A "Lei Sinde" ou o prezo dos soños

Xosé Manuel Pacho.-

Dende hai un tempo abriuse un debate que ten como protagonista a cultura e os seus valores. Semella de comunidades modernas e civilizadas que os políticos e a cidadanía reflexionen sobre un ben tan prezado. A crise apárcase, e esquecidas fican as miserias económicas dos que queren ser máis ricos a toda cosa, e as vergoñas sociais dos que xogan coas pensións, co pouco respecto á educación, á lingua, etc.

Agora, neste intre, xa non interesa a fusión das Caixas, nin sequera os beneficios e os soldos que haberían de provocar a vergoña das súas direccións, nin as aldraxes morais de obras sociais esquecidas, de discursos enfraquecidos pola permanente permanencia no poder, e a falla de escrúpulos. Perdemos de vista a loita das elites por substituírse, nos concellos e no Estado, a petulancia dunhas estruturas políticas que pensan que acuñando conceptos aparentemente novos como gobernanza falan de historias vellas como caciquismo e manipulación, indignidades que amosan moi pouco respecto ao pagador de todo: o cidadán. Haberá tempo para todo iso, eu, agora, en plena crise, quero falar da cultura, da defensa dun patrimonio, dunha lingua, duns valores cívicos que nos soñan ceibes. Do que debería falar a "Lei Sinde" e non fala, de fortalecer os suxeitos activos da cultura, os creadores, para que os suxeitos pasivos, os cidadáns, sexan máis fortes. O debate creado é outro que ten que ver cos beneficios das empresas, coa cesión de dereitos e a súa xestión a terceiras entidades, SGAE, CEDRO, por exemplo.

E así, confundindo cultura con industria cultural, espazos onde os artistas sofren unha tremenda desprotección. Por concretar, no sistema literario é habitual que non se liquiden dereitos de autor e non pase nada; que haxa editoras que reeditan textos sen permiso; que os tradutores estean terribelmente mal pagados. Que a cultura non valla nada. Nun país anglosaxón sería impensábel que unha colaboración nunha revista cultural ou en prensa non se pagase, aquí acontece xustamente o contrario. Os beneficios da creación, os dereitos de autor, oscilan entre un cinco e un dez por cento. Noutras palabras, de cada libro ou CD vendido, poñamos a quince euros, o creador recibe un. Quen queda co resto podemos preguntarnos? Editoras ou produtoras, distribuidoras, establecementos de venda de libros e música, entre todos eles reparten o noventa e cinco por cento que queda.

Que a cultura non vale nada, nesta época de relativismo ético parece normal. Porén, si que hai diferenzas entre unha sociedade madura e outra que non o é. E a "Lei Sinde" pretende facernos crer que os espazos de liberdade para a información, para a súa divulgación e o seu intercambio son un atentado contra a cultura. Non. Só temos que xulgar por nós mesmos e escoitar a natureza do debate. Iso si, hai que recoñecer que a industria cultural si que se preocupa polos creadores e creadoras, que son invitados a dar conferencias ás veces pagadas, e que comen de balde á súa conta ou á conta da utilización que os políticos, todos, fan da iconografía cultural. Son, somos, tan ben tratados como os touros pola industria taurina. Ás veces alguén recorda a Jabonero como demostración de arte, e tamén ás veces, algún gandeiro presume na praza dun animal da súa gandería.

Será o signo dos tempos, pero nunha sociedade onde as posturas críticas non teñen cabida, onde os xornalistas actúan manu militari como monicreques amordazados por unha magoante autocensura é que temos un problema. E defender unha lei como esta contra a transmisión libre da información, semella un erro formidábel, porque os espazos de liberdade non teñen prezo.

Con todo, teñamos esperanza. Creo nun país, nunha sociedade onde a cultura e a crítica teñan o seu espazo, onde a información, a rede, sexa útil e sirva para chegar onde a sociedade non alcanza: wikileaks, movementos críticos e antisistema... Porque a cultura, a información, debe ser a conciencia crítica, o músculo na metáfora de Leibniz, que nos axude a diferenciar, a discernir, a non deixarnos manipular. Se cadra, agardar por outras leis, por un Galiza que hoxe non existe sexa utópico, pero non esquezamos que as utopías, insisto, son o motor de cambio da realidade. E non deixemos que ninguén se atreva a poñer prezo aos nosos soños.

31 de dec. de 2010

Reseteando a cultura

Bruno Marcos.-

Nestes días asistimos a un dos acontecementos máis repugnantes dos últimos tempos cando unha das poucas cousas que se podía ver na televisión, a CNN+, deixou de emitir dando paso ao narcotizante logo do Gran Irmán 24 horas.

Os empregados da canle de noticias non sabían como romper a súa hieratismo de xornalistas serios para desafogarse respecto da súa demolición. Un deles acordouse da súa muller e as súas fillas, outro remitiu aos erros dos executivos, e, ao final, fixeron unha pantasmal saída de escea. Pero a súa corrección extrema impedíalles reaccionar ante o atropelo coa linguaxe indecorosa que se merecía. O peor é o que queda a estas xentes, incorporarse aos ecosistemas vitais da comunicación máis pletóricos como os de Sálvame ou así. É para xelar a calquera porque o noso futuro non é soamente o denigrante, novas perspectivas do cutre, senón o cutre vello. É simbólico que Gran Irmán ocupe a canle da CNN+, a información substituída polo morbo intranscendente e sabido, o reino da vulgaridade estomagante e repetida. Se cadra é necesaria esa degradación absoluta para producir o reseteado total da cultura.

Encontro Deportivo Cultural con Corea do Sur

Redacción.-

Entre os dias 4 e 7 do mes de Xaneiro os alumnos da Escola de Tae Kwon-Do  Moo Duk Kwan terán un encontro cultural-deportivo con alumnos da Escola DAE YOUNG de Busan (Korea do Sur) os cales virán na compaña do seu mestre Ko Sen Ji. O encontro, que incluirá unhas xornadas de convivencia nas casas dos alumnos vilalbeses, está promovido polo mestre Antonio Montes e ten como principal obxectivo  famosar diversos eidos da nosa cultura aos rapaces coreanos, amais de participaren en adestramentos, visitas turisticas, xogos (xuvenlugo), e na celebración dunha cea coreana/galega.

Feliz Aninovo!

Fuco Paz Souto.-

Remata o ano,
xa é decembro,
é Nadal.
Dende xaneiro
foi inverno, ata ben entrado
o trebón e o raiolo…
que, en abril e maio, vestiu de cores:
brancas, vermellas, azuis, amarelas,
rosas…lembrando
a chegada do verán,
que pasou deixando sorrisos, risas,
alegría, festas,
corpos esveltos que se fundían
en eternas promesas
de amores imposibles
de máis de mil días
que ninguén
se ocupou de coidar…
Ata que o outono
con lágrimas de cores:
moradas, pardas, ocres,
que tinguen as árbores máis mestas,
máis fortes, máis garridas, que deixan
vidiñas de formas caprichosas e curtas,
no chan.
E dacabalo, o inverno
de manto branco, de vento frío,
de cálido lume que acariñando
as meixelas semella cantar:
Un brinde polos teus amigos,
Un brinde pola a amizade
que non vai rematar,
deixa que pase o inverno
a primavera ha chegar…
anunciando o verán
que no outono,
non ha parar.
E así un ano tras outro
que nos engaiola
e nos despide
coa copa
na man.

30 de dec. de 2010

Cartas de Poeta

Redacción.-

O libro “Cartas de Poeta. De Uxío Novoneyra a Ramón Piñeiro. 1953-1972”, edición facsímil con transcrición e notas, foi presentada o pasado 23 de decembro no Consello da Cultura Galega como homenaxe da institución ao poeta ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2010. Presidiu o acto Ramón Villares, presidente do CCG, ao que acompañaron os editores, Luís Cochón e Luís Alonso Girgado, Elba Rei, viúva de Novoneyra, e os seus fillos Uxío e Branca. Do libro imprimíronse cincocentos exemplares numerados.

Ramón Villares aludiu ao volume, que agrupa 45 cartas, como “unha peza única e demostrativa da importante relación entre Uxío Novoneyra (1930-1999) e Ramón Piñeiro (1915-1990), prologuista da primeira edición de OS EIDOS, e agradeceu a presenza da familia do poeta e a colaboración da Fundación Penzol, onde está depositado o epistolario.

Luís Cochón mencionou algúns dos motivos do que cualificou como “ilustrativo material epistolar” e citou “a situación de illamento do Courel e o sentimento da terra, a recepción de libros e a súa lectura, as visitas de amigos, as viaxes, a creación ou corrección de poemas ou poemarios propios, o ámbito familiar na casa paterna do Courel, a situación anímica do poeta, algúns episodios e circunstancias da actualidade literaria galega coas novedades editoriais, a segunda estancia do poeta en Madrid e, sobre todo, algúns pasos textuais referidos a OS EIDOS (1955), e logo ás ELEXÍAS DO CAUREL”.

A respecto desta edición, “moi significativo testemuño da historia literaria e cultural de Galicia”, escribe no limiar Henrique Monteagudo e engade: “A lectura das cartas e dos outros textos ofrecidos neste volume axudará a entender a trama de relacións humanas, a arquitectura de sensibilidade e a matriz de pensamento en que se esteou aquel espírito libre (Uxío Novoneyra) para producir a súa obra, tan fondamente inspirada e empolgante, unha obra que seguirá engaiolando e facendo vibrar intemporalmente o corazón dos seus lectores e lectoras”.

29 de dec. de 2010

'Por este rio acima', de Mª Xosé Lamas

Redacción.-

O vindeiro xoves, 30 de decembro, ás 20.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro Con Fausto, por este rio acima, poemario da vilalbesa María Xosé Lamas, que edita o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), esta vez coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, e que fai o nº 15 da súa Biblioteca Chairega. O volume conta cun postfacio de Mario Paz González. No acto intervirán, ademais da autora da obra, o xornalista Moncho Paz, o sociólogo Bernardo García Cendán e o presidente do IESCHA, Manuel Castro Santamariña.

27 de dec. de 2010

Outra vez a batalla da lingua

Fermín Bouza.- 

Nin tendo o estado na súa man Irlanda puido recuperar a súa lingua propia, o gaélico local, que sobrevive a duras penas (agora comeza a medrar un pouco entre os nenos, a base de vontade), polo que Irlanda como nación segue loitando ante a penetración social e a funcionalidade do inglés. Ese é o futuro que nos agarda a todos se non somos suficientemente intelixentes e acertados nas nosas estratexias de defensa da nosa lingua.

Que hai moita xente que coa mellor vontade do mundo non fai mais que empeorar a situación do galego é algo que sabemos e observamos todos os galegos preocupados por estas cousas. Se cadra non sexa tan importante: en Cataluña son máis sensatos e o catalán segue caendo. En Euskadi, que pasan por ser máis arroutados, sobe o eúscaro, aínda que moi paseniñamente.

O normal é que estas linguas desaparezan, e se non o fan só é atribuíble á feroz loita dunha parte deses pobos para evitar que iso ocorra. Ninguén nos vai axudar. O histórico Manifesto por la lengua común marcou unha certa cota de desconcerto moral na que os que poderían axudarnos puxéronse na nosa contra sen que lles preocupase nin pouco nin moito a saúde dos nosos pobos ou as nosas linguas: a eles parecíalles que as linguas en retroceso e declive oprimían á lingua das linguas. Un disparate, unha mentira, e un sesgo analítico enorme. Pero iso é o de menos: o de máis é a actitude de oposición ás nosas loitas e anhelos mínimos. Dixen mínimos. Coma se tivésemos nacido para dar a razón aos nosos verdugos, agardábese de nós algunha rendición definitiva en todas as frontes, e iso era o único tolerable. Deixen en paz á nosa lingua e deixen que os nosos pobos crezan desde si mesmos con saúde cultural suficiente.

IGEA publicou recentemente o texto de Henrique Monteagudo (coa colaboración de Antón Reixa) Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, un documento que produciu un debate sempre interesante, porque os debates son necesarios sempre. O documento é moi breve e apenas enuncia unha filosofía mínima para afrontar uns tempos (malos) nos que o idioma galego está a pasar problemas importantes, como o catalán (outro día falamos das posicións de Albert Branchadell, tan interesantes e semellantes ás de Monteagudo e ás que eu expreso tamén no documento do CCG inédito -2009- co título Política, Sociedade e Lingua en Galicia). Por esas razóns que aí expreso sumeime ao documento de IGEA/Monteagudo, unha referencia necesaria para modificar un pouco as filosofías de fondo que non deron bos resultados. A idea dun bilingüismo restitutivo, que vén ben explicada no texto ao que os remito, é unha boa idea que busca gañar unha batalla sen vencidos: a batalla da nosa lingua, nun estado clínico complicado.

Esta filosofía de amplo espectro non busca confrontación algunha, pero si busca introducir máis racionalidade no problema. Con todo, estamos moi lonxe de poder pór en práctica intensamente ese novo espírito que vai ter enfronte non só ao actual goberno da Xunta (que nega de feito sempre a "restitución" como obxectivo) senón a sectores ultra-idealistas do propio nacionalismo (ou algo parecido), moi activos e pouco útiles á nosa lingua, aos que hai que tentar atraer a estratexias eficientes. En Terra e Tempo, Francisco Rodríguez escribe un artigo contra este informe. Algunhas cousas de historia local escápanseme, pois non as vivín en Galicia, pero no que respecta á tese de fondo do bilingüismo restitutivo, que non é un bilingüismo formalmente igualitario, non vexo que Paco Rodríguez achegue algo que non puidese ser integrado no modelo de Monteagudo, frases retóricas aparte. Esta contestación a Monteagudo ten certas deslexitimacións dos autores (Reixa como colaborador) por oficio, traballo ou algo similar, que non veñen a conto nin son asimilables á ampliación da base política de progreso que Galicia necesita hoxe, máis aló de rutinas verbais propias doutros tempos.

Por outra banda, o debate é bo e é necesario levalo a termos aceptables desde a perspectiva da crítica e a convivencia. As ideas básicas de Monteagudo son moi valiosas para debater e gañar espazos de articulación social das políticas lingüísticas, que falta fai. Calquera futuro pasa por aí, e Francisco Rodríguez debe tamén entendelo desde a súa relevancia política. É importante. En todo caso, calquera crítica é boa: axúdanos a coñecer mellor a situación cultural de Galicia, cultural nun sentido tamén moi amplo, ese sentido que nos permite saber onde pisamos.

26 de dec. de 2010

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 23 decembro 2010

Meu querido Antón:

Xa ves, amigo, unha boa coincidencia: esta carta do venres cae coa noiteboa. E non sei que ten esta data, pero algo hai neste tempo frío, moi frío, que, sen embargo, pon algo de quentura nas almas. Mesmo ti que non permites nunca a ninguén percibir posibles bágoas de emoción nos teus olliños pícaros e burlóns, mesmo ti, no día de hoxe, falas dun xeito diferente, como se as palabras che saísen dun curruncho do corazón que gardas ben pechado o resto do ano. Non sei, pero este día ten algo especial, mesmo para moitos que non celebran precisamente o acontecemento relixioso. Quizais é consecuencia dunha necesidade intensamente humana, a da tenrura, que precisa dalgún día especial para se expresar sen atrancos, dun xeito diferente. En calquera día do ano poderiamos dicirlle á xente máis querida que a queremos. E deberiamos dicirllo a miúdo, pero, por unhas cousas ou por outras, non o facemos: dámolo por suposto – xa saben que as queremos – e as rutinas diarias fannos atender ás trécolas de cada xornada sen poñer moita atención nas necesidades de afecto que todos temos.

Acordáseme que o a no pasado, cando te chamei na noite de Nadal, colleu o teléfono a túa muller e atopeina como fóra de si: comentoume que estaba amilagrada porque, polo visto, xa pola mañá, dixécheslle algunhas palabras bonitas que non lle tiñas dito desde que erades noviños e tentabas conquistala. Non paraba de me dicir: Bernardiño, estouche moi asustada, para min que este home, este teu amigo Antón, toleou. E non tolearas, non, o que pasa é que ía ser a noiteboa e, por cousas que agora non veñen ao caso, iades pasalas, por primeira vez, en soidade compartida, sos, sen fillos nin netos nin outra familia. Ela estaba triste, claro, pero calaba, e ti sentiches a necesidade de animala con aquelas palabras que lle terías que dicir moitas veces, pero, por non pareceres sentimental, gardábalas no silencio.

En fin, xa ves, o máis importante para o ser humano, ese sentimento que lle ferve a un por dentro, queda desatendido o máis do tempo. Así que, xa che digo, non está mal que haxa un día no ano para facer, sen complexos, o que deberiamos facer máis a miúdo: manifestarlle a quen nos quere o noso propio cariño. Os meus colegas sociólogos chámanlle a isto ritualizar a vida, porque, efectivamente, a vida, sen ritos, resulta unha tristura, sexan ritos relixiosos ou non relixiosos, pero ritos, ao fin e ao cabo. Se non fosen os relixiosos, inventariamos outros que, por certo, acabarían por seren relixiosos. Claro que eses rituais poden ser tramposos, e ás veces é verdade que teñen trampa, pero, por fortuna, nos máis dos casos son a ocasión de dicir unha verdade que se sente fonda e que non se di habitualmente para evitar melancolías e aparecer coma un sentimental. Grazas ao ritual, hoxe, Antón, está permitido ser algo sentimental e mesmo melancólico, así que aproveita. Eu si aproveito para dicirche, sen que serva de precedente, que ti es un túzaro insoportable, un cachazudo irritante, un escéptico inaprensible, pero tes un fondo de bondade que me faría botarte moito de menos se chegaras a faltar da miña vida. E xa está, foi unha miña concesión ao sentimentalismo que, repito, hoxe está permitido.

Claro que todo, ata as cousas máis sublimes, teñen os seus inconvenientes. Así, a manifestación dos sentimentos nuns días fixos provoca nalgunhas persoas un certo rexeitamento. Unha miña sobriña, Antía, escribía onte en facebook que estaba ata a coronilla destas festas almibaradas en demasía nas que cómpre ser felices ou ser boíños ou pacíficos ou solidarios, por decreto e a prazo fixo. O teu fillo respóndelle que pensa o mesmo. E ambos teñen razón, eu tamén, ao longo dos meus anos, tiven moitas veces a mesma sensación; pero tamén é verdade, segundo creo, que, se hai uns días nos que se nos apremia a pensar na solidariedade e na comprensión mutua, non nos ven mal aproveitalos. Xa se sabe que os que son solidarios, tolerantes e comprensivos, sono ao longo de todo o ano, pero non nos ven mal, repito, que nestes días especiais fagamos balance dos nosos comportamentos en ese aspecto. Ás veces, absorbidos nas rutinas diarias, esquecemos moitas cousas que desexariamos ter feitas.

En resumidas contas, amigo Antón, quero aproveitar esta nosa carta semanal para xuntar a miña voz coa túa para agradecer aos amigos o cariño que nos deixan dado: o saúdo diario do Xacobo coa súa lotería, o abrazo de paz que me veu dar o Man do Cirillas esta mañá cando saín da casa, a tenrura que poñen a Chus ou a María Jesús no traballo diario de coidar á Maruxa, miña nai, porque o traballo pode pagarse, pero a tenrura é impagable. E así un amigo tras outro, que, se nos poñemos a contar, son moitos máis do que pensamos a primeira vista. Xuntos, ti e máis eu, meu querido Antón, queremos esixirlles que fagan un esforzo de vontade para atoparen, por tras das penas diarias, ese pouquiño de felicidade que nos axude a nós a sermos tamén algo felices. Ás veces non é doado. Como sabes, na miña casa este ano falta definitivamente Martín, pero pronunciaremos o seu nome, ollaremos a Uxía, a súa neta, e dalgún xeito sentiremos a súa presenza na quentura do noso corazón. E así se fará en moitas casas avivecendo a lembranza dos que xa se foron. Como lles deixou escrito o poeta Charles Peguy aos seus fillos:

Non importa que xa non me vexades
pronunciade entre vós o meu nome, o que sempre me destes.
Faládeme como sempre fixestes,
non empreguedes unha tonalidade diferente
nin poñades acenos solemnes ou tristes.
Seguide a rir coas mesmas cousas que nos facían rir xuntos.
Pregade, sorride, pensade en min,
rezade por min.

Nada máis por hoxe. E xa non é pouco. Este ano tes reunida a toda a familia e sei que habedes cantar a noite de paz. Cantaredes mal, moi mal, pero contentos de estardes xuntos e sentindo pretos aos amigos coma min. Unha fonda aperta
Bernardo.

24 de dec. de 2010

O rostro do tempo

Mario Paz González.-

No período que vai desde 1920 até 1933 o autor austrohúngaro Joseph Roth residiu en Berlín onde desenvolvería o seu labor como xornalista e escritor. Durante todos eses anos, como impelido por unha furia e unha vehemencia febrís, escribiu algunhas das súas novelas máis importantes, pero tamén moitísimos artigos, dos cales máis de mil trescentos están adicados á capital alemá. A maior parte publicouse en diferentes xornais como o sensacionalista Neue Berliner Zeitung, o reputado Berliner Börsen-Courier e, sobre todo, na páxina cultural do Frankfurter Zeitung, co que, ademais, viaxaría por toda Europa, incluída a recentemente nada Unión Soviética.

Neles, como nas súas novelas, percíbese con viveza a pulsión irrefreable do escritor, ese desexo vehemente de mostrar a súa visión persoal do mundo, dun mundo que tocara fondo coa Gran Guerra, pero tamén dun mundo non menos inhóspito que comezaba a aflorar naqueles anos e cuxas consecuencias tráxicas parece querer albiscar en boa parte dos seus textos. Para facelo adopta diversas actitudes –a do crítico, a do flâneur, a do simple reporteiro…– coas que describe con certeira agudeza e minuciosidade as reviravoltas máis ocultas da vida cotiá de Berlín e dos seus habitantes durante o período que abarcou a malograda República de Weimar até a chegada ao poder dos nazis.

Nun dos seus textos, datado en 1926, define o labor do cronista urbano e a súa importancia crecente no que el denomina o xornalismo moderno, aquel que, segundo as súas palabras, “integrará todo o demais, non só a política”, pois “o xornal moderno necesita máis ao reporteiro que ao editorialista” porque é capaz de debuxar como ninguén a cotidianidade, “o rostro do tempo”. Ese “rostro do tempo”, ese testemuño veraz e esa análise minuciosa e prolixa da vida cotiá, da Historia e da intrahistoria, é o que desfila por estas crónicas tan sumamente lúcidas, algunhas das cales adquiren, mesmo hoxe día, unha sorprendente actualidade. Ao lelas un sente en moitos momentos coma se estivese a escoitar a un contemporáneo, coma se a vida dunha cidade centroeuropea do período de entreguerras –coas súas obras perennes, co seu tráfico do demo, cos discursos valeiros dos seus políticos, coa fachenda dos seus popes culturais, cos seus barrios marxinais, os seus locais de mala morte, as súas diversións…– non fose no fondo tan distinta da vida barulleira e anodina que podemos atopar hoxe en día en moitas das cidades do mundo occidental.

Nas súas crónicas Roth fálanos con irreverente sarcasmo da torre de sinais instalada na Potsdamer Platz para dirixir o tráfico urbano, ese fragor e ese trenqueleo dun novo ritmo crecente e abafador que o dominaba todo. Tamén das novas edificacións, dos proxectos de rañaceos ou do consumismo, plasmado nos novos macrocomplexos comerciais aos que el ironicamente denomina “grandes almacéns grandes de verdade”. Polos seus artigos desfila todo Berlín, os homes de negocios e os mendicantes, os gardas urbanos, o museo de cera ou personaxes tan singulares, como Richard o Roxo, camareiro encargado de levar os xornais aos clientes do Café des Westens, no Kurfürstendamm, patria dos literatos e a bohemia. Pero tamén as grandes personalidades, eses políticos que gobernan no Reichstag, aos que olla cunha mestura de escepticismo e desconfianza máis que comprensibles, ou o home masa, esa voz do despropósito, pasto do nazismo, ademais dos seres marxinais, os desclasados, os desprotexidos, os que están a expensas duns acontecementos que os desbordan, que os exceden, ameazando mesmo, como un presaxio, con aniquilalos. Esta última será a mesma fonda preocupación que latexa nalgunha das súas obras destes anos como A marcha Radetzsky.

É precisamente nestas crónicas adicadas aos desprotexidos onde desfilan tamén os xudeus que vivían amontoados en pésimas condicións no barrio de Scheunenviertel, unha sorte de gueto para aqueles que chegaban á capital alemá fuxindo de Rusia por mor dos pogromos. Para moitos deles as cidades europeas, como Berlín ou Hamburgo, non eran máis que un destino intermedio antes de partir para América ou Palestina, cousa que non sempre conseguían, quedando absurdamente agulletados a unha vida e unha urbe que, nalgúns casos, non chegaba a ofrecerlles grandes expectativas vitais. Aínda que Roth era de orixe xudía –nacera en Brody, na rexión de Galitzia, que entón formaba parte do Imperio Austrohúngaro e hoxe pertence a Ucraína–, era o que se denominaba un “xudeu asimilado”, pois abandonara os seus costumes vernáculos a favor dos occidentais. Por iso o seu retrato do Scheunenviertel amosa certa frialdade e distancia. Con todo, resulta interesante observar como, aos poucos, percíbese unha evolución na súa actitude. Fronte á dureza da contorna, fronte á escalada de brutalidade que vai crecendo ao seu redor nos últimos anos, Roth séntese cada vez máis solidario e afín cos sentimentos dos que sabe, no fondo, que son os seus, coas súas tradicións, coa súa forma de ver o mundo.

Un dos seus últimos artigos adicado a Berlín está datado entre setembro e novembro de 1933 e xa non puido ser publicado na Alemaña, senón na revista Cahiers Juifs de París, onde Roth ía exiliarse o ano seguinte. Trátase dun texto máis longo que os outros, pero, a pesar da súa inmediatez cos acontecementos vividos, resulta dunha lucidez certamente rachadora. Nel Joseph Roth amósase máis directo, máis apaixonado, máis vivo ao reivindicares, por mor da queima de libros ese mesmo ano na Bebelplatz, o papel dos xudeus na cultura alemá e europea. Tamén ao denunciar algo que a súa extrema sensibilidade era quen de captar fronte a un mundo insensible, o que el chama a “rendición espiritual” de Europa aos totalitarismos “por debilidade, por preguiza, por indiferenza, por inconsciencia”, reclamando unha unión, naqueles anos duros, para un continente que aínda hoxe, afectado por outras crises, parece cuestionarse.


Joseph Roth.
Crónicas berlinesas.
Edición de Michael Bienert.
Barcelona: Minúscula. 2006.
292 pp.




mariopaz@avozdevilalba.com

22 de dec. de 2010

Meubook fai de ti un “Bolechas”

Redacción.-

A libraría Couceiro acolleu este mediodía a presentación dunha nova ferramenta de personalización de publicacións creada por Meubook. Esta aplicación on line xenera unha caricaturiza a partir dunha fotografía, e posteriormente inserta esta caricatura nunha historieta da familia Bolechas, famosos personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro.

A aplicación, accesible na web www.meubook.com, permite a calquera usuario, de forma rápida e sinxela, 'bolechizarse' en poucos minutos. Tan só hai que rexistrarse, subir unha fotografía, escoller as cores e o nome do 'novo bolechas' e elixir o idioma para o conto, que pode ser calquera da península, mesmo o aranés. A partir de aí “hai que meter catro datos, como en calquera web de comercio electrónico, para nuns días recibir na casa ou recoller na librería o conto personalizado”. O prezo final non chega aos 20 euros, e supón un magnífico agasallo, especialmente para os máis pequenos da casa, que poderán participar na simpática historia destes populares personaxes.

Pepe Carreiro, creador dos Bolechas, asegurou esta mañá que o proxecto de caricaturizar persoas reais inicialmente lle provocara “dúbidas debido á súa complicación”, pero que logo de elaborar algúns bocetos “o resultado foi sorprendente”, como desmostrou con varios exemplos, un deles consistente en 'bolechizar' a Zapatero. O proceso é similar ao que utilizan os Simpson cando introducen personaxes reais na serie.

Meubook, a plataforma galega con vocación universal
O conselleiro delegado de Meubook, Jacobo Bermejo, asegurou que este proxecto supón un paso decisivo na configuración da plataforma que naceu “desde Galicia pero cunha clara vocación mundial”. Meubook integra aos integrantes da cadea de valor do libro –editores, impresores e libreiros– e os conecta con outros axentes culturais, cos lectores e coa sociedade. A plataforma céntrase, fundamentalmente, na compilación, actualización e intercambio de contidos dixitais.

Bermejo dixo estar convencido de que “é posible innovar na edición impresa, por iso non é casual que presentemos esta nova ferramenta nunha libraría”, e recoñeceu a importancia “das novas tecnoloxías, tan presentes neste proxecto”, pero “o papel vai seguir aí, vai seguir existindo”, asegurou. Bermejo tamén destacou que o software aplicado en “Eu tamén son Bolechas” é o primeiro no que a caricatura evolúe e cambia nas diferentes escenas, de xeito que o personaxe interactúa ao longo de todo o conto”, algo que ata o de agora non existía.

Deste xeito Meubook continúa a xerar contidos na cadea de valor do libro e da edición, e abre unha nova liña que espera ampliar no futuro con obras doutros debuxantes. A personalización de contos, a creación de álbumes de fotos ou a autoedición de libros, veñen sumarse a outras ferramentas de Meubook, que naceu co obxectivo de pór en valor contidos culturais e educativos, proxecto deseñado dende o país, pero con vocación de ir máis alá, tanto nos contidos como nas áreas de influenza”.

Xunto ao aloxamento web para clientes e usuarios, e unha libraría virtual cun potente motor de busca que amplía o escaparate para a venda e distribución de libros, Meubook ofrece servizos de consulta e descarga de arquivos, edición a demanda, libro electrónico, personalización de publicacións, xestión de vendas, etc. Outro elemento característico é a existencia dunha rede social, con perfiles individuais para cada usuario e que realiza recomendacións e ofertas distintivas.

21 de dec. de 2010

Do privilexio feudal á mesa do común

Xosé M.ª Felpeto

Non teño consciencia de que na casa dos meus proxenitores se tiveran criado nunca capóns. Sen embargo gardo no faiado da miña memoria algunhas lembranzas sobre os mesmos que de neno me chamaban a atención, que mesmo me inquietaban ou por veces me ocasionaban un certo sufrimento e que nalgún momento chegaron verdadeiramente a indignarme.

En tempos nos que a actualmente omnipresente TV non se entremetía por inexistente nos fogares á hora de xantar, da cea ou doutros labores, resultábame frecuente escoitar de boca do meu avó paterno as máis variadas historias, insólitos feitos lendarios, divertidas e picantes cantigas, curiosos refráns, imaxinativas adiviñas, etc. E neste amplo repertorio, que mantiña sempre ao auditorio expectante polo medo ou a hilaridade proporcionado polo relato, as máis das veces extradimensionado polo intérprete, o capón tiña tamén presenza.

El, que fora caseiro en “casa grande”, contaba como entre as rendas en especie que había que pagar á ”señora” figuraban, ademais de 15 fanegas de trigo, 7 de centeo e dous litros de leite durante os tres meses do inverno, tres pares de capóns ben cebados. E a min, fillo coma moitos do caldo, dos cachelos con touciño e, en domingos ou festas de gardar, do coello, do galo mantido en liberdade ou da galiña que deixaba de poñer, non me cadraba aquilo de que a foreira houbera manter a súa gula á conta de sacarlle o unto ao labrego. Para máis, seica había que entregarllos mortos, desplumados e coa enxunlla sobre o lombo, despois dun longo proceso de mantenza forzada que comezaba aló polo mes de abril co troco dos ovos das galiñas propias por outros das da veciñanza.

Doíame igualmente que os pitos tiveran que ser castrados e encerrados en capoeiras, privándoos así, ademais da liberdade, do dereito de gozaren, coma os que quedaban no curral, dos praceres que a propia natureza lles concedera, malia que os máis polainudos, con ímpeto desmedido e arbitrario, rarearan as plumas das femias ás que galeaban.

Coas medras, aquelas cavilacións infantís foron dando paso a unha profunda reflexión sobre a inxusta realidade que mantiña seculares privilexios de vasalaxe dos señores, que posuían o dominio das terras, sobre os labregos, que se vían privados dos dereitos máis elementais, tal como recolle en parte a tradición popular: “O cacique deste pazo non che pregunta se bebes, ás veces dáche das sobras pero nunca dos releves”. Arrepíame pensar que algún meu devanceiro sufrira privacións para manter nugalláns, ou que tivera que pagar favores a bispos, cregos, caciques… cos capóns criados a forza de sacar do seu escaso pan.

Por iso nos tempos que andamos non chego a entender que esta cobizada ave continúe a servir para “recoñecer oficialmente”, á conta do erario público, non se sabe moi ben que méritos de disque ilustres persoeiros, cando a precaria situación económica fai difícil a subsistencia a moitos contribuíntes.

Con todo e con iso as condicións de vida foron mudando e o capón chegou dalgunha maneira a socializarse, podendo hoxe formar parte de moitas das mesas ás que antes lles estaba vedado.

19 de dec. de 2010

A feira dos capóns

María Xosé Lamas.-

Todo vai mudando co tempo. Costumes, tradicións, festas, feiras… Mais é unha sorte que a remate da primeira década do século vinte e un aínda conservemos as nosas feiras.

Non obstante, evolucionaron tamén de xeito considerábel, converténdose en mercados non moi diferentes dos que podemos atopar en calquera outro lugar, perdendo así a identidade que posuían – xa se sabe… a globalización.

Pero os galegos seguimos a teimar en facer do noso algo peculiar. Así, comezamos a inventarmos festas para salientar e dar pulo aos nosos produtos máis senlleiros e sinalamos nos nosos almanaques datas para celebrar as feiras dos grelos, as dos queixos, as do pan, as do cocido, as do polbo ou da filloa. De seguro que case todas estas celebracións tomaron como referencia a Feira dos Capóns de Vilalba.

Lémbroa dende que teño acordos e vivina activamente e por primeira vez cando no derradeiro curso de bacharelato acudiamos a ela para co noso traballo contribuír a incrementar o orzamento para realizar a excursión de fin de curso. Erguémonos moi cedo para estar as seis da mañá no pavillón deportivo da feira onde tiñamos que colocar un posto de caixas de madeira, previamente feitas por unha carpintería, para embalar os capóns que irían parar ás mesas dos máis renomeados persoeiros, co fin de pagar a vasalaxe á que moitas persoas estaban xunguidas. Que mellor maneira de pagar favores que mediante uns queixos de San Simón pola época dos nabos, un cabuxo polo San Ramón ou un par de bos capón polo Nadal? Deste xeito os estudantes aproveitabamos a xeira para beneficiarnos. E foi todo un éxito. As caixas rematáronse ao pouco tempo de comezar. Xa se sabe que os mellores capóns desaparecían a primeira hora, pois eran os escollidos por quen desexaba ficar ben co agasallo. De todas maneiras, tratábase dos mellores capóns da feira, non dos da mellor crianza, pois os bos de verdade non chegaban a ela, eran vendidos na casa dos cebadores, moitas veces con previa encarga.

Outra das miñas relacións cos capóns tivo lugar na casa do Golpe. A súa dona, visto o éxito que tiña a feira e a posibilidade de sacar proveito tamén dela, comezou a cebar pitos e galiñas que escollía entre os mellores do galiñeiro.

Na cociña da casa había escano ao pé da lareira, pero non tiña capoeira. Mais iso non resultou un problema, pois o Golpe con catro táboas e uns carabullos ben dereitos non tardou en facer unha xeitosa para contentar á dona, que non tardaría en encher de bechos destinados á ceba na que pasarían varios meses fechados e adurmiñados á calor do lume e da que non sairían senón para ser mantidos. A tía Remedios vertía nunha ola fariña de millo moído gordo que ensopaba con auga quente e augardente. Remexíaa ben até conseguir a textura desexada e logo pillaba un por un os pitos que colocaba entre os xeonllos, facía boliños de masa e íallelos metendo no peteiro a o tempo que coa outra man fregaba a gorxa dos animais para que enguliran o bocado. Así unha vez e outra até que estaban todos mantidos. Ás veces o bolo non pasaba e afogaba o pito sen remedio, de xeito que non todos chegaban ao seu destino, sempre había algunha perda.

Ao aproximarse a data da feira, que durante moitos anos se celebraba o día dezanove de decembro –caera no día que cadrara- tiña lugar a matanza. Unha noite enteira, despois de gobernar na casa, dedicábase a esta tarefa. Como nunca pasaba da ducia de bechos, entre os dous eran capaces de levala a cabo sen precisar de axuda de ninguén, como acontecía noutras casas nas que se convertía tamén nunha tarefa comunitaria. O que máis tempo levaba era a preparación dos capóns para presentalos do xeito determinado pola tradición, colocándoos co lombo cara arriba e coas as en tal postura que termaran da enxunlla suxeita con palillos, catro en cada cesta patela previamente rechea de palla e tapada por un lenzo branco a xeito de cama.

No día sinalado, cargábanse as cestas no coche de liña até Vilalba onde se pretendía chegar o máis cedo posíbel para coller un bo sitio nas táboas que estaban dispostas no recinto feiral. Mentres a tía Remedios estaba atendendo das súas cestas e agardando polo veterinario que a primeira hora, e antes de abrir as portas, selaba os capóns conferíndolles a garantía de calidade, o Golpe ficaba fóra do pavillón coas galiñas cebadas a xeito de capóns, que contaban con grande acollida sobre todo para consumo dos vilegos durante o Nadal.

Poucos eran os capóns que volvían para a casa. Os cebadores preferían malvendelos antes que ficar con eles. Non obstante, a tía Remedios non tiña ese problema. Os pitos que non vendía gardábaos para celebrar o Nadal coa familia, e nunca eran moitos.

Nestas datas lémbrome máis ca nunca deles. Bótoos en falta como nos pasa a todos coas persoas queridas e que o tempo nos arrebatou. Pero a vida segue para adiante e hai que lembralas con ledicia.

Bo Nadal!

Foto: P. Naseiro/AVV

Miguel Hernández e Lorca

Bruno Marcos

Desde que se desatasen as galas do ano miguelhernandiano non deixou de aparecer un asunto que, aínda que parece baladí, é repetido con insistencia. Trátase do desencontro de Miguel Hernández con Federico García Lorca. Nada se xoga a historia da literatura hispánica en desentrañar as reviravoltas desta malograda relación pero esperta a curiosidade. Seguramente o que apetece é contemplar a ruptura do monolitismo que se construíu sobre a intelectualidade antifranquista.

A idea que queda insinuada é a de que Lorca era un señorito e Hernández un pastor e que Federico non soportaba que o eclipsara.

Cítase o veto que o granadino puxo ao oriolano nunha reunión en casa de Aleixandre onde non acudiu a ler a súa obra La casa de Bernarda Alba por non velo. Obviamente non era tan idílica a relación de Miguel coa xeración do 27. Tamén rifou con Alberti e María Teresa León ao berro de "Aquí hai moita puta e moito fillo de puta" porque estes espantaban os medos da guerra con grandes festas de disfraces.

O certo é que o de Orihuela viña encarnando ese pobo que defendían e desde o pobo, cunha capacidade cegadora para apropiarse da linguaxe que non pertencera á súa clase social. Con todo habería que analizar a anécdota noutra clave. Quen saca a Hernández de ser pastor de cabras son os curas e Ramón Sijé. A burguesía intelectual acólleo e o dereitista Cossío foi o principal defensor del na prisión; con todo o seu pai, pertencente ao pobo idealizado, é quen lle prohibiu os libros e quen non foi visitalo nin unha soa vez ao cárcere antes de morrer. Cabería preguntarse por que Lorca e a súa clase social saen malparados do conflito e , con todo, o pai de Miguel Hernández e a súa clase non tanto?

X Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía. Villaamil y Castro

Redacción

O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro, inaugurou onte pola mañá as “X Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía. Villaamil y Castro”, que se celebran entre o venres e o domingo no centro de desenvolvemento comarcal de Mondoñedo. Ao acto de inauguración tamén asistiu o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, ademais do arqueólogo do concello, Abel Vigo, quen pronunciou a primeira conferencia sobre os vestixios do castro mindoniense de Zoñán, e Manuel Valín, xerente da Fundación Comarcal da Mariña Central en representación das entidades organizadoras destas xornadas.

Como explicou Antonio Veiga, “esta décima edición está financiada integramente pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, con 3000 euros”. Veiga ratificou o apoio desta institución a estas xornadas xa que permiten afondar “no coñecemento e posta en valor dunha parte importante e elemental do noso patrimonio material como galegos, o patrimonio arqueolóxico”. Antonio Veiga destacou que “non só escavar e conservar restos arqueolóxicos resulta importante, senón que estas accións deben vir acompañadas doutras que teñan un matiz divulgador, para achegar a arqueoloxía á xente, como estas xornadas, que permiten botar unha ollada sobre o noso pasado e historia”.

As xornadas naceron no ano 2001 co fin de dar a coñecer a calquera tipo de público afeccionado unhas nocións básicas e serias sobre arqueoloxía, da man de investigadores científicos e demais persoas formadas na materia, ao mesmo tempo que se poñía en valor o patrimonio da comarca. Pretenden, dende a súa creación e tendo un grande éxito entre o público, achegar a ciencia á sociedade, xa que ademais da investigación científica, a divulgación tamén é un aspecto fundamental desta disciplina. Para isto, como explicou Abel Vigo, “intentamos acadar un punto medio que axude aos participantes a observar un xacemento ou museo e a ver os aspectos importantes do mesmo”.

A matrícula é gratuíta e pode facerse a través do enderezo electrónico xornadas.arqueo@terra.es, ou chamando por teléfono ao concello (982 52 40 03). O programa comeza coa conferencia sobre o “Castro de Zoñán. Campañas 2009 e 2010” a cargo do propio Abel Vigo. O castro visitarase o sábado pola mañá, e pola tarde, Antonio de la Peña Santos, arqueólogo do Museo Provincial de Pontevedra, falará sobre “Gravados rupestres en Galicia. Unha aproximación”. O domingo 19 visitarase pola mañá o Castro de San Cibrán de Las (Punxín – San Amaro, Ourense), e o edificio do Museo Arqueolóxico de Ourense (Antigo Pazo Obispal), guiada por Manuel Xuto Rodríguez (axuntamos horario das xornadas).

En edicións anteriores destas xornadas tratáronse temas a nivel xeral e outros máis concretos sobre a zona como por exemplo “O Megalitismo en Galicia”, “A Idade do Bronce en Galicia”, “A Cultura Castrexa”, “A Cultura Galaico – Romana” e “Inscripcións do Mundo Paleocristiano”, participando personalidades da vida científica galega como son Fernando Acuña Castroviejo (Catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela), José Carro Otero (Membro da Real Academia de Medicina e da Real Academia da Historia) ou Ramón Fábregas Valcarce (Catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela), entre outros. Realizáronse visitas a diversos puntos de interese de Galiza, León e Asturias, tales como o Castro de Fazouro, o Castelo de Pardo de Cela no Concello de Alfoz, o Castro de Viladonga, e o Castro de Coaña (Asturias).

18 de dec. de 2010

Luces de Nadal en Madrid

Fermín Bouza.-

Logo de todo o balbordo das últimas semanas unha rara tranquilidade invadiu Madrid, que se ilumina a pesares da crise, aínda que menos, mais con deseño agradable. Agradécese que non haxa moitas charramangadas e que todo vaia polos seus pasos. A xente empeza a pór cara de boa e de non romper un prato, e é que o Nadal ten a súa cousa e o seu estilo, tamén no terreo da fachada para os demais, que andan máis tranquilos se non ensinamos os dentes.

Eu mesmo volvinme máis tranquilo e benéfico lembrando ao fillo de deus, por que non, e aprazo indefinidamente as miñas críticas a case todo: non á Xunta e a Feijóo, que non fixeron a menor autocrítica nin modificación de feito ou dereito do seu decreto da lingua, que tal como era presentado nunha enquisa da Voz estráñame moito que non o aprobasen o 100% dos galegos. As preguntas das enquisas teñen que referirse ao problema ou non son nada: Aproba vostede que os pais urbanos que quixeron elixir o galego para os seus fillos nas súas cidades (preto, ao parecer, do 40%) non poidan ver cumpridos os seus desexos co novo decreto? Esta é a pregunta real nestes momentos.

Non lin unha soa liña de crítica por isto a aqueles que habitualmente enchen sabas coas súas bágoas pola "opresión" do galego contra o idioma central. E é que o cinismo social esténdese como un WisqiDycs calquera.

Ou Galicia apoia unha saída progresista cara ao futuro ou o seu final como nación histórica é cousa de pouco tempo. Baixaremos a cuarta rexional B. Se isto ocorre, os espíritos dos nosos devanceiros volverán ao mundo a amargarnos as noites e até os días. É difícil atopar un país máis confuso nestes momentos. Ben, se cadra Cataluña? Ou eu mesmo, pero non son un país.

Foro de Debate e Cooperación "Martín A. Seco Cendán"

Redacción

Onte, venres 17 de Decembro de 2010, ás 13:30 na Casa da Cultura do Concello de Vilalba, tivo lugar unha rolda de prensa da Presidenta de Solidariedade Internacional de Galicia, Maribel Valiela e do Presidente do Foro de Debate e Cooperación “Martín A. Seco Cendán”, Martín Seco García. Para presentar á sociedade vilalbesa esta nova asociación do noso concello e dar a coñecer o compromiso de colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia, como grupo de acción desta ONG na sua nova actividade de Cooperación en Vilalba e os proxectos e actividades desta ONG do noso país.

Para comezar dita colaboración, o Domingo 19 de Decembro o FVDC ”Martín Seco Cendán” e S.I. de Galicia anúnciase a colocación dun stand de Comercio Xusto na Feira do Capón como primeira actividade en común.

O Foro "Martín A. Seco Cendán"
Coa denominación Foro Vilalbés de Debate e Cooperación “Martín Seco Cendán”, constitúese unha ENTIDADE SEN ÁNIMO DE LUCRO, ó amparo da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e normas complementarias, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar.

A Asociación é unha entidade non gobernamental, laica e de carácter participativo, que promove a consolidación da democracia e o bo goberno, o respecto ós Dereitos Humanos, un desenvolvemento humano sostible e a expansión e consolidación dos valores da igualdade e a xustiza social, independente de toda organización política, sindical ou empresarial.

A existencia desta asociación ten diversos fins no ámbito da Cooperación, no ámbito do Debate e a Participación, no ámbito sociocultural, así como recordar e homenaxear a figura do vilalbés Martín Seco Cendán, que lle da nome á asociación. Para o cumprimento destes fins realizaranse varias actividades como: organizar e participar en actividades que fomenten os valores de solidariedade e cooperación; promover accións que axuden a construír un mundo máis xusto e solidario; colaborar con outras Organizacións que desenrolen actividades no campo da Cooperación; reunións periódicas de debate, recollida de información dos datos a tratar, difusión das nosas ideas a través de charlas públicas, paxina web, e outros medios lexítimos de comunicación; organización de charlas e debates entre os nosos representantes políticos e sociais; organización de comidas de confraternidade; organización de premios e recoñecementos ás personaxes ilustres; outro tipo de actividades que fomenten a cultura e a vida social no noso concello; realización de traballos acordes os fins desta asociación.

Solidariedade Internacional de Galicia
Solidariedade Internacional de Galicia é unha ONGD creada no ano 1996 para cubrir e cumprir, na Comunidade Autónoma de Galicia, os mesmos obxectivos que ten a Fundación Española para la Cooperación – Solidaridad Internacional. Por iso optou por un modelo de cooperación que non produza novas dependencias, que consolide e reforce os procesos de desenvolvemento humano autónomo e sostible, que traballe sempre con organizacións locais, promova a participación dos beneficiarios e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Os beneficios que se obteñan por calquera actividade derivada destes conceptos destinaranse exclusivamente ó cumprimento dos obxectivos aquí presentados, sen que se poidan, en ningún caso, repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Do belén ao capón

Xulio Xiz.-

O Nadal na Terra Cha empezou o día catro de decembro, quedando entón aberta a tempada número 39 do Belén de Begonte e o seu museo, estando xa senso visitada por grupos de colexios e asociacións ou familias que aproveitan de xeito especial as fins de semana para acudir a contemplar o Belén da Terra Chá.

E ese mesmo día, pola mañá, o Concello de Begonte aprendeu a perfecta lección de facer “Fillo predilecto” por primeira vez a un begontino, neste caso a título póstumo, entregando á familia de José Rodríguez Varela, creador do Belén, a testemuña desta distinción.

En Begonte está aberto un Belén exactamente igual que o ano pasado, en homenaxe a Varela, que nos deixou a comezos do pasado mes de xullo, e os colexios apúranse en organizar visitas antes de que rematen as clases, e as asociacións de todo tipo danse cita en Begonte, onde parece que ir ver o Belén é un hábito que se fóra noutros tempos derivaría en peregrinación, e visto o número de persoas que alí acoden e a emoción que sinten, tampouco está tan lonxe.

Ese día catro tiven unha xornada parecida á dun político e pola mañá, mediodia e tarde estiven en Begonte, e á noite vin para Vilalba onde participei na cea anual da Polifónica Vilalbesa, onde a miña muller recibiu un ramo de rosas que, contadas, resultaron ser catorce.

Eu comentei o feito, pensando que a unidade normal dun ramo neste país é dunha ducia e recibín a curiosa afirmación de que en Vilalba as ducias de flores teñen catorce unidades. Que ó mellor era broma, pero sabendo que as medidas de Vilalba son as maiores de Galicia, cuns ferrados descomunais en relación con calquera outro coñecido, crein firmemente que en Vilalba as ducias están composta por catorce exemplares, neste caso de rosas brancas.

Foron pasando ós días e chegamos ás vísperas da Feira do capón, que de por sí xa é abondo para que Vilalba sexa punto de mira de Galicia enteira tendo ós totémicos capóns como referencia absoluta do mellor manxar gastronómico do Nadal neste país.

Parece como se se pechase así o círculo: do Belén electrónico de Begonte ó capón de Vilalba; da pureza e espiritualidade dun inocente belén ó maior placer gastronómico que os vilalbeses podemos disfrutar. Todo, polo Nadal, a nosa festa máis entrañable.

Que nos aproveite. En todos os sentidos posibles.

16 de dec. de 2010

Cantos na Maré

Redacción

Cantos na Maré, Festival Internacional dá Lusofonía, é un proxecto cultural pioneiro no estado español, que a través da lingua e da música traza un mapa común entre os territorios da lusofonía que comparten raíces. A proba de que desde a lingua galega pódense tender pontes que nos acheguen a outras culturas emerxentes, á vez que sitúan a nosa cultura no mundo. Diversidade, intercambio e enriquecemento caracterizan esta aventura de conexión musical e cultural, cun formato revolucionario baseado na construción colectiva dun repertorio exclusivo entre artistas de diversas orixes. O 18 de decembro de 2010 celébrase a oitava edición. Cantos na Maré conta coa dirección artística de Uxía, que desde 2003 apostou por xuntar no escenario voces novas e outras consolidadas.

Polo festival pasaron nestes anos artistas como Mozo César, Fred Martins, Luanda Cozetti, Ceumar e Paulinho Moska de Brasil; Filipa Pais, Zeca Medeiros, Doce Pontes, Sara Tavares e Sérgio Godinho de Portugal; Manecas Costa de Guinea-Bissau; João Afonso e Amélia Muge de Mozambique; Tcheka e Nancy Vieira de Cabo Verde; Waldemar Bastos de Angola, Perico Paris de Timor Oriental; e Uxía, Guadi Galego, Narf, Ugia Pedreira, Xosé Manuel Budiño, Mercedes Peón e Xabier Díaz de Galicia, entre outros. En 2009, o festival rompeu fronteiras para celebrarse por primeira vez no Brasil.

Libro sobre Lidia Senra Rodríguez

Redacción

O vindeiro sábado, 18 de decembro, terá lugar a presentación do libro “Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable”, escrito por Tareixa Ledo Regal e publicado por Edicións Laiovento. O acto de presentación terá lugar no Auditorio de Galicia (Avda. do Burgo das Nacións s/n, Compostela) este e comezará ás 12:00 horas. Nel intervirán a autora do libro xunto á secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire; Xosé Manuel Beiras, en representación da editorial; e a propia Lidia Senra. Fará de moderadora do acto a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, Isabel Vilalba Seivane.

'Marea' de Quintana Martelo

Redacción

Mañá xoves 16 de decembro inaugurarase ás 20:00 na Factoría Compostela (Rúa dá Conga, 9) "Marea", unha ampla exposición monográfica que reúne a produción pictórica e escultórica de Manuel Quintana Martelo realizada ao longo de 2010. A mostra está comisariada por Concha Fontenla e, segundo Xosé M. Lens nela destaca a importancia da visión que ten Quintana Martelo do tempo. "Detrás da paisaxe", nos di este crítico, "do retrato, da escena. Onde o biombo esconde as súas tramas, as arquitecturas invisibles e as lóxicas estruturais, queda a carne da experiencia, os días, as horas. Queda tempo e só tempo. Cando esa temporalidade empápase e penetra entre as aberturas do pincel, pedindo paso e longas esperas, a obra de Quintana Martelo adquire a mellor das súas posibles explicacións. Son espazos familiares, recoñecidos, personaxes ausentes e escenas recreadas, que marcan os instantes dunha pintura que progresa, que almacena etapas encartadas e abertas en equilibrados niveis, que avanza para repensar, na mesma tarefa do lector de diarios, o corredor de fondo ou o observador do silencioso rumoreo do caracol. A súa obra está trazada en relatos que se renovan conscientemente (paisaxes, naturezas mortas, retratos) destinando as primeiras impresións ao paseante pero reservando a lectura completa do seu dicionario ao público atento que observa e revisa todas as partes, as que mostra o biombo, as que len o cotián ou aquelas que perduran nas marxes. Todas esas fraccións, de carne que se disfraza de pel, de xanelas case transparentes, de escenas imaxinadas, de paisaxes divididas, son elementos que definen a súa traxectoria e tachan moitas das novas obras presentadas nesta exposición, puntos de seguimento de historias contadas, precisamente, en continuidades de tempos fraccionados: secuencias, dípticos, fragmentos. Detrás, unha parte xunto á outra "

Inauguración: xoves 16 de decembro ás 20:00 h.
Factoría Compostela
Rúa dá Conga, 9
15704 Santiago de Compostela
www.factoriacompostela.com
Do 16 de decembro 2010 - 12 de marzo de 2011

15 de dec. de 2010

Agardando por Pedro Chosco

Fuco Paz Souto

Onte, mentres estaba a traballar, apareceu Pedro Chosco. Silandeiro, oportuno, cariñoso, afable, agasallando delicias que, a modo de sereas, convidan a te deitaren nese leito mol, amplo e necesario...Mais, acudiu na miña axuda, Ulises! "o navegante" que me siou na orella: agarda! tente teso no mastro da nao! E como alma que leva o demo, do meu corpo saíu unha especie de xana que voando entre o velame dese navío albiscou unha fraga que, vestida de outono, me agasallou con estas palabras...

Agardando por Pedro Chosco

Mentres o peto aniña
entre a cortiza do carballo,
a neve ganduxa aloumiños brancos
que visten as follas máis verdes
de todas e cada unha das frías árbores...
E eu, afortunado, contemplo apampado como
neve, fraga, peto... e carballo
susurran baixiño...
Fuquiño, este é o noso agasallo.

14 de dec. de 2010

Novo disco de Celtic Roots

Redacción

O pasado día 11 de nadal saiu á venda o novo traballo de Celtic Roots. Celtic Roots é un proxecto educativo multidisciplinar que ten como obxectivo afondar no coñecemento e na comunicación entre nenos e nenas de países que comparten unha cultura atlántica común. Galicia e Irlanda. O libro CD-DVD de Celtic Roots recolle temas da música tradicional galega e irlandesa, interpretadas polo alumando dos colexios CEIP. Humberto Juanes de Nigrán (Galicia), St. John’s C. Primary School de Manchester (Reino Unido) e St. Cronan’s School de Bray (Irlanda), contando coa colaboración especial de Xose Manuel Budiño en Galicia, Michael McGoldrick no Reino Unido e Dònal Lunny en Irlanda, que fixeron posible este traballo.

Otros músicos de renome que colaboraron no disco foron: Angela Durkin (UK), Antón Seoane (GZ), Ed boyd (UK), Emma Sweeney (UK), Graham Henderson (IR), Guillermo Fernández “Guille” (GZ), James Mahon (IR), Javier Feijóo “Chisco” (GZ), Luis E. Correa “O Caruncho” (GZ), Magoia Bodega (GZ), Pancho Álvarez (GZ), Rodrigo Romaní (GZ), Xaquín Xesteira (GZ).

13 de dec. de 2010

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 10 de decembro do 2010
Meu amigo Antón:

A semana pasada non che escribín, e non é porque non tivera cousas que che contar, pero non dispuxen do tempo necesario. Nesa carta que estaba a medio facer pensaba pedirche desculpas por non ter o teléfono dispoñible o domingo anterior, cando pasaches por Vilalba, na compaña do teu fillo – toda unha novidade – con intención de nos ver, pero apaguei o móbil porque estaba na misa. Efectivamente, contra o meu costume, no canto da misa da unha, ese domingo decidín achegarme á das doce, á dos nenos, coma ti ben sabes. Por curiosidade, pero tamén porque desexaba ter tempo, despois do rezo, para entrevistarme cun amigo común do que che quería falar na carta que non cheguei a escribir. Parecíame oportuno comentarche uns sentimentos contrapostos que me acompañaron ao longo da xornada a causa de ambas actividades: a misa e a entrevista. Non sei se tal cousa lle pode interesar aos nosos oíntes, pero trátase dun tema que teño comentado moito co teu fillo,
mentres ti non deixabas de nos escoitar con certa sorna, pero tamén con algo de atención, porque tanto ti coma el tiñades o costume de acompañar aos teus nenos nesa misa das doce, cando viñan por Vilalba. El sempre saía entre satisfeito e desconforme, ti rosmón coma sempre e os tres rematabamos en discusión amable, unha disputa que trataba do que che vou comentar. O caso é que, como che dicía, ese día eu tiven sensacións opostas, así que cho conto.
Primeiro o da Igrexa. A verdade é que había moitísimo tempo que non estaba na celebración dominical dos nenos, e comprobei que tamén na nosa vila se deixa notar a escaseza de práctica relixiosa, cousa xa habitual na sociedade española, pero eu pensaba que os pequerrechos asistirían en máis cantidade: tiña aínda na miña cabeza aquela imaxe de bancos cheos de voces infantís que agora xa non é igual, en Vilalba tampouco. Iso eu debería supoñelo, xa que, de acordo coas enquisas, a Igrexa non está a pasar polos seus mellores momentos e, quizais por iso, moitos pais tampouco son moi dados a levar aos seus fillos ao catecismo, pero, que queres, chocoume.

A celebración foi xeitosa e con moitas cancións bonitas nas voces infantís. Había mesmo un rapaz que dirixía o canto e facíao moi ben, con entoación axeitada e un bo acompañamento de guitarra, o que nos tempos que corren é moito de estimar, aínda que non soase o órgano. Pero a escena daquela misa deume que pensar, porque, afeito ao bo galego utilizado por don Uxío na misa da unha e mesturado co castelán nas outras, percibín con pena que na das doce non puiden escoitar unha soa palabra galega en toda a celebración, agás nun dos cantos.

Xa sei o que ti me has comentar coa túa retranca coñecida, pero xúroche, Antón, que en ningún momento se me pasou pola cabeza xulgar e criticar ao cura celebrante, nin agora quero facelo. Supoño que o que el fixo foi adaptarse aos nenos que tiña diante, convencido seguramente de que case todos eles non falan máis ca castelán. E cavilei en que, se cadra, tiña razón. E púxenme algo triste: será posible, pensaba, que nunha vila coma a nosa estea perdido entre a infancia o uso da nosa lingua, coma se fose unha parroquia do centro da Coruña?. Mesmo é posible, aínda que non o creas, que, de falar algo en galego – xa non digo todo – habería máis dun pai ou dunha nai que se achegarían a protestar e mesmo ameazar con non volver á misa na vila. Teño entendido que algo diso xa houbo. E non é cousa, calcularía o crego, de expoñerse a perder aínda máis fregueses practicantes. Non o sei, non xulgo ao celebrante nin lle reprocho nada, aínda que estea persoalmente convencido de que, se falta xente, non é precisamente por falar galego. O que me resultou inevitable foi sentir por dentro de min unha sensación desacougante, unha invasión de tristura ao pensar no posible futuro do nosa fala: terá esta os días contados, abafada definitivamente polo castelán? Se os nenos,que son o futuro, xa non falan galego, que podemos esperar?.

Acababa eu, por certo, de ler un manifesto dun intelectual galeguista, chamado Henrique Monteagudo, no que se laiaba da perda case definitiva do idioma no centro das nosas cidades importantes, coma Coruña ou Vigo, co perigo de non o poder recuperar. E eu, na miña igrexa, andaba a matinar en que ese pensador, visto o visto, aínda era optimista de máis: xa non é só no centro herculino senón que no seu entorno, en Arteixo, a miña Uxía, cos seus dous aniños, fala galego, mentres que os máis dos seus compañeiros respóndenlle en castelán, e ás veces, aparece na casa falando andalú por culpa dun camarada, seica, que procede do sur, o que, por outra parte non deixa de ser bonito. E isto, como digo, preto da Coruña, pero o Monteagudo quedará máis abraiado do seu optimismo cando saiba que en Vilalba, na nosa Vilalba, os nenos xa non falan galego, e poida que a situación, tamén aquí, sexa irrecuperable. A esperanza é que, se queren, poden falalo grazas á escola. De momento, porque os de Feijoo non son garantía.

Así que, meu Antón, saín da misa triste e desanimado. Menos mal que de seguido achegueime a un bar onde me agardaba o noso amigo Agustin Fernández Paz para falarmos dun asunto que me facía ilusión: íame contar o escorzo dunha novela que lle anda no maxín, e así foi. Demoramos a conversa por máis dunha hora, e, ao rematarmos, volveu renacer en min algo de esperanza, porque, pensei, mentres teñamos homes desa valía, tanto intelectual coma humana, aínda nos queda futuro. Como ti ben sabes, el escribe sempre en galego por convencemento, pero isto non o priva de que canto pon na nosa lingua teña tamén valor para xentes doutros idiomas aos que lle van traducindo as súas obras, mesmo de lugares lonxanos. Desde un curruncho de Galicia van saíndo obras de valor universal, e isto é a esencia mesma do arte: horizonte universal sen renunciar ao propio. Agustín escribe en galego por convencemento do valor expresivo das nosas palabras. Podería facelo directamente en castelán, e faríao moi ben, con proveito económico incluído, pero el quere demostrar que, tamén desde aquí, coas nosas palabras, se lle pode falar ao mundo. Mostra tal convencemento que, como é ben sabido, no nome da defensa da nosa lingua, tivo a valentía de renunciar a un premio importante que lle ofreceron recentemente desde a Xunta: non podía aceptar que ese premio fose outorgado por gobernantes que lexislan en contra da lingua. Esta lexislación ofensiva non se desculpa coa oferta de un premio puntual que disimule as intencións de fondo.

Despois de canto estiven a pensar na igrexa, o exemplo de Agustín devolveume algo de esperanza, porque este tipo de persoas, tan valentes e decididas como capaces intelectualmente, non pasan sen deixar pegada entre a xente nova que sabe apreciar tales valores. Estes días non foron poucas as persoas que, falando de Agustín, manifestáronme o seu desexo de recuperar o amor polo idioma, mesmo se, pola forza do costume, non se decidiran aínda a utilizalo habitualmente, entre outras cousas porque teñen a sensación de que non o saben dabondo. Os máis novos xa o saben e, se cadra, anímanse a utilizalo. Esperemos.

Así que, xa ves, meu Antón, se da misa saín con pouco humor, algo del puiden recuperar despois de longa conversa con Agustin. E así temos que ir tirando do carro no que se poida.

Saúdos á familia, coida dos teus netos que falan a cotío tan bo galego, e ti recibe unha aperta do teu amigo

Bernardo

Foto: P.Naseiro/AVV

11 de dec. de 2010

Unha educación conxelada

Moncho Paz.-

O outrora admirado –e agora desnortado– Fernando Savater, coa súa tendencia actual a facer declaracións grandilocuentes, afirmaba esta semana que “en España temos case 17 Estados e iso é unha multiplicación moi grande”. Permítanme que discrepe ante esta idea oportunista para cuestionar o Estado das autonomías. O filósofo vasco fixo estas declaracións no 32 aniversario da Constitución española, un evento que cada 6 de decembro provoca un estado de gracia nos nosos políticos, que de súpeto superan a permanente crispación e incluso son capaces de pactar, aínda que só sexa unha tregua de poucos días.

Vivimos nun tempo no que calquera asunto sirve para polemizar, dende a folga ilegal dos controladores aéreos ata as filtracións de Wikileaks e a detención de Assange. Non sei se alguén cae na conta de que a actitude pueril da caste política vai en detrimento da nosa imaxe exterior, en caída libre e moi deteriorada, nun proceso paralelo ao que experimenta a figura de Zapatero, que perde credibilidade cada día que pasa.

Deberiamos estar preocupados logo da publicación do último informe PISA, elaborado pola Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) a partir dos datos obtidos en 65 estados de todo o mundo, entre eles o español, que segue a estar nas mesmas posicións dende hai dez anos. Como conclusión, dicir que non melloramos en materia educativa e tampouco acadamos a media internacional. Isto si é un motivo máis que suficiente para abrir un debate serio, ante a conxelación que padece o dereito á educación garantido pola Constitución.

Pero seguimos a perder tempo con teimas artificiais e valeiras de contido, como é o caso do decreto do plurilingüismo en Galicia. A pesar do esforzo por explicar esta medida á sociedade, ninguén fai referencia ao feito de que non contemple o portugués como segundo idioma, algo que é posible en outras comunidades como Extremadura. O idioma luso, o sétimo máis falado do mundo -con 240 millóns de persoas- e a súa raíz común co galego permitiría que os máis novos tiveran a oportunidade de coñecer a lingua irmá, abríndolles posibilidades de desenvolvemento profesional en economías emerxentes como Brasil e outros países.

As lerias

Xaquín Campo.-

Teño un amigo eu a quen admiro como persoa, a quen quero como paisano e ao que leo con lecer na súa arte de ben escribir.

Cando falo da arte de ben escribir estou a falar do fondo e da forma.

No tocante á forma, escolleu o mestre Bergantiños a nosa fermosa e poética lingua galega. Arte galana e normal de expresármonos os que, sendo xa entradiños en anos, tivemos a sorte de recibirmos dos nosos devanceiros este fermosísimo idioma nas máis puras esencias e que queremos deixar en herdo aos máis novos.

As raíces concretas do noso autor xorden nas terras do antigo rei Vitiricus, Guitiriz, ás que eu por nacenza tamén pertenzo.

Xosé Bergantiños, sente e pensa, poetiza e relata, escrebe e comunica desde o corazón. Un corazón universal, porque el é home de infindas singraduras. Só quen non teña corazón ou padeza raquitismo cardíaco non saberá valoralo de verdade. Mas iso xa non é problema do meu señor Bergantiños, que voa a grandes alturas. Fiquei absolutamente engaiolado co seu primeiro libro “Arredor do meu río”. Aconsélloo sempre, utilízoo con moita frecuencia e mesmo o teño agasallado a moitos amigos. Todos eles me deron as grazas pola exquisitez de tal regalía.

Agora, con Lerias, (Ferrol 2010), estame a pasar algo parecido. Anque teño de recoñecer que, despois de dúas lecturas rápidas, quero volver demoradamente sobre este libro con outras dúas ou tres lecturas pausadas. E fareino a non tardar. Quero saborealo e tamén facerlle crítica seria, que todo autor estima de verdade. Bergantiños é un bo autor. Á volta do verán merece máis presentacións. Farémolas.

O conto, de seu, ten de ser breve. Se non está ben estruturado nótanselle moito os defectos xa sexa na presentación, no desenvolvemento, no ritmo e por suposto na coda final. Unha boa apoteose deixa na alma o pracer poético de algo ben feito, mesmo cando o fondo do relato sexa tráxico ou dramático. Bergantiños ten unha habilidade innata no manexo do difícil xénero literario do conto. Ademais, ao ser tan esixente consigo mesmo, resulta ser un escritor e relator excelente de contos. Métese na mesma vida. É un mestre.

Aquel día, na presentación, vin a Xosé coma tendo que andar xustificando algo no trasfondo e doeume, Como se, xentes que el aprecia, lle fixesen censuras non científicas. Iso non é leal. Eu podo non gustar de certas formas de Pérez Reverte. Mas o problema está en min. Reverte é un grande escritor.

Amigo Bergantiños. Ti es mariñeiro e marino de altura. Home de pensar profundo. Non te achicaron os temporais. Non deixes que se che seque o tinteiro. Aínda hai moito en ti do que estamos a necesitar. E só ti nolo podes brindar. Graciñas, meu señor.


MARTES, 14 de decembro, ás 5 da tarde na Casa Habanera de Guitiriz,
PRESENTACION DO LIBRO: LERIAS de Xosé BERGANTIÑOS MIRAGAYA.
Participan co autor: Xaquin Campo de Roca e Alfonso Blanco


A Plataforma da Alameda presenta a súa iniciativa no Concello de Vilalba

Redacción.-

Hoxe venres, ás 12:30 horas, tivo lugar a presentación no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba do dossier elaborado pola Plataforma Cívica " A Alameda, espazo da nosa memoria". Este movemento cidadán conta ana actualidade cun amplo apoio nas redes sociais de Internet (769 persoas en Facebook e 57 en Tuenti), ademais das 174 sinaturas acadadas a través da Rede, que se acompañan como documentos no dossier presentado esta mañá no Pazo do Consistorio de Vilalba.

Os responsables da Plataforma Cívica achegaron tamén un resumo de prensa -onde se pode comprobar a repercusión mediática desta iniciativa- e unha escolma das actividades realizadas nos diversos centros educativos de Vilalba durante o pasado mes de novembro, co deseco qde que os rapaces da nosa vila contribúan a que as decisións que se tomen no futuro sexan de xeito contrastado, consensuado e de respecto ao medio ambiente. A presentación do dossier no Concello correu a cargo da poeta María Xosé Lamas, que estivo acompañada polo xornalista Moncho Paz.

10 de dec. de 2010

Exposición de Galia Blanco en Caixanova, Vigo, ata o 19 de decembro

Redacción.-

Desde o pasado xoves, 4 de novembro, e ata o vindeiro 19 de decembro poderase disfrutar no Clube Financeiro Vigo en horario de luns a venres, de 19 a 21:30 horas, a exposición "Danzad, danzad malditos" de Galia Blanco. Segundo a propia autora, tomou da película Danzad, Danzad, Malditos, o título para esta exposición, porque resume en gran medida a cultura desde mediados do século XX. Case sen darnos conta, pero a toda velocidade, o máis incrible foise convertendo en cotián e, con iso, o pop art en máis necesario que nunca. Imprescindible, porque necesitamos a ironía, a visión dilatada no espello. Algo que nos faga parar en seco e permitirnos o luxo de pensar. Por iso, con esta exposición, a artista amosa, igual que co seu agropop, algunhas destas influencias, as que máis me calaron ou as que lle deu tempo a procesar.

Galia Blanco comezou a pintar moi pronto. Aos 13 anos expuxo por primeira vez. Licenciada en Xornalismo, publicou numerosas críticas de arte no Diario El Mundo Galicia, El Mundo del Siglo XXI, e na revista Galicia, entre outras e foi directora de Comunicación da Fundación Eugenio Granell.

Galia criouse entre artistas. Músicos, pintores, cineastas... eran familia, amigos e visitas habituais. Filla da primeira xeración de divorciados de España, tras corenta anos de ditadura, criouse coa súa nai, sen televisión, e xogando cos adultos a facer cadáveres exquisitos ou publicar revistas inviables aínda que cheas de entusiasmo. Desde nena fixo pequenos traballos en cinema (protagoniza un curto con 8 anos), teatro, talleres de videocreación... e publicou poemas e relatos, sempre alentada por un ambiente creativo, que desde moi pronto e para sempre estivo unido ao artista Antón Sobral, quen lle ensinou novas formas de gozar da arte e puxo nome e teoría ao que ela había intuído.

Participou en varias exposicións colectivas e fixo algunhas individuais, a primeira no Hispano 20 en Santiago, aos 16 anos, despois no Ateneo de Ourense e a Casa dá Cultura de Pontevedra, en 2003. En 2007 expuxo no Centro Social Caixanova, en Vigo e participou no II Certame de Artes Plásticas de Navacerrada. En 2008 expuxo na Casa de Galicia en Madrid. Ten obra na Colección Caixanova. Pegade o resto sobre este outro.

Guía Ilustrada da Galicia Invisible

Redacción.-

O vindeiro martes, 14 de decembro, ás 20:00 horas terá lugar a presentación en Lugo na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo) da obra Guía Ilustrada da Galicia Invisible. No acto interveñen: Manuel Bragado, director de Xerais, e Noemí López e Antonio Reigosa, autores da obra. Baixo o subtítulo de "Cidades, vilas e lugares desaparecidos, illas misteriosas, covas impenetrables, personaxes etéreos, montes aparentes, pozos insondables…" ve a luz este novo proxecto de Antonio Reigosa, acompañado de expresivas e vigorosas ilustracións a cargo de Noemí López.

Antonio Reigosa leva anos pescudando na mitoloxía e literatura de tradición oral de Galicia. Como resultado deste traballo xurden estes cen lugares unidos por un punto común, a desaparición dun sitio por unha maldición. Baixo a intención de amosar unha parte desa Galicia que non se ve Reigosa e López ofrecen, baixo a forma de álbum ilustrado, unha descrición visualmente atractiva e moi operativa para lectores de toda idade e condición para achegarse, dunha maneira asequible, a un capítulo relevante do noso imaxinario fantástico e facilitar, así, un percorrido por un universo cando menos “habitado pola memoria” e poboado por seres humanos e animais que talvez o sexan só en aparencia; seres que resultan operativos, asemade, para conducirse polas pegadas que conservan de outrora predios e construcións moi variadas.

A estratexia ou a concepción do libro pola que se optou sen dúbida é inmellorable: a partir dun mapa de Galicia apúntanse un total de trinta e cinco lugares que son referenciais para desenvolver outros tantos relatos, porque no fondo o tratamento literario que se lle outorga é ese, desposuídos de retórica e sometidos a un innegable proceso de estilización, que nos convidan a viaxar desde Antioquía á illa de San Barandán, de Lucerna ao Medulio, da cidade das tres doncelas transparentes a Cachiquimba onde saberemos dun apaixonante sucedido protagonizado por aqueles habitantes do castro Furriolo nas terras de Celanova. Historias, protagonizadas, por meigas e mouras, por maldicións e beizóns que pairan en tantos espazos visitados por santos, con covas de tesouros, baleas fantásticas e escolas de demos en lugares insospeitados… Un libro para crer, definitivamente, de tan ben contado e ilustrado que está, no que non se ve.

Hai unha Galicia visible e hai outra que non se ve inzada de reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar. Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, abrimos as galerías, franqueamos e iluminamos os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navegamos polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, a guiámosvos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio. Unha guía que fai visible o invisible.

Nomes da historia, personaxes coñecidos e mesmo divindades propias da cultura relixiosa e popular disfrázanse até sorprendernos coa forza inquietante da súa presenza. Lugares como Coristanco, Vilafranca do Bierzo, Os Ancares, Armenteira, Malpica, Guitiriz, Mondoñedo, Celanova, Cedeira, Fisterra, Compostela, Viveiro, Ares, Nigrán, A Guarda, Neda, Muros, Valdomiño, Cerdedo, Ferrol, Montouto, Vilachá e unha morea de illas que adornan a nosa costa, entre outros moitos, agochan un misterio que explica, ás veces, a orixe de certos emprazamentos e o carácter das súas xentes.

Antonio Reigosa (Autor), Noemí López Vázquez (Ilustradora)
Guía Ilustrada da Galicia Invisible
Vigo: Xerais
Colección: INFANTIL E XUVENIL & EDICIÓNS SINGULARES

104 Páxinas

9 de dec. de 2010