Comeza o curso

Fermín Bouza.-

Temos asistido a certo desprezo verbal polo ensino secundario nas declaracións dos cargos da Comunidade de Madrid, e asistimos á aplicación do axuste de persoal ao campo no que é máis necesario un avance conxunto e transideolóxico. Perdeuse emprego e púxose na rúa a numerosos profesores interinos polo procedemento de incrementar horas lectivas. Comeza agora tamén un novo curso na universidade, e dispómonos tamén a comezar, en moitos casos, o novo posgrao que Bolonia esixe, facendo un esforzo especial por dar un máster de calidade especial, con especiais esixencias e con especial preparación dos alumnos.

Como en todas as épocas de crise, os estudos de posgrao que levan ao doutoramento énchense, e a xente aproveita para aprender algo máis, e que lle poida servir para algo. Nós, no meu departamento, damos un máster en Comunicación Política, e imos tentar que a xente entre pola vía científica a ese tema, en competencia con milleiros de sesións patrocinadas por empresas ou universidades, a un alto prezo, para pasar uns días no Caribe e aprender Como se gañan unhas eleccións. Cun “título” destes no peto para que quere un ir á Universidade “científica”? Volves moreno, con noiva/noivo e titulado. Unha semaniña marabillosa. A destrución da ciencia e a súa substitución por estas historias prodúcese en todos os ámbitos, tamén nas ciencias naturais (Déixese de doutoramentos e aprenda a fabricar un bo xabrón), e é a liña que algúns políticos patrocinan.

En realidade é a liña que se vai impondo, e a ciencia acusa isto baixo a forma de deficiencias na investigación básica, e isto ocorre tamén en todos os campos. Este modelo falsamente productivista da educación hai anos que foi desprazado no seu berce, os EEUU do Norte de América, pero imponse agora en Europa. Cando a ciencia regresa con grande vigor ás universidades americanas aquí seguimos vendendo crecepelo. Alá, todas esas cousas que agora se impoñen aquí, foron relegadas a programas secundarios para a exportación. De portas para dentro, a cousa é outra. Levamos certo atraso nese proceso.

29/09/2011

Mostra de Janite en Pontevedra

Redacción.-

O Pequeno Karma, de Pontevedra, presenta unha selecta exposición de fotografía musical deste xove fotógrafo galego chamado Janite que desde os seus inicios centrouse neste campo percorrendo salas de concertos e festivais.

Como un espectador máis, pero cámara en man, convídanos a viaxar a festivais como Cultura Quente, Vigo Transforma, Paredes de Coura ou o FIB, e ao mesmo tempo a gozar por un momento das mellores actuacións das salas da nosa comunidade a golpe de click!

Leonard Cohen, Iggy Pop, Patty Smith, Sex Pistols ou Jonnhy Winter son algúns dos artistas que xa pasaron por diante do seu obxectivo, e dos que poderemos gozar a partir do próximo mércores 28 neste local pontevedrés sito na Rúa Charino 29. De 19.00 h. a peche.

Atentado en Vilalba

Xulio Xiz.-

Cando falo de Vilalba, góstame ter a festa en paz e se o tempo o permite, falar de cousas amables. Pero a actualidade está empeñada en levar a contraria neso da amabilidade e hoxe o tema dáseme obrigado.
É igual que o artefacto fose caseiro ou industrial, que causase desperfectos importantes ou leves, o certo é que se trata dun atentado terrorista, chámeselle kale borroka, suprema gamberrada ou calquera outra definición que bautice un delito coma este.

Que eu saiba, a primeira forza nacionalista galega, o BNG, foi a primeira en condenar este ataque contra a casa que foi residencia de Fraga e sede da Fundación Manuel Fraga Iribarne, sinalando que a violencia non ten cabida na sociedade galega, que o pobo galego ten clara conciencia pacifista e repúgnalle enormemente calquera tipo de agresión contra as persoas e os seus bens. Califica os feitos de lamentables e agarda que os
corpos e forzas de seguridade do Estado identifiquen canto antes aos responsables. O mesmo fixeron o Partido Popular e o Psoe, que lamentan este ataque contra a liberdade e a seguridade das persoas, que ven producir intranquilidade e trae consigo o risco para a seguridade dos vilalbeses.
Como a condena xa está feita por políticos e particulares, e xa o feito se condena por si mesmo, eu quero chamar a atención sobre feitos coma este ós que coidabamos estar alleos, que se manifestan de moi diversa maneira, e que en Lugo nas últimas semanas se traducen na queima de contedores de lixo, con altísimas chamas que chamuscan e queiman as fachadas diante das que están colocados os contedores, con importantes danos, susto para os afectados, e enrarecemento dun ambiente social  que precisa tranquilidade
para vivir normalmente.

Os recentes casos nas rúas dos Gardas e García Abad son chamadas de atención para as autoridades e corpos de seguridade, e esto de Vilalba un toque de atención importante cara o que puidera non ser máis ca unha gamberrada cunha certa especialización, ou un atentado con escaseza de medios. En calquera caso, preocupante.

Volve de novo Vilalba a estar no ollo do furacán informativo. Ó noso pesar.

O dito: góstannos máis as noticias amables que estas que nos falan de desaxustes nas cabezas dos aprendices de terroristas. E Vilalba merece seguir sendo o lugar tranquilo, cheo de xente normal, que se comporta con
Ogallá que poidamos axiña lembrar estes feitos como un mal soño dunha noite de comezos de outono.

28/09/2011

As San Lucas de Mondoñedo

Redacción.-

No mes de outubro celébranse en Mondoñedo as San Lucas, unha das máis importantes feiras tradicionais de Galicia. A orixe das festas das San Lucas atribúese ao bispo Martín, que as iniciaría para celebrar a consagración da catedral en 1246.
Pero todo apunta a que o seu inicio remóntase a 1156, ano no que Alfonso VII concedeu unha festa de oito días.

As feiras das San Lucas, que nos seus tempos, chegaron a durar quince días, son fundamentalmente de gando montaraz. Hoxe en día a duración das festas é de cinco días:
-O día 16 de outubro é o comezo as festas. Chámse xornada das "Revésperas". Este día ten lugar o pregón co que se abre oficialmente a festa.
-A xornada do 17 de outubro celébrase o día das "Vésperas".
-O día 18 de outubro é o de "As San Lucas", celébrase a feira e vívese unha intensa xornada de festa con diversas orquestras e outras actuacións.
-O día 19, "Día do Medio", vívese outra xornada de festa na cidade.
-Finalmente, o día 20 terminan as festas. É o día das "Maulas", xornada na que os feirantes venden os últimos produtos que quedan e que reciben o nome de Maulas.

24/09/2011

'Palabras encadenadas' no TAL

Redacción.-

O Teatro Arte Livre presenta ao público vigués unha invitada moi especial, a compañía de teatro de Murcia La Ruta, finalistas do Premios Max de 2011 como Espectáculo Revelación, unha atración que vai mover aínda mais a súa programación deste fin de semana do TAL. La Ruta, aclamada por público e crítica, é no momento unha das compañía de maior expresión e recoñecemento no mercado teatral de Murcia, non soamente pola aposta en escena que sempre explora teatralidade e creatividade, como tamén polo desafío de afrontar autores contemporáneos e clásicos.

O año 2009 arrancaba para a Cía. de Teatro La Ruta dun xeito moi especial. Cumprían dez anos apostando tanto por autores contemporáneos como Antonio Alamo, Ernesto Caballero, Emilio Martínez Lazaro ou Carles Mira, como por clásicos como Lope de Vega, Jean Genet, Fernando de Rojas, Marivaux o Federico García Lorca. 10 anos nos que La Ruta consolidouse no sector das artes escénicas en Murcia e conseguiu exportar os seus productos fóra das fronteras regionais. 10 anos de traballo ofrecendo ao púbrico espectáculos cheos de humor, drama e traxedia, e sempre co rigor que merece el teatro.

Para celebrar este aniversario a compañía puxo en escea “Palabras encadenadas”, de Jordi Galcerán (Premio Born de Teatre en 1995). Un texto intenso e duro, do que probablemente sexa un dos dramaturgos máis importantes na actualidade. Palabras encadenadas estreouse o 6 de marzo de 2009 no Auditorio de Beniaján, sendo representada posteriormente tanto en teatros da Rexión como de fóra de Murcia. Madrid, onde foi incluída dentro da Rede de Teatros e Auditorios durante o primeiro semestre de 2010, Xixón, Cuenca o Málaga son algúns dos lugares que visitaron.

A obra
Pechada nun escuro sótano, Laura, unha psiquiatra, contempla aterrorizada un vídeo no que un home confesa ante la cámara ser un asasino en serie. El é Ramón, un tipo aparentemente normal e inofensivo. Amordazada e atada nunha cadeira, Laura recoñece ao que foi o seu marido durante dos años. Ramón proponlle xogar ás palabras encadeadas. Se el gaña, deixaráa marchar; se perde, sacaralle un ollo. Presa e en pánico, Laura acepta. Así comeza esta historia de persecución, onde as regras do xogo cambian constantemente e non se sabe quen persigue e quen é perseguido. A historia de dúas persoas que buscan a verdade; máis a verdade aparece mesturada con mentiras e recordos dos feitos crueis, de dos personaxes dispostos a xogar ate o límite.

Palabras Encadeadas, estrea este venres 23/09 ás 22:00 h, con 3 única funcións no Teatro Arte Livre, na Rúa Vázquez Varela, 19 de Vigo.

21/09/2011

Solidariedade con Xornal de Galicia

Redacción.- O Consello de Redacción de A Voz de Vilalba amosa a súa indignación polo inminente peche do diario dixital xornal.com, considerado como o primeiro diario dixital en Galicia, con máis de dez anos de existencia. A editora do devandito medio, o grupo San José, anunciou onte a presentación dun ERE para extinción da empresa, que suporá a perda de 38 postos de traballo.

Esta decisión ten lugar mes e medio despois do peche da edición en papel de Xornal de Galicia, que conlevou o despido de 30 traballadores. A postura da compañía editora resulta ”un sarcasmo” -en expresión da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC)- pois recentemente pechou o diario en papel, pero confirmaba a continuidade da edición dixital e a posible recolocación dos traballadores.

A realidade, unha vez máis, supera a ficción e de novo xornalistas e traballadores dos medios vense abocados a unha desesperada situación vital coa perda dos seus postos de traballo. Neste senso, A Voz de Vilalba amosa a súa solidariedade cos traballadores de xornal.com, pois hai que lembrar que o proxecto de Xornal de Galicia foi apoiado directamente polo noso medio, como se demostrou co acto público de presentación do proxecto que tivo lugar en Vilalba no mes de abril de 2009, coa presenza de José Luis Gómez e Moncho Paz (na fotografía).

20/09/2011

Ruíña municipal

Antón Cendán Fraga.- Hai escasos días saltaba á luz pública unha noticia que noutro tempo estaría emprazada na sección de curiosidades de calquera xornal, pero que agora hai que tomala moi en serio. Resulta que o alcalde do concello berciano de Cacabelos decidiu investir unhas pequenas cantidades de diñeiro en xogos de azar para sanear as contas municipais nas que había unha débeda de once millóns de euros, herdados do anterior goberno. É dicir, os nosos conveciños están practicamente na ruína.


Pero por desgraza, non son os únicos. A grave situación económica dos concellos é un mal xeneralizado, de complicada solución. Para saber como se chegou a esta situación hai que buscar a súa orixe. Nos anos de bonanza económica os ingresos de moitos concellos disparáronse grazas aos cartos procedentes das licitacións de obras e da gurgulla inmobiliaria. Incluso, lembramos o caso dun alcalde galego que accedeu ao cargo en 2003 e laiábase de que o seu consistorio tivese unha elevada conta nun banco que estaba sen investir. Todo un exemplo de austeridade e moralidade pública.

Nos anos das vacas gordas dilapidáronse fondos locais para as máis diversas obras. Así, non faltaron campos de fútbol, casas de cultura, auditorios, piscinas municipais, polideportivos e un longo rosario de edificacións que facían a ledicia de calquera cidadán do concello onde se levantaban. Non entanto, en moitos consistorios carecíase dun axeitado servizo de recollida de lixo, de alumeado público ou de saneamento no rural. Evidentemente estas cousas non venden, electoralmente falando e non pasaban de ser detalles nimios.

Agora estamos a ver as consecuencias do que foi un feliz pasado ficticio. As contas, xa non é que non saian, o problema é que é imposible facelas. É moi fácil votarlle a culpa a crise financeira, pero a ninguén lle gusta votar a vista cara atrás e moitos menos nas actuais circunstancias. A bo seguro que a estas alturas a algunha corporación lle gustaría ter unha conta no banco sen investir. Pero, moito nos tememos que iso é pura ciencia ficción. Nos tempos actuais a moitos rexedores e aos seus equipos de goberno tan só lles queda mirar para ese marabilloso auditorio ou polideportivo lamentándose dese tempo pasado que foi mellor ou, coma no caso do de Cacabelos, xogar a bonoloto ou a primitiva. Se cadra hai sorte e pódense sanear as cifras dunha lexislatura. O inconveniente que ten isto último é do pretender vivir coma novos ricos. Así, repetiranse os erros do pasado.

19/09/2011

Proposta cultural de 'Espacio Sirvent'

Redacción.-

'Espacio Sirvent' é a nova proposta presentada por Sirvent mobiliario contemporáneo, de mans do comisario Anxo Calvo Ulloa. Situada en Gran Vía 129 de Vigo, a intención é ofrecer unha programación que aúne arte e deseño e que contemple as súas diferentes posibilidades e puntos de vista.

Exposto como unha partida de xadrez, o primeiro paso de Espacio Sirvent será o próximo 21 de setembro ás 20:00 no que o arquitecto Alfonso Penela charlará e falará das características do espazo que el mesmo deseñou para a firma viguesa.

Con este acto porase en funcionamento unha serie de propostas que até o mes de febreiro de 2012 configurarán esta primeira fase do espazo e que contarán con nomes como díez+díez deseño, da man de Javier e José Luís Díez ou o músico Carlos Quintá, entre outros.

A liña sobre a que camiñarán as intervencións foi elaborada polo equipo Sirvent e Anxo Calvo Ulloa que, nos últimos meses, han ir dando forma a unha axenda de actividades que aos poucos se irá desvelando.

Prantacións ilegais de eucalipto

Redacción.-


Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego desprazarase até unha finca no concello do Pino para protestar contra as plantacións forestais que non respectan as distancias que esixe á lei con respecto ás fincas agrarias adxacentes. A pesares de oficializarse denuncias, este tipo de plantíos seguen impunes e afectando gravemente ás producións agrogandeiras, un problema xeneralizado en toda Galiza. Neste caso concreto, iremos até unha leira de millo afectada por un plantío de eucaliptos que chega a escasos centímetros das súas estremas.

Para facilitar o labor dos medios de comunicación, estableceuse un punto de encontro dende o cal nos desprazaremos, xornalistas e representantes do Sindicato Labrego Galego, cara á plantación denunciada. Este lugar está no quilómetro 702 da estrada N-634 (Santiago de Compostela-Curtis) e a hora de encontro será as 11:30.

18/09/2011

VI encontro de escritoras/es novas/os

Redacción.-

Hoxe celebrouse o VI encontro de escritoras/es novas/os AELG. Unha edición máis ao redor da palabra á escoita das ideas e proxectos dos novos autores e autoras. Unha oportunidade de achegarse ás novas linguaxes, tecnoloxías e pegadas dixitais que os tempos nos presentan, abríndonos outras posibilidades na comunicación e no diálogo necesario.

O programa dos actos foi o seguinte:

10:30 conferencia inaugural As revistas literarias na era dixital. Alternativas
Tati Mancebo

12:00 Mesa 1 Crear desde a ventá
Coordinadora Antía Otero
Relatoras/es Estíbaliz Espinosa, Leo F. Campos e Ana Cibeira

16:30 Mesa 2 As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro
Coordinadora Elvira Riveiro
Relatoras/es María Xesús Nogueira Pereira, Montserrat Pena Presas e
Gaspar Domínguez

19:00 Recital Sulxeitos música
Recitadoras Andrea Nunes, Berta Dávila e María Rosendo

17/09/2011

Misterio en Vilalba

Xulio Xiz.-

Por aquelo de que sempre hai alguén que está á que salta, un amigo preguntoume a finais da semana pasada que ocorría en Vilalba, e eu non souben responder como non fose o rebumbio do final das festas ou os actos que se celebraron como aniversario da morte de Manuel María e do Día da Cultura chairega.

O meu comunicante tentou apretarme máis e atopoume totalmente ignorante dese suceso luctuoso que tanto lle chamara a atención, do descubrimento do cadáver dun home no maleteIro dun coche, en Vilalba.

Eu, que aquel día andivera itinerante sen tempo para vincularme ó acontecer diario, quedei abraiado e procurei información dun caso que parece sacado dunha novela de misterio.

Antes o ámbito de temas coma este quedaba circunscrito ás películas, onde podían ocorrer os feitos máis extraños, e canto máis extraños fosen máis atracción tiña o filme. Por certo que esta noticia veu coincidir no tempo coa presentación en Lugo da XXXIII Semana de Cine de Autor, co que o ambiente era propicio para calquera acontecemento, por desusado que fose, que o cine é unha fábrica de soños convertidos en realidades.

Ademáis do cine ou nas novelas que orixinaban este tipo de películas, estes feitos existían na realidade, pero nunca preto de nós. Eso nunca pasaba en Vilalba, nin en Rábade, nin siquiera en Lugo... Sempre ocorría na lonxanía do extranxeiro, ou nas capitais importantes e, chegado o caso, nas zonas de forte incidencia turística precisamente pola afluencia de extranxeiros que trasladaban ó noso país as violencias ás que se supuña que estaban acostumbrados.

Pero demostrado queda que estas cousas tamén poden pasar entre nós, aínda que nos sorprendan extraordinariamente. Pode que sexa unha consecuencia da "aldea global" onde o local trascende a xeral, e os feitos locales collen relevancia de acontecementos de primeira orde.

O certo é que o misterio en principio estaba garantido co descubrimento por parte das forzas de seguridade dun cadáver no maleteiro dun vehículo, caso no que teñen traballado a marchas forzadas para concluir que se trata dunha pura traxedia persoal, e que a morte ocorreu por causas naturais, co que se elimina un dos factores que convertiu Vilalba por unhas horas na tristeira protagonista informativa dun misterio por entregas, pero queda a traxedia silenciosa dun home morto no maleteiro dun coche que, sen saber por que, se tiña transformado na súa casa.

Pero estamos tan afeitos a que este tipo ou outro de traxedias nos sacudan a calma e o corazón case a diario, que o acontecer cotián irá limando as puntas máis áridas deste recordo, e nun par de semanas poucos lembraremos este feito.

Que do mesmo xeito que a dor dun cravo quítase coa dor do cravo seguinte, a sorpresa informativa vaise aminorando cos seguintes acontecementos dos que vaiamos tendo noticia, ata case desaparecer en canto calquera outro acontemento desplace na nosa imaxinación o mal cheiro dun asunto do que se tivo noticia precisamente polo mal olor que se desprendía do coche no que estaba pechado o cadáver.

É de desexar que esquezamos axiña este feito luctuoso, e que Vilalba volva ser o sitio tranquilo para vivir onde aínda se pode camiñar, de día ou de noite, polas rúas que comezan a canalizar o outono, coa maior tranquilidade do mundo.

16/09/2011

A débeda das Letras Galegas con Madrid


Xavier Frías Conde.- A literatura en lingua galega tivo sempre unha sede lonxe do seu territorio natural e non estou a me referir a Buenos Aires, senón a Madrid. Case todos os grandes persoeiros da literatura galega, a comezar por Rosalía e Murguía e a seguir polo último homenaxeado das Letras Galegas, Loís Pereiro, pasaron tempadas longas da súa vida nesa cidade. Porén, esta é só unha parte da realidade, outra menos coñecida e moito máis dinámica e que Madrid segue a ser caldeira onde bole a literatura galega.

Ademais dunha ducia de autores que viven na capital de España e crean en galego, existe unha dimensión cultural importantísima que non pasa desapercibida, onde mesmo dúas universidades, a UNED e a UCM, dedican tempo e esforzos a promover a literatura en lingua galega. O motor da creación galega nos últimos quince anos é o chamado Grupo Bilbao, así chamado por teren un faladoiro na Glorieta de Bilbao no delicioso Café Comercial. Alí foi fundada a colección de cadernos poéticos O Roibén, que está a espera de renacer nunha segunda época, nese mesmo formato de cadernos.

Por tanto, considero inxusto o desinterese, en moitos casos a mantenta, que se fai do Grupo Bilbao e dos escritores galegos de Madrid, pois ao meu ver teñen todos eles moito que dicir no ámbito literario galego.En Madrid celébrase o Día das Letras Galegas durante unha semana enteira e con tantos actos como se poden facer nas máis das cidades galegas. Hai público e, ademais, a presenza de autores galegos en Madrid está a ser unha marabillosa montra para os eventuais lectores de lingua non galega. Non en van, de aquí xurdiron xa varios poetas alógrafos dunha excelente calidade poética.  Paga a pena achegarse, ver e coñecer. Estades todos convidados aos faladoiros galegos do Café Comercial nos últimos sábados de cada mes a partir das catro. A palabra en galego, con café, sabe aínda mellor.
_______________
Fonte: Editorial Galaxia

15/09/2011

Fernández Paz, Premio SM


Redacción.- O escritor chairego Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) gañou o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, segundo anunciaron os promotores do certame na cidade de Guadalaxara (oeste de México). O autor, que é Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España (2008), foi galardoado "pola súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas", dixo Verónica Abud, presidenta do xurado e representante da Organización de Nacións Unidas para a Educación e a Ciencia (UNESCO).
O obxectivo deste premio, que ten unha dotación económica de 30.000 dólares (preto de 22.000 euros) e entrégase na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (FIL), é o recoñecemento daqueles autores que desenvolvan a súa carreira literaria no ámbito do libro infantil e xuvenil. O galardón seralle entregado a Fernández Paz o próximo 29 de novembro na XXV edición da Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (FIL).
Fernández Paz ten unha longa traxectoria e xa gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil concedido polo Ministerio de Cultura de España en 2008 pola súa obra en galego O único que queda é o amor. Comprometido coa defensa do galego, Fernández Paz dixo que escribe nesta lingua por ser aquela en a que se desenvolve a súa vida cotiá, e, aínda que en principio isto puido ser un obstáculo coas editoriais, actualmente a práctica totalidade das súas obras están traducidas tamén ao castelán.
Os gañadores anteriores do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil foron Juan Farias (España), Gloria Cecilia Díaz (Colombia), Montserrat Amo (España), Bartolomeu Campos de Queirós (Brasil), María Teresa Andruetto (Arxentina) e Laura Devetach (Arxentina). O xurado desta edición formárono, xunto a Abud, Julia Calzadilla, representante do Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC); Alicia Molina, do International Boards of Books for Young People (IBBY); Teresa Colomer, da Organizacion de Estados Iberoamericanos (OEI); e Xavier Senín, da Fundación SM.

13/09/2011

Ás veces dá noxo!!

María Xosé Lamas.- Dá noxo escoitar voces alleas á nosa realidade. Demagoxia pura e dura… sen senso nin cor. Aínda apenas esperta, poño a radio. RNE de Galicia, desta volta: entrevista ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. As típicas preguntas. Como se presenta dende o punto de vista político o curso escolar que agora dá comezo; que hai das protestas do profesorado en canto ao aumento do horario de atención ao alumnado; que hai das bolsas para libros gratuítros….???
Unha voz amábel contesta dende o outro lado da liña. Todo perfecto! A consellería responde polas súas decisións – tomadas como todos sabemos en tempo de vacacións, para que non os atrape a indignación- sobrias e con recortes orzamentais: todos sabemos que estamos en crise….En crise! Claro. Como non había de ser unha desculpa perfecta para uns recortes tan desexados pola súa parte! Iso si, non irá nunca en detrimento da mellora da calidade do ensino…!
Pois, para comezar, señor conselleiro, hai moreas de accións nas que “recortar” sen ter que tocar aos orzamentos de educación. Pense vostede só na cantidade de “programas educativos” –entre moitas aspas– que vostedes a cotío realizan espallando arrogancia sen senso común e que nunca son nin serán operativos por falta de perspectivas realistas. Pense na cantidade de propaganda da que fan uso gastando porcentaxes impensábeis de cartos que moi ben podían estar destinados a actividades máis produtivas… Pense!!! E déixese de parvadas! Temos, os que traballamos verdadeiramente no ensino, saturadas as nosas mesas de proxectos inservíbeis, produto de mentes ociosas, sen os pés na terra. E a nosa realidade cotiá é outra, moi distinta; e os nosos obxectivos, moi diferentes e centrados sempre nun alumnado ao que vostedes non teñen nunca en conta. Énchen a boca coa palabra “sociedade”, o que ela precisa, segundo vostedes coidan… Pero, perdoe, están moi lonxe de coñecela. E a tan nomeada “mellora da calidade do ensino” en aras á que din que vai enfocado o aumento de horario de atención ao alumnado que impuxeron sen negociar, coma sempre…?
Señor Vázquez, as tarefas do profesorado para co seu alumnado distan moito das que vostedes queren impor taxativamente. A quen queren enganar? De certo pensan que obrigando aos profesores a estar dúas horas máis no centro facendo tarefas de garda e custodia dos alumnos vai mellorar a calidade do ensino. É iso o que pensan na súa consellería? Que errados están! Para mellorar a calidade do ensino é preciso cambiar moitas cousas, é certo, pero entre elas non está precisamente o feito de obrigar a tarefas para as que o profesorado nin está obrigado, nin lle corresponden directamente. Quere aumentar o horario? Pois ben, fágao, aumentando o número de horas lectivas. Que son cinco diarias? Que sexan seis, así poderían impartirse materias moi importantes aos nenos e nenas que non se están a dar; así poderíase coordinar o traballo do cento colectivamente, valla a redundancia, e sermos todos os docentes responsábeis de actividades tan importantes coma o fomento da lectura (levando a cabo un operativo plan lector, do que só lles importou sempre o documento burocrático), funcionarían departamentos tan importantes como o da dinamización da convivencia escolar, a biblioteca, as TICs e outros proxectos como o seu tan mencionado Abalar… Non se decata das incongruencias que están a amosar?
Nos tempos que corren, ningún docente se negaría a aumentar o seu horario de traballo. Iso si, sempre que fora coherente co seu bo facer profesional.
Nada comento, señor Vázquez, da súa resposta ante a pregunta que lle facían esta mañá sobre a gratuidade dos libros de texto, nin do xeito tan simple de respondela. As bolsas redúcense… “a crise” outra vez. Non podía ser doutro xeito: cifras comparativas con gobernos anteriores son perfectas razóns para esquivar a responsabilidade de seu. Xa estamos afeitos, descoide. Abonda con cambiar de tema e gabarse de feitos que nunca foron realizados por vostedes, está claro; que herdaron deses gobernos a quen tanto desprestixian: aumento das cotas para comedores en prazas e orzamento, mellora do transporte escolar… Non nos conte máis. Sabemos que todo iso foi acadado por vostedes, sen dúbida…!
Abonda de demagoxia. Xa ninguén os cre! Até outra, señor Vázquez e deséxolle un bo comezo de curso escolar, vaille facer falla!

11/09/2011

Conversa con Agustín Fernández Paz

“Co galego falta vontade política”

Mario Paz González.-

Quen a teña escoitado algunha vez, saberá que a voz de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), un dos autores máis prolíficos e valorados da literatura galega, soa coa mesma claridade e intensidade que a voz das súas novelas. Tamén con esa urxencia incontible do bo contador de historias. Con el falamos da súa última obra, Non hai noite tan longa, pero tamén doutros moitos temas: a Memoria Histórica, a situación do galego, a importancia das tramas narrativas, os prexuizos lectores, a Literatura no ensino...

PREGUNTA. A túa última novela, Non hai noite tan longa, contén referencias a outros xéneros como o fantástico (presente noutras obras túas), tamén á novela negra... Foi premeditada esa mistura ou xurdíu espontáneamente?
RESPOSTA. O da novela negra foi premeditado. Eu son, desde hai moitos anos, un bo lector dese tipo de novela na que, aproveitando unha historia, faise unha análise crítica da sociedade. Ademais, para contar algo, non hai mellores tramas que as da novela negra, pois dun capítulo vanche levando ao outro, ata o final. O elemento fantástico é unha especie de marca da casa. Sobre todo eses elementos fantásticos ambiguos, como ocorre neste libro que, ao estar en primeira persoa, non sabemos se son realidade obxectiva ou visións da voz narradora. Neste caso, ademais, o fantástico permíteme falar con máis amplitude da vida real, se non tería que recurrir a un documento deixado polo pai morto ou outro recurso similar. Pero é moito máis directo usar unha tradición tan galega como é a das visións, a dos aparecidos. Unha tradición coa que eu medrei, pois cando eu era cativo todo o mundo, ata os maiores, crían nas visións.

P. O da ambigüidade que dis fai pensar na Odisea de Homero, á que fas referencia na novela, porque tamén pode lerse como realista ou fantástica. O que conta Ulises da súa viaxe podemos pensar que o inventou ou que lle aconteceu de verdade.
R. Efectivamente. Ademais son incontables, e inevitables, as referencias dos que escribimos á Odisea e, ás veces, case sen nos decatar. Neste caso, está esa idea de alguén que regresa e que, por riba, ten que levar a cabo unha sorte de vinganza, como Ulises cos pretendentes. É algo que está no caldo do cal un se nutre á hora de escribir. Pensa na de westerns co esquema dun tipo que chega ao pobo para facer unha vinganza. Dalgún xeito as tramas son debedoras unhas das outras, é literatura sobre literatura.

P. Hai unha serie limitada de tramas que se van repetindo.
R. Exacto. En La semilla inmortal uns profesores cataláns [Jordi Balló e Xavier Pérez, Anagrama, 2004] fan unha síntese de vintetantas tramas fundamentais do cine, pero que poden trasladarse perfectamente á literatura. As tramas están todas contadas xa, fanse novas cando nunha novela créanse uns personaxes, unhas situacións, unha visión do mundo nova.

P. O protagonista, Gabriel Lamas, tenta pechar unha ferida do pasado. Ti falas de vinganza, pero canto hai de vinganza ou de desexo de xustiza na súa actitude?
R. Vinganza posiblemente non sexa a palabra exacta. Se cadra utiliceina por comodidade, pero coido que é algo máis fondo, que poida ter matices. O move unha razón doble. Por unha banda saber a verdade, o que eu compararía co esforzo de Emilio Silva e os da Memoria Histórica de abrir unha fosa máis para desenterrar o pasado. Lamas sinte que iso élle necesario para seguir vivindo. Por outra, tamén é a historia da miña xeración, que non se fixo públicamente as preguntas. Os que si as fixeron son os netos dos que sufriron. Gabriel Lamas, aínda sendo fillo, ten tamén que abrir esa ferida mal curada para, como se di ao final, curala. Pero todo isto está no inconsciente do autor, porque cando escribes, aínda cuns esquemas previos e documentación, hai unha historia que vai tirando de ti e estas reflexións fanse a posteriori.

P. Lamas fuxíu de Monteverde, un lugar claustrofóbico onde seguen presentes moitos medos do pasado que imposibilitan que a verdade saia á luz. Canto disto pensas que segue existindo aínda hoxe na sociedade galega?
R. Monteverde é unha vila imaxinaria pero, obviamente, feita con retallos, tanto de Vilalba como doutros lugares que coñezo ou que coñecen amigos meus e que poden ser un paradigma de calquera vila galega ou española. Hai unhas semanas lerías, coma min, na prensa o desa vila de Ávila na cal desenterraron os cadáveres duns represaliados e negáronse a que os enterraran de novo, destrozaron o monumento... Feitos como eses obedecen, obviamente, a que tantos anos despois aínda doe o pasado da guerra civil, aínda hai unha ferida. Hai unha oposición, sobre todo por parte dos descendentes dos vencedores, de non querer saber para así poder pasar páxina definitivamente. Algúns amigos dínme que a visión que dou é real, e eu coido que esta cerrazón estivo en toda España e en toda Galicia aínda que, se cadra, nas cidades menos.

P. Pódese, pois, ler a novela como unha alegoría da Memoria Histórica?
R. Evidentemente si. Eu centreime nun caso individual que servira de paradigma, pero non é tan explícito como noutros libros meus como Corredores de sombra. Neste caso hai un axuste de contas coa mocidade que nos tocou vivir á xente que fumos novos nos anos sesenta ou primeiros setenta. Claro que peor foi o que viviu a xeración anterior.

P. Xa que citas Corredores de sombra. Poderiamos estar a falar dunha triloxía formada por esa novela, Noite de voraces sombras e Non hai noite tan longa?
R. Si. Dalgún xeito si. Está claro que o tema do pasado e da necesidade de desenterrar o pasado e de coñecelo para poder, como din os políticos, “pasar páxina” e curar as feridas está nos tres libros. Hai por aí algúns fíos que os unen.

P. Como a sobriña de Gabriel, Milena, e a protagonista de Corredores de sombra.
R. Efectivamente. Ambas as dúas responden ao mesmo modelo de persoa que eu quero crear. É a idea de que a xente que eu tiven nas aulas, a xente nova, son os que realmente poderán superar estas feridas. A dos bisnetos da guerra posiblemente sexa a xeración que poda coñecer como foron as cousas, pasar páxina e facer que estas feridas sexan só historia. Eu quero representar aí a forza da mocidade e a idea de que son o futuro e hai que confiar neles. Non costa ningún traballo imaxinar a Milena por exemplo, agora mesmo, coordinando algunha historia dos indignados.

P. Falas de axuste de contas coa túa xeración, a xeración que vivíu os sesenta. En certa ocasión ti dixeches que a ditadura vos roubou a posibilidade de ler autores fundamentais ou de ver películas esenciais que, ou ben non chegaban, ou ben facíano tarde e censuradas. Canto hai de sentimento autobiográfico nisto?
R. Iso hai que vivilo porque aos máis novos cóstalles entendelo. Na presentación do libro n’A Coruña contei unha anécdota actual mínima, pero que axuda un pouco. Hai unhas semanas botaron na tele Un tranvía llamado deseo, con Marlon Brando e Vivien Leigh, e, ao vela, observei que había media hora de máis na que os protagonistas falaban en inglés. Non estaba dobrada porque eran os anacos que a censura cortara. Agora a historia da película víase moito máis clara. E iso pasou con moitas outras. O cine que se estaba a facer daquela non nos chegou. E se chegou, fixoo mal. No que se refire ás novelas, son lexión os autores que non puidemos ler ata ser persoas adultas cando entraron a finais dos setenta ou oitenta. Os discos de Paco Ibáñez chegaban con menos cancións das que tiñan orixinalmente e ata aos Rolling Stones lles tocou.

P. Moitos dos personaxes positivos das túas novelas teñen unha fonda relación coa lectura. Como ves, como escritor ou lector, o panorama actual?
R. Eu aí teño unha postura dual. Penso que hai que traballar na promoción da lectura porque enriquece ao ser humano e porque é unha práctica fundamental para construires unha sociedade democrática. Pero tamén teño claro que na época actual lese moito máis que nas anteriores e hai ferramentas, como as bibliotecas, ao alcance de todos que antes non había. Ás veces escoitase esa idea de que antes líase máis, pero non sei de quen se está a falar porque na época na que eu era neno, ou mozo, liamos moito uns pouquiños. A inmensa maioría non lía nada ou só a Marcial Lafuente Estefanía, Corín Tellado e similares. E iso que non había televisión que se non, nin iso lerían. O réxime franquista miraba de xeito sospeitoso aos lectores e aos libros mesmos e a política de bibliotecas era prácticamente inexistente. Os grandes autores de literatura infantil e xuvenil tivemos que lelos xa cando estaba a piques de morrer Franco ou despois da súa morte.

P. Hoxe, na xente nova, hai unha falta de prexuizos lectores moi de valorar, pois tanto poden ler ciencia ficción como autores sesudos. Que pensas ti deses prexuizos que había antes, mesmo frente á literatura xuvenil?
R. Eses prexuizos eran moi agudos nos anos sesenta e aínda quedan algúns, pero eu diría que están en franca superación. Hoxe, polo menos quen ten unha certa preocupación pola cultura, merca un cómic coa mesma liberdade que un libro, e a novela negra xa ten o estatus que merece. A ciencia ficción quizais non, e iso é un camiño por percorrer. En canto á literatura xuvenil, aínda existen prexuizos, pero están moi disminuidos respecto ao que había uns quince ou vinte anos atrás. De feito, penso que o que pode definir unha novela como de adultos ou non son as técnicas narrativas máis complexas que farán que o hipotético lector teña que ter unha madurez lectora que, moitas veces, os mozos non teñen. Ás veces moita xente adulta tampouco e, polo tanto, moita da novela que hoxe hai nas librerías podería calificarse como xuvenil.

P. Unha das cousas máis valoradas das túas novelas polo público e a crítica é a perfecta arquitectura das tramas. Como consegue Agustín Fernández Paz isto?
R. Eu sempre digo, cando penso niso, que procede de que son unha persoa á que lle gustan moito as historias, o cine, a literatura... Cando un quere narrar algo hai que elaborar unhas tramas que sexan consistentes e atraentes para os futuros lectores, que os fagan vivir na novela ata que remata. Iso é tamén oficio. O mesmo ocorre con esas películas que, contando cousas moi serias, fano cunha trama moi atractiva. Eu apúntome a esa forma, aínda que se pode escribir doutras. Pero, como lector, agradézoo.

P. Non hai noite tan longa está chea de referencias culturais (Shakespeare, Bergman, Homero…) e tamén poéticas (Cernuda, Valente…) moi presentes noutras obras anteriores. Como é a relación de Agustín Fernández Paz coa poesía?
R. O certo é que merco bastante poesía e hai etapas nas que leo máis, porque lese dun xeito diferente á prosa. Tes que ter o libro a man para lelo e relelo. Paréceme que é, desde logo, a forma máis esencial da literatura e a máis difícil tamén. O bo poeta consegue transmitir, non só a súa visión do mundo, senón tamén as súas vivencias e emocións dun xeito que a prosa non pode. Cantas veces me ten pasado a min que acabo aprendendo un poema de memoria e non se me desvela o seu contido ata que un día, repetíndoo pola rúa, descubro un significado esencial que non percibira antes. Agora gústame moito Joan Margarit, un poeta catalán extraordinario, máis ou menos da miña idade e que ata hai seis ou sete anos non coñecía. Hai outros que me acompañan desde sempre, como Valente, Vallejo ou Ferrín, dos que leo todo. En canto aos poetas novos voume fiando un pouco das lecturas da crítica e do que me di outra xente.

P. Para alguén que confesou nalgunha ocasión que os anos nos que comezou como docente, a mediados dos setenta, foron os máis intensos da súa vida, que pensa da situación actual do ensino, cos currículos que marxinan claramente á Literatura en particular e ás Humanidades en xeral?
R. Iso é un asunto moi longo. O ensino actualmente vai por camiños que non me gustan, contrarios ao que eu defendería, cuestións como que contribúa a correxir as desigualdades sociais en lugar de aumentalas ou que teña unha marxe de liberdade curricular ou mesmo horaria. Pero actualmente estamos vendo como ocorre o contrario. Sei que a educación é como un trasatlántico, costa moito facer que vire só uns graos de dirección, pero cando vexo os meus trinta e pico anos de ensinanza decátome de que os froitos están no que persoalmente puido aproveitar ou non cada rapaz ou cada rapaza cos que estiven. A miña xeración conseguiu con ben traballo algúns froitos que hoxe se dan por feitos. Pero tamén queda un pouso de insatisfacción porque queda moito por facer. O do menosprezo das Humanidades é tráxico. Está no ensino, pero tamén na sociedade en xeral. Eu non sei se hai cerebros ocultos detrás disto, pero é certo que hai unha vontade de marxinar coñecementos que poden non ser “imprescindibles”. Aínda que eu creo que a literatura, a música ou a arte si o son para calquera traballo e para a creatividade das persoas, básica para que a sociedade poida avanzar.

P. A túa obra é moi ampla, chegando a reunir ata catro ou cinco libros no mesmo ano. De onde saca o tempo Agustín Fernández Paz?
R. Iso son casualidades editoriais. Moitas veces os libros non se publican cando se escriben. Hai épocas de escritura intensa nas que non se publica nada e, ao mellor, un ano a editorial decide sacar aquel libro que estaba aparcado. Por iso non coincide cronolóxicamente a orde de publicación coa de escritura. Durante moitos anos, como os últimos noventa ou os primeiros deste século, escribín con moita intensidade, coa sensación de que se me ía acabar a vida e tiña que deixar escrito todo que quería.

P. A túa obra obtivo moitísimos recoñecementos, moitos deles fóra de Galicia, a nivel internacional, como a candidatura ao Andersen no 2012, considerado o Nobel da literatura infantil e xuvenil. Foi difícil, xa que logo, tomar a decisión de rexeitar o Premio da Cultura Galega que che concedeu a Xunta en 2010?
R. Unha decisión desas nunca é fácil. Pero que neste caso eu, como membro activo de Prolingua, viña de promover unha petición na cal se dicía que, se alguén recibía ese premio, o rexeitara polas condicións que se daban. Por iso cando mo outorgaron a min, tras agradecerllo ao xurado, que non ten culpa destes avatares, non podía aceptalo.

P. Como ves a situación actual do galego?
R. Con moitas facetas. Vexo que hai retrocesos e tamén avances. Estou moi orgulloso da súa presenza na rede, ligada case sempre a posturas moi creativas e activas. Pero, cando vou ao País Vasco ou a Cataluña, penso que falta unha vontade política, que faltou case sempre e que é imprescindible en calquera lugar, xa sexa Francia, Madrid... Aquí agora máis que indeferenza o que hai é unha política agresiva. No comezo da lexislatura foi sumamente agresiva e agora permanece unha postura de desconfianza respecto ás cuestións que teñan que ver coa lingua ou coa cultura galega en galego. Se é música ou pintura, digamos que “estorba” menos, pero se é cine, teatro ou literatura da a impresión de que hai unha política deliberada de cortarnos as ás ou, seguindo a metáfora do bonsai, de cortarnos as poliñas e non deixar que o bonsai medre.

P. Cal é o teu próximo proxecto. Que nos podes contar del?
R. Teño dous libros pendentes de saír. Un de relatos de medo, que aparecerá non sei cando, e unha novela curta moi interesante escrita xa hai tempo e que, se houbera sorte, publicaríase nos vindeiros meses. Penso, que é unha mágoa que non saíra antes da cuestión dos indignados porque, dalgún xeito, enlaza con eles. En canto ao que vou escribir, a verdade é que teño por riba da mesa varias cousas, pero non sei por cal lanzarme. E logo, noutro tipo de libros, acaba de chegarme hoxe á casa un novo que escribín para os lectores máis pequenos, de oito anos en diante, moi ben ilustrado e que se chama Corazón de pedra.


IMAXE: Agustín Fernández Paz na homenaxe "O escritor na súa terra" feita en Vilalba o 20 de xuño de 2009. Fotografía de Paulo Naseiro.

Memoria da Chaira enteira

Redacción.- O pasado xoves, 8 de setembro, celebrouse en Outeiro de Rei o sétimo cabodano do pasamento de Manuel María. Despois do xantar de fraternidade no Restaurante Río Ladra, en Gaioso, tivo lugar un recital poético en Penas de Rodas e de seguido o prego no Cemiterio de Outeiro de Rei, este ano a cargo de Xosé Vázquez Pintor e a ofrenda floral na sepultura do noso escritor da Chaira, para rematar co rito compartido “A navalla do Manuel”.
Nesta ocasión, ea entrega correu a cargo do receptor da navalla na derradeira edición, o xornalista Xulio Xiz Ramil, ao escritor David Otero. Todo elo en presenza da súa viúva Saleta arroupada polos amigos e amigas que cada ano a acompañan.

Asemade, onte venres, no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba celebrouse un outro acto na memoria de Manuel María organizado polo Instituto de Estudos Chairegos no que se proxectou o filme de Jorge Coira “ 18 comidas”, que contou coa asistencia do realizador lugués.
_________
Foto: Alba Sofía

10/09/2011

Presentación de "18 comidas"

Redacción.-

O director chairego Jorge Coira presentou onte en Vilalba o seu último filme, 18 comidas, no marco da celebración do Día da Cultura Chairega, organizado polo IESCHA.

O realizador, que disculpou a ausencia do produtor da fita, o actor Luís Tosar, por compromisos ineludibles, agradeceu a acollida de público e crítica a esta obra, que conta seis historias ao longo dun único día de ficción.

18 comidas é un filme de formato pouco convencional, cun moi bo guión máis con diálogos abertos á improvisación, e que viaxa a través de dezaoito comidas, almorzos, xantares e ceas, que nos fan partícipes de algúns deses momentos que poden cambiar una vida.



Fotos: Paulo Naseiro

Reportaxe: Memoria da Chaira Enteira 2011

Alba Sofía Naseiro.-



Reportaxe fotográfica dos actos de homenaxe ao poeta Manuel María, no cabodano do seu falecemento, nos lugares de Penas de Rodas, o cemiterio de Outeiro de Rei e a campa de Santa Sabela.

DARDO na Feira de Río

Redacción.-

Este ano celébrase a primeira edición da FEIRA INTERNACIONAL DE ARTE CONTEMPORÂNEA DO RIO DE JANEIRO. Entre os días 8 e 11 de setembro DARDO magazine estará presente na recentemente nada feira brasileira para mostrar a publicación aos visitantes e os profesionais do sector cultural que acudan ao evento.

Na caseta de DARDO preséntanse os últimos números da revista, así como outras publicacións editadas por DARDO, outorgando especial atención a aquelas dedicadas a analizar a obra de artistas brasileiros. Entre elas libros como ARTECIDADE / ZONA LESTE ou as monografías dedicadas ao traballo dos artistas Albano Afonso, Marco Giannotti ou Cabelo, entre outras.

Para máis información sobre a feira ou DARDO:
www.artriofair.com.br / www.dardo-ds.com / www.dardonews.com

'Le Frigo' no Teatro Arte Livre

Redacción.-

A programación do ultimo semestre do ano do Teatro Arte Livre está a toda vapor e promete atender aos mais exigentes do humor inteligente. Desembarca neste fin de semana no TAL-TEATRO ARTE LIVRE, despois de súa xira por Madrid (Festival Visibles) e súa participación na Mostra de Teatro Cómico e Festivo(Cangas), a primeira produción de Mundo Villalustre (encoprodución con Teatro Nu e La Tía Mardalina, Le Frigo.

Le Frigo é un texto de Copi, dirixido por Zé Paredes e interpretado porMundo Villalustre. Un retrato dun templo saturado de imaxes e soedade, unha das máis fascinantes propostas de interpretación do teatro contemporáneo. É un texto cáustico e intemporal no que todos os xéneros sexuais e todos os estilos teatrais se suceden promiscuamente de forma vertixinosa e sorprendente: da comedia de xénero á farsa de costumes, do melodrama ao cabaré, da traxicomedia á sátira social.
Le Frigo, pasase no fatídico día que un home que é muller, completa seu cincuenta aniversario e recibe un estraño regalo: un frigorífico. Un frigorífico!?



Dirección e tradución: Zé Paredes
Interpretación: Mundo Villalustre
Iluminación: Antón Ferreiro
Produción, fotografía e deseño gráfico: Manu Lago – La Tía Mardalina
Vestiario e maquillaxe: Mónica Camaño
Aux. produción: Cristina Balboa - La Tía Mardalina
Marioneta: Alexandre Paz Camaño
Xastra: Manola Camaño
Vídeo: Teresa de la Hera – La Tía Mardalina
Produce: Mundo Villalustre
Coproducen: Teatro Nu e La Tía Mardalina

TEATRO ARTE LIVRE
Rúa Vázquez Varela, 19 - Vigo

Venres e sábado ás 22:00h
Domingo ás 21:00h
Prezo único 10,00€

09/09/2011

'Os adeuses' de Alberto Martí

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o venres 2 de setembro ás 20 horas na Casa da Cultura da Pobra do Caramiñal (A Coruña), a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O acto contará coas presenzas de Isaac Maceira, Alcalde de Pobra do Caramiñal, Ramón Villares, presidente do CCG, José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Banco Pastor, Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Alberto Martí. A exposición estará na Pobra do Caramiñal ata o 20 de setembro. Con anterioridade puido verse na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.

O que podemos ver na mostra “OS ADEUSES. FOTOGRAFÍAS DE ALBERTO MARTÍ “é indicativo da grande epopea da emigración galega que cubre case dous séculos da nosa historia máis recente, neste caso unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos”, en palabras de Ramón Villares, estudioso do fenómeno na súa condición de catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O Presidente do CCG subliña a importancia da relación entre emigración e fotografía, “un valioso acervo documental que merece ser recuperado e no que xa deu e seguirá dando pasos o noso Arquivo da Emigración Galega”.

IDA, VOLTA E “SANTA MARÍA”

“Os adeuses”, comisariada por José Caruncho, estrutúrase en tres áreas: A Ida, A volta e O Buque Santa María e ofrece instantáneas da partida de centos de emigrantes galegos desde os portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Complétase cunha reportaxe sobre a peripecia do buque “Santa María”, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano.

Pilar Cagiao Vila, do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, salienta no catálogo o reflexo, nas fotografías de Alberto Martí, de todas as circunstancias que rodearon a partida dos emigrantes: “desde a chegada ao porto, a terminal de pasaxeiros atestada, ata a espera da partida e a acomodación a bordo, pasando polo mundo dos trámites, os papeis e os funcionarios”.

O comisario da Mostra, José Carcuncho, propúxose, e conseguiu, “contar unha historia do que significou a emigración para miles de galegos, desde a ida ata, en moitos casos, o retorno á casa”.

Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) agradece o traballo de José Caruncho e o activo compromiso do CCG e do CGAI e destaca o interese xornalístico das imaxes. “Non pensei que foran formar parte dunha exposición”, afirma, logo de lembrar que no seu arquivo conta con millóns de negativos.

As 73 fotografías están recollidas nun catálogo de 150 páxinas editado polo CCG con textos, en galego, castelán e inglés, de Ramón Villares, Alfonso Cabaleiro, Pilar Cagiao, María Teresa García Domínguez e José Caruncho.

08/09/2011

Conversa con Bernardo García Cendán

“En maio do 68 podíase vivir a utopía, agora non”


Moncho Paz & Paulo Naseiro.-

Vilalbés de 1941 e da Praza de Santa María. Aínda que naceu no Calvario, pasou a súa infancia e mocidade entre a rúa do Sol e a barbería do seu pai, Severino, que era un lugar de encontro e debate no que se daban cita moitos veciños e onde predominaba a amizade sobre a ideoloxía. Nese escenario descubriu as súas vocacións e, como consecuencia, ordenouse sacerdote e licenciouse en Socioloxía.

PREGUNTA.- A súa ordenación sacerdotal foi unha decisión difícil…

RESPOSTA.- Foi difícil, porque comecei unha cousa que me gustaba –ser crego- por todo o que conlevaba (o ambiente, o folclore externo…). Vía que os seminaristas o pasaban moi ben, e a min acontecíame o mesmo. En plena mocidade, e sobre todo nus anos especialmente complexos –a década dos 60– decateime que vivía nunha rutina que non satisfacía o meu espírito xuvenil, pois tiña anceios de verdade e sinceridade. Antes de tomar a decisión definitiva e, dacordo co bispo, pasei algún tempo en Ferrol, con Pepe Chao, Gabriel e outros amigos que tiñan un papel destacado na cidade departamental, que para nós simbolizaba todo o que se podía entender entón como unha urbe moderna (o Ferrol industrial, o mundo obreiro…) e supoñía un contraste forte para unha mentalidade esencialmente rural como a galega.

P.- E contou co apoio da familia, en concreto do seu pai.

R.- Sempre. O meu pai era un home moi sensato, de mentalidade aberta, e deseguida deuse conta das miñas inquedanzas. Recibín unha carta súa a véspera da miña ordenación, na que dicía “por nós non o fagas, non pasa nada se agora cambias de opinión”. A miña decisión obedeceu a un conxunto de circunstancias no que tiveron que ver a xerarquía, os bispos, os compañeiros, os amigos e a familia.

P.- Que lembranzas garda do seu pai, Severino, o barbeiro da praza?

R.- El recibía moitas visitas na barbería, que era un lugar de encontro, de tertulia, onde se compartían opinións de todo tipo. Non se mantiñan discusións, senon que se celebraban verdadeiros coloquios e predominaba a amizade sobre a ideoloxía. Alí xuntábanse dende o Salvador da Pequena até o Cernadas, Antonio Eimil, Santiago Mato… por sinalar algunhas persoas con diferente forma de pensar e de defender a súa ideoloxía. E foi alí onde naceu a miña outra vocación: a Socioloxía.

P.- E no 68 marcha a París…

R.- Tras a miña ordenación, o bispo e o reitor do seminario pretendían que fora a Madrid para estudar Ciencias Exactas na Universidade Complutense. E eu estaba disposto a facelo, pero insistín en que os meus gustos ían por outro lado. Entón xurdiu a posibilidade de ir a París; fun ao rematar o curso e, polo tanto, vivín as consecuencias das revoltas meses despóis, en setembro do 68. Os profesores non sabían como reaccionar, había un descontrol enorme, os alumnos tampouco eran capaces de concretar as súas propostas para mellorar o sistema… Vivín con moita intensidade as manifestacións e as concentracións nas rúas, como se agora estivera en Madrid e participara no movemento 15-M.

P.- Que semellanzas e diferenzas atopa entre o maio francés e os indignados?

R.- No maio francés estabamos nun bo momento: era un período rico, a parte alta do ciclo económico, no que a xente non tiña tantos problemas de emprego. A dificultade radicaba en como distribuír a riqueza que se estaba xerando. En maio do 68 podíase vivir a utopía, agora non. O de París foi unha cousa espectacular, pois todo discutíase en todas partes. Por exemplo, na miña parroquia (Saint Martin de Meudon, preto de Versalles) facíase a misa, e de súpeto déronse conta de que tiñan que organizar asembleas. Era unha parroquia moi activa: un dos cregos que estaba comigo acabou sendo conselleiro do subcomandante Marcos, e finou nun accidente hai pouco.

P.-Considera que as propostas do 15-M acabarán sendo absorbidas polos partidos políticos?

R.- Non creo que o movemento chegue a converterse en partido, xa que de ser así remataría por transformarse nunha organización. Coido que terá que mobilizar á xente actual dos partidos para que estes subsistan. Chega con ollar as últimas enquisas do CIS. E a Igrexa como institución tamén perdeu popularidade, os bispos un pouco máis abaixo, pero no fondo de todo están os partidos políticos e finalmente os seus representantes. É obvio que non ilusionan nada.

P.- Aterra na Igrexa tras o Concilio Vaticano II e participa en boa medida nesa renovación.

R.- Ao final a forza institucional é moi grande e maniféstase dunha maneira máis ostensible, pero queda moita xente que levamos aínda no espírito aquilo que nos moveu inicialmente; pero iso non se traduciu dabondo en xuventude. Foi tamén a gran época da secularización e, en España dunha maneira moi especial, estámola a vivir agora e da forma máis intensa. Hoxe falas cun calquera raparigo e dislle a palabra eucaristía e non ten referencias. Este é un dos indicadores máis fortes de secularización. As referencias que había desapareceron a día de hoxe, e neste momento a Igrexa experimenta un movemento de recuperación da disciplina.

Foto: Alba Sofía

07/09/2011

Recoñecermos Aquilino Iglesia Alvariño

Xurxo Martínez González.-

O PEN Club de Galicia celebrou no ocaso do mes de xullo unha homenaxe ao excelso poeta de Abadín, Aquilino Iglesia Alvariño. Foi perante a súa tumba, no compostelán camposanto de Boisaca onde acougan persoeiros como Ramón Piñeiro, Aurelio Aguirre ou Ramón María del Valle-Inclán.

Os diferentes oradores sinalaron a relevancia da súa produción literaria para as letras galegas do século XX, destacaron a súa colaboración á lexicografía e aplaudiron as logradas traducións que fixo de clásicos latinos. Intervencións e verbas que procuraron enxalzar e difundir o citado poeta.

A pretensión deste acto foi situar o autor no seu lugar dentro da historia da literatura galega. Aquí, algúns dos nosos historiadores téñense comportado erroneamente ao reducir, cáseque a unha nota de rodapé, a decisiva contribución e a expresividade lírica, bela, potente, recollida e culta do verso de Aquilino. Aínda falta por investigar, estudar e analizar a lírica aquiliniá; aínda falta por encaixalo no parnaso poético; aínda falta lelo moito, non só os seareiros da poesía senón tamén os propios investigadores e críticos literarios. Que alguén poida afirmar que Aquilino é un “poeta de segunda” canto menos merece presentar unha boa argumentación e unha sólida base. Nós, xaora, estamos nas antípodas de tal idea.

Tede coidado ao abrir Lanza de soledá ou De día a día porque é unha rosa de cinsas, feble ao alento da respiración. Precisamos da máis estrita intimidade para lelos e así transcribir o estado de ánimo do autor. Estomballémonos nun lameiro calquera da nosa nación e leamos un poema de Cómaros verdes ou de Señardá para apreixar na mirada a paisaxe irredenta. Cantémoslle á patria en pé, serenos, a limpa fronte sempre erguida, coa nenia dedicada a Castelao, unha composición pola cal temos especial gusto.

Na redacción do pasado, os historiadores tenden con frecuencia caer nas filias e fobias persoais senón dun xeito consciente si no veo da inconsciencia. Aínda son máis pailáns aqueles que, disque por cuestións ideolóxicas, quitan e poñen da listaxe dos favoritos (este é dos nosos, aquel non) segundo lles veña o ar. Aquilino non é alleo a estas batallas.

O compromiso do abadinense coa cultura galega é irreprochábel. A actividade de Aquilino esténdese dende os días da mocidade publicando só en galego até a súa militancia no Partido Galeguista; dende as páxinas de La Noche até o Padroado Rosalía de Castro; dende a fundación da Editorial Galaxia até a homenaxe a Ramón Cabanillas en 1958; dende os esforzos de recolleita de léxico até as logradísimas nenias na memoria de, entre outros, Alfredo Brañas, Manuel Antonio ou Antón Villar Ponte. Non renegou durante o feixismo defender a cultura de Galiza.

Se o lector procura intimismo, atoparao. Se o lector procura patriotismo, atoparao. Se o lector procura paisaxismo, atoparao. Se o lector procura vangardismo, atoparao. Se o lector procura unha identidade, unha reflexión, un soliloquio coa existencia aquí e agora, pode ter unha axuda neste poeta, neste altivo e egrexio poeta.

Convidámosvos a ler a obra de Aquilino Iglesia Alvariño, o ferreiro do idioma ou alquimista das verbas, para compor unha opinión propia. A nosa, á vista está.

Memoria da Chaira Enteira

Redacción.-

O xoves 8 de setembro terá lugar na Terra Chá a homenaxe Memoria da Chaira Enteira, en memoria Manuel María, co seguinte programa:

- 14:30 h. Xantar no Río Ladra de Rábade (hai que se apuntar previamente no teléfono 646413890. Custa 20 euros).
- 16:30 h. Recital de poesía en Penas de Rodas (os participantes deberán levar algún texto preparado).
- 18:00 h. Pregaria no Cemiterio de Outeiro de Rei arredor de Manuel María, coa palabra de Xosé Vázquez Pintor (quen queira pode ler un texto, e debe levar unha flor para depositar na honra e memoria de Manuel María).
- Posteriormente, na Carballeira de Santa Isabel: Rito da navalla, que se entregará a David Otero, e recital musical da poesía de Manuel María por Miro Casabella, Antón Valcarce, Tino Baz e Mini e Mero.

Legendary Lee Miller

Redacción.-

Ata o vindeiro 11 de setembro a sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña engalánase para convidar ao público a un percorrido polos mellores traballos dun dos grandes nomes da fotografía do século XX, Lee Miller, na primeira exposición retrospectiva que se lle dedica en España.

Ao longo dos seus setenta anos de vida, Miller destacou como fotógrafa en campos tan dispares como a moda ou como correspondente de guerra. Seus son algúns dos retratos máis importantes de grandes artistas do seu século como Picasso, Ernst, Man Ray, Margaret Bourke-White e Tàpies, entre outros, ou algunhas das imaxes máis impactantes da II Guerra Mundial.

Lee Miller impregnou o seu traballo da influencia surrealista que lle veu dada pola relación que mantivo con Man Ray e o círculo de artistas no que se movía: Duchamps, Picasso, Magritte, Cocteau e o que sería o seu home, Roland Penrose. Das reportaxes de moda, pasou a correspondente de guerra para a revista Vogue, converténdose así, xunto con Margaret Bourke-White, en pioneira do que hoxe coñecemos como fotoxornalismo.

A Fundación Caixa Galicia abre as súas portas para facer unha viaxe, a través de 96 fotografías, que afondan nalgúns dos acontecementos máis destacados do segundo terzo do século XX, da man dunha das máis grandes da fotografía. Valo perder?

VII Día da Cultura Chairega

Redacción.-

O INSTITUTO DE ESTUDIOS CHAIREGOS organiza o VII DÍA DA CULTURA CHAIREGA, que se instituiu na memoria de Manuel María, o autor do poemario "Terra Chá", auténtico creador literario desta comarca e do que se cumplen agora sete anos do seu falecemento.

Nesta ocasión o IESCHA, tentando de diversificar aínda máis o seu abano de actividades, ábrese ao mundo do 7º arte. E para elo nada mellor que ofertando ao público chairego a proxección dunha gran película, dun gran director chairego e interpretada por un gran actor chairego tamén: A película é “18 COMIDAS”; o director, Jorge COIRA; e un dos seus protagonistas, Luis TOSAR.

O acto levarase a cabo o vindeiro venres, 9 de setembro, ás 20,30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, e contará coa presenza e intervención do propio director Jorge Coira, do actor Luis Tosar, así como de Mª Luisa Rodríguez e Manuel Castro Santamariña.


Título: 18 comidas
Estreno: 19/11/2010
Productora: Tic Tac Producciones, Zircozine
Director: Jorge Coira
Guión: Jorge Coira, Araceli Gonda & Diego Ameixeira
Reparto: Luis Tosar, Esperanza Pedreño, María Vázquez, Cristina Brondo, Sergio Peris-Mencheta, Víctor Clavijo, Juan Carlos Bellido, Pedro Alonso

18 COMIDAS conta seis historias aos longo dun único día. Unha película que viaxa a través de dezaoito comidas que nos fan partícipes dalgúns destes momentos que poden cambiarche a vida.


Un música guía reencóntrase co amor da súa vida; dous borrachos almorzan cubatas con marisco; un home cociña, cociña e cociña para a muller que nunca chega; dous homes quérense, pero escóndense; unha cociñeira soña con ser cantante; unha moza quere o que un home non dá, e un camareiro mórrese por ela; un macedonio está perdido por desamor; unha parella de anciáns que xa llo dixo todo almorza, come e cea en silencio; ou unha parella de irmás enfrontadas por un sono.


Todas estas historias crúzanse ao longo dun día en 18 comidas. É unha viaxe polos sentimentos de todos os personaxes. 6 historias, 24 personaxes, un día, 18 comidas.

O feito de que as historias se crucen axudaranos a entender cada historia, cada personaxe, cada comida. E como estes personaxes verán as súas vidas cambiadas, cada un de diferente modo.
(http://www.18comidas.com) (http://www.todocriticas.es/pelicula/157/18-comidas/)

06/09/2011

Mercado de alimentos labregos

Redacción.-

Unha trintena de afiliados e afiliadas do Sindicato Labrego Galego acudiron o domingo 4 de setembro a Compostela para vender directamente os seus produtos á xente que se achegou até a Alameda. Hortalizas e froitas de tempada, viños e licores, mel, marmeladas, queixos, fariña, pan, zumes, froitos secos, legumes, doces, ovos, e un longo etcétera, puidéronse atopar nos postos de venda que, antes de chegar á hora de peche, ás 14:30, xa tiñan rematado no meirande as súas existencias.

O evento, amais de achegar os alimentos producidos polas explotacións directamente á xente, sen intermediarios, serviu para reivindicar a soberanía alimentaria para Galiza.

Respecto do desenvolvemento do mercado, en palabras da secretaria xeral do SLG, Carme Freire, “serviu para constatar que a cidadanía está cada vez máis de acordo con que ten que haber un cambio de rumbo nas políticas agrarias e na política alimentaria. Toda a xente nos está dicindo que lles gustaría poder ter a oportunidade de poder comprar a diario estes produtos, como alternativa aos alimentos producidos industrialmente e comercializados por grandes distribuidoras; e nós, amais de persoas que tamén nos alimentamos, como labregos e labregas, reclamamos que haxa un cambio de rumbo nas políticas agrarias para que poidamos ter o poder de decidir que é o que comemos, que é o que producimos, a quen lle compramos os alimentos, e saber como se produce o que levamos á boca”.

En canto á valoración final do evento, Carme Freire afirmou que “estamos moi contentos e contentas, xa que a resposta cidadá foi moi boa. A xente que compra alimentos e quen os producimos témolo claro; agora, só fai falla que quen nos goberna tome nota disto, e que lexislen e fagan políticas para facer posible que todas as persoas que lle queiran comprar directamente produtos ás explotacións labregas, e que queiran consumir alimentos sans e producidos localmente, poidan facelo”.

Festival de Curtametraxes de Bueu

Redacción.-

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, en Pontevedra, presenta o programa definitivo para a súa cuarta edición, que se celebrará no municipio pontevedrés desde hoxe 5 ao 10 de setembro e que proxectará no Centro Social do Mar 25 curtos de 15 países diferentes. O Concello de Bueu vai asumir todo o custo organizativo do evento, xa que por cuarto ano consecutivo aumentan tanto o número de filmes como de países que participan.O obxectivo do certame é consolidar o aspecto internacional do festival, unha intención que quedou patente no feito de que desde a apertura do prazo para presentación de obras a concurso, recibíronse 575 propostas de máis de 40 países distintos. Ademais, das 25 cintas seleccionadas, 17 son estranxeiras, e entre o oito producións españolas figuran dúas galegas.

05/09/2011

Revista avozdevilalba.com de agosto

Redacción.- 

A desaparición dos medios en galego segue a ser, desgrazadamente, tema de actualidade, e así o reflectimos na revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de agosto de 2011, que xa se pode descargar en formato pdf. Para elo, basta con picar na imaxe da esquerda ou consultar a nosa Hemeroteca no menú superior. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico: redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.

04/09/2011

"Atardecer no Gaiás" con Mercedes Villegas

Moncho Paz.- O programa cultural “Atardecer no Gaiás” contou onte coa presenza de Mercedes Villegas Andrino, poeta madrileña afincada en Compostela, que leu o seu poemario “Obxecto de poesía”, editado por Davinci Continental. Mercedes estivo acompañada ao piano por Antonio Calvache, nun emotivo acto que reuniu a numeroso público, pois máis de 50 persoas citáronse no serán de onte na Cidade da Cultura de Galicia.



Nada en Madrid, Mercedes Villegas estudou o Bacharelato nun colexio francés da capital de España e posteriormente cursou Filoloxía Hispánica na Universidade Complutense. Residiu uns anos en Londres, onde perfeccionou o inglés e despois trasladou o seu domicilio a Santiago de Compostela, onde vive actualmente. Libreira vocacional, fundou a librería compostelá María Balteira, á fronte da cal estivo cinco anos. Levada polas súas inquedanzas intelectuais, crea e imparte talleres de lectura, é tradutora de inglés e francés, lectora e correctora e tamén imparte clases de literatura e idiomas. Prantou árbores, tivo fillos e escribiu libros, como estes versos recompilados que agora ven a luz en “Obxecto de Poesía”, en edición bilingüe.



Hai que lembrar que “Obxecto de Poesía” foi presentado o pasado mes de maio en Compostela polo actor e músico Luís Tosar, no Club de Jazz Dado Dadá. Xunto con “Memoria e desconcerto” de Gaspar Moisés Gómez, son os dous primeiros libros que integran a colección “Versos” de Davinci Continental.

02/09/2011