Cómpre ser agradecidos coa Terra Nai

Alfonso Blanco Torrado

A falacia dalgún político de turno, xustificándose con maiorías, que nin son consultadas sobre o particular, para revirar a naturalidade coa que estamos a compartir, o feito de ser galegos, coma si a verdade se medise en votos e non por razoamentos e sentimentos, faime lembrar situacións absurdas si non fose polo dano producido ó pobo. Así, lembro a opinión que escoitei, repetida, nalgunha xente e mandatarios, xa hai anos. Cando algúns falaban de tirar a muralla de Lugo, e só deixar un resto para facer memoria, en vindeiras xeracións, e poder así transitar en coche con máis folgura, e si cabe, velocidade. Era o que se levaba nalgunha mentalidade estreita, o imperio do motor contra o patrimonio, as raíces e a vida cotiá das e dos cidadáns. Quizais nunha consulta, ata podían gañar os favorables a esta medida. Ademais, canta pedra!, a pé de obra, para adoquinar mentes cadradas. É verdade, que hai que escoitar a todos, pero sen deixarse deslumbrar por arroutadas. Temos que ter os pés no terrón de cadaquén para voar con sentidiño. Os que camiñamos coa mocidade, laiámonos de que a estén obrigando a forzar o seu espírito nun ránking, para ser máis competitiva coa doutras latitudes, pero non podemos privala do seu equilibrio afectivo e emocional, o espiñazo da personalidade, que fica as súas raíces no humus na que foi soñada e xerada polos seus, porque algo diso nos transmiten a través dos xenes: un xeito de facer pobo, unha psicoloxía, etc. Os que nacemos na emigración, cun pé aquí e outro alén do mar, na encrucillada da construción como persoas, tivemos que escoller recoñecer e visualizar, esa parte de nós que nos identifica nesta ou naquela dirección. Si decidimos seguir medrando aquí, houbo que refugar a esquizofrenia, de deturpar esta paisaxe, idioma, ou sinais que enxergaron a vida do común ó que pertencemos, e allearnos, nunha lingua que ten máis cantidade de falantes, pero que non é quen de transmitir con autenticidade os ritmos do espírito galego. Nese momento de liberdade, tampouco nos valeu o latín que estabamos a estudar e ata falar no Seminario, aínda sendo o idioma que entendían colegas de todo o mundo, e a poderosa xerarquía de Roma, noutrora tan influínte. Non pode un solidarizarse cos pobos doutro cabo do globo, e menosprezar o que está a darnos a vida.

É negativo para a saúde dos nenos, alimentarnos nos “mcdonalds”, un mercado universal, e esquecer, por artesá, intima e ecoloxista, a cociña da avoa. Prefiro as súas delicias, amasadas con toda a lentura e agarimo do mundo, no calor do fogar que segue a arrequecer as entrañas do noso pobo. ¡Quen dubida de que as nais, todas son boas, pero cadaquén apreza a súa, igual acontece coa Terra Nai: o idioma, a paisaxe, a cultura oral…!

Imaxe: Xoán Piñón

31/07/2010

Vilalba onte e hoxe: A Fonte


Mario Paz González

A terra, a auga, o ar, o lume. A auga, fría como a terra, húmida como o ar. A auga, entre o lume e o ar, mais perto da terra. A auga, centro de todo, comezo e fin das cousas porque dela xurde a vida. A auga na que nos sumerximos na procura da pureza, da perfección, da renovación. A auga fecundadora. A auga entre a vida e a morte. Auga és e en auga vaste converter, irá abandonando o teu corpo até quedares seco, murcho, baleiro, porque a auga fluirá a algures, como a vida. A auga, insondable fonte, de xuventude, de sabedoría, de inmortalidade, de vida. Auga corrente, encorada, turbulenta, morta, salgada, nidia, porca, doce, purificadora, fonda… A auga.

Pero é a fonte quen trae a auga. É a fonte quen nos achega con ela a vida e máis a liberdade do seu discorrer. É por iso que as fontes adoitan estar no centro dos patios, dos claustros, das prazas. A auga flúe da fonte, vén onda nós e logo vaise. Segue o seu camiño. Pero a fonte fica queda connosco, como un lugar para o repouso, un lugar para a paz, como un templo pagán para a contemplación da vida, da auga. As fontes son as catedrais da auga, erixidas para o seu culto, para a súa adoración.

Se hai en Vilalba unha fonte sobranceira esa é a da Porta de Cima. Porque marca unha linde no confín da vila. Alomenos nese confín que fica na memoria de moitos, os máis vellos, cando máis aló dela xa non había nada, agás a pradaría, o monte, a chaira.

Esa é, se cadra, a lembranza que volta hoxe a moitos ao ollar a primeira destas dúas fotos. Esa na que a fonte parece emerxer, como unha campa, coa súa lousa tallada, de entre as pedras máis rudas do piso e máis do alto valado que a circunda coma se quixese apresala, coma se non quixera deixar que fuxira coa auga que leva. A auga que a leva.

Son rechamantes na imaxe as rapazas e máis o pequeno, coas súas sellas hoxe tan irreais, tan de postal ou de bibelot. Unha delas sostena ergueita na cabeza dese xeito tan enxebre que xa case non se ve nin sequera en días de feira. Dalgunha maneira, talvez difusa, percíbese un lene contraste entre as poses de todas elas –coas mans nos cadrís, os traxes co pano na cabeza e eses mandís sobre un número impreciso de saias– cunhas faces que semellan moi cedo torradas polo sol e o traballo duro, unhas faces co aceno adusto, entre o receo perante o descoñecido da cámara e o sorriso do que intúe un mundo novo, promisorio e, se cadra, aínda demasiado lonxano.

A segunda foto foi tomada o pasado inverno, cando a neve nos deparou esa estraña transformación da Chaira -que se ven repetindo case cada quince anos- nunha paisaxe nova, nunha estepa como a que percorre eternamente Yuri Zhivago na procura de Lara mentres soa a música de Maurice Jarre. Os signos do paso do tempo son máis que evidentes. Uns lenes fíos eléctricos asucan a esquina dereita da fotografía. O muro dese lado e a árbore da esquerda medraron. A paisaxe espida do fondo trae agora a imaxe de moitas casas novas e ata dunha grúa símbolo dunha especulación inmobiliaria que veu frear a crise económica antes de que todo o planeta fora recalificado. O ceo segue a ter a cor cinsenta do inverno mentres a farola agarda queda, a piques de prender, e unha varanda e unha escaleira cumpren a súa función necesaria fronte ás barreiras arquitectónicas.

No centro, a fonte, corrompida por alguén que, se cadra, se chamará a si mesmo “graffiteiro”, mais debería ser chamado –como pouco– “vándalo”, porque o graffiti é outra cousa. Por tras da fonte, unha rúa nova, aínda espida de edificacións, baixa leda, lembrando que os lindeiros que marcaban o confín da vila medraron. Diante da fonte, as pegadas pantasmais dalguén que estivo pouco antes de que fora tomada a fotografía, quen sabe se dalgún dos nenos da outra foto que baixou, xa maior, na procura dun pasado agora afastado que non vai voltar, dun pasado que xa se foi para sempre.

Celébrase esta fin de semana O Festivalón 2010 en Ribadeo

Redacción

Con cinco edicións ás súas costas, OFestivalON 2010 chega a Ribadeo con máis forza que nunca. Trátase dunha iniciativa onde a creatividade é o máis importante e onde os protagonistas son as curtas de todo o mundo como as que se presentan ao certame A Toda Mecha. Pezas orixinais que invaden o concello lucense durante tres días de verano, sen deixar rincón do municipio sen participar.

Tras recibir case 500 pezas de lugares tan dispares como Sudáfrica, Irán, Brasil, Arxentina, Reino Unido, Australia, Italia, Francia, Alemaña, Suíza e mesmo Corea, a selección das curtas amosará o mellor do panorama galego, español e unha selección do que se está facendo polo resto do mundo. Sen dúbida unha das poucas oportunidades que se presentan para visionar este tipo de traballos e para gozar dunhas noites de cine, música e diversión.

Podes consultar o programa aquí.

O Audiovisual Galego denuncia a parálise de axudas públicas

Redacción

A Xunta ten pendentes de resolver axudas para o sector audiovisual por 6.260.000€, o que supón un 7,31% do total do negocio desta industria. As oito asociacións que agrupan diferentes profesionais da área denunciaron hoxe, nun comunicado conxunto, a parálise destas axudas e mais a falta de resolución da segunda fase do Plan de Apoio e Potenciación da Produción Cinematográfica Galega, que corre por conta da CRTVG. Canda a isto, reclaman a posta en marcha da liña específica de apoio ao sector do Instituto Galego de Promoción Económica. Os profesionais do audiovisual denuncian que a parálise destes apoios lles está a dificultar conseguir outras vías de financiamento e que pon en perigo 1.200 postos de traballo.

Para eles, tras a falta de resposta do Goberno da Xunta de Galicia perante os reiterados esforzos de negociación do sector e fronte a falta dunha política audiovisual definida, agravada pola paralización de contratación da Televisión Pública de Galicia reuníronse as asociacións de profesionais e empresarios do sector audiovisual galego (AGA, AAAG, AEGA, AGAG, AGAPI, APRADOGA, ATEGA, CREA) e por unanimidade demandan unha solución urxente para resolver esta situación dunha gravidade sen precedentes.

A falta de resolución das axudas da Xunta de Galicia ó sector audiovisual galego para o ano 2010 -6.260.000€ (producción, desenvolvemento, curtas, etc. para as anualidades 2010, 2011, 2012 e 2013), o que supón o 7,31% do total do negocio das empresas audiovisuais galegas privadas- pon en perigo o traballo de máis de 1.200 profesionais do sector. Este importe de axudas permite culminar o financiamento necesario para por en marcha producións de xeito inmediato ou por o capital semente para obter outras achegas financeiras noutros territorios para producións que se realizarán en Galicia cunha revalorización ou retorno de 4 a 1.

Destacan estas asociacións a importancia para Galicia deste sector económico que anualmente factura máis de setenta e sete millóns de euros. Por outra banda, consideran que se producíu unha considerable disminución do orzamento da Televisión de Galicia para a contratación de produción propia externa (de 24 a 17 millóns de euros) e do orzamento asignado ó Plan de Apoio e Potenciación da Produción Cinematográfica Galega previsto para o 2010 (de 5.040.000€ pasou a 4.000.000€).

A esta situación –xa asumida no seu día polo sector hai que engadir a anulación pola Televisión de Galicia -notificada o día 25 de xuño- da 2ª fase da Convocatoria de dito Plan. Esta anulación afecta considerablemente a boa marcha dos proxectos audiovisuais e ás conseguintes previsións de rodaxes para este ano 2010. Consideran, xa que logo, que a necesidade de adopción polo Goberno galego das medidas necesarias faise cada vez máis urxente xa que día a día a situación empeora.

Así, nestes momentos plantexan os seguintes cuestións prioritarias:
  • Publicacion urxente das Resolucións das convocatorias de axudas ó audiovisual para o ano 2010 (axudas anuais á produción, desenvolvemento, contidos interactivos, curtametraxes e desenvolvemento e promoción do talento).
  • Resolución urxente pola televisión de Galicia da 2ª Fase da convocatoria do Plan de Apoio e Potenciación da Produción Cinematográfica Galega previsto para o 2010.
  • Publicación urxente polo IGAPE da Liña de específica de Apoio ó sector audiovisual galego.
A prol do sector audiovisual e ca fin de evitar a súa paralización, as oito asociacións asinantes do comunicado que, grosso modo reproducimos nesta nova, solicitan que o Goberno da Xunta de Galicia cumpra ditos compromisos adquiridos co sector audiovisual de Galicia. As asociacións asinantes son:
  • AGA: Academia Galega do Audiovisual
  • AAAG: Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
  • AEGA: Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual
  • AGAG: Asociación Galega de Guionistas.
  • AGAPI: Asociación Galega de Produtoras Independentes.
  • APRADOGA: Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe.
  • ATEGA: Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia.
  • CREA: Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.

A III Supercopa da Deputación celebrarase na Pastoriza

Redacción

O delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentou o pasado 28 de xullo a III Supercopa Deputación de Fútbol que se celebrará a vindeira fin de semana no campo de fútbol municipal do Acebreiro, na Pastoriza. O trofeo, que se xogará polo sistema 3 en 1 con duración dunha parte para cada encontro, xogando todos os equipos entre si, disputarano o Calasancio, como vixente campión da Copa Deputación de 2ª e 3ª autonómica, o Chantada, campión da Copa Deputación de 1ª e Preferente Autonómica, e o CD Lugo, como o máximo expoñente do fútbol lucense.

No acto de presentación, no salón de actos da Deputación, estiveron presentes o delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, a tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira, o presidente do CD Lugo, José Bouso Alvite e mailos directivos do Chantada e Calasancio. Tal como explicou Antonio Veiga, “coa organización desta III Supercopa Deputación queremos facer gran día de festa do fútbol lucense”. O delegado de Deportes continuou afirmando que “para iso contamos co máis laureado dos clubs lucenses da actualidade, o CD Lugo, xunto aos vencedores da Copa Deputación de Fútbol nas súas respectivas categorías, que vén ser un pouco os mellores equipos da provincia xa que este ano participaron a práctica totalidade dos equipos lucenses”.

O estadio onde se disputará esta III Supercopa, o campo do Acibreiro, na Pastoriza, foi reformado coa cantidade de 131.000 euros aportados pola Área de Deportes da Deputación, acometéndose o levantamento do antigo terreo de xogo, instalando un sistema de drenaxe eficaz que permite evacuar a auga sobrante da superficie, colocando un sistema de regadío automático que se activa con programador e replantando de novo con céspede a superficie. Actualmente, logo dunha tempada, o céspede atópase totalmente enraizado e en perfectas condicións para a práctica do fútbol, o que converte ao campo de fútbol do Acebreiro nunha instalación deportiva punteira na comarca da Terra Chá.

A noite da frouxeira

Xosé Mª. Felpeto

Un adolescente galego, estudoso das actitudes lingüísticas, tivo a ocorrencia de pedir nun bar “unha cunca de leite morno”, obtendo por resposta “…desa marca no te tenemos”. A conclusión do rapaz foi contundente: “Mira que non saber o que é o leite morno…! Haiche xente ben ignorante ho!”.

Non hai moito houbo nun centro educativo da nosa vila unha actividade na que a persoa que a dirixía preguntou ao alumnado se podía falar en galego, se a entendía todo o mundo (sic). Pensaría a oradora que estaba en Madrid?

Calquera das situacións anteriores non parecen normais nun territorio onde sempre se adoeceu de vontade política para conseguir a normalidade idiomática. Aínda así, foron xurdindo no eido educativo público tímidas iniciativas que, sen conflito algún, tentaron ir dando pasos cara á galeguización do ensino ao abeiro da lexislación vixente.

Mais velaí como cando parece que se albisca unha certa esperanza faise presente aquilo de “Un paso adiante e outro atrás, Galiza” do poeta Díaz Castro. Grupos de presión centralistas, en conivencia con desleigados do País, planifican con meridiana precisión unha farsa na que o agraviado é o idioma estraño, o estranxeiro, o que fora imposto á forza hai séculos. A xogada sae redonda e aquelas enchentes traen lameiras que crean un conflito que parecía superado.

É rotundamente falso que tivera roto a harmonía. Podo certificar que no instituto onde traballo a paz lingüística estaba asegurada coa práctica totalidade das materias en galego, como parece normal, porque a igualdade entre desiguais, ese falso 50% que vén ser un 33%, evidencia a inxustiza da suposta equidade. Case todo o mundo sabe por exemplo que é na idade infantil cando se fixan as estruturas lingüísticas cerebrais, e o decreto exclúe a nosa lingua, a lingua sociolóxica de Galiza, da maior parte desta etapa educativa. Será ademais a primeira vez en democracia que se impón o idioma alleo sobre o propio, con institucións coma a Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Consello Escolar de Galicia, o Instituto da Lingua Galega…, multitude de colectivos e a maior parte da sociedade galega en contra. Pola súa banda a Axencia Europea para as Linguas Minorizadas censura a política lingüística da Xunta. Estaremos todos trabucados?

Quen desgobernan Galiza serán responsábeis do “cráter na boca da humanidade”, da “chaga na gorxa da historia”, como ten dito Manolo Rivas, que creará a desaparición da nosa lingua. Traidores e validos de traidores lembran a noite da Frouxeira.

30/07/2010

"Entrei en Radio France porque falaba galego"

Moncho Paz.-

A cita é na Avenue Flouquet de París, preto da Torre Eiffel. Ramón Luis Chao Rego (Vilalba, 1935) chega en moto dende outro distrito da capital francesa, pilotando unha Honda modelo Rebel. “Como non pode ser doutro xeito, tratándose de min”, di cun sorriso este chairego “rebelde con causa”.


Pregunta. Como lembra Vilalba a Reigada de O Lago de Como dende París?
Resposta. En realidade, só vivín alí ata os dez anos; despois marchei para Madrid e rematei en París. Ao principio, regresaba a Vilalba de vacacións polo verán; agora hai tempo que non me achego. E a Galicia vou cada dous anos. Tiven a sorte de nacer nun hotel, onde ían Xosé Mª Castroviejo, Cunqueiro, Celso Emilio… a todos eles coñecinos de meniño. Durante moitos anos non souben quen eran, ata que tomei conciencia de que formaban parte do mundo da cultura. Tamén pasaron polo Hotel Chao moitos cregos e contadores de historias, co cal adquirín unha cultura popular impresionante. Polo tanto, dicir o que significa Vilalba para min é realmente difícil, pois levo sesenta anos fóra, pero o certo é que aportou moito á miña formación.

P. E os seus comezos en París? Cómo foi a primeira etapa en Radio France?
R. É curioso, pero entrei en Radio France porque falaba galego. Atopara un anuncio no que solicitaban un colaborador que soubese español, portugués e música, para ser ilustrador sonoro das emisións. Ao falar ben o galego dixen que era portugués, e por iso entrei sen problemas. Alí estaban todos, dende Alberti ata Bacarisse, pasando por Vargas Llosa, García Márquez, Onetti, Cortázar, Benedetti… Ese era o ambiente de Radio France en 1960. E despois tiven a sorte de traballar para Triunfo.

P. En Triunfo asinou destacados artigos sobre literatura latinoamericana. Como ve o panorama actual en comparanza con aqueles anos?
R. Teño unha visión moi pesimista da evolución da humanidade; dende entón ata hoxe hai unha diferenza enorme, incluso no que se refire a pensadores ou escritores. Daquela tiñamos a Sartre, Camus… e agora non temos autores desa talla, xa non é o mesmo.

P. Desapareceron os grandes pensadores?
R. O neoliberalismo acaba con todo. Trátase de consumir, gañar e consumir.

P. E diferenciar unicamente entre o ben e o mal, un maniqueísmo total.
R. En efecto; pero os bons son eles, claro. Mira, isto é un desastre… Que Francia teña un presidente como o actual é lamentable. A Francia das Luces, que contou con persoeiros como De Gaulle ou Miterrand… Francia foi cara abaixo, primeiro con Pompidou, despois con Chirac e agora con Sarkozy.

P. De feito, as vangardas artísticas ollan máis cara New York ou Berlin.
R. Berlín gañou moito, especialmente despois da reunificación. París está en caída libre, por desgraza.

P. Xenio e figura. De pianista a xornalista.
R. O piano traballeino para saír de Vilalba, en realidade non me gustaba nada. Eu estaba tiranizado polo meu pai e sabía que non tiña máis solución que seguir adiante coa música para marchar do pobo. E así foi. O meu pai traballou a miña carreira con xamóns, lacóns e outras viandas que mandaba a Madrid para conseguir enchufes. E eu enganábao. El cría firmemente no que estaba creando. Aínda hoxe teño un complexo: que sexa todo unha montaxe, porque a actitude do meu pai fíxome tanto dano que xa non creo en nada. De feito, a miña primeira novela relata o que aconteceu. O Lago de Como é a historia dunha mentira, unha autobiografía desmesurada; pero todo é verdade.

P. Un axuste de contas co seu pasado.
R. Un axuste de contas co meu pai. Aínda que co paso dos anos caín na conta que grazas a el cheguei onde estou. Se tivera un pai normal de Vilalba, hoxe estaría atendendo ao negocio familiar. Por iso no fondo estoulle agradecido.

P. É Ramón Chao o pai máis célebre do mundo?
R. Unha vez dixéronme: “despois de Bush, es o pai máis célebre do mundo”. Eu respostei: “que non sexa o primeiro paréceme mal”. A verdade é que teño unha grande satisfacción, o orgullo é un sentimento que non me gusta. Paréceme extraordinaria a bondade do meu fillo Manu; deume moitas leccións na vida. Unha vez díxome: “papá, non hai que enfadarse nunca”. E noutra ocasión: “todo o que se fai ás présas o tempo non o perdoa”. El quere moito á familia, ás orixes, a Galicia, a Vilalba…

P. Unha satisfacción e unha frustración na súa vida?
R. A satisfacción é facer o que fago, porque estaba condenado a quedar en Vilalba. A miña frustración, non ser Cervantes.

P. No Xacobeo 2010, estamos no tempo de Prisciliano?
R . Cada vez máis . As peregrinacións a Fisterra son tan importantes como as de Santiago. Por suposto que a xente vai a Compostela, pero moitos non son crentes. A Igrexa vai encamiñada ao que quería Prisciliano: que as mulleres oficien, que os cregos poidan casar…


Foto: R. Gal


Pódese ler unha versión máis longa desta entrevista en Xornal.com

29/07/2010

Por unha presa de votos

Paco Martín

Cando as autoridades –as académicas e mais as outras– precisan de media páxina do DOG para lle dar nome a un decreto debe ser porque confían en aburrir ao lector xa co título e conseguir que non siga lendo e así non ver a restra de medias verdades, aclaracións pouco coherentes e uso espurio de conceptos que sempre foron, en por eles, do máis respectable. “Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”. Todo iso lle chaman e así saíu publicado, así se lle coñeceu a súa verdadeira orixe por máis que seguisen insistindo de modo ridículo (e de aquí en diante transcribo case literalmente algúns parágrafos xa publicados en artigos de prensa da miña autoría nos que tratei do tema) en falar de violentas imposicións, de supostos dereitos de escolla e mais do espantoso perigo dunha inexorable desaparición do idioma castelán engulido sen conmiseración polas insaciables fauces do fero dragón galaico, monolingüe recalcitrante e rústico pailán declarado, o que levou, como non podía ser doutro xeito, á investidura solemne de esforzados cabaleiros que, na compaña de algún que outro escudeiro mercenario, dispuxéronse a arriscar dietas e gratificacións en desigual contenda contra a fera atroz e desafiante, rendidos paladíns da alta dama que os goberna, malia seren eles abondo sabedores de que a estirpe á que ela se quixera chamar nunca nada tivera que ver coa do nobre Lancelot (que tamén entre os Lagos hai clases).

A grotesca operación matemática que divide entre tres o indivisible resulta falsa xa desde o que as rapazas e mais os rapaces galegos chegasen mañá a gozar desa liberdade que tantas veces aparece de palabra no texto do decreto habería que proporcionarlles a posibilidade de escoller entre idiomas de aprecio e dominio paritarios, algo de todo imposible se non se potencia a lingua galega na medida precisa para compensar a vantaxe que o castelán lle leva. Estamos a falar do ensino e un decreto que trazará o futuro non pode basearse na vaguidade nin na incerteza falaz de supostas concesións aos pais dos alumnos. Quen educa ao neno é a sociedade –a tribo– da que a súa familia forma parte esencial pero non única, e esa sociedade será quen reciba o ben –ou o mal– que a ese individuo se lle concedeu no seu momento. O ensino é responsabilidade de quen ten fillos pero tamén de quen os vai ter, de quen xa hai tempo que os tivo e mesmo de quen non os ten nin os terá, e esa responsabilidade ten que estar moito por riba dos medos que pretenden as ameazas para vindeiras votacións.

Illado o goberno galego fronte aos dictames rigorosos de todos cantos organismos con demostrada autoridade na materia, acabou por argumentar que, ao se tratar dunha promesa electoral, resultaba de obrigado cumprimento levalo adiante para non traizoar a todas as aquelas persoas que lles confiaran o seu voto.

Como se pensaran que aínda hai alguén que cre no que eles din.

28/07/2010

Humor

Despois de 'Vieiros', agora 'Chuza!'

Redacción

Para todos os que formamos parte da activa web galega, novas como o peche de Vieiros ou de "Chuza!" non deixan de ser malas. Pero os peores agoiros cumpríronse. Tal como fora anunciado "chuza!", o portal participativo galego, pechou as súas portas o domingo 25 de xullo de 2010 ás 23:59 logo de máis de 4 anos de funcionamento. Para todos os usuarios, visitantes ou calquera con curiosidade polo seu futuro os responsables deixaron na web unha información que pretende ser de utilidade.

Nas derradeiras horas antes do peche houbo dúas propostas por parte de varios membros da comunidade. A primeira consistía en mudarse á rede social de novas portuguesa DoMelhor, e aló foron varios usuarios e xa teñen actividade no sitio. A outra proposta xurdiu por parte doutro grupo de usuarios que suxerían darlle continuidade ao proxecto creando un novo chuza xestionado pola comunidade. Neste sentido, e para organizarse, as propostas foron dúas páxinas: a plataforma de crowdsourcing Galegolab que de momento está moi incompleta á falta de máis definición; un grupo en Google Groups como método de comunicación entre a xente interesada en continuar co proxecto

Segundo os responsables de "Chuza!" nos vindeiros dias anunciarase a apertura do arquivo estático de chuza para a súa consulta online. Calquera novidade a maiores será anunciada nas seguintes páxinas que polo momento siguen funcionado: a wiki de chuza, a conta de twitter @chuza e o grupo de Facebook.

Para analizalo peche destas dúas plataformas senlleiras, pódense estudar varias opcións: a crise económica, os motivos persoais... Con todo, a situación non debe facernos esquecer a necesidade de pór sobre a mesa un necesario debate sobre a viabilidade de medios independentes na nosa lingua en Internet.

Exposición 'Os Adeuses'

Redacción

Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) a exposición OS ADEUSES. FOTOGRAFÍAS DE ALBERTO MARTÍ será inaugurada o xoves 29 de xullo ás 20´30 horas na sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza, na Coruña, por Ramón Villares, Alfonso Cabaleiro e José María Arias, respectivamente Presidente do CCG, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia e Presidente da Fundación Barrié. A mostra, con imaxes da partida de emigrantes galegos a América entre 1957 e 1963, poderá verse ata o 5 de setembro. A mostra, e o seu catálogo, será presentada, en rolda de prensa, o xoves 29 de xullo ás 12´30 horas na sede da Fundación Barrié. Intervirán: Ramón Villares, Presidente do CCG; Guillermo Escrigas, director do CGAI; Alberto Martí, autor das fotografías; José Caruncho, coordinador técnico, e un representante da Fundación Barrié.

Menciña natural


María Xosé Lamas

Sempre oín que a fe move montañas e debe ser tan certo como que a autosuxestión move cordais. Son sentenzas que aprendín de nena e tiven a ocasión de comprobar.

Teño chegado á casa do Golpe e atopar á súa dona facéndome acenos de que non falara moi alto. Eu acataba a orde porque sabía que alguén estaba na casa realizando algunha actividade que non se podía interromper. A miña curiosidade, non obstante, levábame até a porta do cuarto dende onde axexaba a ver se vía o que acontecía dentro e escoitaba palabras que non entendía: “Indo por un camiño que non sabía/ encontrei un home que non coñecía./ Pregunteille que menciña me daba para o fogo salvo. / Deume terra do terral, / graxa de porco sen sal, / cuspe sagrada en xexún/ e polo poder que Deus ten, Virxe María, amén”. Esta pregaria tiña que ser rezada nove días, cada día nove veces, cercando a mancha na pel todo arredor coa terra e a graxa mentres se dicía o rezo. Era a bendición do fogo salvo, enfermidade da pel que nunca cheguei a identificar.

Tanto o Golpe como a súa dona sabían centos de pregarias coas que curar ou polo menos aliviar enfermidades de todo tipo: a úlcera, o catarro intestinal, as lombrigas, as belidas, o mal da toupa, a ictericia e un longo etcétera. Algunhas eran semellantes a cantigas coas que acompañabamos os xogos, como a da bendición das belidas: “Santa Lucía/ tres libros tenía:/ en uno leía, / en otro escribía/ e noutro as belidas diminuía/ de nueve en ocho,/ de ocho en siete,/ de siete en seis,/ de seis en cinco,/ de cinco en cuatro, / de cuatro en tres,/ de tres en dos, /de dos en una, de una en nunguna. / Polo poder de Diós e da Virgen María/ vaite belida, amén”.

Do mesmo xeito tanto o Golpe como a súa dona coñecían moitas herbas medicinais. Non era estraño atopar na eira unha colcha de tear estendida chea de plantas a secar ao sol: macela, malvela, romeu, árnica, gran de corvo, aveas, ortigas, ruda, dentebrú, menta, perexil, apio, eucalipto, abrollos de piñeiro, … todas servían de menciña combinadas ou por separado en infusións, cataplasmas, pomadas ou postas sobre as feridas despois de moídas, tanto para curación das persoas como dos animais.

Era normal este coñecemento, aínda que non todo o mundo o posuíra, pois a sanidade como hoxe a coñecemos non existía. O médico estaba na cabeceira de comarca e tiña que atender a vinte e nove parroquias e os seus arredores. Só se solicitaba en caso de extrema gravidade. Lembro un feito que presenciei cando tiña pouco máis de dous anos. Estabamos en Bustofrío – unha fermosa parroquia na montaña do Courel, en Samos- Xa sendo noite pechada de inverno, apareceu un séquito de varias persoas precedido de catro homes que levaban sobre un colchón a ombreiros a unha muller doente. Ao chegar diante da casa onde eu vivía coa familia, pousaron as improvisadas andas e releváronse os levadores. Moito máis tarde contoume miña nai que era unha señora que estaba de parto e, como se complicara, ían á Ponte de Lóuzara ao médico. En Vilapedre non asistín a nada semellante, o que non quere dicir que acontecera tamén do mesmo xeito.

Para os demais males, estaban as curas caseiras. Hoxe a penas se usan; deixamos todo en man da sanidade pública ou privada. Non obstante, aínda hai persoas que posúen esa fe que cura, esa autosuxestión que, por desgraza, as fai caer en redes de curandeiros e santóns que moitas veces son só fraude, engano do que se aproveitan para sacar lucro.

De todos xeitos, é fermoso coñecer todas aquelas bendicións que o Golpe utilizaba para aliviar o corpo e o espírito. Gardareinas como ouro en pano, para que non caian no esquecemento.

27/07/2010

A hora da política

Ofelia Lema Villar

Ao longo e ancho da vida política do concello de Silleda, constitúe común denominador na "case" totalidade das múltiples figuras gobernamentais que trasdezanamente rexeron, unha xestión económica reiterada e alevosa baseada no constante malgaste e a publicidade enganosa de medidas finalmente custosas e ineficientes. En época de crise, o pobo trasdezano continúa padecendo un dos erros gobernamentais máis sanguentos no ámbito da política, o afán de protagonismo e a egolatría rexedora.

Lamentablemente, a media estatística real das conclusións deixa un triste déficit da realización de "o que non se debía" e o deixamento de non facer aquilo para o que a mesmísima Constitución habilita: gobernar para o conxunto do municipio. En base a ese comportamento viciado, chegouse a vivir un feito tan insólito como inaceptable: que unha agrupación variada de tránsfugas, multi-ideolóxica e ditatorial, teña máis capacidade de control (ou debería dicir descontrol?) sobre a xestión municipal que a dos propios votantes (que dito así queda moi fino, pero traducido quere dicir que se pasaron polo forro a opinión do pobo porque si, "porque eu válloo"). Nunha clara fraude de etiquetas, o que en principio se impuxo á democracia como unha diversidade ideolóxica conxugada en beneficio do interese xeral resultou ser unha triste hemiplexía política. Porque o que encima xa non é de recibo é que fronte a un pobo que se sentiu vexado e vilipendiado, un pobo que se alzou a berros en pancartas e reivindicacións fronte a unha moción de censura adornada con aires de grandeza e ansias de poder, a unilateralidade duns poucos fundaméntese, finalmente, na burla.

E digo burla porque xa é hora de porlle o cascabel ao gato. Porque a menos dun ano vista das eleccións municipais xa é hora de deixar ben claro que quen toda a vida foi trapo e agora que é toalla non sabe onde colgarse debe lembrar tamén que o choque de egos lastra a intimidade; que non hai nada máis lamentable que verlle ao titiritero os fíos da manipulación e que, ás veces, Pepito Grilo non é santo home e crécelle cada vez máis a sombra alongada do proselitismo. Xa o afirmaba o "Principio de Peter": todo individuo nunha organización promociona até o seu nivel de incompetencia.

Chegou a hora de que o pobo exerza as súas competencias, recupere a autonomía e goberne con criterio. Chegou a hora de actuar autónomamente antes de que, por non facelo, teña xa non que cumprir instrucións, senón que novamente someterse a elas. Porque encima debemos observar impotentes como, mentres toda Europa pon en marcha medidas estruturais para relanzar a economía, o goberno dezano acóllese ao absentismo de mofa e befa. Semellante panorama non sería de estrañar que provoque hemicrania até ao máis pintado, que o asunto está como para dar dor de cabeza a todos os niveis. Nada apto, por certo, para o nivel de decibeis que se ten chegado a alcanzar nalgún pleno municipal, digo eu (afeita como estou, "fíxateti") a escoitar que a luz artificial e os sons estridentes poñenlle a un a hemicrania de olé rocieiro.

A pesar de todo, e lamentando enormemente a desfeita política, económica e social á que se ve abocada esa que considero a miña segunda casa, áchome impaciente por coñecer o devir desta historia verídica, abraiante e quixotesca coa esperanza, iso si, de que a festa dun pobo emerxente poida ser finalmente pletórica. Por iso digo, parafraseando a Clinton, que é a hora da política; e de obrar en consecuencia.

26/07/2010

En favor da esperanza

Redacción

Este xornal naceu hai xa vinte e sete anos, tras a aprobación da Lei de Normalización Lingüística, un texto que chegou co consenso das forzas políticas entón presentes no Parlamento, nunha época de efervescencia cultural que anunciaba tempos de esplendor para a nosa lingua e cultura.

É moito o que se ten avanzado nas case tres décadas transcorridas desde entón, sobre todo na recuperación do orgullo polo noso idioma milenario e o seu uso en ámbitos nos que levaba excluído demasiado tempo.

Porén, non se puido evitar que en todo este tempo continúe a producirse unha acusada perda de falantes, axudada sen dúbida polo escaso interese das sucesivas administracións en acadar unha verdadeira normalización no ámbito educativo.

O tímido intento do anterior goberno por paliar esta situación ten provocado non só a irada reacción de sectores ben minoritarios da nosa sociedade, senón o máis sorprendente apoio dos actuais gobernantes que veu romper, xa non coa liña do bipartito, senón coa da propia administración da era Fraga.

A mobilización dunha parte importante da sociedade galega no último ano fronte ao involucionismo lingüístico é, no fondo, unha esperanza de futuro dun pobo que se resiste a perder o que é, probabelmente, o seu máis importante sinal de identidade.

É a nosa obriga, pois, ao igual que naquel lonxano 1983, manter unha liña editorial militante a prol do galego, aportando o noso pequeno grao de area á inxente tarefa que aínda queda por diante para que se faga realidade o anceio expresado por Álvaro Cunqueiro:

Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a únicaposibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa.

25/07/2010

Un día triste


Iago Castro

Cando pecha un medio de comunicación os seus lectores quedan, en certa maneira, orfos. Esa é a sensación que tiven esta mañá cando almorcei coa despedida do xornal dixital Vieiros, o máis veterano do espazo dixital galego.

Seica foron as irregularidades financeiras as que acabaron con este proxecto que navegou perante os últimos quince anos pola Internet apoiado, nos últimos tempos, por máis de vinte mil lectores. Sospeito que tamén teña que ver a falta de apoio institucional, e sería interesante saber cara onde van as obscenas axudas públicas aos medios de comunicación social, que manteñen artificialmente con vida algunhas cabeceiras históricas que, doutro xeito, estarían abocadas ao peche.

Vieiros, ao contrario que case todos estes zombies da prensa galega, fíxolle un grande ben á nosa lingua e cultura na década e media que permaneceu nos nosos navegadores. Para a lembranza, a magnífica cobertura da catástrofe do Prestige, o primeiro chat en liña galego, con Isaac Díaz Pardo, no lonxano 1996, ou os inesquecíbeis especiais do Día das Letras e das eleccións galegas.

Pehca Vieiros, de maneira significativa, na véspera do Día Nacional de Galicia, e isto debería facernos pensar cara onde vamos se non somos quen de manter os até agora ben escasos fitos normalizadores da nosa lingua e cultura.

24/07/2010

O ministro Blanco responde

Moncho Paz

Chegou, viu e venceu… como Julio César. O ministro de Fomento, José Blanco, participou hai uns días nun programa que se gravou en Compostela, producido por Correo TV e que será emitido por todas as televisións locais asociadas a Onda Nós. Respondeu ben ás preguntas que lle formulamos, foi sincero e os interlocutores que alí estivemos agradecémosllo. Plantexou alternativas e solucións, sen caer en victimismos pola gravidade da crise, e puxo datas concretas a proxectos do seu departamento, como o AVE ou as autovías.

En pouco máis dun ano á fronte dun dos ministerios máis difíciles de xestionar, o político de Palas de Rei demostrou a súa capacidade de liderado e a súa preocupación por Galicia, mentres outros perden o tempo en discursos baleiros de contido e críticas fáciles. Aí están os datos, obxectivos: no pasado exercicio económico o Ministerio de Fomento realizou na nosa comunidade o maior investimento da súa historia.
Preguntada a súa opinión polo noso idioma e a nosa cultura, José Blanco foi contundente, referíndose ao decreto do galego aprobado por consenso na etapa de Fraga e tamén á política lingüística do actual Goberno da Xunta, empeñado en abrir guerras co galego, separando en lugar de unir. Unha estratexia suicida que, afortunadamente, cada vez máis cidadáns non compartimos, unha vez desmontados os argumentos electoralistas e demagóxicos empregados polos populares.

Esta reflexión non se pode pasar por alto na véspera do Día (Nacional) de Galicia, un dos máis importantes dos últimos tempos por coincidir en Ano Xacobeo. Tampouco a necesidade de afondar na cuestión identitaria, sen medo pero con sentido común. Tras catro longos anos agardando pola sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán, coa que ninguén parece satisfeito agora, a caste política comeza de novo o seu particular circunloquio sobre quen somos, de onde vimos e cara onde imos. Sexamos serios e demostrémolo con feitos, como fai o ministro Blanco; esa é a actitude que queremos ver nos representantes elixidos pola sociedade.

Imaxe: ECG

A caixa de música

Xavier P. DoCampo

Xa contei noutras ocasións esta historia que teño coma unha das mais fermosas metáforas da loita por aquilo que tememos perder.

Nun deses terremotos que de cando en vez asolan os lugares nos que se asenta a pobreza apertando firmemente aos homes e mulleres que os habitan, as persoas que traballaban na procura dos que puidesen ficar sepultados por embaixo de moreas de pedras e escombros, deron en sentir ao lonxe unha musiquiña. Era o son metálico das caixas de música, ese xoguete que pode ser un dos máis fermosos que existen. De primeiras non lle deron máis importancia, aló no fondo dunha desas caixas, aeguramente esbandallada, ficara en funcionamento o seu mecanismo. Continuaron co seu penoso e xeneroso traballo e decatáronse de que a música cesaba. Acabáraselle a corda ao aparello. Pero ao pouco pareceulles volver sentir o son alegre da música. Pediron silencio a todos cantos se afanaban arredor en retirar os restos das casas caídas. Volveu parar a música. Agardaron e de novo cantou a caixiña.

Interpretaron que se a música ía e viña, alguén a tiña que manipular. Traballaron arreo horas e horas, con esa impaciencia e ese coidado co que deberán facerse estes delicados labores. Aló, enterrada moi fondo atoparon unha velliña que non podía facer máis movemento que o de abrir e pechar a tapa dunha caixa de música dentro da que unha bailarina vestida de rosa daba voltas. Unha caixiña que seguramente a acompañaba na súa mesiña de cabeceira desde os afastados anos da infancia e agora dáballe a vida.

Eu amaría sempre esta historia aínda que non se lle puidese tirar máis sabedoría e aprendizaxe có que nos lembra o que a música ten de salvador, mesmo de sandador nas nosas vidas. Esta arte suprema, que desde o principio dos tempos brillou sobre da calquera outra, e antes de nos chegar gardada en sistemas de reprodución mecánicos ou electrónicos ou de crear unha forma de transcrición que atravesou tempos e linguas, acompañou a Orfeo cando baixou aos infernos na procura da amada Eurídice e iso, sen gravación nin partitura, fica en nós a salvo de calquera avatar ou hecatombe que nolo queira arrebatar, porque está unido á mesma idea do amor o que nos fai capaces de sentir dentro de nós a música orfeica coma un canto que nos di que ha volver a nós o amor que nos abandonou.

Pero tamén esta historia me fai pensar na forza que nos dá aquilo que amamos e gardamos por enriba do tempo e máis aló dos lugares nos que habitemos. Esas cousas que levamos con nosoutros cando nos vemos obrigados a mudar a nosa residencia, que lles damos valor alén do desprezo que por elas sintan os que nos rodean. E daquela levamos canda nós, cheos de fachenda e armados do cariño que lle temos, porque, estou seguro que é o agasallo que atesoura a lembranza dunha fermosa historia de amor, a caixa que garda a melodía que nos arrola nas noites de invernía.

A muller que abre e pecha a caixa de música é, arestora, un símbolo do pobo galego que, no medio da destrución e sometido ao imperioso poder dos cascallos que o esmagan e inmobilizan, abre e pecha a caixa do idioma para que poida ser encontrado no medio do mundo. A música que sae desa caixa é a nosa lingua, as palabras que nos dan un lugar no mundo, as que fan que se nos sitúe no mapa do universo á par coas outras moitas que nos din doutros pobos e doutras xentes.

Cada vez que dicimos orballo, paxaro, muxica, abidueira, pícaro… estámoslle dicindo ao mundo enteiro que nos procure por embaixo dos cascotes que nos queren ocultar, que non deixe de remexer nos rebos mentres se escoite a nosa fala por embaixo deles.

A música da nosa fala, gardada na caixa da alma, alí onde lle vai dando nome aos nosos sentimentos máis íntimos, tamén é un agasallo dos nosos, dos que nos precederon no seu uso e que gardamos con amor e coa esperanza de que tamén aos nosos fillos e netos lles sirva como xeito de se recoñecer no universo como o que son: fillos e netos de nós.

Por iso me gusta tanto isto da muller salvada pola caixa de música como metáfora da caixa/alma que garda a lingua galega. Porque mentres a conservemos coma o noso ben máis prezado, coma a obra de arte máis marabillosa que nos adorna, aquela que foi construída polos nosos devanceiros a través da historia para nos dar a nós voz e ao mundo un pouco máis de espesor. Entón cando chegan terremotos que pretenden negarnos o dereito á nosa música/palabra, á que sae da caixiña do noso peito, seremos salvados por este son que nos identifica e que, desde o fondo da nosa historia dános un lugar propio na pel do mundo.

Quitade as vosas sucias mans de Lois Pereiro

Miguel Barrera.-

Non é do meu gusto a apropiación dos recordos, nin que a tona do tempo os lave e perfume. Non chega para lambetar feridas. As cicatrices piden botar sangue de novo.

Lois Pereiro é para min, no latexo dos seus poemas, a miña vida desnortada en Madrid, a escola da “fariña”, os laios do meu desterro. Lois Pereiro é o descarnado “ir pillar” a Embajadores.

en ardente visión case sonora
do espacio penetrado por cadavres
do inferno húmido e escuro
de quen en terra firme
convive cos espectros máis concretos
do insonio monofobia nictofobia ferida sexo tóxico
lagoas de veleño navallas repetidas
na roita do desorde e do suicidio.


Poemas 1981/1991


Lois Pereiro atravesa os meus recordos máis tristes e abafantes no labirinto de podredume e auto destrución como “náufrago do paradiso” que fun. Retrátome naqueles noventa no poema PRESENTIMENTO.

Odiada
intanxible
e as veas convertidas
en túneles de acougo e perigo
sulagan o corpo en mil soños
cando a lene escuma da sombra
anuncia as visións
que presinto.

Cal perfil de vento no ar quedo
un tremor incerto persiste
no espacio que o meu corpo invade
na luz que descobre e pervirte
a memoria gótica de terror
que sinto.

E convírtese finalmente en silencio
entre as ruínas do insonio na alborada
na máis feroz sentencia imaxinable
no medo definido a que me deixe
condenado a vivir só
cos meus presentimentos.

Poemas 1981/1991



Confésome máis Ronseltz e Rompente que desenamorado e penduro no equilibrio de Xela Arias.


E, por dicir disparates, á miña esquizofrenia dálle por cavilar na tolemia egocéntrica da “época dourada” da poesía galega que quere homenaxearse a si mesma, esa que Elena Medel acusa de certo machismo. Agora podemos tamén debater se esa culta e elitista Galiza iluminada acadou os obxectivos de Adrián Solovio.


Cando Xurxo nos deu a nova de que Lois Pereiro ía ser o homenaxeado das letras no 2011 a través do Facebook, remexéuseme o útero menopáusico da conciencia e blasfemei.


De súpeto caeu en min a lembranza de agullas, fíos e odios; acheguei a memoria das premonicións, do desencanto e da furia, e nun flashback prendéuseme nos ollos a portada do nº 28 de “LUZES” (ano 1997, 600 pts.).


Rostro enmagrecido, ollada perdida, dentes de furia… non tardei en atopar a revista que conservo entre os meus tesouros, busquei os seus libros, os recortes de periódicos que conservo…

…non deu chegado a tempo de exercer
a súa rebelión,
nin de levar a cabo
a súa vinganza definitiva
contra un mundo inxusto, homicida, e cruel
pola inutilidade da súa propia vida…



Dende que Xurxo nos deu a nova, os días pousan na pel cicatrizada picores de rabia e pregúntome: por qué?, que persegue esta desfeita, por que non deixan que sexan as xeracións futuras quen o prostitúan e institucinalicen…os que traizoen o seu culto? A súa mesura está no íntimo da súa obra.


Intento atopar reaccións en Internet e so vexo salmos e parabéns dos seus amigos, das súas “luzes” e dos poetas novos que aplauden a “valente decisión”. Tamén preocúpame a indiferenza do poder, mostra algo que xa sabiamos, impórtalles un carallo o galego.


Estou desconcertado, confésoo, e penso que vai ser un ano moi movido, sobre todo cando os que non o leron nunca fagan comentarios dos seus textos nos institutos, ou os infantes teñan que facer traballos con acuarelas e tizas de cores. Especialmente gracioso vai ser cando as cohortes antigalegas de Feijóo se vexan obrigadas a loar a súa obra nos discursos institucionais.


Agora estánseme a revolver as tripas e temo que isto pode ser obxecto de manipulación e aldraxe, non so unha mezquina provocación.

23/07/2010

A Agadic promociona 18 proxectos discográficos

Redacción

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) aprobou a adxudicación dun total de 93.126 euros en axudas a nove empresas musicais galegas para a produción e promoción de 18 proxectos discográficos, entre os que se atopan os últimos traballos de Berrogüetto, Elodio y los Seres Queridos, Emilio Rúa, Lamatumbá, Marco Foxo, Renato Spencer, Rosa Cedrón con Cristina Pato e Xacobe Martínez Antelo, entre outros. Esta contía supón o 41,3 por cento do importe global (225.422 euros) que a entidade da Consellería de Cultura e Turismo destina este ano ao sector musical e a través do que tamén apoia a mellora de estudios de gravación, a distribución exterior, a asistencia a feiras musicais ou o asociacionismo profesional.

Os discos beneficiarios destas axudas, que por vez primeira incorporan como actividades subvencionables a produción e a edición discográfica, abranguen moi diferentes estilos musicais que van dende o folk de Berrogüetto ou Cristina Pato ata o jazz de Xacobe Martínez Antelo, pasando pola canción de autor de Emilio Rúa, a fusión de Lamatumbá e de Renato Spencer e Café Caxaça, o pop-rock de Elodio y Los Seres Queridos ou a música tradicional do novísimo Marco Foxo.

Colaboracións especiais e edicións alternativas
Nesta relación figuran tamén colaboracións especiais entre diferentes artistas –Celtic Roots, que asinan o galego Xosé Manuel Budiño, o británico Michael McGoldrick e o irlandés Dónald Lunny, e Muller, a cargo do dúo Soas que integran Rosa Cedrón e Cristina Pato–, así como varias edicións limitadas e en soportes alternativos que protagonizan Emilio José, Diadermin e Murmel para o novo selo Sosoaudio. Os proxectos Manuel Maria (obra musicada) e Desolasons, presentados pola produtora Berrogüeto, e os últimos títulos de Son de Seu, Jabon Blue, Tonhito de Poi e Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense completan a listaxe de propostas apoiadas pola Agadic.

Maré Coordinación Produción, Nalgures Producións, Zouma Producións, Berrogüetto Producións, EsmerArte Servizos Artísticos, Tecnología Gallega y Distribución, Pai Edicións, Sinsalaudio e Xacobe Martínez Antelo son as nove produtoras encargadas do desenvolvemento dos devanditos proxectos.

Estudios de gravación
Outra das novidades no programa de axudas ás industrias culturais 2010 é a introdución dunha nova modalidade dirixida aos estudios de gravación, na que se contempla tanto a compra de equipamento técnico específico como gastos de reforma, adecuación de espazos e mellora da accesibilidade. Os 50.000 euros reservados para esta categoría distribuiranse entre os estudios que xestionan cinco produtoras: Casa de Tolos, Zouma, Maré, Sons Galicia e Xacobe Martínez Antelo.

O apoio ao sector musical esténdese, así mesmo, a diversas accións de promoción exterior de artistas e grupos galegos. Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais destina un total 46.902 euros a 11 xiras e concertos puntuais en escenarios españois e internacionais (Arxentina, Hungría, Illa de Man, México…) e outros 4.968 a favorecer a presenza galega no Womex (World Music Expo) de Copenhague.

Por último, a música ten tamén o seu espazo entre os beneficiarios da modalidade de apoio ao asociacionismo profesional, con 27.355 euros concedidos á Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo "Clubtura", e do programa "Crédito-Cultura", a través do que se adxudicou un total de 3.067 euros a Abada Xestión Cultural e á Escola de Estudos de Música.

Manuel Bragado novo presidente da Asociación Galega de Editores

Redacción

A Asemblea da Asociación Galega de Editores elixiu nova directiva baixo a presidencia de Manuel Bragado e a vicepresidencia de Belén López. A elección do novo presidente e do resto dos integrantes da súa directiva contou co apoio dos editores, obtendo o voto unánime dos reunidos en asemblea. Alfonso García Sanmartín, Fran Alonso, Ana Guerra e Pilar Sampil conformaron o núcleo duro de traballo da directiva da AGE desde o ano 2006. Rematado o mandato e sen opción a reelección por imposición estatutaria, os editores cesantes ovacionaron aos novos directivos desexándolles moita sorte no seu cometido.

Bragado presentou a súa candidatura como froito do esforzo por aglutinar diversas sensibilidades dentro da entidade gremial, felicitando a García Sanmartín e ao seu equipo polo intenso e importante traballo realizado ao longo de catro anos. O director de Xerais espuxo os tres eixos fundamentais da súa proposta de traballo: a continuidade nos proxectos e tarefas, a firmeza na defensa dos intereses gremiais, e o consenso e a cooperación corporativa e gremial. Tendo en conta os tres piares, a directiva traballará co compromiso de acadar o recoñecemento definitivo da edición galega en todos os ámbitos, reivindicando a débeda histórica co libro e o seu papel de sector estratéxico no eido cultural e tamén no da innovación e transformación produtiva. Bragado compremeteuse a manter unha relación fluída e constante cos asociados, co fin de darlle resposta ás inquietudes e aos retos que se lle plantexan ás empresas editorias.

O novo equipo está formado por Manuel Bragado, de Edicións Xerais, presidente; Belén López, de Baía, vicepresidenta; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, secretaria; Xelasio Suárez, de Ir Indo, tesoureiro; Paco Villegas, de Cumio, vogal; Xosé Aldea, de Ouvirmos, vogal; Xulio Amigo, de Galaxia, vogal; e Consuelo Carreira, de Sotelo Blanco, vogal.

22/07/2010

Revista de prensa: EL PAÍS

Lois no recordo

Fermín Bouza

Houbo unha xeración de estudantes galegos en Madrid, alá polos finais dos setenta, que estivo a piques de cambiar o mundo na súa totalidade e que cambiou Galicia ao seu regreso á terra. Un deles era Lois Pereiro, os outros eran moitos, e algúns moi coñecidos: se apelidaban tamén Pereiro, ou Rivas, ou Patiño, ou Igrexas... Xentes da Transición e o desencanto, pero tamén do novo xornalismo, a nova pintura, a nova novela, o novo rock. Lois Pereiro era o home da nova poesía. E o era porque o que dicía era o fulgor da nova noite que a mesma Transición nos trouxo, con eses fulgores e as súas sombras, o seu medo e o seu tremor. E ese era o relato poético de Lois, deixaba ferido o cerebro de quen o ouvía ou lía coa súa pegada áspera de narrar ese mundo que estaba cada vez máis afastado do mundo de superficie.

E esa pegada era duradeira: era un poeta pleno, brillante e definitivo na expresión, e que ás veces alcanzaba unha extraordinaria beleza e lograba un forte impacto cognitivo, o impacto de quen nos narra un mundo distinto que está ao noso lado e que non coñeciamos, pero que se colga das palabras de Lois para facerse ver.

Eu coñecín a Lois entón, aínda que só tiven un trato próximo algúns anos máis adiante, camiño de Santander, cara á UIMP, a actuar, como el e con el, en Chove sobre Mollado (Semana das Forzas Atroces do Noroeste), unha andrómena espléndida pola que andaba Manuel Rivas e outros axitadores culturais, como Antón Reixa, que ademais cantaba co seu grupo, Os Resentidos, no Sardinero. Galicia estaba de moda, e os seus movementos culturais, patrocinados en boa medida por aqueles ex estudantes madrileños de regreso a casa, eran o último do último. A movida viguesa e as de máis movidas galaicas tamén axudaba a iso. Miúda xentuza de armas tomar, como logo foron demostrando todos.

O longo camiño de Monforte a Santander fixémolo o mesmo Lois, a miña muller Carmen Pena, crítica e profesora de arte que estaba na súa salsa cando Lois e eu recitabamos, e eu mesmo, ao volante, situación que me permitía visualizar o recitado de Lois polo retrovisor interior. Nunca esquecerei aquela longa xornada de coche na que sufrimos algúns sobresaltos, como que se nos anunciase, alá por Astorga, quizá por unha mala interpretación miña de algo que non recordo, exactamente, o comezo da Terceira Guerra Mundial, nuclear, por suposto, e todo iso divisando o edificio de Gaudí, o Palacio Episcopal.

Aquela emoción do final fíxonos acelerar o gozar do instante, carpe diem, e pasamos da poesía ao canto e do canto á poesía, e como queira que ningún dato externo parecía confirmar o estalido do conflito, fomos tranquilizándonos e recitando a ritmo máis plausible á vez que melancólico. Lois era así tamén: próximo, divertido, mordaz, amigo (sen pedir graves papeis de recoñecemento), e poeta, un poeta dun talento inmenso e cósmico, como a mesma noite que se nos ía a anunciando.

Aquilo da UIMP (Universidade Internacional Menéndez Pelayo) foi unha festa, e de alí saín convencido de que a cultura galega, e Galicia en xeral, decidiran salvarse a si mesmas e salvar, de paso, ao mundo. Isto tiña algún fundamento e cumpriuse dalgunha maneira: aquela xeración estalou en cantidade e calidade, e colaborou activamente a cambios substanciais, polo menos en Galicia. O mundo é máis inalcanzable, aínda que tamén se chega.

Que a Real Academia Galega, con moito acerto, recupere a Lois e aos seus textos no próximo Día/Ano das Letras Galegas, non é máis que a expresión dun cambio tamén na magnífica institución: tamén cabe Lois e quen como Lois construíron un relato duro, fermoso e difícil dun mundo non menos duro, fermoso e difícil.

Xa non quedan apenas estudantes galegos en Madrid, afortunadamente, e hoxe teñen na súa terra case todas as carreiras posibles. Pero ao galego-madrileños estruturais deixáronnos na desolación. Por iso escribimos e por iso respiramos: para combatela. Aquela xeración levaba, como Rosalía, "na fronte unha estrela e non bico un cantar".

Lois Pereiro representa a todo aquel mundo, represéntanos aos abatidos, por tanto, e este ano das Letras será tamén o noso ano, e vivirémolo con Lois e con todos aqueles bárbaros do norte que un día ocuparon A Magdalena para levar Galicia ao mundo. E no mundo está, por máis que algúns queiran diluíla no río final dos tempos pasados. Pois non existimos, e facémolo este ano á sombra de Lois.

© El País, 7-VII-2010.

21/07/2010

Tarefas colectivas


María Xosé Lamas

Aristóteles debeu ser o primeiro en postular que “ o home é un animal político”. A súa semente ideolóxica medrou até o punto de ser o baseamento da estrutura sociocultural e política do mundo occidental. Pero non descubriu nada novo. Os coñecementos antropolóxicos que hoxe posuímos permítennos saber o modus vivendi dos nosos antepasados, incluso na prehistoria.

Son moitos os datos que nos informan da vida do home en colectividade, como membro dunha sociedade máis ou menos estruturada. Tamén é curioso decatarnos da repetición de patróns relacionais aínda en tempos moi recentes, que non distan moito dos deducidos dos estudos realizados sobre o home prehistórico. Un deses patróns é o traballo cooperativo.

Aínda sendo nena, decateime da importancia que para un pobo tiña a colaboración que se realizaba para certas tarefas dos nosos agros. As recolleitas , as mallas, as tascas, e un longo etcétera de traballos facíanse sempre en colectividade. Era impensábel realizalas doutro xeito.

Na casa do Golpe tamén se facían tarefas colectivas e, tanto el como a súa dona, participaban nas correspondentes co resto do pobo. Era un troco de traballo por traballo. A bota e apaña das patacas; a sega da herba, a vira e o almacenamento na palleira; a sega do pan, as mallas, son tarefas que aínda lembro.

O pan era o que supoñía máis traballo. Sementábase polo San Lucas e até o San Simón. Durante o inverno e a primavera íanse limpando as cales de herbas para que medrara ben e madurara co tenue sol de xuño e do mes de Santiago para ser seiturado en agosto, na primeira tarefa colectiva. Comezaban na cabeceira da trenza varios segadores coas súas fouciñas ben afiadas a cortar rente polo pé tantas pallas como daban apresado e deixábanas deitadas sobre a restreba para que outras tantas mulleres foran detrás atándoas en mollos. Ao remate os homes facían medeiros con eles para seren finalmente transportados en carros até as eiras. Ao chegaren tamén se facían un ou varios medeiros de maior tamaño no que agardaba o pan para ser mallado.
Meus pais, únicos informadores que me quedan, faláronme de como se mallaba antigamente usando os mallos cos que os mozos máis fortes da parroquia separaban o gran da palla nas eiras lousadas das facendas, antes da mecanización; eles mesmos a penas os lembran. Mais na miña memoria ficaron impregnadas as imaxes das primeiras máquinas de mallar. A tarefa repartíase en dous días ou sesións. A primeira consistía en separar a palla da espiga e levábase a cabo cunha máquina de polea cun motor rudimentario que nun principio era de vapor e máis adiante de gasolina. Nela botábanse os mollos desatados e por un lado saía a palla e por outro a muña, que se recollía en colchas ou sabos vellos e se deixaba na eira até que se limpara. A palla íase amoreando en palleiros cuxa arquitectura era deseñada por verdadeiros expertos –non sabía calquera facer un bo palleiro.

O traballo de limpar o pan facíase con outra máquina que funcionaba a manivela e activaba unhas engrenaxes que movían varios cribos de distintas densidades de malla e ían limpando o gran de arganas, fabas lobas e nichela, respectivamente; saíndo a muña fóra impulsada por un ventilador. O gran era recollido en sacos, pero aínda se había de espallar sobre os sabos na eira para que quecera ben e perdera toda a humidade co fin de gardalo ben seco na hucha.

Despois de cada tarefa facíase a festa. Na casa do Golpe gardábanse as cacheiras dos porcos para o día da malla e cocíanse varias fontes de cachelos para acompañalas, regándoas con viño tinto e augardente.

Os tempos foron traendo innovacións e a mecanización e maila química contribuíron a mellorar as tarefas do agro, pero tamén a borrar da vida dos pobos as tarefas colectivas e toda a socialización e a cultura que as acompañaba.

20/07/2010

Peter Eisenman e a Cidade da Cultura

Redacción

Coa exposición Peter Eisenman. A Cidade ponse en marcha un novo recurso ao servizo do Programa de Visitas Guiadas ás Obras 2010. A exposición foi concebida polo seu comisario, Manuel Blanco, como un Centro de Interpretación que contribuirá a comprender mellor a complexidade e o valor arquitectónico da Cidade da Cultura de Galicia.

A mostra, instalada nunha sala do Arquivo de Galicia, funcionará como un complemento do Programa de Visitas Guiadas ás Obras, no que xa participaron máis de 6.500 persoas dende o seu inicio a finais de febreiro. A exposición manterase con carácter permanente unha vez que abran as súas portas os primeiros edificios no próximo outono.
A proposta de Manuel Blanco, catedrático da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid, analiza os primeiros pasos da Cidade, contando, a través do testemuño de Peter Eisenman, como foi concebida, e mostrando a través de fotografías e debuxos a linguaxe da súa creación.

A exposición permite "ler" a arquitectura da Cidade da Cultura e seguir as liñas que marcan e organizan o conxunto: seis grandes edificios que interactúan uns cos outros como se fose unha única obra, un gran sexteto. Unidos por elementos e marcas, unha orde visible fai que os edificios xuntos formen parte dun gran organismo, dunha nova "montaña máxica" creada no Gaiás. A través da exposición pódense seguir as trazas do proxecto, os elementos que compoñen os seus espazos e fachadas, descodificándoos para entender as leis que rexen a composición. Asemade, poderanse coñecer os protagonistas do equipo que está a construir esta gran obra e ver a inxente cantidade de documentos necesarios para o seu traballo.

A través de vídeos, maquetas e fotografías en soportes singulares, especialmente deseñados para a exposición, Peter Eisenman. A Cidade permite entrar nas claves do ADN do proxecto, da linguaxe que serviu para a construción dunha obra que se erixe como un símbolo da Galicia contemporánea, un novo espazo cultural de encontro de todos os galegos.

Mentres as obras sigan o seu curso, quen desexe visitar esta exposición pode inscribirse no Programa de Visitas Guiadas, a través da páxina web www.cidadedacultura.es ou no teléfono 881 997 570 de 9 a 14h.

XII Encontros pola Normalización Lingüística

Redacción

Como cada ano desde 1998, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega convoca os Encontros pola Normalización Lingüística, que se ofrecen como foro de reflexión, estudo e debate da ampla variedade de asuntos relacionados coa promoción do idioma galego, dirixido aos e ás profesionais e estudosos/as da normalización lingüística, aos e ás estudantes e ás persoas interesadas pola problemática e as políticas lingüísticas en Galicia.

A XIIª edición destes Encontros, que corresponde ao presente ano 2010, vai focar a súa atención na acción da cidadanía nas súas diversas expresións organizadas e en aspectos sociais nun senso amplo, sen esquecer a liña que se vén seguindo nos Encontros de seguimento de iniciativas e propostas e de revisión de accións xa realizadas.

Estará organizada en dúas sesións. Na primeira, o foco está situado na participación social e na iniciativa e acción cidadás. Comezará cunha análise comparativa dos procedemento seguidos en distintas iniciativas; seguirá unha presentación sobre o fenómeno emerxente das redes sociais; posteriormente, presentarase unha reflexión sobre actitudes cidadás e mobilización, e remataremos cunha mesa redonda na que participarán os principais colectivos e plataformas comprometidas coa acción social a prol do galego.

Na segunda sesión presentarase a Rede de Dinamización Lingüística que está a artellar a Secretaría Xeral de Política Lingüística, revisaranse experiencias de intervención no sector comercial e reflexionarase sobre o papel da lingua na publicidade e no mercado.

OBXECTIVOS
• Contribuír ao estudo, a reflexión e o debate sobre a planificación lingüística en Galicia
• Constituír un punto de encontro, análise e debate para todos aqueles profesionais que desenvolven o seu labor nos diferentes servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos existentes en Galicia
• Colaborar na formación continua de especialistas en planificación lingüística

DESTINATARIOS
• Técnicos/as de que desenvolven o seu labor nos servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos
• Especialistas e estudosos/as do ámbito da planificación lingüística
• Docentes que formen parte dos equipos de dinamización lingüística

DATOS BÁSICOS:
Santiago de Compostela, 23 e 24 de setembro de 2010
Inscrición: Inscríbase aquí
Tel. Información: 981 957 209
Lugar de celebración: Facultade de CC. da Comunicación. Universidade de Santiago de Compostela.
Materiais: Descargue o folleto
——————–
ORGANIZA: Consello da Cultura Galega. Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

COLABORA: Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua

COMISIÓN ORGANIZADORA:
Manuel Bermúdez Blanco
Concepción Cochón Rodríguez
Agustín Fernández Paz
Valentín García Gómez
Henrique Monteagudo Romero
Xoán Rivas Cid
Goretti Sanmartín Rei
Nel Vidal Barral

COORDINACIÓN:
Henrique Monteagudo Romero
Susana Mayo Redondo

III Campamento Infantil de Meira

Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, visitou o xoves á mañá en Meira, xunto ao presidente da asociación cultural Eme de Meira, Nacho Eiros, o III Campamento Urbano que organiza a Asociación Cultural “Eme de Meira” co patrocinio da Área de Cultura da Deputación. Esta iniciativa, que este ano dura desde o pasado luns 12 até o venres 30 de xullo, púxose en marcha xa hai dous anos co apoio decidido da Área de Cultura da Deputación ao observarse a carencia na comarca de Meira deste tipo de actividades que permiten conciliar a vida familiar e laboral, proporcionando unha alternativa lúdica e á vez educativa para as mañás do verán a 20 nenos e nenas en idade escolar. Desde que arrancou esta proposta, o éxito de participación foi unha constante, ratificándose nesta terceira edición do campamento infantil coa alta demanda que fixo que se cubrisen as prazas ofertadas en apenas uns días.

Segundo Antón Bao, “o éxito da iniciativa da Área de Cultura da Deputación de apoiar este tipo de actividades vese referendada pola alta participación e o seu aproveitamento por parte da poboación da comarca de Meira”. Afondando nisto, o vicepresidente indicou que “desde a Deputación sempre tivemos claro que poñer en marcha actividades coma o campamento infantil son pasos moi importantes para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral das familias con fillas e fillos pequenos, tamén en concellos do rural onde existen menos medios para facer que durante os meses estivais as crianzas teñan unha ocupación proveitosa e divertida para eles”. Animando ás nenas e nenos a aproveitar e gozar deste programa de verán, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, aproveitou para facerlles aos e ás participantes no campamento urbano uns agasallos útiles para as actividades que van levar a cabo no campamento.

Este é o terceiro ano que a Asociación Eme de Meira, co apoio da Área de Cultura da Deputación, pon en marcha este programa de actividades de verán para nenas e nenos de 3 a 12 anos. Xa desde o campamento do pasado ano incrementouse nunha semana a duración do programa, chegando a un total de 3 semanas, desenvolvéndose o campamento urbano as mañás de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, entre o 12 e o 30 de xullo. Este ano incrementouse o número de prazas até as 22, feito que aínda así non abondou para cubrir a demanda xa que nun par de días desde a apertura da inscrición enchéronse a totalidade de prazas ofertadas para os socios e socias de Eme de Meira. O III Campamento Urbano que organiza Eme de Meira contempla un programa moi completo e variado de actividades para os máis cativos, de xeito que a través de iniciativas lúdicas e amenas poidan valorar aspectos como o medio ambiente, as relacións interculturais e de compañeirismo e solidariedade, desenvolver a creación plástica nos nenos e nenas, etc.

19/07/2010

Desbloqueada a construción da liña de alta velocidade Zamora-Ourense

Redacción

O Ministerio de Medio Ambiente comunicou ao de Fomento a súa decisión de eximir da necesidade de Declaración de Impacto Ambiental ao tramo Lubián-Cerdedelo, pertencente ao novo acceso ferroviario de alta velocidade a Galicia, e deu así o visto e prace ao trazado proposto por este Departamento.

Tras esta decisión, e unha vez aprobados os proxectos construtivos, procederase a licitar as obras de construción dunha liña ferroviaria de dobre vía con parámetros de alta velocidade en todo o seu percorrido, tal e como se comprometeu o ministro, Xosé Blanco.

A decisión de Medio Ambiente, notificada antonte á Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento, prodúcese despois de que os respectivos departamentos das Comunidades Autónomas afectadas, Castela e León e Galicia, emitisen senllos informes negativos en agosto do pasado ano e xaneiro de 2010, respectivamente.

Tras o proceso de diálogo coas Comunidades Autónomas, estas emitiron novos informes nos que se mostra a súa conformidade coa actuación proposta por Fomento, o que permitirá finalizar a redacción dos proxectos construtivos.

18/07/2010

Festival de Pardiñas


Redacción

O Festival de Pardiñas, feira e festa da música e da arte, chega este ano á súa trixésimo primeira edición, xa consolidado como unha das citas máis importantes no panorama musical galego do verán, da man da Asociación Cultural Xermolos con Alfonso Blanco á fronte.

A cita deste ano, os días 7 e 8 de agosto, agarda reunir a máis de vinte mil persoas no fermoso paraxe termal guitiricense, comezando o sábado coa apertura da decimosétima Mostra de Artesáns de instrumentos musicais tradicionais, que chegarán desde Galicia e Portugal. A parte musical deste día contará coas actuacións das bandas galegas Bellón Maceiras Quinteto e Galegoz, os madrileños Canteca de Macao e os alemáns Äl Jawala.

O domingo día 8 lerá o pregón desta edición o sociólogo vilalbés, colaborador deste xornal, Bernardo García Cendán, e a continuación entregaranse os premios da do XXXI Certame literario Terra Cha.

Os cartel do domingo inclúe os grupos galegos Cé Orquestra Pantasma, Pelepau e Güintervau, os solistas Pablo Seoane e Xosé Manuel Budiño, e o grupo irlandés Alalé.

O cartaz anunciador desta edición é obra da artista italiana Rita Galeotte.

Máis información sobre o Festival e outras actividades da Asociación Xermolos na súa web www.xermolos.org

17/07/2010

A Roxa, os touros e eu

Por César Reis.-

Hei recoñecer que, de entre os oito goles da Roxa no Mundial que vén de rematar, un dos meus preferidos foi o que marcou a Alemaña Carles Puyol, o capitán do Barça. E non porque eu poida ter algún tipo de preferencia por este equipo –o cal, aínda que así fose, sería totalmente irrelevante–, senón porque, na súa celebración, Puyol soubo demostrar á concorrencia que os futbolistas, pese ao grao de illamento e concentración que require unha competición da envergadura dun Mundial, tamén están conectados coa realidade. Máis, atreveríame a dicir, que moitos dos afeccionados. Máis, mesmo, que algúns dos medios que retransmitiron con fidelidade o acontecemento. Ou senón, xa me dirán como se explica a escasa repercusión que tivo o seu xesto en homenaxe aos antitaurinos –véxase a foto que acompaña a este texto–, precisamente a véspera de que o Consello de Garantías Estatutarias avalase por maioría o texto, que irá a votación no pleno do Parlament catalán o próximo 28 de xullo, co gallo de aclarar se farán esa modificación da Lei de Protección dos Animais segundo a cal poderían chegar a prohibirse as corridas en Cataluña.

Pero se cadra foi mellor así. Á fin e ao cabo o Mundial evitounos falar de tantas cousas que unha máis tampouco importa. Se cadra foi mellor non dar demasiada repercusión ao asunto a fin de non enturbalo todo máis aínda, como adoita suceder nun país tan esaxeradamente escravo da partitocracia e da apocalipse como este. Un país no que se tende a mesturar todo a cada canto e sen motivo aparente, pois calquera tema de debate, do tipo que sexa, remata converténdose nun debate político –sempre no peor sentido da palabra– e un non pode opinar de case nada sen que veña o santón de quenda a adxudicarlle unha etiqueta ou outra, a encaixalo no compartimiento estanco que a súa limitada visión da realidade precisa para sentirse cómodo e seguro. Polo menos a Roxa deunos máis dunha lección de profesionalidade e tolerancia nese sentido, pois nela teñen cabida o antitaurino Puyol e un Vicente del Bosque admirador de Santiago Martín, 'El Viti', paradigma do toureiro que, como el mesmo, conxuga a arte do seu oficio coa sobriedade.

Con toda sinceridade, se nos deixamos guiar polo sentido común, e non polo que diten os líderes dun partido ou outro, non hai nada grave en que sigan a facerse corridas de touros en Cataluña. Outros problemas máis graves haberá. Pero tampouco en que se prohiban. Xa se fixo en Canarias desde hai case vinte anos –en concreto desde 1991– e ninguén se alporizou por elo, nin se atreveu a dicir que os habitantes das illas son menos españois do que poidan ser os “godos” –con perdón–. Se o Parlamento Catalán decide aprobar a lei na votación fixada para o 28 de xullo está no seu pleno dereito. Ou polo menos, iso é o normal en democracia.

Pola miña banda, non me considero nin a favor nin en contra dese espectáculo. En realidade resúltame bastante indiferente, se cadra porque proveño dun escuro lugar do norte onde non se rende culto á tauromaquia. A miúdo adoito resistirme ás frecuentes invitacións que recibo dalgúns amigos doutros puntos da xeografía peninsular moderada ou esaxeradamente afeccionados. Fágoo porque sospeito que me vai enfastiar un espectáculo que atopo bastante obsoleto, que vexo como cousa doutra época, coma se fora algo anacrónico, xa superado ou abolido polo paso do tempo. Se cadra porque nel enxálzase toda esa mitoloxía anticuada e mistificadora dunha masculinidade tan desfasada como calquera outra moda do pasado. E non me refiro só ás modas indumentarias. Unha mitoloxía que, con todo, continúa subxacente –aínda que afortunadamente cada vez menos– en determinados sectores da sociedade e na que se tende a enxalzar a eses heroes inverosímiis e un tanto egocéntricos, adornados dunha superioridade e un machismo anacrónico e sen dúbida ridículo aos ollos do mundo actual, baseado nos modelos do politicamente correcto e a metrosexualidade. É esa mesma mitoloxía que reivindican como valor do masculino aínda hoxe algunhas mulleres “de rompe e rasga” –endexamais cheguei a entender de todo a expresión–, mulleres que, polo xeral, adoitan ser bastante máis machistas que moitos homes. É a mesma mitoloxía que, aínda que noutro contexto pero coa mesma esencia e intensidade, atopamos enquistada en todos aqueles fanáticos das armas que pululan polos Estados Unidos, como aquel Charlton Heston absurdamente ridículo que retratou, non sen crueldade –todo hai que dicilo–, o tamén bastante egocéntrico Michael Moore naquela Bowling for Columbine, alegación cinematográfica contra a violencia onde as haxa. Calquera persoa que se teña por minimamente civilizada debería sentir a mesma incomodidade que imaxino que eu mesmo sentiría se asistise a un espectáculo cruel no que non só sofre un animal –demasiado se incide xa sobre iso–, senón que, ao mesmo tempo, un ser humano está a pór en perigo a súa vida co único fin de entreter a un público ávido de emocións. Ou se cadra non, porque os individuos adoitamos ser poliédricos e demasiado complexos como para se nos someta a un reduccionismo limitador. E non vou ser eu quen o faga.

En calquera caso, e postos a escoller entre espectáculos de masas, prefiro quedarme co fútbol, polo menos nel non hai tanta violencia –agás cando xoga Holanda unha final– e porque, como di a soada cita do adestrador italiano Arrigo Sacchi, erroneamente atribuída a Valdano, “o fútbol é a cousa máis importante das cousas menos importantes”.

14/07/2010

Tsunami

María Xosé Lamas

Hai peixes que nadan contra corrente e aos que non lles afecta a marea vermella. Acaso estean vacinados contra esas bacterias; acaso xeneticamente evoluíron con outros carácteres; acaso o ambiente propicioulles outros modos de existencia… Do mesmo xeito, non todos os cidadáns españois viviron o grande éxito futbolístico da “Vermella” e non porque non aprecien a xesta protagonizada pola selección española de fútbol, senón porque este deporte non lles aporta nada.

Ao Golpe non lle gustaba o fútbol. Coidaba absurdo ollar para vinte e dous rapaces correndo detrás dunha pelota. Mais, de seguro que Casillas, Villa, Pujol ou Iniesta considerarían unha parvada xogar á billarda, ás carreiras de sacos, ás bólas ou á buxaina, brincadeiras das que gozaba o Golpe nos poucos momentos de lecer dos que dispuña despois de colaborar nas tarefas do agro e aprender a tallar na branda madeira de bidueira as nosas chinelas chairegas.

Pero na actualidade non é doado fuxir da onda xigantesca, do tsunami que provocou o forte vento provinte de Sudáfrica. A todos nos envolveu directa ou indirectamente globalizando sentires e ideoloxías que incluso rexeitaban levar tatuadas nas meixelas as cores da bandeira española, que non eran capaces de pronunciar o berro de identificación coa nazón da vermella, mais que chegaron a recoñecer o mérito que tiveron os xogadores da selección do “país veciño”.

Por sorte seguen a existir moitos golpes; persoas que non son máis felices porque nos andeis da exposición de trofeos da fifa haxa unha copa do mundo, mentres as carencias da sociedade sigan sen satisfacerse; persoas capaces de surfear sobre a onda e ollar o horizonte coas meniñas espertas; persoas que non se cegan co esplendor dourado duns intres, conscientes que despois da luz volverán as tebras; persoas, á fin, que seguen a nadar contra corrente se esta non lles leva a ningures e que optan por permanecer fideis ás súas ideas.