En tempos da República


María Xosé Lamas

Todos sabemos que a adolescencia é unha etapa psicolóxica marcada pola inestabilidade emocional, onde cada individuo loita, moitas veces consigo mesmo, para reafirmarse como persoa tanto de xeito individual como en relación coa sociedade. É, por tanto, un período de asimilación que define a personalidade de cadaquén. E o Golpe viviuna inserido na “máxica” sociedade republicana.

Contaba con enorme gozo a riqueza cultural na que vivira: Había escola pública e gratuíta, non de a ferrado, como adoitaba noutros tempos; a casa da escola, construída naquela época, convertérase nun centro cultural, con salón para diversos actos e biblioteca pública.

O fin era que estivera todo o mundo alfabetizado, e conseguiríano se esta etapa política e social durase uns anos máis.Tamén se reducira o poder do clero, cousa que ao Golpe o marcaría para toda a vida. Cría en Deus, mais rexeitaba a Igrexa como institución xerárquica. Cada vez que se vía obrigado a asistir a un acto relixioso, bautizo, voda, enterro ou cabodano, ficaba no atrio parolando con outros que quedaban fóra. Rexeitaba aos curas e a todo o que representaban.

Entendo o que puido sufrir durante corenta anos de ditadura. Lembro que en calquera reunión familiar remataba falando de política arremetendo contra a ditadura de Franco e todas as súas manifestacións. Chegaba a enfurecerse e a falar moi alto, cousa que axiña lle reprochaban dicíndolle que calquera día o había escoitar alguén da secreta e había de rematar no cárcere por “vago e maleante” . El calaba, entón, rosmando polo baixo. Á fin, xa na senectude puido gozar da democracia. Gozar coma ninguén da liberdade de expresión. Votar en referendos e eleccións enchido de satisfacción.

E non só o Golpe pensaba así. A súa ideoloxía republicana e de esquerdas era compartida pola súa dona, que non cansaba de repetirnos unha e outra vez o feliz que fora nos tempos da República, contándonos anécdotas vividas, sobre todo os domingos polo serán nos bailes do salón da escola, cando se xuntaba un cuarteto de gaiteiros, ás veces con acordeón incluído e bailaban sen parar ata a noite pechada; da biblioteca chea de libros que contaban de todo: natureza, plantas, menciña, política, e moitas novelas e pezas de teatro que desaparecerían por completo ao subir ao poder o ditador.

“Aqueles si que eran tempos” era a súa frase de inicio para calquera comentario sobre a época. E, certamente, fora así: tempos nos que asimilar que a xente debía pensar por si mesma, sen ningún tipo de coartación; tempos nos que a cultura estendida a todas as persoas as faría libres; tempos nos que desaparecerían os súbditos para dar paso aos cidadáns con plenos dereitos e deberes. Tempos, á fin, que deixaron pegada naqueles adolescentes para que nos anos escuros tiveran luz que os alumase para atravesar o túnel e chegar de novo ao resplandor da democracia.

29/06/2010

Obtendo froito da semente

Martín Seco García.-

Escribía o mestre Bernardo García Cendán, que Martín deixara a semente dunha vida coherente cos ideais que defendía. Nestes días, cando a tormenta amaina e só quedan nubarróns no entorno familiar, os que tivemos a sorte de colaborar co traballo que Martín desenvolveu en vida, procuramos obter o froito desta semente, da que falaba o poeta chairego.

Resulta indispensable, que aqueles que adicaron a súa vida a conseguir o ben común, a traballar sen descanso polo desenvolvemento dos seus veciños e sempre coa vista na consecución dun mundo mellor, teñan o recoñecemento da sociedade que os acolle. Para elo, dende o compromiso dos que compartiamos o proxecto de Martín, procuraremos que a imaxe deste vilalbés sexa recoñecida polos nosos veciños, e lembrada polas xeracións vindeiras, para o que desenvolveremos todas aquelas iniciativas que sirvan para que o noso Concello -que tanto amaba e que tan ben se comportou no seu finamento- recoñeza a título póstumo a súa dedicación, e poñeremos as bases para continuar coa senda marcada polo noso amigo e compañeiro Martín.

Afondando nesta idea, dende fai unhas datas, un grupo de amigos e compañeiros liderados por Martín, que pola avaricia sen control duns poucos, fumos apartados da vida interna da organización política onde levábamos tantos anos loitando. Estabamos a traballar nun novo proxecto de asociación para a nosa vila, onde desenvolver unha actividade a prol dos ideais de solidariedade e da participación cidadá. Este proxecto, bautizado como Foro Vilalbés de debate e cooperación, estaba a piques de botar a andar, nas datas previas o finamento de Martín e sen dúbida o fará en breve, baseado nos tres principios esenciais da súa vida:

En primeiro lugar, a VALENTÍA DO COMPRIMISO COMO CIDADÁN. Escribía o profesor Pombo o día do seu enterro, que detrás da vida de Martín, estaba a dun home da polis como entendían os gregos, na que as ideas estaban ao servizo da convivencia. A vida de Martín estivo marcada polo concepto de cidadán, comprometido cos valores democráticos da sociedade que lle tocou vivir, favorecendo todos aqueles mecanismos que fixeran de Vilalba, unha sociedade máis participativa, máis democrática e onde as diferencias entre iguais, foran un valor de enriquecemento e non de discriminación por parte das opcións maioritarias. A vida de Martín está chea de renuncias persoais, de valentes posicionamentos que primaban os ideais sobre o lucro persoal e cun comportamento político que buscaba o ben común antes que pequenos intereses partidistas. Este compromiso como cidadá, e coa participación na vida política e social do noso concello será un dos tres eixes que determinen a posta en marcha desta asociación.

En segundo lugar, a SOLIDARIEDADE. É sen dúbida o principio básico que fixo de Martín un home especial. Dicía nunha entrevista recente, que se metera en política para intentar cambiar o mundo dende Vilalba. A súa obsesión vital era traballar para que todos os seres humanos puidesen ter acceso a unha vida digna. Sen dúbida, Martín será lembrado pola súa incesante dedicación a axudar a aqueles que o necesitaban; foi a súa actividade predominante, incluso por riba do seu traballo político. Son moitos os que nestas datas, recordan algún tipo de xestión que Martín realizou para intentar solucionar algún problema que lles preocupaba. Os seus didácticos comportamentos vitais eran un exemplo para que os máis, entendesen e aplicasen os valores da solidariedade. Por todo isto, a solidariedade será outro dos pilares básicos desta nova asociación.

En terceiro e último lugar, VILALBA. Falar de Martín é falar dun anaco de Vilalba. Alí onde se atopaba, a nosa Vilalba tamén estaba presente. Non lembro ningún proxecto que nacese na nosa vila, no que non puxese o seu gran de area ou o seu apoio aos que tiñan o valor de desenvolvelo. Lonxe de interferir na vida das asociacións e organizacións que non contaban co seu traballo directo, sempre apoiaba e colaboraba con elas para conseguir a continuidade dos proxectos e, en última estancia, a existencia dunha sociedade viva. A vida do Concello, o asociacionismo, a potenciación da actividade económica vilalbesa, o desenvolvemento do noso rural eran temas que preocupaban especialmente a Martín, como apuntaba o ex-conselleiro Francisco Sineiro nun artigo recente, que destacaba a preocupación e o traballo constante de Martín pola actividade económica da Terra Chá. Por iso, Vilalba, as súas xentes, a súa cultura, e os seus recunchos tamén serán outro dos pilares que sosteñan esta nova asociación.

Estes tres eixos, acompañados da honra e a lembranza da figura de Martín Seco Cendán, son os que farán brotar o froito desta curta vida tan chea e intensa, que fai que algúns, a pesar de sentir a tristura e o espazo valeiro que deixou nos nosos corazóns a súa perda, sintamos tamén o seu apoio e a súa intensa presenza, para continuar cun proxecto que non debería ter fin.

Pronto teredes máis novas; de momento estades todos convidados a participar.

Lois Pereiro, protagonista das Letras Galegas 2011

Manuel París

O poeta Lois Pereiro será homenaxeado o Día das Letras Galegas do vindeiro ano. A Real Academia Galega (RAG) decidiu o pasado sábado en sesión plenaria dedicarlle o 17 de maio do 2011. Deste xeito, a institución presidida por Méndez Ferrín recoñece unha relevante figura da poesía e da contracultura do noso país cuxa obra en vida -aínda que breve- deixou unha forte pegada na literatura.

O escritor Manuel Rivas quixo lembrar a importancia desta decisión da Real Academia Galega e as oportunidades que se abrirán a partir de agora para a difusión da obra do artista. “É unha decisión valente e vai ser unha oportunidade para que moita xente poida coñecer a súa obra”, sinalou.

Lois Pereiro (Monforte, 1958 – A Coruña, 1996) cursou estudos de Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid, que logo abandonou. Alí creou –xunto co artista Antón Patiño, o escritor Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro– a revista Loia, que contou con catro números. Nesta publicación publicáronse versos que posteriormente foron recollidos en Poemas para unha loia (1996).

De regreso a Galicia, compaxinou o seu labor na tradución co seu traballo poético. As antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) recolleron poemas asinados polo autor das Letras Galegas do próximo ano. Colaborou en varios proxectos anovadores como La Naval, Das Capital ou Luzes de Galicia. Nesta última viron a luz os primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso. Tamén foi autor de varias letras da banda punk-rock Radio Océano e redactou guións televisivos. En vida só publicou dúas obras: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última e de enfermidade (1995).

28/06/2010

O debate das deputacións

Moncho Paz

Nos anos oitenta e noventa asistimos á reivindicación segregacionista do municipalismo galego, plasmada de xeito especial en dous casos, Cariño e Burela, cuxos desexos de independencia e rebeldía viñan de lonxe. Pero nun momento de grave crise económica como o actual, onde conceptos como fusión ou concentración organizacional están á orde do día, aquel debate perdeu todo o sentido para ser substituído por procesos de agregación ou vinculación, tendo en conta as dificultades de xestión que leva a existencia de concellos de 5.000 ou menos habitantes. Agora o discurso político é repetitivo coa idea de compartir servizos. Chegados a este punto, cómpre revisar o mapa local e provincial, outorgándolle importancia ás mancomunidades e tamén para afondar no modelo de comarcalización de Galicia.

Por outra banda, xurden de novo moitas dúbidas sobre a importancia real das deputacións provinciais. A cuestión plantexouna a comezos deste mes o ministro de Fomento, José Blanco: ten sentido nunha Administración tan descentralizada que sigan a existir as deputacións? E foi toda unha sorpresa, que ocupou titulares destacados en medios de comunicación de distintas tendencias, pois ata entón esa reflexión era exclusiva do nacionalismo. De súpeto reábrese o debate sobre o papel destes organismos, cada vez máis cuestionado, especialmente polos partidarios do federalismo e da comarcalización como esquemas administrativos. Agora é o intre de axuntar feitos e vontades políticas, facilmente dadas a caer no esquecemento.

Para reforzar estes argumentos quixera destacar unhas verbas do profesor Álvarez Corbacho, ata hai poucos meses membro do Consello de Contas, referíndose aos concellos galegos: “orzamentos raquíticos, dependencias estruturais, clientelismos múltiples, urbanismo feble ou inexistente, xestión manifestamente mellorable, escaso investimento en capital humano, competencias disminuídas, obsolescencias administrativas, reducida dimensión política”. Galicia precisa, pois, unha redefinición territorial.

Actos a prol do Mosteiro de Celanova

Redacción

A “Plataforma en defensa do uso público do mosteiro de Celanova” convida a todo aquel que queira participar aos actos reivindicativos que se celebrarán o vindeiro sábado 26 na vila de Celanova. Os actos desenvolveranse ao longo da tarde, de acordo co seguinte horario:

17:30 Presentación do libro “En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro”.

18:30 Presentación do vídeo promocional do IES de Celanova “O IESplicable”, realizado por encargo da Plataforma, e dirixido por Bruno Nieto.

19:00 Manifestación que transcorrerá pola rúas da vila, e lectura dun Manifesto na praza Maior ao remate da mesma.

Segundo eles mesmos manifestan, os organizadores queren poder dicirlle ao alcalde de Celanova con voz clara e alta que non se vai consentir que o Instituto e o Centro de Servizos Sociais sexan desaloxados do Mosteiro; que defenderán con todas as súas forzas o uso público do patrimonio, que aproveitará neste caso á formación de calidade dos nenos desa comarca, aos maiores, a tódolos veciños da vila e da comarca e tamén a todos aqueles que, por unha ou outra causa, se acheguen a visitalo nalgún momento.

25/06/2010

Obstáculos e tapóns


Xulio Xiz

Cando o quince de xuño fun a Vilalba, tiven a sorpresa agradable de comprobar que desaparecía o tapón existente na Magdalena para acceder á autovía, co que moito se vai mellorar nese acceso para o tráfico rodado.

Ó ir para Vilalba fun pola carretera tradicional, xa que ía con tempo, e fun máis dando un paseo que viaxando coa presa habitual. E comprobei unha vez máis que non me gusta viaxar polas estradas tradicionais onde tan axiña podes ir a cen, como atopar que na primeira casa que estea á beira lle colocaron ó lado un sinal de cincuenta, co conseguinte risco de que non reacciones axeitadamente, a tempo.

O peor dos casos que coñezo, por triacioneiro, é un sinal existente na saída da cidade de Lugo, onde nun tramo de cen metros situaron un sinal de 60 por hora, e ó lado un radar. O resultado é que caemos como moscas, eu un deles xa hai tempo, polo que quedei escaldado destes indicadores traicioneiros.

Entre Rábade e Vilalba existe o perigoso alto de Gaibor onde se teñen producido accidentes mortais. Pois agora é tremendamente sangrante que por unhas obras eternas para axeitar a zona a un tráfico menos perigoso, obras nas que non se ve traballar, hai diversas sinais que obrigan a ir baixando de velocidade, para nada. Pero hai que respetalas polo que poida pasar.

En fin, que despois do dito, para evitar esas limitacións de velocidade, e comprobar se era máis rápido circular pola autovía, e como aparquei xunto ó auditorio, tirei Magdalena abaixo e atopeime con que xa non había tapón, e unha cuadrilla de obreiros con maquinaria pesada arrasaran coa edificación, deixando espacio libre para que se faga un acceso con xeito.

En Lugo houbo un alcalde, enxeñeiro de profesión, Tomás Notario, que foi alcalde dúas veces, que no seu segundo mandato tomou moi en seio o dos tapóns urbanísticos e cada dous por tres tiraba unha casiña ou un alpendre que estreitaba unha rúa, ou entorpecía o tráfico. O resultado é que o seu mandato se lembra precisamente por esta preocupación, sempre moi de ter en conta en cidades que foron medraron co paso dos anos pero conservando rúas estreitas e edificacións que fan o paso incómodo.

Entrar en Vilalba pola Magdalena desde a autovía, era como pasar do día á noite, dando a sensación de volver moitos anos atrás na historia. Agora, levará o tempo que leve asfaltar aquello e ampliar a vía en toda a súa extensión, pero polo menos podemos pensar que imos ter un acceso decente. Se Vilalba é na actualidade un centro de comunicación de moi alto nivel, as vías que accedan á primeira das nosas estradas deben ter un mínimo de amplitude e seguridade.

Neste caso, a solución está en marcha.

O caso é que, coa emoción de ver derribada a casa que entorpecía o acceso, volvín a Lugo pola autovía, e nin me preocupei de calcular por onde leva máis tempo.

Pero calculando os 40/50 km. Por hora por un lado, e os 120 por outro, pouco importará andar uns kilómetros máis se temos a garantía de que non ven ninguén enfronte de nós, e que a nosa paciencia non se ve alterada por un sinal inoportuno.

Que teñamos sempre boas viaxes.

24/06/2010

Galibudo 2010

Redacción

Un ano máis Vilalba vai converterse nun punto de encontro internacional no que se refire ás artes marciais. A razón será a celebración do "GALIBUDO 2010", ou o que é o mesmo, a X Convención Internacional de Artes Marciais. Na convención, que terá lugar os días 3, 4 e 5 de setembro no Pavillón Municipal de Vilalba, xuntaranse, coma xa sucedeu nas edicións anteriores, un grande número de practicantes de Artes Marciais, independentemente de estilos, niveis, etc.

O principal obxetivo desta convocatoria é o de valorar por riba de todo a actitude sobre a aptitude. Por elo, búscase xuntar a todos aqueles que, non só saben disfrutar da súa Arte, senón que, ademáis, desexan compartilo cos outros. Deste xeito, a reunión convírtese nun mosaico armonioso das distintas Artes Marciais e dos diferentes estilos das mesmas que ten coma obxectivo común a dignificación da súa práctica, de xeito tal que a sociedade poda velas e aprecialas non só coma un sistema válido para a mellora física individual, senón tamén coma un medio de axuda no camiño de cara a unha armonía e plenitude que mellore as nosas relacións cos outros. Sen lugar a dúbidas, a práctica das Artes Marciais contribúe nunha boa medida, coma poucas cousas, á reivindicación e ao pleno achegamento a valores universais que, desgrazadamente, teñen perdido terreo na sociedade actual: o respeto, o compromiso, o rigor, a constancia, etc.

O cartel do mestres que impartirán clase na edición deste ano está formado por nomes tan recoñecidos coma os seguintes:
D. Francisco Gomez (Palma de Mallorca)
C.N. 10º DAN de Ju Jutsu

D. Francisco Paredes (Galicia)
C.N. 7º DAN Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan

D. Luciano Moura (Portugal)
Fundador Kimourado KMD Sistema Evolutivo Marcial

Nesta edición as clases levarán un enfoque especial no que se refire á defensa persoal feminina. Pódese atopar máis información na web da Escola Moo Duk Kwan de Vilalba.

Morcheeba e Juliette Lewis o xoves en Compostela

Redacción

Xacobeo 2010 ten programado para este xoves, 24 de xuño, o primeiro Help Concert, que se celebrará no Multiusos do Sar e no que actuarán Morcheeba e Juliette Lewis xunto ao grupo galego Cornelius 1960. Incluída na programación de Xacobeo 2010 para o Camiño da Música, o obxectivo desta iniciativa é afondar na concienciación sobre o cambio climático e recadar fondos para os máis necesitados e vulnerables aos efectos do mesmo. En concreto, a recadación irá destinada a Manos Unidas e Juntos Podemos. As entradas para asistir á noite de Help Concert poden adquirirse a través de El Corte Inglés e Caixa Galicia.

Na noite de Help Concert, o célebre grupo Morcheeba presentará en exclusiva e por primeira vez en España o seu novo traballo Blood like lemonade, coa esperada volta da súa mítica vocalista Skye Edwards e a súa reunión cos irmáns Paul e Godfrey Ross. Este novo traballo non só supón o retorno da voz soul da cantante, senón que recolle a esencia de clásicos como Who can you trust? ou Big Calm e transporta ao oínte a novos e exóticos lugares. Trátase igualmente, do seu traballo máis introspectivo, con temas que reflicten a situación persoal da banda, ademais doutros con carácter máis aberto, como as situacións e personaxes descritas por Paul Godfrey nalgunha das cancións. Caracterizada pola súa mestura de trip hop, blues e pop e nada a mediados dos anos 90, Morcheeba converteuse nunha referencia musical que retorna cun novo traballo desde o seu último álbum con Skye Edwards como vocalista en 2003.

No Help Concert tamén estará a actriz e cantante Juliette Lewis, que conta ás súas costas cunha longa carreira cinematográfica, na que atesoura títulos coma O cabo do medo, Kalifornia, Asasinos natos ou Aberto ata o amencer, aínda que tamén desenvolve o seu talento e creatividade no eido musical. Precisamente, este concerto solidario será o primeiro escenario de Europa ao que se suba Juliette Lewis para presentar o seu novo disco Terra Incognita. O título do álbum fai referencia a un territorio descoñecido, lugar a onde leva o seu novo traballo, caracterizado polas guitarras e os contrastes de sons.

Help Concert será unha noite para a reunión ao redor da música en directo e a concienciación co problema do cambio climático e os seus efectos negativos. As consecuencias deste problema abranguen ao medio ambiente, pero tamén á economía ou ao benestar da sociedade, ademais, polos seus efectos nos niveis de auga, o quecemento global supón unha ameaza para a subministración da auga. Neste sentido, con iniciativas coma esta, Xacobeo reforza a súa aposta pola conservación do medio ambiente e a sostibilidade.

Outra das bandas que actuará esta noite será o grupo galego Cornelius 1960, unha das agrupacións máis internacionais do momento e que presentará en directo o seu último traballo 1960 e que actuará antes de iniciar a súa xira no estranxeiro. O seu último álbum conta coa participación de Mick Glossop, prestixioso produtor internacional de bandas como Van Morrison, e foi, ademais, mesturado en Nova York por Tatsuya Sato, quen traballou con Madonna. A forza dos seus temas, a imaxinación, a creatividade e a elegancia caracterizan o traballo deste grupo de pop rock.

23/06/2010

Festival da Terra e da Lingua en Narón

Redacción

O Festival da Terra e da Lingua de este ano adiántase e terá lugar os próximos 25 e 26 de xuño, como sempre desde o 2001, no Moinho de Pedroso en Narón. "Dez anos en galego" é a lenda escollida nesta décima edición adicando a temática do festival á defensa dos dereitos lingüísticos.

O 25 de xuño cóntase coa presenza de Boj, grupo ferrolano de folk con ritmos da Irlanda, Bretaña, Escocia e, como non, galegos. Tamén actuará "Estimaba que viñeras", grupo da Comarca ferrolá que mistura pezas de gaita tradicional e do poemario galego con temas propios con toques de blues. Ademáis virá Maghúa, grupo de cantareiros da Coruña para fechar o programa desta noite folk.

Na noite do sábado haberá diferentes estilos musicais para escoller. Desde o grind-core dos ferroláns Wisdom, pasando polo hip-hop do vigués KaveGz até um dos grupos mais importantes do actual panorama musical galego: Lamatumbá. Os de Ourense estarán en Pedroso presentando o seu novo traballo "A órbita da banda hipnótica".

Ademáis do apartado musical completarase esta décima edición con debates, o festivaliño para os máis pequerrechos e unha mostra que terá como temática os dez anos que xa leva de vida este Festival. No ámbito deportivo, haberá por segundo ano consecutivo o Campeonato de Fútbol 3x3.

Martín na lembranza


Bernardo García Cendán

Meu amigo Paulo: Pedíchesme que escribira algo sobre Martín e cústame moito porque as ideas amoréanseme na cabeza e non sabería cal delas escoller para deixar n´A Voz de Vilalba a lembranza dun vilalbés que amou fondamente ao seu pobo. Un día díxome a Sara que Martín non sería o mesmo sen Vilalba nin Vilalba será o mesmo sen el. E creo que ten razón. pero a súa obra queda feita e nela queda semente. Foi un auténtico militante das súas ideas e iso non se esquece. Como ti ben sabes, políticos hai a mans cheas, pero militantes que poñan ideas por riba doutros intereses non son abondosos. Un dos seus fillos comentábame diante do seu cadaleito que, ao ver as expresións de condolencia, sentía orgullo de ter recibido de seu pai a mellor das herdanzas. Agora mesmo, meu amigo, non sabería escribir algo diferente do que lin ao final do seu funeral e aquí cho deixo por se che serve:

No nome da familia, grazas.

A terra volve sempre á terra. O po volta ao po.

Esta terra chairega que foi Martín volve de novo á terra vilalbesa

na que aprendeu os pasos primeiros, fundamentais na vida,

a beira do río que o facía soñar,

contemplado desde a fiestra onde despediu o mundo.

Os seus amigos dicímoslle adeus coa ofrenda da nosa memoria

para que nela viva, siga a vivir, renovadamente,

cando agromen as árbores,

cando os pardais e os merlos inventen a canción de cada primavera.

E máis aló, onde os nosos ollos non chegan, onde as nosas ideas se perden,

alí no misterio, vivirá para sempre na memoria inmorrente que chamamos Deus.

Gozou moito Martín da amizade, confiou sempre na forza dos corazóns amigos,
viviu apaixonadamente as ideas nas que confiaba,

foi xeneroso ata o mesmo final,
ata máis aló do seu final:
a tristura da súa partida estará agora mesmo
a ser gozo profundo dos que recibiron saúde

mediante os órganos do seu corpo dos que fixo ampla doazón.

Grazas a todos vós por estardes aquí,

grazas por achegardes á nosa familia, á de Martín, o recordo amoroso
de canto el representou.

22/06/2010

Músicas


María Xosé Lamas.-

“Ola, que tal?” Saudaba ao Golpe cada vez que poñía os pás na súa casa. “Sabrosita y sin sal”, respondía. Lembro que a cada palabra ou frase que xurdía na desenfadada conversa era contestada, coma se dun responsorio se tratase,cunha cantiga. Para min fíxose tan habitual que non concibía parolar con el sen que a música estivera presente.

Pero non foi até mociña, xa universitaria, cando comecei a ser consciente da riqueza que este home posuía. Conseguín gravar moitas das pezas que sempre lle oíra nunha cinta de casete e gardeina como ouro en pano, coma un tesouro que hoxe, por máis que busco, son incapaz de atopar. Menos mal que conservo na memoria unha boa cantidade das cancións e algunhas até por escrito, de xeito que só con lelas aparece a música agromando do cerebro para adobiar esas manuscritas letras: cancións de sega aprendidas en Castela, a roda da tasca, parrafeos romances, coplas e algunhas compostas por el mesmo que adecuaba a algunha música coñecida.

No seu haber non só había música vocal, senón tamén instrumental. El nunca aprendera a tocar a gaita, pero bailara ao son dela moitas veces. O máis parecido que tivera na casa era outro instrumento musical de vento pero de altura indeterminada, un corno de vaca que facía soar cando traballaba no monte, cavando a roza ou collendo toxos, co que avisaba á súa dona, Remedios, de que rematara e ía camiño da casa.

Pero como as súas inquedanzas musicais eran moitas, un día probou a construír un punteiro con madeira de buxo tratando de afinalo (de oído) o mellor posíbel. A verdade é que a escala non estaba moi lograda, soaba a música “atonal” máis que por falta dunha estrutura tonal, polo feito de que os seus tons non gardaban a relación necesaria para seren considerados unha escala. Mais el tocábao e procuraba facelo cun ritmo que lembraba o da xota ou a muiñeira, aínda que a melodía fora irrecoñecíbel. Non obstante, estou segura de que el oía outros sons que eu non chegaba a percibir.

Seguirei na pescuda da cinta gravada Para recuperar as súas cantigas. Hoxe, cada vez que canto “Sus ojos se cerraron…”, vello tango do que os dous gustabamos, non deixo de emocionarme e sentir como se me mollan os ollos... “…el mundo sigue andando/ su boca que era mía ya no me besa más/ Se apagaron los ecos de su reir sonoro/ Es cruel este silencio que me hace tanto mal…”

Grazas a ti, tío José, Padriño, eu nunca vivirei en silenzo.

Terceiro Foro de Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega no CCG

Redacción

Mañá martes 22 de xuño, a partir das 9´30 h. e en sesións de mañá e tarde, a Biblioteca do CCG acollerá o terceiro dos cinco Foros de Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega. O tema a debatir será CULTURA E MERCADO.

Coordinará o profesor Francisco Campos e presentarán relatorios-marco Victoria Ateca e Pau Rausell. Cuestións a considerar serán:
  1. Relevancia económica do sector cultural. Políticas de promoción e consolidación das industrias culturais: financiamento, fiscalidade, axudas e fomento da iniciativa empresarial.
  2. Estratexias públicas e privadas de promoción da demanda cultural, ampliación de públicos e mercados; a centralidade do consumidor e o usuario cultural.
  3. Cultura como factor de desenvolvemento, e como investimento estratéxico para outros campos: turismo, entretemento, valorización do territorio.
  4. A cultura na economía do coñecemento: sector cultural como fornecedor de contidos, creatividade cultural e innovación, o capital cultural.

21/06/2010

I Encontro de Literatura de Viaxes, do 20 ao 27 en Compostela

Redacción

O primeiro Encontro Internacional de Literatura de Viaxes -LITVI 2010- celebrarase entre o 20 e o 27 de xuño dentro da programación deseñada para o Xacobeo 2010. O domingo pola tarde tivo lugar nas instalacións da Alameda compostelá o acto oficial de apertura que contou coa presenza do escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, amais do conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Roberto Varela, e do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo.

Como actividade previa á inauguración do Encontro, ao mediodía chegaron á capital de Galicia un grupo de autores e xornalistas vinculados ás literaturas de viaxes que percorreron, en tres etapas e en autobús, o Camiño Francés desde a poboación navarra de Estella para promocionar esta ruta xacobea.

Neste proxecto, enmarcado no Ano do Libro e da Lectura, participarán autores, profesionais, editores, axentes literarios e lectores, en xeral, de todas as áreas que rodean ao xénero literario de viaxes. Os obxectivos desta primeira edición do encontro literario son, segundo se expuxo na presentación do evento, crear unha plataforma valiosa para o sector, de carácter internacional, e chegar ao gran público.

A programación conta, entre outras actividades, con encontros con autores, un congreso temático sobre as literaturas do Camiño, ciclos de conferencias, mesas redondas e unha Feira Internacional de Dereitos. Ademais, o evento sobre viaxes complementarase con espectáculos de animación na rúa, campañas de difusión, comunicacións e encontros coa prensa.

Durante o desenvolvemento do LITVI 2010 as mulleres protagonizarán un ciclo específico, cuxo obxectivo é pór en valor o traballo e o papel que xogan as mulleres no campo da literatura de viaxes, que comprenderá conferencias, debates e encontros cos lectores por parte das protagonistas. Soledad Puértolas, Luisa Castro, Marilar Aleixandre, Susana Fortes ou Cristina Morató son algunhas das autoras que participarán.

Así mesmo, os lectores que queiran tomar un café acompañados dos seus escritores favoritos poderán facelo no marco do Encontro Internacional de Literatura de Viaxes. A idea dos organizadores deste evento literario é que as persoas interesadas poidan coñecer as pequenas claves das obras dos seus autores preferidos, ou exporlles os seus propios puntos de vista e as sensacións experimentadas grazas á lectura. Entre outros escritores, nesta iniciativa denominada "Café con..." participarán Javier Reverte, Julio Llamazares, Soledad Puértolas, César Antonio Molina, Paco Nadal, Xavier Queipo ou Susana Fortes.


A hedra do castelo


Xulio Xiz

Unha cousa é o que apreciamos e outra a realidade. A min gustábame como quedaba o noso castelo de pedra cuberto en varios dos seus lados por un manto de hedra que producía un fermoso contraste entre a pedra e o verdor. Pero impúxose a racionalidade e retirouse a hedra polos perxuizos que causaba á pedra e podía afectar á estabilidade do monumento.

Cando as hedras medran son fermosas e danlle agarimo ás superficies pétreas, pero medran moi axiña e as súas raíces fúndense profundamente, forzando os ocos entre as pedras, perxudicando ás construccións.

Sábeno ben as xentes do noso rural que sen deixarse enganar pola peligrosa fermosura da hedra córtana de raiz deseguida para que non teña tempo de producir os seus maléficos efectos.

Se a acción se prestase a dúbidas, seguro que se alzarían voces de protesta dun ou doutro lado, aínda que fose por pura controversia política ou social, pero non parece que haxa discusión sobre o tema, máis se temos en conta que xa a Real Academia de Belas Artes con sede na Coruña, acordou na xuntanza celebrada no pasado maio, que a torre fose liberada da vexetación que a rodea. Califican á hedra de planta trepadora altamente agresiva, danlle nome técnico ("parra virxe"), e afirman que as raíces poden afectar á base da construcción, e que se ó principio foi un pintoresco atractivo converteuse nun dano seguro.

En bastante menos cantidade ou extensión, eu teño unha certa experiencia en relación cunha hedra que ó principio fermoseaba unha parede de pedra na casa da aldea, e cando avisado por un veciño entendido na materia procedimos a retirala a cousa resultou máis difícil do que pensaba. Para quitar o máis groso, non houbo problema, pero cando empecei a retirar os talos pegados á pedra resulta que arrastraban consigo as pedras máis pequenas, de xeito que o labor tiña que ser realizado meticulosamente.

O resultado foi que dous anos despois aínda se nota na parede a pegada da hedra, que non conseguin retirar na súa totalidade, e só de cando en canto me molesto en retirar un anaco dos centos que aínda me quedan.

Ou sexa: Plácemes para a retirada da hedra, e que consigan facelo con ben, sen danos para o castelo.

20/06/2010

Inmortal Saramago

Redacción

Non hai dúbida de que Jose Saramago está considerado un dos escritores máis orixinais do século XX e un dos autores máis importantes da literatura universal. Amáis diso, o Premio Nobel de Literatura de 1998 nunca claudicó dos seus principios éticos, foi un loitador social incansable erixíndose en conciencia moral sempre ao lado das vítimas e dos máis desfavorecidos. Por outra banda, cómpre suliñar o seu papel como ponte entre as culturas portuguesa e hispana.

A súa prolífica obra, coñecida a idade moi madura, cando xa pasaba os 50 anos, iniciara en realidade con Terra do pecado, publicada en 1947 sen éxito. Malia escribir entón outra nunca publicada, Claraboia, non se volveu a escribir literatura nos seguintes vinte anos nos que se adicou a diversos traballos, entre eles o de crítico literario da revista Seara Nova e a traducción de Maupassant, Baudelaire ou Colette. En 1966 publicou Os poemas possíveis e tres anos despois faise membro do Partido Comunista Portugués na clandestinidade.

A consagración chegaralle en 1980 coa súa primeira gran novela Levantado do chão, un retrato fresco e vívido das condicións de vida dos traballadores de Lavre, na provincia de Alentejo. Con este libro Saramago consegue atopar a súa voz propia, ese estilo inconfundible, límpido e case poético que o distingue. Nos seguintes anos, Saramago publica case sen descanso: Memorial do convento (1982), O ano da morte de Ricardo Reis (1984), O Evangelho Segundo Jesus Cristo (1991), Ensaio sobre a Cegueira (1995) ou o máis recente Caín (2009) son algúns dos seus títulos máis destacados.

A súa dedicación plena á literatura nunca lle impediu transmitir as súas ideas políticas, polo que está considerado non só un gran personaxe da literatura senón tamén da política mundial pola súa loita a favor dos pobres, a democratización e a xustiza. O autor morreu, mais fica entre os seus lectores, por sempre, a lembranza da súa conciencia vixiante e, sobre todo, a súa obra inmortal.

19/06/2010

Lembranza de Xosé Luís García Mato

María Xosé Lamas

Tiña 10 anos. Acababa de chegar a Vilalba. Aínda non tiña amigas, só unhas cantas nenas coñecidas: a Pili e a Paz da Ermitas e a Marola e a Telli, súas curmás, e as nenas de María Mediadora que paseaban nas tardes de lecer en bicicleta pola rúa das Pontes dun extremo ao outro coa adoitada rutina.

Cando comecei a escola na vila, na única e masificada que había, o Colexio Comarcal Mixto de Vilalba –Hoxe Manuel Mato vizoso- fixen as primeiras amizades e, máis que no patio de recreo, no camiño de ida e volta á casa. Alí coñecín a Luz. Fun sabendo que vivía case sempre con súas tías da Ponte,a Pepita e a Carmiña, que eran das poucas persoas eruditas do pobo, e con seu pai que era mestre.

Por súas tías sentía admiración. Cara á tía Carmiña, por estar sempre mergullada nos libros; sabía todo o que había que saber de cada un dos que tiña nos andeis da súa libraría. Daba gusto falar con ela. Deica a tía Pepita, que a vía menos veces, por ser a que tocaba o órgano da igrexa; ourizábanseme os pelos cada vez que lle escoitaba a Tocata e Fuga en Re Menor de Bach.

Foi moito máis tarde cando coñecín a outros membros da familia, agás a Vicente e a Lupe que, por proximidade na idade, tamén tiña coincidido con eles. De Lupe tamén me fixen amiga e foi a través dela por quen coñecín a seu pai, Xosé Luis García Mato, de quen souben que non só era mestre, senón escritor. Nunha ocasión, xa estudando bacharelato, subín até a súa casa e alí estaba o Guedelliñas, nome co que asinaba algunhas das súas colaboracións na prensa e que eu até entón descoñecía, sentado nunha cadeira diante dunha mesa chea de libros e papeis. Lupe presentoume como a súa amiga e díxolle que eu escribía poemas. Por iso comezamos a falar da poesía, da literatura en xeral e da lingua. El dicía que tiña escrito cousas en galego, pero tamén en castelán, mais se lle daban a escoller prefería a nosa lingua á de Castela para expresar o que sentía, pois dicía que el sentía en galego, que o que escribía noutras linguas era unha tradución simultánea que facía o seu cerebro.

Lembro moitas tardes á súa beira. Tardes nas que intercalabamos lectura de poemas con conversas. Ensinoume moita da súa obra de pescuda sobre Vilalba, a súa xeografía física, política ,económica e demográfica, e a súa historia como pobo construído arredor da Torre dos Andrade; todo manuscrito, debuxado e mecanografado por el mesmo e que gardaba coma un tesouro nun cartafol que non adoitaba amosar a miúdo. Cheguei a preguntarlle por que non o editaba; el dicía que acaso algún día o faría.

Unha das últimas tardes, en canto cheguei á súa casa, deume a ler un poema que acababa de escribir. Era Poema pra unha netiña. Agora sei que está datado o dezasete de outubro de 1979, polo que podo tamén datar as miñas lembranzas. Nesa mesma xeira fíxome unha confesión, un segredo que gardo e gardarei sempre. Coido que debeu ser a derradeira vez que o visitei. O curso comezaba e agardábame a Escola de Maxisterio en Lugo. Xa non dispuña de tempo para tertulias coma no verán.

Unha mañá sorprendeume a noticia da súa morte, despois do Nadal,en pleno inverno. Ollando a través dos vidros da fiestra do meu cuarto, chorei até cansar a súa ausencia.

Hoxe teño a súa obra nas miñas mans. Todo o que coñecía e descoñecía do voceiro da Chaira está agora en dous volumes grazas ao esforzo do seu fillo Lis, que loitou contra vento e marea até acadar o seu empeño: ver editada a obra de seu pai. Todos e todas as que o apreciamos, por fin, estamos ledos.

Mais aínda Vilalba lle debe moito e ten que paliar o esquecemento ao que o condenou durante trinta anos. Xa é tempo de velar polos seus fillos, pola xente que tanto se esforzou polo seu pobo sen recibiren en troques máis que indiferenza ao tempo que se gaba do alleo.

Prohibicións ao galego en Galicia


Fermín Bouza

Unha nova prohibición lingüística verdadeiramente inquietante (a da inmersión en galego nos colexios das cidades) vai máis aló mesmo da lingua e fálanos dunha certa radicalización da dereita nestas cuestións, prohibición que unida ao novo decreto e a todas as prohibicións e restricións anteriores, móstranos a un PP en Galicia moi afastado do seu medio lingüístico (preto dun 70% dos seus votantes aprenderon o galego como primeira lingua) e moi na liña que se marca desde Madrid-Xénova para estas cousas, que é a de pau e tente teso e leña ao mono até que fale inglés (español neste caso, que xa o fala todo o mundo e non precisa ningún Tontoman que o defenda dos seus terribles acosadores, que non mandan en Galicia neste momento e apenas mandaron catro anos na nosa longa historia).

Esta prohibición é o peche dunha das vías voluntarias e positivas para recuperar o galego na cidade. Tampouco iso. Estamos ante unha dereita moi retro e moi herdeira de moitos factores propios do franquismo que tenta pasar desapercibida nos seus peores vectores ideolóxicos.

Pero en Galicia vese por onde vai e moito máis na orde da lingua, o medio e as políticas públicas asociadas. Como entra no posible que o PP poida gañar en 2012 unhas eleccións xerais, teñan o PNV e CiU en conta estas cousas porque, despois de bloquear o Estatut, acabarán bloqueando onde poidan (Galicia, neste caso) a recuperación das nosas linguas nacionais e periféricas, recoñecidas como tales pola Constitución e os Estatutos.

Póñolles un gráfico da evolución dos falantes do galego (e castelán) de 2003 a 2008, e créanme se lles digo que ese gráfico xa non representa ben a situación actual. Publiquei moito sobre iso, sobre o peso de dous factores: a modernización que vén de fóra coa súa lingua e presión económica e a presión específica da dereita. Entre estas dúas cousas o galego ten os anos contados como lingua viva. Como lingua morta pode durar moitos máis.

18/06/2010

Presentación da Casa Museo de Manuel María

Redacción

O venres, 18 de xuño, ás 20´30 horas, terá lugar no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba a presentación do proxecto de Casa Museo Manuel María, que está previsto executar nos próximos anos na casa natal do patriarca chairego, en Outeiro de Rei. Intervirán neste acto Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, secretario desa Fundación e Manuel Roca Cendán, directivo do IESCHA. Ademais da proxección de imaxes que recrean virtualmente a que vai ser Casa Museo Manuel María, neste acto presentarase a Asociación de Amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que se constituíu en Santiago de Compostela o día 17 de abril de 2010.

Presentación en Lugo
O pasado mércores presentouse no salón de actos da Deputación de Lugo este proxecto que está a desenvolver a Fundación Manuel María de Estudos Galegos e que está impulsado co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo. No acto de presentación estiveron xunto ao vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, Saleta Goy, viúva de Manuel María e presidenta da Fundación, Alberte Ansede, Secretario da Fundación, Severino Rodríguez, alcalde de Monforte de Lemos e Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites, responsábeis técnicos do proxecto. Do mesmo xeito, tamén participou o escritor Camilo Gómez Torres para falar na presentación do libro inédito de Manuel María, recentemente publicado, “Cecais hai unha luz”.

Na súa intervención, Antón Bao remarcou o esforzo que fixo a Área de Cultura da Deputación para liderar o proxecto e conseguir xuntar os esforzos e implicación do maior número de institucións para levalo a cabo. Do mesmo xeito, o vicepresidente da Deputación amosouse satisfeito e afirmou que “a figura do Manuel María escritor, imprescindíbel para Galiza, precisaba contar cun lugar de difusión e estudo coma o que se logrará erixindo esta casa museo ao autor”. Antón Bao rematou afondando na significación deste momento, que supón ver cumprido “o compromiso da Área de Cultura da Deputación por manter o legado e a memoria do poeta Manuel María, estabelecendo a súa casa natal como museo da súa obra, un espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego”.

17/06/2010

As Deputacións, por fin

X. Antón Bao Abelleira

A actitude coherente e firme do BNG sobre o papel das Deputacións provocou reaccións que, por fin, abren un importante debate sobre a arquitectura administrativa deste país.

Neste último mes o BNG, unha vez máis, impulsou medidas alternativas diferenciadas para poñer couto a todo o que produciu esta crise económica. Trala decisión do Goberno Central de limitar, por Decreto, a capacidade de endebedamento dos concellos e, polo tanto, de deixalos en xaque, suscitouse o debate arredor da redución da administración para eliminar gastos. Nese contexto xorde a polémica sobre o papel das Deputacións. A iniciativa do BNG, de novo, pon riba da mesa a necesidade de suprimir tan obsoletas institucións e ir cara outra estrutura administrativa moderna e máis eficaz.

O noso discurso foi respondido con berros de incoherentes por PP e PSOE xa que estamos a gobernar en dúas e pedimos a súa disolución.

Xustamente aí é onde está a coherencia absoluta. Non por gobernalas (e ben, creo) imos abdicar da nosa posición sobre o asunto. Mágoa que a coherencia non sexa un valor en alza nos tempos que corren.

Os outros: uns a velas vir, uns a mangonealas
O debate subiu de amperios cando cargos socialistas (suponse que de alcurnia interna), tamén puxeron en dúbida a necesidade das Deputacións. Os socialistas que as presiden, pola contra, dixeron que nin tocalas. Isto si é incoherencia. Unicamente demostra que o PSOE avala nas súas posturas políticas segundo o vento, fundamentalmente por que xa hai tempo que as súas teses políticas deixan demasiados interrogantes abertos por aquilo de “haber que pasa”, e esa indefinición non é razoable en ningunha forza política.

O Partido Popular si segue ao seu. Co ánimo incombustible de seguir mangoneando as que gobernan e conseguir as que non. Iso si, isto non é por proxecto de país, beneficio de cidadáns ou outras benevolencias políticas. Non. É por que para o PP as Deputacións son feudos onde construír as súas “baronías” internas, e nelas facerse fortes utilizándoas sectaria e partidariamente, sobre todo en beneficio do presidente que toque. Véxanse os casos de Ourense e Pontevedra ou a ansiedade do presidente do PP lucense que ve que se non consegue afortalarse na Deputación de Lugo non conseguirá facerse forte dentro do seu partido, e iso no PP págase caro.

Outro edificio para administración local
Debemos camiñar cara unha maior racionalidade e eficacia, de tal maneira que as competencias, a titularidade de bens e a prestación de servizos que na actualidade exercen as Deputacións sexan transferidas, segundo os casos, á Xunta de Galiza ou aos Concellos e entidades supramunicipais (Comarcas, Mancomunidades, Áreas Metropolitanas). Ese debe ser un obxectivo fundamental do Pacto Local e non consolidar realidades anquilosadas e inútiles para os cidadáns e as entidades locais como son hoxe en día as Deputacións Provinciais.

As Deputacións veñen cumprindo un papel de simples intermediarios, xerando custos e complexidades que prexudican aos cidadáns e ás entidades locais.
Non deberían participar no Fondo de Cooperación Local, detraendo así os recursos destinados pola Xunta aos concellos, e tampouco asumir a prestación de máis servizos. Isto sería un despropósito e un anacronismo indefendíbel a estas alturas.

As Deputacións na actual configuración do Estado e na realidade política e territorial galega son institucións innecesarias que só terían certa xustificación como órganos de asistencia e asesoramento aos Concellos. Por iso, insisto en que as melloras no modelo de financiamento e as medidas de descentralización en materia administrativa e de servizos deben formularse, con racionalidade, entre a Xunta e os Concellos e comarcas e sen as Deputacións como intermediarias, coa interlocución da entidade representativa do municipalismo galego, a FEGAMP, e como lugar de análise, debate e aprobación o Parlamento galego, respondendo así á realidade do País e garantindo os principios de eficacia, eficiencia e calidade na prestación de servizos públicos aos que aquí habitamos.

Mentres tanto
Mentres este debate non desemboque onde debe: na definitiva supresión destes entes e a asunción doutro esquema administrativo situado no século XXI; transitoriamente deben executarse reformas que hai moito tempo se pensaron e nunca ninguén ousou acometer. A posta en vigor da Lei de Coordinación das Deputacións, parada no Parlamento Galego dende hai décadas e o Plano Único de Obras e Servizos tamén no mesmo estado. Só con estes dous instrumentos, estariamos evitando duplicar esforzos, gastos e competencias e dariamos un magnífico exemplo de coherencia, sobre todo os que se chaman a si mesmos todos os días “austeros”.

No BNG ímolo seguir intentando, con coherencia.

Humor

16/06/2010

O galego en Galicia


Xulio Xiz

O idioma noso de cada día. Eu coido que a nosa individualidade no mundo, a esencia e presencia dos galegos ten como símbolos basicos: a bandeira, o escudo, o himno e o idioma. Alomenos é un dos elementos básicos de diferenciación.

Eu pertenzo á afortunada xeneración que coidamos ter descuberto o galego moi cedo, aló por 1960, en Vilalba, cando todo o noso contorno falaba en castelán.

Os rapaces da Academia Santa María demos en falar en galego porque o considerábamos "diferente", "moderno", "avanzado", "rebelde" e moitas outras cousas, e marcamos un punto de inflexión que aínda pervive en todos nós.

Co paso dos anos, o galego deixou de estar menospreciado, esquecido, arredado, e pasou a ser –anos 68 e posteriores- unha lengua de loita, de comunicación da mocidade, de expresión cultural, de prestixio social.

E andando os anos o galego foi idioma oficial, convivindo co castelán, e entrou no ensino, entrou na igrexa –case-, entrou nas notarías –moi timidamente-, entrou na administración, na xustiza… santificamos o Día das Letras galegas, santificamos a lingua, e imperceptiblemente fómola elevando ós altares… E sen saber por que, a lingua empezou a perder protagonismo.

Os que vivimos o mundo estudiantil en castelán, sen unha sóa palabra en galego, convertímonos ó idioma e utilizámolo con fruición. Os que estudian en galego, nun contorno galego, manteñen ese idioma nunha esfera cultual máis que cultural, e falan en castelán. Os mozos, nas cidades e vilas galegas, xeralmente, falan en castelán.

O anterior goberno galego bipartito creou normativa sobre o galego. O actual goberno galego aporta o chamado "decreto do Galego, que recibe críticas da actual oposición. E no medio, nós, todos os galegos, que recibimos as disposicións sobre o idioma case como quen oe chover, pero entendemos que o tema ten importancia vital.

Hai cincuenta anos os rapaces pensábamos que todo comezaba cando atacamos armados co idioma galego a un mundo que coidabamos agardaba por nós. Dentro de trinta anos, se chegamos aló, posiblemente vexamos as cousas máis claras.

Entre lusco e fusco

María Xosé Lamas

Diante da porta coa bicicleta esteada no banco de táboas e pedra, o Golpe cargou un saco de centeo. Despois de amarralo ao seu xeito, saíu camiño do muíño de Sarela mentres a súa dona, Remedios, despediuno por enriba do poxigo con un ”por un pouquiño” cariñoso.

Vilapedre é terra de regatos, non de ríos, e en todos eles se espallan os muíños: Doade, Muíño Novo ou da Carreira, Orosa, O Carboeiro, Sarela, A Carballeira…; até un dos lugares da parroquia leva ese nome, loxicamente por ter muíño. Eu só lembro en funcionamento os catro derradeiros, aínda que deles o único que fica hoxe é o do Carboeiro. O da Carballeira, ou muíño do Paco, e o dos Muíños sempre foron de maquía. O do Carboeiro e o de Sarela eran de parceiros e, este último, o que máis preto lle cadraba ao Golpe.

Esa tarde era a súa quenda. Subiu as escadas de pedra até a porta e deixou o saco no pousafoles. Tiña que axeitar as pezas para a moída segundo precisara, sobre todo as moas, que ás veces, despois dun longo período traballando había que picalas. Desta volta non precisou moito troco, pois estaban en bo estado e de moer centeo tamén. Comezou a cantar unha das súas cantigas mentres poñía o muíño a traballar; abriulle ao afiridoiro para que a auga da canela baixara até o rodicio, despois baleirou parte do centeo na moega e accionou o aliviadoiro para que o pé e a moa fixeran presión sobre os grans que caían pouco a pouco da moega pola adella até o ollal cun movemento e son rítmico producido pola vibración do tarabelo sobre a superficie da moa que harmonizaba coma un baixo continuo a melodía do muiñeiro.

Acomodado no sentadoiro de pedra gra preparou a súa cachimba coa picadura que sacou da vella tabaqueira e acendeuna paseniño. O fume mesturado coa foula da fariña envolveuno en lembranzas. Algunhas ledas, como as muiñadas que vivira de mozo, cando o muíño servía de lugar de xuntanza da rapazada ou de encontro para namorados. Outras ben acedas, cando constituíra a meta do paseo dalgún “roxo” . Unha meta sanguenta na que o “reo” deixaba a vida as máis das veces ou perdía as partes máis febles do seu corpo entre o pé e a moa, dos que non saía fariña, senón un regueiro de sangue que tinguía o muíño de tristeza.

De cando en cando o Golpe erguíase para ter alimentada a moega co gran até o remate da muiñada, coa cachimba entre os dentes e cantando, coma sempre facía.

>Entre lusco e fusco chegou á casa co saco de centeo moído para que a súa dona se puxera a peneiralo e con azos e gañas de cocer á mañanciña unha fornada.

15/06/2010

Lingua, petróglifos e liberdade


Fermín Bouza

A xente galega á que visitei estes días segue viva e pelexando polos seus dereitos e polas súas cousas. En Gondomar, a xente do IEM (Instituto de Estudos Miñoranos) veu atoparse e falar comigo, pese ao mundial, o que lles agradezo infinitamente. E falamos de mil cosas que nos afectan. Da nosa lingua, por exemplo, nun estado preagónico que o goberno de Feijoo, moi na liña da FAES e da extrema dereita madrileña (como calquera madrileño de residencia como eu pode detectar enseguida), ten sometida a unha estrita vixilancia para consolidar a súa desaparición con leis decididamente liquidacionistas, nas que a lingua desaparece do ensino preescolar, limítase noutros niveis a certas materias, ou se presenta como unha imposición ante a opinión pública.

E faino, di Feijóo, en nome da liberdade. Que entenderán por liberdade certas xentes, as mesmas xentes en orixe que un día se aliaron con nazis e fascistas para encher de horror Europa e o mundo, e que seguen fieis a eses principios cando de verdade os apertas un pouco? Esas xentes, digo, permítense dar leccións de liberdade.

A liberdade consiste en consolidar o que depredaron durante séculos, e a través dos mesmos colaboradores que durante séculos atoparon nalgúns dos nosos paisanos. En nome da liberdade, din. O idioma castelán, imposto ao longo da historia coa presión simbólica, económica e social, foino tamén á forza en moitos momentos. Hoxe, os que defenden este estado de cousas contra toda ética cívica, dinnos que o galego quere "imporse", facendo gala dun cinismo infinito e intolerable.

Non só falamos da lingua en Gondomar, falamos de mil cousas, dicía, dos seus esforzos editoriais nunha situación economicamente angustiosa causada, en parte, polos cambios políticos en Galicia. Falamos e pateamos a fantástica concentración de petróglifos (hainos en toda a comarca, desde o Monte Tetón a Os Lameiros de Gondomar, e algúns deles, como os círculos concéntricos de Tebra, son os máis grandes do mundo) que dá ao bosque (fraga) un aire máxico que conmove, coma se aqueles devanceiros seguisen alí presentes. Algún "altar" natural no "lucus" (de Lug) do bosque cheo de petróglifos debe ser, sen moita dúbida, un lugar de culto.

Historias doutros tempos para un país ao que se lle quixo negar todo. Un bo día, en outubro de 1936, nove republicanos, mariñeiros e doutros oficios, foron asasinados nunha curva (a volta dos nove), e alguén lles puña encima, nese lugar, nove cruces sobre a terra. A Garda Civil quitábaas. Outro día púñanas, e así desde entón. E así seguimos.

14/06/2010

O tempo de Fritz Walter

Mario Paz González

“Tes que escoitar esta historia”. Ía tempo que non nos viamos. O meu amigo fala levado por unha sorte de urxencia febril. “Non sei ata onde se misturan a realidade e a lenda, iso é certo, pero paga a pena oíla”. A xente pasa ao noso redor con paraugas e chubasqueiros. Atopámonos por acaso logo de meses sin vernos e alí ficabamos, nun café do centro, compartindo un anaco do noso tempo nestes días chuviñentos de xuño que semellan roubados ao outono. Fala á presa, mais tento escoitalo coma quen oe unha confidencia íntima, aínda que a súa voz ten un ton se cadra un pouco alto de máis, coma se estivese a rifar con alguén. Algún olla cara a nós con estrañeza. A cousa, segundo me di, vai de fútbol, de Fritz Walter... e da choiva. “Sempre que chove non podo evitar lembrarme del. A choiva”, confesa, “é o tempo de Fritz Walter”.

Até aos moderadamente afeccionados ao balompé (eu aínda non aprendín cales son todas as seleccións que han ir a Sudáfrica) débelles soar o nome. “A historia do fútbol”, di el coma se estivese a lerme o pensamento, “tamén está chea de pequenos contos que pagan a pena. O fútbol é importante, meu”, insiste, “a Roxa é a única que nos pode facer esquecer a crise”. A ‘roxa’. Gústame o nome, sóa ben. É coma se unha rapaza de longa cabeleira de lume fora a representarnos aló embaixo.

Alleo ás miñas cavilacións o meu amigo segue ao seu. “Fritz Walter”, me di, “naceu na cidade alemá de Kaiserslautern, en Renania-Palatinado, no ano 1920. Pode que sempre tivese algo así coma un talento innato para o deporte e por iso, sendo aínda un pequeno de nove anos, uníuse ao equipo da súa cidade, no que debutaría oito anos despois. Sempre me producíu certa inquedanza”, comenta mentres sorbe un grolo e os seus dedos gabean arriba e embaixo na taza, “o feito de que, malia iso, non chegara a acadar a relevancia dun di Stefano, un Cruyff, un Pelé, un Maradona... Se cadra porque o rechamante da súa historia se acha tanto na súa valía humana tanto como na deportiva. Se cadra porque carece dun lado escuro. O caso”, continúa, “é que Walter mantívose fiel ao seu equipo ao longo de toda a súa carreira e, ao pouco de debutar con eles, xogou tamén na selección alemá de Herberger nun amistoso contra Rumanía. Porén o seu mundo esnaquizou co estoupido da segunda Guerra Mundial botando por terra o que, sen dúbida, terían sido os mellores anos da súa vida deportiva. Foi recrutado polo exército nazi, como paracaidista, e enviado a Hungría onde caeu prisioneiro nun campo de concentración. Disque foi aquí onde comezan a misturarse a lenda e a realidade”.

O meu amigo fai unha pausa dramática convencido da miña reconcentrada escoita. “Cóntase que alí contraeu a malaria. Tamén, que xogaba ao fútbol cos outros presos e mesmo cos gardiáns. Até se di que iso foi o que lle salvou a vida, pois, fronte ao sucedido a algúns compañeiros, librouse dunha morte posíbel no gulag soviético porque aqueles húngaros dixeron aos rusos que non era alemán, senón austríaco.

”Cando voltou ao seu país reintegrouse ao seu equipo renano e á selección, de novo con Herberger, coma se nada. Cos seus gañou un par de campionatos nacionais. Coa selección, sendo xa todo un veterano, chegou á final da Copa do Mundo do 1954. Pero, a que non sabes a quen se enfrontou alí?”. Confésolle que a esas alturas fico intrigado e prégolle que siga. Sorrí. Óllame coas meniñas dilatadas nun xesto de satisfacción inequívoco e di, cun ademán que ten moito de teatral, “pois nada menos que coa selección do país do seu cativerio: Hungría. Cómpre dicir que, por riba, non se trataba dun conxunto calquera, integrábao nada menos que o máis soado da súa historia: Bozsik, Czibor, Kocsis, Hidegkuti e o futuro madridista Ferenc Puskas, considerado un dos mellores futbolistas de todos os tempos. Porén, e para sorpresa de todos, gañaron os alemáns e aí comezou o traxecto dun dos, a partir de entón, mellores equipos do mundo, pero iso é outra historia. O caso é que, cando dous anos despois, os tanques soviéticos invadiron o país maxiar e moitos daqueles fenómenos, como Puskas, optaron polo agre camiño do exilio, foi Walter, agradecendo dalgún xeito o trato recibido na guerra, quen lles axudou naquilo que estivo na súa man. Sempre fuxiu desa gloria baleira á que son hoxe tan afeccionados os astros do balón e ata se conta que, no derradeiro da súa vida, adicou parte do tempo a colaborar na rehabilitación de presos. Antes de morrer en 2002 tivo tempo de confesar que a súa fora unha vida de ledicia incesante”.

O meu amigo cala. Ollamos cara a rúa. Segue a caer esta choiva teimuda de xuño e a cor plomiza do ceo parece esvaecerse nas grosas pingas que fican penduradas do vidro da fiestra. É coma unha canción de outono en primavera. Penso en Rubén Darío e en Verlaine. De súpeto decatámonos de que o tempo fuxidío de lecer rematou e que xa cómpre voltar ás nosas obrigas sen saber canto vai pasar ata que nos atopemos de novo. Acompáñoo até a parada do bus mentres un refacho de vento ameaza con arrastrarnos igual que follas mortas. Cando chegamos, e a piques de despedirmonos, lembro algo: “Oe”, dígolle, “e a choiva...? Que ten que ver a choiva en todo isto?”. “Ah! Esquecía o máis importante”, di ollándome cun xesto de leda satisfacción mentres comproba que o autobús que aparca nese intre diante nosa é o seu, “aínda que penso que quizais é só parte da lenda. Contan que, cando Walter estivo no campo de presos e colleu a malaria, adaptouse á choiva porque era o único que podía aliviarlle as febres e os calafríos. Por iso non só non lle incomodaba ao xogar, senón que ata lle daba certa vantaxe sobre os outros”. Unha rapariga de longa cabeleira roxa achégase a pedir lume. Mentres apalpo os meus petos na procura dun chisqueiro, vexo ao meu amigo subindo dun salto os tres banzos do autobus. “E...?”, bérrolle en contra do meu costume, urxido pola ansiedade, sen comprender o que quere dicir e pensando que ficarei sen coñecer o remate da historia. “É a xustiza poética, hom!, non te decatas?”, me di mentres as portas renxen a piques de pechar. “Iso foi o que lle deu a victoria. Polo visto o día da final do Mundial contra Hungría, en Berna, tivo a compensación por todos os anos de baleiro da guerra: chovía arreo, caía a auga a xerros mesmo coma hoxe, mesmo coma facía moito que non se vira nin se ía ver en demasiado tempo naquelas terras alpinas”.

12/06/2010

X Ruta Chairega

Redacción

O Instituto de Estudios Chairegos, como vén sendo habitual dende a súa fundación, organiza a tradicional Ruta Chairega, que este ano alcanza xa a súa décima edición. Celebrarase o vindeiro domingo, día 20 de xuño, percorrendo, nesta ocasión, a xeito de conmemoración dos 10 anos, a Ruta do Azúmara, por terras de Castro de Rei, como xa se fixera na 1ª edición. A distancia será de 8-9 km, aproximadamente. Cando remate a ruta, haberá que repoñer forzas coa comida que se realizará nesta ocasión nun restaurante da zona.

A cuota que haberá que pagar será de 20 € por adulto, no caso dos asociados, e 30 € no caso dos non asociados (inclúe a comida e o autobús). Os nenos/as pagarán 10€. O traslado dos participantes nesta ruta farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 10,00 horas e retornando pola tardiña, tamén en autobús. Os interesados/as poden apuntarse contactando con algunha das persoas integrantes da Xunta Directiva do IESCHA ou dirixíndose a calquera dos teléfonos seguintes: 639-246459, 651-361628 ou 670-514801 (polas tardes). A data límite para inscribirse será ata mércores, 16 de xuño.

Aproveitando a ocasión do percorrido da ruta por terras de Castro de Rei, o IESCHA quere manifestar o seu total apoio ás iniciativas encamiñadas á protección, conservación e promoción do conxunto histórico-artístico de Castro de Rei.

Presentouse a obra completa de García Mato




Redacción

O Centro Cultural de Vilalba acolleu a presentación da obra completa de Xosé Luís García Mato, cuxos dous tomos foron editados pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Instituto de Estudos Chairegos.

O presidente do IESCHA, Manuel Castro, destacou as dificultades polas que pasou o proceso de edición, demorado varios anos, agradecendo a colaboración da institución provincial e a satisfacción do Instituto por ter coeditado esta obra que, nas súas palabras, "prolonga por moito tempo a vida do autor a través das súas palabras".

Xosé Luís García Ferreiro, fillo do autor e responsable da recopilación dos textos, sinalou que a edición contén a poesía completa e case toda a prosa, dado que aínda poden aparecer traballos esquecidos nalgunhas publicacións periódicas. En nome da familia, á que agradeceu a súa xenerosidade, destacou que con este acto "ao pobo de Vilalba devolvémoslle hoxe a obra de meu pai".

García Ferreiro agradeceu ao anterior alcalde Agustín Baamonde o seu apoio inicial ao proxecto, e reprochou aos actuais mandatarios locais o seu desinterese, aproveitando para pedir unha vez máis o nomeamento de cronista oficial para Xosé Luís García Mato.

O poeta Darío Xoán Cabana, prologuista da edición, lembrou a súa longa amizade co autor, e como no ano 71 "caciqueou para que me deran o premio do certame literario de Vilalba". Para cabana, a obra poética de García Mato é "valiosa no seu conxunto, pero hai poemas que brillan especialmente".

Bernardo García Cendán, calificou ao autor coas palabras adicadas no seu día a Giovanni Papini como un "conservador rebelde, conservador naquelo que para el era esencial". Lembrou que dicía de si mesmo que tiña "como profesión ser home, por riba de calquera outro título". Dixo tamén que, coa lectura demorada da obra completa, atopou algunhas sorpresas, como a forza do feito relixioso ou a súa posición respecto á língua galega, inicialmente contraria á súa normalización, para recuperar máis tarde "a súa capacidade de defensa da lingua".

O delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, amosouse satisfeito por “poder presentar en Vilalba a edición dos dous volumes coa obra completa deste insigne vilalbés” e lembrou que o escritor chairego “foi un dos principais animadores e defensores da cultura lucense, chairega e vilalbesa en particular do seu tempo”. Antonio Veiga referiuse á “investigación e difusión da historia e a tradición de Vilalba que fai a través dos seus escritos en prosa coma nos artigos xornalísticos” e resaltou que “moitos destes escritos da súa prosa posúen un alto valor cultural”.

11/06/2010

Recepción na RAG de Bernardino Graña

Redacción

Mañá sábado, 12 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Cangas (Avda de Lugo s/nº) terá lugar a sesión extraordinaria pública da Real Academia Galega con motivo da recepción como académico de número de Bernardino Graña. O autor de Fins do mundo lerá o seu discurso de ingreso Contos populares e Rosalía, que será respondido en nome da Academia por Ramón Lorenzo Vázquez.

Bernardino Graña Vilar, nacido en Cangas do Morrazo no ano 1932, está considerado como o poeta do mar gracias a obras como o poemaria Profecía do mar (editada en 1966 e que se convertiu nunha icona literaria do país), ingresa na Academia á idade de 77 anos. O interese de Bernardino Graña pola literatura ten a súa raigame de moi novo cando o seu pai lle introduciu o gusto polos textos. O proxenitor, mestre republicano, perdeu a súa praza comezada a Guerra Civil e veuse obrigado a sobrevivir traballando para academias de Ribadavia e Cangas. No curso 1953-1954 da carreira que cursou na Universidade de Santiago de Compostela, gañou o concurso das Festas Minervais con poemas en galego e castelán.

Foi articulista de La Noche e posteriormente de Faro de Vigo. Así mesmo, relacionouse con ilustres persoeiros como Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e Aquilino Iglesias Alvariño. Anos despois, trasladouse a Madrid para estudar Filoloxía Románica. Na capital, formaría o grupo Brais Pinto, publicando o seu primeiro poemario no 1958 (Poema do home que quixo vivir). Pasado o tempo, gañou unha praza como catedrático que o levou a dar clases en varios institutos de España finalizando en Cangas do Morrazo onde se xubilou no ano 1991. Da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi presidente en dúas ocasións, ademais de conseguir o Pedrón de Ouro a mediados dos anos 90. Por parte da Academia, resaltaron o seu labor incansable, a súa dedicación á literatura infantil e o seu traballo no xénero teatral.

Os contidos das webs


Redacción

Os propietarios de foros en Internet teñen a obrigación de moderar os seus comentarios, facer cumprir as normas de participación e dar de baixa aos usuarios que as quebranten, segundo unha sentenza do Tribunal Supremo do Estado español recollida pola Asociación de Usuarios da Comunicación (AUC).

Ademais, cando os responsables do foro foron advertidos da existencia de devanditos contidos ilícitos, poderían ser responsables da súa publicación se non os retiran nun prazo razoable, segundo a devandita sentenza, emitida polo Tribunal Supremo en maio, concreta a AUC.A sentenza rectifica a condena que tanto a Audiencia Provincial de Valencia como o xulgado de primeira instancia ditaran contra o propietario dun foro en Internet tras unha denuncia presentada por suplantación de personalidade nun comentario.

O Alto Tribunal, ademais de invocar o dereito de liberdade de expresión recollido no artigo 20 da Constitución, fai referencia á Directiva 2000/31/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 8 de xuño, que regula na sección cuarta do seu capítulo segundo o réxime de responsabilidade dos prestadores de servizos que actúan como intermediarios da sociedade da información.

En particular, o artigo 15, apartado 1 de dita Directiva nega a posibilidade de que os Estados membros impoñan aos prestadores de servizos "unha obrigación xeral de supervisar os datos que transmitan ou almacenen, nin unha obrigación xeral de realizar procuras activas de feitos ou circunstancias que indiquen actividades ilícitas" respecto do servizo de que se trata.

Á súa vez, o artigo 16 dispón que os Estados membros garantirán que os prestadores de servizos consistentes en almacenar datos facilitados polo destinatario dos mesmos, non responden, cando se exercite unha acción por danos e prexuízos, sempre que non teñan "coñecemento de feitos ou circunstancias polos que a actividade ou a información revele o seu carácter ilícito" e, no caso de que tivesen devandito coñecemento, cando actúen "con prontitude para retirar os datos ou facer que o acceso a eles sexa imposible".

Pola súa banda, a Lei 34/2002, de 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico, sinala no seu artigo 16 que "os prestadores dun servizo de intermediación consistente en albergar datos proporcionados polo destinatario deste servizo non serán responsables pola información almacenada a petición do destinatario sempre que non teñan coñecemento efectivo de que a actividade ou a información almacenada é ilícita ou de que lesiona bens ou dereitos dun terceiro susceptibles de indemnización ou, se o teñen, actúen con dilixencia para retirar os datos ou facer imposible o acceso a eles".

En relación aos feitos xulgados, sinálase que o demandante comunicou aos responsables dunha páxina Web valenciana que alguén aloxara un comentario utilizando o seu nome, requiríndolles para que retirasen a nota e comunicásenlle o nome do remitente. Os responsables da páxina retiraron a nota, pero non facilitaron o nome do suplantador acolléndose á normativa sobre protección de datos.A imposibilidade de coñecemento efectivo previo sobre a autoría e o contido da mensaxe e a retirada do mesmo unha vez coñecida a suplantación, sen que poida observarse neglixencia, son xa que logo os argumentos que fundamentan a decisión do Supremo.

A Fundación La Rosaleda entregou o Premio Axuda 09

Redacción

A Fundación La Rosaleda e Caixanova entregaron onte á tarde o Premio Internacional de Acción Social ‘Axuda 09’, que outorgan conxuntamente desde fai tres anos e que nesta edición recaeu na misión que realiza o padre Olarán en Etiopía.

Ángel Olarán (Hernani 1938) é un misioneiro dos Padres Blancos que leva a cabo un inxente labor en favor das xentes de Wukro, unha cidade situada ao norte do país africano, onde desenvolve diversas actividades asistenciais, educativas, sanitarias e ata económicas e ambientais.

Na entrega do galardón o presidente da Fundación La Rosaleda, Gerardo Fernández Albor, destacou o carácter social do galardón, destinado a “recoñecer o labor realizado tanto por persoas como por institucións que colaboran con colectivos desfavorecidos ou en situacións manifestas de precariedade”. Na realización destas tarefas prima sempre un compoñente altruísta e solidario, “cualidades que reúne a misión do padre Olarán”, asegurou Fernández Albor.

Atención sanitaria e inserción laboral

O proxecto do padre Olarán foi elixido de entre dez candidaturas pola gran diversidade de aspectos que atende na súa misión. Entre eles está o colexio St. Mary, unha escola á que acoden 350 alumnos e que ofrece diversas alternativas de formación, como soldadura, agricultura, corte e confección ou pintura, entre outras.

No ámbito sanitario St. Mary sufraga os gastos de limpeza do hospital e do centro de saúde de Wukro (en total 17 persoas contratadas), ademais doutras tres que recollen o lixo na poboación. Así mesmo presta axuda alimentaria, médica para a adquisición de vivenda, etc. a máis de cinco mil nenos desnutridos, a case mil orfos e a indixentes (especialmente a anciáns, nais solteiras e enfermos de sida e tuberculose).

Precisamente será a estes colectivos a quen vaia destinado o premio, dotado con 6000 euros, ademais do diploma e obsequio acreditativos. A encargada de recollelo foi a enfermeira Jéssica Villares Balsa, recén chegada da misión St. Mary, onde se ocupou de atender problemas sanitarios leves no centro médico de Wukro. Jéssica asegurou vivir unha experiencia “moi intensa pero moi satisfactoria” e loubou o traballo do padre Olarán, quen leva a cabo “moitísimos programas específicos para os colectivos máis desfavorecidos de Wukro”. Jéssica Villares recorda que máis de 120 mil persoas reciben algún tipo de axuda do padre Olarán, “polo que este diñeiro será de gran utilidade para mellorar as condicións de vida destas persoas e seguir prestándolles a axuda que tanto necesitan”.

Dentro destes programas, tamén se inclúe un de reforestación en favor da biodiversidade, mediante a plantación de árbores non autóctonas de Tigray, e para o abastecemento de leña e madeira para a construción, así como a concesión de microcréditos para financiar pequenos negocios, como a compra de animais, hortalizas, venda de alfombras... destinados, maioritariamente, ao apoio de prostitutas, viúvas e nais solteiras. Ademais, o padre Olarán é responsable da coordinación, entre outros, dos proxectos que Medicusmundi leva a cabo na rexión de Tigray. O seu labor é especialmente recoñecido polos colectivos de pais que adoptaron nenos en Etiopía, moitos dos cales manteñen unha estreita relación con Ángel Olarán.

Xurado e edicións anteriores
O xurado do Premio Axuda 09 estivo integrado por Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea en representación do presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, Rafael Silva Agregán e Manuel Granxa González en representación da Fundación La Rosaleda, Gerardo Fuertes Ayerdi, Manuel García Miñaca e José Manuel Vilariño Orgeira en representación de Caixanova, actuando Manuel Freire-Garabal en calidade de secretario con voz pero sen voto por designación da Fundación La Rosaleda.

O gañador da primeira edición deste Premio Axuda foi a ONG Sonrisas de Bombay, que utilizou a dotación económica para desenvolver un proxecto de atención e seguimento a pacientes con lepra de varias zonas rurais ao norte de Bombay. Na segunda edición resulto gañadora a irmá María Luisa Verdú, pertencente ás Filhas da Caridade de San Vicente de Paulo, polo seu traballo no hospital El Carmelo de Chokwé (Mozambique), onde se atende a enfermos de sida e tuberculose.

Creación dunha plataforma estatal de afectados pola vacina da lingua azul

Redacción

Na mañá de onte Isabel Vilalba -gandeira da zona da Mariña- e Adolfo Cabarcos -gandeiro da zona da Terra Chá-, acompañados pola Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, denunciaron a existencia reiterada de efectos secundarios negativos logo da aplicación da vacina da lingua azul (LA) no gando. Estes efectos logo da vacinación implican a morte dos animais, o nacemento en condición de debilidade dos animais paridos por femias vacinadas, tamén dificultades para parir e morte logo de facelo, coxeiras, mamites raras, caídas da produción, infertilidade nos sementais, etc.

É interese principal das gandeiras e gandeiros ter a certeza de que a cabana gandeira está en perfectas condicións de saúde, polo que ten que quedar ben claro que é o sector produtor o que con máis insistencia demandamos controles que nos supoñan a garantía de que a cadea alimentaria non se vai ver afectada negativamente en ningún momento. Agora ben, precisamente pola responsabilidade que lles atinxe en canto aos tratamentos que se aplican ao gando, e que logo será a alimentación da cidadanía, as produtoras e produtores do SLG veñen denunciando xa dende o ano pasado que a substancia inoculada ao gando está a ser nociva para os animais.

Segundo os datos feitos públicos pola Organización Mundial de Sanidade Animal, a enfermidade da lingua azul ten unha incidencia do 10% no gando, en tanto que a afección negativa da vacina é extensíbel ao 25% do gando vacinado, segundo os datos publicados polo Ministerio de Medio Rural nun estudio con explotacións afectadas pola vacina. Os gandeiros e gandeiras do Sindicato Labrego Galego, a través das voceiras da rolda de prensa de hoxe, denunciaron tamén as dificultades e presións existentes por parte da Administración cando algunha persoa quere denunciar a morte ou enfermidade dos animais logo da vacina.

En primeiro termo, só se contempla como efectos secundarios da vacina aqueles que se producen 7 días despois da subministración do compoñente. Ben, dende o punto de vista do SLG este prazo carece de lóxica que o sustente, posto que lévase máis dun ano comprobando que os efectos negativos mesmo se transmiten ás crías de femias preñadas que son obxecto da vacinación. Polo tanto, este prazo distorsiona a recollida real de datos.

En segundo termo, como sinalaron Isabel Vilalba e Adolfo Cabarcos, o habitual é que cando os gandeiros e gandeiras acoden ás oficinas veterinarias oficiais, primeiramente téntalles disuadir da vinculación das mortes e/ou enfermidades coa dose da vacina -co argumentos un tanto peregrinos, como o que se acaba de citar do prazo-, seguidamente, e se persisten na súa intención de denunciar, son presionados con que, de denunciar os efectos ou as mortes e enfermidades nestes termos, a Administración tería que inmobilizar a explotación, paralizando toda a saída e entrada de animais, co custe económico que iso supón, dificilmente asumíbel por ninguén, habida conta da delicada situación do sector produtor de alimentos.

O Sindicato Labrego Galego valora como moi preocupante o seguidismo que dende as institucións, nomeadamente as dedicadas ao control da sanidade animal, están a realizar dos intereses económicos da industria farmacéutica, comportamento que, por outra parte, ben se pode enmarcar nun incremento xeral de apoio a este lobby, sendo claros exemplos a nivel sanidade humana, a recente a introdución da vacina da Gripe A ou do Papiloma.

Por outra banda, o pasado 20 de maio, representantes do SLG reuníronse en Madrid con outras organizacións e grupos de gandeiros/as afectados das diferentes partes do estado. Cansos e cansas de constatar as incidencias nomeadas e que se lles responda sempre coa máxima de que a vacina non ten nada que ver -dende o inicio da campaña no 2008 xa houbo denuncias-, nesta reunión a nivel estatal constituíuse unha plataforma de afectadas e afectados pola vacina da LA.

Por último, cómpre sinalar que calquera persoa que sufrira este problema na súa explotación pode, e mesmo “debe”, achegarse aos locais deste Sindicato onde se lle prestará apoio e se tomarán os datos das consecuencias vinculadas á vacina, para deste xeito elaborar un documento onde reflectir o grao real da incidencia negativa derivada da aplicación da mesma.

Presentouse a IX Convención Internacional de Artes Marciais GALIBUDO-10

Redacción

O delegado de Cultura e Deportes Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentou onte pola mañá no Pazo de San Marcos a IX Convención Internacional de Artes Marciais GALIBUDO-10, xunto a Antonio Montes Hermida, mestre de Tae Kwon-Do 7º DAN, presidente da escola de Tae Kwon-Do “Moo Duk Kwan” e organizador da IX Convención Internacional de Artes Marciais GALIBUDO-10. Esta convención internacional, que chega á súa novena edición este ano, celebrarase en Vilalba na fin de semana do venres 3 ao domingo 5 de setembro, coincidindo coas festas da capital da Terra Chá.

Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deportes da Deputación, ratificou o apoio da Área de Deportes da Deputación á celebración deste evento de artes marciais. Neste sentido, Antonio Veiga falou de que desde a Área de Deportes se apoian todas as modalidades deportivas e referiuse “ao gran número de practicantes que as artes marciais teñen en Galiza, propiciando que haxa un alto nivel na competición”. Do mesmo xeito, Veiga xustificou o apoio da Deputación ao desenvolvemento destes eventos deportivos xa que “contribúen a xerar un movemento económico moi beneficioso no propio territorio, como se pode derivar da presenza directa de máis de 200 deportistas, ademais das persoas que os acompañan”.

Antonio Montes Hermida afondou no que será a convención de artes marciais que se desenvolverá en setembro. Antonio Montes explicou que o venres celébranse uns actos de recepción dos participantes e a xuntanza cos integrantes do Circuíto Internacional “Amigos das Artes Marciais”, agrupación creada para dinamizar e organizar eventos como GALIBUDO. Xa o sábado terán lugar pola mañá as xornadas técnicas onde impartirán as súas ensinanzas profesores de talla mundial como o mestre Francisco Gómez, 10º DAN de Ju Jutsu, ou o mestre portugués Luciano Mouro e o galego Francisco Paredes. Ese mesmo sábado pola tarde, na casa da cultura de Vilalba, terá lugar unha mesa redonda onde diversos profesionais debaterán sobre as claves da práctica das artes marciais, nun coloquio onde todas as persoas, sexa cal sexa o seu nivel, poden participar.

O domingo, para rematar, segundo explicou Antonio Montes, estará un mestre coreano experto nas técnicas da modalidade de Kouk Sun Do, unha arte marcial que pretende o desenvolvemento físico e mental do individuo máis que a defensa persoal. Antonio Montes tamén fixo unha indicación en sobre que este ano as clases prácticas van ter un enfoque especial cara a defensa persoal feminina.