O venres rematará o apagón analóxico en Galicia


Redacción

O proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre en Galicia rematará o vindeiro venres 2 de abril, coincidindo co apagamento analóxico nas provincias de Lugo e Pontevedra, o que significará o cesamento da emisión tradicional de forma total en todo o país. Ese día deixarán de emitir sinal de televisión analóxica os emisores que dan cobertura a un total de 76 concellos galegos, que suman unha poboación de 967.992 habitantes.

Os apagamentos analóxicos do vindeiro venres enmárcanse na terceira e última fase de incorporación de Galicia á TDT, que se levou a cabo dende o pasado 10 de marzo fundamentalmente nas provincias de Pontevedra e Lugo, concretamente, nos concellos que contan cun maior índice de poboación do conxunto do país.Na área técnica de Páramo, ou apagamento analóxico do 2 de abril afectará a un total de 45 concellos, que suman un total de 273.992 habitantes. Concretamente son os de Burela, Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, A Pastoriza, Samos, Pedrafita, Folgoso do Courel, Baleira, Castroverde, Castro de Rei, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Begonte, Guitiriz, Friol, Navia de Suarna, Cervantes, Láncara, O Corgo, Guntín, Sarria, As Nogais, Meira, Lugo, Cervo, Abadín, Xermade, Xove, O Valadouro, Foz, Negueira de Muñiz, Paradela, Triacastela, Alfoz, O Incio, Quiroga, Ribas de Sil, Portomarín e Baralla.

Por outra banda, en canto á área técnica de Domaio, os apagamentos analóxicos implican 694.338 habitantes de 31 concellos, A Estrada, Cuntis, Forcarei, Cerdedo, Campo Lameiro, Cotobade, Pontevedra, Poio, Meaño, Sanxenxo, A Lamba, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Moaña, Soutomaior, Fornelos de Montes, Redondela, Pazos de Borbén, Mondariz, Mondariz Balneario, Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar, Baiona, O Porriño, Tomiño, Tui, A Guarda e O Rosal.A Secretaría Xeral de Medios recomenda aos cidadáns que, tras a instalación de dous adaptadores da TDT, comproben a correcta orientación da antena, sen esperar ás datas fixadas para o apagamento analóxico.

É importante, polo tanto, que se verifique a correcta recepción da TDT nestes días, dada a proximidade das datas, indicou nun comunicado de prensa.Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Industria, o 90,5 por cento dos fogares de todo o territorio do Estado xa acceden ás canles de TDT -a través do sinal terrestre ou por medio dunha plataforma de pago de satélite, cable ou ADSL-, mentres que máis do 93 por cento xa adaptou a súa antena para recibir o sinal da TDT.

31/03/2010

Galicia en pleno Sturm und Drang


Fermín Bouza

Ando por Galicia tras superar unha viaxe na que o vento, por dúas veces, estivo a piques de facerme voar, unha delas desde unha ponte en pleno Porto de Pedrafita, uns centos de metros no aire, un voo xa de primavera, pero moi sturm und drang e no medio da maior onda de episodios encadeados de corrupción que se deu nunca en democracia, e que son imputables a membros, con frecuencia moi relevantes, do Partido Popular.

Nesas condicións, aínda máis sturm und drang que o mesmo aire furioso, o señor Mariano Rajoy permítese o luxo de facer inmensos reproches e dar extraordinarios consellos deslexitimadores (a lombos das crises) ao seu principal adversario político, o señor Zapatero, coñecido colaborador dos terroristas (en palabras de Mayor Oreja, corroboradas de feito polo mesmo Rajoy e outros leais opositores do mesmo PP). Nin un xesto apenas do que no seu día se chamou sentido de estado, e que corresponde exercer ao mesmo Rajoy.

Aínda sabendo de antemán que todo é culpa de Zapatero, crucifixión de Cristo incluída, por esas e outras moitas imposturas como a citada, sen o menor sentido de estado, o señor Rajoy non acaba de perfilar unha boa imaxe a ollos dos seus posibles electores.

Chegado a Galicia decátome que Feijóo fixo asinar aos de ambalasdúas Caixas un documento de compromiso para chegar a un acordo. É algo chusco, realmente, pero forma parte dunha inxenua posta en escena para capitalizar unha fusión que se vai a facer,se se fai, da man do Banco de España, que é o normal e é o ente que coñece disto, mais alá de simplezas e demagoxias duns e outros. E se se fai deberase ao bo facer do banco e á boa vontade de ambalasdúas Caixas. Máis aló diso hai un amplo cúmulo de desacertos que estiveron a piques de custar a fusión, e aínda poderían facelo. E unha boa sensación dese hai meses: neste pobo desde o que miro o mar da miña terra, e que tiña o galego semiabandonado desde hai moito tempo, vólvese a oir a lingua dos Cancioneros. Algo está a pasar, e as nosas loitas parece que non foron en balde. Hai que seguir con elas.

Homenaxe a Xorima

Redacción

O pasado mes febreiro A Voz de Vilalba recuperaba aquela entrevista de 1986 a Xorima e a mediados de maio ofrecerá a todos os seus lectores unha exclusiva relacionada con este grupo. Mentres, e para ir quentando motores, "A banda íntima de Martin Frost" fainos chegar esta versión, realizada no seu peculiar estilo, de "Feira de santos", un dos míticos temas incluidos no primeiro e único disco de Xorima. Agardamos que disfrutedes dela e lembrade que podedes deixar as vosas opinións aquí mesmo ou na nosa conta de Facebook.


29/03/2010

Campionato Galego Infantil de Combate

Redacción

A federación galega de Tae Kwon-Do celebrou o sábado 27 de Marzo o Campionato Galego Infantil de Combate - Xunta de Galicia 2010. No cal se deron cita 350 deportistas pertencentes a clubs de toda Galicia. A Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan, de Villaba, presentou aos deportistas Janice López e David Ansede, que realizaron un meritorio traballo, obtendo un Ouro e unha prata respectivamente.

A competición desenvolveuse en grupos de catro deportistas tendo así todos os nenos a oportunidade de subir ao pódium. Janice disputou o primeiro combate coa representante do Maniotas gañando por un 5-0. Directamente accedeu á final coa deportista do Couto. Ao longo deste combate ía gañando sempre Janice pero ao final declarouse un empate tendo que ir a piques de ouro, o cal se decidiu o combate a favor de Janice. Deste xeitoJanice proclámase CAMPIOA GALEGA INFANTIL por terceiro ano.
David Ansede disputou o seu primeiro combate co representante do SUH gañando o primeiro asalto por 4-1 e o segundo por un definitivo 10-1. Pasou logo a disputar a final co deportista do COUTO, co que xa se enfrontou no campionato Cadete Promesas hai menos dun mes. Compre dicir que David viuse sorprendido por un opoñente moi distinto ao galego que se prantexou con firmeza o combate e isto impediu que David realizase un campionato de acordo ao nivel que pode ter. Así, perdeu o seu primeiro asalto por 3-1 e finalizo cun 2-7.

De todas as maneiras a escola Moo Duk Kwan ten que valorar positivamente o traballo realizado, confiando en que no campionato galego cadete, ambos os dous deportistas teñen posibilidades de realizar un traballo que lles permita entrar nas filas da selección galega.

28/03/2010

Humor

27/03/2010

XXVIII edición do Curso de Cultura Tradicional Galega

Redacción

A Asociación Cultural “Cántigas e Frores” presentou na mañá de onte a XXVIII edición do Curso de Cultura Tradicional Galega que terá lugar na cidade de Lugo os días 1,2 e 3 de Abril de 2010. A Asociación Cultural “Cantigas e Frores” ven organizando de xeito continuado, durante os últimos 28 anos, este curso no que se ofertan ensinanzas relacionadas coa cultura tradicional galega.

O curso desde o seu comenzo está ubicado temporalmente nas datas da Semana Santa. Á presentación asistiron o Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, Bruno Villamor en representación da Asoc. Cult. Cántigas e Frores e Pepe Vaamonde, un dos mestres do curso.

O curso iniciase no ano 1982 co ánimo de unificar un método de ensino entre os mestres de baile tradicional galego; na actualidade impártense 5 especialidades (baile galego, gaita, percusión, canto e pandeireta, zanfona) nas que se compaxinan os aspectos teoricos cos aspectos prácticos.
Nestes últimos anos os esforzos céntranse en traer a Lugo un profesorado de calidade que suscite o interés do alumnado abarcando todos os estilos e escolas vixentes na música e baile galegos. Polo curso pasaron mestres de renome como: Xaquin Xesteira, Ivan Costa Blanco, Anxo Lois Pintos, Francisco Estevez “chuco”, Oscar Fernandez Sanjurjo, Xose Lois Romero Cagigal, Luis Prego Fernandez, Suso e Pepe Vaamonde Manteiga, Daniel Bellón, Ugia Pedreira, Germán Díaz, Luis Correa “O Caruncho”, etc ...

Nesta edición contamos con grandes mestres de reconocido prestixio como son Pepe Vaamonde, que impartirá o curso de gaita, Begoña Lorenzo, o de técnicas de canto tradicional, Francisco Estévez (Chuco), técnicas de percusión tradicional, Manuel Cobas , técnicas de baile tradicional, e Iván Costa, que impartirá as aulas de zanfona. Xa están inscritos alumnos de toda a xeografía galega, de toda a península e de centros galegos do exterior, como Suiza.

Os obxectivos do curso son entre outros, ofertar a posibilidade de que as persoas interesadas poidan recibir ensinanzas de mans dos mellores mestres nas respectivas especialidades, sempre baixo criterios de calidade e crear un tempo e un lugar de encontro para que as persoas vencelladas á cultura tradicional galega poidan compartir experiencias e así manter vivo un dos piares básicos da nosa identidade. O curso celebrarase os días 1, 2 e 3 de Abril de 2.010 baixo a coordinación de Mónica Fernández Fernández e terá o seguinte

Programa:
DÍA 1 Xoves:
09:00 A 10:00 Entrega de documentación e presentación do curso.
10:00 a 11:00 Clase práctica 16:00 a 18:00 Clase práctica
11:30 a 13:30 Clase práctica 18:30 a 20:00 Clase práctica
DÍA 2 Venres:
10:00 a 11:00 Clase práctica 16:00 a 18:00 Clase práctica
11:30 a 13:30 Clase práctica 18:30 a 20:00 Clase práctica
DÍA 3 Sábado:
10:00 a 11:00 Clase práctica 16:00 a 18:00 Clase práctica
11:30 a 13:30 Clase práctica
19:00 Acto de clausura e entrega de diplomas.

Neste horario desenvolveranse as seguintes Especialidades:
1. Técnicas de gaita,
2. Técnicas de canto e pandeireta,
3. Técnicas de percusión tradicional,
4. Técnicas de baile tradicional,
5. Técnicas de zanfona.

Podendo inscribirse cada persoa nunha soa especialidade. Para o desenvolvemento das aulas prácticas nas especialidades 1, 2, 3 e 5 o alumnado ten que asistir cos correspondentes instrumentos musicais.

• Inscricións: Os datos requiridos nas inscricións son os seguintes:
Nome e apelidos, DNI, teléfonos, enderezo, enderezo electrónico (se ten), código postal e localidade. Especialidade na que solicita inscribirse. As inscricións pódense enviar a:

APARTADO DE CORREOS 344 - 27080 LUGO.
FAX: 982 229966.
E-mail: inscricions@cantigasefrores.com
(Compre axuntar xustificante de pagamento)

• Prazo: Rematará no momento que se cubran as prazas de cada especialidade.
• Prezo de matrícula: 30 € (xeral); 20 € (socios/as da Asoc. Cultural “Cantigas e Frores” e da Asociación de Gaiteiros Galegos).
Ingreso na conta: 2091 0152 29 3040026419

O curso conta cun total de 100 prazas e desenvolverase nas instalacións da Asociación Cultural Cántigas e Frores, na Casa da Música, salón de actos e aulas municipais, todas elas no Parque da Milagrosa. Avda. A Coruña S/N.

A organización deste acto corre a cargo da Asociación Cultural "Cántigas e Frores", e conta co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, e a colaboración do Excmo. Concello de Lugo

A ASOCIACIÓN CULTURAL CÁNTIGAS E FRORES
A asociación cultural “Cantigas e Frores” foi creada no ano 1948 como unión das agrupacións “Frores e Silveiras” e “Cantigas e Aturuxos”. Ambas agrupacións procedían da excisión do “Orfeón Galego” que dirixía o mestre Xoán Montes. Dende esta época a Asociación Cultural “Cantigas e Frores” estivo e está vencellada á dinamización da vida cultural lucense. É membro fundador da Federación Galega de Grupos de Danzas e máis da Federación Española de Agrupacións de Folclore. Organiza tódolos anos cursos sobre cultura tradicional e outras manifestacións culturais vencelladas con ela.

A Asociación Cultural “Cantigas e Frores” participou de xeito continuo en actuacións e festivais coa súa coral, grupo de danzas e grupo de gaitas. Estas actuacións tiveron lugar por toda a Península Ibérica (Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, A Rioxa, Madrid, Murcia, País Vasco, Portugal e Principado de Asturias) e fora de esta (China, Arxentina, Bélxica, Brasil, Cuba e Francia).

Na actualidade conta con perto de 300 socios e as súas escolas acollen a máis de 180 alumnos cada ano, ademais dos 120 que asisten ó “Curso de cultura tradicional Galega” na Semana Santa.
As súas actividades actuais inclúen:
• Actuacións dos grupos de gaitas, banda de gaitas, cantareiras e grupo de baile.
• Actividades docentes cos grupos infantís, xuvenís e de adultos (iniciación en varios niveis, e perfeccionamento) de gaita, percusión tradicional, baile tradicional, acordeón, canto e pandeireta e linguaxe musical
• Organización “Curso de cultura tradicional Galega” que se realiza todos os anos coincidindo coa Semana Santa
• Organización do Festival de Cultura Tradicional no San Froilán.
Outros obxectivos da asociación son:
• Estudio, fomento e divulgación da cultura tradicional galega.
• Creación de un arquivo fonográfico, videográfico e bibliográfico sobre a actividade da asociación, co material recollido durante os máis de 60 anos da súa existencia.
• Edición de publicacións.
• Asesoramento a entidades públicas e privadas de ámbito local no relativo á música e ó baile tradicionais.
• Organización de cursos específicos e seminarios.
• Encontros de música e baile tradicional.
• Exposicións de artesanía e fotografía.
• Viaxes e visitas formativas e de lecer.

26/03/2010

Pequenos ecoloxistas


Xulio Xiz

Polo xornal La Voz de Galicia entérome das actividades relacionadas coa natureza que están a facer os nenos de dous a tres anos da escola de educación infantil de Vilalba e chámame a atención a posibilidade de comezar tan cedo a inculcar coñecementos e habilidades en relación co medio ambiente.

Esto fíxome lembrar o entusiasmo dos meus fillos, xa fai anos, cando viñan do colexio traendo nun vaso ou similar recipiente unha semente xermolada, chamándolles poderosamente a atención que dunha faba que se abría puidese nacer unha planta que, á súa vez, orixinaría unha posible producción de fabas. E o mesmo con sementes de árbores que traían orgullosos para a casa tentando conseguir a nosa complicidade para montar na terraza un pequeño bosque.

E agora o mesmo entusiasmo que vexo no meu neto, que cumpridos hai uns días os tres anos, ven da gardería sabendo que entrou a primavera, que agora as árbores frorecen, e logo botarán follas e finalmente froitos... e que despois da primavera virá o verán, e irá á praia. E que non se pode arrancar unha flor dunha árbore porque a árbore sofre e non dará froito. Coido que para os tres anos, xa non hai ningunha queixa.

Todos podemos ver camiño de museos, igrexas e todo tipo de institucións, ringleiras de nenos e nenas, pequeniños, que cos seus coidadores van recibir a lección do día fóra do colexio, nun lugar determinado que é unha lección de por sí. E acostumbraranse a entrar neses sitios especiais sabendo que alí hai algo importante onde os levaron de moi pequenos. Desa idade, entre dous e tres anos, foron non hai moito os nenos vilalbeses ver o Belén de Begonte. Esto, polo que se ve, estase movendo a gran velocidade hacia unha educación de temas humanos que nos interesan a todos.

Os nenos vilalbeses de dous a tres anos fixeron actividades de limpeza na Praza da Constitución, co que de paso dan unha lección ós seus familiares máis directos e a cantos queiramos tomar boa nota. E no seu colexio plantan semilleiros de plantas que, se se logran, poderán levar para as súas casas e – como haberá moitas sobrantes- plantaranse en lugares públicos, despois dun período de aclimatación no patio interior da escola onde os nenos exercerán labores de vixiancia do proceso de crecemento das especies alí plantadas.

De paso, acostumbraranse a que lles falen de carballos, castiñeiros, nogueiras... que alí están plantados, a coñecelos polas súas follas, e a querer as pequenas árbores, primeiro porque son pequenos coma eles, e despois porque coas súas mans colaboraron para darlles a vida.
Seguro que para os nenos, todo esto é un xogo. Real como a vida mesma, pero un xogo ó fin. E resulta moi xeitoso esta maneira de xogar, que introduce ós pequenos no mundo real polo lugar máis idóneo, polo proceso de nacemento dun ser vivo do reino vexetal, ó que hai que coñecer para logo querer; ó que hai que axudar a nacer e logo a medrar, para poder asumir de xeito perfecto un sentimento de propiedade que leva consigo un amor extensivo a toda a natureza que se coñecerá moito mellor.

Parece unha noticia pequena polos seus protagonistas esa de que os nenos de dous a tres anos plantan sementes de árbores. Pero resulta unha gran noticia, transcendente noticia, porque é sinal de que en Vilalba se están criando futuros homes, futuras mulleres, que aprenderán a querer á natureza moito máis ca nós que tivemos que achegarnos a ela por pura intuición.

25/03/2010

Encontro de fútbol sala Galicia-Libia

Redacción

Onte disputouse en Guitiriz o partido de fútbol sala amigábel entre a selección galega e Libia, actual selección campioa de África. O encontro contou co aliciente de que a selección africana está actualmente dirixida polo galego Pablo Prieto (ata o ano pasado director deportivo do Azkar Lugo). O delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, acudiu a presenciar o encontro ao pavillón municipal de Guitiriz, que rexistrou unha notábel entrada de afeccionados para seguir o partido internacional entre Galiza e Libia. O encontro mantivo a tensión ata o último segundo.

Antonio Veiga afirmou que “a creación das seleccións galegas foi todo un logro deportivo acadado hai anos froito das constantes reivindicacións sociais por parte dos clubs, xogadores e xogadoras e seareiros e seareiras”. Por este motivo, Veiga ratificou que “é importante, nestes momentos nos que estes combinados perden apoios institucionais -diante da negativa da Xunta de Galiza de Feijóo a apoiar os encontros das seleccións galegas-, pular para que Galiza siga contando con seleccións deportivas nacionais que disputen encontros deste tipo”.

Campeonato Galego Infantil de Tae Kwon Do

Redacción

O vindeiro sábado 27 de marzo os deportistas pertencentes á Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan-Villalba Janice Lopez Castelo, e David Ansede Carballeira participarán no Campionato Galego Infantil nas categorías de 44 Kgr. e 45 Kgr., respectivamente.

Este campionato será preparatorio para o Campionato Galego Cadete que se celebrarça en Riveira o dia 10 de Abril.

Xornada informativa sobre seguros agrarios

Redacción

Na mañá de onte mércores 24 de marzo, o Sindicato Labrego Galego levou adiante en Vilalba (Lugo) unha xornada informativa sobre seguros agrarios no sector gandeiro que contou cunha grande participación. Canda a información trasladada nas ponencias desenroladas por representantes da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (ENESA), da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) e da entidade aseguradora AGROSEGURO, foron de especial interese os debates xurdidos na xuntanza, dos cales extraéronse conclusións e propostas que serán trasladadas polo Sindicato Labrego Galego á Mesa Territorial de Seguros Agrarios na súa vindeira convocatoria.

Prolingua resposta ao Valedor do Pobo

Redacción

Reproducimos a continuación a nota de prensa remitida por ProLingua aos medios de comunicación tras a desafortunada intervención do Valedor do Pobo no Parlamento de Galicia o pasado luns:

“En relación coas súas declaracións na sesión do Parlamento Galego do pasado día 22, desexamos manifestar a nosa sorpresa e desagrado. Aínda que desde que asumiu o cargo en xullo do 2007 logo se coñeceu a súa estraña forma de exercer de Valedor dos cidadáns que tamén se expresan en lingua galega, de novo semella inevitable inferir das súas palabras a escasa simpatía que profesa cara ao idioma.

De acordo coa información aparecida nos medios, e sen entrar a comentarmos a actitude pouco respectuosa coa cámara e os seus membros, si queremos manifestar o noso parecer sobre diversos puntos da súa argumentación:

1.- Vostede reprocha que se cite o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística para defender a liberdade lingüística, e engade «acórdese que tamén está a Constitución Española». Nada máis evidente que a plena constitucionalidade do Estatuto de Autonomía de Galicia, o mesmo que a da Lei de Normalización Lingüística; xa que logo, nada neles se opón á Constitución. Quere acaso dicir que hai algo no Estatuto que é contrario á Constitución?
Cónstanos que, por cargo e capacidade, vostede sabe que non. E sabe tamén que demandar políticas de apoio diferenciado á lingua galega é plenamente constitucional. Vexa senón, entre moitas outras que se poderían citar, o que se di na sentenza 337/1994 do Tribunal Constitucional, «que avala un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado».

2.- Todos os galegos e galegas temos dereito a exercermos a nosa liberdade lingüística individual, como vostede moi ben dixo. Compare o exercicio desta liberdade por parte dunha persoa castelanfalante e outra galegofalante ao falar co médico, facer un documento notarial, asistir á misa, casar, realizar unha entrevista na procura de emprego, ir ao cine, mercar nos centros comerciais, educar un fillo na lingua familiar, facer unha xestión xudicial ou responderlle a un xuíz en galego sen medo se este fala en castelán, ler un xornal... e un longuísimo etcétera. Estas e outras moitas serviríanlle para «informar do que pasa na rúa» con maior coñecemento e acerto. Ata hoxe estabamos seguros de que defendía a liberdade lingüística de toda a cidadanía, pero, das súas declaracións, deducimos que cando fala de liberdade lingüística só se refire á lingua castelá.

3.- Así as cousas, xa non nos sorprende o uso espurio que vostede fai da palabra liberdade. Certo que non é o único que utiliza estas trampas. Curiosamente, no mesmo día en que liamos as súas declaracións, os xornais informaban tamén que para os congresistas do partido republicano dos EUA a reforma sanitaria do presidente Barack Obama atenta contra as liberdades individuais; asombrosamente, citábana como un ataque similar ao que supuxo, para eles, a promulgación da lei de liberdades civís que o presidente Lyndon B. Johnson declarou en 1964; declaración que, como todos sabemos, constituíu un inmenso avance para as liberdades reais de todo o pobo estadounidense. Non caia, señor Valedor do Pobo, nun uso fraudulento da palabra liberdade, como o que vén de realizar Silvio Berlusconi declarándose vítima da «falta de liberdades» en Italia ou a vergoñenta actitude da Asociación Nacional do Rifle dos EUA que, no nome da liberdade individual, continúan a xustificar o inxustificable.

4.- A súa frase «ir cunha pistola ao peito a cada cidadán para que fale galego» aínda que se trate dunha metáfora, é tan ofensiva como impropia do seu cargo. Debe pedir desculpas a todas as persoas que defendemos o dereito ao uso e promoción da lingua propia de Galicia, porque nin somos nin seremos nós quen apelemos nunca ao uso da violencia e porque as referencias ás armas cárgaas o demo. En resumo, señor Valedor do Pobo, de vostede tiñamos que esperar outra actitude e outra práctica. Non está no seu posto para defender os poderosos fronte os débiles, trátese de persoas ou de linguas. Antes ben, desexariamos que tomase en conta o que no século XVIII dixo Rousseau: «Entre o forte e o débil, a liberdade oprime e a lei libera». Por iso acudimos a vostede tantas veces, para que nos defenda das invocacións falsarias da palabra liberdade. No tocante ás linguas, non esqueza que a oposición entre castelanfalantes e galegofalantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais."

24/03/2010

Memorias dun mestre itinerante


Redacción

O vindeiro venres, 26 de marzo terá lugar a presentación do libro "Avelino Fernández, memorias dun mestre itinerante", editado polo Instituto de Estudos Chairegos e coordinado por José-Luis Novo Cazón e Manuel Roca Cendán, cun prólogo de Xesús Alonso Montero e epílogo de Antígona Fernández. Serán precisamente todos eles quen presenten o libro ás 20:30 horas na Casa da Cultura vilalbesa.

As memorias de Avelino Fernández semellan unha tráxica novela de aventuras, propiciadas pola súa vinculación ao Maxisterio como fillo de mestre e mestre el mesmo, pola súa militancia republicana e polo seu carácter inconformista, que o moveu á procura dun mundo mellor e se cadra utópico.

Estas circunstancias talvez expliquen a súa andaina vital e profesional, peregrinando por terras que case sempre lle resultaron alleas e perigosas: soldado no norte de África, sarxento en Ávila, mestre en Olleros, Montouto, Lugo, Ouríz e Goiríz, practicante en Portomarín, carteiro en Lugo e en Marín...

Con todo, a historia esencial de Avelino Fernández foi a dun mestre itinerante, cuxa singradura percorreu na compaña de dúas mulleres ben queridas para el: Adoración, a súa dona, e Antígona, a súa única filla logo da prematura morte de Lenín, o seu primoxénito.

Inauguración de "O Druida Poeta" no Fogar do Santiso

Redacción

O venres 25 de marzo de 2010, entre o lusco e fusco, terá lugar a inauguración da obra escultórica "O Druida Poeta" no Fogar do Santiso, coa celebración dunha festa senlleira con música tradicional galega. Aproveitarase a inauguración do monumento para exaltar a cultura popular de aldea e lembrar o significado do noso pasado celta. Unha queimada popular bendecirá ás persoas que queran participar neste acontecemento. A compostelá Banda das Crechas, agasallaranos cunha foliada. Amósase unha nova aposta pola Sustentabilidade, ao presentaren unha obra artística realizada co vidro reciclado das botellas do restaurante o Fogar do Santiso.

“O Druida Poeta” é unha escultura realizada coa técnica do molde perdido e está composta por unha tonelada de vidro reciclado. Na súa elaboración utilizáronse 400 kg. de barro de Buño, montados sobre unha estrutura metálica que encheuse de lixo non orgánico para compactala. Posteriormente e unha vez feito o modelado en arxila, realizouse un molde de escaiola, separado por distintas planchas de offset recicladas, para facilitar a súa rotura posterior. 1.200 kg. de escaiola foron necesarios para cubrir o devandito molde da escultura.

Unhas 2.500 botellas de vidro de distintas cores, aproximadamente 1 tonelada, procedentes do restaurante O Fogar do Santiso, foron moidas con distintos grosores e texturas para pasar a formar parte do corpo actual da escultura, ao encheren o molde realizado previamente. A arxila e a estrutura que acolleu o primeiro corpo será reutilizada para outras obras.

“O Druida Poeta” ficára disposto nun conxunto artístico especialmente deseñado para o seu emplazamento, un cromlech (composto por pedras graníticas) de 5 metros de diámetro, orientado aos 4 puntos cardinais e seguindo unha liña magnética e enerxética que descorre paralela á Mámoa de Trasellas. Alí no centro deste conxunto disponse o monumento, integrado por a escultura do druida de 2,50 metros de altura, que ficará á súa vez disposta sobre un cachopo de carballo de 2,30 metros. Case que 5 metros de monumento, no que o druida mira á saída do sol. A súa mirada, concentrase nun punto do cromlech e noutro, está disposta unha pedra cun pousamáns. Unha lenda dun poema realizado polo noso vello José Santiso, percorrerá o pergamino que cae das mans do druida por riba do cachopo de carballo. Nas palabras e nas lembranzas da súa oda comeza unha fusión de mesaxes, emocións, enerxias e materiais. Toda ela vencellada con festas novas, as das botellas bebidas no Santiso a finais de verán e outono do 2009; porque elas son o corpo do pergamino. Pero tamén referencias vencelladas ao máis vello de todas nós, á cultura Celta presentada polo seu mesaxeiro máximo, o druida e a súa mesaxe. Ista mesaxe non ten territorio definido, e para todos os territorios de orixe druídico. Tampoco ten tempo, é inmaterial e eterna.

Co galego, sempre


Francisco López

O galego veuse mantendo polo uso das familias e do pobo en xeral nas súas relacións cotiáns. Os cambios do campo a cidade, a sangría da emigración, a escolarización en castelán con contidos alleos, a desvalorización de Galiza e do propio, o mantemento, a acentuación da discriminación e represión do galego como idioma polo réxime franquista. A todo isto hai que engadir a enorme presión dos medios de comunicación dende o século pasado, principalmente o cinema a partir dos 40, a radio nos 50, e a televisión, nos 60, que actúan como auténticos impositores lingüísticos do castelán e de realidades alleas, teñen feito moito dano a lingua galega.

A defensa do galego efectuada pola intelectualidade e a sociedade comprometida impediu un dano maior. Malia a todo, e aínda que ten habido algún retroceso, as familias seguen a manter a lingua propia. Non podemos esquecer que o cerne dunha sociedade son as familias, a familia é unidade social, así está recoñecida na filosofía e mesmo na política. Xerar unha disputa familiar, con motivo da elección no ensino infantil entre dúas linguas irmáns -galego e castelán- é un claro atentado, tan noxento como un acto de barbarie.

A liberdade de elixir a lingua do ensino na educación infantil pretendida polo PP en Galicia é unha enorme mentira con apariencia democrática. Unha vez de concedido o dereito de elección de lingua as familias, utilizase este dereito para impoñer “no seu nome” -nunha clara perversión democrática- unha lingua sobre outra, ao resto . A decisión vai ser por maioría simple, é dicir, a metade mais un dos participantes na consulta, como pasará en primaria de 4 a 6 anos en que 13 familias impoñerán a lingua do ensino ás outras 12. Así, socialmente pretendese que as familias “maioritarias” aparezan como os impositores da lingua de educación dos fillos das familias “minoritarias”. A discordia e o enfrontamento están servidos.

Algo estaba a mudar co bipartito, PSOE e BNG, coa creación das galescolas e seu proxecto educativo, e o decreto -desenvolvedor da normalización lingüística- do galego no ensino. Estábase a fomentar o uso do idioma propio na infancia, facendo un apoio as familias, que por diversas cuestións, tiñan abandonado, ou minorizado o uso da lingua galega. As galescolas estaban chamadas a manter a influencia no mantemento da lingua que tiñan perdido as familias.

O disfrace “democrático” da consulta as familias na educación infantil, agacha unha actitude autoritaria de querer impedir que os nosos fillos e fillas aprendan en galego. Nun espazo dominado polo castelán, non fai ningún mal que eles aprendan as primeiras verbas, nin que adquiran o coñecemento de ler e escribir en galego, e que pola contra resulta moi beneficiosa para a súa educación.

Quen dende unha postura acomplexada, sectaria, antidemocrática, reivindican o castelán fronte o galego, tiveron claro que tiñan que destruír: a educación infantil en galego, o primeiro paso foi a supresión das “galescolas” e o seu proxecto educativo (deica ós 3 anos), agora rematase coa desvalorización do galego no seguinte ciclo de infantil (de 3 a 6 anos). Retirarlle o dereito ás crianzas a recibir a primeira educación en galego, como queren facer o impositores do castelán e os gobernantes do PP, vai na intención de -a medio prazo- agudizar o proceso exterminador da nosa lingua.

Mais a sociedade galega vai dar resposta, e está a traballar en artellala. Milleiros de persoas están dispostas ao día de hoxe a facer unha achega económica e social para que se faga unha rede de novas galescolas, que permitan no futuro a educación infantil en galego, en favor de toda a sociedade, a galega falante e por suposto a castelán falante.

Máis información en: Galiza co galego http://limiargalego.blogspot.com

Con Touriñán ao fondo


Fermín Bouza

Sería de desexar que o PSdG fose ese partido socialdemócrata que se achega máis ao estilo sueco, prestixioso e eficiente, próximo ás causas do progreso humano, que ao modo da dereita máis local e urbanística (xa me entenden), na que nunca falta un golfo para unha boa proposta e morra o conto.

Este estilo foi compartido por xentes de moitos partidos durante moitos anos: calquera crápula local facíase rápido co poder local ata que algún xuíz entraba a saco e metíaos a todos na choupela, aínda que algúns se salvaron por pelos porque puideron contar con algunha axuda a tempo, pero calquera día vólvenlles dar un aviso. En Madrid ou na Coruña, dá o mesmo.

En tempos de acumulación de capital (acumulación ficticia en moitos casos: velaí a crise) todo vale, e o máis serio dos asistentes á procesión do Santo Enterro está mangoneando un cheque baixo corda e preparándose un bo retiro. Estes sanos costumes patrióticos e relixiosos, que encheron os petos de diversos e abundantes políticos, deben rematar pola boa orde dun país que xa sen corrupción é complicado, e con corrupción é un pipote de pólvora.

En que estaría eu pensando para botar esta filípica? Xa, en Touriñán e en todo o que podería significar para Galicia que algo se torcese nesta dura loita pola conservación mínima do territorio, cada vez máis difícil e, ademais, en tempos de crises, contra a absurda idea de que da destrución do territorio nace algunha forma de rexeneración laboral ou demográfica.

Hai moito tempo que non pertenzo a ningunha organización política (desde a noite dos tempos, digamos), pero vivín nalgunhas delas a angustia da corrupción, da noticia inesperada da corrupción, e a desolación consecuente, pois o meu traballo foi con frecuencia no interior das organizacións. Sigo crendo que, a pesar da experiencia acumulada, os partidos non fan todo o posible por garantir a normalidade democrática no dominio das tentacións, que non é só específico da Santa Nai Igrexa, que as ten maiormente doutra orde, non menos peliagudo e complexo de abordar.

Sigo a crer tamén que a inmensa maioría dos militantes non están en absoluto tocados pola corrupción. Estamos todos moi atentos a calquera problema neste desagradable territorio, e prego que se me fagan chegar noticias á menor sospeita de calquera cousa desta clase. Forma parte do mínimo deber e a minima moralia de calquera demócrata en loita polas cousas necesarias e elementais que fan posible tamén unha mínima dignidade.

Cursos de formación para o ensino de linguas a estudantes estranxeiros en Lugo


Redacción

Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presenta no Campus de Lugo a II edición do Curso de formación inicial para profesorado de español como lingua estranxeira (ELE), organizado en colaboración co Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC.

Con esta acción, a USC aposta por consolidar no Campus de Lugo a oferta académica e formativa dirixida aos estudantes estranxeiros e aos docentes que busquen unha especialización neste eido. Con tal motivo, a oferta de programas en Lugo abrangue dende cursos de formación de profesorado ao longo de todo o ano como cursos de lingua e cultura para estudantes estranxeiros nos meses de verán.

Este curso de formación inicial para profesorado celebrarase entre o 3 e o 14 de maio na Facultade de Humanidades. O máis valorado polos asistentes na pasada edición foi o seu enfoque teórico-práctico e o perfil profesional e académico dos docentes, que proceden da propia USC, de Cursos Internacionais e do Centro de Linguas Modernas (CLM).

A devandita actividade diríxese aos profesionais do ensino primario e secundario, así como a estudantes de Filoloxía, Traducción e Interpretación, Formación de Profesorado, e tamén a alumnos procedentes de disciplinas sociais vencelladas á integración de inmigrantes, que ven no ensino de linguas aos estranxeiros unha aplicación práctica no seu posto de traballo e unha saída profesional. Para máis información pódese visitar a páxina www.cursosinternacionais.usc.es

23/03/2010

Mostra de traxe tradicional galego en Lugo

Redacción

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, ven de organizar unha exposición de traxes tradicionais galegos que se poderá visitar na sala de exposicións do Complexo Residencial Xuvenil LUG II de Lugo durante esta semana.As primeiras mostras gráficas de roupa tradicional remóntanse ó século XVIII. Os labores típicos de cada zona, os costumes, e as condicións económicas determinaban as diferencias na forma de vestir. Nesta exposición, que está formada por un total de 20 traxes da colección de Alberto Golpe, poderemos ver a diversidade do traxe tradicional galego e a súa riqueza etnográfica.

En concreto, na exposición poderanse observar catro traxes antigos de muller de cerimonia de Betanzos, Meira, Cedeira e A Ulla, un traxe antigo montañes de Vilalba, tres reproduccions de traxes de cerimonia de muller de Bergantiños, Muros e Amaia, oito reproduccions de traxes montañeses de muller de Portomarin. Muras, Carballedo, Monterroso, Mesia, Abadin e Sarria, e catro traxes de home montañeses e de cerimonia, todos eles traxes completos, con calzado, complementos e adornos propios do vestir doutro tempo.

Alberto Golpe leva estudiado e recuperado diversos traxes do século pasado, contribuíindo a un mellor coñecemento da nosa cultura popular, das orixes e das diferentes tipoloxías de traxes tradicionais galegos. Un ejemplo de esto son os premios acadados en distintos concursos como os do enxalzamento do traxe galego en Vigo e en Santiago.

A maiores da exposición, o venres día 26 de marzo ás 18.30 h. terá lugar unha charla coloquio onde Alberto Golpe explicará aos asistentes a orixe e evolución histórica de cada unha das prendas e dos seus complementos, os seus materiais en función dos labores típicos, dos costumes, e da tradición ou condicións socioeconómicas da cada zona.

Estas xornadas están enmarcadas dentro dun conxunto de actividades realizadas pola Tradescola, co propósito de acercar a cultura tradicional galega a toda a poboación. A AGG mostra así a súa inquedanza por manter a riqueza da vestimenta tradicional e conservar así esta parte da nosa cultura.

Ésta exposición permanecerá aberta dende o día 22 ata o día 28 de Marzo do 2010 en horario de tarde no Complexo Residencial Xuvenil Lug II, na Rúa Pintor Corredoira nº 4 de Lugo. A inauguración terá lugar hoxe martes 23 de Marzo ás 20.00 horas.

Obras no Hospital San Rafael de Castro de Rei



Redacción


A Deputación de Lugo ven de adxudicar, no Hospital Psiquiátrico San Rafael de Castro de Rei, a realización de obras de pintado dos pasillos da ala central así como a substitución de ventanais exteriores por un importe de 38.000 euros. Tamén foron adxudicadas as obras de mellora da acometida de auga e a instalación de filtros autolimpantes adaptados á Normativa Europea de auga potable por un importe de 30.000 euros.



A execución destes contratos son a materialización do compromiso da Vicepresidenta 3ª e responsable da área de Sanidade, a deputada Mª Xosé Vega Buján de dignificar as condicións de vida e traballo do persoal e pacientes no Hospital San Rafael a traverso da execución de pequenas obras mentras non se materialice a transferencia do Hospital á rede Sanitaria Pública do Sergas.



E son a continuidade doutras obras realizadas anteriormente con cargo aos Orzamentos da Deputación Provincial dos anos 2008 e 2009, como poden ser a nova traida de auga dende a rede municipal de Castro de Rei, a modernización informática, a reparación dos tellados, baixantes e falsos teitos, a construcción de novos aseos no pavillón Torremolinos, a reforma dos aseos no pavillón Marbella, ou a adquisición dun grupo electróxeno e por un importe aproximado de 300.000 euros.


Arte breve de cociña chairega no Parador de Vilalba


Redacción

Esta mañá tivo lugar no Parador de Turismo de Vilalba a presentación e degustación da “Arte Breve de Cociña”, adicada nesta ocación á Cociña Chairega, nun percorrido pola historia da gastronomía da Terra Chá expresado en pequenos bocados para saborear a cultura e a tradición dos seus productos.

Esta iniciativa é a nova proposta de Paradores de Turismo e desenvolveuse na Torre dos Andrade a partir das 12:30 horas do mediodía, nun acto presidido polo Director do Parador de Vilalba, Pablo Hermida Vázquez (na fotografía), que estivo acompañado de todo o seu staff.

Entre os convidados, unha nutrida representación da sociedade vilalbesa, amigos de Paradores procedentes de distintos puntos da provincia e xornalistas dos principais medios de comunicación da comarca, que puideron degustar os bocados dos Andrade (salpicón de fabas de Lourenzá, empanada gramada e buñuelos de lacón con grelos), os hortos e capoeiras do Torreón (cunha salada de capón marinado con vinagreta de frambuesa) e a tarteira do Condado de Montenegro (xarrete de tenreira ao viño de Amandi con cabaza e cachelo). Todo elo regado cunha ampla selección de viños galegos. De postre, un queixo en doce (semifrío de queixo de San Simon sobre pastel de millo e mel galego).

Humor

O SLG debate propostas para a PAC2013

Redacción

No día de hoxe tivo lugar n´A Estrada a décima xornada de debate do Sindicato Labrego Galego dentro da programación de case unha vintena de encontros que abarcan as zonas de Teixeiro, Arzúa, Ferrol, Betanzos, Ordes, Lalín, A estrada, Pontecaldelas, Becerreá, Chantada, Ribadeo, Lourenzá, Santa Comba e Vilalba. Afiliadas e afiliados do SLG analizaron como afectará a PAC2013 para extraer as propostas que como Sindicato trasladaranse a tódalas instancias políticas, demandando, ao mesmo tempo participar activamente na construción da política agraria que rexerá os mercados e modos de produción na UE.

A presidencia española na UE no propio momento en que se están a deseñar as novas políticas para o subministro de alimentación en Europa, é unha oportunidade inmellorábel para comprobar con que tipo de agricultura e alimentación se compromete o Goberno central. É por isto que os membros do SLG estarán pendentes da recollida e traslado das nosas propostas aos órganos decisorios da Unión Europea neste ámbito, nomeadamente a Comisión de agricultura, o Consello Agrícola e as diferentes reunións dos e das representantes políticas de cada país vinculadas ao eido agrario.

A actitude do Goberno galego, pola súa banda, poderase testar xa nesta semana, xa que comprometeuse a defender en tódolos ámbitos de debate político as premisas consensuadas e achegadas polas tres organizacións sindicais agrarias, incluíndoas no documento que presentará ao sector produtor o vindeiro xoves 25, ás 17:00hrs., no marco do Consello Agrario (na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, estrada de Noia, km3, A Barcia).

Entre os obxectivos discutidos e que se están a revelar nesta ronda de debates comarcais coma fundamentais na elaboración da vindeira PAC 2013, destácanse os seguintes:

* Manter e desenvolver unha agricultura labrega que alimente á poboación, preserve o medio ambiente e as paisaxes, e garanta alimentos sans.
* Para que este primeiro punto sexa posíbel, a política agraria haberá de garantir prezos estábeis para os nosos produtos, remunerando tamén a función de coidadoras do medio que realizan as labregas e labregos.
* Relocalizar en territorio europeo a produción de alimentos que vai ser consumida na UE, en troques de manter o actual transporte de alimentos que poderían ser producidos aquí, dende outros países a máis baixo custo económico para as multinacionais.
* Rematar co dominio mundial das industrias e da grande distribución na cadea alimentaria dos pobos.

Para acadar os obxectivos enunciados, o Sindicato Labrego Galego demanda as seguintes ferramentas:

1. O control da produción mediante o establecemento de mecanismos de equilibrio entre oferta e demanda.
2. Regular os mercados inhabilitando os acordos tomados na Ronda de Doha no 1994, e que na actualidade obrigan a tódolos países europeos a importar de fóra da UE un 5% de tódolos produtos, haxa ou non produción dos mesmos nos países comunitarios.
3. Cesar o emprego de diñeiro público para axudar á exportación de produtos europeos, posto que está a influír á baixa no prezo dos produtos nos países de acollida. Por outra banda, cómpre tamén manter ou aumentar a preferencia comunitaria mediante o sistema de aranceis (impostos que equilibran os prezos de fóra da UE -máis baixos- cos de dentro), rompendo a tendencia actual, na que nos atopamos nos nosos mercados coa entrada de alimentos a moi baixo prezo, mais que foron producidos a costa dun grande custo social e ecolóxico.
4. Acadar a total transparencia da cadea alimentaria, establecendo un prezo mínimo para o sector produtor e limitando as marxes de beneficio da distribución e industria, garantindo aos consumidores/as a non especulación cos produtos alimentares.
5. Garantir orzamento comunitario para o mantemento de axudas, con topes máximos, por activos agrarios, non por hectáreas nin cabezas de gando, establecendo un plus para aqueles activos que ademais produzan alimentos en zonas agroclimaticamente desfavorecidas.

22/03/2010

A Queixería Catadoiro, premiada en Alimentaria 2010


Redacción

A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, entregou hoxe os premios "Mellores Queixos 2009", no marco da Feira Alimentaria que se celebra en Barcelona, onde a Queixería Catadoiro de Vilalba recibiu o Premio Alimento de España ao "Mellor Queixo 2009". Este feito serviu de promoción á denominación de orixe San Simón da Costa, que o vindeiro 4 de abril celebrará a súa Feira do Queixo na capital da Chaira.

Outros queixos galardoados pertencen a Valencia, A Coruña, Toledo, Cádiz, Cidade Real, Fuerteventura, Huesca e Cantabria. O obxectivo destes premios é promocionar e dar a coñecer os queixos autóctonos do Estado español, os queixos ecolóxicos e outros tipos de queixos que teñen unha gran calidade organoléptica, así como estimular aos produtores a elaborar e comercializar estes produtos.

Asemade, búscase revalorizar o labor desenvolvido por profesionais e entidades que dun ou doutro xeito participan na cadea agroalimentaria, así como os aspectos relacionados coa agricultura ecolóxica e a conservación do medio ambiente. Tamén pretendese revalorizar estes galardóns de maneira que adquiran unha importancia relevante, tanto dentro do sector agroalimentario como da sociedade en xeral.

Antón Bao insta á Xunta a pronunciarse sobre o proxecto da Casa-Museo de Manuel María


Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno de organismo provincial, fóra dos asuntos da orde do día, do estado no que se atopa o proxecto para levar a cabo a conversión da casa natal de Manuel María nun centro museístico para o estudo e divulgación da obra do insigne poeta chairego. Neste camiño, Antón Bao manifestou que até o de agora “a acollida e predisposición a colaborar no proxecto de todas as administracións ás que se lles foi conquirindo o seu apoio foi enormemente positiva e ilusionante, agás da Consellería de Cultura que continúa sen dar ningunha resposta”.

Deste xeito, Bao lembrou que, logo das diferentes xuntanzas e conversas que se foron dando en datas pasadas, tanto a Deputación da Coruña como a Deputación de Ourense –contando coa aprobación do seu presidente nunha xuntanza celebrada a finais de xaneiro en Ourense- manifestaron o seu compromiso e interese en colaborar co desenvolvemento da iniciativa de musealización da casa natal de Manuel María, así como numerosos concellos. É especialmente significativa, para Antón Bao, a boa predisposición a aportar a súa colaboración dos concellos cos que Manuel María tivo en vida máis relación, como foron o de Outeiro de Rei, cuxo alcalde manifestou nunha recente entrevista co vicepresidente provincial que ofrecería a “máxima colaboración”, ou o de Monforte de Lemos.

Por iso, Antón Bao reclamou unha resposta da Consellería de Cultura xa que, segundo explicou, “non obtiveron resposta ningunha das dúas cartas que lles remitimos facéndolles saber do noso interese por que participasen no proxecto”. Bao explicou que, logo dunha primeira misiva enviada en decembro á Consellería de Cultura na que se lle informaba da posta en marcha da iniciativa de musealización da casa de Manuel María e da proposta de colaboración entre institucións á que non se respondeu, o pasado 15 de marzo enviábase outra carta (tamén dirixida á delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo e ao xefe territorial da Consellería de Cultura en Lugo) na que se explicaban os avances que se ían dando e se requiría novamente que a Consellería de Cultura se pronunciase ao respecto dunha vez. Non obstante, o silencio foi a única resposta que a Área de Cultura da Deputación de Lugo obtivo da Consellería de Cultura.

Antón Bao manifestou que a Consellería de Cultura “é unha pata da mesa moi importante que aínda nos falla para o proxecto” e que debe participar “por ser unha iniciativa cultural dunha magnitude que transcende o ámbito local, importante para toda Galiza e os galegos e galegas”. E, neste sentido, confiou en que os máximos responsables en materia cultural do país teñan en conta isto e se sumen ao proxecto para converter a casa de Manuel María nun referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego.

À rebours Bob Esponxa

Bruno Marcos

O tempo da natureza caducou, dicía o, un tanto cargante, Des Esseintes de Huysmans, mais, si non fóra por todo o aparato decimonónico, os monóculos e as luvas amarelas, todo o do dandismo estaría totalmente en vigor. Se non fóra polo encorsetados que andan os poemas de Baudelaire en sonetos e demais poderían configurar todo o repertorio das nosas temáticas contemporáneas, a saber, a cidade, o langrán, o mirón, o flâneur, a prostituta, as drogas, os paraísos artificiais, o luxo... Iso si envolto todo hoxe no cinismo postmoderno... Sería hoxe impensable o que dixese Baudelaire do policía e o obreiro, ese pega, pega máis forte porque ese obreiro é o inimigo das flores e da beleza, é o inimigo de Watteau...

Bob Esponxa ten capturado, namorado, engaiolado ao programador infantil da cadea estatal. Bob habita nun fondo mariño aloucado no que un cangrexo rexenta un hamburguesería na que a esponxa goza dándoo todo para ser o traballador do mes.

A súa casa é unha piña, os seus amigos unha estrela de mar chamada Patricio e un polbo amargurado chamado Calamardoc. Ambolos dous son un par de frikis como os da periferia de calquera cidade estadounidense. O agudo e superficial Bob non ten forma irregular de esponxa mariña senón que é cadrado como unha esponxa mala de baño.

Non é de estrañar que, entre todo, un día aparecese o Jim Jarmusch real, non o de debuxos, pescando, ou que unha colección de piratas destartelados, -tamén con actores reais- desdentados, choscos, coxos, cheos de grans e con cabelos graxentos corran ao cinema para ver a película de Bob. Na longametraxe vese a Bob esponxa nunha escena, despois de perder o desexado ascenso ao encargado da hamburguesería pola súa puerilidade, afastarse cara ao horizonte mariño repetindo: "Estou preparado para a depresión, estou preparado para a depresión..."

Pero, e por que todo iso ocorre no fondo do mar? Seica porque o tempo da natureza expirou como dicía Huysmans e por que todo está À rebours, do revés?

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO


Un debate insulso

Antonio Cendán Fraga

Os vellos comentaristas deportivos definían os partidos de fútbol que eran malos de solemnidade coma insulsos e faltos de respectabilidade para o público. Algo semellante lle vén de ocorrer ao último debate sobre o estado da Autonomía. Consumíronse inutilmente dous días nos que faltaron propostas concretas e lles sobraron florituras e brindes ao sol, algo do que imos sobrados os galegos.

Un dos asuntos que máis me sorprendeu por parte do titular da Xunta foi a proposta de rexuvenecer o país. Esta proposta ese cadra máis vella que o autogoberno galego. O debate demográfico iniciouse nos anos oitenta, pero para desgraza nosa non se tomou en serio. Logo retomouno Fraga Iribarne unha década despois, pero dun xeito que se podería cualificar de trivial pola forma en que o propuxo. Cando se estivo tantos anos no poder e non resolver o principal problema que lle afecta ao país galego denota cando menos unha certa falta de sensibilidade por parte dos que agora teñen de novo o temón do poder, cando eles non son os que predican precisamente co exemplo.

Desgrazadamente, a batalla da demografía perdeuse hai xa moitos anos e agora e case imposible facerlle fronte. O Goberno galego volveu dar de novo unha apatía xeneralizada nos asuntos que directamente lle afectan a Galicia. O peor de todo é a falta de compromiso e a inseguridade que está a amosar tanto a Xunta coma os seus membros.

Nun ano de poder nótase a ausencia total de proxectos serios. Aí están asuntos coma a Lei de Caixas na que o partido que sustenta o Goberno galego se instalou na indefinición, malia contar con apoio case consensuado do Parlamento galego. Están máis pendentes do que diga Madrid ou do que deixe de dicir. A imaxe que se está a transmitir con estes asuntos de cara ao propio país é pobre. Galicia non é ese país idealizado que tan só está na mente do seu presidente. Pola contra, é unha terra duramente afectada pola crise económica, aínda que ninguén lle nega que é un fenómeno global, pero no que un Goberno autónomo tería algo que dicir e tamén que actuar. Notouse a ausencia dunha idea clara sobre o que está a pasar no tecido social galego, o que segue a ser moi alleo para os actuais dirixentes do país. Un debate non deixa de ser iso, pero dende logo era o máis importante do ano. Pero unha vez que vimos cales foron os seus eixos, non é de estrañar que unha gran maioría dos galegos miren con indiferenza a súa clase gobernante, que vive illada nunha gurgulla mentres a cidadanía toma un camiño distinto coma non podía ser doutro xeito.

Do [bi]goberno ao [des]goberno


Iago Castro

Se vostede, amábel lector, votou unas pasadas eleccións autonómicas ao Partido Popular de Galicia, terase aledado lexitimamente do trunfo da súa opción na noite electoral do 1 de marzo. Pero é probábel que a estas alturas se teña interrogado acerca de se isto que está a pasar é o mesmo que vostede decidiu naquela altura. Levo razón?

Explícome. Vostede seguramente defendeu co seu voto unha traxectoria, a do PPdeG dende a primeira vitoria de Manuel Fraga até a derrota do ano 2005. Tamén influiría na súa democrática decisión unha presa de promesas electorais formuladas durante a campaña e que, en maior ou menor medida, concordan coa súa visión do país, das que, con seguridade, vostede aplaudiu aquela de acabar coa crise en corenta e cinco días.

Pasou un ano, a cuarta parte da lexislatura, e podemos ir facendo unha análise de canto foi sucedendo até agora para ver se, efectivamente, o seu “contrato” electoral se está a cumprir. Xa me coñece, e sabe perfectamente que coxeo do pé esquerdo, pero gustaríame poñerme no seu lugar por unha vez. Por que? Ben, a esquerda deste país está claro que abomina deste goberno. Por esa banda non hai moito máis que dicir. Interesa máis tratar de inferir que pensa aquela dereita moderada “bávara”, case socialcristiá e maioritaria en Galiza que mantivo por dezaseis anos un sólido goberno autonómico.

Logo entón, comezamos pola maior: é aquel PPdG o que está a gobernar? Vexamos. Eu creo que a vitoria de Núñez Feijóo no proceso de sucesión de Fraga significou a fin do conflito entre boinas e birretes, si, pero dunha maneira que convén analizar polo miúdo. Arrasaron os do birrete, ou máis ben unha parte deles. É evidente que unha parte substancial do partido, por non dicir a maioritaria, quedou absolutamente fóra dos centros de decisión. A composición do goberno saído das urnas deixa ás claras a total marxinación de amplos sectores populares (barreiristas, baltaristas, cuiñistas, etc.) e o empoleiramento dun pequeno sector sostido pola agochada man de Romay Beccaría quen, non o dubide, é a pantasma omnipresente na política galega actual. As actitudes deste sector, as súas formas, a cada vez máis evidente “axenda oculta” coa que traballa, fai pensar se non deixaron vostedes o goberno galego nas mans dunha “sectiña”, no sentido metafórico e non pexorativo do termo, en prexuízo da liña que viña a seguir o seu partido.

Vostede é partidario de liderados firmes e sólidos. É por iso que seguiu a Fraga ás duras e ás maduras e, se cadra, o estea a botar de menos. Non ten a sensación de que Alberto Núñez Feijóo está a outra cousa? Non cre moitas veces que o noso presidente mira demasiado a Madrid, que son os medios de comunicación da capital do Estado os que marcan a súa axenda, e non as necesidades do país? E, o que é peor, non lle parece que moitas decisións políticas clave se toman máis para contentar a certos sectores da dereita estatal que pensando nas propias prioridades? Non estará este home pensando máis na Moncloa que en San Caetano, que é o que agora ten entre mans?

Porque, amigo meu, como bo conservador non cre nos cambios radicais. Cantas veces terá dito neste ano, vendo como o goberno se dedica case en exclusiva a desmontar as medidas do bipartito, aquela frase tan sabia de “algo terán feito ben, ou?”. Pois parece que non. A listaxe de enmendas é abondo elocuente: reparto eólico, servizos sociais, cultura, ordenamento do territorio, política agraria, normalización lingüística... alén de babecadas como aquela dos audis. Tal parece que o que practica o executivo de Feijóo é a arte de [des]gobernar, pero, que van facer cando rematen coa labor executiva do bipartito? Alguén sabe cal é o proxecto de Feijóo?

A vostede, como a min, encabúxano certas actitudes, saídas de testo, máis ben, dalgúns dos máis sinalados conselleiros. Non é tanto que Roberto Varela dixese “Desván de los Monjes” senón que o negara no parlamento, recinto case sagrado en democracia. Mentiu e aquí non pasou nada. E van...

E aquí probabelmente entremos na cuestión na que podemos estar máis de acordo. Nin vostede nin eu damos entendido que lles fixo a nosa lingua común a estes “urbanitas” para que se dean contra ela con tanta saña: a derrogación do decreto que eles mesmos estiveron a piques de consensuar, na liña do acordo que foi salvando os mobles ao longo de toda a nosa historia autonómica, a supresión do galego nas oposicións, as constantes diatribas cara un signo de identidade que é tan noso como a catedral de Santiago... E non é, como pensan algúns, que se meteran un xardín vía promesa electoral do que non saben saír. Hai unha evidente acción política, tristemente a única visíbel, orientada cara a marxinación do idioma galego en Galiza froito de quen sabe que complexos que se agochan na “sectiña” que hoxe ten as chaves do poder.

Chaves que, por certo, cando hai ocasión parece que nin sequera saben usar. Cada vez está máis claro que a espectacular intromisión do goberno no asunto das caixas, logo de meses de absoluto desleixo, todo hai que dicilo, está a crear un grave problema para o futuro destas entidades. Entraron no asunto cal modernos atilas sen estratexia de ningunha clase e sen o que hoxe se chama “folla de ruta”. O resultado salta á vista, e cada vez se albisca máis lonxe un fin ao xeito para este sarillo derivado a “culebrón”.

Sendo honrados, non parece este un ano perdido? Un executivo desnortado, no medio dunha crise na que, non o esquezamos, os gobernos autonómicos contan con competencias máis que suficientes para adoptar medidas correctoras.

Ou é acaso que a clave da saída máxica da crise está en que os nosos pícaros aprendan as matemáticas en castellano?

20/03/2010

Denuncia do Sindicato Labrego Galego

Redacción

O Sindicato Labrego Galego denuncia as presións da industria láctea Puleva aos gandeiros e gandeiras da comarca da Terra Chá, aos que ameaza cunha baixada na factura do leite baseándose no feito de seren explotacións que superan en produción a cantidade de cota asignada, malia que mesmo o propio Ministerio do Medio Rural declarou que no presente ano 2010 o Estado non chegará a cubrir a cota, como tampouco o fixo no ano pasado.

Ademais, e precisamente por este motivo, este ano por primeira vez o FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) anunciou que non se farán retencións. Fica claro, xa que logo, que esta ameaza é, nin máis nin menos, ca unha tentativa de realizar unha baixada unilateral do prezo, posto que non existe ningún tipo de cobertura legal que xustifique esta penalización que pretende impor Puleva.

Para o SLG esta é unha clara consecuencia da concentración de industrias lácteas en cada vez menos mans, que non dubidan en facer uso da súa forza monopolista para impoñer prezos o máis baixos posíbel ao sector produtor.

Humor

19/03/2010

Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais

Redacción

A Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais composta por máis de 60 entidades sociais e concellos de Galicia, entre as que se atopan concellos pequenos como: A Bola, Poboa de Brollón; concellos medianos como: O Carballiño, Melide, Morforte ou Boiro; Concellos grandes como: Vigo ou Vilagarcía; e entidades como os Colexios Profesionais de Psicolog@s e Educador@S Sociais de Galicia, diversas entidades sectoriais do ámbito da Inclusión Social, da promoción da autonomia persoal, das drogodependencias, etc., tales como: a Fundación Érguete-Integración, Alcer, Plataforma polo Emprego, Plans Comunitarios dos Barrios de Vite ou Teis, partidos políticos como o PSdG-PSOE, BNG ou EU, e máis de dous centos de cidadáns e cidadás, maioritariamente técnicos e profesionais dos servizos de benestar social desenvolveu unha Rolda de Prensa Informativa hoxe xoves día 18 de Marzo ás 11:00 h na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova nº 16), para realizar un Acto Público que contou coa presenza de representantes das entidades que conforman a Plataforma e tamén de persoas de xeito individual, e no que interviron:

* Carlos Aymerich, palamentario do BNG
* Xabier Ron, de Esquerda Unida
* Laura Cruz , do Colexio de Educador@s Sociais de Galicia
* Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego
* Miguel Fernández, da Plataforma polo Emprego e como Voceiro da Plataforma en Defensa do Sistema Público de Servizos Sociais.

O Acto incluíu:

1.- Presentación da Moción Parlamentaria que esta Plataforma presentou aos tres grupos parlamentarios coincidindo co primeiro ano de entrada en vigor da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galiza, que recolle os principais incumprimentos e dilacións no desenvolvemento desta Lei e polo tanto para instar ao goberno da Xunta para o axeitado cumprimento desta Normativa do máximo rango a nivel autónomico que define precisamente aos servizos sociais como un sistema público ao mesmo nivel que os sistemas educativo, sanitario ou da seguridade social, e que converte, polo tanto, aos servizos sociais como o cuarto piar do estado do benestar. Este Texto foi acollido de forma moi favorable polos grupos parlamentarios do PSdG-PSOE e do BNG que se comprometeron a defendelo na Cámara Autonómica. O PPdG informou que habería algúns aspectos dos recollidos na Moción nos que podían coincidir aínda que non podían aceptar o contido completo da mesma.


As principais demandas que recolle a Moción presentada por esta Plataforma para cumprir no ano 2010 son:

1.- Implantación xeneralizada da Tarxeta Social Galega, de carácter persoal e intransferible que acredita como titular do dereito ao acceso aos servizos sociais: Posta en marcha do Expediente social básico único e do Mapa galego de servizos sociais no que se definen as áreas sociais e se establecen os criterios de dotación de centros e de servizos en todo o territorio galego.

2.- Aprobación e desenvolvemento do Catálogo de servizos sociais.

3.- Dotación dos medios precisos á Axencia Galega de Servizos Sociais para a súa posta en funcionamento e o cumprimento das súas funcións.

4.- Revisión urxente da regulación legal da renda de integración social de Galicia establecida na Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, e elaboración e aprobación dunha nova lei de inserción social de Galicia.

5.- Determinar os equipamentos, persoal profesional e equipos técnicos interdisciplinares en cada nivel de actuación da estrutura básica dos servizos sociais, tanto municipal como comarcal. Fixando as titulacións e as cualificacións profesionais e os ratios de cobertura dos equipos de traballo. Todo elo coa aprobación do Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais.

6.- Consolidación da rede de Oficinas de Igualdade e Benestar e a súa ampliación que garanta unha eficaz cobertura das necesidades, dotadas de equipos profesionais interdisciplinares que actuando en rede complementen o labor dos servizos sociais comunitarios básicos dos concellos en relación coas situacións de exclusión e desigualdade social.

7.- Consolidación da xestión pública dos centros de atención xerontolóxica que atenden a persoas en situación de dependencia ou en risco de padecela, en particular a rede de Centros de Día. Consolidación de programas de proximidade que vertebren e cubran homoxeneamente a atención en toda Galicia.

8.- Constitución inmediata dos órganos de participación recollidos na lei, nomeadamente o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais. Constitución tamén da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social.

2.- Información e denuncia pública das primeiras privatizacións de centros sociais públicos que afectan a 7 concellos de Galicia: Culleredo, Rois, San Sadurniño, Begonte, Xinzo de Limia, O Porriño e Tomiño

Para máis información: Miguel Fernández (662-307019) e Gori-(686-506858) enderezo electrónico: defensa.servizossociais.publicos@gmail.com

18/03/2010

Marketing punitivo populista


Moncho Paz

Comezamos esta semana con dúas noticias que destacan polo seu especial simbolismo. Por unha banda, a visita de Mariano Rajoy a Valencia, cunha coidada posta de escena en apoio a Francisco Camps; pero cun interrogante flotando no ar: que relación garda esta imaxe coa suposta estratexia popular de perseguir a nulidade do sumario no caso Gürtel? Por outra banda, o feito de que o pai da pequena Mari Luz Cortés –asasinada en 2008– fiche como colaborador do PP tras unha curta estancia nas filas do PSOE.

Ambas as noticias non son froito da casualidade, senon que respostan a estudadas accións de marketing en materia penal. No caso de Juan José Cortés atopámonos coa vítima dunha fatalidade, quizais o peor que pode acontecerlle a un pai, que é perder á súa filla en terribles circunstancias. Porén, unha vítima que está a ser utilizada; de feito, hai poucos días distintos medios recollían que mantiña conversacións con UPyD, e que incluso sería candidato polo partido de Rosa Díez á alcaldía de Huelva.

Finalmente recalou nas filas do PP e o pasado luns aparecía na foto co actual alcalde onubense, o popular Pedro Rodríguez, xunto con Javier Arenas e Rajoy. Isto confirma que, en efecto, recibiu máis dunha oferta. A partir de agora exercerá de asesor do PP en temas de Xustiza –sen ser avogado nen xurista– para traballar na reforma do Código Penal que comezou a tramitarse no Congreso. Detrás pódese ver a sombra de Federico Trillo, firme defensor de reabrir o debate punitivo, como fixo outrora coa reforma de 2003, promovida en horas baixas do Goberno de Aznar: en pleno desastre do Prestige, co escándalo do Yakolev 42 e tras o cumio das Azores. E todo isto tendo en conta que o Estado español rexistra unha das taxas de criminalidade máis baixas da Unión Europea e, paradoxalmente, posúe un dos códigos penais de maior dureza.

O señor Cortés foi recibido hai uns meses por Zapatero en La Moncloa. Aínda que descoñezo o contido daquela entrevista, teño a sensación de que nestres intres converteuse nunha peza máis do marketing punitivo do PP, unha estratexia habitual desta forza política dende a segunda lexislatura de Aznar. Cando as enquisas non son favorables aos seus obxectivos, recorren á confrontación, ao oportunismo e ao Código Penal, poderosas ferramentas de desgaste político e tamén importantes caladoiros de votos.

A outra cara da moeda está na ofensiva orquestrada pola ultradereita máis rancia contra o xuíz Baltasar Garzón, que se encargou de poñer contra as cordas a delincuentes de distinta tipoloxía, dende as mafias do narcotráfico ata o ditador Pinochet, ademais de investigar milleiros de desaparicións durante a Guerra Civil e o franquismo. Dende o lado escuro estiveron moito tempo agardando por el, e agora queren cobrar vellas débedas.

Tras o apoio recibido o pasado domingo por parte de Rajoy, Camps asume o papel de “santo inocente”; e incluso Francisco Correa, imputado como cerebro da rede Gürtel, pode rematar presentándose ante a opinión pública como outra vítima do sistema. Ou sexa, o mundo ao revés. Ante este panorama, non resulta estraño que a sociedade perda confianza na clase política, á que o último barómetro do CIS sinala como o terceiro problema dos cidadáns.

O Consello da Cultura, en contra do decreto do galego


Redacción

Os diferentes expertos reunidos na segunda sesión do seminario sobre Lingua, Sociedade e Política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega presentaron onte as súas reflexións sobre a incardinación das linguas oficiais no modelo educativo galego e español. Os expertos coincidiron na necesidade de facer énfase na convivencia e no multilingüismo como solución para as problemáticas actuais de encaixe das linguas oficiais no ensino.

Ángel López García-Molins, profesor da Universidade de Valencia, analizou a política lingüística do Estado. Para o profesor, “cómpre sensibilizar a toda a poboación española no sentido de que España é historicamente un país tetralingüe e, polo mesmo, un Estado con catro linguas. É conveniente preparar a toda a poboación para entender o catalán e o galego escritos e orais, así como para que posúan nocións de éuscaro”. Segundo este profesor, “é inadecuado presentar a convivencia lingüística como conflito”.

Pola súa banda, Peter Kraus, do Helsingin Yliopisto, presentou unha investigación sobre a política lingüística dos Estados europeos. Para o finés, “a posición institucional non é o factor que máis determina, a longo prazo, a sorte dunha lingua”. Segundo este autor, “a existencia dunha estrutura social multilingüe constitúe un desafío para os Gobernos democráticos modernos. En poucas palabras, o reto consiste en atopar un xeito de lles restar intensidade ás previsibles tensións que xurdirán entre, por unha banda, o fomento da eficiencia administrativa e, pola outra, os requirimentos da lexitimación democrática”.

Na última sesión da mañá, Josu Mezo Aranzibia abordou as “Tipoloxías de política lingüística: comparación Irlanda-Euskadi” na que tratou os elementos comúns e diferenciadores das políticas lingüísticas establecidas nas últimas décadas en ambos países, tanto no seu deseño coma nos seus resultados. Así, e segundo explicou, “trinta anos despois aínda non sabemos cal será o resultado final deste esforzo. Pero si podemos ver claramente que, polo menos no que respecta ao sistema educativo, os vascos chegaron xa moito máis lonxe do que nunca conseguiron os irlandeses”.

Durante a tarde, e nunha perspectiva galega, diversos autores expuxeron tamén a necesidade do plurilingüismo. Para a profesora de Dereito da USC, Alba Nogueira, non abonda cun marco lexislativo xeral para cambiar ou revitalizar unha lingua. “Os poderes públicos non foron quen de usar a súa capacidade de condicionamento da vida económica e social para promover cambios substanciais na presenza do galego en ámbitos nos que esta está infra-representada”. Para Nogueira, a maiores das Leis de Normalización debe haber “un intenso labor nese segundo terreo do labor normativo que é a aprobación de leis ou decretos sectoriais”. Nogueira indica que “en Galicia, os escasos avances experimentados son o resultado evidente do desinterese por realizar ese labor de desenvolvemento normativo que precisaba claramente a Lei de Normalización Lingüística”.

Pola súa banda, Bieito Silva -na fotografía- centrou o seu relatorio nas linguas no sistema educativo galego. Na documentación entregada, o autor considera unha estratexia axeitada: “un modelo de plurilingüísmo inclusivo a partir do galego. Trátase un paradigma distinto que quere superar o debate viciado entre galego e castelán. Debemos asumir que se debe incorporar ao modelo galego unha reflexión sobre a diversidade lingüística, e unha aposta polo galego como lingua de partida. A partir de aí, hai que incorporar outras linguas, incluíndo as estranxeiras, partindo do respecto e da valoración da diversidade”. Para este experto da USC, “a grande eiva no ensino das linguas é a nivel didáctico e pedagóxico. As linguas están a se ensinar moi mal. E mudar isto é posiblemente menos polémico do que o actual debate, pero esixe esforzos importantes. E isto serve tanto para o galego como para o castelán e o resto das linguas”.

A derradeira intervención da xornada correu a cargo de José Manuel Vez, do Observatorio Atrium Linguarum, quen falou sobre a “introdución do uso vehicular das linguas estranxeiras no currículo educativo”. Segundo o seu relatorio, unha educación lingüística avanzada precisa crear un ambiente “onde plurilingüismo e interculturalidade non se vivan como factores de complexidade ou de sobrecarga orzamentaria, senón como estímulos de enriquecemento social e desenvolvemento”. Para este autor, coas linguas da mesma familia “séguese traballando en compartimentos estancos, sen ter en conta o común. Debe haber un tratamento integrado das linguas que evite que as linguas escolares se acaben convertendo tan só na multiplicación de materias: máis linguas=máis materias”.

A sesión “Modelos de oficialidade/linguas e ensino” é a segunda do seminario sobre Lingua, sociedade e política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega. A vindeira sesión celebrarase o día 4 de maio e centrarase nos medios de comunicación e ámbito socioeconómico.

17/03/2010

A II Caravana Concerto 'Galicia non se vende' chega a Muimenta

Redacción

Onte tivo lugar en Vilalba a presentación do décimo concerto da Caravana "Galiza non se Vende", que nesta ocasión levará a reivindicación transformada en xuntanza festiva a terras de Cospeito, onde, dende as 21:30 do vindeiro sábado 20 de marzo, sucederase na Casa da Cultura de Muimenta a poesía, a música e o entretemento nunha cita que servirá para quecer motores de cara á manifestación en defensa da Chaira que terá lugar ao día seguinte, domingo 21, en Santiago de Compostela.

O cartaz intégrano Mini e Mero (A Quenlla), o grupo de gaiteiros CAIVANCA, e os de folk BUXOS VERDES e OS VALUROS DE CASTRO DE REI. Animarán o auditorio Xurxo Souto, Fidel Fernán e Xavier Cordal coa lectura de poesías e escritos a favor da protección da Terra Chá e na contra da destrución que producirían as Minas.

Máis de tres anos de conflito levan de novo á rúa aos colectivos en contra das minas de seixo da Terra Cha, que loitan por bloquear tres concesións para a extracción de seixo nos concellos de A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Vilalba, Abadín e Riotorto.

Dende o ano 2007, o Sindicato Labrego Galego ten promovido varios recursos de alzada e revisión, pedindo a nulidade das concesións mineiras. Estes recursos atópanse na actualidade en distintas fases, algúns deles sen resolver. Tamén se teñen presentado escritos dirixidos ao Valedor do Pobo, así coma ás distintas administracións que podían ter responsabilidade nestas concesións.

Na actualidade estase nunha nova fase da loita contra estas minas. Dende principios do ano pasado, as asociacións de persoas afectadas presentaron alegacións ás solicitudes de concesión n´A Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, atopándose arestora á espera da resolución das mesmas.

Nestes anos de loita a veciñanza afectada polas concesións de extracción de cuarzo este colectivo levou adiante un forte traballo mobilizador que se iniciou cunha serie de campañas informativas encamiñadas a contrarrestar os argumentos enganosos emitidos por parte da Administración galega e da empresa Erimsa, que se atreveron a argumentar que esta actividade mineira non suporía prexuízo ningún para a Terra Chá. Tamén se levaron adiante asembleas de afectados e afectadas así coma charlas informativas sobor da problemática das minas n´A Terra Chá.

O primeiro momento de loita tivo lugar no 2007 unha manifestación de denuncia en Lugo, á que lle seguiron no 2008 e 2009 a participación nas convocatorias da rede GALIZA NON SE VENDE, e canda a que voltarán manifestarse as asociacións de afectados e afectadas polas minas este vindeiro domingo 21 de marzo en Santiago de Compostela.

Celebrouse a III Liga de Combate Moo Duk Kwan

Redacción

O pasado sábado dia 13 celebrouse a 3.ª cita da liga de Combate Moo Duk Kwan, nas instalacións do polideportivo do Barrio das Flores na Coruña. O evento foi organizado pola Escola de Tae Kwon-Do "Garrapucho" e os resultados foron os seguintes:

Nados 05/04: Lucia Diaz (MDK) 5 puntos; Africa Morais, Carla Prieto, Noel Teijeiro(MDK) 4 puntos; Anxo Pita, Aroa Calvo (MDK) 3 puntos.

Nados 03/02: Alex Anido (MDK) 8 puntos; Cristian Gonzalez (MDK) 7 puntos; Maria Prieto, David Garica, Xullo Jose Dasilva, Carlos Bolaño (MDK) 6 puntos; Hugo Gomez (MDK) 4 puntos; Anxo Diaz (GARRAPUCHO) 3 puntos, Edgar Fachal, Iago Rguez. Uxia Rguez. (MDK) 1 punto.

Nados 01/00: Gabriel Tembras (MDK) 9 puntos; Beatriz Felpeto, Jesus Ferreiro (MDK), Carlos Rguez. , Lorena Pardo (GARRAPUCHO) 6 puntos; Ian Huguet (GARRAPUCHO) 5 puntos; David Permuy (MDK), Paula Pardo, Alex Otero (GARRAPUCHO) 4 puntos; Lida Mirade, David Noite (MDK) 3 puntos; Lucia Branco (GARRAPUCHO) 2 puntos.

Nados 99/98: Juan Luís Lourido (GARRAPUCHO) 9 puntos, Angela Villamuelas (GARRAPUCHO) 6 puntos, Marta Mallo (GARRAPUCHO) 3 puntos; Ivan Vagner (GARRAPUCHO) 1 punto.

Nados 97/96: David Ansede (MDK) 10 puntos; Naim Garcia, Janice Lopez (MDK) 7 puntos; Sara Garcia, Jesus Lopez (GARRAPUCHO), Maria Ledo (MDK) 4 puntos; Joel Perez (GARRAPUCHO), Manuel Rivera (MDK) 3 puntos.

Nados 95/92: Michael Jose Lopez (MDK) 11 puntos, Jose Antonio Mosquera (TAEPAR) 7 puntos, Tamara Perez (MDK) 5 puntos, Maria Jose Osorio (MDK) 1 punto.

Nados -91: Francisco Javier Ameneiro (TAEPAR) 9 puntos, Ivan Palleiro (GARRAPUCHO) 6 puntos; Alberto Aneiros (KANG) 1 punto.

Prensa (en) tendida en Compostela


Redacción

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) abre a exposición Prensa (en) tendida, publicacións periódicas de Compostela no Centro Sociocultural do Ensanche da capital galega (Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo). A inauguración da mostra terá lugar mañá, día 16 ás 11 horas da mañá. Ata o remate de marzo, os visitantes poderán coñecer a cantidade e variedade de publicacións periódicas que se editan na cidade compostelá. Deste xeito, a mostra continúa o seu percorrido iniciado a mediados de decembro no Centro Sociocultural de Vite.

Xornais, revistas, anuarios, memorias e boletíns son exemplos das 300 publicacións que conviven en Compostela e que abranguen ámbitos como a cultura, as humanidades, a política, a economía, a ciencia, a investigación ou as novas tecnoloxías. Máis dun cento de exemplares ilustran esta mostra baixo o título de Prensa (en) tendida, na que se realiza unha comparación cun proceso de lavado e secado da roupa.

A exposición, en definiva, pretende amosar que Santiago de Compostela é o centro de publicación de prensa periódica máis importante de Galicia. Prensa (en) tendida é unha exposición de carácter itinerante que percorre os centros socioculturais da cidade. A mostra da APSC conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago. A súa execución correu a cargo da empresa Holística.

15/03/2010