Día en branco

Mario Paz González.-

Nun artigo publicado o 25 de xuño de 1926 no número sexto da Revista de Comércio e Contabilidade, de Lisboa, Fernando Pessoa analizaba o informe elaborado pola chamada “Comisión Especial de Enquisa e Reforma do Calendario”, establecida pola Sociedade das Nacións dous anos antes, en 1924, e presidida polo egrexio profesor van Eysinga, da Universidade de Leyden. Segundo relataba o poeta portugués, esta comisión constituíuse co gallo de estudar o “carácter irregular e defectuoso” do calendario gregoriano e as súas inevitabeis e perniciosas consecuencias a nivel, non só pragmático, senón tamén, e sobre todo, comercial tentando así ires na procura dunha alternativa que puidese chegar a ser, se cadra, un pouco máis equilibrada.

Como a estas alturas ninguén ignora, o noso calendario consta de doce meses cuxo número de días, nada regular, oscila dos vinte e oito aos trinta e un, provocando iso, xa que logo, que a duración dos catro trimestres que o integran tamén estea desequilibrada, pois sitúase entre 90 (91 en ano bisesto), 91, 92 e 92 días. Inda por riba, non existe unha coincidencia fixa entre días de semana e días do mes, polo que só se repite exactamente a mesma secuencia de calendario completo cada vinte e oito anos.

Para as previsións de negocio ou os cálculos que debían realizar as firmas comerciais e financeiras a comezos do século XX, esta irregularidade supuña, cos rudimentarios métodos de cálculo daquel entón -nunha era anterior á informática-, un esforzo tal que moitas empresas remataban optando por facelas en base a un ano “artificial”, composto por doce meses de trinta días e admitindo de entrada unha marxe de erro de cinco ou seis para acadar os 365 ou 366 do ano bisesto.

Como conclusión, pois, do seu informe, a Comisión da Sociedade de Nacións destacaba, por riba das outras moitas propostas realizadas, só tres por consideralas de sumo interese a pesar da súa maior ou menor radicalidade e admitindo sen dúbida a dificultade que suporía levalas a bo termo.

A primeira delas era a máis sinxela porque alteraría dun xeito menor o calendario actual. Consistiría en igualar os tres primeiros trimestres do ano en tres meses de 30, 30 e 31 días, e o cuarto en tres meses de 30, 31 e 31 días. A segunda, ou “parcial”, propuña dividir o ano en catro trimestres iguais de 91 días (30 + 30 + 31). Con ámbalas dúas, a marxe de erro para os cálculos citada máis arriba seguiría existindo, mais quedaría case “diluída” entre os catro trimestres.

A terceira das propostas que destacaban era a máis radical, pois suxería a posibilidade de levar a cabo unha reorganización total e absoluta do ano que ficaría agora dividido, velaí a proeza, en 52 semanas repartidas en 13 meses de vinte e oito días exactos cada un. O maior atrevemento desta proposta non estaba só no feito de engadir un mes máis, senón tamén no de suxerir un calendario con valor perpetuo, no que os días da semana e os días do mes coincidirían sempre. O día primeiro de cada mes sería luns durante todos os anos seguintes desde a súa posta en funcionamento até a eternidade.

Con todo, o máis rechamante das dúas últimas opcións citadas por Pessoa, a “parcial” e a “radical”, é aquilo do que, se cadra, algún dos lectores xa se pode ter decatado. Se botamos contas, deseguido se percibe que nelas a suma dos catro trimestres de 91 días ou dos 13 meses de vinte e oito supón un número total de 364 días e non os 365 esperables. A solución incluída en ambalas dúas propostas consistiría en  engadir nalgún momento do ano o que alí os seus autores denominaban un “día en branco” que, como suxire Pessoa, podería moi ben colocarse entre o 31 de decembro e o 1 de xaneiro.

Logo de ler as tres propostas, confeso que non sinto unha simpatía especial por ningunha delas. Inda así, coido que o máis interesante de todo elo sería recuperar a idea de incluír no calendario actual ese “día en branco” obrigatorio que se podería colocar nalgún lugar do ano quitándolle un día, por exemplo, a algún dos meses de trinta e un. Imaxinen as tensións que aliviaría na poboación mundial ter un día semellante: tensións políticas, laborais, conxugais.... Sería un xeito de garantir que cada un de nós puidese contar cun tempo para si mesmo e empregalo naquilo que lle pete, para facer aquilo que sempre soñou, para plantar unha árbore, escribir un libro ou ter un fillo. Sería un día para ir de folga, ou a misa, ou para saír a berrar e despotricar contra todo polos parques como un street preacher calquera. Un día para soñar, para durmir, para folgar, para chamar a eses amigos dos que hai tempo que non sabemos ou sería un día, simplemente, para vivir.

Parece lóxico pensar que todo aquilo do que fala Pessoa no seu texto se teña botado nos tempos que corren, case noventa anos despois, no máis completo dos esquecementos, pasando a ser, como moito, unha mera nota ao pé de páxina na Historia da Humanidade. Organizacións racionais aparte, talvez o contido daquelas propostas poida semellarnos hoxe, non só anacrónico, senón tamén totalmente disparatado. Con todo, houbo outras épocas menos globalizadas nas que foi posible facer cambios tan radicais como aqueles, ou máis aínda, baseándose en argumentos non tan diferentes. O 10 de xaneiro do ano 45 a. C. Xulio César impuxo o chamado calendario Xuliano, que é practicamente o actual, e que en 1582 o Papa Gregorio XIII “reaxustou”, sen apenas modificalo, para corrixir os dez días de desfasamento que arrastraba.

Parece, sen dúbida, que a Historia do Home ben podería resumirse analizando á súa vez a Historia do Tempo, da súa sempre longa, ardua e afastada relación co Tempo.

30 de set. de 2010

Xornadas de Banda Deseñada en Ourense



Redacción

Presentouse o programa da vixésimo segunda edición das Xornadas de Banda Deseñada, que se van desenvolver entre o 1 e o 17 de outubro” na Casa da Xuventude de Ourense.Este ano, a festa galega do cómic contará coa presenza das exposicións de Pablo Auladell, Clara Tanit-Arqué, Manuel Bartual, Joao Facenda ou Dani Montero, ámbolos cinco coñecidos e galardoados autores de cómic. As tres primeiras mostras ubicaranse no Museo Municipal da cidade ourensá, mentres que as dúas segundas poderán visitarse na propia Casa da Xuventude.

Do mesmo xeito, poderase gozar do “Certame de Cómic e Ilustración Injuve 2009”, que conta cos gañadores e seleccionados do certame organizado anualmente polo Instituto de la Juventud (Injuve); a exposición “Xuventude Crea”, e “Un camiño de viñetas” que consiste na visión de varios dos máis destacados autores galegos de banda deseñada sobre o camiño de Santiago.

As “Xornadas de Banda Deseñada” deste ano contarán cunha sección dedicada á proxección en pantalla grande de filmes relacionados coa banda deseñada internacional, en estrea na cidade. Os filmes proxectados serán “Gainsbourg. Vida de un héroe” e “María y yo”.

Por outra banda, o pasado venres, dábanse a coñecer os gañadores do concurso convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, que se enmarca dentro do programa “Xuventude Crea”. Este ano, os galardoados serán José Domingo Usted, primeiro premio pola obra “Robot xigante” (3000 euros); Diego Blanco López, 2º premio pola obra “O Humor de Mr.T” (1500 euros); e Miguel Cuba Taboada, terceiro premio por “Ombre Umbre” (1000 euros).

Os premios do certame “Xuventude Crea 2010” e do Premio Ourense de Banda Deseñada entregaranse o próximo 15 de outubro. O premio Ourense, outorgado pola Casa da Xuventude e a Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, distingue cada ano unha iniciativa ou unha traxectoria en relación coa BD en Galicia, e este ano recae na revista Retranca. O galardón é unha estatuíña deseñada e realizada expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.

A folga en Vilalba

Redacción

Polas rúas de Vilalba puideron verse onte os membros do Sindicato Labrego Galego, que tamén participou na xornada de folga xeral en distintas manifestacións e concentracións reivindicativas que tiveron lugar a partires das 11:30hrs. aproximadamente, nas vilas de Betanzos, Ordes, Vilalba, A Estrada e Ourense. Segundo este colectivo as solucións que se están a dar para facer fronte á crise económica non só non son as adecuadas, senón que estanse a facer a costa e ás costas da cidadanía.

Para eles outro modelo económico e social é posible e, ademais, necesario, imprescindíbel. E no caso concreto das labregas e labregos, outra Política Agraria Común (PAC) é tamén necesaria, no marco da soberanía alimentaria apostando pola regulación de mercados e producións que garantan prezos mínimos que nos permitan vivir do noso traballo.

Neste senso, a Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, reiterou o pasado luns 27 de setembro en rolda de prensa a denuncia do desmantelamento dos servizos públicos de proximidade, facendo fincapé na difícil situación que esta tendencia está a crear no medio rural. C. Freire condenou ademais a hipocrisía de que este recorte de servizos mediante a privatización estea a ser presentado como “medidas para facer fronte á crise”.

Por outra banda, sinalou, poñer como solución a unha crise económica a redución e deslocalización da xestión das pensións de xubilación -sendo as do agro das máis baixas de tódolos sectores- significa ceder os cartos públicos, e o noso futuro, aos poderes especulativos. Non se pode solucionar unha crise comprometendo o benestar das persoas.

Por iso consideran necesario abordar de xeito contundente o feito de que unha banca pública é hoxe en día máis necesaria ca nunca. Se as doses de “inxeccións de liquidez” administradas ás entidades bancarias para o seu “rescate” tiveran sido invertidas na creación dunha banca pública, hoxe en día a cidadanía disporía de acceso a crédito.

Folga filosófica

Bruno Marcos

Habería que ir á folga non por principios económicos, como nos din os sindicatos, senón por motivos dialécticos, é dicir filosóficos, máis concretamente hegelianos. En realidade todos os movementos de esquerda non deixaron de ser hegelianos nunca.

A noticia de que o capitalismo é o mellor dos mundos posibles dánola ultimamente mesmo ese gran demócrata cubano que recomendaba aos seus cidadáns comer flores para paliar a fame correlixionaria xa que admitiu que o seu modelo fracasou.

A desaparición da URSS deixou sen munición real a todas as revolucións pendentes e os obreiros do mundo saben que onde mellor vivirán é no primeiro mundo, en países onde non gobernen os seus.

Explicaba Jakob Böehme que o ben e o mal eran como dous cachorros que xogan a pelexar sempre equilibrando as forzas para non facer sucumbir ao contrario e o que habería que pensar hoxe é cales son exactamente as forzas que andan en liza e se é lexítimo falar de que un partido no goberno debe defender os intereses dunha clase social por moi santa que esta sexa ou se deberiamos falar do que é bo para o país. Nese sentido retomar un concepto tan desmontado como o de patriotismo seríanos moi útil aínda que habería que refundilo.

29 de set. de 2010

Onte actuou o Taller Atlántico Contemporáneo no CGAC

Redacción

Onte martes 28 de setembro celebrouse ás oito e media no Centro Galego de Arte Contemporánea de (CGAC) Compostela un novo concerto do Taller Atlántico Contemporáneo dentro do ciclo "Os nosos compositores. Perspectivas de ensemble". O programa incluía a tres dos máis destacados compositores da vangarda compositiva galega, entre eles a Xan Viaño do que se interpretaron as súas "Musicas nocturnas" para frauta, trompa, piano, arpa e violonchelo. De E.X. Macias interpretouse a peza "Adhuc" para clarinete en sib, trompa, vibráfono, sintetizador, violín e violonchelo. E de Fernando Buide o seu "Movemento para septeto" para frauta, oboe, clarinete en sib,vibráfono, marimba, harpa e piano.

O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) está formado por experimentados músicos galegos de recoñecido prestixio e extensa traxectoria profesional. O repertorio universal para Ensemble moderno e contemporáneo é a base do seu repertorio, ademais dun decidido compromiso coa recuperación, creación e interpretación da obra de compositores galegos. Éstas son as particularidades que lle confiren ao TAC, así como a cada un dos seus concertos, a súa principal característica: unha personalidade propia e diferencial. O seu director musical é Diego García Rodríguez.

Teatro Arte Livre presenta o seu novo programa

Redacción

O conto de fadas “Cincenta.A gata borrallenta”, espectáculo de humor para toda a familia, estréa a programación do segundo semestre do teatro Arte Livre que, despois de cumprir unha temporada de éxito, volve para estrear a programación do segundo semetres. A adaptación libre do conto de fadas conquistou ao público de todas as idades na súa primeira temporada, por se tratar de unha divertida versión, onde todo pode suceder e onde o autor e director, traen 50 minutos de posta en escea áxil, inspirada nos debuxos animados que usa o bo humor, a creatividade nas tiradas do texto, nos efectos sonoros e visuais.

Os catro actores que tamén fan a técnica se desdobran en nove carismáticos e humorados personaxes, con cincuenta e catro cortes de son, e máis dun cento de cambios de luz, para contar esta historia que ten aínda tanta forza e contemporaneidade.

Para facer este proxecto posíbel contan con Leandro Costas, produtor executivo, administrativo e que tamén firma a creación da maquiaxe e caracterización dos personaxes; Montserrat Fervenza, Mariana Guiadanes na creación gráfica, María Graña e Roi Emmett, actores froito do Curso de Formación Teatral do Teatro Arte Livre, que participan no seu primeiro traballo profesional independente do curso, buscando unha posición no escenario cultural galego. Todos os actores, tiñan ganas de formar unha compañía e estar na vida laboral do teatro e aquí están nun traballo de actor moi complexo.

A obra poderase ver no Teatro Arte Livre, os sábados e domingo ás 20:30h. na rúa Vazquez Varela,19 de Vigo. O prezo de entrada é de 8 €, agás no caso de adultos acompañados por nenos cun prezo especial de 6 €.

25 de set. de 2010

Unha mostra sobre o Conde de Lemos percorrerá varias localidades galegas

Redacción

O pasado venres foi inaugurada ás oito da tarde na sala de exposicións do centro de maiores de Caixa Galicia en Monforte a mostra "Don Pedro Fernández de Castro, o gran Conde de Lemos ", coa que se conmemora o cuarto centenario do seu nomeamento como vicerrei de Nápoles. A intención do Concello, que colabora coa vicepresidencia terceira da Deputación nesta iniciativa, era que a mostra puidese verse na zona do museo de arte Sacra de Santa Clara que está a ser ampliada, pero o ritmo das obras impediuno.

A exposición poderase ver en Monforte durante un mes e logo desfilará por Sarria, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Pontedeume, Betanzos, Ferrol á Coruña e Santiago, recreando así o mapa dunha viaxe por Galicia que realizou na súa época o sétimo Conde de de Lemos. Unha vez finalizado este percorrido, a mostra terá unha localización permanente en Monforte, que segundo indicaron os responsables municipais aínda está por determinar.

Segundo os organizadores da mostra esta pode ser unha boa oportunidade para promocionar unha figura non suficientemente coñecida dentro e fóra de Monforte. Por iso o Concello organizará visitas guiadas á mostra destinadas a particulares e centros de ensino. No caso dos colexios, as visitas á exposición complementaranse con percorridos polo museo de arte sacra. Os interesados en asistir e recibir as explicacións dun experto poden reservar praza a través do teléfono 982 10 53 03.

24 de set. de 2010

Fernando Blanco denuncia a privatización de servizos das explotacións gandeiras

Redacción

O deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Fernando Blanco, compareceu esta mañá, acompañado de Manuel L. Louxedo, gandeiro e concelleiro do BNG na Fonsagrada, e Marisol Carreira Castro, do Comité de Empresa de SEAGA, para criticar “a privatización dos servizos de identificación e rexistro das explotacións gandeiras galegas que a Xunta de Galiza pretende introducir cambiando o modelo de xestión”. Fernando Blanco denunciou que se queira substituír o modelo actual “por unha oficina virtual, cando moitas explotacións do rural galego non dispoñen de internet, eliminando ademais postos de traballo dos veterinarios que antes realizaban este proceso de identificación e rexistro”. O deputado do BNG no Parlamento galego criticou os cambios que a Xunta quere introducir nestes servizos “a pesar de estar perfectamente constatada a eficacia e bo funcionamento do sistema actual de identificación, polo que resulta totalmente ilóxico que se queira substituír algo que funciona ben por un plan que é unha incógnita”.

Fernando Blanco anunciou que onte mesmo o BNG presentou no Parlamento unha serie de preguntas para que a Xunta de Galiza proporcione información oficial e precisa sobre os cambios que pretende introducir a Consellería do Medio Rural no sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras, e tamén informe sobre o destino e cometido do actual servizo de veterinarios identificadores, se finalmente deixan de colaborar cos gandeiros na identificación, rexistro e anotación no libro de explotación, como se ven facendo até agora.

F. Blanco foi crítico ao afirmar que o Director Xeral encargado de responder sobre estes temas foi incapaz de dar as explicacións pertinentes e emprazou a resposta a unha nova regulación que sairá en outubro ao mesmo tempo que calificou de “absoluta contradición do novo plan que comezou a aplicar coa lei actual de tributos de Galiza, na que se estabelece un prezo oficial para os crotais como viña sendo até o de agora, mentres que o novo programa contempla a gratuidade dos mesmos”. Isto, segundo Fernando Blanco, “demostra un total descoñecemento sobre a materia legal xa que para instituír a gratuidade dos crotais habería que modificar a lei previamente polos trámites parlamentarios, xa que os regulamentos están para cumprirse”.

Pola súa banda, Manuel Louxedo, gandeiro e concelleiro do BNG na Fonsagrada, criticou os atrancos que este novo sistema para proceder á identificación trae consigo, sobre todo a persoas que non teñen a formación nin os medios necesarios para manexar os servizos electrónicos e que estaban acostumados á presenza dos veterinarios nas explotacións xa que, en xeral, facilitáballes moito o labor aos gandeiros, pois colaboraban para anotar correctamente no libro de explotación e favorecía un control e seguimento moito máis rigoroso e axeitado. Por este motivo, Manuel Louxedo anunciou que se van presentar mocións nos 37 concellos da comarca Lugo-Centro do BNG, e explicou que no pleno da semana pasada na Fonsagrada xa se tratou este tema e o PP pechouse en banda para non solicitar unha resposta da Consellaría do Medio Rural e que as reivindicacións dos gandeiros sexan escoitadas.

Marisol Carreira Castro, do Comité de Empresa de SEAGA, pola súa parte, engadiu que desde SEAGA “non temos coñecemento oficial algún dos cambios que se poidan introducir e que teñamos que facer no noso traballo e todo o que sabemos provén de certos rumores e informacións sen base que proceden dos propios gandeiros ou das oficinas comarcais a través dos compañeiros”. Marisol Carreira afirmou, referíndose ás consecuencias que tería cambiar o sistema de identificación e rexistro, que “o que parece moi claro é que se pode perder a garantía sanitaria e a gran vantaxe competitiva que tiña o produto galego de calidade, que era unha seguridade absoluta na súa trazabilidade (control e seguimento dun alimento desde a súa orixe até a súa comercialización)”.

23 de set. de 2010

Mobilizacións polos prezos do leite

Redacción

As organizacións profesionais agrarias e as cooperativas van manter as súas protestas e mobilizacións en demanda de prezos xustos para as produtoras e produtores de leite galegos. Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e AGACA rexeitan o anuncio efectuado por algunha industria sobre subidas nas facturas de agosto aos gandeiros, ao entender que esta medida é absolutamente inasumible e insuficiente para o sector lácteo galego.

O único anuncio que esperan recibir é o da suba dos prezos do seu leite en niveis que os equiparen aos que xa reciben, como media, por exemplo, os produtores/as de Francia, que cobran sobre 33 céntimos de euro por litro. Cómpre lembrar que a venda da produción do sector produtor galego está na franxa dos 28 céntimos, o que supón que as explotacións lácteas de Galicia seguen a percibir prezos entre os máis baixos das comunidades produtoras de España, cuns ingresos inferiores nun 13,4%.

Ao longo desta semana as organizacións e as cooperativas seguirán a explicar á cidadanía cales son as empresas que menos pagan aos seus proveedores e farán visible a súa protesta pola existencia nos lineais da gran distribución de leite por debaixo de 60 céntimos. Ademais, as organizacións e as cooperativas lamentan a actitude de supostos voceiros dos gandeiros e gandeiras que, dende unha actitude iluminada, defenden na práctica ás industrias que están arruínando aos produtores/as. Eses representantes dos produtores non teñen representatividade acreditada no agro e, ademais, forman parte da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), o que explica a súa oposición ás mobilización dos gandeiros e gandeiras.

Aparcar e peonalizar


Xulio Xiz

Sen telas visto aínda persoalmente, estou satisfeito polas reformas efectuadas na Praza da Constitución vilalbesa para axeitala ós tempos de hoxe, proporcionando aparcamento soterrado e á vez eliminando os vehículos automóviles da súa superficie.

Unha operación similar efectuouse xa hai tempo en Lugo, no que a praza maior estaba invadida polos coches, e o concello eliminounos no contorno da Casa do Concello, e en toda a superficie da praza, aínda que non se atreveu a facer un aparcadoiro soterrado no centro da cidade pola riqueza arqueolóxica que hai no sochán.

Pois en Vilalba, eu que son conductor forzoso, tiña ata agora boa dificultade para atopar lugar de aparcamento no caso de xestións no concello ou zonas do centro, tendo que ir aparcar ás casas baratas, ás novas rúas inmediatas ou mesmo preto do antigo Campo de fútbol. Ou arriscarme a mal aparcar, cos perigos conseguintes.

Ben está a disposición do concello para peonalizar a praza, colocar bolardos, e que o sochán sexa aparcadoiro, por agora gratuito, pero que máis adiante vai ser de pago con gratuidade para as primeiras horas.

Os conductores temos que afacernos a que para aparcar en lugar céntrico hai que pagar, porque senón o lugar de aparcamento gratuito convertiríase en depósito permanente dos vehículos que primeiro chegasen ó lugar.

Desde o punto de vista local, quizais sone forte eso de peonalizar a praza principal do pobo e rúas inmediatas, facendo discurrir os automóviles polo aparcadoiro soterrado para cruzala. Pero todo é afacerse, e só beneficios poden agardarse dunha renovación coma esta, que a fin de contas vai dignificar o que poderíamos considerar a "sala de estar" vilalbesa, lugar onde recibir ós visitantes.

Posiblemente estas cen prazas novas de aparcamento no soto da Praza da Constitución sexan unha solución temporal do problema de acomodación de automóviles, pero en tanto proba a súa idoneidade, comeza a funcionar, e o concello dispón que se empece a pagar pola súa utilización, o goberno municipal fará ben en ir pensando noutras superficies complementarias de xeito que entrar na zona centro de Vilalba non sexa unha odisea.

Xeira de reunións da Plataforma Galega Antitransxénicos (II)

Redacción

Na mañá de hoxe Charo Sánchez e Adolfo Naia, acudiron coma voceiros da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) ás xuntanzas concertadas co Partido Socialista de Galicia e Bloque Nacionalista Galego dentro da xeira de reunións cos grupos parlamentares establecida pola Plataforma para o presente mes de setembro.

Cómpre iniciar a valoración de devanditos encontros sinalando que logo de que a vogal do grupo socialista na Comisión Parlamentar de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, Carmen Gallego Calvar, se comprometera a pasada semana a recibirnos no día de hoxe, -na que suporía a primeira vez que o PSdG accedese a reunirse coa Plataforma Galega Antitransxénicos-; chegada a hora unha das súas compañeiras de partido indicounos que Carmen Gallego non podería acudir, por ter concertado para a mesma hora unha xuntanza noutra provincia, revelando o grado de interese que o PSdG ten ao respeito dunha problemática que está a ameazar a biodiversidade do noso País, a nosa saúde e a economía do sector produtor de alimentos.

Polo tanto, pasados dous anos da constitución da PGA, a xuntanza co grupo socialista inda fica pendente. Segundo se comprometeron novamente hoxe, o encontro podería ter lugar nun prazo aproximado de dúas semanas.

No tocante á reunión co grupo parlamentar do BNG, á que acudiu Tareixa Paz, vogal da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, comprometéronse a realizar unha pregunta parlamentaria dirixida á Consellaría do Medio Rural en demanda de información ao respeito da actitude neglixente evidenciada logo do rebrote do cultivo de millo experimental transxénico sementado en Mesía. Asemade, esta pregunta será trasladada a nivel estatal no Congreso e Senado a través dos representantes do grupo nacionalista.

Por outra banda, dende o BNG asumiron a responsabilidade de pedir o posicionamento público do Goberno galego en relación á recente declaración da illa de Madeira como zona libre de transxénicos .

A representante do grupo nacionalista concordou tamén coa Plataforma Galega Antitransxénicos na urxencia de que nos comedores públicos, tanto escolares coma de hospitais e outros servizos rexidos pola Administración galega, se garanta a ausencia de alimentos modificados xeneticamente ou alimentados con penso transxénico, sendo estes substituídos por alimentos de tempada subministrados por produtoras e produtores da zona.

Finalemente, e ao igual que fixo a pasada semana a representante do grupo popular, Isabel García Pacín, Tareixa Paz confirmou a vontade do BNG de reunirse periodicamente coa Plataforma Galega Antitransxénicos, a fin de poder partillar información sobre a problemática da introdución de organismos xeneticamente modificados no noso País e realizar un seguimento conxunto das demandas de información solicitadas á Administración galega.

22 de set. de 2010

'Olladas do Camiño' en Ribadeo


Redacción

O concello lucense de Ribadeo acolle desde antonte a exposición Olladas no Camiño de Santiago, enmarcada no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010 e que estará aberta ao público na Oficina de Turismo deste municipio ata o próximo 12 de outubro. Ao acto de inauguración desta mostra, na que se recollen fotografías de 14 artistas, asistiron o xefe do departamento de Publicacións e Exposicións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.

Olladas no Camiño de Santiago é unha compilación dos artistas galegos Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz. Xunto as súas fotografías están as dos artistas Chris Erlbeck, Tine Harden, Hana Jakrlova, Katja Lösönen, Cristina de Middel, Rita Newman, Eva Persson y Signe Raikstina.

As cámaras destes fotógrafos recollen a paisaxe, o patrimonio arquitectónico, a riqueza humana dos peregrinos, dos visitantes e de todas as persoas que viven ao longo das diferentes rutas que teñen como meta Santiago de Compostela. En Olladas no Camiño de Santiago as imaxes reflicten desde iconas puramente xacobeas ata manifestacións puramente antropolóxicas. Nesta mostra tamén teñen cabida dende os retratos con nome e apelidos, ata a figura anónima no espazo. Desde a paisaxe aberta ata a intimidade de igrexas e claustros.

A exposición fotográfica estará aberta ao público ata o 12 de outubro na sala da Oficina de Turismo de Ribadeo. Despois, a mostra fotográfica recalará no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, onde se poderá visitar a selección de imaxes entre os días 3 e 27 de novembro. Con anterioridade, Olladas no Camiño de Santiago fixo parada no concello lucense de Mondoñedo, onde iniciou a súa itinerancia no mes de marzo. En abril, as fotos viaxaron ata Bratislava para ser expostas no edificio do Ministerio de Cultura. Asemade, unha parte da exposición estivo en Arxentina e en Brasilia.

Esta mostra forma parte do Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, un apartado no que se recollen os proxectos expositivos de carácter máis vangardista, que se exhiben en diversos espazos de Galicia. Este itinerario amosa unha revisión do Camiño e da figura do peregrino a través dos ollos dos artistas máis representativos da fotografía e das artes plásticas do momento.

Nova web das 'Escolas da emigración'

Redacción

Onte á mañá tivo lugar o acto de presentación da nova web dedicada á catalogación de todas as escolas fundadas por emigrantes galegos. Un ambicioso proxecto que ofrece unha ferramenta moi útil para localizar o legado dos que tiveron que marchar de Galicia para buscar fortuna. O labor xa fora iniciado polo Arquivo da Emigración Galega fai dous anos, cando se publicaran os primeiros resultados. Pero agora, tras meses de arduo traballo, sae á luz esta páxina máis completa, onde o usuario non só atopará no mapa cada unha das escolas: tamén poderá acceder a material extra coma fotografías, os planos orixinais e incluso a reconstrucción da antiga planta de cada edificio.

Deste xeito, os visitantes sumerxiranse nas antigas escolas, ás que poderán explorar dun xeito minucioso. Polo momento, a páxina amosa as 113 escolas que xa están catalogadas nas provincias de Lugo e Ourense. Nunha segunda fase, que se desenvolverá ao longo do 2010 e o 2011, completaranse as escolas que faltan nas provincias da Coruña e Pontevedra. Pero non se trata dun proxecto ríxido que remate coa exposición das escolas xa localizadas: durante o traballo fóronse atopando máis escolas, aínda inéditas, que se irán publicando a medida que se recollan todos os datos precisos. Así, a páxina está concibida como un traballo dinámico, que se actualizará co paso do tempo.

“As Escolas da Emigración” desenvólvese grazas a un convenio do Consello da Cultura Galega coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Calcúlase que na nosa comunidade existen un total de 220 escolas fundadas entre finais do século XIX e principios do XX. Foron tanto promotores individuais coma sociedades instructivas os que enviaron cartos dende os seus destinos na diáspora, convencidos de que a educación das novas xeracións era a mellor forma de facer progresar Galicia. O proxecto completarase cunha exposición titulada “As luces do alén”.

Visite a nova web

21 de set. de 2010

Hoxe estará en Compostela Mohamed el-Baradei, Premio Nobel da Paz de 2005

Redacción

O Premio Nobel da Paz de 2005, Mohamed el-Baradei, achégase hoxe 20 de setembro a Santiago de Compostela cunha conferencia con no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia en Santiago (Carreira do Conde, 18) sobre o desarme de Iraq. O acto, enmarcado no programa de conferencias ConCiencia, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar o vindeiro 20 de setembro, ás 18.30 horas.

Mohamed el-Baradei é diplomático e Director Xeral da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), unha organización intergobernamental baixo o auspicio das Nacións Unidas. Xunto á AIEA, foi galardoado co Premio Nobel da Paz de 2005.

El-Baradei licenciouse en Dereito na Universidade do Cairo en 1962 e ten o doutoramento en dereito internacional pola Universidade de Nova York. Como diplomático comezou a traballar nada máis licenciarse no Ministerio de Asuntos Exteriores de Exipto, destinado en dúas ocasións nas sedes de Nacións Unidas en Nova York e Xenebra.

En 1984 foi nomeado asesor xurídico da AIEA ata 1993 e director auxiliar da oficina de relacións exteriores da Axencia ata 1997. Posteriormente foi nomeado Director Xeral, cargo que ocupa na actualidade.

Xunto a Hans Blix foi o encargado pola Axencia e polas Nacións Unidas para certificar o desarmamento de Iraq tras a guerra e conduciu o equipo de inspectores da ONU buscando evidencias de armas de destrución masiva no mesmo país.

O 27 de xaneiro de 2003, ante o Consello de Seguridade da ONU, expuxo que a AIEA desmantelara, eliminara ou evacuara a maior parte das instalacións iraquís con capacidade de fabricar armas nucleares. O 7 de marzo, ante o mesmo órgano, reafirmou a súa postura e comunicou que non existía uranio en Iraq procedente de Níxer, tal e como George W. Bush denunciara con anterioridade. Por iso se opuxo de cheo a que Estados Unidos, Gran Bretaña, España e Portugal fixesen a “Declaración das Azores” que deu lugar á invasión de Iraq de 2003 ao considerar que non había probas para devandita intervención, e solicitando un prazo de tempo maior para que os inspectores realizasen o seu traballo.

Na actualidade a AIEA e el-Baradei están inmersos en dous procesos internacionais de envergadura: o control da produción de uranio por parte de Irán que é remiso a dar explicacións á Axencia, e a saída do Tratado de Non Proliferación Nuclear de Corea do Norte onde se sospeita a posibilidade de que se obtivo material para un número indeterminado de armas atómicas. En ambos os casos Estados Unidos é contrario á política de el-Baradei e pretende a súa non reelección.

O 7 de outubro de 2005 foi anunciado como o gañador do Premio Nobel da Paz xunto á AIEA en recoñecemento aos seus esforzos por impedir a proliferación de armas nucleares.

Programa ConCiencia
O programa ConCiencia, xa na súa quinta edición, recibe neste Ano Xacobeo a varios Premios Nobel: Albert Fert, Sir Harold W. Kroto, Mohamed ElBaradei, Sir Richard J. Roberts e Ada E. Yonath. O programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago, segue a consolidar o seu prestixio e a súa condición de referente na proxección pública da ciencia, circunstancia sinalada por varios participantes de edicións anteriores.

Entre os obxectivos desta iniciativa, cabe destacar:
1. A divulgación científica a cargo de figuras do máximo nivel internacional.
2. Proxecta-la imaxe da Cidade de Santiago de Compostela como foco universal do pensamento.
3. Servir de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores da USC.

Estas bases diferencian o programa ConCiencia de calquera outra iniciativa de divulgación científica, posto que buscan, á marxe da clásica conferencia ou acto puntual, a rendibilización da visita destes Premios Nobel favorecendo o seu contacto con especialistas locais.

20 de set. de 2010

Humor

19 de set. de 2010

Xeira de reunións da Plataforma Galega Antitransxénicos cos grupos políticos

Redacción

Representantes da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) mantiveron na mañá de do pasado 16 de setembro o primeiro dos encontros solicitados cos grupos políticos do Parlamento de Galicia co obxectivo de coñecer de que xeito se concretaron as medidas acordadas no 2008, así coma o seu novo abordamento en maio deste ano. Logo da reunión dese día co grupo parlamentar do PPdG, o vindeiro mércores 22 de setembro será a quenda de PSdG e BNG.

Os voceiros da PGA – Analía Moares (Amigos da Terra), Charo Sánchez (Sindicato Labrego Galego) e Adolfo Naia (CIG Servizos)- foron recebidos pola vogal do grupo parlamentar do Partido Popular, María Isabel García Pacín, na súa calidade de membra da Comisión Parlamentar de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, acompañada polo diputado popular Jesús Goldar Güimil.

Neste encontro, a Plataforma Galega Antitransxénicos trasladou a necesidade de aclarar cal é o posicionamento do Goberno Galego e, neste caso, concretar o do Partido Popular, ao respeito da liberación ao medioambiente de organismos xeneticamente modificados, sinalando que malia a que a propia consellería realizou alegacións ao campo experimental realizado en Mesía, semella non apreciarse ningún tipo de actuación efectiva por parte da Administración galega.

Lamentando a ausencia de fluidez de información nesta materia entre Administración e sociedade, os voceiros da PGA achegaron a existencia de novas ferramentas para facer fronte aos OXM´s, exemplificadas na recente declaración de zona libre de transxénicos realizada pola illa de Madeira o pasado mes de xullo.

Por outra banda, Pacín e Goldar -que se declararon coñecedores da polémica que arrodea os organismos modificados xeneticamente- coincidiron coa PGA en valorar que, a día de hoxe, a etiquetaxe e trazabilidade dos alimentos transxénicos é totalmente insuficiente, eido no que manifestaron que cómpre traballar, ao tempo que asumiron que “existen moitos baleiros” na totalidade da lexislación nesta materia.

Dende a PGA insisten en que nestes momentos a nivel europeo está a haber reaccións en materia de lexislación, polo que o posicionamento do Goberno galego a este respeito ten que ser dado a coñecer á cidadanía inmediatamente. Neste senso, os representantes do Partido Popular comprometéronse a realizar unha “transmisión de urxencia” á Consellaría do Medio Rural solicitando información ao respeito das medidas que deberían estar a desenvolverse. Comprometéronse tamén a abrir unha liña de traballo parlamentario coa Plataforma Galega Antitransxénicos a través do mantemento de reunións periódicas coas/cos seus representantes.

Desde a PGA consideran que xa houbo un prazo para iniciar alomenos unhas primeiras medidas, e tentarán intensificar a loita social para impedir que os organismos xeneticamente modificados invadan o noso País axudados pola lasitude da Administración.

COLECTIVOS INTEGRANTES DA PLATAFORMA GALEGA ANTITRANSXÉNICOS
A Gradicela , A Xoaniña, AC Caleidoskopio, AC Foucelhas, ADEGA, ADENCO, AGHU, APEGA, Altermundo, Alternativas Nómadas, Amigos da Terra, Anacos da Cidade, Árbore, Asoc. Cultural Meiro, Asoc. Verea, AV Minas de Brea, CIG Servizos, CRAEGA, CS A Esmorga, CS A Gentalha do Pichel, CS A Revolta, CS Arrincadeira, Coto do Frade, Cova da Terra, Eirado, Erva, Eucaliptos Non, FEG, FugaEmRede, Fundación Sen Esquencer, Greenpeace, Implicadas no Desenvolvemento, Info-Transxenicos Tui, O Bandullo Ecolóxico, O Grelo Verde, Periodismo Consciente, Rede de Consumo Consciente, SPD Ponte Mazaira, Saramaganta, Semente, Sindicato Labrego Galego, tenda Ecoenvío, Grupo de Investigacion GIEEA Universidade Vigo, Verdegaia, Veterinarios Sen Fronteiras e Véspera de nada.

Seren outro noutro

Bruno Marcos

É un lugar común dicir que Woody Allen xa non é o de antes pero basta con ver cada película que roda, ano tras ano, para darse conta de que é imposible fuxir dun mesmo.

No seu último filme atopámolo de novo e, máis aló da cita de Shakespeare coa que abre un certo vanitas xeral, ao que asistimos é a unha colección de retratos precisos de personalidades perfectamente contemporáneas. Estes retratos son un pouco esaxerados pero conseguen sempre manterse a este lado da caricatura para conservar unha boa parte de credibilidade. A súa psicoloxía aparece non plenamente formada. Son suxeitos que na mocidade, na madurez e, mesmo, na vellez son dependentes do espellismo social no que se debaten e que toman o xogo dos cambios sucesivos de parella como solución a un máis que probable desgusto con eles mesmos.

No cambio de parella ponse en operación as posibilidades de ser outro noutro non deixando exenta a escena dun certo canibalismo psíquico. Por iso é polo que na tan ben trabada estrutura desta obra queden equiparados a sogra que consulta a un vidente co novelista fracasado que espera triunfar, o ancián que casa cunha nova prostituta ou a muller que se namora do seu xefe, todos esperan cambiarse por obra e graza do outro, ser outro polo outro.

18 de set. de 2010

Prepararse para unha loita longa


Fermín Bouza

A perda electoral do Bipartito en 2009 está a ter altísimos custos para Galicia, tanto no terreo da conservación do territorio, a economía en xeral ou a mesma lingua, moi ameazada e perdendo falantes co vento estatístico e as novas leis moi en contra. A lingua debería estar á marxe das maiorías de goberno: todos arroupándoa, máis aló das crenzas políticas. Pero non é así.

As últimas noticias das actividades das bandas da porra (lingüística), como se chamaban noutros tempos, contra o galego, engadidas ás actividades negadoras da administración en curso, ou a outras actividades nada estimulantes e nesa mesma liña, avísannos de que imos cara a un escenario de guerra longa e de desgaste no que é absolutamente necesaria a ampliación e mobilización da base social que loita activamente pola defensa e conservación viva e activa da nosa lingua.

Non é tan importante unha vitoria inmediata e efémera como a consolidación das posicións cívicas que o galego obtivo nos últimos anos, a pesar do seu innegable retroceso como lingua urbana viva. E nesta mesma liña tampouco son excesivamente relevantes os golpes que os adversarios do galego (boa parte das vellas clases medias familiares, non as novas clases medias emerxentes nin unha parte importante das clases altas de vangarda, empresarial ou comercial, pero si sectores populares sen gran formación que operan coa crenza de que o galego é unha lingua atrasada e inútil) tratan de darnos e que con frecuencia alcanzan os seus obxectivos, cunha certa desmoralización engadida.

Para ampliar e mobilizar á maioría da poboación son precisas políticas máis abertas socialmente, máis estimulantes para as clases medias e máis consensuadas. O partido ou coalición que foi historicamente máis activo no tema lingüístico, que é o BNG, tende a pecharse nun escenario político pasado no que unha posición de esquerda pouco fluída limita extraordinariamente o seu alcance político, tamén no tema lingüístico que, asimilado á actividade do BNG, parece ser algo moi de esquerdas e moi nacionalista, o cal é moi pouco certo, aínda que como dicía o sociólogo Thomas, e segue sendo certo, o que definimos como real é real nas súas consecuencias.

Por tanto, o galego é cousa de esquerdas e nacionalista. E moi radical. Por aí imos moi perdidos nunha guerra longa: xa a perdemos, se non rompemos esas crenzas populares inducidas desde a actividade política non matizada. O PSdG-PSOE, que é un partido socialdemócrata e foi noutro tempo tamén (e quere seguir a selo cos seus novos cambios, segundo se entende do que din os seus líderes) un partido galeguista e federalista, como o PSC, por exemplo, pode chegar con facilidade a esas novas clases medias, e tamén ás clases altas, ademais das clases populares, e normalizar a imaxe da loita polo galego como a dunha loita xusta, necesaria, moderna e en absoluto radical, no sentido habitual desta palabra.

Se o BNG atende a reflexións como esta e outras e se suma a unha estratexia así, tranquilizadora e normalizadora (faino tamén con frecuencia), esa longa guerra da lingua transformarase nun longo consenso xeneralizado no que Galicia recuperará, a esquerda e dereita, a súa dignidade como pobo.

17 de set. de 2010

II Certame de Pintura Rápida de Vilalba

Redacción

O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba convoca o II Certame de Pintura Rápida, que se celebrará o sábado, 2 de outubro do 2010. Poderán participar todos os artistas que o desexen. Acudirán provistos do
material necesario, incluíndo o cabalete onde se exporá a súa obra. Só se admite un soporte por concursante. A tea, papel ou taboleiro debe estar montado sobre bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados.

Os participantes presentaranse o mesmo día do Certame na Praza da Constitución de Vilalba entre as 9:00 e as 11:00 horas para o selado e numeración do soporte. O casco urbano de Vilalba, Paseo Fluvial e zona recreativa da Madalena. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo pintor (in situ), non aceptándose o uso de fotografías, reproducións, etc. para a realización do mesmo. A organización supervisará a situación de cada participante. As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e acuarela.

O Certame remata ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos sen asinar nos soportais da Praza da Constitución para seren expostos a continuación nos seus cabaletes. Membros da organización recollerán dende as 16:00 horas as obras de aqueles que o desexen.

O Xurado estará composto polo Presidente do Instituto de Estudos Chairegos (ou persoa en quen delegue) e dúas persoas relacionadas co mundo da Arte e reunirase unha vez expostas as obras para elixir as premiadas. O ditame, que será inapelábel, darase a coñecer sobre as 19:00 h., procedendo de contado á entrega dos premios. As persoas premiadas deberán asinar as súas obras. O Certame estará dotado cos seguintes premios: 1º: 1.200 €, 2º: 900 €, 3º: 700 €. Concederanse tamén varios accésits entre os 600 e os 400 por doazón de empresas da vila como TAR Asesores, Librería Pergamino-2, Mesón A Lareira ou Representaciones Cabarcos

As obras premiadas pasarán a ser propiedade das entidades que outorguen os premios, que tamén se reservan os dereitos de reprodución. No caso dos accésits, as empresas patrocinadoras elixirán a obra en orde de maior a menor cantidade achegada.

As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público até as 20,00 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento. A participación supón a plena aceptación das presentes bases, así como calquera modificación sobre as mesmas que redunde no beneficio do Certame.

Coa fin de mellorar as previsións a nivel organizativo prégase a aqueles que pensen concursar que o comuniquen no enderezo electrónico ou ben, chamando aos teléfonos: 639-246459 // 651-361628

Fotografías do século pasado


Xulio Xiz

Cando eu era pequeno, tiña dúas querencias especiais que co tempo fun cumprindo de xeito ben satisfactorio. Despertaban o meu interese dunha banda o fenómeno da radio, e por outra parte, a fotografía.

Polo que á radio se refire, ó longo da vida dediqueille unha atención especial e aínda sigo prestándolla, tendo neste medio de comunicación innumerables satisfaccións profesionais e persoais. Pero o tema da fotografía podía tamén moito na miña imaxinación e foi o primeiro en realizarse, xa que aínda en Vilalba miña nai autorizoume a mercar unha Voigtlander Vitoret, a miña primeira cámara, e dei en sacar instantáneas que daquela me pareceron maravillosas, que teño que buscar no meu anárquico arquivo, porque lle prometín mandarllas a Xosé Luis Novo Cazón, para que o Instituto de Estudos Chairegos poida incorporalas ós seus fondos fotográficos.

Porque o Instituto está a efectuar un magnífico labor de recuperación de vellas imaxes vilalbesas, e na quinta edición que aínda está aberta no Auditorio Carmen Estévez ten expostas 230 instantáneas do pasado século, onde aparecen centos de vilalbeses, moitos xa fóra deste mundo.

Fun ver a exposición o día trinta, despois do pregón das festas, pensando dedicarlle dez minutos, pero ó final botei máis dunha hora xa que na visita acompañoume Bernardo García Cendán, e logo incorporáronsenos Felpeto, Manolo Roca e Arturo, de xeito que a visita foi unha sesión de contacto con numerosas persoas nas que facía décadas non pensara. Mesmo tiven oportunidade de facilitar á organización o nome dunha vilalbesa que aparecía nunha foto infantil –Isabel Cabana - que por ter sido compañeira de estudios eu identifiquei. Precisamente estaba visitando a exposición sen terse ela mesma identificada na foto que me trasladou medio século atrás.

Do da Radio xa dixen que estaba plenamente realizado pola miña vida radiofónica e a evidencia de que, por riba de de todo, son un home da radio, e ata conseguín ter o que se chamaba nos meus tempos “voz radiofónica”, que daquela era algo que se valoraba.

Pois da fotografía tampouco poido queixarme a pesar de facer cada día menos fotos, xa que hai algo máis de vinte anos que son presidente do Grupo Fonmiñá, de fotografía e cinematografía, que desde hai trinta e dous anos organiza anualmente a Semana de Cine de Lugo.

Resulta moi satisfactorio eso de cumprir vellas ilusións. Pero para completar unha delas, a da fotografía, teño que recuperar aquelas fotos xuvenís, vellas imaxes vilalbesas que por algún lado teñen que andar, e que con case medio século de distancia seguro que son xa historia, pequena historia, pero historia ó fin.

16 de set. de 2010

É Tempo de facer, de pór mans a obra, ensino en galego

Francisco de Limiar López

En 1978, en decembro, votase a constitución do reino de España, ábrese a porta de que o galego sexa oficial en Galicia se así determinase no estatuto.

En 1979, referendo dos estatutos de autonomía de Catalunya e Euskadi, participan máis do 59%.

En 1980, en Catalunya e Euskadi nas primeiras autonómicas o voto procastelán-español foi sobre do 13%.

En 1980, decembro, referendo para aprobación do estatuto de autonomía, “a lingua propia de Galicia é o galego”, participa o 28,27%.

O 23 de Febreiro de 1981 prodúcese o golpe de estado, coñecido como 23 F, en contra da constitución e o estado das autonomías.

En outubro de 1981, na Galiza ca pantasma da represión franquista, nas primeiras eleccións ao parlamento galego, o voto as posturas españolas antigaleguistas, supón sobre do 60%.

Entre 1975 a 1981, a maioría da poboación consideraba o galego como residual e secundario, senón un dialecto do castelán (na teoría franquista), e que na política era utilizado case en exclusividade polo nacionalismo de esquerdas.

Eu teño o convencemento, e a certeza (a falar noutro tempo) de que si for posíbel si faríamos, na década dos anos 80, unha aposta polo ensino privado autorganizado e popular en galego.

A defensa da lingua realizada polo nacionalismo deu como resultado a recuperación da lectura e a escrita, pese a debates normativos.

Mais o fundamental non está na lectura e a escrita, o latín e grego son linguas mortas que pódense ler e escribir.

Non fai falla ter estudos de sociolingüística para concluír que a perda da transmisión oral dunha lingua supón a súa morte. A dereita excluínte do reino de España, sabe que cos medios de comunicación impídese o espazo ao galego, e que ás crianzas se lles manipula, vende e fala maioritariamente en castelán.

Resta dicir que estanse a perder falantes, primeiros falantes (as crianzas), de xeito debidamente planificado polo sector unionista español, que usa a escola en Galiza (pública e privada) para limpar calquera uso do galego, e impor o castelán.

A educación infantil pública, impulsada dende o galeguismo, (proxecto de galescolas, e inmersión lingüística nas cidades), na cal a lingua da infancia era o galego, no breve tempo que durou, supuxo a vivencia, e a recuperación de falantes.

Esta situación non foi do agrado dos impositores do castelán, que utilizaron todos os seus recursos mediáticos para recuperar o poder político e pechar os espazos en galego e as galescolas.

Cerca do 65% dos Pais e Nais (na enquisa trampa do PP) manifestaron que queren que os seus fillos aprendan a ler e escribir en galego. Un mal resultado para a dereita española que tenta amañar impoñendo cunha pregunta (¿en que lengua le habla al niño?) ás familias a súa lingua castelá. Pretende ademais, esta dereita, usar ás familias no ensino para impor a toda a cidadanía, como lingua propia (principal) de Galiza, o castelán.

Así convén non esquecer que o ensino público, sostido co diñeiro da cidadanía, está dirixido pola maioría política e económica gobernante, no caso en Galiza a dereita do reino de España.

Por elo e ante a imposibilidade de que haxa un ensino público en galego, agroma unha iniciativa privada, sen ánimo de lucro, de ámbito social, laico e popular: Galiza co Galego.

Por riba da forma da empresa de ensino ou a súa titularidade, está o dereito a educación das crianzas, os dereitos da cidadanía que desexa que os seus fillos/as aprendan en galego.

A educación non é un dereito que se poda postergar, adiar, exercer pasado un tempo, xa que non é doadamente recuperábel. As crianzas aprenden dende que nacen, non agardan a ter os dereitos, teñen que acomodarse ao momento.

Así non son estes dereitos (da educación) como aqueles de indemnización por despido, ou por expropiación forzosa.

Os dereitos das crianzas non poden nin deben agardar, este é tempo de facer, de por mans a obra como dicía Castelao.

Neste mes de setembro mais de mais de 2000 galegas e galegos teñen dado o seu apoio a idea de Galiza co galego, porque é un proxecto de ensino plural, sen ánimo de lucro, popular, laico, social, democrático, integrador, transparente, transformador, universal, de traballo, de valores, de futuro.

Francisco (de Limiar) López presidente da Comisión Promotora de Galiza co Galego

15 de set. de 2010

A mítica banda 'The Zombies' virán por primeira vez a Galicia en outubro

Redacción

A formación inglesa The Zombies actuará o próximo 11 de novembro en Vigo, nun concerto enmarcado no ciclo Xacobeo Importa. A actuación terá lugar na Sala Mondo da cidade olívica e comezará ás 22.00 horas. O concerto de The Zombies súmase aos que ofrecerán en próximas datas Mudhoney, Young Fresh Fellows e Interpol. Deste xeito, un novo nome de culto únese á nómina de grandes artistas que xa pasaron polo Xacobeo Importa, que ofrece unha programación de calidade e variada que abarca os estilos musicais máis diversos.

A banda The Zombies formouse a finais do ano 1959 na cidade inglesa de St. Albans, cando o teclista e compositor Rod Argent se uniu coa voz de Colin Blunstone e o talento compositivo de Chris White. Misturando pop, R&B e algunha pincelada de jazz, empezaron a dar forma a unha banda que deixou numerosos éxitos atemporais. Agora, un dos grupos máis importantes que xurdiu nos anos 60 chega de xira a España e estrease en Galicia para repasar os seus grandes éxitos. Para os que medraron coa súa música ou os coñeceron despois, esta será unha ocasión única para poder goza cos éxitos de The Zombies.

The Zombies son os autores de éxitos como She's Not There, Tell Her e do disco Odessey and Oracle, un traballo que os aproximou á psicodelia, cheo de imaxinación e no que Argent e White alcanzaron o seu cénit creativo. Cancións do talle de Care of Cell 44, Hung Upon a Dream, Rose for Emily, Brief Candles e o clásico Time of the Season convertérono nun disco de culto.

No ano 2005 estiveron actuando en España como cabezas de cartel do Purple Weekend en marzo de 2008, a banda reuniuse en Londres para celebrar o corenta aniversario do seu exitoso Odessey and Oracle, actuando tres noites seguidas no Shepherd’s Bush Empire. O ano pasado chegaron ao festival Azkena Rock de Victoria para compartir cartel con artistas do talle de Alice Cooper ou The Black Crowes.

14 de set. de 2010

Brea

Bruno Marcos

Comezan a apagarse as luces do verán e na luz da intelixencia do mundo apagouse José Luís Brea. Aos que comezamos a transitar as doces pradarías da arte contemporánea nos exultantes anos 90 estas parecíannos un territorio sempre novo cuxo desexo de futuro faría permanecer todo. Entón os textos de Brea foron unha carta de embarque para uns poucos, para unha colección de seres especialmente afectados, dispostos a descifrar neles unha paixón especial que imantara toda esa arcadia de algo posible pero moi improbable. Como último xesto heroico esa comunidade crédula e lúcida tivo o de embarcarse a un novo mar recentemente descuberto no fantasmal interior dos computadores.

Aos poucos esa ilusión e outras han ir desaparecendo, paralizándose, cedendo a súa plasticidade nunha sorte de rigorismo. Namentres preguntabámonos "e que pensará Brea disto?", "por onde verá el a saída?". Nun e-mail dicíame: "o meu esforzo é distinto, non ten case nada que ver con case nada do que ocorre no espazo do sistema da arte".

Pedinlle permiso para publicar en Los Onirocríticos un dos seus últimos textos, "As cinzas do meu volcán", no cal, cun estilo moi belo, presentaba a súa mirada mellor destacando a fermosura da erupción do volcán Eyjafjalla que, con espontaneidade libre, era capaz de paralizar un mundo cuxa complexidade carece dela.

José Luís Brea tomouse a molestia de gastar a súa intelixencia en teorizar a imaxe nos nosos días mentres case todos usufructúan o traxe do emperador. Son malos tempos para morrerse agora cando pouco falta para que se queimen os libros pero, mentres esa comunidade crédula e lúcida que, dunha forma ou outra lle seguimos, termina de espertar do soño de Peter Pan, o seu virus, intelixente, espontáneo e libre, está inoculado nos nosos cerebros que algún día haberán de entrar en erupción como un volcán para que emerxan de novo as súas palabras.

13 de set. de 2010

XXX Congreso Máxico Nacional na Coruña


Redacción

O 6 de setembro arrancou o XXX Congreso Máxico Nacional na Coruña. Non te perdas este encontro no que poderás participar dun ciclo de conferencias con figuras internacionais do ilusionismo, estudosos da historia da maxia coma o neoiorkino William Kalush, ou científicos coma o físico Jorge Mira; ademais terás maxia nas rúas; un ciclo de cine relacionado coa temática; e uns obradoiros para nenos e adultos no que magos profesionais che ensinarán técnicas e xogos máxicos.

Ciclo de conferencias: ‘Maxia e outras disciplinas’
22 de setembro. A Ciencia Física e a Maxia, con Jorge Mira (20:30 h.)
23 de setembro. Ilusión e ilusionismo: como enganar ao cerebro con maxia y outros trucos, con Susana Martínez Conde (20:30)
24 de setembro. A maxia de trucos e enganos dentro e fóra do escenario, con Stephen Macknik (20:30 h.)
25 de setembro. A vida secreta de Harry Houdini, con William Kalush (17:00 h.)

(Entrada libre ata encher capacidade)

IV Festival Internacional de Maxia na Rúa
Do 18 ao 24 de setembro

Ciclo: ‘Maxia e cine’
6 de setembro. F for Fake, de Orson Welles (20:00 h.)(FRA)
13 de setembro. Scoop, de Woody Allen (20:00 h.)(SCO)
20 de setembro. O truco final, de Christopher Nolan (20:00 h.)(TRU)

Consegue a túa entrada mediante reserva anticipada por SMS!
Envía unha SMS ao 7458* co texto MAX (espazo) código da Sede (espazo) código da película (espazo) código de pase (espazo) nº de entradas
*Custo da SMS 0,15 € impostos indirectos non engadidos. Válido para todos os operadores nacionais (Movistar, Vodafone e Orange)

Obradoiros de Maxia
Do 18 ao 26 de setembro
(Grupos para nenos e adultos. 20 persoas máximo.)

Infórmate no 981 18 50 60

Gala de Maxia para cegos
20 e 26 de setembro (18:00 h.)

Infórmate no 981 18 50 60 ou a través de sedecoruna@fundacioncaixagalicia.org

Infórmate aquí do programa completo

O vestiario


María Xosé Lamas

O Golpe e a súa dona, tíos de meus pais, viñan de convidados á casa polas festas de San Ramón. O día do patrón e o da feira non faltaban á cita anual ataviados coas súas mellores galas. O tío José, que nunca cambiaba de talla, traía o seu traxe de tres pezas a raias de cor pardenta e pucha de viseira nova; a tía Remedios, algún vestido estreado para a ocasión acompañado de chaqueta de punto, sempre de cores moi vistosas, e zapatos de estrea.

Mais o vestiario de a cotío era ben diferente. A roupa de a diario tiña tantos remendos que non se sabía cal era a tea orixinal. De nena chamábanme tanto a atención aquelas pezas que lle cheguei a preguntar a miña nai se os tíos eran pobres. Non o eran, pero estaban afeitos a aproveitar o vestiario até que non servira para poñer, pois lembraban os tempos de posguerra no que tiñan que facelo sen alternativa. Esa época marcou a moita xente e orixinou costumes non doadas de erradicar.

Meus pais, que naceron cando a guerra, viviron a infancia durante ese período de pobreza en todos os eidos da existencia e téñenme contado, entre outras cousas, como vestían daquela.

No agro, quen tiña un traxe e un abrigo podíase sentir afortunado. Non existían modas, senón costumes e algunhas “normas” que cumprir en determinadas ocasións. Tampouco na vila había roupa de confección, os poucos comercios cos que se contaba (A tenda da Coxa, O Casavedra, As Tres Bes e Casa Julio) só vendían teas, fíos e complementos de costura. Nas feiras e feiróns, as tendas ambulantes como a da Magdalena, ofrecían tamén tecidos.

Xastres e costureiras eran os encargados de confeccionar a roupa casa por casa, o mesmo que outros profesionais como zoqueiros, carpinteiros, canteiros, afiadores e paraugueiros. Adoitaban coser durante varios días nos que ademais de facer roupa nova, tanto de fóra coma interior, amañaban prendas xa usadas, sobre todo remontaban pantalóns, é dicir, mendábanos con cueiras e a parte dianteira das perneiras –por onde máis se gastaban, con tea nova.

Os tecidos de fábrica variaban moito de calidade e prezo, pero a modo orientativo, a tea de batista para un vestido de muller podía adquirirse por unha peseta, xa que o metro era a real.

As mulleres, en xeral, vestían de xeito moi semellante ao traxe galego do medio rural que hoxe coñecemos por ser utilizado polas bailadoras e cantareiras das agrupacións de música tradicional: faldra longa, chambra, chaqueta ou chaleco e pano da cabeza.

A faldra (de pano, para saír e de candil, para diario) era longa até os nocellos, por enriba da que se colocaba un mantelo curto. A chambra, de liño ou algodón tecido delgado, estaba aberta de arriba a baixo con colo camiseiro e manga longa; adoitaba estar fruncida ou cortada pola cintura para que quedara unha faldriña enriba da saia. O pano de saír era de raso escuro con flores, ao que chamaban “pano de marino”; o de a diario era de batista. Nas persoas maiores a roupa era máis escura, moitas veces moura e substituían ou cubrían a chambra cunha toquilla de ganchillo; quen podía, gastábaa de pelo de cabra, quen non, de la. Estas prendas eran de forma triangular e poñíanse cruzadas no peito e anoadas no lombo.

A roupa interior usada eran os calzóns de algodón, os refaixos de batista e as camisas. Estas confeccionábanse en dúas partes: o cos, de lenzo, e a faldra, que podía ser de calquera tecido.
Habitualmente usaban zocas chinelas que se pulían con area para ir á feira ou á misa.No rural, os zapatos non existían; só se gastaban as zapatillas de pano.

Os homes gastaban roupa interior feita tamén na casa (camisas e calzóns). Como roupa de fóra, chambras chaquetas de dril ou pana, chamadas chamarretas, e pantalóns do mesmo xénero. A diario gastaban tamén zocas calugas, zocos (nalgúns lugares, galochos) e zocas de cana.

O vestiario das mozas e mozos non difería moito do mencionado. Non obstante era costume que as mozas levaran chamarretas e vestidos de batista floreados algo máis curtos (polo papo da perna) e medias de seda, non de punto inglés como as mulleres maiores. Adoitaban usar zapatos de medio tacón e abotinados, sempre negros ou castaños e de cordóns.

Canto aos accesorios, non adoitaban levar bolsos. As maiores usaban faldriqueira e as mozas levaban os cartos envoltos nun pano e metidos no seo.

As nenas vestían de xeito parecido ás mozas, pero coa faldra máis curta e poucas veces usaban zapatos. Os nenos levaban até os quince ou dezaseis anos pantalón curto e medias de la que lles tapaban os xeonllos e que suxeitaban por enriba deles cunhas ligas. Ao pasar desta ideade e até os vinte anos, mais ou menos, xa poñían os pantalóns longos e bombachos. Para saír usaban ás veces uns rudimentarios zapatos de goma, semellantes aos chanclos , de cor marrón.

O roupeiro non variaba en anos e as prendas de roupa aproveitábanse, como se ten dito, até que xa non valían para poñer. Pero non se acababa aí o seu uso. A roupa vella desfacíase en tiras e era utilizada no tear para facer as colchas de trapo.

Hoxe non se recicla. Como moito dóase a institucións de beneficiencia, ou para campañas de recollida co fin de paliar as necesidades provocadas por algún desastre natural ou as guerras. Non estaría mal que nos propuxeramos reducir o noso consumo e reciclar máis, como nos ensinaron a facer os nosos devanceiros. Aí queda a idea para a reflexión…

12 de set. de 2010

Humor

11 de set. de 2010

A reforma laboral: paradigma Lugo

Antón Bao

O informe feito público recentemente pola Fundación CEL – Iniciativas por Lugo con información estatística sobre a realidade socioeconómica das comarcas de Lugo, revela datos interesantes sobre o desenvolvemento de distintos sectores económicos e a evolución sociolaboral lucense.

Relevancia ten que dende 2007 a 2009 a taxa de paro en Lugo se incrementara nun 4%, situándose na marca máis alta nos últimos 5 anos. Relevancia ten que desapareceran 189 empresas. Relevancia ten que en 9 anos, de 2000 a 2009, se pasara de 56 mil persoas ocupadas na agricultura a 24 mil, un descenso de máis do 50%.

Isto é salientable pois é exemplo paradigmático do fracaso flagrante do sistema de economía establecido. Ese sistema que dedicou os seus esforzos a ampliar sensiblemente os beneficios do capital, deixando ao pairo a estruturación dun sistema estable de economía baseada nos sectores produtivos e na creación real de emprego.

Os datos de Lugo indican como foi o sector servizos onde unicamente medrou exponencialmente o número de ocupados pasando en 9 anos de 60 mil a 82 mil. Isto non sería negativo, senón fora por que o crecemento do sistema foi claramente desequilibrado. Medrou o sector servizos, pero ao mesmo tempo diminuíu a actividade no medio rural, cando este forneceu historicamente os alicerces da economía lucense. Agora, nunha situación de desmantelamento xeneralizado, a ausencia dese piar fundamental delimita con maior gravidade o futuro. Ningún país desenvolvido desatende a produción agro – gandeira, ningún país desenvolvido deixa en mans de terceiros a produción de alimentos.

Perante isto, o goberno galego debería ter reaccionado aplicando políticas de recuperación a medio e longo prazo, de xeito que se invertera esa tendencia no sentido de apostar decididamente por recuperar emprego nos sectores lácteo e gandeiro, base indispensable da economía lucense. Desafortunadamente non é así. Da Xunta de Galiza neste asunto, coma noutros, nin se sabe, nin se espera, cando tiña ferramentas creadas (chámese Banco de terras, UXFOR, etc.) polo anterior goberno galego e concretamente pola Consellería de Medio Rural, que sentarían as bases de estratexias de futuro para a nosa agricultura na produción e no emprego. Lamentablemente aí si estiveron rápidos para enterralas ou desmantelalas.

A reforma laboral: “outra vaca no millo”

Permítanme a expresión coloquial para definir as consecuencias que a recentemente aprobada reforma laboral vai supoñer no futuro laboral lucense.

Os datos que ofrece o informe Lugo en cifras da Fundación CEL, indica que as modalidades de contrato no ano 2009 en Lugo foron fundamentalmente os eventuais e os de obra e servizo. En total de ámbolos dous, 43308 contratos. Se lle sumamos as interinidades e os contratos en prácticas chegamos aos 52 mil. Os indefinidos e os de fomento de emprego reducíronse en case novecentos. Este é o tipo de emprego que predomina en Lugo.

Conclusión: non era necesaria ningunha reforma laboral. Xa os modelos establecidos no mercado laboral camiñaban inexorablemente cara aos contratos precarios, cara a empregar fórmulas que facilitaban o despedimento, cara sistemas onde o protagonista non era para nada a creación de emprego estable.

E agora, máis e mellor, unha reforma laboral para debilitar a posición de traballadores e traballadoras e seguramente para que o próximo informe de Lugo en cifras, reflicta unha situación máis preocupante se cabe.

En definitiva unha ofensiva máis do capitalismo. A dereita europea, a dereita española (a real e a disfrazada) reconstrúen o edifico do capital sobre os ombros das maiorías sociais, das traballadoras e traballadores. Reconstrúen o edificio cos mesmos materiais pero aínda máis sólidos.

Velaquí por que as políticas de emprego reciben o nome de “mercado” laboral. Mercado convértese na palabra común para definir todo, mesmo a situación dos traballadores, transformados así en mercadoría. E a mercancía neste mercado tamén se transforma en diñeiro.
Velaquí que sen revolta dos e das traballadoras pódese, producir unha involución dos dereitos laborais logrados en décadas. Detrás dos recortes da reforma laboral oficial, a do goberno, irá a dos convenios colectivos das empresas. Aí está o perigo. Por iso, a folga xeral convocada debe ser un termómetro importante de cómo parar as políticas involucionistas e de cómo buscar alternativas máis xustas.

10 de set. de 2010

Diante da Academia

Xulio Xiz

Cinco veces fun a Vilalba este mes de agosto, sendo para min o record en moitos anos, xa que normalmente acudía un par de veces á miña cidade, pero este ano a actividade aumentou e non só fun ó xurado do Certame e á entrega de premios, senón tamén á presentación dos libros froito do certame do ano anterior, a xantar o mesmo día de San Ramón, e á segunda xuntanza de antigos alumnos da Academia Santa María, catro décadas despois de que esta pechara as súas portas.

Veño de atopar en Lugo a un antigo alumno da Academia, doído por non terse enterado con anterioridade desta xuntanza, o que garante que o ano que ven seremos moitos máis que os sesenta que nos xuntamos este para lembrar o labor daquela academia que conseguiu rachar cos estratos ben marcados daquela colmea social que era Vilalba, de moi difícil cambio de nivel para os humildes. A Academia de Vilalba revolucionou aquel ambiente pechado, no que asomou en tempos de pobreza material e cultural unha auténtica aristocracia cultural da que moitos centos de vilalbeses fomos beneficiarios.

Diante da Academia fotografámonos medio cento de antigos alumnos, con Dona Chari, que hai cincuenta e tres anos depurou o que eu tiña aprendido con Dona Amelia Mato e me preparou para pasar o severo listón do ingreso de bacharelato. Pareciamos medio cento de viaxeiros, deses emigrantes que volven á terra pescudando as súas orixes, moitos de nós vivindo fóra de Vilalba, pero seguindo bebendo os ventos por ela.

Levo moito tempo teimando na conveniencia de que todos os que fomos alumnos daquela Academia nos xuntásemos unha vez ó ano, mentras nos queden forzas, para lembrar o que aquel centro significou. Para lembrar, como eu lembraba co meu amigo vilalbés en Lugo, o prestixio que os vilalbeses tiñamos no Instituto de Lugo cando viñamos examinarnos.

Entre os alumnos capitalinos e da provincia brillábamos de xeito especial os alumnos do Colexio de monxas da Asunción de Sarria, o privado Colexio Muinelo de Taboada, e a Academia Santa María de Vilalba.

Pode parecer que foi unha xuntanza de veteranos vilalbeses animados só pola nostalxia. Foi unha entusiasta reunión de antigos compañeiros, conscientes do que a Academia significou nas nosas vidas, agradecidos por atopar alí un berce para tantas ilusións, no que saciamos tanta sede de cultura e de futuro.

O ano que ven, volveremos, e seremos máis cada vez, polo ben que nos senta a todos.

9 de set. de 2010

XII Encontros para a Normalización Lingüística


Redacción

Os días 23 e 24 de setembro celebraranse os XII Encontros de Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, do Consello da Cultura Galega. Trátase dun foro anual de reflexión, estudo e debate dirixido a profesionais, docentes e estudosos da normalización lingüística e a interesados na problemática e nas políticas lingüísticas en Galicia. Terán lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Pode facerse a inscrición aquí.

San Ramón 2010

Martín Seco García

Dende o Grupo Municipal Socialista, como ven sendo habitual dende fai moitos anos, queremos recordarlles os nosos veciños, a nosa posición sobre a necesidade de que as festas patronais de San Ramón e Santa María sexan organizadas polos nosos responsables municipais, ó igual que o fan con outros actos festivos como é a celebración do FIV. Esta esixencia, queremos facela sen ánimo de entrar en ningún tipo de valoración da celebración das festas deste ano e respectando coma sempre a labor desinteresada que levan a cabo os membros da Comisión de Festas, que dende aquí, como veciños de Vilalba, agradecemos.

Antes de que a organización das festas de 2011 bote a andar, queremos solicitar dos nosos gobernantes a valentía política que fai falla para asumir a responsabilidade de organizar unhas festas dun pobo de máis de 15000 habitantes, que esixe unha maior profesionalidade nos nosos dirixentes, e unha capacidade de organización de eventos que ata o de agora o señor Criado e os seus compañeiros de partido non amosaron, agochándose nas sucesivas comisións de festas para esquivar as posibles responsabilidades da organización dun evento desta magnitude.

Facémolo porque teñen a súa disposición, toda a maquinaria necesaria para programar unhas boas festas, porque contan co tempo necesario para tal fin e teñen ó seu alcance os medios necesarios para coñecer as inquietudes dos nosos veciños. Por suposto que dita organización, debería ter en conta as forzas vivas da nosa vila e o sentir social do noso concello, polo que se debe de involucrar nesta organización, as asociacións existentes en Vilalba e porque non, involucrar tamén a aqueles veciños que desexen participar, formando parte da comisión de festas, sen perder por parte do concello, a responsabilidade última da organización dun evento tan importante para os vilalbeses.

Unhas festas como as patronais do noso concello, que xa obstentan unha categoría importante, non pode estar a expensas de que un grupo de veciños, poida ou non, mostrar a súa dispoñibilidade a organizalas, nin estar a espera de que ese grupo de persoas o faga dun xeito acorde cos gustos dos nosos cidadáns, este peso só pode recaerlle a aqueles que se presentaron a unhas eleccións para representar públicamente os seus veciños e foron elexidos para tal fin, polo tanto, teñen a resposabilidade de asumir o desgaste da organización dun evento deste nivel e saber encaixalas críticas ou os alagos que surxan da súa xestión, do mesmo xeito que dende o concello, lévase a cabo a organización dun festival como o FIV, cun éxito relativamente baixo de convocatoria, para a elevada cuantía, “40.000 euros”, invertida nun festival que endulza os gustos musicais de moi poucos dos nosos veciños, pero que dende o grupo de goberno lévase a cabo para contentar a uns poucos veciños.

Dende o noso Grupo, e coma sempre, amosamos a nosa dispoñibilidade absoluta para colaborar co grupo de goberno do PP para tal fin.