Redacción.-

O arqueólogo e escritor Felipe Senén será distinguido este ano como chairego de honra pola Irmandade Manuel María, nun acto que terá lugar o vindeiro sábado, 30 de outubro, no Muíño do Rañego vilalbés. Os actos comezarán ás 12 horas, cunha mesa redonda na que participarán Felipe Arias, Xoán Naveiro López, Xosé Neira Vilas, Francisco Pillado e David Otero. A continuación terá lugar un xantar de irmandade no restaurante A Nova Ruta de Vilalba.

Nado no Carballiño en 1948, é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago. Entre os anos 1975 e 1996 foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña e desde 1996 é Técnico de Xestión Cultural e Museólogo da Deputación da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e do Instituto J. Cornide de Estudios Coruñeses. Tamén pertence ó Instituto Pai Sarmiento de Estudios Galegos e á Comisión de Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega. Fundador e presidente de "Amigos dos Museos de Galicia", levou a cabo diversos proxectos para a valoración do patrimonio cultural da provincia da Coruña. É conferenciante sobre temas de arte e etnografía por toda Europa e América e é autor de múltiples publicacións sobre simboloxía, arte e arqueoloxía.

Para apuntarse a xantar ou calquera outra información sobre o acto, no teléfono 646413890

Xornada de reflexión e debate “Os medios impresos e electrónicos en rede en galego. Presente e desafíos”

Redacción.-

“Os medios impresos e electrónicos en rede en galego. Panorama do presente e desafíos” é o tema da xornadas de reflexión e debate que terán lugar no Consello da Cultura Galega mañá martes 26 de outubro. O Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, falará da “Política da Xunta para os medios en galego”. As xornadas comezarán ás 10 horas coa intervención de Victor F. Freixanes, profesor da USC e coordinador do libro “O capital da cultura”, que falará sobre “O capital da cultura en Galicia”.

Xavier Cea, Presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME), reflexionará sobre o “Panorama dos medios en galego”. Seguirá unha mesa redonda sobre “Situación e plans de futuro”coas visións de Alfonso Eiré (A Nosa Terra), Guillermo Rodríguez (A Peneira) e Alfonso A. Riveiro (De Luns a Venres). Modera: Xosé Manuel Pereiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

As 12´30 horas os profesores Valentín Alejandro (Universidade de A Coruña) e Francisco Campos (Universidade de Santiago) analizarán “A economía dos medios en galego. Panorama e desafíos”. A sesión concluirá ás 13´45 horas coa intervención de Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, sobre “Política da Xunta para os medios en galego”.

25/10/2010

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán

Lugo, 22 outubro 2010

Meu querido Antón:

Nova carta, pero poucas respostas para as moitas preguntas que me fas. Antes ti facíasme comentarios do que acontecía para que eu os reflectise na carta do venres. Así daba gusto porque eu non tiña máis que reproducir as túas verbas (as publicables, claro), pero desde que estás fóra da vila, a penas comentas nada e preguntas moito. E moito é o que debes gastar en telefonía móbil, pero, claro, como paga o teu fillo .....

Hai uns días reprochábasme que non tivese estado no concerto que deu a Coral Vilalbesa xunto con outras dúas. En canto cho dixo o crego Mato, faltouche tempo para agarrar de móbil e poñerme verde. Teño que recoñecer que algo de razón tes porque efectivamente debería ter estado presente, tanto polo que me comprace como polas circunstancias que acompañaron esa mostra musical, por exemplo o estreo dunha nova peza por parte dos meus amigos cantores. Ademais diso, o meu compañeiro Mato, director do Orfeón lucense, chamoume repetidamente porque tiña interese en comentar comigo o progreso dos coros galegos. Así que pido perdón pola miña ausencia. Pero tamén debo dicirche que tiña motivos familiares moi serios e moi fermosos para exculparme.

Creo que non te informei dunha boa nova, acontecida na miña familia, que me encheu de tenrura. Naceume un neto. Dixen mal, naceume un novo sobriño-neto que, xunto cos outros dous, van compoñendo ese tecido tan entrañable de pequerrechos que substitúan aos verdadeiros netos que eu non puiden ter. Chámase Víctor e ten unha aparencia tan apracible e serea que mesmo semella un anxo a durmir tranquilamente nos brazos de quen o acolle, coma se quixese recitar co seu soño o gran poema da paz. Puxéronmo no colo e alí estiven máis dunha hora a ollar aquela cariña na que quixen, sen resultado, auscultar as imaxes que bulen xa, supoño, na súa cabeciña. Xa ves, Antón, un contacto co gran misterio da vida que sempre me impresionou.

Espero que tal goce poida escusar, diante de ti e dos cantores vilalbeses, a miña ausencia do concerto. O malo é que, despois do que che dixen, non me é doado falarche das outras banalidades da vida que van enchendo as nosas cartas ao longo do ano, pero, en fin, digamos algo da Coral que, despois de todo non é tan banal, porque eu son dos que creen na música coma o gran agasallo de Deus en forma de linguaxe primordial para nos poñer en contacto directo e inmediato coa divinidade, sexa esta a das miñas crenzas ou sexa a das crenzas dos ateos, que algunha terán, digo eu.

Pois ben, téñolle apego a esa Coral que eu vin nacer e na que puxen o meu grao de area para que tivera existencia: aqueles ensaios primeiros na casa do Cerillas, a entoar “O Consolo”, lembras? aquilo do sol que escomeza a pórse / orade, di a campá .... Por certo, non se che acorda o moito que che insistín en que viñeses probar se valías para o canto?. Fíxeno, tamén sen resultado positivo, porque ben notei que non tiñas mal oído, a túa voz non desentoaba e o ambiente amistoso habíache compracer moitísimo, como nos acontecía aos demais. E, por riba, eras moi amigo do Antoñito Paz, do Goldar e do director, Alfonso, cura de Burgás. Pero, xa digo, nada, non quixeches participar: ti, tan túzaro coma sempre, malia ser moito máis novo ....

A última vez que vin actuar á Coral foi na misa de San Ramón, e atopeina moi afinadiña e conxuntada, e advertín mesmo a presenza dalgún novo compoñente coma o Tito do Ramallal, o que non deixa de ser unha esperanza. Sempre me pregunto que cumpriría facer para que tantos vilalbeses que cantan ben, mesmo moi ben, e que por riba se divirten cantando, se decidan a compartir cos coralistas o gusto da música. En máis dunha ocasión, ti mesmo, amigo Antón, tesme preguntado por que, habendo tantos estudantes no Conservatorio, non proliferan máis os creadores de grupos con iniciativas musicais propias, polo estilo do que foi Xorima ou Os Malos Hábitos, por exemplo. Non sei responder, pero por veces teño soñado con que aparecese algunha xente nova, con ansias de cantar, que lle dése á Coral un pulo de renovación, o que seguramente tamén sería do agrado dos actuais participantes. Ou mesmo, a creación de cuartetos ou octetos, ao estilo de Euskadi, que animase os veráns da vila. A propósito disto, lembro con agrado aqueles tríos de cordas que dulcificaban cos violíns os recunchos da praza con motivo da Feira Medieval, aínda que eu aquí estoume a referir especialmente á promoción do canto. Por certo, unha tarde atopeime por casualidade con catro exalumnos meus, vestidos de tunos, e ocurriuseme levalos por algúns bares e poñelos a cantar. A verdade é que cantan moi ben, pero non te podes imaxinar, Antón, a cariña de satisfacción que se vía nos seareiros dos bares. Foi nesa ocasión cando volvin a me preguntar se haberá xeito de animar á mocidade. Ti mesmo, meu amigo, fálasme moito dun caso como é o das Pandereteiras de Andrade que, por fortuna, senten a Galicia en plena Chaira. Ben me lembro delas, pero déixame soñar con moitos máis vilalbeses a cantar na Coral, ou a cantar pola súa conta ou as dúas cousas ao mesmo tempo, porque, como ti me dis a cotío, primeiro é soñar e despois facer realidade aqueles soños, un traballo espléndido a realizar polos animadores da cultura.

Nada máis por hoxe, e non te queixes. Recibe unha forte aperta do teu amigo,

Bernardo 

24/10/2010

Home de partido, home partido

Xulio Xiz

Enriqueta Otero, comunista convencida durante toda a súa vida, militante antes, despois e durante a guerra, autoproclamada Secretaria da Pasionaria, que se enfrontou á garda civil a punta de pistola, tenme dito moitas veces: "Mira Xulio, acórdate sempre do que che digo: Home de partido, home partido", porque entendía que os partidos políticos estarían sempre por riba das persoas, sen considerar a posibilidade de que alguén nunha organización así puidera pensar e obrar libremente, non acomodándose á disciplina do Partido, ou mesmo pensar de xeito diferente.

Non é porque mo dixera Enriqueta, pero a min sempre me gustou poder pensar e obrar como quixera, aínda equivocándome, e por eso nunca pertencín e coido morrerei aínda que tarde sen pertencer a unha organización que esixe unha comunión tan directa e exclusiva con determinadas ideas.

Esto ven a conto porque me chama a atención o dilema que teñen que estar vivindo os socialistas vilalbeses, optando entre seguir a disciplina do Partido, e atender a realidade da comarca que directa ou indirectamente se vai ver fortemente influída polos problemas que aqueixan á térmica das Pontes co Decreto do carbón que deixa arruinadas ás centrais que consuman carbón de importación.

O Decreto procede do Goberno Central, que apoia o deficitario carbón nacional, industria en decadencia á que hai que apoiar para evitar unha catástrofe laboral, e que esquece ás centrais coma as de As Pontes e Meirama que queiman carbón de importación que entra en Galicia polo porto de Ferrol.

Todas as decisións políticas son difíciles, e esta máis. Pero independentemente do apoio ó carbón nacional, resulta que As Pontes e Meirama sufriron, coa aquiescencia do goberno, unha profunda transformación técnica para acomodarse ó carbón de fóra, investindo cuantiosas cantidades, e conseguindo reducir radicalmente a contaminación.

Chega este momento no que se apoia o carbón nacional, e estas centrais están abocadas ó seu peche e o goberno non o remedia corrixindo esta última normativa.

O goberno do PSOE mantén a súa postura, e nada indica que vaia contemplar solucións para estas dúas centrais galegas. E velaquí que o PSOE de Vilalba non só apoia moralmente a concentración de apoyo ás centrais, senón que mesmo puxo a disposición dos veciños protestadores autobuses para acudir á manifestación e sumouse a un peche de protesta pola repercusión que as medidas tomadas van ter para As Pontes e toda a comarca, na que Vilalba –a efectos laborais e económicos- está incluída.

Por eso dixen que me chama a atención o dilema dos socialistas vilalbeses, que debendo obediencia ó goberno central e á estructura do partido toman partido –valla a redundancia- pola realidade social e protestan, ou axudan a protestar, contra unha decisión que perxudicará gravemente ás xentes de Vilalba.

Ó mellor é un toque de atención ós aparatos dos partidos, dando a entender que está moi ben a disciplina mentras non toque os intereses da xente que vive do seu traballo, que primeiro está a xente e a súa realidade ca os partidos e os gobernos, sexan do signo que sexan.

Chamoume a atención o xesto do PSOE vilalbés. E aínda que para moitos non se entenda ben, a min gustoume polo que ten de rebeldía, e de saber con quen hai que estar.

Mostra de Jane & Louise Wilson no CGAC

Redacción.-

Hoxe as 20.00 horas inaugurouse no Centro Galego de Arte Contemporánea a exposición Jane & Louise Wilson. Tempo Suspenso; unha mostra en coprodución coa Fundaçao Calouste Gulbenkian de Lisboa e comisariada por Isabel de Carlos. A mostra, que permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de xaneiro no hall, dobre espazo e baixo do centro, recolle desde a primeira obra en vídeo das artistas, Hypnotic Sugestión 505 de 1993 ata a máis recente, Songs of my Mother de 2009, sempre co estudo da conciencia e a fenomenoloxía como trasfondo temático.

Xunto a elas, un amplo abano de filmes, fotografías e algunhas obras inéditas, como unha serie de esculturas producidas especificamente para o espazo do CGAC, na que suporá a mostra máis completa das Wilson en España. Na proposta cobra especial protagonismo a peza Unfolding the Aryan Papers (2009), con fotogramas e material de arquivo da longametraxe sobre o Holocausto na que traballou Kubrick, malia que finalmente, non puido filmar. Sobre esta peza xirará o concerto de música electrónica Dislocated Frames a cargo de YUAF, dentro do ciclo Música e arte que terá lugar o vindeiro martes 26 de outubro no auditorio do Centro.

Centrada na memoria histórica, a obra das xemelgas Wilson recupera lugares baleiros, áreas evacuadas sen control ou espazos perdidos e abandonados, nunha viaxe que ten tanto de tempo psicolóxico coma de arqueoloxía de lugares e vivencias. Esta mostra transpórtanos a un tempo suspenso entre épocas, da segunda guerra mundial á actualidade; entre narrativa, da cinematográfica á cotiá; e entre referencias artísticas, de Alexander Rodchenko a Stanley Kubrick.

As artistas Jane e Louise Wilson pertencen ao famoso grupo Young British Artist, formado a finais dos oitenta, e estiveron nominadas ao premio Turner en 1999. Agora, en coprodución coa Fundaçao Calouste Gulbenkian de Lisboa e comisariada por Isabel Carlos, o CGAC trae a unha mostra única de pezas fílmicas, fotografías e esculturas. Fernández-Campa asegurou que este traballo “amósanos o labor de vangarda que dende principios dos anos noventa veñen desenvolvendo unha das parellas máis influentes da expresión artística dos últimos tempos”.

22/10/2010

Humor


Mañá celébrase a II Xornada da Crítica Galega

Redacción.-

A Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración co Consello da Cultura Galega, organiza a II Xornada da Crítica Galega, baixo o epígrafe A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil. A xornada celebrarase o venres 22 de outubro no Salón de actos do Consello da Cultura Galega, no 2º andar do Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela.

A II Xornada da Crítica A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil é unha continuación da I Xornada da Crítica Galega realizada pola Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Foi concibida daquela como un encontro entre profesionais diversos do mundo da cultura para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria. Nesta ocasión, céntrase na crítica que se ocupa da Literatura Infantil e Xuvenil, nas súas diversas manifestacións.

Esta nova xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e coa cultura galega en xeral, pretende ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver na actualidade no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, vasca, castelá e portuguesa.

O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria que se ocupa da Literatura Infantil e Xuvenil, que reuna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debater os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.

O acto de inauguración da xornada, previsto para as 10,30 horas, contará coa presenza de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega; Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG e Blanca-Ana Roig, en representación da Sección de Crítica da AELG.

Pola mañá haberá dúas conferencias: A crítica literaria académica da Literatura Infantil e Xuvenil galega, a cargo de Isabel Mociño González (Universidade de Santiago) e A crítica do libro infantil e xuvenil na prensa, que dictará Xosé Manuel Eyré (Comisión Executiva da Sección de Crítica).

No serán celebrarase unha mesa redonda sobre A Literatura Infantil e Xuvenil na crítica literaria ibérica, con participación de José Antonio Gomes (Escola Superior de Educaçao do Instituto Politécnico do Porto); Mari Jose Olaziregui (Universidade do País Vasco); Mª Victoria Sotomayor (Universidade Autónoma de Madrid) e Caterina Valriu (Universidade das Illas Baleares).

A xornada finalizará cun debate entre todos os asistentes, moderado por Mar Fernández (Universidade de Santiago e Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro)

21/10/2010

Entre políticos anda o xogo

Xulio Xiz.-

Non todos os días andan arredor de nós un Ministro do goberno central e un Conselleiro da Xunta de Galicia para inaugurar dous tramos de autovía, a que vai unir o norte da provincia de Lugo e de Galicia coa A-6, gran vía de acceso ó noso país desde o resto de España.

Sempre é interesante que veñan políticos de relumbrón á nosa comarca, porque ou traen importantes promesas ou veñen inaugurar, neste caso era inauguración, que aínda que parcial é tremendamente interesante polas repercusións no futuro das nosas comunicacións.

O que xa non é tan normal nin digno de destacar alomenos de xeito eloxioso é que dous políticos esquezan o seu papel institucional e se lancen mutuas acusacións de retraso nas obras da súa competencia, transformando un acto inaugural nun inadmisible conflicto entre institucións, no que non importa quen comezou (empezar, empezou o Conselleiro) e quen continuou, senón que o que interesa é o non saber manter o tipo, gardando as formas, por parte de representantes institucionais diante doutros representantes do pobo, elixidos para gobernar e para representar unhas institucións que sempre han estar por riba de calquera diferencia persoal.

Ao Ministro Blanco aínda lle quedaba un trago que pasar na capital lucense, durante a presentación do selo de correos dedicado á Muralla romana cando un grupo de sindicalistas traballadores de Correos e Telecomunicacións lle cantaban o “Ai, Pepiño adiós”, en versión especial motivada pola supresión de servizos de correo no rural.

As crónicas falan de tensión entre José Blanco e Agustín Hernández nas fronteiras da Terra Chá, no concello de Abadín, ó inaugurar dous tramos da Autovía 8 entre Abadín e Castromaior e entre Castromaior e As Touzas, nun acto que tiña ser ledo e tranquilo, como un adianto do que acontecerá na próxima primavera cando se inaugure o tramo entre as Touzas e Vilalba, ou no 2012 cando se prevé que remate esta gran obra.

A tensión evidenciouse nos parlamentos oficiais dos dous políticos, e tensión ó remate destas intervencións, cando a conversa entre os dous líderes deixou de manifesto que a cousa viña de lonxe, e que non facía falla moito esforzo analítico para entender que se trata dunha utilización partidista dun acto inaugural, un acto que resultou que viña formar parte dunha campaña electoral que dura xa demasiado tempo e que só rematará coas próximas eleccións na primavera de 2011. Que ó xulgar pola marcha que leva a campaña oficialmente non comezada vai utilizar todo tipo de armas, mesmo as que coidabamos non deberían empregarse nunca.

Os políticos debían ser conscientes de que unha inauguración oficial non é máis ca un acto normal que podería protagonizar calquera xefe de negociado. Que o importante é a obra, para a que os cidadáns lles damos – a través dos presupostos xerais do estado- a financiación correspondente. Que o que eles fan non é outra cousa que administrar eses fondos, e organizar administrativamente a realización das obras. E unha inauguración non é máis ca o recoñecemento de que un persoal e unha institución cumpre co seu traballo. Nada máis.

Todo o demais é un sensentido. E os dous políticos protagonistas do caso, a estas alturas deberían estar razonablemente avergoñados, se é que a política non lles ten cauterizado xa o sentido común.

Presentación de 'En defensa do Poleiro'

Redacción.-

Mañá xoves, día 21, ás 20,00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña, terá lugar a presentación do libro colectivo En defensa do poleiro da editorial Toxosoutos.

É este un libro colectivo, iniciativa da “Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova”, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos.

Neste acto estarán presentes os representantes da Plataforma, o presidente e secretaria da AELG: Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas, así como a totalidade dos autores do entorno coruñés que participan nesta iniciativa: Olga Patiño, Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco X. Fernández Naval.

Expoñeranse tamén as ilustracións da pintora Mané Boán que ilustran o libro e proxectarase o audiovisual: “O IESPLICABLE”.

20/10/2010

Balthus

Bruno Marcos.-

Desde o comezo das súas memorias Balthus preséntanos unha contradición extrema. Malia vivir as Vangardas Históricas, todo o século XX e os inicios do XXI, ninguén podería dicir que se trata dun artista como os outros, nin sequera dun artista contemporáneo. Retirado nun "amplo" chalé con ducias de habitacións e centos de xanelas, no medio da natureza, casado cunha xaponesa, confésase católico practicante, que pinta como reza e produce unha obra que parece doutro tempo ou de ningún.

Relata como o ía visitar Picasso. Subía cinco pisos a pé até o seu estudo de París, "había" -escribe Balthus- que ter ganas de ir a verme" e dicíalle Picasso: "Es o único artista da túa xeración que me interesa. Os demais queren ser como Picasso. Ti non."

Balthus ao recoller este detalle expón unha cuestión con varios niveis de lectura. En primeiro lugar establece unha irmandade superior da gran arte por riba dos estilos á que Picasso recoñece a pertenza de Balthus. Balthus, doutra banda e en segundo lugar, non ten a necesidade de facer unha pintura como a de Picasso, non quere ser como os demais, outros Picassos, pero déixase lexitimar polo seu comentario, negándose a ser un Picasso seduce a Picasso pero de xeito que tamén lexitima a Picasso.

"Sempre comezo un cadro rezando" confesa Balthus e engade: "Como a maioría dos que se adican á chamada arte contemporánea son uns imbéciles, uns artistas que non saben nada de pintura, non estou moi seguro de que esta formulación teña moito eco, de que se comprenda sequera". Con todo, o valor da súa obra aumenta precisamente porque se dá nese ecosistema de imbecilidade contemporánea na que ten un lugar privilexiado, de cando en vez, a resistencia, a diferenza. Nun ecosistema homologado aos valores de Balthus o propio Balthus quedaría diluído de xeito que o seu éxito foi debido a ser incomprendido.

19/10/2010

Poesía

Luz Airado.-

Fuxida aos adentros da máis virxinal existencia habida e por haber,
alí onde se agocha, miña xoia,
o sangue glorioso do teu sangue
do que bebe á boca chea esta forza creadora de versos e versos de papel
adicados a ti.
Poesía é a soeira das túas verbas estreadas por terceira vez na madrugada,
esas que texían unha etérea filigrana
coa que a lúa cinguía o meu corpo sendo aínda unha cativa.
Coitada de min créndome invadida pola vella arte das Aureanas!
Cando só ti eras quen enchías aquela incipiente vocación,
a mesma que agora vaga dubidosa na busca das súas raíces.
Entenderás que eu non fun parida para isto da palabra en verso,
que o que escribo na ialma e me escoce nas adentras
non atopa unha curta existencia no pensamento apolíneo nin na súa voz,
que crín algún día na beleza das verbas enxebres da miña xente
e entregueime a elas en verso e en prosa descubrindo o primeiro amor.
Logo chegaches ti ás miñas veas aínda tenras, amor platónico,
e quixen encontrar maliciosamente a palabra insaciable de entre as túas faccións
neste tempo desterradas.

18/10/2010

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 15 outubro 2010

Meu amigo Antón

Alégrame moito cando me chamas para facerme preguntas ás que debo responder nesta carta semanal. Alégrame, porque, se non, non sabería de que che falar. Pero agora, desque andas ao lonxe, as túas preguntas multiplícanse e a túa curiosidade volvese insaciable. O que pasa é que a moitas das túas demandas non sei responder, sobre todo responder con xeito, porque me falla a información: ben sabes, o máis do día estou en Lugo e cando chego a Vilalba pola noite a penas me atopo con ninguén mentres dou o meu paseo. Por certo que xa che dixera nunha ocasión, hai tempo, que ía fundar unha asociación que levase o pomposo nome de SOSVI, é dicir Serenisima Orde dos Serenos de Vilalba. A cousa viña dos meus recordos de neno e adolescente cando todos coñeciamos perfectamente aquela figura do sereno (o Cubano, para máis precisión) que facía un labor impagable, porque pasaba a noite enteira, co seu gorro e o seu chuzo, a percorrer as mesmas beirarrúas que eu pateo cada noite. O caso é que, como ti e máis eu temos comentado tantas veces, todo o mundo sabía onde atopalo axiña e contar así cunha axuda rápida e precisa ante calquera emerxencia, e iso, meu amigo, non tiña prezo.

Agora a cousa está moito máis modernizada, xa que aumentou o número de policías municipais que, ademais, sérvense de coches; pero o problema é que non é doado atopalos coa rapidez que sería precisa. E falo por experiencia. A cantidade de xente viaxeira que se detén, pola noite, a recadar informacións de certa urxencia é moita máis da que imaxinamos, e acabo por ser eu a única persoa que atopan para exercer o imprescindible servizo informativo. Nalgunha outra ocasión atopeime con casos moi graves de xentes sen teito e sen cartos, disposta a durmir á intemperie, aterecidos polo frío vilalbés que, como ben sabes, non é pouco. Pois a ti, meu Antón, ben se che acorda, porque cho teño contado, que non me foi nada doado atopar axiña algún funcionario que lles puidera dar algo de solución para que non amencesen tesos coma fungueiros. Así que matinei en organizármonos os que gustamos de pasear pola noite para, ao mesmo tempo, facer ese labor de axuda; pero nada, todo quedou en que o presidente de tal asociación son eu, e conto cun único socio que tamén son eu. Xa ves, Antón, que é verdade o que ti me dis a cotío: non teño dotes de organizador.

E aí tes, xa me enrrollei máis da conta, coma sempre, e, sen querer, deixo escrita media carta. En fin, volvendo a coller o fío, o que che quería dicir é que, como a miña vida vilalbesa é nocturna e case non vexo a ninguén, non son quen de recoller información para responder ás túas preguntas de curiosidade ilimitada. Antes aínda vía ao Luís do Serafín ou ao Chente da Ferrería ou mesmo o Docho que me poñían ao corrente, pero agora non dou con eles, supoño que saen máis cedo.

Dixéchesme que che falara de como vai a vida no Concello. Pois, meu amigo, eu ben quixera informarte, pero, claro, non vou aos plenos (non podo, aínda que debería) e, por outra parte, os meus amigos que ás veces van, esta tempada tamén andan alleos dabondo a canto se coce na vida oficial do municipio. Leo a prensa, iso si, pero tampouco hai demasiadas noticias. E isto é o grave. Se cadra, equivócome, pero teño a sensación de que non hai oposición ou, de habela, non funciona, porque a penas aparecen críticas ou disputas sobre as propostas e os feitos da alcaldía. E se non hai dialéctica, evidentemente tampouco hai vida. Chegaron mesmo a me comentar que hai pouco tempo os da oposición presentaron algunha moción para que o grupo de goberno demandase cousas que, polo visto, xa estaban concedidas, e os da moción deberían sabelo, pero non se decataran. E así, as cousas non van ben. Aínda que non fose máis que por mover o ambiente nesta época en que xa se sente a proximidade das eleccións, era de esperar que as intervencións dos concellais da esquerda fosen máis abundantes, máis penetrantes e máis pertinentes, contando co Irimia, claro. Pero, xa digo, se cadra, ando equivocado e nese caso pido escusas.

Onte escoitei na radio que algún dirixente socialista acusou ao alcalde de non ter ido ás Pontes para defender os postos de traballo ameazados polo decreto das minas. A acusación é moi discutible, pero a resposta da autoridade que eu oín foi especialmente curiosa: viña a dicir, se non entendín mal, que os socialistas deberían calar, xa que non poden alardear de defensores do traballo porque Zapatero é o culpable de todo. Supoño que quixo dicir que tamén é responsable da política vilalbesa, xa que diso se trataba. Por certo, será tamén o presidente o culpable de que o alcalde non quixera reducir algo os seus emolumentos, ao menos coma expresión simbólica de resposta á crise, como, por certo, estamos a facer todos os funcionarios?. Despois de todo, disque cobra máis de dez millóns de pesetas anuais, tanto ou máis ca moitos alcaldes de cidades moi importantes. Xerardo é listo, ben o sei, pero desta vez deixou escapar o que sería un bo xesto pola súa parte. Non sei o que opinas ti, meu Antón, pero estas son algunhas cousas da nosa municipalidade que che ofrezo mentres agardo os teus comentarios ... publicables.

Non quero nin debo ocupar máis tempo desta emisora, así que vou rematar, pero non quixera deixar de aludir a unha das túas preguntas que se interesaban polas actividades culturais. Sorprendeume, porque ti non es precisamente un seguidor dos asuntos culturais, pero seica soubeches polos do IESCHA que unha coñecida túa por parte de pai, veciña de Castro de Rei e profesora en Vilalba, Carme Cabaneiro, ía expoñer unha parte importante da súa obra pictórica no salón do auditorio vilalbés. Efectivamente así é, e eu non me privei de ir véla e facer un percorrido demorado e contemplativo. O seu estilo xa o coñecía, e alí está en todo esplendor: colores suaves anti-stress, moi expresivos, e, omnipresente, unha figura de muller desposuída de todo artificio, mesmo sen pelo, que a autora converte en palabra, na súa palabra, coa que trata de abarcar a realidade, coma se declamara un poema. De feito, a exposición titúlase “palavras” (sic). Ti, Antón, disto non entendes nada, pero impóñoche que, se che cadra vir pola vila, non deixes de achegarte ao auditorio: teño a sensación de que gozarás vendo aquela moza que na simplicidade de liñas sen aderezos, converte en palabras o seu ollar, a súa postura e a disposición do seu corpo no conxunto de cada cadro, e cada palabra fala de tenrura ou de desacougo ou de esperanza. E, para regalo engadido, hai tamén uns cadros doutra pintora, para min descoñecida, pero que me chamou moito a atención. Creo que se chama Beatriz. Ten un estilo moi peculiar onde as palabras son reais, palabras escritas, pero non son para ler senón para que, xuntas, se transformen nun rostro que se fai adiviñar, coma se estivera agochado por tras delas, deixando de cando en vez, ben destacados, uns ollos e unha boca, tal como se observa nun autorretrato que se fai a autora. Meu amigo Antón, vale a pena. Chámame cando veñas pola vila e eu acompañareite encantado. Así, ao tempo que che explico, aproveito para ver de novo esa exposición.

E por hoxe nada máis

Xa sabes canto te aprecia o teu amigo

Bernardo

16/10/2010

Con “L”, de lamentable

Moncho Paz.-


Mentres crece a cotización de Chile tras o espectacular rescate dos mineiros de San José, non se pode dicir o mesmo do Estado español, onde a reputación e a súa imaxe de marca internacional perde enteiros cada día que pasa. O pesimismo reinante na economía e o lento camiño da recuperación fan que se instaure na cidadanía un sentimento de negatividade; isto é cada vez máis patente en escenas cotiás e semella o ritmo de fado que viviron os nosos veciños portugueses tras o cambio ao euro.

As previsións actuais auguran que a economía seguirá estancada nos vindeiros meses e non se aprecian síntomas que indiquen unha saída da crise a medio prazo. No entanto, seguimos coas anécdotas políticas, como a teima do candidato popular á alcaldía de A Coruña en recuperar o “L” para o topónimo da cidade herculina, nun delicado momento no que a economía española está a debuxar precisamente un crecimento en forma de "L" (contracción do PIB e incremento do paro) e cunha data incerta de saída da recesión, segundo o FMI. Iso é o que debería preocuparlle ao señor Negreira.

Con “L” de lamentable pódese calificar a súa actitude populista, orientada a conseguir votos pola vía fácil, con mensaxes simples e discursos maniqueos. Como lamentable tamén foi o comportamento de grupos minoritarios de extrema dereita, que durante o pasado 12 de outubro dedicáronse a torpedear o acto oficial en Madrid, sen amosar ningún respecto polo protocolo. E igualmente lamentables as palabras de Esperanza Aguirre, cando apela á liberdade de expresión para xustificar a quen asiste ao desfile do 12-O con plantexamentos parecidos aos do 20-N.

Non consiste en conseguir o poder a calquera prezo, atendendo unicamente ao que marcan as enquisas e coa estratexia do desgaste permanente; ese xeito de proceder non vai coa maior parte da sociedade. Unha “leal oposición”, se fixera un exercicio de responsabilidade, debería plantexar xa un borrador de programa alternativo, aportando solucións. E non emular aos activistas do Tea Party, cun discurso tan valeiro de contido como aquel de “recuperar América para os americanos”, que dalgunha maneira xa se percibe no ambiente co manifesto rancio de “Recristianizar España”. Atemporal e lamentable.

Inaugurada a mostra 'Un ceo de farrapos', de Moscardó

Redacción.-

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, asistiu onte xoves ao acto de inauguración da mostra de Luís Moscardó “Un ceo de farrapos”, que tamén contou coa presenza da directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, ademais de Luís Moscardó, o propio artista, pintor valenciano vinculado coa Terra Chá luguesa. A mostra, que permanecerá na sala de exposicións da Deputación de Lugo desde hoxe ata o vindeiro 12 de decembro, está composta por arredor de medio centenar de collages que se complementan con versos de Margarita Ledo Andión e de Luis Pimentel.

Antón Bao voltou a agradecer a Luis Moscardó o esforzo e o traballo, e deulle os parabéns por axudar ao público a “reler e comprender a Pimentel e por ofrecernos este anovador rostro da súa poesía, unha poesía que Fole definía como fonda, un tanto angustiada, envolta en luz melancólica”. Luís Moscardó parte da observación, dunha percepción sensitiva e sensorial do mundo e da vida e do cambiante da paisaxe e constrúe un mundo visual de imaxes que se debuxan para intentar de novo ser algo que xa foron. O pintor dálle imaxe á poética pimenteliana a través da súa propia experiencia, constituíndo as súas obras un corpo común de unión entre os dous autores. A fascinación que a obra de Luís Pimentel produciu en Luis Moscardó fixo que esta se reflectise na súa produción artística como inspiración, motivo e pretexto.

A relación da literatura coas artes plásticas é unha constante ao longo da historia, e na mostra de Luis Moscardó tamén se afonda nesta unión. As obras aparecen vinculadas aos versos de Pimentel nun xogo de imaxes e palabras que se sosteñen mutuamente e que proporcionan unha visión nova e orixinal ao público que se achegue a visitala. Dentro da produción artística de Moscardó existe unha inspiración oriental e unha poética de aparencia sinxela pero sempre complexa en simbolismos, que impregna a súa obra e que queda tamén patente nesta nova e inédita serie.

15/10/2010

III Ruta por Galicia adiante

Redacción.-


O Instituto de Estudios Chairegos organiza para o domingo, día 24 de outubro, a III Ruta “Por Galicia adiante - Andando a Terra... do Val de Lóuzara”: Roteiro Literario Fiz Vergara Vilariño. As persoas que participen nesta III RUTA, poderán contemplar as fermosas paisaxes do Val de Lóuzara, un lugar máxico, cunha accidentada orografía e con altas montañas desde as que descenden incontables regatos que regan despois os fondos vales. Así mesmo, poderán contemplar as diversas esculturas que percorren o roteiro artístico-literario auspiciado pola Asociación Cultural Ergueitos na honra do poeta Fiz Vergara Vilariño.

A saída do autobús hacia Lóuzara-Samos, realizarase dende as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba, e está programada para as 9.30 horas do domingo, 24 de outubro de 2010. A ruta iniciarase no alto de Aira Padrón, descendendo ata a parroquia natal do poeta Fiz Vergara Vilariño, en Santalla de Lóuzara.

A continuación, terá lugar a comida na Casa Rural de Aira Padrón. O custo por participante fixouse en 25 €, para os/as socios/as do IESCHA, e 35 € para os non socios (inclúe comida e autobús). Os nenos e nenas menores de 16 anos pagarán 5 €.
As persoas interesadas en participar ou informarse da Ruta poderán facelo nos teléfonos:639-246459 // 651-361628, ou comunicalo directamente a calquera membro da Xunta Directiva, ata o sábado, 16 de outubro.

Douscentos alumnos para a Tradescola

Redacción.-

O mércores 13 de outubro comenzou un novo curso da TRADESCOLA, o centro de ensino da música e do baile tradicional xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, entidade asociativa que representa á xente relacionada coa música e o baile tradicional de todo o país. A Asociación de Gaiteiros Galegos é a única entidade asociativa de carácter galego que aglutina, entre os seus asociados e asociadas, a persoas vencelladas á música e o baile tradicional nos seus diferentes eidos. Esta asociación conta hoxe con máis de 800 socios en toda Galiza e no resto do mundo.


A Tradescola, situada na cidade de Lugo, é un centro de formación especializado, cunha proposta educativa destinada a que o alumnado adquira unha formación integral na música e no baile tradicional. A maiores das aulas impartidas no centro, coa intención de complementar a formación do alumnado, e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, impártense cursiños monográficos, concertos didácticos e realízanse outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional como conferencias, exposicións... O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

A TRADESCOLA conta no seu equipo docente con 9 dos mellores mestres no eido da música tradicional para impartir as aulas de: zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación. Os mestres e mestras implicados neste proxecto educativo son: Bruno Villamor, Mª Carmen Saborido, Luis Correa “ O Caruncho”, Xerardo Quintela, Xabier Iglesias, Pedro David Lamas, Begoña Lorenzo, Xela Conde e Xose Lois Romero Cajigal. Todos eles son recoñecidos profesionais e contan cun dilatado curriculo, como músicos e como docentes, no eido da música tradicional galega.

A escola conta con catro aulas onde se imparten as clases, unha sala de reunións e un despacho de administración e está situada no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Rúa Pintor Corredoira Nº 4 )

A matrícula da Tradescola permanecerá aberta ata finais de outubro
A Tradescola inicia o mércores as aulas de música e de baile tradicional con preto de douscentos alumnos, e o prazo de matrícula aínda permanecerá aberto ata finais de Outubro. (nos locais da Tradescola, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas).

O custo da matrícula é de 130 € por materia para os socios da AGG e de 160 € para os non socios. Se un alumno se matricula en máis materias, ten un desconto nas mesmas. Na escola poden inscribirse persoas de tódalas idades (nenos a partir de 6 anos), para niveles de iniciación ou perfeccionamento.

As clases impártense en horario de tarde e de luns a venres.

14/10/2010

Un rexime que dura nos seus espectros

Fermín Bouza.-

Non somos un grande exemplo de boa conduta os seres humanos, aínda que os hai desa clase, pero son os xustos para facernos rir aos malos, que somos os demais. Boa parte da cidadanía clama para que se bote a algúns irregulares, xentes sen traballo e sen nada que piden un lugar ao sol, pero silencian as corrupcións múltiples dos políticos, ou non as teñen en conta.

Tras a guerra civil, moitas persoas de ideas republicanas que estaban máis ou menos fuxidas foron denunciadas polos seus amigos, veciños, coñecidos... e paseadas ou executadas regularmente. Moitos cregos andaron nestas e outras cousas semellantes. Unha vez coñecín a un que se deleitaba contándome os fusilamentos aos que asistía e como os roxos non se arrepentían dos seus pecados para que lles dera a extremaunción.

No franquismo algúns cidadáns tamén denunciaban á policía aos seus coñecidos que andaban en movidas políticas. Aínda duran a día de hoxe os apoloxetas dos alzados contra a vontade popular (un candidato á alcaldía d´A Coruña é gran admirador de Millán Astray, o de "morra a intelixencia e viva a morte").

Facíame estas reflexións lendo un artigo de Suso deToro en El País-Galicia (Madrugada de setembro) que lembra algunhas destas cousas, e como a xente que apoiaba ao réxime facíao desvalorizando aos activistas. Isto vivímolo así, directamente, conxugando o intento de chegar máis lonxe e a soidade que ás veces che ofrecían os que debían ser máis propicios. Vivimos estas cousas en diversos graos de gravidade: tivemos compañeiros delatores, xentes que se facían pasar por antifascistas, xentes que usaron o seu poder grande ou pequeno tras a morte de Franco para ir, precisamente, contra os antifascistas. Xentes que chegaron ao poder de mans de UCD, PP ou PSOE e comportáronse en todos os seus actos como xentes do vello réxime, mesmo con actividades encamiñadas a marxinar aos demócratas, aos que moitos deles consideraban os seus inimigos.

Moitos seguen aí, e nós coñecémolos. Forma parte dun memorial non escrito que sempre vai connosco. Foi todo moi duro, pero o cambio foi a mellor, aínda que lonxe (tan lonxe!) dos mínimos soñados. Se eu contase as miñas impresións fundadas sobre eventos e persoas daquel tempo tería que contalas alongando o relato até o día de hoxe: ese continuo, no que viviron a pracer as xentes máis sinistras, aínda segue sen rachar.

E tivemos que ver a auténticos ignorantes ocupar praza de sabios nos ministerios máis próximos ao noso traballo, e desde alí reprimir ou bloquear á xente máis decente e mellor preparada. E vimos a xentes sen maior vergoña histórica presumir do seu pasado antifranquista. Cando pensas en todo iso é inevitable que se che coloree a cara de vergoña allea. E a saúde que non falte.

13/10/2010

A escola que nos tocou

Paulo Naseiro.-

O moi recomendable blog Terras de Friol recupera este documento histórico excepcional, gravado en 1979 e pertencente a aquel programa da televisión estatal chamado "Vivir cada día", que amosaba con frialdade documental a vida cotiá dunha España rural en transo de desaparecer baixo o imparable proceso de cambio social que, a partir dunha acelerada industrialización da economía, urbanizou a poboación.


O interese sociolóxico e antropolóxico da reportaxe é innegable, pois presenta moitos dos riscos que caracterizaron a infancia no rural galego na segunda metade do século XX: as concentracións escolares e o transporte escolar, o traballo infantil, a precoz responsabilidade da nena que coida dos irmáns... 

Pero, se cadra, o máis chamativo para os que non viviron aquela época sexa o esforzo de aculturación que guía a un sistema educativo con trazos moi cercanos á xenofobia. O discurso da mestra acerca do "bilingüismo", en realidade unha ferinte diglosia, é abondo significativo e, se cadra, non require de moitos comentarios.

Para os "baby-boomers" galegos, aqueles que asomamos a cabeza nos anos 60 e 70, estas eran escenas ben cotiás. Ensino monolingüe, desvalorización da cultura propia... Por non haber, nin sequera houbo unha asignatura de galego até 1982, e entón non foi máis ca unha "maría" á altura da plástica ou da ximnasia. Entón, se hai quen considera a paridade (50-50) do anterior decreto do galego, unha "imposición"... como calificar o que este video nos mostra?

12/10/2010

Acumulación de accidentes

Xulio Xiz.-

En moitas estradas hai letreiros que anuncian que nun momento determinado recorremos un “tramo de acumulación de accidentes”, para avisar ós conductores das especiales circunstancias que concurren na zona, que fan que se orixinen máis sinistros.

Se ata agora non o ten, ben merece un destes letreiros a estrada que desde Rábade vai a Vilalba, que cada certo tempo vai esixindo sacrificios humanos, dos que o último por agora se producíu no momento aproximado (domingo, 3 de outubro) en que eu circulaba entre Lugo e Ourense en condicións especialmente difíciles.

Eso faime pensar nos contrasentidos que se producen, cun gravísimo accidente nunha estrada que non parece ter problema algún para a circulación. E a non existencia destes na interminable estrada entre Lugo e Ourense, cunha choiva infernal e condicións totalmente adversas.

A maior parte do tráfico que parte da capital lucense vai cara o norte por Vilalba ou cara o noroeste pola Nacional VI. Moito menos hacia Ourense, sendo na actualidade unha incógnita de se hai menos relación con Ourense porque as comunicacións son malas ou as estradas son dificultosas porque cara a Ourense vai pouca circulación.

Na estrada Lugo-Ourense téñense rexistrado importantes melloras, eliminando curvas e pasaxes perigosos, desviando o tráfico nas poboacións de Taboada e Chantada, pero aínda así as condicións que os automovilistas atopan nas súas viaxes son impropias dos tempos de hoxe e dunha vía principal.

Ábrense agora dous tramos da autovía do Cantábrico na provincia de Lugo. Son algo máis de nove kilómetros de autovía, cun custo mareante de trinta e oito millóns de euros.

A gran vantaxe desta nova vía, como a de todas as do seu xénero é que razoablemente non deben producirse choques frontais coma o que comento, que son os que producen o maior número de mortes na estrada.

Unha boa solución á circulación entre Rábade e Vilalba é utilizar a autovía ata Baamonde e desde Baamonde ir a Vilalba directamente, rodeando uns kilómetros pero con moita maior seguridade. Esto mentras non rematen as interminables obras que entre Rábade e Vilalba se están facendo para facilitar cruces e desvíos, e que parecen non ir rematar nunca. De todas maneiras, habendo unha estrada dereita entre Rábade e Vilalba parecería moi extraño recomendar un tramo máis longo e máis seguro para evitar unha zona presuntamente problemática.

Puidera ser que os conductores extrememos as precaucacións tanto máis cando maiores sexan as dificultades, relaxando a atención en lugares de plena visibilidade e onde non parece haber problemas importantes.

Daí a colocación dos letreiros que ó principio mencionaba, como toque de atención ós conductores sobre un tramo especialmente problemático aínda que aparentemente non revista dificultade.

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-
Lugo, 8 de outubro do 2010

Meu amigo Antón

Supoño que non che molestará que lle conte aos nosos oíntes algo da conversa que tivemos onte á noite mediante os nosos teléfonos móbiles. Na carta anterior xa expliquei para quen nos escoite, que tiveches a sabia decisión de utilizar este trebello ao que te resistías fortemente, quizais por medo a non entenderte con el, como ti me explicaches, aínda que eu siga a crer que a razón principal non era esa senón a de non gastares os teus cartiños en mercalo. E a verdade é que non sei para que queres máis euros, pois tes dabondo para vivires sen anguria o tempo que che quede, e, por riba, nun caso de apuro, tes o apoio dos teus fillos; pero en fin, así son as feblezas humanas: por moi vello que un sexa, a ambición do diñeiro, de posuír cousas, segue a ser moi grande. Claro que sempre se pode explicar. Se cadra, o feito de dispoñer dalgúns aforros pode atraer cara a ti a consideración e o cariño dos netos, un xeito de mercar o seu agarimo; ou pode ser tamén unha manifestación de autonomía propia en relación co resto da familia, coma se lles dixeses: estou con vosoutros, pero tamén podería amañarme sen o voso coidado. Despois de todo, esta é unha actitude moi actual, moi moderna, a de non dependermos de ninguén. Sempre penso niso cando, ao saír da casa polas mañás, contemplo a tanta xente de idades avanzadas que fan cola para comprar o cupón do Xacobo ou as loterías na casa do Rosendo Formoso.

Pero ben, non era diso do que che quería falar nesta carta. Quería referirme a unha anécdota do que lle aconteceu a unha amiga túa e coñecida miña cando ía apresurada pola rúa da Raíña, en Lugo, cara a manifestación o día da folga xeral. Ela contoucha entre risas e ti quedácheste aparvado sen saber como reaccionar. Entón colliches o móbil para que eu che explicara por que aquela muller lle daba tanta importancia ao acontecido. Ao final, todo era cuestión dunha palabra que non entendiches. A min paréceme que vale a pena reproducir aquí a túa narración por se os nosos oíntes queren apreciar a catadura moral do acontecido.

O caso é que, polo visto, a túa amiga pensou en mercar unha chucharía nun establecemento que tiña as portas a medio pechar mentres o propietario estaba vixiando desde fóra. Ela preguntoulle se podía entrar e el respondeulle (en castelán, claro) que agardase un anaquiño, que axiña ía abrir o establecemento en canto mesmo pasase toda aquela mugre. Ti evidentemente non sabías que era iso da mugre e polo tanto non entendiches por que á túa amiga lle respondera ao dono do establecemento de tan mala maneira. Pois ben, meu amigo, eu tiven que cho explicar: mugre non é o nome dun sindicato nin o dun novo partido nin dunha sospeitosa asociación cultural, non, mugre é o que cheira mal, o que fede a porcallento e sucio, o que é desprezable por desagradable. Espero que agora entendas o cabreo da túa amiga, e tamén espero que se alguén nos escoita pola radio se faga idea dos modos que empregan algúns lugueses que pasan por seren moi educados, ben considerados e mesmo xente fina. Podería ese señor estar en desacordo coa folga e mesmo estar anoxado cos manifestantes, estaría no seu dereito, pero, meu amigo, non puido resistir o se pasar ao insulto, porque, seguro que empurrado polo seu cabreo, fixo aflorar o prexuízo que levaba moi dentro, e do fondo da súa mentalidade xurdiu a súa idea de que facer folga e manifestacións é cousa das esquerdas e non de xente civilizada, inda que defendan os seus dereitos. Os conservadores tamén fan manifestacións de cando en vez, pero son manifestacións civilizadas, de xentes como Deus manda, que non lles piden aos comerciantes que pechen as portas. Os conservadores non son mugre, non, que se duchan a diario, ou que pensabas?.

Amigo Antón, supoño que me permites dicirlle aos oíntes que estes comentarios non son meus senón da túa autoría en canto soubeches o que era iso de mugre. Eu non fago máis que reproducilos. Pero engado pola miña conta que aquel comerciante debía medir os seus insultos, porque seguramente non matinou en que moitos dos que ían na manifestación terían mercado cousas no seu establecemento sen que o tal home se vira na obriga de botalos por falta de hixiene. Pero, en fin, aínda andamos como andamos de formas civilizadas.

E outra cousa, meu Antón. Dáme moita pena que andes, esta tempada, metido en médicos, sobre todo agora que, ao estares lonxe, fáltache o teu, o de toda a vida. Efectivamente, cadro de acordo contigo no moito que vale un profesional da menciña, médico ou enfermeira, que sabe estar preto dos pacientes neses momentos de anguria en que nos afrontamos aos nosos males. Están ben os especialistas, están ben os grandes expertos que che miran unha parte do corpo, a que lles corresponde, e non se fixan nas outras partes de corpo e alma porque non é da súa especialidade. Están ben porque fan falla e ás veces, por fortuna, logran o remedio. Pero os que vivimos nos pobos sabemos ben o que representan aqueles profesionais que son coma da casa, aqueles que mesmo parece que só con se presentaren diante do enfermo xa aportan un pouco de saúde. Aquí, polo teu mandado, tería que poñer nomes, pero non ouso facelo por non ferir aos que esqueceriamos inxustamente, pero, se che parece, aproveito esta carta para mandarlles da túa parte e da miña aos nosos médicos domésticos e amigos (eles ben saben quen somos) o agradecemento máis fondo polas palabras que nos din e os ánimos que nos infunden. Unha das cousas máis bonitas de vivirmos nun lugar pequeno coma Vilalba é a de podermos contar non só cun médico senón cun médico ou médica que ademais é amigo e que saben non facer moito caso das imposicións que lles veñen da Consellería para que non se paren moito con cada enfermo. A iso os burócratas chámanlle produtividade, pero eles, os  doutores, ao desobedecer un pouco as normas, están falando de amizade que é cousa máis bonita. Estou seguro de que quen escoite, estará pensando nun nome que lle resulta querido e que ten gardado no seu corazón. De novo, Antón, estouche agradecido por terme dito estas palabras que eu transmito coa miña aprobación e seguro que coa de moita xente.

E nada máis. Isto saíu longo en exceso, pero agora non teño gañas de abreviar e así o deixo. Recibe, na túa lonxanía compostelá, unha forte aperta do teu amigo

Bernardo

09/10/2010