O retorno de Antolín Faraldo

Xurxo Martínez González.-

Moitas nacións europeas fundaron a súa loita de emancipación no romper do século XIX. Europa reconfigurábase. O tempo dos grandes imperios tocaba á fin e emerxían, dende o fondo das idades, os pobos historicamente dominados: Polonia, Hungría, Irlanda, República Checa etc. Mais tamén petaban na porta Cataluña ou Galiza.

Un elemento común en todos estes procesos de liberación é a pegada do romanticismo. Nalgúns sitios chegou antes, noutros máis tarde. Pero en todos atopamos elementos que o sitúan nesta onda ideolóxica e artística. Foi unha corrente fondamente europea.

O nacionalismo galego nace no seu tempo, cando lle tocaba nacer. Non é extemporáneo. Non é un anacronismo. E se hoxe existe é porque o noso proceso continúa fronte a aqueles pobos que acadaron a súa liberdade no decorrer temporal, antes ou despois.

Adoita ser común que existan persoas que simbolicen o primeiro colectivo ou xeración que proclamou a necesidade de ser soberanos, de defender os intereses e o progreso da terra propia no canto de ser un sucedáneo, un punto alí, unha estremeira sen importancia fóra do xogo político.

Todas estas figuras merecen as meirandes loas e respecto. Hoxe ningún goberno dos estados denantes citados poría en cuestión a tarefa dos seus devanceiros. Porén, en Galiza hai quen miran con desprezo e arrogancia, con xesto anoxado e aldraxante a aqueles que loitaron, por exemplo, para acadarmos a autonomía que lles permite vivir, en moitos casos, do conto. Por iso existe a autoxenreira e unha exaltación da ignorancia como un éxito.

Antolín Faraldo é o símbolo incuestionábel do primeiro pensamento nacionalista. Recolle na súa traxectoria todo o provincialismo, aquel que en 1846 denunciara a situación colonial de Galiza e reclamara o lugar da nosa terra no concerto dos pobos. Faraldo expresa aquelas aspiracións, é o mito, o símbolo do primeiro espertar galeguista.

Dixo Murguía que, tras a derrota do levantamento coñecido como a Revolución de 1846, non volvería prestar atención aos problemas galegos. Hoxe sabemos que esta afirmación é falsa pois se ben Faraldo non volverá escribir sobre provincialismo (polo que sabemos) non é menos certo que viviu nun clima de represión conservadora, de persecución e censura que non evitaron que se prestase á actividades a prol de Galiza.

O betanceiro formo parte dos círculos do provincialismo exiliado en Madrid a carón de Romero Ortiz, José Rúa Figueroa, Eduardo Chao, Vicente M. Cociña etc. Participou nun acto a prol de Galiza onde se recadaban cartos para paliar a fame que mataba centos de paisanos e obrigaba á emigración a milleiros por cada mes. Mais alén disto, Faraldo participaba na vangarda do movemento progresista, máis próximo á esquerda radical que representaba o Partido Demócrata, xermolo do republicanismo federalista.

O seu nome aínda non está recoñecido. Apenas merece mención nos grandes ou pequenos discursos, incluso entre as fileiras do nacionalismo galego ou da elite intelectual. Parece un figura de culto cando a súa debía estar presente nas vilas e cidades galegas. Aínda menos mal que o Concello de Betanzos, en 2004, o declarou fillo predilecto, que o seu nome ten un paseo e que podemos contemplar o seu rostro nun busto (ollo!, a placa está en castelán).

Porén, neste mes que imos entrar de Santos, cando os galegos e galegas honramos os mortos (tan vivos na nosa cultura e tradición), merece a nosa atención a figura de Antolín Faraldo. Neste mes en que varios concellos van promover o uso do galego nas lápidas e nos actos funerarios como mostra de normalización (acaso en Galiza só morren os que falan castelán?), queremos propor que se inicie unha reclamación popular para solicitar o traslado dos restos de Antolín Faraldo (que están en Granada) ao Panteón de Galegos Ilustres.

29 de out. de 2011

II Mostra Coral

Redacción.-

O sábado, 5 de novembro de 2011, terá lugar ás 20,30 horas no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” de Vilalba a II Mostra Coral na que participarán o Orfeón Herculino de A Coruña, a Coral Polifónica Vilalbesa e a Coral Polifónica “O Pote” de Pombal-Maniños-Fene. A mostra está organizada polo Concello de Vilalba, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Federación Coral Galega.

28 de out. de 2011

'Son da corda' no TAL

Redacción.-

Son da corda, da compañía Forma Teatro, fala de amor, de impotencia, de soidade, de necesidades, de tenrura, de odio ... en definitiva, da complexa xestión do mundo dos sentimentos e dos perigos que isto conleva. Son da corda, o inicio da comunicación de tres mulleres, que coinciden na sala de espera dun psiquiatra coa única pretensión de normalizar as súas vidas. O que en principio parece ser unha situación de soedade e de profunda necesidade de compartir, acaba convertíndose nun caos absoluto, motivado polo abuso de poder que exerce o psiquiatra (personaxe actancial) fronte a vulnerabilidade das súas pacientes.

Escrita e dirixida: Rita Tabarés Goldar.
Actrices: Tania L. Villamarín, Sara Baltar e Rita Tabarés.
Escenografía: O Contramaestre.
Música orixinal: Anne Tooming e Juan Ramos.
Fotografía: Rubén Llenderrozos.
Vestiario: Forma Teatro.
Luces: Sara Baltar.

TEATRO ARTE LIVRE
Venres e Sábado ás 22:00h e domingo ás 21:00h
Entradas antecipadas online =10,00€
Entadras en taquillas= 12,00€

Facer País, en Láncara

David Otero.-

Velaí que hoxe nesta mañá de outono… ao chamo da AC Val de Láncara…xa imos recollendo froitos de ben dos que nos sentir a conforto.

Velaí , que “postos a bico da Terra” como diría Don Ramón Otero Pedrayo, quero dicir que o que me trae nesta intervención… non é cousa doada e poida que niso corra algunha turbulencia, ora por non atinar na encomenda, ora por parecer que ao falar de amigos un poida pasarse e que todo atufe a exceso tal como a incienso innecesario. Pero confeso tamén que esta encomenda fágoa coa idea de dar no sítio, atinar, dicindo a verdade sen efectos especiais, pois falo DE DOUS AMIGOS.

DE dous AMIGOS…
que fan casa,
que sementan pan
baixo choivas e trebóns…
e coas feridas abertas…
NA MEMORIA.

Pois o deles non non son as palabras domesticadas. Esas da gramática blindada, que pretende silenciarnos.
Por iso a este día quen manda é o RECOÑECER. O verbo activo a conxugue de sentir a presente compartido para futuro comunal perfecto.
Recoñecer…si…a eles dous que son tanto… e que son tantos…! Mini e Mero…Mero e Mini.
Dous traballadores na construcción da esperanza deste pobo ( como deles di Alfonso Blanco Torrado na revista Irimia) Dous Galegos normalizados…que non claudican…nin pensan facelo…pois loitan e fan país…e nel sofren as derrotas e pesie a todo…
co seu pobo quedan…nestes tempos de tantos cómplices silencios
onde falar non é pouco…onde resistir é moito
Eles dous fan certas… estas palabras de Miguel Hernández
( palabras que poño en texto de plural e na nosa Lingua Galega )



“ Nunca nos perdoarán os señoritos…que puxésemos as nosas poucas… ou moitas intelixencias,
os nosos poucos ou moitos corazóns,
( dúas cousas nosas que son máis grandes que todos eles xuntos…)
que as puxésemos ao servizo do noso pobo… de xeito limpo,
franco e nobre…xeneroso…
Eles preferirían que fósemos dous senvergoñas, dous cheíñas…do si e amén…dous achantados do “ si señor…”
Pero non o conseguiron…Nin tampouco o conseguirán…”

E así hoxe os das Asociacións Cultural Val de Láncara, recoñecédelos polo tanto que levan feito e polo moito que lles queda por facer…si…por facer…
E unha das súas moitas tarefas, eles sufridores dos dedos sinalantes, das voces acusadoras, dos asombrados contornos que axexan de contino, exerceron de mestres e son mestres.
MESTRES que militan na escola da aldea, na aldea, na construcción e asentamento do ensino público galego e de calidade, en galego pois, como valor de uso tan irrenunciable como obrigado.
E así ensinando, que facelo aprendendo dúas veces, coa lucidez necesaria, a mangados de entusiasmos moitas veces coa procesión por dentro e en teimosa liberdade, con proxectos de dignidade, puxeron mans á obra, para facer casa, país e pobo,
patria e nación. E diremos que os soños non foron rotos.
Que hai probas de abondosos froitos.
E así tamén por outra banda, a facer país e pobo, Patria e nación, Mini e Mero aran con fe a toda busca e atopan e constrúen memoria. Memoria histórica en tempos de tanta desmemoria.
Memoria que para poñela ao día aínda terá que gardar vez. Memoria á que Paul Preston lle di:

- “… o grande pacto de silencio e olvido”…
Pois tamén como di o poema:

“ Tristemente despois de cada guerra
obrigatoriamente alguén tería que limpar,
pois as cousas non se ordean soas,
nin se aclaran soas.

Co tempo…
algúns comezarán a pechar as bocas
e a dicir que iso aburre.

E de golpe…decretan…
que aqueles que sabían de que ía a cousa…
teñen que lle deixar sítio…

Aos que saben pouco…
ou menos que pouco
ou prácticamente nada…

porque nos parlamentos acordaron…
que o perdón xa vai no olvido…
e que é mellor librarse xa dos mortos
e ventilar as fosas…

E que viva a desmemoria…! ”


Pero Mini e Mero non olvidan. Non deixan que polas boas
se instale tanta inxustiza e non claudican, eles non son dos que se aburren, non se quedan indiferentes, nin pasivos…pois xa basta de andar sempre entre dúas realidades enfrontadas e militan a toda forza na desexada Comisión da Verdade, pois saben das maniobras ocultas para impedir os recoñecementos ás nosas víctimas.
Por iso saben que salvar a memoria , reparala e restituíla,
activala, é a causa necesaria para edificar o futuro.
E así tamén noutro facer país e pobo, Patria a nación, Mini e Mero van na música e na letra, nas voces limpas do nobre cantar.
Velos aí van coas compañeiras e cos compañeiros da Quenlla, con Miro Casabella, Tino Vaz, o gaiteiro Raúl…
Velos aí van con Marica Campo, Manuel María, Xosé Lois García, Uxío Novoneira,Marcos Ana, Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas, Xosé Vázquez Pintor, Díaz Castro,…
Velaí a proposta compartida na voz potente de rebeldía,
para poñer luz e denunciar a quen nos atacan, mancan, insultan e indignan.
Eles dous , como di Xosé Lois García:
“…definen vivencialmente a música como arte, acción e dignidade”
Eles son exemplo.
Eles son e foron, como din Antía Otero, Heitor Picallo e Cesar Caramés:

“ …parte importante dese espello en que aqueles nenos se ollaban, para cantaruxar…imitando”

As súas cancións son liberadoras ( como lles chama Xosé Manuel Carballo). Adquiren esencia de imprescindibles e nelas
asentan a toda fachenda a Lingua popular de resistencia, a historia e as tradicións. E así o conxugan sempre en rebelde subversivo…
en calquera tempo e lugar, pois como di Xosé Vázquez Pintor:

“ Eles son bebedores das esencias populares. Cantan de nós…”

Eles dous son un exemplo de honra, de mans traballadoras
que axudan a poñer en pé os nosos días de liberación e non permiten que sexamos un pobo de quedados indiferentes
a pasos de ollos pechados para que nos volvan uns desposeídos en terra propia.
Por iso chaman desde dentro e na Lingua, con pureza e leces cristaíñas, coa palabra IRMÁN… E nese chamo dinnos:

Irmán…
sente a rabia como se crava no peito
sente o frío do silencio que a tantos desexos mata
e cóllete forte ás mans dispostas…
cóllete forte…
para poder saír deste baldío.

Cóllete forte…
para dicirmos non ao que nos afoga
e para que os soños rotos poidan volverse…
xogos de nai e acariños,
festa da casa…
e tamén ventos de rebeldía
que boten fóra aos malos fumes…
da crueldade,
da tiranía…
da estupidez…

Que niso debemos saber e ter presente que …

“ NOSO SEÑOR PERMITE TODO PARA CASTIGAR A MALA XENTE” ( así dicía unha velliña sabia).

Velos pois aí a eles dous faceren país e actuar en consecuencia. Eles…como di Xesús Mato, poetas, músicos, profetas, Mini e Mero…son milleiros de feitos compartidos na amizade e na compaña
Por iso os seus nomes hoxe van no máis íntimo dos nosos afectos para dicilos IRMANDIÑOS e así a patria sacaraos a bailar
e eles… non poderán negarse !
Que recollan pois hoxe nesta terra luguesa unha parte do froito merecido por tantos anos de loita.
Nós así o dicimos ( como podería dicir Pepe Neira Vilas)…

“ ELES DOUS…MINI E MERO…MERO e MINI…son moi dignos de que o noso pobo lles pida que suban a onde el está…”

Pois que suban pois…!
Que suban…!


david otero. en Láncara a 15 de outubro de MMXI, a seguir a loita a prol do noso idioma e pola terra e pobo que nos queren esfarelar.

26 de out. de 2011

Historia de Vilalba

Redacción.-

O vindeiro venres, día 28 de outubro, a partir das 20,30, na Casa da Cultura de Vilalba, presentarase o libro Destellos para la Historia de Villalba, capital de “A Terra Chá”, do que é autor Manoel Lousa Rodríguez, betanceiro afincado na Coruña e próximo xa aos seus ben levados oitenta e nove anos.
O dono consorte do pazo de Pumares (San Paio de Arcillá, Cospeito), autor desta nova obra, non é a primeira vez que se presenta aos lectores; con anterioridade xa deu ao prelo outros libros, dedicados ao Santuario da Virxe do Monte, á propia mansión de Pumares, á historia do seu Betanzos natal, etc. Por outra parte, nos seus anos mozos tamén se mergullou no mundo do xornalismo, fundando con outros rapaces betanceiros o períódico El Eco de las Mariñas.

No acto da presentación da devandita obra intervirán, ademais do propio autor:

- Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudios Chairegos, que organiza o acto.
- Carme Pernas Bermúdez, historiadora con máster en Xestión Cultural.
- José-Luis Novo Cazón, autor do limiar do libro que se presenta.

A esta nova concorrencia cultural do IESCHA están convidados, ademais das personalidades ás que se lles cursou a correspondente invitación, todos os vilalbeses e chairegos amantes do pasado da vila de Vilalba e da súa terra.
A entrada a este acto será de libre acceso e ao final do mesmo ou autor asinará exemplares do libro presentado.

A biblioteca

David Otero.-

Nas moitas verdades que vivimos, na esperanza que elaboramos para soños de porvir e ben, mesmo tamén entre belezas que nos doen por non seren entendidas ou valoradas, queremos poñer a dispor de quen nos lean o comento do día a celebrar neste outono e que entendemos a deber facelo: AS BIBLIOTECAS ( espazos de sentir), pois estas sexan públicas, privadas ou familiares simplemente ( que iso sería o desexable), a visita e uso deberán ser consideradas como recursos permanentes que nos acariñan intensamente as nosas vidas e nos fagan soar a bo compás as cordas dos nosos corazóns para compoñer marabillosas sinfonías de fantasías para conquistas inmedibles que nos coloquen nas satisfaccións e nos froitos dos desexos persoais ou compartidos. Por iso AS BIBLIOTECAS son lugares tan de coidar a medre primorosamente como de usar intensamente, nos que a concorrencia libre e desexada favorece a consolidación dun facer diremos que necesario por mellor: A LECTURA como tecer e destecer de ideas, como exercício de pensamentos, a ler e lernos, para saírmos do literal e pasar ao activo e ao creativo. Unha beleza ( a sabor azucrado para saber) que aínda por non descuberta e valorada plenamente, dóenos. E dóenos por non ser estimulada e potenciada con maior intensidade e responsabilidade, en calquera espazo, pero en especial a toda referencia nas BIBLIOTECAS.
Direi que os nosos alumnos escriben que a BIBLIOTECA “ é unha habitación xigante chea de páxinas e de voces. Un mundo de saber e palabras na Lingua. Un campo de todas as primaveras. Un andar de sorrisos. Un lugar a todas as fantasías. E alegrías.”
Velaí pois que así neste día das BIBLIOTECAS desexamos que a toda comprensión nos envolva a mensaxe da importancia destas como valor de uso cultural intelixente para atoparnos cos soportes de lectura ( libros en especial, pero non os únicos) e así que neles o dicir dos textos e das imaxes se interioricen nas nosas íntimas valoracións, opinións e ideas, sentementos, para hábitos e criteiros de mellor vivir e convivir ( que non é cohabitar) nos contextos de lingua e cultura, de pobo e sociedade.

25 de out. de 2011

Cidadáns con memoria

Fermín Bouza.-

ETA cesa na súa loita armada e iso é unha gran noticia. O terrorismo como forma de presión non é unha metodoloxía aceptable, aínda que o practicaran todos e teña unha longa historia. O peor daqueles inimigos históricos de ETA, os franquistas e neofranquistas, é que carecían de toda credibilidade moral: asasinaron ou se compraceron no asasinato de centos de miles de concidadáns, entre eles moitos vascos, mesmo despois de finalizada a guerra que provocou aquel golpe de estado. Con que cara se pode encarar un con ninguén cunha historia desa clase detrás?

Outros que lles seguiron fixeron todo o posible para boicotear calquera proceso de paz ou calquera cousa que puidese acurtar o camiño da mesma paz. Non me sumo ao conmovedor e cínico discurso de que grazas a todos ocorre agora este momento de felicidade e fe no estado de dereito. Non é certo, sinxela e claramente.

Amargáronlle a anterior lexislatura a Zapatero con todo iso, e con Zapatero a toda a xente de boa fe, de dereita ou de esquerda, e fixeron manifestacións tremendas con insultos tremendos que están recollidos nos vídeos, caceroladas, cancións, imaxes... e seguían agora no mesmo. Non acepto que se lles poña como feitores de paz algunha. Este será un tema importante cando se escriba a historia de todo isto que ocorreu.

Quero que se fagan constar as imputacións de terrorista a Zapatero por parte de tanto notable insultador, quero que consten as frases recentes de Aznar, quero as obras completas de Mayor Oreja, os tatexos e acusacións de Rajoy, as palabras do señor ese de o Faisán, as de todos eles e elas. Como dicía un mozo do 15-M cando lle preguntaban que quería: quéroo todo. Eu tamén.

24 de out. de 2011

Onte traballo, hoxe festa

Xulio Xiz.-

O que non hai moitos anos eran duros traballos campesinos, na actualidad son un auténtico espectáculo para divertimento xeral, revivindo de xeito festivo os xeitos de antano.

A comezos dos anos sesenta, pola miña Porta de Cima circulaban os carros baleiros cara as fincas dos arredores e volvían ó atardecer ateigados de patacas, de nabos, de trigo... e pola rúa cantaban os eixos en proporción directa ó peso da carga.
E cando era o tempo da malla, soaban tableteantes os motores que movían as degranadoras arredor das casas, tendo tido eu a oportunidade de participar nalgún deses mesteres que hoxe quedan xa no máis profundo das miñas lembranzas.
Na actualidade, as mallas son espectáculo festeiro, indo acompañadas de exposición de material antigo, de xeito que os rapaces de hoxe poden aprender os labores de onte, aínda que nunca poderán profundar no sentido comunitario do duro traballo de separar a palla do gran.

Outro dos labores convertidos en espectáculo, está relacionado coas labores do liño, e cristalizará en Ínsua o próximo 29.
Nesta ocasión, quen organiza esta celebración é a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, que farán unha demostración do liño e de tecido con telares antigos, acompañado dun xantar popular para rematar cunha queimada nocturna.

Cando eu era neno, o tema do liño xa estaba case esquecido, polo que na actualidade se trata case dunha reliquia arqueolóxica. E as numerosas tecelanas que usaban este elemento para confeccionar os seus traballos utilizaban liño mercado no comercio, adoitando mercalo no establecemento de José Pampillo, O Enano, especialmente nas feiras e feiróns. Lembro a tecelana de máis sona, Basilisa de Bordelle, á que teño atendido tantas veces cando eu axudaba como vendedor no comercio de Pampillo, os días de maior afluencia de público.

Os investigadores de cultura popular falan de cómo se sementa o liño, de cómo se cuida, se libra de malas herbas, como se recolle e se carda, e do longo proceso para conseguir fibras que entrelazadas permitan tecelo. O liño que eu vendía, coñecido comercialmente como "algodón", viña en madeixas brancas ou crudas según o traballo para que iba destinado, xeralmente para confeccionar colchas de trapos que eran un dos elementos máis apreciados polos clientes das tecelanas.
Hogano, as tecelanas que eu coñecía son historia, e quizais as sucesoras –sempre eran mulleres- non teñan asumido esa profesión, e por eso o liño orixina unha festa, que está moi ben se así se garda memoria dun tempo e dun traballo que a evolución industrial fixo desaparecer.

O día 29 é unha boa oportunidade para coñecer en Ínsua os vellos traballos do liño, que só os máis vellos lembrarán da súa nenez, podendo como testigos esenciais orientar sobre o tema ás novas xeneracións, para que non esquezamos que unha vez fomos un pobo no que se podía vivir do que a natureza producía e a arte e o traballo dos nosos devanceiros transformaba en productos utilitarios.

19 de out. de 2011

Esa música escura, ese coro

Fermín Bouza.-

Son tantas as cousas tremendas que ocorren diariamente que a magnitude numérica desas árbores non deixa ver o bosque de horror en que se converteu a moderna cultura edificada sobre a base do capitalismo, pero non só como sistema económico senón como sistema anímico.

Estes tipos humanos que vemos diariamente, o político desalmado, o executivo ladrón, o policía vesánico, o xornalista calumniador, o parvo útil (prolifera en tempo electoral), e tantos e tantos como eles, e todos ocupando a praza pública para formar un coro sinistro que nos baleira os días de todo o relevante e o enche todo desa música que empezamos a aborrecer seriamente e que ameaza con tolearnos.

Nada vai mellorar tras as eleccións, e é probable que empeore, mesmo gravemente. Non estou de humor para case nada. Ocúpome intensamente dos meus temas sociolóxicos e comunicacionais a ver se acabo unhas cantas cousas. Reláxame o mundo propio cada vez máis, ao contrario doutras veces.

Se os electorados votan o que parece que van votar, outros deben ocuparse deles. Eu, de momento, voume ao interior da miña alma. Desde alí falarei con máis emoción, quizá iso sexa máis eficiente que a razón, cando menos nestas circunstancias.

A Literatura Brasileira hoje

Redacción.-

O evento Conexões IV:-A Literatura Brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil, que terá lugar en Santiago de Compostela, entre os días 17-19 de outubro de 2011 constitúe o primeiro encontro deste teor que se desenvolve na Europa.

A orixe desta iniciativa está no proxecto “Conexões-Mapeamento Internacional da Literatura Brasileira”. Trátase dun programa da área de Literatura do Itaú Cultural (Brasil) (http://conexoesitaucultural.
org.br/) que, desde 2008, constitúe un espazo de reflexión e debate e elabora unha base de dados sobre a difusión e a presenza da literatura e da cultura brasileiras no exterior.

Esa cartografia permite planificar e desenvolver políticas concretas de apoio á difusión e coñecemento da literatura e da cultura brasileiras a nivel internacional. Trátase do cuarto encontro internacional do programa do Itaú Cultural e o segundo realizado fóra do País –o primeiro foi na Universidade de Wisconsin-Madison (EUA). No Brasil tiveron lugar os encontros de pesquisadores, tradutores e escritores brasileiros e estranxeiros en São Paulo (2008) e no Rio de Janeiro, en parcería coa Universidade Federal do Rio de Janeiro (2009).

Alén diso, o Conexões Itaú Cultural xa presentou o seu mapeamento internacional da literatura brasileira na reunión da Associação Europeia de Pesquisadores em Brasil (Universidade de Salamanca, 2009), no 10º Congresso Internacional da Brasa (Brazilian Studies Association) (Brasília, 2010), alén de participacións no Fórum das Letras 2010 (Ouro Preto-Minas Gerais) ou das edicións de 2010 e 2011 na Festa Literária Internacional (FLIP) de Paraty. Conexões IV será co-organizado polo Itaú Cultural e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Embaixada do Brasil en Madrid e Fundación Cultural Hispano- Brasileña e da Universidade de Santiago de Compostela.
Os responsables son Claudiney Ferreira (Itaú Cultural), Felipe Lindoso (consultor do Itaú Cultural) e Carmen Villarino Pardo (USC). Este Encontro pretende que escritores/as brasileiros/as (con traxectorias amplamente consolidadas e con obras traducidas en diversos países: Luiz Ruffato, Márcio Souza, Cíntia Moscovich, João Almino, Marçal Aquino e Marco Lucchesi) e expertos brasilianistas tanto do ámbito internacional (Florencia Garramuño -Univ. De Santo Andrés, Buenos Aires-, Leonardo Tonus - La Sorbonne, Paris IV- e Darlene Sadlier –Univ. De Indiana, EUA,) como español (Pedro Serra - Universidade de Salamanca-, Antonio Maura –Universidade Complutense de Madrid-, e Elena Losada –Universidade de Barcelona), poidan discutir en mesas-redondas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e as dificultades para se inserir nos espazos da crítica e dos mercados internacionais e contrastar esa situación con escritores/as galegos/as homólogos e con críticos literarios, editores, pesquisadores, docentes e tradutores. A participación galega conta con figuras destacadas do ámbito da investigación e da escrita como Anxo Quintela, Carlos Quiroga, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Carmen Villarino, Elías Torres, Iolanda Zúñiga, Manuel Bragado Suso de Toro, Víctor Fernández Freixanes, ou Xavier Queipo.

Consultar programa aquí.

17 de out. de 2011

Xornadas sobre igualdade

Redacción.-

A igualdade é un concepto medular de todo o pensamento político dende a súa orixe. O propio concepto de xustiza reenvía a el, como aequitas. Está na base da modernidade; é un dos presupostos da nosa autocomprensión como suxeitos e cidadáns, e eixe fundamental da orde democrática. De maneira xa permanente, Aristóteles cifrábaa como unha das súas características esenciais. Desde as súas primeiras formulacións polos movementos sociais e o pensamento político o concepto de igualdade non deixou de estenderse e complicarse. Do ámbito xurídico-político ao económico, de aquí ao das loitas de xénero e culturais, ao espazo transnacional e incluso interespecífico a igualdade reclama incesantemente novos dominios de implantación. E ao mesmo tempo que a súa esixencia facíase irresistible e indiscutible, os criterios de aplicación diversificáronse e afondáronse de sorte que o asentimento na súa pertinencia contrasta coa discrepancia nas formas da súa concreción. Os últimos corenta anos de teoría e filosofía política significaron un afondamento sen parangón neste concepto. Nun momento, pois, de avance teórico e irrupción da igualdade en novos campos pero tamén de incremento en proporcións ata o de agora descoñecidas das diferencias económico-sociais intra e internacionais resulta de todo punto oportuno o seu debate.

Nas xornadas que propoñemos debateranse especialmente eses tres ámbitos de problemas en torno o concepto de igualdade: os seu distintos campos de aplicación, a pluralidade de criterios na súa concepción, e a situación actual da súa existencia.

Consulte o programa aquí.

IV Ruta “Por Galicia adiante

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando co desenrolo do súa programación do ano 2011, organiza para o domingo, día 16 de outubro, a IV Ruta “Por Galicia adiante - Andando a Terra... das Fragas do Eume”, incluíndo na mesma unha
visita guiada ao Mosteiro de Caaveiro.

Este é o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa. Encaixado no profundo canón que o río Eume labrou co paso do tempo, é un dos tesouros botánicos de Galicia e da península Ibérica, xa que alberga algunhas especies de fieitos case exclusivas, que unicamente se poden atopar en moi contados enclaves da nosa xeografía.

Estamos nun espeso bosque de carballos, castiñeiros, abeleiras, freixos, bidueiros, érbedos... onde as ramas dificultan o paso da luz e do vento e manteñen así unha humidade e unha temperatura case constantes no chan, creando as condicións idóneas para a presenza de multitude de pequenos invertebrados de enorme valor.

Cores por todos os lados. Os carballos cobren as abas que ascenden cara ao alto, e á beira do río un impoñente bosque de galería acompaña o ir da auga camiño do mar. Sombra, humidade e unha exuberante vexetación: o hábitat ideal para moitos seres vivos, como a salamántiga ou o leirón.

O paso do home polas fragas ao longo da historia evidénciase nos restos que están repartidos polo parque: varias mámoas e castros, os mosteiros de San Xoán de Caaveiro e Santa María de Monfero, ou a Torre de Andrade. (http://www.viveaonatural.xunta.es/GL/eume.htm)

A saída do autobús hacia A Capela, realizarase dende as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba, e está programada para as 9.00 horas do domingo, 16 de outubro de 2011.

O custo por participante fixouse en 20 €, para os/as socios/as do IESCHA, e 30 € para os non socios/as (inclúe comida e autobús). Os nenos e nenas menores de 16 anos pagarán 5 €.

Unha vez rematada a Ruta, terá lugar a comida no Restaurante Casa Toñita, sobre ás 14,30 horas.

As persoas interesadas en participar na Ruta poderán inscribirse nos teléfonos: 639-246459 // 651-361628, ou comunicalo directamente a calquera membro da Xunta Directiva, ata o mércores, 14 de outubro, como máximo.

13 de out. de 2011

Buscando un radar

Xulio Xiz.-

Hai uns días, recorrín o tramo entre Rábade e Vilalba coa estrada en obras pola zona de Begonte, con importante ampliación en puntos onde hai cruces con outras estradas de nivel inferior, co que seguro que se vai producir unha importante mellora na seguridade da circulación. O malo é que mentras duran as obras experiméntanse retrasos no tráfico, xa que os días laborables hai paso nunha soa dirección regulado por un
semáforo, á altura de Saavedra, e no tramo en obras a estrada está sen pintar nalgúns lugares, nin siquiera con pintura amarela prevista para as obras, e da medo pensar que unha circunstancia así poida posibilitar, xa
non digo orixinar, un accidente.

Circulei despacio, que tiña gañas de repasar un tramo que hai cun radar, xa por Noche, preto de Vilalba, onde xa me multaron dúas veces por ir a unha velocidade maior da prevista polos sinais colocados na estrada. A última das multas, o pasado agosto, cando iría eu pensando nas miñas cousas
e segundo o aparato medidor pasei a 94 en lugar limitado a 70. O resultado, 100 euros, que se viron reducidos a cincuenta por “pronto pago”.

Hai puntos elixidos estratexicamente para sacar diñeiro coas multas, e este é un deles. Porque indo atento descubrín que, efectivamente, hai un cartel anunciador do radar ó remate da legua dereita, subindo a costa cara a Noche, que outras veces tenme pasado desapercibido. E logo, fixándome, vin o aparatiño que está un pouco máis adiante, ben visible para o que vaia atendendo á cuneta dereita.

Agardo que as próximas veces que circule por ese tramo non caia de novo nesta trampa que é tan traicioneira coma as redes postas mortas nos ríos para que as escasas troitas queden enganchadas nelas. As redes nos ríos están prohibidas, pero os radares traicioneiros non, que seguro que á larga conseguen – eu prometo ser máis cuidadoso- que os conductores circulemos co xeito previsto polos que colocan os sinais, en tramos que se supón son problemáticos.

Revista avozdevilalba.com de setembro


Redacción.- 

Os nosos lectores xa teñen á súa disposición a revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de setembro de 2011 en formato pdf. Para descargala, basta con picar na imaxe da esquerda ou consultar a nosa Hemeroteca no menú superior. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico: redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.

9 de out. de 2011

Humor

Gento, Rubalcaba e a cultura política

Fermín Bouza.-


Se non tivese outros méritos, e eu creo que ten moitos, esa foto con Gento sería suficiente para que se lle escoitase nesta campaña electoral sesgada por unha crise que o pobo non entendeu e ninguén se parou a explicar no momento oportuno. A penas soaba, por boca de Rajoy e de Soraya, sobre todo, a voz oportunista dun PP que puxo as bases inmobiliarias da parte local da crise: a boa hora esas xentes desinformadas votarían o que parece que van votar se coñecesen un pouco de que vai a cousa.

Rubalcaba vaino explicando, aínda que grita pouco e ás veces non se lle oe. Perda ou gañe, gustaríame que nos dous debates que, ao parecer, se van celebrar, Alfredo Pérez Rubalcaba fose ben asesorado e deixase, polo menos, a sensación de que o 20-N alguén vai trabucar o voto. É o máis probable.

Cando o Real Madrid se metía un pouco atrás, que tamén o facía nos tempos gloriosos, Gento saía disparado pola esquerda e descolocaba á sorprendida defensa adversaria. Así gañou algúns partidos difíciles, cando Di Stéfano non tiña o día ou o desnucaban baixo presión constante. Entón Rial metía o balón ao oco e saía Paco Gento perdendo o cu até onde chegase, que era moi lonxe, e desde alí daba o pase da morte ou marcaba el mesmo. Os cronistas da época chamábanlle A galerna do Cantábrico, aínda que sempre me pareceu retórica e un pouco ridículo tal cousa, inmerecida por un tipo tan franco e rotundo como Gento.

Nun campionato do mundo, quizá o do Reino Unido, a selección española (tamén a italiana andaba por alí, se mal non recordo, ou se cadra foi noutra ocasión) concentrouse en Compostela, o meu pobo, para aclimatarse. Recordo a Gento correr como un tolo pola Rúa do Vilar para chegar a tempo a algún sitio. A estratexia de Gento disparado pola banda esquerda rompendo as defensas é tamén a de Rubalcaba: saíu o PSOE encollido a este proceso electoral, non é para menos, coa que está a caer e con toda a carcundia do país desexando acabar coas leis cívicas e cuns cuantos postos de traballo (e coas autonomías: que parvadas din con isto, descoñecen os datos) a base de recortes innecesarios (así feitos), pero quizá este outro cántabro saiba correr a banda eficientemente. Farao e crearalles problemas.

Un dato conceptual da nova cultura política que emerxe, por se o quere usar Rubalcaba nas súas incursións pola banda esquerda: desde a crise, e tamén desde o 15-M, a xente (as amas de casa, digamos) fala con desenvoltura do capitalismo, unha palabra que criamos fóra de tempo e lugar. Pois non.

Vertido de lodos

Redacción.-

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, participou onte, 7 de outubro, na xuntanza da permanente do Consello Agrario Galego. Entre outros temas, debateuse o proxecto de decreto polo que se regula a utilización de lodos de depuradora no sector agrario. A posición do SLG foi a de pedir a retirada deste proxecto e a prohibición expresa de poder verter lodos de depuradora na terra. As razóns para adoptar este posicionamento son varias.

En primeiro lugar, está demostrado que os lodos de depuradora, por moito que se procesen, conteñen unha forte presenza de bacterias resistentes aos antibióticos, metais pesados e outras moléculas nocivas para o medio ambiente e a saúde das persoas. Permitir o depósito de lodos de depuradora na terra, sexan leiras agrarias, praderías, montes ou de calquera outro tipo, supón un auténtico disparate, xa que estaría asegurada a contaminación dos terreos receptores, da cadea trófica, dos cursos fluviais e augas subterráneas, e mesmo dos alimentos producidos en base á terra, poñéndose en serio risco a saúde das persoas1.

O proxecto de decreto presentado hoxe no Consello Agrario Galego dá por feito que o único destino posible dos residuos das depuradoras é a terra, e non contempla outros posibles usos ou tratamentos. No Sindicato Labrego Galego estamos de acordo coa obriga de regular os usos dos lodos de depuradora; o que non podemos tolerar baixo ningún concepto é que estes refugallos altamente contaminantes se depositen na terra e, moito menos, que se pretendan utilizar como abono nas nosas explotacións.

Chama a atención que a Xunta de Galiza cree un canon da auga que, seica, só pagarán aquelas explotacións agrogandeiras que contaminen, por unha banda; e que pola outra, pretenda verter os lodos saídos das depuradoras dos núcleos urbanos e polígonos industriais nas terras desas explotacións.

Outro problema non menor que xerarían estes depósitos de lodos de depuradora na terra serían fortes cheiros na contorna do lugar onde se vertesen, transformando ao noso medio rural nun auténtico vertedoiro.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego oporase a calquera tentativa da Xunta de utilizar a terra como depósito de lodos de depuradora.

8 de out. de 2011

Condena perpetua

Redacción-

Que ocorre cando a túa alma parece ser procreada para camiñar perpetuamente ligada ao sufrimento ? Que facer cando a túa existencia é unha propia condena, cando os teus seres queridos renegan da túa existencia, cando os teus semellantes censuran os teus sentimentos, cando crees incorrer na desgraza da pena eterna?

Condena perpetua, neste fin de semana no TAL- TEATRO ARTE LIVRE, en 3 únicas funcións, venres e sábado às 22:00h e domingo às 21:00h, realiza un escabroso traxecto pola alma dun ser humano, un dos incalculables seres convencidos de que a súa alma forma parte dun corpo equivocado, corpo e alma diferentes pero ambos caidos nunha mesma desgraza, a cal tende a nutrirse cruelmente dos medos e do propio sentimento de culpabilidade polo simple feito do que para outros é motivo de alegria desbordande e excelsa, o milagre ou a condena de nacer.

A cada un de nós axéxannos certos medos pero os mais comúns ao alma do ser humano desde os seus mesmos orixes foron a morte e o sufrimento . Sufrir simplemente é sentir un dano quizais moral ou quizais físico; estes danos pasados ,presentes e inciertamente futuros poden derrubarnos ou facernos mais fortes dependendo da súa intensidade e o tempo que eles decidan acompañarnos pero.

TEATRO ARTE LIVRE
Vázquez Varela, 19 – Vigo
TEL. 648 88 10 02
VENRES E SÁBADO ÁS 22.00H
DOMINGO ÁS 21.00H


BILLETE EN TAQUILLA 12,00€
ANTECIPADAS 10,00€ - www.promovigo.net

7 de out. de 2011

E Pelúdez dixo este martes...

María Xosé Lamas.- Este martes, unha parella co seu fillo paseaba as rúas de Lugo estreando o San Froilán. Con sorrisos e entretidas e arroutadas conversas agasallaban aos seus veciños no seu galego castelanizado ou o seu castelán galeguizado, coma sempre. Eran o Pelúdez, a súa dona Filomena e o seu fillo, Peludeciño. Os tres persoeiros máis relevantes de Lugo nestas sinaladas datas.

Atopeime con eles no concerto de Di Elas, onde un Luís Tosar entregado facía as ledicias do seu público incondicional que, por certo, era ben numeroso. Como nos coñecemos de vello, saudámonos afectivamente antes de comezar a vibrar coa música do grupo lugués. Na conversa que mantivemos por uns intres, decateime que seguen a estar informados de canto acontece polo mundo e sendo críticos con todos aqueles feitos que día tras día van acontecendo no devir dos tempos. A eles non hai quen os cale. Con eles non serven as restricións da liberdade de expresión, non serven as cotas que tentan poñer os politicamente correctos, son xenerosos nas palabras e nos feitos que amosan as súas inquedanzas cun humor tan castigado como irredento.

Atopei cun Pelúdez despistado, levado da man e o coraxe da súa dona, pola que semella que non pasen os anos, cun smartphone táctil na man, do que estaba máis pendente ca do concerto. Non obstante, o paraugas estaba no seu lugar habitual – colgado do colo da chaqueta- e a pucha, estreada para a ocasión, na cabeza cubrindo o seu xa pouco cabelo máis branco ca negro. Para el os anos non pasan en balde…

A Filomena, eternamente moza, divertíase ollando a actuación lucindo o aspecto san de sempre e pendente do seu home e do seu fillo, como corresponde. Pois, a pesar dos seus xa moitos anos, a vitalidade que amosa é digna de ser envexada por moitas donas que se renden ao máis pequeno atranco. O seu proceder semella moitas veces inconsciente, mais non é así. Sabe ben como é o chan que tripa, coñece aos seus e aos outros… e obra en consecuencia. Eu quixera ser como a Filomena!

E o Peludeciño non medra, ou máis ben, semella que non madura ao ritmo dos comúns mortais. Pero non é así. Só hai que fixarse na súa indumentaria: pantalóns vaqueiros, camisa de cadros, chupa de coiro… Medra, si; vai cos tempos e as circunstancias aparellado ao desenvolvemento do cotiá. Casara, non si? Pois este martes estaba cos seus pais, sen dona…. Acaso para el tamén mudou a realidade… acaso non se ceibe dos sentimentos e emocións, das vivencias e os atrancos que a moitos nalgún momento nos acontecen na vida. Segue a mostrar a mesma inxenuidade, a amosar o mesmo espírito de adolescente entrado en anos que mantivo dende sempre, pero con unha madurez patente. Xa non é quen de personificar o futuro, senón o presente vivido día a día.

Despois dunha parolada graciosa, despedímonos, seguros de vernos para o vindeiro San Froilán. Que así sexa!

IV Xornadas de Literatura Oral

Redacción.-

As IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral celébranse baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos, un curso convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Estas son as características do curso:

- Modalidade formativa: Curso.
- Datas de realización: 28 e 29 de outubro de 2011.
- Horario: venres 28, de 17:00 a 21:00 horas; sábado 29, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas.
- Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8, Lugo).
- Valoración en horas de formación: 10.
- Número de prazas: 100.
- Persoas destinatarias:

1.-Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
- Custo de matrícula: Gratuíta.
- Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición na páxina da AS-PG
, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG. De cara á homologación seguiranse as indicacións da Orde de 1 de marzo de 2007.

2.-Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias anteriores poderán asistir ás xornadas
- Custo de matrícula: Gratuíta.
- Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición e anotándose previamente en oficina AELG oficina at aelg para recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG.

O programa é o seguinte: (pódese descargar aquí


VENRES, 28 DE OUTUBRO
- 17:00 h. Recepción e entrega de documentación.
- 17:10 h. Acto de inauguración.
- 17:15 h. Conferencia: O visguento unto da calumnia: boticarios e sacamanteigas, por Luis Giadás.
- 18:30 h. Conferencia: As lendas urbanas, a distorsión da realidade e a creación do imaxinario máxico, por Bruno Cardeñosa.
- De 20:00 a 21:00 h. Mesa redonda: Urbanas? Modernas? Contemporáneas?. Participan: Luis Giadás e Bruno Cardeñosa. Modera: Isidro Novo.

SÁBADO, 29 DE OUTUBRO
- 10:00 h. Conferencia: O roubo de órganos nas tendas de chineses en Portugal, por José Joaquim Dias Marques.
- 11:30 h. Conferencia: Izena izana baino lehen ukan (Todo canto se di, acontece), por Fito Rodríguez.
- De 13:00 a 14:00 h.- Mesa redonda: De boca en boca: o rumor como arma contra os outros. Participan: José Joaquim Dias Marques e Fito Rodríguez. Modera: Antonio Reigosa.
- De 16:30 h. a 18:30 h.- Obradoiro de narración oral: Narración e representación de diferentes tipos de lendas urbanas, por Celso Fernández Sanmartín.

5 de out. de 2011

Novo tramo do AVE Galicia

Redacción.-

O Ministerio de Fomento adxudicou á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Comsa e Anchelergues e Asociados as obras de plataforma do tramo Túnel da Canda-Vilavella, correspondente á Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no seu tramo Lubián (Zamora)-Ourense.

O orzamento desta adxudicación, aprobada onte polo Consello de Administración de Adif, ascende a 51.541.504 euros.

O tramo, de 3,7 km de lonxitude, discorre polo termo municipal da Mezquita, na provincia de Ourense. O trazado deseñouse para dobre vía de alta velocidade en ancho internacional (1.435 mm).

A adxudicación deste tramo responde o compromiso do Ministerio de Fomento de impulsar a conexión Madrid-Galicia co obxectivo da posta en servizo da Liña de Alta Velocidade na contorna de finais de 2015.

Como elementos singulares no tramo destacan a construción dos viadutos de Vilavella (144 m de lonxitude) e do Arroio de Carriñal (30 m), así como a execución do túnel de Vilavella, de 902 m de lonxitude. Tamén inclúe un Posto de Banalización en Vilavella, conformado por unha vía central para permitir a conexión entre as dúas vías xerais.

Características do tramo Lubián-Ourense
O traxecto Lubián (Zamora)-Ourense é un dos máis complexos xeográfica e tecnicamente da LAV Madrid-Galicia. Ten 101,7 km de lonxitude e para a súa construción dividiuse en varios tramos.

Tres deles xa están en fase de construción: Porto-Miamán, Miamán-Ponche Ambía e Ponche Ambía-Taboadela, que teñen unha lonxitude conxunta de 22,2 km e transcorren integramente pola provincia de Ourense. Dentro do tramo Lubián-Ourense tamén destaca a construción da nova estación da Gudiña-Porta de Galicia.

Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia

O Ministerio de Fomento, a través de Adif, impulsou a construción da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia coa licitación, o pasado 29 de abril, dos contratos de Colaboración Público Privada (CPP) para a redacción dos proxectos e a execución
das obras de montaxe de vía e instalacións ferroviarias, así como do seu mantemento e financiamento de parte dos investimentos, da nova conexión entre Olmedo (Valladolid) e Santiago de Compostela.

Estes contratos contan cun orzamento de 2.332,5 millóns de euros (IVE incluído). Trátase da licitación conxunta de maior volume económico para unha liña de alta velocidade aprobada por Adif en España.

Neste sentido, o Consello de Ministros puxo recentemente en marcha o proceso investidor necesario para a entrada en servizo da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia na contorna de finais de 2015, ao autorizar a licitación do contrato para a montaxe de vía e o seu mantemento entre Olmedo e Santiago por importe de 647,3 millóns de euros (IVE incluído). A continuación, Adif procedeu a licitar de forma conxunta, e a través do sistema de CPP, tanto este contrato como o de instalacións ferroviarias, incluído o seu mantemento, entre Olmedo e Ourense, por valor de 1.685,2 millóns de euros (IVE incluído).

Ambas as actuacións enmárcanse no Plan Extraordinario de Infraestruturas (PEI) do Ministerio de Fomento, que ten por obxectivo reactivar a economía e o emprego a través do investimento en infraestruturas de transporte.

Así mesmo, Adif está a licitar, polo procedemento de concurso público convencional, as obras de plataforma que restan por realizarse na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no traxecto comprendido entre Lubián e Ourense.

En total, Fomento licitou no que vai de ano obras da AVE a Galicia por valor de máis de 3.000 millóns de euros.

Financiamento europeo
A Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia será cofinanciada no período 2007-2013 polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013, cunha axuda estimada de 201,2 millóns de euros.

Ademais, está previsto que o Banco Europeo de Investimentos tamén participe no financiamento deste proxecto.

4 de out. de 2011

Da Fundación Gonzalo López Abente

Xurxo Martínez González.-

Sóubeno moitos anos despois. Meu avó materno xa morrera cando apenas sabía falar. Xamais puiden conversar con el de tanto como desexaría hoxe. Esa idea peta na mente. Peta decote ao perdermos un familiar, un amigo, un camarada. A morte leva faragullas de memoria compartida, leva anacos de nós. É a soleira iniciática da vida.

Souben que Gonzalo López Abente fora amigo do meu avó, Xosé González Berao. Fórao nos anos da República en Muxía. Alí traballaron xuntos no Banco Pastor e alí compartiron parladoiro local. Despois da guerra meu avó mudará de residencia deica asentarse en Vigo.

Souben tamén que meu avó traballara en La Región de Ourense nos anos que camiñaban cara a democracia republicana. Nacera na rúa da Paz, a poucos portais de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco. Non había moita diferenza na idade. O seu pai, meu bisavó, era o xastre do barrio. Seguramente se trataron, falaron, discutiron, compartiron parolas, simpatizaron ideoloxicamente non por galeguistas senón por católicos. Pero non o sei. Dificilmente o poderei saber no mañá.

En Muxía inaugurouse este ano a Fundación Gonzalo López Abente, na Casa das Beiras. Unha iniciativa necesaria que merece a nosa atención e aplauso. Todo o que sexa pór en valor a tarefa dos nosos devanceiros, situándoos no lugar axeitado, fortalece a preocupación pola cultura galega e reforza a identidade nacional. Máis cando estamos a tratar a un dos poetas da trindade irmandiña.

Non hai mellor expositor dos poetas das Irmandades da Fala que o poemario titulado Abrente, de Victoriano Taibo (figura viva no Val Miñor grazas ao Instituto de Estudos Miñoranos). Este feixe de poemas leva, a xeito de introdución, composicións de Ramón Cabanillas (o bo don Ramón do Salnés) e de Gonzalo López Abente. Era o ano 1922, ano de división no nacionalismo.

Estes tres, a trindade irmandiña, son os representantes da lírica das Irmandades da Fala. Os tres foron militantes activos, os tres quixeron abranguer diferentes xéneros literarios (poemas, relatos, teatro), os tres fixeron proselitismo alá onde residían.

Compararmos a produción de Cabanillas coa dos outros amigos é un desatino. A obra do cambadés está lonxe de atopar parangón cos escritores do seu entón. Pero por esa razón tamén sería un desatino non analizar a obra de Taibo e López Abente individualmente e non sempre baixo o monóculo de seren “epígonos de”.

En Gonzalo López Abente o mar invade coa súa presenza a produción lírica (Escuma da ribeira, Nemancos, Centileos nas ondas etc.). Tamén na súa narrativa aparece, dun ou doutro xeito, o océano (O deputado por Beiramar, O novo xuez etc.). Como non ía ser así cando vivía nun lugar coma Muxía, insua marítima da Costa da Morte. Pero nel aparece con outra técnica distinta a Manuel Antonio, con outra actitude diverxente á de Antón Avilés de Taramancos. Por casos lémbranos a Noriega Varela mais no canto de montaña hai mar, no canto de lameiros hai areais. Sería un caso de paisaxismo marítimo.

A súa obra literaria non adoita ter reedicións actuais. Resúltanos custoso atopar libros de López Abente nas bibliotecas. Parece un escritor proscrito, un persoeiro sen valor. Trabucariámonos ao non citalo como membro do Seminario de Estudos Galegos, militante das Irmandades e do Partido Galeguista.

Meses antes de que Atila violase a liberdade e xa defunto Antón Villar Ponte (e aínda non hai unha fundación dos irmáns Villar Ponte!), o irmán deste, Ramón, acabaría por turrar do proxecto de aquel: a creación da Asociación de Escritores de Galicia. A súa presidencia ocupouna Gonzalo López Abente, unha elección nada fortuíta.

Degoiramos unha venturosa travesía á Fundación do poeta das terras de Nemancos.

3 de out. de 2011

Antía Cal, Chairega de Honra

Redacción.- Esta mañá, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e a Irmandade Manuel María nomearon Chairega de Honra a Antía Cal, unha das pedagogas máis significativas da Nova Escola, que dende mediados da metade do século pasado vén desenvolvendo o seu labor pedagóxico na nosa terra. Recoñecida en todas as instancias e países europeos polo seu quefacer didáctico e as súas iniciativas innovadoras no eido do ensino, Antía Cal merece ser distinguida cos máis prestixiosos galardóns.
Os chairegos só temos este loureiro para ela: nomeala Chairega de Honra. Foi acto celebrado hoxe na Casa da Cultura de Vilalba, ás 12 horas, cunha táboa redonda que contou coa intervención de persoeiros relevantes da nosa vida política e cultural: Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, e que foi moderada  por David Otero.

Reportaxe fotográfico do acto de Alba Sofía Naseiro

1 de out. de 2011

Chafes e Roig na Luís Seoane

Redacción.-

A Fundación Luís Seoane da Coruña inaugura a tempada de exposicións con dúas mostras dedicadas aos artistas Rui Chafes e Bernardí Roig.

Campo de sombras é a primeira exposición individual institucional en España do escultor portugués Rui Chafes. Nela presenta algunhas das súas obras máis significativas do últimos dez anos, á vez que un libro recompilatorio dos seus traballos recentes. Co ferro pintado de negro ou cinza como material exclusivo dos seus traballos, Rui Chafes, ensaia formas que se moven entre o figurativo e o abstracto, estruturas de aspecto cortante, cunha singular poesía.

Pola súa banda en Teorema (interrompido), recompílanse o que podemos denominar "pezas fílmicas" de Bernardí Roig, isto é, aquelas en as que o elemento central ten que ver coa cita cinematográfica nunha estratexia moi peculiar de apropiacionismo que dá lugar a imaxes dialécticas.

Rui Chafes Campo de sombras
Comisario: David Barro


Bernardí Roig Teorema (interrumpido)
Comisario: Fernando Castro Flórez


Ata o 15/01/2012


Fundación Luis Seoane
San Francisco s/n
15001 A Coruña