As comedias

Xulio Xiz

“Facer as comedias”, en Vilalba significaba estar de broma, escenificar unha humorada ou simplemente contar chistes, sendo o protagonista digno de ser destacado porque estaba á altura do que hoxe consideramos profesionais do espectáculo chámense contacontos ou reciban calquera outra denominación. Pero había unha ocasión especial na que as comedias nos xuntaban na praza principal, sempre que o tempo o permitise.

Lembro unha actución memorable na Praza de Santa María, tería eu pouco máis de dez anos, no que as comedias ían actuar á noite e a noticia correu como regueiro de pólvora: esta noite hai comedias na praza. Cada quen tiña que procurarse o correspondente asento, e as rúas inmediatas enchíanse de espectadores que levaban consigo unha banqueta, unha cadeira ou entre varios un banco corrido para poder contemplar o espectáculo con certa comodidade.

Non me explico como pero aqueles cómicos da legua montaban un escenario para a actuación, e desde esta plataforma sucedíanse actuacións que nos deixaban atónitos polo inusual da ocasión.
Non recordo do espectáculo máis ca actuación de Cosmín, que era un pequeño gran home de estatura inverosímil pero dotado dunha voz incrible. Foi, supoño, o meu primeiro contacto co mundo da farándula e deixoume marcado porque medio século despois aínda resoa no meu cerebro aquela poderosa voz saída de onde ninguén imaxinaba que podía estar contida.

As comedias eran gratuitas, aportando a vontade cada un dos presentes na medida das súas posibilidades. Supoño que, con arreglo a esa norma, a miña casa nada puido aportar a tan brillante espectáculo.

Despois, asistín a espectáculos sempre a cuberto, agás unha actuación do Ballet Rey de Viana na mesma praza, a poucos metros das vetustas comedias. Tamén desto hai algo máis de corenta anos.
Tampouco paguei entrada a pesar de que era espectáculo de pago, pero cando ía empezar a función empezou a chover furiosamente iniciándose unha desbandada que cando logo se calmou convertiuse nunha xornada de portas abertas porque era imposible saber quen tiña ou non tiña entrada.

Esta vez, as cadeiras correron a cargo da organización.

31 de xul. de 2009

O concepto de bilingüismo

Fermín Bouza

Non hai sociedades bilingües en sentido estrito e estatístico porque, en xeral, fálanse máis de dúas linguas en todas partes: hai sociedades multilingües ou plurilingües, e ese é o caso de Galicia. O concepto de bilingüismo, que é esencialmente psicolóxico (a Psicoloxía Diferencial adoptouno como base de moitos dos seus experimentos) non se refire á sociedades senón a persoas: hai persoas que aprenden e falan alternativamente dúas linguas, sobre todo, e o problema que se expuxo (xa non se expón desa forma) aos psicólogos era o de se esa dobre competencia activa podería causar problemas ao neno. A conclusión foi a inversa: non só non causaba problemas senón que era unha grande vantaxe intelectual e propiciaba un mellor desenvolvemento cognitivo e un maior dominio doutras linguas que se puidesen aprender. Punto final.

A primeira fase do problema do bilingüismo terminou así, nese punto. A palabra e o concepto úsanse agora impropiamente para referirse a sociedades que, supostamente, teñen dúas linguas principais, e este sería o caso de Galicia, que foi perdendo e segue perdendo falantes do seu idioma propio e orixinal que debe competir con outro idioma oficial e obrigatorio en todo o estado no que Galicia se insere. O final dun proceso así é a morte en vida do galego (a súa conversión en lingua morta) durante moitos anos (poucos falantes ao longo aínda de varias xeracións até a extinción total). O intento de diversas administracións de dereita e esquerda para compensar ao galego pola súa perda, que é a indubidable consecuencia da súa marxinación económica e política durante séculos, deu algún resultado (retardar a caída, probablemente) pero era xa necesario impulsalo con máis forza para que volvese entrar definitivamente no centro das cidades. Neste momento crítico as cousas irán a peor, sen dúbida, pois a forza política que gañou as eleccións non se fai ningunha formulación desta clase e está a mostrar unha grande galegofobia.

É Galicia unha sociedade bilingüe? Galicia é unha sociedade cunha lingua orixinal e propia, non con dúas nin con vinte, e esa lingua defínea como unha sociedade como tantas outras, normal na súa estrutura lingüística, pero cunha lingua histórica en transo de perderse. Ese é o sentido profundo e real do monolingüismo. Isto significa que só se fala a lingua propia e orixinal? Pois non: unha parte da poboación, nos procesos de urbanización, sobre todo, asumiu a fala castelá (lingua propia e orixinal de Castela e nai do chamado “español”) como lingua principal, e isto leva unha perda de competencia lingüística en galego (a función do ensino é que isto non ocorra) por parte das novas xeracións que son fillas dos novos castelanfalantes.

Galicia non é bilingüe estatísticamente porque se falan moitas máis de dúas lenguas (e algunhas destas linguas emerxentes fálanse xa con algunha intensidade) e non é bilingüe substancial ou historicamente, porque só ten unha lingua propia e orixinal na fase latina da súa creatividade lingüística, aínda que aquí faláronse outras linguas, claro, e ben exóticas, por certo… O galego chegou a falarse como lingua culta lonxe da nosa terra.

O magnífico actor Manuel Manquiña fai onte unhas declaracións lamentables a Xornal.com, nas que chega a dicir cousas como estas:

“O anterior Goberno do BNG e do PSOE tentou impor unha realidade que non existe, unha especie de Matrix e, como se pasaron, a xente mandounos a tomar polo cu. Eu sempre digo que son un español nacido en Galicia e as persoas que se escandalicen con isto están á marxe da realidade”.

Crerá este home todo iso? Probablemente o Bipartito tivo graves problemas de Comunicación Política, como a campaña electoral veu a amosar, e todos os Manquiñas de Galicia son tamén un produto deses erros.

30 de xul. de 2009

2010: Centenario de Torrente Ballester

Redacción

No 2010, ademais de ser Ano Xacobeo, terá lugar os centenarios de dúas figuras recoñecidas da cultura galega e ambos os dous nados en Ferrol: dunha banda Gonzalo Torrente Ballester (1910-1999), un dos referentes da novela europea do século XX, e da outra, Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). Para conmemorar o de Torrente Ballester haberá un congreso internacional que pretende manter viva a memoria do autor de La saga/fuga de JB, así como unha exposición que achegará tanto a súa faceta profesional como persoal. Canda este, o centenario de Carvalho Calero terá un marcado carácter institucional e o concello debaterá en pleno nos vindeiros días a programación para celebralo. En todo caso, a sociedade Medulio xa se adiantou ao solicitar unha casa-museo que perpetúe a súa memoria.

'Living Together' no MARCO de Vigo

Redacción

A través de 14 artistas que son, ademais, provintes de contextos ben diferenciados (de Barcelona ou Nova York a Varsovia), e os seus traballos (de non máis de seis anos de antigüidade, ningún deles) a mostra suxire unha reflexión sen ataduras hexemónicas, suxestiva e plural con interesantes alternativas. Por elo, da man dos comisarios Xavier Arakistain e Emma Dexter, trázase un discurso expositivo que suma a visión de xénero -seguindo a misión do Centro Cultural Montehermoso Kulturunea de Vitoria, do que o primeiro é director- para profundar sobre outros intersticios da formulación temática inicial chega 'Living Together. Estratexias para a convivencia', que se pode ver até finais de setembro no MARCO de Vigo.

Sobre como somos e como nos organizamos de acordo ao social, que devimos como seres simbólicos, como seres humanos, versa esta exposición temática e colectiva. Sobre a normalización continuamente actualizada da alteridade e do intercambio no grupo, sobre como se establecen estas relacións simbólicas a través da intersubxetividade no teatro do mundo sobre o que vivimos. Sobre as narrativas e as distintas estratexias coas que a nosa propia identidade nos vai definindo de xeito individual e no grupo. Sobre a representación e a performatividade, as ordes que se establecen e os contextos. Unha análise sociolóxica e microsociolóxica, performativa, que se serve da arte contemporánea como obxecto de estudo.

Da multidisciplinareidade das obras, que son pinturas, vídeos, esculturas, instalacións, fotografías, videoinstalacións e traballos noutros soportes; e grazas a unha interesante formulación museográfica, coñecemos as pezas que articulan esta mostra. Como a de Société Réaliste, a través dun arquivo meticulosamente ordenado sobre o control da migración en Europa; o traballo de Paula Trope e a súa visión sobre os nenos e mozos das favelas de Río; as relacións a sociedade de consumo entre a alta costura, o fetichismo mercantil e o activismo político, a partir das esculturas e instalacións de Josephine Meckseper; as pinturas de Lynette Yiadoom-Boakye e como o individuo se interpreta e interpreta ante diferentes contornas; ou o labirinto de códigos, mensaxes e signos que propón Daniel Baker facendo un repaso pola cultura e a historia. Para entendernos e saber entendernos na nosa pluralidade, sempre aberta e múltiple. Holística e antropoloxía contemporáneas.

No fondo, as obras e artistas presentes na mostra propoñen unha reflexión aberta e múltiple, ao tempo que formulan estratexias alternativas para a convivencia. En palabras dos comisarios, "en pleno auxe do individualismo, as pezas mostran como se constitúen grupos e comunidades co fin de progresar e de apoiarse mutuamente. Así mesmo, inciden en como fronte a un contexto xeneralizado de apatía política, a esperanza reside no compromiso e nas accións de tipo 'faino ti mesmo/a'".

29 de xul. de 2009

Visitas ao Centro de Artesanía e Deseño

Redacción

75 rapaces participantes nos campamento da Xunta de Galicia “A Devesa”, visitaron este luns o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Os nenos, con idades comprendidas entre os 10 e o 12 anos, estiveron acompañados de 12 monitores. Fixeron un percorrido polas instalacións, dependentes da institución provincial, e polos distintos obradoiros do Centro: téxtil, o de instrumentos musicais –que foi distinguido pola administración autonómica como Colección Visitable- moble artesán e do libro.

Precisamente, estes días continúa tamén no Centro de Cestería do río Rato o curso de médula de roten e vimbio, que imparte a artesá Carmen Fieiras e que se desdenvolve ata o 31 de xullo de 16:30 a 20:30 horas. Os participantes están a elaborar cestos de médula sobre base de madeira, base tecida, redonda e base ovalada. Deste xeito, descubren unha técnica na que se emprega a médula de roten, madeira tropical, de orixe asiática, cuia versatilidade permite que sexa máis manexable que outros materiais como o vimbio.

Dentro da programación de verán, este é o segundo curso que se imparte dos catro previstos nos que se trata esta modalidade. O terceiro desenvolverase dende o 3 ó 14 de agosto e, o último, desde o 17 ó 28 desde mesmo mes. A cestería tradicional catalá de palla centrará os dous últimos cursos do CENTRAD para os meses vacacionais.

Visita ao Centro de Interpretación
50 rapaces de Portomarín, con idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, visitarán mañá o Centro de Interpretación do río Rato, así como o contorno do Paseo do río Rato, incluído na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Os nenos participarán nunha visita guiada na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) amosarán ós alumnos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc.

Con esta visita, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño, incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002.

Os escolares terán a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.

Rehabilitación do casco histórico de Mondoñedo

Redacción

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este luns ata Mondoñedo, onde anunciou que o organismo provincial vai completar a rehabilitación do centro histórico. Acompañado do rexedor municipal, Orlando González, Gómez Besteiro visitou a zona de Alcántara –detrás dos antigos xulgados e do instituto da Alameda- na que está previsto que as dúas institucións constrúan un aparcadoiro subterráneo, que permitirá completar a rehabilitación da zona monumental deste municipio. A colaboración materializarase a través dun convenio que asinarán os dous dirixentes, e a través do que a Deputación realiza unha achega de 47.000 euros.

Gómez Besteiro destacou que “contribuímos á reurbanización dunha zona que vai cambiar notablemente nos próximos meses e que é importante, xa que por unha parte, o aparcadoiro linda cos xulgados e, por outra, cunha grande zona expositiva. Ademais, está rodeado de edificios administrativos”.

No ano 99, a través do Plan de Rehabilitación do Concello, dotado con 1,5 millóns de euros e subvencionado polo Ministerio de Vivenda nun 55%, acometeuse a restauración da Capela e dos accesos das principais rúas do centro histórico, quedando pendente a construción do aparcadoiro, que ten un custe total de 103.000 euros. Deste xeito, e debido ós problemas de liquidez que está a ter a entidade local, a Deputación colaborará coa entidade municipal co fin de revitalizar a zona máis emblemática deste Concello.

Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “non só contribuímos a rematar a rehabilitación desta zona que, nestas datas, está a ser visitada por numerosos turistas, senón que tamén axudamos ó Concello a recuperar a súa estabilidade presupostaria, algo que aínda fai máis útil a Deputación, sobre todo porque se produce nun momento económico como o actual”.

Pola súa banda, o rexedor municipal subraiou que “Mondoñedo é un dos poucos Concello de Galicia que aínda conserva un centro histórico medieval e que conta con máis posibilidades de rehabilitación, de aí a importancia da colaboración da Deputación, que se pechou en 48 horas e foi unha proposta prioritaria que lle fixemos ó Presidente o venres pasado”. Asimesmo, Orlando González engadiu que “o Concello levaba máis de dúas décadas conseguindo este financiamento do Ministerio de Vivenda, entón non poderiamos acondicionar este espazo público sen o apoio de Gómez Besteiro”.

Outros investimentos
A Deputación tamén está a realizar outros investimentos neste municipio a través de diferentes Plans, e que suman preto de 1 millón de euros. É o caso das Comunidades Veciñais, que contemplan 3 obras para as que a institución provincial achega un total de 23.294 euros. Son as seguintes: dotación de mobiliario para o centro cultural de Figueiras, acondicionamento do campo da festa de Lindín e mellora de pistas en Barbeitas.

Por outra banda, este Concello está integrado na zona 3 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais, xunto cos de Abadín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza. O mantemento dos 324.357 quilómetros destes cinco municipios foi adxudicado para este ano por un importe de 773.024 euros.

Mondoñedo tamén recibiu 33.280 euros do Fondo Extraordinario da Deputación que complementa o Fondo de Investimento Local do Goberno Central. Esta cantidade corresponde ó 4% dos 832.022 euros concedidos a través do Plan E.

O municipio mindoniense ten 4.603 habitantes. A través do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, a Deputación achega 15.383 euros, que se destinarán á centralización do alumeado público na localidade de Zoñán.

De nación a provincia

Antón Baamonde

Galicia está perdendo peso demográfico a cada paso. A participación do seu PIB no total estatal está en pleno proceso de redución en lóxica coherencia co seu menor índice de crecemento. O novo modelo irá quitándolle parte do financiamento que ata agora lle correspondía -e que facilitou investimentos irresponsables por parte de gobernos mediocres-, e cabe tamén que perda as súas institucións financeiras -tal vez Caixa Galicia acabe sendo unha sucursal de Caja Madrid, en perfecta metáfora de por onde van os tiros-. Ademais, está no camiño de disolver os principais trazos da súa identidade histórica -incluído o lingüístico- e a indiferenza social avala a ausencia dunha discusión sobre un novo estatuto que puidera intentar limar algún destes aspectos.

Como o que avisa non é traidor, anuncio: de todo iso infírese que estamos ao comezo dunha inflexión. Galicia parece estar cruzando unha liña que a conducirá a converterse no bo tipo de comunidade autónoma, vista dende os ollos de El Mundo e tutti quanti: a que asume a súa condición de provincia sen maiores complexos ou prexuízos. Nos primeiros tempos da democracia o feito de ter aprobado, nas difíciles condicións da guerra, un Estatuto de Autonomía, validaba a súa condición de nacionalidade histórica e dáballa argumentos a aqueles que impediron que se aprobase o chamado Estatuto da aldraxe. Galicia, aínda con menos forza, parecía que podía ir no mesmo cesto que Cataluña ou o País Vasco.

Esa ilusión parece estar desvanecéndose. Nas condicións de hoxe teñen aparecido novos actores -Madrid, Andalucía, Valencia- que reducen o seu peso político. O PP de Galicia, o principal partido do país, renunciou a ser a CiU galega para converterse nunha versión sen matices de Génova, 13. O principal periódico do país recorre similar camiño e a opinión pública e os últimos resultados electorais non parecen desconformes con esa orientación global. Todo parece conformar unha imaxe coherente.

28 de xul. de 2009

Santiago 1909. Centenario da Exposición Rexional Galega

Redacción

Santiago 1909. Centenario da Exposición Rexional Galega, é o título do libro co que Henrique Alvarellos fai un percorrido polos diferentes aspectos que rodearon un dos momentos históricos máis importantes do século XX en Compostela. Escrito a modo de crónica, o libro, publicado polo Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos, baséase en fontes hemerográficas e inclúe unha ampla colección de fotografías e ilustracións da época.

O volume, que forma parte da Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio de Santiago, foi presentado o pasado 23 de xullo, nun acto ao aire libre na Alameda de Compostela, fronte ao antigo Pavillón do Recreo Artístico e Industrial de 1909, edificio de Antonio Palacios que hoxe acolle á Escola Infantil de Santa Susana.

Presidiu o acto o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e estiveron presentes o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva, o responsable de Publicacións e Edicións deste organismo, Juan Conde, a historiadora da USC, e autora do limiar, Margarita Barral e o autor e editor Henrique Alvarellos Casas.

Inaugurada polo propio rei Alfonso XIII, a Exposición Rexional Galega colocou a Compostela á vangarda de Galicia, e durante os meses que estivo aberta recibiu unhas 50.000 visitas, o dobre da poboación de Santiago nesa época. O certame acolleu preto de 600 instalacións situadas en 11 grandes e singulares pavillóns, onde foron expostas máis de 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia.



Entrevista a Henrique Alvarellos no Preguntoiro de Correo TV

Varios acordos da Deputación de Lugo

Redacción

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou na mañá do venres 24, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, de que a Área de Deportes da Deputación investirá 240.000 euros para proceder a un acondicionamento integral do campo de fútbol “Manuel Luna” de Pol. Tal e como deu conta Antón Bao, aprobouse o prego de cláusulas administrativas e o proxecto técnico que rexerá a contratación das obras de remodelación do campo “Manuel Luna” de Pol. Isto vai permitir que se abra o proceso de contratación por parte das empresas, polo que desde a Área de Deportes da Deputación se está a traballar para que as obras de remodelación dean comezado canto antes.

Segundo informou, “as obras pretenden solucionar as graves deficiencias, tanto no seu terreo de xogo como nas gradas, que presentaban as instalacións deportivas para a práctica do fútbol, realizando para elo unha remodelación integral do terreo de xogo e a nova construción dun graderío cuberto con capacidade para 300 persoas”. Polo tanto, procederase, salvando o desnivel do terreo actual, á execución dunha nova superficie de terreo de xogo de céspede natural, cun sistema integrado de drenaxe e regadío circulante. O graderío que se proxecta será de nova construción e estará situado no lateral oposto ás gradas que existen actualmente, coa finalidade de mellorar a súa orientación. As novas gradas estarán construídas de formigón cunha cuberta de chapa metálica, sustentada por unha estrutura de madeira laminada. Esta nova infraestrutura terá unha lonxitude de 20 metros e permitirá presenciar os encontros de fútbol que se disputen a unhas 300 persoas, 200 sentadas e outras 100 máis de pé. Completa a actuación de remodelación do “Manuel Luna” de Pol a dotación do equipamento necesario para a práctica deportiva, que inclúe 2 módulos de banquiños de 8 prazas de asento con cuberta transparente de policarbonato. Colocaránse dúas porterías fixas das medidas reglamentarias, que serán de material de aluminio de sección circular provistas de rede de nylon. Colocarase ao redor do perímetro de xogo un valado similar ao existente, do que incluso se aproveitará aqueles tramos que se atopen en bo estado.

Enxeñería Industrial
Na mesma rolda de prensa tamén se informou do acordo tomado pola Deputación de Lugo no que decidiu dirixirse á Universidade de Santiago de Compostela coa fin de que a institución universitaria manteña a titulación de Enxeñaría Técnica Industrial no campus de Lugo. Esta decisión baseouse, segundo expuxo Antón Bao, en que a nomeada titulación se erixe como un viveiro de persoas cualificadas, chegando en moitos dos casos a converterse en profesionais de prestixio, para desenvolver as súas actividades de xeito que redunda en beneficios para todos e todas as lucenses. Bao lembrou, ademais, que a Deputación sempre tivo un claro compromiso co campus lucense, apoiándoo sempre desde a súa creación até chegar ao momento actual.

Por isto, e tralo debate xerado sobre a continuidade ou non da titulación de Enxeñaría Técnica Industrial no campus de Lugo perante o seu posíbel traslado a Compostela, a Deputación quixo recoller o sentir e a preocupación de moitos e moitas lucenses, entre eles as do decano da Facultade de Químicas de Lugo ou do decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, e por iso acordou instar á USC a que manteña unha titulación tan importante para todos e todas as lucenses como a Enxeñaría Técnica Industrial.

Outros asuntos
Asemade, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o vicepresidente Antón Bao tamén deu conta doutros asuntos tratados que se corresponden con diversas contratacións para os correspondentes servizos de limpeza de instalacións que xestiona a Deputación, nomeadamente: O Museo do Pazo de Tor, o Museo Provincial de Lugo, o Pazo dos Deportes e o centro hospitalario de San Rafael. O volume total da contratación dos servizos de limpeza para estes edificios ascende a un total de 379.238,81 euros.

Doutra banda, anunciouse o acordo de propoñer o aboamento de subvencións a entidades pola realización de actividades deportivas desenvolvidas durante o ano 2008. Serán 13 as entidades deportivas que recibirán un total de 24.510 euros. Deste xeito estanse a cumprir os prazos marcados pola Área de Deportes da Deputación a fin de aboar as subvencións outorgadas a entidades, polo que en futuras Xuntas de Goberno seguirase a aprobar o pagamento até chegar ao totalidade de entidades que resultaron beneficiarias de subvencións.

27 de xul. de 2009

Exposición "Caio Reisewitz. Maracutaia" en Vigo e Pontevedra

Redacción

A Fundación Pedro Barrié da Maza e a Fundacion Rosón Arte Contemporáneo, Fundación RAC, mostrarán en Vigo e Pontevedra, respectivamente, a exposición de produción propia 'Caio Reisewitz. Maracutaia', que será inaugurada en ambas as sedes o 6 de outubro. A mostra supón a revisión máis completa da obra deste artista brasileiro realizada até a data.

A exposición, que é ademáis a primeira colaboración entre a Fundación Pedro Barrié da Maza e a Fundación RAC, complementarase coa edición dun rigoroso libro que recolle, ademais das pezas da exposición, as obras máis significativas realizadas polo artista até o momento, así como un texto do crítico David Varro, comisario da mostra.

A sede viguesa da Fundación Pedro Barrié da Maza exhibirá unha trintena de obras que permiten entender a evolución e temáticas que seguiu este artista brasileiro, desde o ano 2001 até os seus recentes collages, de 2009. Tráatase de máis de 40 fotografías da produción máis recente do artista, desde 2001, unha selección de imaxes que incide na relación entre o home e a paisaxe e que reflexiona sobre a deterioración do espazo natural e como o ritmo no que avanza e evoluciona a sociedade actual non ten en conta a presenza da natureza nese proceso.

Por outra banda, na Fundación RAC exhibirase unha decena de obras de gran formato realizadas para este proxecto específico, dentro do seu programa de residencias, que inciden e sitúanse exclusivamente na paisaxe de Galicia.

A Deputación de Lugo invirte en protección contra o lume

Redacción

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Deputado delegado do Consorcio de Bombeiros, Claudio Garrido, anunciou que a Deputación buscará “o despregamento do 100% dos parques de bombeiros da provincia, que realmente sexa unha rede provincial, defendendo que non hai cidadáns de primeira e de segunda, que tanto dereito ten un veciño de Folgoso do Caurel como de Lugo”. A Deputación buscará a cobertura contraincendios do total da provincia. Para garantizalo, Gómez Besteiro foi máis aló e anunciou que está disposto a incrementar o esforzo inversor que está a facer a Deputación, e que espera a mesma resposta do goberno autonómico.

Besteiro adiantou a posición e o compromiso político da Deputación neste asunto: “cando afrontemos a próxima reunión do Consorcio de Bombeiros coa Xunta de Galicia imos pedir o que estamos dispostos a dar. A rede provincial de parques de bombeiros é un compromiso caro, como o foi a UNED en Lugo, pero son cousas que non teñen prezo. Ou e prioritario para un ou non o é”.

Para o Presidente hai tres apostas da Deputación enriba da mesa nas que agarda un posicionamento da Xunta de Galicia:

1ª.- A inclusión do servizo asociado ó Concello de Lugo, aceptando o convenio de colaboración con este municipio para que éste poida asumir a cobertura de parte do territorio no centro da provincia.
2º.- A integración do Monforte na rede non máis alá de xaneiro do 2010 para dar cobertura á parte sur.
3ª.- Garantir a cobertura da Montaña lucense para que “ese eixo que vai de Pontenova a Folgoso do Caurel esté realmente cuberto. Os veciños non queren ocos nin espazos escuros. Podemos analizar tecnicamente esa parte do territorio para saber se ten que haber parque ou subparques, pero o compromiso ten que ser claro”.

O Presidente explicou cómo a actual Deputación tivo que resolver débedas históricas do pasado e cualificou de “cobardes políticos a aqueles responsables que, o foron e que xa non o son agora poque os veciños así o quixeron, porque… onde estaban as súas reivindicacións antes? E a defensa dos veciños? Onde estaban cando esta Deputación se negaba a entrar no consorcio provincial de bombeiros? Daquela estaban caladiños. A min se me ocurre un calificativo: cobardía política. Onde estaban os políticos cando o parque de Barreiros estaba sen funcionar, cando se discutía se o parque debía estar en Viveiro e Cervo? Por iso, estes vehículos que presentamos hoxe son importantes, porque son reais. Nós somos responsables a partir dunha data pero non antes”.

Pola contra, a día de hoxe as obras de Barreiros están a piques de rematar. “Fíxense vostedes, en Barreiros o parque de incendios non tiña nin traída de auga. Cando menos é ben curioso”, dixo. As obras do parque de Sarria e de Chantada están moi avanzadas, as de Vilalba están contratadas e as de Viveiro a punto de selo.

Novos vehículos para os parques
Gómez Besteiro fixo estas declaracións na presentación dos 5 mandos-todoterreo que serán empregados polos capataces dos parques de bombeios para chegar, no menor tempo posible, ó lugar do incendio. Os novos vehículos acaban de ser adquiridos pola Deputación por un valor de 175.000 euros. “Estes coches son realidade. Non son coches precisamente de xoguete, aínda que a algún lle parezan de xoguete”, afirmou Besteiro en resposta ás críticas da oposición.

Desde que se iniciou a posta en marcha da rede provincial de parques de bombeiros, que comezou co cambio de goberno na Deputación, o organismo provincial leva investidos 5.885.259 euros. A administración provincial xa mercou ou está a contratar 3 millóns de euros para dotación dos 5 parques. Ademais dos 5 vehículos presentados hoxe, hai que engadir 1 vehículo de rescate en altura (555.000 euros), catro coches urbanos lixeiros (978.149 euros), dous mixtos de extinción e rescate en altura (991.451 euros) e outros 236.000 euros en equipamento en xeral. A finalidade é que os Concellos teñan un equipamento moderno e de última xeración, polo que a flota do parque móbil é moi importante nas situacións de risco.

Café no Parador: Agustín Baamonde

Redacción

Agustín Baamonde, deputado do PPdG e concelleiro en Vilalba, é o protagonista da sección Café no Parador, da edición en papel d'A Voz de Vilalba, que se publica hoxe. O novo goberno galego, a cuestión do galego ou a actualidade vilalbesa son algúns dos temas abordados ao longo dunha hora de entrevista que pode descargarse nas seguintes ligazóns:

1ª Parte
2ª Parte
3ª Parte
4ª Parte
Respostas rápidas

25 de xul. de 2009

Novo número de A Voz de Vilalba

Redacción

Hoxe sae á rúa un novo número en papel do noso xornal, con artigos dos sociólogos Fermín Bouza e Bernardo García Cendán, o filósofo Antón Baamonde, o poeta Bruno Marcos, o crego Afonso Blanco ou o escritor Xosé Manuel Pacho, gañador do premio Torrente Ballester de novela no 2007.

Publicamos, ademais, unha entrevista co parlamentario popular Agustín Baamonde, ex-alcalde de Vilalba, que aborda, entre outros temas, a cuestión do galego.

O xornal pódese obter, de balde, en todas as librarías de Vilalba. Para os que non podan achegarse á vila, esta é a ligazón para descargalo en pdf.

A TVG estrea hoxe "O soldadiño de chumbo"

Redacción

Hoxe , sábado 25 de xullo, a Televisión de Galicia emitirá ás 15:30 horas por primeira vez en televisión a curtametraxe de animación "O soldadiño de chumbo", dirixida por Tomás Conde e Virginia Curiá.

A historia, baseada no coñecido conto de Hans Christian Andersen, ten como escenario o Museo do Xoguete de Allariz e incorpora nesta versión revisada personaxes de tradición galega como son o Cigarrón e a Castañeira.

Realizado coa técnica de animación stop motion, a curtametraxe contou coas inestimables achegas de Emilio Aragón, que compuxo a música da peza, o artista Alfonso Costa, que foi o responsable do deseño de personaxes, así como coas voces de Luís Piedrahita e Manuel Manquiña para dar vida a estes coñecidos personaxes.

Este supón outro éxito na traxectoria de colaboración entre estas dúas produtoras, que xa traballaron anteriormente na serie de animación "E por que?" e que actualmente están en fase de produción da segunda tempada da mesma, ademais de que Virginia Curiá dirixirá proximamente a longametraxe de animación "Brujerías", producida tamén por Continental Producciones.

Por último cabe sinalar que tamén nesta programación especial do 25 de xullo, será emitida a longametraxe de Patricia Ferreira "Sei quen es", de Continental Producciones, dentro do Cine Noite.

Trinta anos


Alfonso Blanco Torrado

Un número redondo. Pero o tempo en abstracto, non existe, sería un baleiro. Só hai emocións, feitos, acontecementos…, que van arrequentando, os anos, e son os que miden e sopesan os días. Coma dicía, Manuel María, santo e seña do Festival de Pardiñas, “e cando chegue o maduro Outono, ateigado de esperiencia e sabedoría, ordenar, dentro de nós, ensoños e sentimentos e acomodalos no noso corazón do mesmo xeito que os nosos devanceiros poñían o millo nos hórreos”.

Quizais esta festa aínda non roza o seu outono, porque a vivimos co fervor da primavera, ou, en tal caso, as festas non se miden por edicións, senón, pola capacidade de sorpresa que son capaces de xerar. Entón, Pardiñas, ten correa para tempo. Pero é de loar que unha iniciativa dun colectivo civil, moi acosado nalgún momento, poida manter aceso este manancial cultural. Marabilla o xeito que teñen os de Xermolos de festexar esta efeméride, afondando na participación das e dos festivaleiros neste certame.

Escaparon do fogonazo ou estoupido dos grandes astros, que como as estrelas fugaces, non impactan nas fibras do corazón, e apostaron pola xenerosidade das criaturas máis sinxelas, o vagalume, que sen alardes axuda a marcar o camiño. O balneario e a súa contorna, ademais dos grandes escenarios, vibra coa dinámica dos seus obradoiros: o das regueifas, iniciación ao grafitti, percusión brasileira, danza tradicional, xoguetes sonoros…, na procura de motivar a sensibilidade, porque vir a Pardiñas, significa sentirse creador en calquera arte… Pardiñas é a maxia das e dos nenos e mozos, máis de 800, que soñaron no mes de maio, como era o seu festival, coa palabra e os trazos e cores… E debúxano coma unha fervenza de corpos e espíritos danzando, nun río cheo de vida.

O leito deste festival é a Natureza, que solda a todos nunha aperta, sen fronteiras. Este festival foi sempre un tempo e espazo para os soños, sobre todo dos máis novos, como aquel ano que a nena Susana Seivane, collía unha gaita na Mostra de Instrumentos, baixo a atenta mirada do seu avó, o patriarca dunha saga de construtores de gaita, ou Carlos Núñez, moi novo, facía brincar con Matto Congrio.

Por iso, o cartel de Pardiñas, os artistas, son todas e todos os que peregrinan a este santuario da Natureza, sen entrar en competencias e listas de éxito. Só conectan co pobo, aqueles que se mergullan no caudal de augas limpas, que é a fidelidade ao patrimonio dos pobos. Xermolos celébrao, convocando a participar no XXX Festival, con esta consigna: “FAGAMOS PARDIÑAS MÁIS FERMOSO COAS NOSAS CORES, FORMAS, RECENDOS, OLLADAS. Certame de pintura, escultura e fotografía rápidas, vídeo, tiras de cómic, grafiti…, nos 30 anos de Pardiñas”.

24 de xul. de 2009

Radiografía do 25 de xullo

Moncho Paz

A xornada de mañá, Día Nacional de Galicia, recupera a carga política doutros tempos. Así se reflicte nos movementos de fondo das tres forzas representadas no Pazo do Hórreo ao longo do mes de xullo; e tamén nas distintas iniciativas a prol da cultura e da lingua galega que nestes intres están a mobilizar á sociedade civil, independentemente da ideoloxía. É o triunfo do sentimento de galeguidade, que habelo haino malia que non guste a algúns personaxes cuxo nome quero lembrar.

O conselleiro de Educación foi unha vez máis un dos protagonistas do mes, desatando a polémica pola gratuidade dos libros de texto, que afecta ao 75 por cento das familias e sitúa á nosa Comunidade á cola do Estado español neste tipo de medidas. Poucos dias despois, os concellos –a través da Fegamp– escenificaban ante Vázquez Abad a improcedencia dese discurso simplista e valeiro de contido que está a manter a Xunta con respecto ao idioma e que alimenta un conflito artificial xerando problemas que antes non había. Foi durante a celebración dos 25 anos da Declaración do Hostal, na que os concellos asumiron o compromiso de galeguizar a súa actividade cotiá.

Paradoxo da vida. Mentres na Xunta esquecen a situación global da nosa lingua, en claro retroceso, ten que ser o profesor John Rutherford quen poña énfase na importancia do idioma para a proxección exterior de Galicia, especialmente naqueles países con comunidades galegas emigrantes. Á vista dos acontecementos, xa non dubido de que hai membros no actual Executivo que descoñecen o texto da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Unha mágoa.

E a sociedade civil segue a reclamar a volta ao consenso lingüístico. O Manifesto “Galego, Patrimonio da Humanidade” acadou máis de 3000 sinaturas de apoio en apenas quince días. En liña parecida está a plataforma “Queremos galego”, promovida pola Mesa e outros colectivos sociais; e iniciativas como a da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que hoxe lerá o seu comunicado nun acto público na Alameda de Compostela.

No entanto, no PPdeG escóitanse voces solicitando un xiro ao galeguismo; dende o PSdeG pídese a reforma estatutaria e xurde a Rede Galeguista, que pretende impulsar o compoñente máis galeguista dentro da acción política das filas socialistas; e no BNG tratan de corrixir o rumbo e achegarse de novo á cidadanía, tendo como primeira proba de lume a manifestación de mañá na Praza da Quintana.

2010 será o Ano do Libro e da Lectura

Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración do 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia co obxectivo de incardinar os programas de actuación e as medidas de promoción do libro e fomento da lectura dentro do próximo Ano Xacobeo. Con esta iniciativa a Consellería de Cultura e Turismo pretende involucrar a todas as organizacións galegas, o sector do libro, os representantes editoriais e demais axentes implicados para traballar conxuntamente nesta iniciativa.

A finalidade deste proxecto é impulsar o Ano do Libro e da Lectura de Galicia a través da celebración do Xacobeo 2010. Para elo, as institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a pór de relevo esta manifestación contribuíndo ao recoñecemento do libro como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura e da lingua de Galicia.

23 de xul. de 2009

Dúas enquisas sobre Portugal e Galicia

Redacción

Rui Carlos Martins, do MIL (Movemento Internacional Lusófono), anda a difundir na rede dúas enquisas sobre a situación actual na Galicia e coa lingua galega. Os seus resultados serán a base dun capítulo dun libro a editar polo propio mil a finais de 2009 ou comezos de 2010 sobre "As relacións entre Portugal e Galicia", onde terá un especial enfoque á cuestións da lingua galega.

Os resultados das dúas enquisas poderán ser publicados sobre a forma de gráfico ou de presentacións numéricas tabulares. De igual forma, os mesmos elementos servirán de base para un artigo a publicar na revista lusa Nova Águia.

Pode participar calquera picando nos seguintes enlaces. A única cuestión importante a ter en conta en que as enquisas deberán ser respondidas só por naturais de Galicia ou residentes na nosa terra:

Enquisa estatística
Enquisa extensa

Follas de vagar 350

Xosé Manuel Pacho

Estou de volta xa, e botando unha ollada a un artigo sobre Orwell, véñenme á cabeza moitas preguntas, e algunha reflexión, sobre todo agora que estou loitando co que debería ser unha novela, ou un texto literario.

Recollen de Orwell que detestaba a vaidade e que para el o texto, a boa prosa, tiña que funcionar como unha fiestra aberta, que estupenda definición do que ten que ser a literatura. Veño de facer varias lecturas e revisións estos días, digo de memoria: O proceso, de Kafka, Nocilla Dream de Agustín Fernández-Mallo, La interpretación de los sueños de Artemidoro, Os estoicos antigos, La Habana para un infante difunto de Guillermo Cabrera idem, Autopsia da novela de Juan Tallón, a Odisea de Homero, O barón rampante e outra da trioloxía, O cabaleiro inexistente, De profundis de Oscar Wilde (que mira que é deprimente polo menos para min), Wilt de Tom Sharpe, Monzó, Pitol...

En todos estos textos, evidentemente, percébese a intención de comunicar do escritor ou escritores, e a intención de se enfrontar ao coñecemento do mundo en todas as dimensións imaxinadas ou inventadas. Foi iso o que me evocou tamén Orwell, ademais do detalle curioso dun médico que o tratou nos últimos tempos cando estaba hospitalizado: o olor dos seus cigarros, e o teclear da súa máquina de escribir, todo isto, no hospital.

Ademais unha máxima súa que poderíamos e deberíamos aplicar á nosa lingua, ao galego, aínda que el se refería ao ingles, falando de que o problema non é da lingua se non dos que con esa lingua non teñen nada que dicir ou so din tonterías (el pon un exemplo claro, "A man may take to drink because he feels himself to be a failure, and then fail all the more completely because he drinks. It is rather the same thing that is happening to the English language. It becomes ugly and inaccurate because our thoughts are foolish, but the slovenliness of our language makes it easier to have foolish thoughts.")

As veces, hai que tomar distancia... para acertar e, ata para trabucarse.

Antón Reixa, novo presidente da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega

Redacción

Seis meses despois de se presentar ao público a Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega (I+dea), que xurdiu co obxectivo básico de crear e consolidar un foro aberto de traballo e colaboración entre os actores relevantes no sector tecnolóxico audiovisual da Comunidade Autónoma, os seus integrantes elixiron na asemblea do pasado día 20 de xullo ao Comité Xestor. Trátase do grupo que pretende liderar a actividade da plataforma, definindo os seus obxectivos e propondo iniciativas para dinamizar a innovación tecnolóxica no sector, desde a parte máis técnica até a produción de contidos. O comité está presidido por Antón Reixa, o vicepresidente é Antonio Pose, mentres que Antonio Rodríguez del Corral, Carlos Carballo e Noemí Varela son vogais.

Na asemblea presentouse tamén o balance de actividades e iniciativas da plataforma no seu primeiro ano de andaina. Durante este período, participaron nas actividades da plataforma case 600 profesionais, en torno aos distintos grupos de traballo constituídos. No decurso da asemblea, celebrouse tamén unha mesa redonda, na que interviron Elena Couto, de Filmanova; Julián Flores, do Laboratorio de Sistemas da USC; Miguel Regueiro, de Gradian; Jorge Algora e Iago Elizatxea, de Adivina Producciones, e José R. Mosteiro, de Netex Knowledge Factory.

Dúas escolas de pensamento

Antón Baamonde

É posible atopar dúas escolas de pensamento sobre a liña de conduta que vai seguir no futuro o PP acerca da cuestión lingüística. A máis nutrida imaxina que, feitas un par de filigranas para contentar aos sectores máis castelanistas, os conservadores retornarán ao statu quo anterior. É a esperanza, por exemplo, de todo o galeguismo institucional que, doutro modo, se vería nunha posición difícil e desairada e, tal vez, dunha parte do PP, do PSdeG e até do BNG.

O que esperan os que confían nesa volta ao rego é que o PP aprobe un decreto que substitúa ao anterior –que instituía unha porcentaxe de ao menos un 50% por cento para as materias en galego por outro que sexa dalgún modo aceptable. Esa é a verdadeira e complicada tarefa de Anxo Lorenzo. Esa esperanza vese menoscabada, no entanto, pola desaforada actividade do goberno galego en orde á súa deconstrución.

A suposición, que provén do período de Fraga, de que o goberno non quere complicacións nesta materia tal vez non ten en conta que este PP xa non é aquel PP. Dende a toma de posesión as múltiples iniciativas contra a presenza do galego –supresión do seu exame nas probas do Sergas–ou a continuación da liña de ataque de liberdade fronte a imposición –a enquisa ofrece material para esa guerra– suxiren que a posición de fondo é máis belixerante do que foi o caso no pasado. Infinitamente máis. Agora xa sabemos quen son os birretes, e polo que se ve, non andan sobrados de ilustración, pero saben canalizar moi ben a frustración e o resentimento de certos segmentos sociais. A ofensiva en curso, se continúa deslexitimará a todo aquel que se acerque demasiado. É un aviso para navegantes.

Dende logo, todo parece apuntar a que o cabalo de batalla vai ser o novo decreto inspirado na filosofía do 33% para cada idioma. É un obvio intent de contentar a todos que, na súa aplicación práctica, pode ofrecer interesantes posibilidades de adaptación ao territorio ou, pola contra xerar aínda máis conflito. Veremos o que pasa.

A segunda escola de pensamento infire da liña de actuación de Núñez Feijóo, tomada das pías nas que beben os conservadores de toda España que, moi ao contrario, o que virá é unha ofensiva sistemática contra o idioma que, no límite, intentará convertela nunha linguaoptativa, por oposición ao castelán, que sería o idioma por defecto. Isto, naturalmente, como tipo ideal, dado que a Administración galega non pode dar tan rápido ese xiro, por moi diversos motivos. De ser certa esta segunda opción o que hai que ter en conta é que estamos ante algo moi novo. Se o PP percorre este camiño é porque xulga que pode. Porque supón, con razón ou sen ela, que no actual nivel de castelanización do país e coa inimiga contra o galego que xa ten masa crítica, poden reducir aos seus adversarios a cinzas. Son eles os que escolleron este campo de batalla, hai que lembralo.

O fiel da balanza vai ser a sociedade galega. Na miña opinión non é evidente cal vaia a ser nin o guión polo que discorra o asunto –os xiros de cada un dos actores non deberían deixarnos estupefactos aos que xa imos tendo anos– nin que novo consenso de fondo vai establecer, a través de procesos inducidos ou espontáneos, a sociedade galega. Non quero que isto pareza pesimismo pero moi ben pode gañar esa visión que só lle concede ao galego un estatus optativo, concedido desde a magnánima condescendencia da sociedade que vive como natural e maioritario o seu criterio.

Non quero que pareza pesimismo: estou establecendo unha hipótese que hai que considerar. En Galicia haimoita xente que le a Gramsci ao revés: non era «Optimismo da intelixencia, pesimismo da vontade» senón o seu contrario «Pesimismo da intelixencia, optimismo da vontade». Ou para dicilo co refrán que lle dá título ao meu blog «non é o mesmo tomar as trincheiras no café que o café nas trincheiras».

22 de xul. de 2009

Presentado en Lugo o IV Criterium Aeronáutico

Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentou esta mañá o IV Criterium Aeronáutico e a 26 Volta Aérea a Galiza 2009. O acto tivo lugar ás 12:00 horas no Salón de Actos da Deputación e contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Xosé Manuel Díaz Grandío, e do presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luís Abelleira. No decurso do mesmo, Antón Bao afirmou que “a organización deste tipo de eventos deportivos permite achegar a un conxunto amplo da poboación unha práctica deportiva restrinxida que, sen o apoio das institucións e a boa organización do Aeroclub de Lugo, permanecería vedada a moitas persoas”.

O blues de John Scofield

Mario Paz González

A calquera que o vexa saír ao escenario pareceralle alguén normal, talvez un oficinista máis de vacacións, vestindo con indolente elegancia o seu calzado deportivo e unha camisa que tira a frouxa, que cae con aparente descoido por fóra dun cómodo pantalón estival. Ao fixarse máis, alguén con sentido da observación poderá percibir certa singularidade na súa expresión, nesa mirada dun azul profundo e oceánico. De non coñecelo, de non ter información previa sobre el, de non avalalo a súa ampla traxectoria e ese xeito único co que comeza a tocar os primeiros acordes, poucos poderán percatarse de que ese home de aparencia anódina que, en realidade, semellaría saído doutra época, quizáis un cabaleiro sureño (aínda que nacera ben lonxe do Sur, en Dayton, Ohio, en 1951), é un dos mellores guitarristas de jazz vivos: John Scofield.

O disco que, na súa xira por Europa, presenta o 23 de xullo na XVII edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, “Piety Street”, non é, en realidade, un álbum de jazz ao uso. No seu interior o propio autor, cuxo eclecticismo musical fíxolle acadar un xeito un tanto modesto aínda que indubidable de éxito, confesa que o seu desexo inicial consistía en gravar en Nova Orleans un disco de rythm & blues, pero que, unha vez alí preferíu facelo dun xeito pouco usual, recreando vellos temas de gospel.

O resultado é dunha contundencia abafadora. O son certeiro e áspero da súa guitarra ilustra á perfección unhas cancións que, non por coñecidas, resultan agora menos novas e cuxa letra ten algo de queixa ou de chamada primitiva, pero sobre todo de canto espiritual, de esperanza ou de invocación cara a unha divinidade na que non é necesario crer para sentirse conmovido coa mensaxe (“But I like the message” titúlase un dos dous temas asinados polo propio Scofield).

Se nas gravacións orixinais de Mahalia Jackson, o Golden Gate Quartet, Hank Williams, Dorothy Love Coates ou o reverendo James Cleveland as voces semellaban brotar dos máis fondos recunchos da alma cando entoaban aquelas melodías cargadas de dozura e expresividade, nas versións que delas realizan Scofield e a Piety Street Band os mesmos temas son recreados coa nitidez metálica e a contundencia propia do rythm & blues. As vellas modulacións que, polo seu feiticeiro ritmo de salmo, semellarían hoxe desencaixadas no tempo, resucitan na voz impoñente e ben temperada de John Cleary resoando agora cunha actualidade esquecida e intensificada. Xunto a elas, as cordas da guitarra vibran cunha forza inusual, cunha reverberación arrepiante, coma se, ao ouvilas, se suspendese o curso do tempo.

Escoitados en directo, o jazz, o blues, o gospel… teñen algo de experiencia adulta, incomparable con calquera outro estilo dentro da música popular moderna, quizáis pola íntima compenetración que se establece entre os músicos e o seu público. Por outra banda, as letras das súas cancións sitúanse a medio camiño entre o himno apocalíptico e a experiencia sublime. Moitas delas foron escritas nun tempo, desgraciadamente non tan afastado, no que os seus autores, moitos deles anónimos, vivían unha vida de vexación e catividade, o que fai que reflictan con crúa sinceridade o desexo dun futuro mellor ou dunha salvación, polo menos no eido espiritual, que virá restaurar a liberdade abolida. Tamén, quizais por iso mesmo, revélannos dun xeito moi preciso o valor da música como exorcismo, o mesmo que aqueles cánticos dos presos de cor encadeados entonando o “Po’ Lazarus”, recollidos en 1959 polo musicólogo Alan Lomax.

Tamén no caso de John Scofield, a súa música é, sen dúbida, algo que nos chega dalgún lugar descoñecido para encher as nosas vidas, para transportarnos, para evadirnos. Un verdadeiro agasallo.

mariopaz@avozdevilalba.com

Imaxe: MXM

A AELG lerá o vindeiro venres un comunicado na Alameda de Compostela

Redacción

Ante o que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) considera a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do Estatuto que lle dá sentido e tras pulsar o sentir dos seus asociacidos, promoveu a creación dun comunicado que será lido en acto público o vindeiro 24 de xullo, ás 17,00 horas, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.

A AELG prega a asistencia a este acto, co que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores e escritoras asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida dende o Rexurdimento, e que traballan e loitan a cotío por normalizar e engrandecer un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio tamén da humanidade.

O texto do comunicado é o seguinte:

Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega

¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!

Señora e nai nutricia da palabra galega, vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar.

Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os séculos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.

Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa.

Rosalía de Castro primeiro, e todos os escritores e as escritoras que despois dela ousaron reivindicar esta lingua minorizada e desprezada polo poder, elixiron asumir como propia unha identidade colectiva e ver nela a nación soñada. No noso caso, como é común nas nacións sometidas, a escrita fixo o pobo. Non só estamos hoxe a defender a lingua dos nosos maiores e o dereito a conservarmos a herdanza do pasado; estamos a defender a lingua para contribuírmos co noso oficio a que no futuro Galiza sexa.

¡Odio, fillo do inferno!,
pode acaba-lo amor, mas ti n’acabas,
mamoria que recórda-las ofensas.
Si, si, ¡de ti mal haia!
Ler o comunicado íntegro aquí

21 de xul. de 2009

Km 0 a Compostela

Redacción

O Presidente da Deputación -Xosé Ramón Gómez Besteiro-, o Alcalde de Castroverde -Xosé María Arias-, a Presidenta da Sociedade Española de Cardiología (SEC) -Dra. María Jesús Salvador Taboada-, o Presidente da Fundación Española do Corazón (FEC) -Dr. Leandro Plaza Celemín- e prestixiosos cardiólogos, presentaron a nova oferta do programa económico-ambiental “Km0. Deputación de Lugo”, denominado “Km0 a Compostela”. O programa de visitas guiadas ofrece 25 rutas cardiosaludables, totalmente gratuítas, que porán en valor os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia e supón o inicio dunha senda de colaboración entre a Deputación, SEC e FEC co fin de fomentar os hábitos saudables.

Besteiro destacou que “con Km0 a Compostela, na Deputación adiantámonos á celebración do Ano Santo, converténdonos na primeira administración cunha programación estable previa ao Xacobeo que promociona todos os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia. Combinamos ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura, tradición e economía, porque o Ano Santo é unha oportunidade extraordinaria para crear emprego e riqueza pero esixe planificación”. O Presidente subliñou que o último Xacobeo atraeu a Galicia a 4 millóns de persoas e que, tras o 2010, teremos que esperar 11 anos para o próximo.

Para o deseño destas novas rutas, a Deputación contou coa inestimable colaboración da FEC e a SEC, organización sen ánimo de lucro, cuxo principal obxectivo é a mellora na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades cardiovasculares, achegando a mensaxe científica dunha vida cardiosaludable á sociedade.

A Presidenta da SEC mostrou “o seu interese e preocupación polos resultados do informe que estamos a ultimar sobre a incidencia das enfermidades cardiovasculares en España, onde Lugo supera a media da taxa bruta de mortalidade”. Por iso, Deputación, Sociedade Española de Cardiología e Fundación Española do Corazón inician desde agora unha serie de colaboracións co fin de divulgar a adopción de hábitos saudables e fomentar o desenvolvemento da investigación cardiovascular.

A comitiva presentou o novo programa percorrendo unha das rutas do Camiño Primitivo que atravesa o concello de Castroverde, ao seu paso por Soutomerille. Entre os participantes tamén se atopaban o xerente e o director médico do Complexo Hospitalario Xeral Calde -Francisco Vilanova Fraga e Félix Rubial Bernárdez-. Os cardiólogos foron recibidos na Deputación e posteriormente a comitiva percorreu o Camiño, visitou a Torre Fortaleza e o conxunto monumental de Vilabade.

Co fin de proxectar o conxunto da provincia, nas rutas de “Km0 a Compostela” están representados os catro Camiños que pasan por Lugo: o Francés con 6 itinerarios por Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín e Palas de Rei; Camiño Primitivo, con 7 rutas por Acivro, Fonsagrada, Cádavo, Lugo e Palas de Rei; o da Costa inclúe 6 rutas por Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín e Vilalba; e o Camiño Sur con 6 rutas por Quiroga, Ribas de Sil, Monforte e Chantada.

“Km0 a Compostela” estará incluído na segunda etapa de “Km0”, o programa de visitas institucionais da Deputación pioneiro en España, cun orzamento anual de 600.000 euros e co-financiado nun 70% pola Unión Europea. “Reinvestimos os fondos europeos demostrando que a Deputación de Lugo quere ser útil e que o futuro desta provincia pasa, sen dúbida, polo medio ambiente”, afirmou o Presidente. Con “Km0” a Deputación está a contribuír a manter 3.000 postos de traballo, directos e indirectos.

“Km0” é un programa que, en palabras do Presidente, simboliza “a nova Deputación de Lugo porque, con esta apaixonante viaxe para redescubrir e reinventar a nosa provincia, cumprimos 3 obxectivos: abrimos as portas da Deputación, estimulamos o orgullo de ser lucense e demostramos que o medio ambiente e as Reservas da Biosfera que caracterizan a esta provincia son unha oportunidade económica de enorme magnitude”.

6.000 persoas participaron xa na 1ª etapa de “Km0”, que xa arrincou e que alcanzará as 22.000 a finais do 2010. O 1 de setembro comezará a 2º etapa cun gran salto cualitativo e cuantitativo debido á demanda obtida: de 88 rutas a 135 e serán triplicados as viaxes.

Esta nova etapa terá 3 liñas: “Km0”, “Km0 Xtreme” de multiaventura, e “Km0 a Compostela”.

Os interesados que desexen apuntarse poden facelo gratuitamente a través da web www.km0.deputacionlugo.org ou contactando co servizo de protocolo, no teléfono: 982 26 00 75.

Os últimos cartaces do 1 de marzo


Fermín Bouza

De viaxe en Galicia, conmovéronme particularmente os últimos cartaces das eleccións autonómicas do 1 de Marzo. Nun deles sobrevivía o perfil de Touriño nomeado como "O Presidente" pola ocorrencia dalgún... dalgún que?. Poñan vostedes o que queiran.

Como todo o que sobrevive contra corrente aquel cartaz facíao cargado de po e pátina de séculos, porque parecían pasar séculos sobre el. Foi saíndo de Vilalba (a maior parte dos "albas", ou os seus equivalentes noutros idiomas da península, non proceden do latín senón da mesma raíz da Pérfida Albión, que é celta, segundonos contan os especialistas) cara ao mar, camiño da autoestrada. Fíxome lembrar os xa vellos erros de campaña e tamén o conxunto de erros políticos evitables que deron morte ao Goberno PSdG/BNG.

Hai eleccións que non se deben perder, e esta era unha delas: non había grandes motivos de fondo para iso, pero si había motivos suficientes para bloquear o voto máis crítico, como así ocorreu. Non sei se son os mesmos, pero xente similar, probablemente, á que afundiu aquela campaña, tentou despois difundir diversas cousas do mesma orde: que a culpa era da lingua, ou da alianza co BNG, ou das dúas cousas. Sería o mesmo ou os mesmos de "O Presidente"?. Xente polo estilo, en todo caso, para os que a política non é algo sistemático e racional senón un conxunto desordenado de intuicións que deciden a acción (deciden as arroutadas, que sería a expresión galega ad hoc). Foi unha campaña anticientífica (contra a tendencia de voto), unha pura arroutada.

Por suposto que a lingua tivo algo que ver: probablemente era un dos motivos dos non votantes para non votar: non estaban satisfeitos, entre outras cousas, coas políticas lingüísticas, ás que consideraban insuficientes, polo menos. Quizá non tiñan razón e foron as políticas posibles, e nada máis. Cren as clases medias e altas que apoian unha opción de progreso que ese progreso é separable da plena recuperación do galego?. Non perdan tempo nesa fantasía: a segunda modernización de Galicia por unha sociedade sustentable, inclúe a liberdade e igualdade do idioma propio como tema central.

Remate da temporada do Centro Dramático Galego

Redacción

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción escénica da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), rematou a súa temporada 2008-09 cun balance de 27.815 espectadores congregados nas 196 funcións promovidas pola compañía pública, cifras que suman a distribución das súas dúas producións propias e a programación externa que conformou a carteleira do Salón Teatro.

Neste último apartado, o apoio do público á actividade do espazo escénico que xestiona o CDG traduciuse en 17.093 espectadores que asistiron ás 130 funcións ofrecidas por 43 formacións artísticas, o que supón un incremento respecto ao período inmediatamente anterior de 41 funcións e 5.668 entradas.

No tocante ao labor de produción propia, as representacións de A boa persoa de Sezuán e As dunas reuniron en total a 10.815 espectadores nas 66 funcións desenvolvidas. Despois de ofrecer 17 funcións en Compostela cun total de 1.769 asistentes, a versión en galego da obra de Bertolt Brecht con dirección de Nuno Cardoso iniciou o seu período de exhibición fóra do Salón Teatro percorrendo nove escenarios galegos. Ofrecéronse 36 representacións da montaxe ás que asistiron 6.339 persoas.

En As dunas, obra escrita por Manuel Lourenzo como resultado do proxecto de dramaturxia residente e con dirección de Quico Cadaval, foron 4.476 espectadores os rexistrados nas 30 funcións realizadas durante tres meses.

Polo que atinxe a carteleira externa do Salón Teatro, 11.865 persoas presenciaron as 85 funcións que realizaron compañías tan emblemáticas como Matarile Teatro, que abriu o calendario con catro funcións do seu último espectáculo Animales artificiales. A continuación, o escenario compostelán acolleu a montaxe infantil Game over, da compañía Teatro Cachuzo, e as producións de Lagarta Lagarta Aeroplanos; El año de Ricardo da madrileña Atra Bilis, e a Teatro do Atlántico con Unha primavera para Aldara.

O segundo trimestre de programación iniciouse en xaneiro cunha nova reposición da exitosa produción do CDG Noite de Reis. Ou o que queirades, que deu paso a un ciclo de novo circo, unha iniciativa pioneira en Galicia que ofreceu aos afeccionados ao xénero a oportunidade de gozar de catro importantes propostas: Malgama dos andaluces Varuma Teatro, Contigo de O Último Momento (Portugal), As vingadoras de Maquinaria Pesada (Galicia) e Ieto, da compañía francesa homónima. En total, desenvolvéronse 8 funcións que foron seguidas por 1.084 espectadores.

O teatro non profesional tamén tivo o seu oco coa Mostra de Teatro Universitario celebrado no mes de maio e á que acudiron 1.039 espectadores en 9 funcións. Outra iniciativa destacada foi a Mostra de Teatro Infantil de Nadal que tivo lugar no mes de decembro e que durante cinco días congregou a un público familiar cifrado en 843 persoas, a meirande parte nenos e nenas. Finalmente, Teatro do Morcego conmemorou os seus 20 anos de traxectoria artística ofrecendo 10 representacións de Kvetch: O Rosmón, ás que asistiron 813 persoas e Abrapalabra puxo o colofón á temporada coa reestrea da obra A piragua, escrita e dirixida por Cándido Pazó para o CDG en 2007, da que se ofreceron 4 pases nos que se cubriron 623 butacas.

Iván Marcos e Nut Teatro presentaron tamén as súas propostas escénicas Eco e Wake Up, inseridas no plan de coproducións do CDG para 2009 xunto coa estrea de Delimvois, espectáculo escrito por Rubén Ruibal e montado en colaboración co Teatro Oficina no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães (Portugal).

A programación dedicada á danza ofreceu seis funcións, seguidas por un total de 603 espectadores. Este apartado inicíabase no mes de novembro con Nou I_D, a última peza de Kónic Thtr baseada no diálogo entre os intérpretes e a máis sofisticada tecnoloxía. Igualmente, a compañía do coreógrafo catalán Salva Sanchis presentábase por primeira vez en Galicia con Objects in mirror are closer than they appear. Ademais, a Compañía Quique Peón, en coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG), debutaba en xuño coa peza Ovay.

Canto ao apartado de música, por terceiro ano consecutivo o Salón Teatro foi o escenario da Extensión do Festival Sinsal, un dos certames musicais máis arriscados e innovadores de Galicia. Un total de 696 espectadores acudiron a esta terceira edición, que ofreceu en Compostela os recitais de influíntes grupos dentro do panorama das músicas contemporáneas: Jeremy Jay, Pram, Larsen & Little Annie e Current 93. O concerto de peche do Festival Vibracional TPS a cargo da Orquestra de Música Espontánea de Galicia puxo fin á programación dedicada a esta disciplina.

Ollando a lúa, corenta anos despois


Xulio Xiz

Un, que leva case toda a vida como Pedro Chosco (“cun ollo pechado e o outro na lúa”), cre firmemente que hai corenta anos o home pisou a lúa.

Era un americano chamado Neil Amstrong que se movía naquela atmosfera inexistente coa lentitude do que leva cen quilos sobre as costas, que consagrou para a historia unha frase hoxe tópica do gran paso que significaba para a humanidade a primeira visita humana ó satélite da terra.

Contemplei a chegada dos homes á lúa nas Pontes de García Rodríguez, onde estaba de festa maior que daquela o dezaoito de xullo era festa grande no mundo laboral pontés e para todo o mundo hispano.

Aquela fazaña foi a victoria definitiva dos americanos sobre os soviéticos nunha carreira espacial na que todos coidabamos que se xogaban moitas máis cartas que as propias viaxes espaciais.

Catro décadas despois aínda hai quen dubida que os homes pisaran a lúa, coidando que todo puido ser unha montaxe feita nun laboratorio para asombrar ó mundo, e supostos especialistas atopan erros na pegada no chan do pe do astronauta ou no ondear da bandeira nun pequeno mundo onde non hai aire.

A ciencia ficción leva varios séculos especulando con bases estables na superficie luar ou no interior do satélite, con atmosferas artificiais, con achádegos incribles ou, como mínimo, coa lúa como plataforma de partida de viaxes interestelares.

Pero a lúa aínda é case virxe, e unha pisada humana non abonda para que deixemos de mirala con ollos atentos de namorado espacial. É unha lúa nova, agardando por nós. Eu, polo menos, xa estou alí coa vista. Ollando atento a todo o que poida afectarlle.

20 de xul. de 2009

Máis de 50 alumnos estranxeiros da USC visitaron Lugo durante esta fin de semana


Redacción

Os rapaces participaron durante a xornada do sábado nos cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros que organiza Cursos Internacionais da USC dende hai máis de 50 anos. Até este ano os cursos concentrábanse no campus de Santiago, mais a partir de 2010 algúns alomenos dous deles pasarán a desenvolverse no campus de Lugo.

Estes estudiantes viaxaron dos cinco continentes para participar nestes cursos de verán: xaponeses, brasileiros, norteamericanos, italianos, suecos, taiwaneses, australianos, franceses, escoceses, noruegueses, británicos, xermanos, indonesios e chineses. Algúns viaxaron até Compostela pola súa conta e para outros moitos esta viaxe de estudos é a culminación dos acordos de colaboración establecidos entre Cursos Internacionais da USC e universidades e institucions culturais de diferentes paises, entre os que cómpre destacar:

- Suffolk County Community College de Nova Iorke (EEUU)
- Suny at Old Westbury de Nova Iorke (EEUU)
- Hosftra University de Nova Iorke (EEUU)
- Universidade de Northern Iowa (EEUU)
- Universidade de Northeastern (EEUU)
- British Columbia University (Canadá)
- Universidade Católica do Rio de Janeiro – PUC-RJ (Brasil)
- Asociación Cultural Caballeros de Santiago (Brasil)
- Asociación Casa de España de Río de Janeiro (Brasil)
- Instituto Cervantes (China e Xapón).

Michael Peter Jackson Pan

Bruno Marcos

Facer unha análise do que foi o fenómeno Michael Jackson, despois de que se apagaron os lumes informativos, desde unha perspectiva exclusivamente sociolóxica é, cando menos, algo insuficiente. Xulgar as súas excentricidades como unha patoloxía sen máis queda curto. É coma se pretendésemos, nós, simples mortais, avaliar aos faraóns exipcios.

O que teña viaxado a Katmandú, logo de que o levaran, seguramente, a visitar á deusa nena que vive como tal deusa nun palacio ata que alcanza a adolescencia, sairía, coma me ocorreu a mín, preguntándose que será desa rapariga cando a expulsen do templo e se decate de que debe vivir como unha persoa normal, aínda que xa non poida conseguilo porque será unha muller que foi unha deidade e deixou de selo. Michael Jackson foi o noso deus neno e o faraón do Exipto do capitalismo avanzado e, ademais, o foi sendo divino á vez que popular, cantando marabillosamente e inventando o espírito da época, o zeitgeist, con materiais moi sinxelos, da rúa, co breakdance robotizado, o berro lastimeiro do soul, a pegada dun rock light, cun vestiario punky abondo caro, deseñado e cortado ao milímetro, pero coa estrutura da roupa barata do raparigo do arrabalde que xoga a disfrazarse cos trapos que hai por casa.

Pretende facerse del, ao cabo, un freaky -e así se lle deposita na mirada das novas xeracións-, pero non debemos esquecer que o freaky é o monstruoso que non sabe facer nada, o cúmulo do erro que capta a atención sen ningunha virtude e Michael foi fermoso e un virtuoso, alguén que logrou o maior éxito do planeta.

Nas declaracións do xuízo sobre a súa suposta pederastia púidose comprobar que se trataba dunha persoa doce en extremo, dunha inocencia tal que nos inclinaba a absolvelo sen necesidade de probas. Velo entrar aos tribunais, co seu paso alado e aquela vestimenta imaxinaria condecorado de símbolos mudos dun exército inexistente de soños, conmovía. Ao pasar o arco de detección de metais parecese que ían descubrilo dobremente armado coas pistolas da risa. Era como sentar no banco a Brancaneves ou a Bambi, un sacrilexio.

Cansáronse de dicir que era o negro que quería ser branco pero o certo é que co que soñaba era con ser o personaxe dunha película de debuxos animados, non hai máis que observar o seu rostro último, as cellas inclinadas, os ollos enormes e tenros, os pómulos ovalados, o sorriso en forma de uve sobre o mentón dividido e o nariz, culminada nesa boliña como a de Mickey Mouse.

Fomos pretendidamente crueis con ese home, sádicos, por envexa. Deu sinais dunha grande intelixencia relatando o atroz que foi a súa infancia, a crueldade do pai que ensinaba a un deus a ser divino a golpe de correa, os irmáns entrando a fornicar con fans mentres o infante durmía na cama á beira...

Nun mundo enfermo de riqueza ensinounos como podería ser o noso futuro e pagou coa súa vida, que non tiña sentido fora do trono do escenario, o prezo de mostrarnos o inferno que sería a nosa se, en lugar dun soño, fose algo certo. É tráxico ser un deus vivo e estrañar a inocencia do país de Peter Pan, non en balde o de nunca xamais.

17 de xul. de 2009