O popular na obra de Cunqueiro

Redacción.-

O xoves día 2 de xuño celebrarase en Lugo o segundo dos once faladoiros do programa do Centenario Cunqueiro (1911-2011) organizado polo Consello da Cultura Galega. Os escritores Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Antonio Reigosa e Armando Requeixo falarán sobre “O popular na obra de Cunqueiro”. O faladoiro comezará ás 19´30 horas na Aula Sociocultural Novacaixagalicia, sita na Praza de Santa María, en Lugo, e será presentado por Ramón Villares, Presidente do CCG.

O programa organizado polo Consello da Cultura Galega inclúe outros nove faladoiros sobre a figura e a obra de Álvaro Cunqueiro, en Santiago (16 de xuño) e nos meses seguintes en: Ourense, Mondoñedo, Ortigueira, A Coruña, Barcelona, Pontevedra, Ferrol e Vigo.

31/05/2011

A patria dos poetas

Mario Paz González.-

Dicía Rimbaud que todo poeta faise vidente por un “longo, inmenso e razoado desamaño de todos os sentidos”. E é ese estado especial, podería engadirse, o que o converte nun ser excepcional, capaz de ver máis aló de onde alcanzan os outros. Por iso, non deixa de sorprender o feito de que unha das anécdotas máis insólitas e absurdas da Historia europea fose protagonizada, precisamente, por un poeta, o italiano Gabriel D’Annunzio.

Co fin da cruenta Primeira Guerra Mundial, e tras o desapracible Tratado de Versalles que tantos males habería de procrear, algúns sectores nacionalistas radicais de Italia reivindicaron a soberanía de Fiume (a actual Rijeka da costa dálmata), unha cidade ocupada tanto polas tropas do acordo como por soldados italianos, e que corría o inminente risco de pasar a mans do novo estado iugoslavo. Como os posibles conatos de rebelión supuñan un serio perigo para a recentemente instaurada paz mundial, e a tensión e a aspereza nas negociacións ían en aumento, un imperioso e xa entón moi recoñecido poeta chamado Gabriel D’Annunzio, alentado tanto por amplos sectores conservadores, como por algúns outros ligados aos movementos sindicais, decidiu tomar cartas no asunto e partir cara a Rijeka desde a localidade trentina de Ronchi Valsugana ao berro de “Fiume ou morte”. Acompañábano varios membros dos “arditi”, ou corpos de elite de exército italiano, xunto con todos aqueles voluntarios que se foron sumando polo camiño. Deste xeito, o 12 de setembro de 1919 foron recibidos pola poboación de Fiume provocando a fuxida das outras forzas internacionais que desexaban evitar todo conflito.

Como, antes que político, D’Annunzio era un afervoado esteta, compraceuse en autoproclamarse “Comandante” da cidade e chegou a instaurar unha especie de calendario de celebracións cargado de cerimonias e desfiles que buscaban contaxiar o seu entusiasmo conquistador e visionario a toda a poboación. Así, ao mesmo tempo que enxalzaba a forza, a decisión e a mocidade, desde o balcón do concello, daba complicadas arengas, infestadas da súa exquisita retórica, nas que interpelaba á poboación, que, ademais, podía responderlle.

Pero, pouco satisfeito coas xestións conducentes á incorporación a Italia e ante a ameaza de bloqueo por parte das potencias aliadas, decidiu crear por conta propia un Estado libre do que se autoproclamou máximo dirixente -léase ditador- e no que toda disidencia habería de ser duramente reprimida. Con este fin redactou unha especie de despropósito legal chamado Carta de Carnaro, axudado polo dirixente sindical, e seguidor de Mussolini, Alcete de Ambris, quen habería de darlle armazón xurídica. Neste texto chafalleiro e incompleto, pero cargado de metáforas, símiles, prosopopeas e todo o instrumental retórico tan do gusto de D’Annunzio, proponse unha nova organización social corporativista dividida en función das nove musas, máis unha décima que o poeta sacou da manga, a Enerxía. De todos eles, o grupo social máis exquisito, o que estaría por riba dos outros e, por tanto, o máis propicio para exercer as tarefas de goberno, ía ser o dos creadores e poetas. Ademais, aínda que proclamaba a igualdade de sexos, a educación gratuíta e un sistema de pensións para os máis desfavorecidos, en realidade estaba a encubrir unha sombría ditadura de facto, pois o Comandante, baixo o seu porte patricio e os seus suaves ademáns, posuía unha inquietante e absoluta capacidade de decisión sobre todo e sobre todos.

O Tratado de Rapallo, asinado en novembro de 1920 por algunhas potencias participantes na guerra, declarou a anexión de Fiume a Italia, o cal non satisfixo do todo a un fachendoso D’Annunzio que, amparándose en non se sabe que lexitimidade, aínda se atreveu a declarar a guerra ao seu propio país. Con todo, tras un breve tiroteo co exército italiano, o Estado libre de Fiume capitulou e a curta aventura do poeta habería de pasar case definitivamente ao esquecemento.

Pero só case. A patria dos poetas froito do “desamaño dos sentidos” de Gabriel D’Annunzio habería de deixar un sinistro legado. Xea o sangue pensar por que escuros pasadizos móvese a alma humana e en que lugares pode agacharse emboscado o máis insondable dos perigos. Tamén como é posible que a mesma persoa, culta e instruída, dotada deses suaves modais de cortesía antiga, capaz de manifestar unha tenra paixón polas artes e os máis exquisitos refinamentos produto dunha educación elevada poida, ao mesmo tempo, carecer de todo escrúpulo, de todo remorso á hora de someter a unha pequena poboación ou a un país enteiro. As camisas negras dos seus arditi, o saúdo romano imposto polo poeta, a idea de supeditar o individuo ao Estado, a ideoloxía sempre en proceso exposta na súa Carta de Carnaro ou o himno que interpretaron ao entrar na cidade, “La Giovinezza”, haberían de ser admirados por moitos outros refinados intelectuais europeos cando foron retomados e imitados até a hipérbole, dotándoos de inusitada monstruosidade apocalíptica, por Mussolini no seu Partido Nacional Fascista en Italia, máis tarde, por Hitler en Alemaña e polos fascistas españois da Falanxe.

Presentación do poemario 'Da Chá ao Lonxe'

Redacción.-

O vindeiro venres, día 3 de xuño de 2011, ás 20,30 horas, no Centro Cultural e Recreativo, o Instituto de Estudios Chairegos organiza o acto de presentación en Vilalba do libro de poemas “DA CHÁ AO LONXE”, de Rafael Yáñez. No acto intervirán o propio Rafa Yáñez e Chema Felpeto.

En palabras do autor o poemario Da Chá ao lonxe “…é un libro íntimo e cheo de morriña, como se fose deseñado polos ollos de neno que xa non teño aderezado coa visión crítica de adulto. Nel xúntase a impotencia ante os feitos da vida co optimismo de ter que vivila e saber que hai un lugar onde xa se foi feliz”.

RAFAEL YÁÑEZ JATO é Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e membro do Grupo Bilbao. Ten publicados os seguintes poemarios: “Onte Chovía” e “Lembranzas e olvidos dun estraño”. Actualmente vive en Madrid e traballa na Universidade Complutense.

30/05/2011

O consenso necesario do PSOE

Moncho Paz.-

Superada a gran resaca das eleccións municipais e autonómicas do pasado domingo, o Comité Federal do PSOE que se reúne hoxe en Madrid abrirá o proceso de sucesión de Rodríguez Zapatero. Todo parece indicar que o vicepresidente Pérez Rubalcaba será a única alternativa e, polo tanto, confirmaráse como o candidato socialista á presidencia do Goberno nas lexislativas de 2012.

Hai que lembrar que unhas eleccións non se gañan ou se perden polo ben que o fai a Oposición, senon polo mal que o fai o Goberno de turno. Neste caso, ao executivo presidido por Zapatero tocoulle emprender unha serie de reformas estruturais que non foron ben acollidas por boa parte do seu electorado. Unhas medidas necesarias para saír da crise e que, paradoxalmente, beneficiarán ao PP e á axenda oculta de Rajoy.

Esta foi unha semana realmente complicada para o PSOE, que nos recentes comicios obtivo os peores resultados da súa historia. Tras varios días de “dimes e diretes”, con declaracións cruzadas entre destacados dirixentes e incluso intrigas protagonizadas por algúns deles, a serenidade e o sentido común chegaron o xoves da man da ministra Carme Chacón. Na rolda de prensa convocada con urxencia na sede de Ferraz anunciaba a súa retirada para non perxudicar ao partido nin ao seu líder provisional, o actual secretario xeral e presidente do Goberno. Deste xeito, queda descartada a fórmula americana das primarias e finalmente triunfará a opción dun congreso, plantexada por Patxi López e os afíns a Alfonso Guerra, no que se definirá a nova estratexia política para os vindeiros anos.

Coido que un bo desenlace deste proceso sería un tándem Rubalcaba-Chacón, que sumaría a experiencia e capacidade de traballo do vicepresidente co aire fresco e a conexión coas novas xeracións que representa a ministra. Tamén serviría para non escenificar diferenzas de cara á opinión pública e dar a imaxe de proxecto en reconstrucción. Unha candidatura de consenso que fuxa das confrontacións internas e facilite o camiño para recuperar a ilusión e o desencanto. En todo caso, as solucións que se adopten hoxe deberán basearse nun debate construtivo, decisivo para replantexar a estratexia política do partido fundado polo galego Pablo Iglesias na Casa Labra de Madrid en 1879.

28/05/2011

O convento de San Francisco no Museo

Redacción.-

O sábado, 28 de maio, como todos os sábados ás 11:00 horas, (desde o 9 de abril ata o 28 de maio), o Departamento de Didáctica do MPLugo organiza visitas guiadas para todos os públicos ás dependencias do antigo convento de San Francisco (igrexa, claustro, cociña e refectorio) con motivo celebrarmos o 80º aniversario da declaración como BIC deste singular edificio. A visita é gratuíta e non é precisa inscrición previa.

27/05/2011

Eudanza no Teatro Arte Livre o sábado 28

Redacción.-

O sábado 28, no Teatro Arte Livre, na Rúa Vázquez Varela, 19, de Vigo, ás oito da tarde terá lugar a única función de Eudanza. O grupo Eudanza nace dun proceso de procura e investigación desenvolvida desde hai máis de 30 anos no centro de innovación e integración neuropsicopedagógico "O Pelouro".

Este proceso foise consolidando ao longo dos anos na formación do grupo *Eudanza dirixido pola bailarina, *danzaterapeuta e filósofa Laura Llauder.

Este grupo nace da procura de novas vías de expresión no campo da psicodanza e danza contemporánea. É, xa que logo, un exemplo de Integración "vivo", dinámico,de todo neno, onde se establece un armazón relacional verdadeiro e de fondo. Sendo a danza a ferramenta e a canle expresiva para a manifestación das emocións desde a trama relacional. O grupo diverso baila nun mesmo espazo-tempo desde o seu máximo potencial vital e creativo.

O grupo Eudanza participou en divesos eventos, festivais internacinales (Macuf,Integrarche, Artes non Camiño...), performaces, congresos internacionais,intervencións en prazas e rúas... Actuou no palco da Praza de San Marcos de Venecia e en diversos lugares da cidade dentro do programa do entroido veneciano .

O espectáculo que agora presentan, "Corpos en Trama", nace do proceso creativo como acontecemento. É unha procura desde o imprevisto ,o risco, o encontro cun mesmo e co outro. Desde a trama relacional da diversidade ,é un acto de creación facéndose. É un porse no lugar do outro desde un proceso interno de veracidade onde a xestualidade e a vida cotiá alcanzan a súa esencia. É un diálogo,un sentir conxunto desde o potencial interno que transcende ao outro. É un encontro co instrumento-obxecto cotián como ligazón e cúmulo de vivencias. Integrando a diversidade de cada ser desde o seu sentir profundo e as súas múltiples manifestacións.

Entrega de Premios do "XV Benjamín Paz"

Redacción.-

O venres, día 27 de maio de 2011, ás 19,30 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, o CEIP “Antonio Insua Bermúdez”, organiza o acto de entrega de premios do XV Certame Literario e de Debuxo Benjamín Paz, que convocou coa colaboración da Asociación de Minusválidos “Benjamín Paz” e o propio Centro Cultural Recreativo, e que ten como fin primordial e fundamental o de lembrar a figura de Benjamín Paz Cordal.

O acto entra dentro tamén das actividades que o noso Colexio programa co gallo das Letras Galegas tendentes a fomentar a creatividade artística e literaria, por un lado, e a potenciar o idioma galego cara a consecución da súa plena normalización, por outro.

Para comezar o programa o Grupo de Teatro da ANPA do Colexio, dirixido por Estrella Naseiro, porá en escea a obra “Historias do Parque “.

A continuación darase lectura á acta do Xurado e levarase a cabo a entrega de premios. Complétase o programa cun pequeno recital poético a cargo de alumnos e alumnas gañadores no Certame.

MODALIDADE
CATEGORÍA
TÍTULO
AUTOR/A
COLEXIO
PREMIO
POESÍA
1º CICLO
CANTA PAXARIÑO
JOSÉ EDUARDO LOSADA LÓPEZ
CEIP  “A. INSUA BERMÚDEZ”- VILALBA
1º PREMIO
POESÍA
2º CICLO
SOÑOS
UXÍA GATO DÍAZ
CEIP  “A. INSUA BERMÚDEZ”- VILALBA
1º PREMIO
POESÍA
3º CICLO
MATRIUSKA NA AULA
SARA LEAL REY
CEIP "MANUEL MATO VIZOSO"-VILALBA
1º PREMIO
A PRIMAVERA
ANDREA PARDO PERNAS
CEIP “A. INSUA BERMÚDEZ"-VILALBA
ACCÉSIT
NARRATIVA
1º CICLO
O COELLO E O FOTÓGRAFO
ANDRIÁN ROUCO INSUA
CEIP “A. INSUA BERMÚDEZ"-VILALBA
1º PREMIO
NARRATIVA
2º CICLO
O PINCEL MÁXICO
MANUEL FRANCISCO LAMELA GÓMEZ
CEIP "A. INSUA BERMÚDEZ"VILALBA
1º PREMIO
A FOLLA PINTA E O CARBALLO GRANDÓN
EVA SANMARTÍN VÁZQUEZ
CEIP “A. INSUA BERMÚDEZ"-VILALBA
ACCÉSIT
NARRATIVA
3º CICLO
TRAS A TEMPESTADE VÉN A CALMA
SAMUEL MONTERO COEDO
CEIP "A. INSUA BERMÚDEZ"VILALBA
1º PREMIO
O SOÑO QUE SE COOU NA REALIDADE
SARA LEAL REY
CEIP "MANUEL MATO VIZOSO"-VILALBA
ACCÉSIT
O SEGREDO DO RÍO
ALDARA VILLARINO VILLARINO
CEIP "A. INSUA BERMÚDEZ"VILALBA
ACCÉSIT
DEBUXO
INFANTIL 3 ANOS

LUCÍA VÁZQUEZ LOZANO
ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL - VILALBA
1º PREMIO
DEBUXO
INFANTIL 4 ANOS

ANTONIO MÉNDEZ HERNÁNDEZ
CEIP "MONSEIVANE"-MOREDA-LANZÓS
1º PREMIO
DEBUXO
INFANTIL 5 ANOS

AITANA GESTO REGO
ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL - VILALBA
1º PREMIO

Así mesmo, nestes días o CEIP “A. Insua Bermúdez” edita un novo número da revista escolar A PRAVIA, coincidindo co mes das Letras Galega, e que fai o número 62.

Os principais temas que aparecen na mesma son: un traballo sobre o escritor homenaxeado este ano, Lois Pereiro, que inclúe pasatempos e cómic sobre a súa figura; unha entrevista a Alejandra Vázquez Noche, presidenta da Banda de Música; unha ampla reseña do XV Certame Benjamín Paz; os traballos das aulas; as noticias do Cole; os nosos murais; a páxina de APA; un traballo de investigación; o homenaxe a dous mestres do Cole que se xubilan: Tino Fernández, director e titor de 5º, e Inés Lagüela, titora de 6º; o apartado de recensións de libros lidos por membros do equipo de redacción e que leva por título “Que lindo é ler!”, e un recordo especial para David Noche, alumno de 4º deste Centro que nos deixou para sempre no mes de marzo.

A revista repártese a tódolos membros da comunidade educativa, aos centros educativos da bisbarra, ás institucións e aos organismos públicos, asociacións culturais, medios de comunicacións, etc.

Primeira proba da Copa Lugo de Ciclismo

Redacción.-

A primeira proba da Copa Lugo de Ciclismo para principiantes, alevíns e infantís disputarase o vindeiro sábado no circuíto da Pastoriza a partires das 16:30 horas A PASTORIZA, 26 de maio de 2011. O delegado de Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta mañá no circuíto de karting da Pastoriza á presentación da primeira proba da Copa Lugo de Ciclismo para principiantes, alevíns e infantís que se disputará o vindeiro sábado neste mesmo escenario a partires das 16:30 horas. Ao acto de presentación tamén asistiu a tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira; Juan Paz, directivo do Club Ciclista Cidade de Lugo, e David Castro, coordinador das categorías inferiores do club. Antonio Veiga destacou que esta Copa Lugo de Ciclismo vai no camiño "de lograr unha promoción entre as categorías de base dun deporte tan esixente como o ciclismo, dentro do obxectivo xeral de promover o deporte desde a base que sempre tivemos presente desde a Deputación", e que o seu éxito está asegurado porque "a organización corre a cargo dun Club Ciclista que conta cunha ampla experiencia e traballo de base, polo que agardamos que esta primeira proba, que se disputará aquí na Pastoriza este sábado, sexa un éxito". A Copa Lugo disputarase en 4 probas puntuables para os equipos galegos federados que participen, que se calcula que moverán a máis de 100 nenos e nenas: a primeira, o 28 de maio na Pastoriza no circuíto de Kartíng, a segunda o día 11 de xuño en Rábade, a terceira, o día 15 de agosto en Outeiro de Rei e a cuarta, o 8 de outubro en Lugo, no G.P. San Froilán. Os premios serán entregados ao gañador final da copa por categorías e irán puntuando outorgándoselle maillot de líder en cada unha, polo que, segundo explicou Juan Paz, os nenos e nenas terán unha motivación para ver nas probas unha especie de carreira por etapas. Para os vencedores na infantil e alevín, o primeiro premio será un xogo de rodas, para o segundo, un casco, e para o terceiro unhas gafas e no caso dos principiantes, cada vencedor levará un casco.

26/05/2011

Hoxe chove

Fuco Paz Souto.-


Hoxe é luns 23 de maio. Primavera. Onte era 22. Hoxe foi un día de sol pero non sei o porqué. Non mo preguntes, non sei responder. O caso é que chove, e chove, e non para...

Hoxe chove…
Lágrimas de ilusión perdida
Sorrisos de inocencia eterna
Guiños de desilusión manifesta
Hoxe chove
Sobre calzadas eternas
Sobre cabanas de palla morta
Hoxe chove
Sobre homes e mulleres
Sobre vellos e vellas
Sobre nenos e nenas
Sobre adolescentes…
Hoxe chove…e chove…e chove
E non se ve a auga, nin se sente, nin molla
Pero chove e chove
Sobre un sol radiante, de primavera
Sobre unha falsa esperanza
Sobre ideas ben argalladas
Sobre faladoiros preñados de verdades
(…)E chove, e chove, e non para…
Non escampa
Nubes negras sobre nubes brancas…
E ti e mais eu
(…)sen paraugas.

Vilalba en Movemento 2011

Redacción.-

Vilalba en Movemento 2011 é unha exhibición de perto de 400 nenos e nenas de 2 a 18 anos provintes de Escolas de Danza de Lalín, A Estrada, Teo, A Ramallosa, Santiago e Vilalba que se achegan ao noso pobo para pasar un día de convivencia coas alumnas da nosa Escola de Iniciación ao Movemento e ao mesmo tempo facer una demostración do que traballan durante o ano.
Estas nenas e nenos farán unha exhibición de baile moderno o sábado 28 de maio ás 19:00 h no Auditorio Municipal de Vilalba.

III Certame de Pintura Rápida de Vilalba

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba convoca o III Certame de Pintura
Rápida, de acordo coas seguintes Bases:

1. LUGAR E DATA DA CELEBRACIÓN
Sábado, 4 de xuño de 2011, en Vilalba (Lugo)
2. PARTICIPANTES
Poderán participar todos os artistas que o desexen. Acudirán provistos do material necesario, incluíndo o cabalete onde se exporá a súa obra.
3. SOPORTE
Só se admite un soporte por concursante. A tea, papel ou taboleiro debe estar montado sobre bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados.
4. SELADO
Os participantes presentaranse o mesmo día do Certame na Praza da Constitución de Vilalba entre as 9:00 e as 11:00 horas para o selado e numeración do soporte. Os que o desexen poderán selar dous soportes, aínda que só poderán presentar un a concurso.
5. TEMA
O casco urbano de Vilalba e Paseo Fluvial e zona recreativa da Madalena. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo pintor (in situ) e ha ser perfectamente recoñecible, non aceptándose o uso de fotografías, reproducións, etc. para a realización do mesmo. A organización supervisará a situación de cada participante.
6. TÉCNICA
As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e acuarela.
7. ENTREGA E EXPOSICIÓN
O Certame remata ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos sen asinar nos soportais da Praza da Constitución para seren expostos a continuación nos seus cabaletes. Membros da organización recollerán dende as 16:00 horas as obras de aqueles que o desexen.
8. XURADO
O Xurado estará composto polo Presidente do Instituto de Estudos Chairegos (ou persoa en quen delegue) e dúas persoas relacionadas co mundo da Arte.
9. DITAME E ENTREGA DE PREMIOS
O Xurado reunirase unha vez expostas as obras para elixir as premiadas. O ditame, que será inapelábel, darase a coñecer sobre as 19:00 h., procedendo de contado á entrega dos premios. As persoas premiadas deberán asinar as súas obras.
10. PREMIOS
O Certame estará dotado cos seguintes premios:
1º: 1.200 €
2º: 900 €
3º: 700 €
Concederanse tamén dous accésits de 500 € cada un e patrocinados por:
* TAR Asesores-Librería Pergamino2
* Representaciones Cabarcos.
O Xurado poderá declarar deserto algún dos premios ou accesits.
11. PROPIEDADE DAS OBRAS
As obras premiadas pasarán a ser propiedade das entidades que outorguen os premios, que tamén se reservan os dereitos de reprodución.
12. EXPOSICIÓN E VENDA
As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público até as 20,00 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento.
13. CONFORMIDADE
A participación supón a plena aceptación das presentes bases, así como calquera modificación sobre as mesmas que redunde no beneficio do Certame.

25/05/2011

Morte ao mundo verdadeiro

O «mundo verdadeiro» -unha Idea que xa non serve para nada,
que xa nin sequera obriga, -unha Idea que se volveu inútil,
superflua, por conseguinte unha Idea refutada: eliminémola!
(Día claro; almorzo; retorno do bon sens e da xovialidade;
rubor avergoñado de Platón;
ruído do diaño de todos os espíritos libres)


Friedrich Wilhelm Nietzsche

David G. Casado.-

Atópome ilusionado pola mera certeza da capacidade cidadá para organizarse e organizar modelos alternativos pero por outro con certas dúbidas sobre a capacidade de que o pensamento libre, a libre asociación e a asemblea convertanse en procedementos e órganos crave dun novo modo de facer política, ou máis ben políticas e sobre todo, e de modo máis importante de transformar os valores e desmontar a(s) farsa(s) que constitúen o "mundo verdadeiro".

Se fai falla coraxe para desprenderse da tiranía do material, é tamén grande o que se require para soster unha crítica inmanente do pensamento, do noso pensamento, abrindo paso á execución do posible como única realidade, eventual, existente. A posibilidade que está ao servizo de si mesma, como un irresistible lume que propaga a diversidade do pensamento e fulmina a cobertura moral que protexe a todo discurso dominante.

Chegou o momento en que todos as farturas atoparon unha soa voz, múltiple, como non pode ser doutro xeito e é tarefa agora de manter esa voz activa, como un recordatorio afiado de que é posible transformar os valores e as institucións que os protexen.

Imaxe: Susana Vera/Reuters

24/05/2011

Presentación de 'Os trobadores de Occitania'

Redacción.-

O videiro venres, día 27 de maio de 2011, ás 21 horas, no Centro Cultural de Vilalba, o Instituto de Estudios Chairegos organiza o acto de presentación en Vilalba do libro “OS TROBADORES DE OCCITANIA”, edición, escolma e traducións de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán o propio Darío X. Cabana e Manuel Roca Cendán.

Entre o ano 1100 e as décadas finais do século XIII a lingua occitana ou provenzal serviu de vehículo a unha poesía lírica de extraordinaria beleza e dunha complexidade e perfección formal superior á de todas as anteriores de calquera parte do mundo. Por outra banda, esta poesía traía consigo unha auténtica revolución do sentimento: a nosa concepción do amor naceu cos trobadores, e non só a concepción do amor, senón tamén a da liberdade sexual, e mesmo a semente da igualdade entre os homes e as mulleres.

A poesía dos trobadores occitanos está na base das outras grandes líricas europeas medievais, nacidas a partir dela e en boa parte grazas ao seu exemplo: a francesa en lingua de oíl, a alemá do Minnesang, e finalmente a galega que floreceu non só en Galicia e Portugal, senón tamén nos reinos de León e Castela.

A través da experiencia do Dolce Stil Nuovo e do Petrarca, o espírito dos trobadores occitanos continúa sen interrupción na lírica do Renacemento e chega sen ruptura aos nosos días.

Esta escolma comprende máis de 180 poemas duns oitenta trobadores que van dende o duque Guillerme IX de Aquitania, auténtico fundador da poesía moderna europea, até o crepuscular Guiraut Riquièr, pasando por Jaufré Rudèl, Marcabrú, Bernart de Ventadorn, Raimbaut d’Aurenga, Guiraut de Bornelh, Guilhem de Berguedan, Arnaut Danièl, Bertran de Bòrn, a Condesa de Dia, Raimbaut de Vaqueiràs, Pèire Vidal, Uc de Sant Circ, Sordèl, Pèire Cardenal ou Cerverí de Girona.

A edición é bilingüe, cos textos occitanos establecidos e ortografados polo propio tradutor a partir das mellores edicións críticas, e cunha tradución en verso (que é a principal), feita á maneira das anteriores traducións poéticas de Darío Xohán Cabana, é dicir, en verso rimado, coma as d’A Divina Comedia, a Vita Nuova, o Cancioneiro de Francesco Petrarca ou a Antoloxía do Doce Estilo Novo. Ademais, acompáñase unha tradución literal para servir de chave de acceso á lectura dos textos orixinais. Os textos poéticos están precedidos por un amplo limiar histórico e literario, e seguidos por un apéndice no que, á parte das notas filolóxicas e eruditas convenientes para profundar nos textos, figuran biografías e análises críticas dos trobadores escolmados.

A parte central da obra, é dicir, a que contén os poemas, ten un deseño especial do propio autor, a catro columnas por plana, contendo as páxinas pares os textos orixinais e as traducións literais, en dúas columnas desiguais, e as páxinas impares, simétricas, as traducións en verso xunto con algunhas notas de lectura.

A poesía dos trobadores occitanos está aínda viva, e é un dos feitos fundamentais da historia literaria de Europa e do mundo. Para nós, os galegos, é aínda máis importante se cabe, pois a nosa poesía medieval, fundamento da nosa identidade literaria, é en certa maneira filla natural e lexítima dela. Esta antoloxía, unha das máis extensas que existen e única no mundo pola forma das súas traducións, é un recoñecemento desa débeda impagable.

Pestilence en Vigo o 29 de maio

Redacción.-

A xira de Pestilence de 2011 desembarca na Sala Mondo de Vigo o domingo 29 de maio para satisfacción dos metaleiros fans deste xenial grupo holandés. Formáronse en 1986 practicando un thrash bastante escuro, sendo o seu primeiro álbum "Malleus maleficarum" representativo do seu primeiro son. En 1989 editan "Consuming impulse", moito máis orientado ao death metal, aínda que non sería até "Testimony of the ancients" cando asentaron a súa destreza musical e puxéronsen á cabeza do death europeo conseguindo miles de fans por todo o mundo. En 1993 editan o que sería o seu mellor e máis controvertido disco, "Spheres", onde experimentarían co metal progresivo, o jazz e a fusión concibindo un traballo excelente na onda de grupos como Cynic. Despois do seu recompilatorio "Mind reflections", en 1994, o grupo sepárase para abordar novos proxectos. En 2006 o discográfica Metal War editaría un disco en directo e un recompilatorio de primeiras gravacións que sería o preludio para a definitiva reunión da banda en 2008, dando a luz o ano seguinte o que é a súa volta ao death metal característico da banda co seu disco "Resurrection macabre". Pestilence volveron para quedar, e o gran Patrick Mameli e os seus seguro que non han defraudar nesta gran oportunidade de ver a súa calidade e a presentación do seu novo disco "Doctrine" en directo.

VENDA DE ENTRADAS:
- Tipo Vigo
- Pub Hangar 77
- A Costa do Marinheiro
- Loita Underground
- www.breakpoint.es
- www.laboleteria.es

Voto en branco

María Xosé Lamas.-

É un dereito de todo cidadán manifestar a súa desconformidade coa cor branca.
A cor branca da lucidez, como nos ensinou no seu ensaio José Saramago. Un ensaio utópico, tal vez, pero que hoxe se está a manifestar real nas nosas prazas públicas. Acaso máis ousado, máis ostentoso e significativo que no “romance”, por ser máis real.

Quizais sexa necesario no proceso da lucidez, pasar polo desencanto do resto das cores –vermella e azul, sobre todo– para chegar a conclusións nunca pensadas, pouco pensadas, pensadas pero até agora non concibidas por pudor, ou medo… Pero aí están as manifestacións cívicas a amosarnos que indignarse é tan posíbel coma necesario.

Que outros, ben sabidos, sigan a colonizar mentes, a espallar falsas ideoloxías con promesas que nunca serán feitos. Os lúcidos seguiremos a vestir a cor da pureza reivindicando o que é preciso, sermos cidadáns de primeira man, libres con dignidade e goberno para escoller o que queremos e necesitamos: unha democracia real.

Dende aquí, un lugar afastado e ignorado, a miña voz quere erguerse a favor desa mobilización da que me sinto parte activa, a favor da liberdade, da posibilidade de ver e vivir a existencia doutro xeito, sen fronteiras ideolóxicas que alienen a vida, dende unha visión horizontal do “poder” que a tantos manca.

Acaso fique todo en auga de borrallas; acaso a nosa voz cansa de berrar se volva rouca; acaso os “fortes” enfraquezan o noso espírito ou o intenten… Pero aquí estaremos. Permaneceremos cos ollos abertos e as mans estendidas amosando solidariedade para acadar a forza necesaria e non ousen a menosprezarnos. Somos moitos e moitas e cada día nos erguemos e medramos como a espuma invadindo os eidos dos que quere empurrarnos cara ao abismo.

“Aivemos, disse o cão” (Livro das Vozes)…! Ouveemos, pois, e acadaremos facernos oír.

“Ánimo, compañeiros, toda a terra é dos homes!” (Rosalía de Castro)
Saúde, terra e INDIGNACIÓN!

23/05/2011

Revista de prensa: EL PAÍS

Regresa a dereita?

Antón Baamonde.-

O venres, España estaba máis preto da quebra, ou do rescate, como prefiran. As dúbidas sobre Grecia e as imaxes do movemento do 15-M púñanlles os dentes longos aos especuladores. Vivimos tempos nos que non sabemos o que nos espera. Non nos atrevemos nin a imaxinalo. A onda de desafección cidadá esténdese ante o fenomenal asalto ás precarias condicións do Estado de benestar. No Obradoiro podíanse ouvir cousas dispares, unhas desatinadas e outras razoables. Dous días antes, Merkel dicía sen rebozo que non pode ser que os españois se xubilen antes e teñan máis vacacións que os alemáns. É mentira, pero non importa. Un pouquiño máis e o di directamente “esa panda de lacazáns que viven do noso diñeiro”. Ao tempo, un perigoso grupo terrorista, formado por sabios xermanos, suxería que habería que porse a traballar até os 69. Non sabemos o que nos espera. Mentres, rende a sensación de estafa.

Nesas circunstancias, onte houbo un tsunami, un envorco na paisaxe española. O PP varreu. Era bastante difícil que fose doutro xeito. A xente agárrase a calquera esperanza, aínda que a confianza sexa un ben cada vez máis escaso. Ademais, os votantes do PSOE están a facerse vellos e ás novas xeracións ninguén lles contou en que consiste ser progresista. E o PSOE, talvez menos que ninguén. Subir impostos aos ricos, redistribuír, cousas básicas do marco mental da esquerda, parecen hoxe dun atrevemento insólito. Impúxose na esquerda unha linguaxe de madeira que a ninguén pode convencer. A dereita, abandonado o seu fondo de cristianismo social para converterse ao evanxeo liberal, non ten tantos remilgos. Vai ao seu sen contemplacións. O capitalismo, nas súas mans, pode ser unha bomba letal para o benestar.

Tamén en Galicia despexouse a incógnita. A priori podería pasar de todo. Que os bipartitos conservasen o seu poder. Que a marea conservadora alagase todos os espazos. Ou que estivésemos ante un empate técnico. Todo dependía dunha fracción ínfima de votos. Do canto dun duro. Finalmente, a dereita fixo pleno. O PP gañou A Coruña, Santiago e Ferrol e rexistrou un avance no número de votos. Fíxoo cun incremento significativo da participación, o que lle dá máis valor. O gran damnificado foi o BNG que retrocede en todas as cidades menos en Pontevedra, feudo que revalida. Está claro que os seus mellores resultados obtenos nas vilas. O PSdeG, levado pola marea, perde tres cidades, e retrocede de modo xeneralizado, pero aguanta en relación ao seu declive no conxunto do Estado. Hai que destacar que en porcentaxe de votos non se produce un derrube electoral da esquerda e que, en Galicia, o arrase do PP é menos forte.

Ambos os partidos deberán reflexionar. Deixar de xogar ao gato e ao rato entre si en prexuízo dos seus electores. Hai unha metade do país que non entende que o PP teña tan fácil revalidar os seus éxitos, nin tan sequera no medio dunha tormenta económica. PSdeG e BNG, se han de ser algo máis que colexiais castigados nunha esquina, han de reinventarse cunha ousadía que non tentaron xamais. Estamos no inicio dun ciclo novo en toda España. Tamén en Galicia aínda que o pobre nivel dos líderes políticos impídalles barruntarllo. Moitas cousas van cambiar, e moi rápido. Coa súa lóxica mesquiña e burocrática non irán a ningunha parte. Han de arriscar.

O futuro para Galicia preséntase escuro. Os diñeiros que viñeron de Europa, ou que serviron para que a redución de poboación agraria non provocase un estalido social, como as escuras anduriñas, non volverán. Da solidariedade interterritorial hai que irse esquecendo. Galicia terá que crecer, tomarse en serio e aproveitar as súas oportunidades. Terá que autogobernarse, se sabe facelo. Pola contra, empobreceráse e languidecerá. Non parece que o PP de Feijóo vaia a servir para algo. De momento non o está facendo. Paralizou a reforma do Estatuto, que é unha panca esencial, por puros prexuízos ideolóxicos. Veremos se cando chegue ao Goberno central Rajoy salva NCG –dubídoo–. A súa xestión do día a día foi dunha nadería absoluta, envolvida no fume da austeridade.

Galicia volve á dereita. É, posiblemente, unha reacción puntual. Un electorado que se agarra a un cravo ardendo. Nun encadre máis amplo é probable que ese electorado se contraia. A polarización económica é probable que se trufe coa política. É un momento, a pesar das aparencias, interesante. Sería unha ocasión para grandes reaxustes ideolóxicos e estratéxicos, se houbese intelixencia. Os empresarios, sen dúbida, tenden a confundirse co PP. Pero os cadros técnicos, os directivos de moitas empresas, os mozos formados pero con poucas esperanzas, están a buscar quen os interpele. E hai máis espazo para a transversalidade da que parece. Aínda que dito hoxe soe a temeridade, o horizonte non ten un rumbo tan evidente. Dependerá, entre outras cousas, da quen lle atribúan os cidadáns no futuro as estafas, recomendadas por Standard&Poors, que se seguirán sucedendo.

© El País, 23 de maio de 2011

O PP mantén a maioría en Vilalba

Redacción.-

Os resultados electorais no Concello de Vilalba deron unha nova victoria ao Partido Popular, que mantén os 10 concelleiros obtidos en 2007. A candidatura do PSdeG-PSOE obtivo cinco actas, retrocedendo unha, que pasa ao BNG, que sobe así de un a dous concelleiros.

Mantense, cunha lixeira variación, a composición saída dos anteriores comicios, cun lixeiro retroceso do PP no total de votos, máis acusado no caso do PSdeG, e unha pequena suba do BNG.

22/05/2011

Enfermos de realidade

Por César Reis.-

A mellor metáfora dos tempos que corren protagonizouna, sen dúbida, Dominique Strauss-Kahn, exdirector do Fondo Monetario Internacional, ao abusar (supostamente) dunha camareira de hotel, inmigrante para máis inri. Xa saben, o capital fodendo nos traballadores sen o consentimento destes. Que o paxaro sexa, ademais, socialista non é anecdótico nin baladí, é unha mostra máis da conivencia dalgúns políticos de esquerda co capital, pois, como moitos lembrarán, en lugar de “refundar” o marxismo cando se deu a ocasión, sumáronse á “refundación” (de novo ese palabro) do capitalismo dun xeito obsceno e flagrante.

Pero a realidade é túzara e empéñase en inmiscirse na vida dun sacándoo da cova das lecturas nas que outro mundo é posible. Leo desde hai un tempo os diarios de William L. Shirer, eses apuntamentos que o xenial xornalista norteamericano publicou en 1941, despois de deixar a Alemaña nazi na que vivira sete anos. Neles, cunha lucidez e unha perspectiva temporal fóra do común, contaba como se viu desde dentro o auxe do nazismo, a perda de liberdades e as manipulacións por parte duns dirixentes sen escrúpulos capaces, non só de enganar ao seu propio pobo, senón tamén de saltarse á toureira os pactos asinados coas nacións estranxeiras. E, aínda que non pretendo trazar, nin moito menos, un paralelismo coa saúde das actuais democracias europeas, si me resultan rechamantes algúns dos seus comentarios sobre o uso da propaganda por parte do doutor Goebbels. Fálanos o norteamericano de masas enfebrecidas ondeando bandeiriñas nos mitins do partido absortas nas palabras do Guía, roldas de prensa sen posibilidade de preguntas, distribución aos xornalistas de discursos xa gravados e editados… Entón acórdome da campaña electoral.

Ante a pasividade de todo o mundo, incluídos os propios medios, por abusos como os anteriormente citados, sobresae o 15 de maio esta masa dos que se fan chamar “indignados”. Imaxínome que detrás do nome está Indignez vous!, ese libriño de Stéphane Hessel, antigo membro da Resistencia e colaborador na elaboración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. O seu marabilloso panfleto vendeu hai uns meses, só en Francia, máis de 850.000 exemplares. (Un pensa, aínda que non o escoitou en medio algún, que se cadra puidera estar detrás das revoltas deses países árabes cheos de poboación francófona.) Aínda que non deixen de ser unha “masa” (con todo o que iso connota) e malia o discutible nome do movemento, “Democracia real xa”, os indignados foron a única nota fresca dunha campaña electoral na que os políticos exerceron de tales (tamén con todo o que iso connota), cun entusiasmo máis ben finxido e a mesma escasa consideración ou respecto de sempre cara á educación, entre outras cousas, do electorado. Din os analistas (non sei se os mesmos que non intuíron as revoltas árabes) que estes “indignados” son, sobre todo, votantes de esquerda descontentos. É certo que neste sector está máis presente o espírito crítico, mesmo cos seus propios dirixentes, que entre os conservadores. Pero, vista a cuestión en termos de oportunismo electoralista, non deberiamos esquecer que, hai uns meses, o portavoz do PP González Pons incitaba ás masas a un tipo de revolta similar, comparándonos trabucadamente (ou niso coincidiron os analistas) cos países árabes, e isto debería facernos reflexionar.

Volvo ao meu mundo, aínda que non podo deixar de pensar nos “indignados” como uns quixotes que (ao contrario do novelesco) viven enfermos de realidade ao tentar levar a teoría á praxe. Se cadra, como o heroe cervantino, acaben petando, non neste caso coa propia realidade, senón con esa ficción artificiosa que se instaurou na vida privada e pública, política sobre todo, e que non vai ser fácil desmontar, e moito menos dun día para outro.

20/05/2011

Cui Prodest "Non os votes"

Bruno Marcos.-

As emerxencias revolucionarias dos últimos tempos no mundo árabe parecen contaxiar ao noso país e asistimos a unhas protestas enigmáticas que non conseguen desprenderse dun aire chocarreiro. Algúns acamparon na Porta do Sol coma se esta fose a praza exipcia de Tahrir e paradoxalmente exhíbense as mesmas consignas: "Democracia real xa", coma se o estado no que vivísemos non distase en nada dos de Mubarak ou Gadafi, e o que alí, en Exipto ou en Libia, tiña un sentido vivo aquí teno irremediablemente laso.

Canto confundirán estas manifestacións a aquelas xentes que, cunha papeleira por casco, resistían as choivas de pedras e os embistes de camelos. "Pero", diranse, "que piden eses españois se o que nós desexamos é o seu?"

Se cadra debería gritarse algo así como: "Melloremos a democracia", ou "Esta democracia non" ou "Sexamos realistas: A democracia non é un sistema perfecto", ou "Os políticos fan o que poden: Poñamos a outros que poidan máis".

Pero a indefinición dese movemento vén da man dun "nonosvotes", ao PP, ao PSOE e CIU cuxa genealogía radica na negativa dos internautas á lei Sinde. Hoxe un representante desta plataforma aclarou na radio que co "nonosvotes" non pretendían que a xente non votase senón que o pensase mellor. Outros deles din que vai a cousa contra o bipartidismo, e outros contra as hipotecas.

E a quen beneficia que non se lles vote, cui prodest? Evidentemente aos partidos minoritarios que terían máis poder a través de pactos de goberno. Con iso teriamos servida a contradictio in terminis, se pedimos máis democracia, como é posible que sexa máis democrático que forzas con moi poucos votos obriguen a outras en determinadas accións políticas? Para iso os eslogans poderían ser : "A democracia levou a Sócrates ao cadalso e a Hitler ao poder: obremos o goberno da minoría", ou, mesmo, a de Sawa "Demonarquía, goberno das ras, aristarquía goberno dos cisnes".

Se este brote de acne revolucionaria de pouca voltaxe viñese ben armado podríase ver a cegadora faísca do histórico como percibimos algúns no de Tahrir. As revolucións nosas posibles pasan por un compromiso cotián coa construción dun discurso máis aló da retórica, con usar, primeiro, os medios dos que dispomos e despoboar o cinismo. Acampar na Porta do Sol é unha acción retórica e, o peor, intranscendente se non se dota de contido "real" como esa democracia "real" que se demanda. As listas abertas ou a reforma electoral son cousas que veñen reclamando UPyD ou Esquerda Unida desde que os seus votos non lles son suficientes. Na carta de José Luís Sampedro apúntase o obxectivo, que a economía non estea por encima do estado, pero é que iso, probablemente, obríguenos a asumir que en lugar de ser máis ricos seremos máis pobres, que en lugar de vivir un mundo fantasmagórico producido polas hipotecas haberemos de habitar outro máis "real".

Que a vida política española é putrefacta é evidente, que hai infinidade de motivos para non votalos tamén e que, seguramente, a cidadanía estea por diante da política, por suposto, pero o que este "nonosvotes" debe iniciar é unha substitución da política polo político, como ocorreu en Tahrir.

É hora de falar sen andrómenas dos problemas intrínsecos á democracia, non dos malos actores da democracia senón dos seus defectos sen que se nos tache de nostálxicos do fascismo. Se xa Platón deixou dito: "Ou gobernan os sabios ou os políticos fanse sabios" era por algo.

Que parva sou

Miguel Barrera.-

Un canto de impotencia, iso é a canción de Deolinda, a canción que se está a converter, na veciña Portugal, no himno da INDIGNACIÓN. “Que parva sou”.
Sou da geração sem remuneração
E não me incomoda esta condição
Que parva que eu sou
Porque isto está mal e vai continuar...

Canto de impotencia é tamén o alegato de Stéphane Hessel que fai no seu libro “INDIGNÁDEVOS”, preto do final, ós seus 93 anos, na súa derradeira etapa.

Tanto Deolinda como Hessel, quero entender que se dirixen á leña verde que fumea indiferenza, que non teñen capacidade para a INDIGNACIÓN.

Indiferenza, Indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza, indiferenza é o cancro...

“...Que parva que eu sou
E fico a pensar
Que mundo tão parvo
Onde para ser escravo é preciso estudar”

E ¿Que é de nos?, ¿da xeración que está entre Hessel e Deolinda, da xeración que se sacrificou para construír o Estado de Benestar e a xeración que vai a perdelo?.
Nós, cómplices somos, somos a xeración hipotecada, nós somos os culpables da nosa movida, soportando esta chantaxe como nova alienación. Deixámonos no vagar sen resistir; compre a indiferenza. Non vai con nós mentres poidamos pagar as facturas.

Non é novo que se diga que o traballo está depreciado; recoméndovos a lectura do libro de Alain de Botton “Miserias e Esplendores do Traballo”. Interesante percorrido polas diferentes traxectorias que levan o peixe do mar ó prato, o vulnerable que é unha vila inglesa que depende da súa fábrica de galletas, o pouco valor que lle dan á orientación profesional as empresas na procura dos candidatos a cubrir os postos vacantes…o baleiro do auditor ó rematala xornada.

No meu traballo de consultor arreo atópome con situacións semellantes as que describe Botton no seu libro. Estou farto de tanto pesimismo e resignación.

O traballo debe proporcionar ó individuo tres cousas: cartos, estatus e senso. A carencia de senso leva consigo a perda de implicación no que un fai. É o caldo de cultivo para a indiferenza.

Hessel propón dous grandes desafíos que precisan de nos un gran compromiso: a inmensa distancia que existe entre ricos e pobres e a loita polos dereitos humanos e a situación do planeta. Difíciles retos cando os Estados estanse a comportar como subcontratas dos poderes económicos, xa non garanten os dereitos dos seus cidadáns, teremos que reconquistalos.

Por recomendar, recoméndovos tamén a documental “Inside Job” e o libro REACCIONA de José Luis Sampedro, Federico Mayor Zaragoza, Baltasar Garzón (os capítulos de Rosa María Artal sobre a desinformación da sociedade é extraordinario, o mesmo que “ xeración estafada” de Ignacio Escolar).

As lecturas de estes libros poderá axudarvos a entender qué está a acontecer na Praza do Sol de Madrid e no resto das prazas de España, e coido (desexo) que se estenda por toda Europa, en particular en Portugal.

Non cabe dúbida que as regras de xogo trocarán e que o eixo que pode superar esta situación está nunha democracia máis participativa (DEMOCRACIA REAL XA), na responsabilidade social das unidades de produción, das empresas, e no senso que terá/ten para cada un de nós o traballo.

Non creo so no compromiso individual, non quero que meu compromiso se libere pagando unha cota a unha ONG, tampouco en facer labores de voluntariado, e moito menos baleirando co meu voto o meu compromiso.

Precísase algo máis, precísase a nosa implicación responsable co contorno.

A leña verde está comezando a arder na Praza do Sol de Madrid, REACCIONA.

O Bufón do Reino

Redacción.-

Nunha mañá soleada e primaveral, aínda que na tarde chovera un pouco, ao Rei dun reino o don da fala e da risa desapareceronlle. O Rei non falaba, o rei non quería falar, tampouco quería rir. Os máis achegados ao rei, os asesores do reino e o pobo en xeral non sabían que facer… e pensaban ,pasaron días, meses e case un ano, cando de súpeto xurdiu da néboa un bufón, ben, unha bufona, ofrecéndose para devolverlle o don da fala e da risa ao rei a cambio de case nada.

Con este argumento o Teatro Arte Livre, de Vigo, presenta o domingo 22 de maio este espectáculo que vai dirixido a todos os públicos con participación activa dos espectadores en determinados momentos da obra.


TEATRO ARTE LIVRE
Rúa Vazquez Varela,19
Reservas 986 11 44 44 / Prezo 10 euros
Domingo, 22 de Maio ás 13 h (Única Función)




Ficha artística e técnica:
Autor :Miquel Condal
Música: María Carrera
Espazo escénico: Pinga Teatro
Video e deseño gráfico:
Aaron Roda e Carla Piñeiro

Festiletras 2011

Redacción.-

Os participantes na actividade “Noites do prácido luar”, que se realiza durante as fins de semana na Fundación Eduardo Pondal, deron a coñecer hai uns días o programa das FestiLetras 2011. O elenco de novos actores e actrices, que está formado por Tania Villar, Esteban Rey, Lucía Blanco, Sofía González, Miriam Amado, Carmen Fuentes, Tamara Lema, Maxi García, Eva Parga, Leticia Recarey, Uxía Varela, David Amado, Alba Santiago, Romina Castiñeira e Alba Costa, baixo a dirección de Lucho Penabade, terán un protagonismo pondaliano especial na presente edición da Festa das Letras de Monte Branco e da Fundación Eduardo Pondal.

Unha vez máis, son nove días de programa no que a lingua estará presente en multitude de actividades e que se artellan baixo o paraugas da conmemoración do 150 aniversario da publicación do poema ‘A campana de Anllóns’. A presente será a XXIXª edición das Festas das Letras celebrada no Couto.

A cita arrancará o vindeiro sábado 14 de maio ás 22.00 h na Casa dos Veciños coa conmemoración do 50 aniversario da publicación das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Lerá o pregón a actriz Isabel Martínez-Risco Valdivieso, Alba Costa, Tamara Lema e Esteban Rey escenificarán, “Os novos balbinos” e Candido Pazó subirá ás táboas, “As memorias das Memorias dun neno labrego”. Contarase coa presenza do escritor don Xosé Neira Vilas.

O domingo 15 de maio, en xornada de mañá, terá lugar a homenaxe ós Bos e Xenerosos. Nesta ocasión recibirán un busto pondaliano Xesús Alonso Montero, Antía Cal Vázquez e Xosé González Martínez. Ademais da ofrenda floral no monolito pondaliano, actuará a Coral A Oliveira de Monte Branco cos temas: “Maruxiña” de Eduardo Pondal; “Ruada de Chamoso”, popular; “O carro”, de Manuel María; “Como hei vivir”, de Bernardino Graña. Todo o acto será presentado pola xornalista María José Imia.

En xornada de tarde, Luís Giadás e Sofía González realizarán unha gravación especial de “Non des a esquecemento” cos convidados do primeiro semestre desta actividade. Pechará a xornada o dramaturgo Quico Cadaval con humor na “Casa da Oralidade” tras a presentación do actor malpicán Santi Romai.

O luns 16 de maio o programa, baixo a sección a Fundación Eduardo Pondal viaxeira, desprázase ó CRA Nosa Señora do Faro (Xornes, A Campara, Tella). O alumnado poderá conmemorar as Letras coas intervencións de Pepe Maravillas e o seu “Obradoiro de música tradicional”, coa de Tamara Lema e Silvia Losada e o seu concerto, “Pondal e Rosalía do A ó Z” e co obradoiro de animación á lectura de Ana María Fernández e Xoán Babarro autores que serán homenaxeados este ano por Monte Branco.

Pola tarde, a partir das 18.00 h, principiarán unhas xornadas formativas tituladas «As campás na literatura» nas que intervirán Félix Neira cunha “Comunicación literaria: un inédito de Pondal”, Miguel Anxo Mato Fondo cunha “Análise lingüística e literaria do poema «A campana de Anllóns»”, Diana Varela Puñal cun “Recital poético”, Miguel A. Mato Fondo coa “Presentación de dous libros: Manuel María e Lois Pereiro (Letras Galegas 2011)” e con César Morán cunha, “Proposta musical no centenario de Cunqueiro”.

Ás 23.00 h, Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz ofrecerán un concerto musical en lingua galega.

O martes 17 maio, Xosé Manuel Varela coordinará, pola mañá, un especial «A Cova Céltica» desde Radiovoz Bergantiños. Durante esta emisión radiofónica participarán en directo os autores homenaxeados este ano (Xoán Babarro e Ana María Fernández), así como outros partipantes no programa como aqueles que foron homenaxeados por Monte Branco en anos anteriores. Como exclusiva, Silvia Losada presentará un adianto de gravación músicais sobre poemas de Eduardo Pondal.

Pola tarde, ás 18.00 h, terá lugar a intervención de Cristian Magic cun espectáculo de maxia baseado no libro Atrapado na torre coa presenza Xoán Babarro e Ana María Fernández.

O mércores 18 de maio botará a andar de novo a Fundación Eduardo Pondal viaxeira. Nesta ocasión, as tres animacións desta actividade acudirán ó CEIP Eduardo Pondal (Infantil e Primaria) en xornada de mañá e tarde.

Ás 18.00 h terá lugar a segunda sesión das xornadas formativas «As campás na literatura». Nesta ocasión, os convidados serán Xosé Pumar Gándara cunha conferencia sobre “As campanas de Bastavales”, Donato de Eirapedriña cun “Recital poético” e Rosalía Fernández e Serxio Moreira coa “Presentación do libro Atonía”. Nesta, tamén participan os pintores Mon Lendoiro, Viki Rivadulla, Emi de las Heras, Chiña, Fátima Forte e Susana Llorente.

O xoves 19 maio a Fundación Eduardo Pondal viaxeira desprazarase pola mañá ata o CEIP As Forcadas de Corme. Ás 16.30 h, Xoán Babarro e Ana María Fernández realizarán unha vistia literaria á nova Biblioteca Municipal de Ponteceso. A partir das 17.00 h, será a última sesión das xornadas «As campás na literatura». Nelas Xabier P. Docampo falará sobre o “Cumprimento dos 25 anos d’O misteiro das badaladas” e despois, xunto co seu fillo Dani Puente, impartirá un “Obradoiro de creatividade literaria e visual”.

O venres, 20 maio a Fundación Eduardo Pondal viaxeira visitará o IES de Ponteceso

en xornada de mañá e a Escola Infantil A Galiña Azul en xornada de tarde. Con isto lógrase que todo o alumnado do concello de Ponteceso teña unha participación nestas FestiLetras 2011.

Ás 18.00 h terá lugar a clausura da Escola Municipal de Teatro de Ponteceso coas obras “Os parruliños”, “O lobo e a carapucha”, “A familia Porcón”, “A princesa Amanda e o poeta” e “Os manteis roubados”.

Pola noite desenvolverase unha sesión de boas prácticas da xuventude e a lingua galega co título de “A Mocidade e a Lingua na Casa da Oralidade”. O acto será presentado pola xornalista pontecesá Cristina Martínez e nel amosaranse as seguintes experiencias: Fundación Eduardo Pondal + IES de Ponteceso, “O roteiro do 150 aniversario d’A campana de Anllóns no Ben Falado da TVG”, Sofía González, “Propostas desde o audiovisual”, Alba Costa e Teresa, “Propostas musicais”, IES de Baio / Feminino plural, “O neto de Frankestein”, Esteban Rey e Tamara Lema, “As animacións literarias” e pechará a Fundación Eduardo Pondal coa “Experiencia d'As noites do prácido luar”.

Na mañá do sábado 21 de maio terá lugar un irmandamento entre os tres grandes autores do rexurdimento coa actividade Os roteiros do Rexurdimento no que distintos representantes das fundacións destes tres escritores poñerán en valor o roteiro pondaliano Val nativo ademais de intercambiar experiencias desenvoltas nas súas respectivas fundacións.

Pola noite, a partir das 22.00 h, terá lugar a estrea das Noites do prácido luar, un roteiro poético-musical animado coas representacións teatrais ó aire libre da mocidade da redonda baixo a dirección de Lucho Penabade e coa participación musical da coral Oliveira de Monte Branco.

A última cita do día será o concerto de Milladoiro en lembranza da xornada de homenaxe a Eduardo Pondal de hai 30 anos na praza do Recheo con motivo do levantamento do monolito pondaliano. Esta cita musical será presentada pola xornalista carballesa Cristina Abelleira Martínez.

O domingo 22 de maio será a xornada máis multitudinaria debido ó reclamo da celebración da XXIXª FEIRA DA ARTESANÍA. Abrirase ás 11.00 h e ó longo de toda a mañá o público que se achegue ó entorno da Casa do Cura poderá contemplar, obradoiros en vivo, pintura de Ana de la Torre, fotografía de Marcos Rodríguez, escultura en pedra do pontecesán Xosé Manuel Castro, a mostra do libro galego disposta pola d’A Tenda dos Libros, as actuacións de danza e música tradicional a cargo de Inllar e Monte Branco, así como a música divertida da Orquestra Ce Pantasma.

Na xornada de tarde proseguirán as actividades da artesanía, pero ademais terá lugar o máis grande festival de música infantil nunca habido na Costa da Morte coa participación de Magín Blanco e Iván Prieto co espectáculo “A nena e o grilo”; Pablo Díaz e a súa banda co concerto de “Tic-Tac”; e Mamá Cabra con “Ola-Ola”. O concerto será presentado polo televisivo Xosé Antonio Touriñán e tamén contará coa animación de Peter Punk.