Revista avozdevilalba.com



Redacción


Está a dispor a revista avozdevilalba.com cos contidos do xornal correspondentes ao mes de febreiro. Para desgargar o arquivo en formato .pdf poden picar na imaxe da esquerda.

28 de feb. de 2010

A bitácora de Cortázar

Mario Paz González.-

Un blogue, ou unha bitácora, é –hoxe ninguén o ignora– unha web que recompila textos dun ou varios autores que, ademais, poden ser comentados por quen os lea. No momento do seu nacemento, a mediados do noventa, moitos intuíron as posibilidades literarias que o invento podía ofrecer. Si antes existían páxinas web nas que se recompilaban poemas, relatos, artigos… dos máis variados autores –coñecidos ou non–, os blogues permitían a opción de publicalos en tempo real, cunha inmediatez que apenas ningún outro medio ofrecía, polo menos para o autor anónimo, sendo alcanzables tecnicamente a calquera usuario sen coñecementos previos de linguaxe html. Mais, aínda que houbo exemplos encomiables, a realidade non adoita alcanzar as expectativas xeradas e non todo o xurdido daquel vórtice inicial é hoxe digno de ser lembrado.

No que a contido se refire, a historia literaria está chea de exemplos do mesmo que ofrecen moitos blogues. Vémolo no sentido común das Epístolas de Séneca, no entrañable diletantismo das Meditacións de Marco Aurelio, na vitalidade dos Ensaios de Montaigne, na ollada crítica dos artigos de Larra, na lucidez intelectual da Mínima moralia de Theodor W. Adorno ou na humanidade desbordante dos Retrincos de Castelao. Todos eles, e moitos máis, ben poderían ser considerados, en maior ou menor medida, blogueiros de pro doutro tempo e as obras mencionadas poderían adaptarse ao formato dunha bitácora sen maior problema. Hai, con todo, unha que, por riba delas, destacaría. Refírome a unha obra tan singular e única como La vuelta al día en ochenta mundos (1967), de Julio Cortázar.

Para quen a estas alturas aínda non o coñeza, este libro marabilloso, presentado en dous tomos, é unha miscelánea tecida co espírito lúdico e a liberdade aprendidos do jazz e as vangardas artísticas de comezos do XX. Nel mestúranse textos que van desde a reflexión persoal sobre a arte, a literatura e a vida ao apuntamento crítico apaixonado, pasando por outros xéneros máis “convencionais” como poden ser o relato breve ou o poema. Tamén hai artigos sobre música, como os adicados a Clifford Brown, Carlos Gardel, Louis Armstrong ou Thelonious Monk; e outros –moitas veces os mellores e, en calquera caso, impagabeis– de natureza inclasificable ou, en ocasións, absurda. Entre eles compre destacar un no que describe a Rayuel-ou-matic, máquina deseñada por Juan Esteban Fassio para ler a novela Rayuela. Ademais todo o libro está salpimentado, como ocorre a miúdo cos blogues, cun bo feixe de citas literarias, fotos, debuxos, gravados –de Doré e doutros– e ilustracións das máis variadas orixes. Probablemente esteamos ante unha homenaxe a aquel Opium de Jean Cocteau –outro blogue antes dos blogues– que tanto impresionara ao propio Cortázar e, segundo el mesmo confesou, á falta de uniformidade de El almanaque del mensajero, publicación miscelánea para o medio rural da Arxentina da súa nenez, cheo de receitas de cociña, chistes, poemas, horóscopos, etc.

A creatividade non está no uso dun formato artístico ou outro, senón na capacidade individual para extraer deles todo o máximo rendemento abrindo portas a novas posibilidades. Cervantes non inventou a novela, pero si se valeu dun molde preexistente un tanto obsoleto para darlle outra volta ao xénero. O blogue, literariamente falando, non creou xéneros novos, senón que, achegándolles inmediatez e nun formato diferente –que permite mesturar con naturalidade imaxe e palabra–, máis ben serviu, e serve, para difundir xéneros anteriores: o relato breve, a poesía, o artigo literario de opinión, o diario literario, a novela por entregas… Relendo outra volta o libro de Cortázar, un pregúntase se algunhas correntes modernas, xurdidas ao abeiro da web, achegarán, unha vez superadas as urxencias da moda, algo novo á literatura que non existise xa. A resposta non é doada. Así pois, sirva como peche unha cita de Macedonio Fernández tomada, como non, de Cortázar: “Fuxo de asistir ao final dos meus escritos, polo que antes diso remátoos”.

27 de feb. de 2010

O Dereito como arma


Moncho Paz

Despois de darlle moitas voltas, xa non teño dúbidas de que o Dereito é unha arma política de primeira categoría, sobre todo nos eidos constitucional e penal. No primeiro caso, basta con revisar o proceso do Estatut de Catalunya dende a fase inicial da súa tramitación: os días previos ao debate celebrado o 30 de setembro de 2005 no Parlamento catalán para someter a votación a proposta do novo Estatut; o ano clave de 2006, co pacto CIU-PSOE do mes de xaneiro, a celebración do referendo do 18 de xuño e o recurso presentado ao Tribunal Constitucional (TC) polo Partido Popular o 31 de xullo, nove días antes da entrada en vigor do terceiro Estatut de Catalunya.

O Constitucional admitía a trámite o recurso do PP o 28 de setembro daquel ano. Un recurso tras o que viñeron outros seis, presentados polo Defensor do Pobo e polos gobernos de Murcia, A Rioxa, Aragón, Valencia e Baleares, respectivamente. Máis de tres anos despois, o TC aínda non se pronunciou sobre se cabe ou non no marco da Constitución. Unha sentenza que será un arma política de destrución masiva, independentemente do seu contido, pois pode cambiar o signo político do Goberno español, nun momento no que o presidente Rodríguez Zapatero segue en caída libre nas enquisas.

E como a dereita é consciente diso, agora reclama tamén unha nova reforma do Código Penal, abrindo o debate sobre a cadea perpetua. Non chega con aquela simbólica reforma de novembro de 2003, caracterizada pola súa incontinencia represiva e que representou “unha lamentable involución, que socava os cimentos públicos do Dereito penal e tras a cal agáchase un panorama político criminal baseado no autoritarismo que lembra á etapa preconstitucional”, recollendo as palabras do catedrático Abel Souto, da Universidade de Santiago. Vai sendo hora de que asuman que non se trata de crear un Código Penal da seguridade, nin tampouco de recorrer permanentemente á lexislación con políticas populistas coa única finalidade de tranquilizar –e manipular– á opinión pública.

Vilalba no mundo

Xulio Xiz

Diante dun feito como a inauguración do último tramo da autovía Ferrol-Vilalba, teño que autocomplacerme pensando na miña vila e na magnífica noticia que esto supón.

A min esto das novas vías de comunicación teño que confesar que me conmove, e supoño que se me ten notado xa en numerosas ocasións. E supoño que é porque a estas alturas da vida, tendo recorrido millóns de kilómetros por malas carreteras que agora teñamos unhas estradas perfectas é algo bastante parecido a esa felicidade que todos anceiamos.

Non esaxero cando menciono millóns, porque vou polo sexto coche propio, e a cada un rodeino entre douscentos mil e trescentos mil kilómetros, e todo esto sumado ás viaxes nas que eu non conducía, danme unha certa experiencia no recorrido polas estradas galegas, especialmente da provincia de Lugo. As novas autovías, co seu dote de seguridade, amplitude, trazado, son – por agora- a perfección no transporte automobilístico, e deso hai que congratularse.

Eu lembro cando ir no coche de linea ou da feira de Vilalba ás Pontes levaban máis dunha hora, de Vilalba a Muras outro tanto, e de Vilalba a Viveiro máis de dúas horas. De Vilalba a Lugo era unha hora, e así sucesivamente.

Teño ido en coche pola zona que estes días se inaugurou, en coche da feira. E mentras íamos por terreo chao o vehículo levaba unha velocidade de cruceiro que ó mellor chegaba ós corenta por hora, pero nas costas era outro cantar. Cando desde o que agora é autovía se ía hacia Muras – que agora tamén, parece, ten a consideración de Terra Chá, que xa é ter – nas costas, o coche das feiras volvíase remolón e camiñaba (é un dicir), ó mellor a quince por hora.

Ós rapaces gustábanos ir “na baca”, na parte superior, onde ía xente maior e máis a carga. E cando o pobre autobús hipaba nas costas, subindo con todo o esforzo do mundo, os nenos baixabamos pola escaleira posterior, facíamos algunha necesidade menor á beira da estrada, botábamos a correr e collíamolo de novo. Aquello era tranquilidade nas viaxes, e o demáis son contos. Hoxe, queda aquello tan lonxano como a conquista do oeste.

Ó que ía: Vilalba, coa chegada da autovía de Ferrol e As Pontes, queda conectada co mar ferrolano, ten porto de mar a pouco máis de media hora. Pero contando coa autovía A-8, estará conectada – como dicía o Presidente Feijoo- con Francia, e con Asturias, e todo o norte de España, estándoo xa coa A-6, coa Coruña, con Madrid. Se hoxendía o futuro está nas comunicacións, Vilalba está no futuro convertida nun nudo de comunicacións como ningún outro pobo da provincia de Lugo, e como moi poucos outros de Galicia.

Notaremolo no futuro, e notarano as xeneracións vindeiras, pero pensemos que este mércores ianugural foi para Vilalba un día histórico. Non tivemos en tempos – como denunciou o Alcalde, Gerardo Criado – un ferrocarril que nos vencellase coa costa e co resto de España, pero agora temos – e máis que imos ter- unhas comunicacións de primeira orde por estrada que vencellan a

Vilalba co mundo, e a todo o mundo con Vilalba.

25 de feb. de 2010

O mal sentido de Rosa Díez

Fermín Bouza

Sinto un vivo desprezo por esta clase de políticos, como Rosa Díez, que usan o seu partido de orixe como catapulta para logo insultar de mala maneira ós seus excompañeiros sen o menor miramiento.

Un dos deportes preferidos desta señora é atacar tamén ás nacionalidades e ás súas linguas, á vez que no congreso do seu partido proponse isto mesmo como fin político, recortando dereitos constitucionais. Todo iso é un alarde de xenofobia nun partido cada vez máis próximo ás teses neofascistas, como algunha vez tiven xa oportunidade de dicir. É un neofascismo entreverado de supostos postulados de esquerda, como no seu tempo o foi o fascismo orixinal, para introducir aínda máis confusión entre a xente, tentando recoller, e recollendo, electorado a dúas bandas: extremistas do PP polo lado da lingua e as autonomías e extremistas do PSOE polo lado cívico de Zapatero e as súas diversas leis dese cariz.

Agora, ademais, e de forma reiterada, insulta aos galegos ante un estático Iñaki Gabilondo, do que esperaba algo máis nestes lances.

Encontro Galego de Música Xove

Redacción

A cita terá lugar no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, o sábado 27 de febreiro a partires das 10 da mañá. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, organizadora do evento, xa ten confirmada a participación dun cento de grupos de toda Galicia, que serán os verdadeiros protagonistas dunha xornada onde se xuntarán as actuacións, a formación e a industria musical.

Programa do Encontro Galego de Música Xove
Santiago de Compostela | IES Rosalía de Castro | 27.02.10

09:00 – 10:00 h > RECEPCIÓN (obrigatoria).

10:00 – 10:30 h > PRESENTACIÓN INSTITUCIONAL
Ovidio Rodeiro Tato (Director Xeral de Xuventude, Xunta de Galicia).
Representante Xacobeo 2010.

10:30 – 14:00 h > I SESIÓN CASTING (turno de mañá).

11:00 – 14:00 h > I SESIÓN FORMACIÓN (turno de mañá).

11:00 – 12:00 h > OBRADOIRO – MEETING POINT “Autoedita a túa música en formato físico e dixital”.
Sergio Lago (Falcatruada Imaxe e Música).
Representante de Lonxa Cultural.

11:00 – 12:00 h > OBRADOIRO – MEETING POINT “As claves do directo”.
Clubtura (Asociación galega de salas de concertos).
Xurxo Seara (Festival Reperkusión).
Fran Rivera (exdirector do Festival de Ortigueira).

12:00 – 13:00 h > OBRADOIRO – MEETING POINT "A promoción da música a través de medios e internet".
Salva Ronco (Maketón).
Marcos Payno (Komunikando.net)

12:00 – 13:00 h > OBRADOIRO – MEETING POINT “A promoción da música a través do audiovisual”.
María Yáñez. (Experta en redes sociais).
Alfonso Pato. (Director do Festival de Cans).

12:00 – 14:00 h > CHARLA COLOQUIO “Música e xuventude”.
Ovidio Rodeiro. (Director Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia).
Juan Carlos Fernández Fasero (Xerente do Agadic).
Eva Perales (Directora de Bluesens Music).
XM Rodríguez Abella. (Ttécnico de xuventude).
Fran Pérez. (Músico).

//Descanso//

16:30 – 20:30 h > II SESIÓN CASTING (turno de tarde).
16:30 – 20:30 h > II SESIÓN FORMACIÓN (turno de tarde).
17:00 – 18:00 h > MASTERCLASS “Hip hop…rimando”. Con Trasnos do Moscoso.
17:00 – 18:00 h > MASTERCLASS “Batería e percusion”. Con Miguel Lamas.
18:00 – 19:00 h > MASTERCLASS “Dillei”. Con Dr. Think.
18:00 – 19:00 h > MASTERCLASS “Guitarra eléctrica”. Con Fran Pérez, Narf.


Showcases
18:00 – 18:20 h > 1º SHOWCASE: Scandal.
18:20 – 18:40 h > 2º SHOWCASE: Elanor.
18:40 – 19:00 h > 3º SHOWCASE: O Leo I Arremecaghona.
19:00 – 19:20 h > 4º SHOWCASE: Jane Joyd.
19:20 – 19:40 h > 5º SHOWCASE: Baldosa Amarilla.
19:40 – 20:00 h > 6º SHOWCASE: Silvia Penide.


Feira Musical
Posto de merchandising.
APUNTATE en:
producion@deica.es
Tlf.: 671 585 739
www.myspace.com/encontrogalegomusicaxove

24 de feb. de 2010

Manifesto no Día de Rosalía

Redacción

A Asociación de Escritores en Lingua Galega promove, para mañá mércores día 24 de febreiro, a lectura dun manifesto conmemorativo do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro, a celebrar en varias cidades do país.

As cidades e horarios onde se lerá o manifesto son:

A Coruña, 18,00 horas
Monumento a Curros Enríquez.
Coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
Lerán o manifesto: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Luz Pozo

Lugo, 18,00 horas
Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu Rosalía de Castro entre 1864 e 1868.
Lerán o manifesto: Isidro Novo e Antonio Reigosa

Compostela, 17,30 horas
Onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura.
Lerán o manifesto: Antía Otero e Marilar Aleixandre

Vigo, 19,00 horas
Rúa Real 12, onde a tipografía de Juan Compañel.
Coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Vigo
Lerán o manifesto: Agustín Fernández Paz, Marta Dacosta, Álvarez Cáccamo e Mª do Carme Krukenberg

Ferrol, 18,00 horas
Praza do Himno Galego
Lerá o manifesto: Rosa Méndez

Pontevedra, 18,00 horas
Na estatua de Castelao, onda o Museo de Pontevedra.
Lerá o manifesto: Luis Rei Núñez

Nestas ligazóns pódese acceder ao Manifesto e ao Mapa dos lugares

23 de feb. de 2010

Un contrato electoral para 2013


Antón Baamonde

Estamos diante dunha crise da democracia? Non o creo, se un toma como referencia Galicia. Ao contrario, nestes momentos hai máis pluralidade, máis dinamismo social, máis debate político do que era o caso antes da experiencia do bipartito.

En Galicia o PP non posúe hoxe o control do territorio social, o poder -aí están os grandes e medianos concellos e dúas deputacións- está máis repartido e a opinión pública ten ao seu dispor medios de comunicación un chisco -ai, só un chisco¡- máis diversos.

Outra cousa é o que iso signifique: os medios de comunicación é obvio que están intentando ser punta de lanza de lobbys locais, nunha estratexia que, dende logo, ten pouco que ver co deseño racional e eficiente de políticas nas súas urbes. Pero é certo que están claras as dificultades da Xunta para marcar un criterio sen verse abocada a negociar con eses grupos de presión.

Por outro lado, Losada ou Caballero non son para lanzar cohetes, como revelan os seus últimos movementos tácticos. E que imos dicir dun BNG coa súa tendencia a culpar ao entorno dos erros que comete tan soberanamente... (véxase a interesante entrevista con González Mariñas no Xornal).

A confusión é enorme, no entanto, dende que a lea das caixas enguedellou un primeiro ano da oposición. Antes ela poidera, gracias ao movemento pro-galego, saír moi rapidamente do seu letargo e depresión.

Na miña opinión esa lea non debera terse producido -prexudica os intereses de Galicia e favorece ao PP desmontando a incipiente polarización- pero non cabe dúbida de que mostra a incapacidade de Feijóo de marcar o paso e evidencia -como foi o caso co financiamento autónomico- que ter un goberno central enfronte crea grandes dificultades. No actual combate PP-PSOE non se admiten feridos: só mortos. A actual lea das caixas está teledirixida, como é obvio, por Pepe Blanco.

Esa confusión crea interrogantes para o futuro que veremos como se despexan, pero o ano que pasou dende a toma do poder por Feijóo non foi bo para o PP e atrévome a suxerir que, no caso de que puidese descontarse a baixa do PSOE por motivos ligados á crise, o bipartito podería gañar con certa facilidade as eleccións do ano 2013.

A condición mínima: crear dinámicas de polarización, non entorpecerse BNG e PSdeG, non retornar dende a oposición a aquelo que lles fixo perder votantes no goberno.

E, de poder ser, ter políticas racionais, non de pura contestación. Gustaríanos saber que farían se chegaran ao poder outra vez coa política lingüística, coa eólica e, en xeral coa medioambiental, coa do territorio, coa relación cos medios. En definitiva: sería bo que asinasen un contrato cos seus electores especificando o seu programa. Ademais, sería bo que cambiasen o farruco estilo de goberno que tanto lles perxudicou.

Isto non é ignorar a forza do PP nos medios, entre o empresariado, etc. Calquera que teña anos -e eu xa os teño- sabe que iso é así: por tanto, non é eximente de nada: calquera que chegue ao goberno ten que saber e estar preparado para iso. Si no sabes torear pa que te metes.

Para acabar. Outra cousa é a nivel macro. Aí si que é posible falar de crise da democracia. A recente tormenta económica mostrou ás claras que foron os mercados os que crearon a crise, que foron os gobernos os que, de momento, a intentan capear, e que os mercados teñen capacidade para facerlle chantaxe aos tales gobernos.

Ningunha política progresista está saíndo da crise: ao contrario móstrase con máis crueldade o cinismo e a desvergoña dos mercados, e a falta de horizonte da esquerda en calquera parte do mundo. O que houbo foi keynesiasmo de dereita: usar aos estados para sanear as contas privadas.

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO

Erario público e moralidade
Antonio Cendán Fraga

Se por algo se debe caracterizar o erario público é pola súa máxima respectabilidade e inviolabilidade. Nunha sinxela palabra, é sagrado. Pero polo que se ve algúns dos deputados máis novos do Parlamento galego, caso do popular Antonio Rodríguez Miranda, non parecen darse por enterados e usan o patrimonio de todos os galegos coma se fose propio. Parece ser que a este parlamentario, resúltanlle insuficientes os 4.000 euros de base que cobra por exercer o seu labor no Hórreo.

A súa actitude non só me parece inmoral e antiética senón tamén insultante. Mentres no país hai máis de 200.000 persoas que carecen de emprego, el dedícase a dilapidar cartos que pertencen a todos os seus paisanos, dos cales máis da metade apáñanse para chegar a fin de mes con menos de mil euros, en tanto que moitas familias pagan relixiosamente os seus impostos, entre eles o de sucesións, que o PP prometera retirar definitivamente pero que segue vixente case un ano despois de que Núñez Feijóo accedera á presidencia da Xunta de Galicia.

No entanto, e por desgraza, a actitude de Rodríguez Miranda non é única nin exclusiva. Coido, que ao igual que pasa na Igrexa Católica cos casos de pederastia, o mellor é tapalos. De feito, os dous grandes grupos parlamentarios convalidaron o salario dos cargos públicos, o que supón toda unha herexía política.

Retomando o asunto que nos ocupa, os responsables públicos galegos, independentemente do cargo que ocupen, deberían ter en conta a sacralidade dos seus actos. Unha simple chamada telefónica de tipo privado ou un folio que se malgaste repercuten directamente na economía de 2.800.000 persoas, ás que permanentemente se lles está a dicir, por activa e por pasiva, que hai que apertar o cinto, pero os que primeiro deben facelo non predican precisamente co exemplo.

Malia o pacto ao que chegaron os grupos da Cámara galega, coido que os gastos de todos cantos exercen o seu labor no ámbito público deberían de estar fiscalizados e estritamente controlados, para evitar que se dilapidase en balde un só céntimo procedente das arcas públicas. Pero o que moito nos tememos é que, acostumados como estamos a que o tesouro público non ten fondo, seguirán a darse perennemente casos coma o de Rodríguez Miranda, aínda que os gurús de quenda digan que hai que tapalos.

Despois de descuberto o caso, o deputado do PP manifestou a súa intención de reintegrar os cartos indebidamente. Pero a intención non basta. Debe facelo canto antes. Tamén cabería lembrarlle a este parlamentario que, pola súa xuventude, debera ser un exemplo de moralidade, facéndonos esquecer vellas prácticas. En calquera país civilizado, un caso semellante ao protagonizado por el non se salda só coa devolución do que non lle pertencía senón que debería ter que dimitir, antes de que fose fulminado.

22 de feb. de 2010

A estratexia de recuperación da lingua


Fermín Bouza

As estratexias para a ralentización da perda do idioma de Galicia son necesarias para entrar claramente nesa fase de desaceleración que é un paso previo e necesario para iniciar estratexias de recuperación, as únicas que garantirán durante un tempo a existencia do idioma histórico de Galicia.

É posible, cos datos existentes, que esa desaceleración da caída sexa xa unha realidade e esteamos a abordar o problema derivado da intervención do novo goberno galego no ensino para pór fin, con intención ou sen ela, a ese proceso de desaceleración, e volver a un nivel de perda máis intenso e regresivo.

A medida da perda é necesariamente unha medida a longo prazo que nos poña a salvo de malas interpretacións sobre datos breves e limitados e nos afaste de diagnósticos imprecisos ou falsos sobre o estado da lingua. A longo prazo a porcentaxe de perda do galego como idioma de socialización primaria é impresionante, e para velo non teñen máis que entrar no apartado de sociolingüística do meu blog e mergullarse nos post dos primeiros meses da súa creación.

Pero a curto prazo esa perda parece desacelerarse, probablemente como consecuencia de políticas lingüísticas insuficientemente aplicadas pero relativamente correctas dende os tempos do Bipartito e os gobernos anteriores, que comezaban a dar o seu froito. Todo isto mobilizou a moita xente en Galicia nos últimos meses, moita máis xente que a que asistiu ás xa numerosas manifestacións que conmoveron ao país. A lingua converteuse en tema de faladoiro familiar, laboral, rueira, tema intenso e extenso que volveu ocupar un lugar favorito nas conversacións e debates cidadáns.

E é por todo iso que a saída próxima do decreto de Feijóo, segundo se anuncia, sexa agardada con moito interese polas minorías activas, e con suficiente interese polas maiorías interesadas. Anúncianse cambios que parecen ser una certa volta atrás do presidente e dos seus asesores.

Quizais non sexa unha volta suficiente mentres o galego retrocede na administración (nin sequera todos os conselleiros falan galego), e nalgúns centros oficiais parece existir unha nova caza de bruxas cara aos ensinantes que foron á folga en xaneiro. En todo caso, debemos pensar xa en estratexias de recuperación e nunha nova etapa na que o debate da lingua sexa máis pragmático e enfocado a esa recuperación.

Se cadra por primeira vez en moito tempo o problema da nosa lingua non aparece como exclusivo dos cidadáns nacionalistas, e ese é o camiño. É un problema de todos. E para os nacionalistas debería ser unha gran noticia que isto sexa así, pois iso era parte substancial da súa loita política.

Hoxe a lingua xa é de todos: partidos e sindicatos de diversa adscripcion ideolóxica deron volume e profundidade á folga do ensino e ás grandes concentracións que se produciron. Esa unidade e esa intelixencia práctica son o camiño.

Conferencia do profesor Tadashi Yamamoto



Redacción

Onte tivo lugar en Vilalba a conferencia “Galicia-Xapón, unha ponte cultural”, a cargo do antropólogo Tadashi Yamamoto, profesor da Universidade de Tenri, en Nara (Xapón). O acto, ao que asistiron máis de cen persoas, celebrouse a partir das 20,30 horas na Casa da Cultura da capital chairega, e contou coa presenza de Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e de Moncho Paz, xornalista e co-editor de A Voz de Vilalba, en representación das dúas entidades organizadoras desta actividade.

Tadashi Yamamoto está de visita na Terra Chá durante esta fin de semana, acompañado da súa dona Kazumi e e do catedrático Joji Hatsutani, decano do Departamento de Estudos Hispánicos da devandita Universidade. Dende que coñeceu Galicia hai case dez anos namorouse da nosa cultura, amosando un especial interese pola música tradicional e pola lingua galega, como puxo de manifesto na súa exposición. De feito, dende que cursou o programa de galego para estranxeiros impartido polo Instituto da Lingua Galega (ILG), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fala fluidamente o noso idioma. Como parte da súa actividade docente en Xapón, organiza -en colaboración cos USC- estadías culturais en Galicia para os seus alumnos.

Asemade, adícase aos temas antropolóxicos de México como festas calendáricas e cosmoloxía dos antigos aztecas, ritos agrícolas e sincretismo dos indíxenas contemporáneos, e movemento social e cultural dos migrantes indíxenas mexicanos nos Estados Unidos de América. Como persoal docente do Departamento de Estudos Hispánicos da referida universidade, dende o ano 2004 organiza o programa de lingua e cultura española en colaboración con Cursos Internacionais da USC.

Pola singularidade de que un xaponés fale galego e leve tantos anos traballando a prol das pontes culturais entre Galicia e Xapón, o IESCHA e A Voz de Vilalba, entidades comprometidas coa lingua a a cultura galega, decidiron convidalo a coñecer a Terra Chá.

Poden ver aquí a presentación do profesor Yamamoto
Fotografías: P. Naseiro

20 de feb. de 2010

O garzonazo

Bruno Marcos

A saída da neta de Negrín está a altura da laretada xudicial á que asistimos. Argumenta que os xuíces do Tribunal Supremo que pretenden sancionar a Garzón deberían ser apartados do proceso porque, ao comezo das súas correspondentes carreiras xudiciais, xuraron lealdade ao Caudillo.

Quizais o xuízo -sequera simbólico- ao franquismo non acaba de ter lugar porque todo o mundo en España ten un substrato incosnciente de complicidade sen darnos conta de que se asasinou, encarcerouse, expulsouse e reprimiu toda posibilidade de reacción ao longo de catro décadas. Nesa situación todo ser vivente, é dicir, todo aquel que non fose un exiliado, un preso ou un morto tería que ser algo franquista.

Pero o que non rematamos de ver, en parte tamén polas idealizacións e omisións da esquerda, son os compoñentes que esa guerra tivo de xenocidio e, seguramnete, nas dúas partes.

Quenes puidemos ler no seu momento o famoso auto do xuíz Garzón comprendemos precisamente iso, que aqueles paseos, aquelas sacas, aquela extrema e acelerada aplicación da lei de fugas non eran desmáns de incontrolados senón unha estratexia de terror e exterminio perfectamente organizada por dous estados en cernes, o fascista e o comunista. No auto quedaba comprobada documentalmente a urxencia dese xenocidio a fin de manter controlada a zona nacional con poucos efectivos.

A diferenza que existe na actualidade respecto dos crimes dunha parte e outra é a de que os da zona nacional xulgáronse, executouse ou encarcerouse a todos os autores que foron apresados, deuse boa sepultura a toda vítima que se puido, e concedéronse pensións e honras.

É o xenocidio o que non debe prescribir en ningún lugar do mundo. Si entendemos a causa de Garzón contra o franquismo nestes termos de xenocidio porlle as mínimas trabas como pretende o Tribunal Supremo podería equipararse á negación do holocausto xudeu.

19 de feb. de 2010

Emilio, de "Vega de Oro"


Xulio Xiz

Entérome de que se vai renovar o firme e a señalización da estrada que vai de Vilalba a Meira gracias a unha partida de tres millóns e medio de euros aportados pola Xunta de Galicia. Esta vía foi a que seguiu hai máis de medio século, para quedarse, Emilio Fernández, para fundar a factoría láctea “Vega de Oro”, e a quen agora Meira vai honrar dando o seu nome a unha rúa.

Emilio Fernández tivo primeiro unha leitería en Vilalba, na Praza dos Ovos, prácticamente ó lado da escola de Doña Amelia, quedando no medio o taller eléctrico do Cernadas. Estarían mediados os anos cincuenta.

Pero o negocio non foi ben, e Emilio tivo moitos problemas económicos que provocaron que se fose de Vilalba en busca de mellor clima.

E atopou ese lugar en Meira, preto do nacemento do Miño, e alí montou unha importante empresa leiteira á que chamou “Vega de Oro”, que deu traballo a moitos meiregos e durante moito tempo constituíu un referente da recollida e tratamento de leite de toda a comarca.

Pasaron os anos, decaeu a empresa, morreu Emilio. E moito tempo despois, o Concello de Meira, con Alcalde de Terra Galega, acorda homenaxealo á vez que ós irmáns Vallejo, pilotos de rallies que levan o nome de Meira por toda España.

A rúa que se chamaba General Franco chamarase desde agora irmáns Vallejo. E a rúa de José Antonio Primo de Rivera, a saída da vila hacia a Ribeira de Piquín, levará o nome de Emilio Fernández, pola contribución que este empresario efectuou ó crecemento económico do Concello de Meira, e polo gran aprecio de que gozou entre todos os meiregos.

Perdémolo os vilalbeses, pero gañouno a terra de Meira. E agora, moitos anos despois, Meira faille xustiza.

18 de feb. de 2010

Tradicións forzadas?

María Xosé Lamas

Non sei ben se ten senso tentar recuperar de xeito forzado feitos culturais que tiveron éxito social nalgún tempo. Explícome. O Entroido, festa parateatral por excelencia, tiña raizame na Terra Cha, e no medio rural concretamente, en tempos nos que a cultura e o gozo da mesma eran produto do pobo, tanto en momentos de liberdade como noutros nos que se facía clandestinamente.

A día de hoxe, aquel Entroido morreu, e non queimado precisamente. O medio rural está despoboado e cando algunhas das asociacións veciñais existentes nas nosas parroquias queren participar neste tipo de eventos, buscan outras canles máis actuais e que pouco ou nada teñen que ver co que se facía antano como, por exemplo, iren disfrazados ao programa “Luar” da TVG.

De todos/as é coñecido que durante a ditadura a festa do Entroido estaba prohibida. Non obstante, en certos lugares de Galiza viviu agochada agardando poder saír á rúa con máis forza e gañas que antes unha vez que a fin da longa noite de pedra lles deu carta branca. Mais noutros pobos e vilas nunca se recuperou plenamente esta tradición. No noso concello o pouco dela que agromou fíxoo en locais pechados e organizada por sociedades como o Racing Club Vilalbés ou o Centro Cultural e Recreativo. A primeira, de carácter máis popular segue manténdose viva, e a segunda perde cada ano participación.

A principios dos oitenta, un grupo de rapaces/zas con inquedanzas constituíu a Asociación Cultural “Lois Peña Novo”. Unha das súas primeiras actividades foi saír o martes de Entroido polas rúas da vila cun carro no que levaban unha barrica de viño que partillaron con cantos quixeron xunguirse á xolda –celebrar o Entroido- tal como algúns escoitaran que se fixera noutro tempo. Sentaron, quizais sen pretendelo, un precedente: a partir de entón e con algúns parénteses no tempo consolidouse un desfile de Entroido na vila. Neses actos, naquela altura non “institucionais”, participaban grupos de rapaces e rapazas e comparsas que facían agradábel esta celebración.

Dende hai algúns anos o Concello considerou esta manifestación cultural popular digna de “ser aproveitada” e comezou a intervir directamente na súa organización. Converténdose así o martes de Entroido nunha das festas “municipais” na que se fai un desfile de disfraces e comparsas suxeito a concurso e outorgando premios nas diferentes categorías establecidas nas que ademais dos grupos ou asociacións locais viñeron a participar comparsas e disfraces doutras vilas que, por certo, poucas veces eran premiados, de xeito que en pouco tempo moitos deles deixaron de participar.

Mantívose desta maneira algúns anos a festa do Entroido con certo éxito e moitos esforzos ao tempo que se enriquecía con outra actividade allea á nosa tradición consistente en celebrar no serán do mércores de cinsa o Enterro da Sardiña. Este segundo evento foise tamén consolidando grazas –todo hai que dicilo- á participación dos maiores do Centro Social de Vilalba, de agrupacións de música tradicional e popular (Entre Lusco e Fusco, Mato Vizoso, Pandeireteiras de Andrade, Buxos Verdes, Charanga, Banda de Música...) e de asociacións teatrais como o Centro Dramático Vilalbés e máis recentemente a Escola Municipal de Teatro.

Non é motivo de crítica esta “pseudo-recuperación” da celebración do Entroido, nin moito menos. Todo feito cultural é benvido e prezado, xurda onde xurda. Mais si é cando menos criticábel a pouca participación que na actualidade rexistran estes actos por parte da xente, que se limita a ser espectadora dunhas manifestacións que son ante todo participativas. Non é de estrañar se se analizan outras que, tendo as mesmas características, se converten en meros espectáculos. Véxanse como exemplo as verbenas das festas patronais, ás que axente asiste cada vez máis pasivamente.

Imaxino que este comportamento popular ven dado polo mergullamento que sofre a sociedade no mundo audiovisual, afacéndose a ver e oír o que xa está listo para consumir. Pero agora que están a trunfar videoxogos máis participativos como os da wii e que se vai poder escoller a tv á medida dos gustos de cada quen grazas, disque, aos canais dixitais, a xente volva a intervir, aínda que só sexa por inercia, nas celebracións sociais que, ao fin, son patrimonio de todos. Que así sexa!

17 de feb. de 2010

"Palabras para un baleiro", de Baldo Ramos

Redacción

Mañá xoves, 18 de febreiro, terá lugar na Libraría Couceiro de Compostela a presentación do libro Palabras para un baleiro (Espiral Maior, 2009), do poeta e artista plástico de Celanova Baldo Ramos. Esta obra mereceu o ano pasado o IX Premio "Fiz Vergara Vilariño", un dos galardóns poéticos máis importantes do país. No acto de presentación estarán, xunto co autor, o poeta e escritor Xosé Antón Neira Cruz, o director de edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, e o músico Vítor Blanco.

Palabras para un baleiro contén o que o xurado considerou no seu día "unha fonda reflexión sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, cáseque filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo".

A obra de Baldo Ramos abrangue os espazos que comparten a poesía e a pintura. Os seus libros de artista ‘Ut pictura poesis’, ‘As follas da memoria’, ‘Monólogo do calígrafo’ (2007), ‘Signos de cinza’, entre outros, son froito desta fusión. Publicou os seguintes libros de poesía: ‘Raizames’, (Follas Novas, Santiago, 2001), ‘A árbore da cegueira’ (Espiral Maior, A Coruña, 2002), ‘Los ojos de las palabras’ (Fundación María del Villar Berruezo, Tafalla, 2002), ‘El sueño del murciélago’ (Pre-textos, Valencia, 2003), ‘Escura e transparente’ (3C3 Editores, Santiago, 2003) ou 'Diario de una despedida' (Amarú Ediciones, Salamanca).

A súa poesía está recollida en diferentes edicións colectivas, entre as que destacan ‘Poetas del 2004’ (Instituto de Cultura Peruana, Miami, 2005), ‘Antología de Joven Poesía Gallega’ (Enfocarte.com, en la Red) ou ‘Certame de Poesía Rosalía de Castro, 1992-1996’ (Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 2000). Polo que respecta á súa obra pictórica, foi amosada en diferentes galerías do noso país e serviu para ilustrar numerosos libros e revistas. Ramos recibiu, entre outros, os premios Arcipreste de Hita, María del Villar Berruezo, Ayuntamiento de Carral, Rosalía de Castro, Ciudad de Tobarra, Celso Emilio Ferreiro e recentemente foi galardoado co accésit do IV Certame de Poesía Iberoamericana Víctor Jara.

"El rostre de la terra", de Cesáreo Sánchez

Redacción

Hoxe mércores 17 de febreiro, ás 20,00 horas na Galería Sargadelos de Barcelona, vai ser presentado o poemario "El rostre de la terra", do poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, en edición bilingüe galego-catalá. O poemario foi publicado por Ed. Periferic Poesía, encargándose da tradución ao catalá Xulio Ricardo Trigo.Estarán presentes no acto Pura Salceda, Xulio Ricardo Trigo e o autor, Cesáreo Sánchez Inglesias.

Cesáreo Sánchez Iglesias é unha das figuras máis representativas da xeración poética dos oitenta na Galiza. Foi un dos dinamizadores do movemento asociativo cultural dos setenta, sendo fundador da Agrupación Cultural Lóstrego en Madrid, da Agrupación Cultural Avantar de O Carballiño, exercendo a presidencia da Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña. Foi director editorial de Edicións A Nosa Terra e presidente do semanario do mesmo nome. Actualmente é presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Tadashi Yamamoto

Moncho Paz

Coñeceu Galicia hai case dez anos, e namorouse dela, das nosas paisaxes, da nosa cultura e da nosa lingua. Dende entón, cada vez que ten oportunidade, vén visitarnos. Refírome a Tadashi Yamamoto, antropólogo e profesor da Universidade de Tenri, no Xapón; dende que cursou o programa de galego para estranxeiros impartido polo Instituto da Lingua Galega fala fluidamente o noso idioma. De feito, como parte da súa actividade docente no país do Sol Nacente, organiza –en colaboración coa Universidade de Santiago– estadías culturais en Galicia para os seus alumnos.

Pola singularidade de que un xaponés fale galego e leve todo este tempo traballando a prol das pontes culturais entre a nosa terra e Xapón, o Instituto de Estudos Chairegos e o xornal A Voz de Vilalba convidárono a contar a súa experiencia, conscientes de que a situación actual da lingua galega é un motivo crecente de preocupación para moitos cidadáns.

Tras longas horas de conversa con Tadashi, decátome de que son máis as cousas que nos unen que as que nos separan. O certo é que Xapón esperta cada vez maior interese nas nosas cidades e vilas, onde se multiplican os afeccionados á animación, á banda deseñada e á cultura nipona en xeral. No centenario de Akira Kurosawa, o vindeiro venres recibiremos a Tadashi na capital da Terra Chá.

16 de feb. de 2010

Faro de Vigo, La Voz de Galicia e as influencias


Antón Baamonde

O Faro de Vigo era, segundo o usual criterio dos profesores de Ciencias da Información, un prototipo de prensa comercial, o que podía declinarse asegurando que como afirma o proverbio inglés “quen paga ao gaiteiro escolle a canción”.

Pero o periódico do grupo Moll deixou atrás os tempos en que a propiedade era da familia Comesaña e tiña raíces na burguesía local máis establecida para ser xestionado por profesionais xeralmente importados de Asturias con gañas de publicitar as súas filias e fobias tan opostas a un medio do que foi director no pasado Alvaro Cunqueiro.

Non estou seguro, enteiramente, de se o seu editor aproba incondicionalmente tal liña editorial. Tal vez habería que preguntarllo.

De feito, nos últimos tempos parece estar decidido a transformar a súa liña de conducta usual, máis neutra. para seguir os pasos de La Voz de Galicia, ou sexa, converterse nun periódico que marca a pauta, intenta establecer a axenda e decide o who´s who na súa área de influencia.

Hai que lembrar que de todos os xornais de Galicia foi o Faro, máis que La Voz, o que xogou a favor de GB e os outros grupos do radicalismo lingüístico e do neoconservadurismo local, relixioso e político e segue sendo así.

Hoxe mesmo cabalga de novo o singular Calaza, asombro de propios e estraños, "martillo de herejes y prodigioso debelador de la confusión de los infieles".

Alguns dos fenómenos recentes en Vigo neste terreo están moi mediatizados polas campañas que ese xornal desenvolve e o protagonismo que lle confire a sectores minoritarios pero que conseguen así dar a impresión de teren grande audiencia.

Niso segue unha tendencia que parece impoñerse hoxe en todo o xornalismo español, con máis ou menos matices. Pedro J. e Jiménez Losantos crearon escola infelizmente. A demagoxia gaña terreo nas redaccións dos periódicos de toda España.

Tamén en La Voz puido detectarse esta tendencia a acentúar menos a información e os datos -a obxectividade- que a excitar os ánimos situando os puntos de vista do xornal na primeira plana, vendo nesa función a oportunidade de extender a influencia.

É un camiño que, sen dúbida, depara aos medios oportunidades -compensar a perda de venda de exemplares cun presunto aumento de influencia co que poder mercadear- pero que tamén encerra debilidades futuras.

En todo caso, hai que insistir: a prensa en Galicia está á dereita dos seus lectores. Ese é o caso dos dous xornais. Non é, polo demais, esta unha afirmación aventurada ou intuitiva. Hai enquisas que así o confirman. Hai que telo en conta.

15 de feb. de 2010

Conferencia de Tadashi Yamamoto en Vilalba


Redacción

O vindeiro venres, 19 de febreiro, terá lugar en Vilalba a anunciada conferencia de Tadashi Yamamoto, antropólogo e catedrático da Universidade de Tenri, en Nara (Xapón). Organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e por A Voz de Vilalba, este acto desenvolverase na Casa da Cultura a partir das 20:30 horas.

Tadashi Yamamoto é un namorado da cultura galega, dende que hai cáseque dez anos fixo a súa primeira viaxe a Galicia e tivo oportunidade de coñecer as nosas manifestacións culturais, amosando un especial interese pola música tradicional e pola nosa lingua. De feito, dende que cursou o programa de galego para estranxeiros impartido polo Instituto da Lingua Galega (ILG), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fala fluidamente o noso idioma. Como parte da súa actividade docente en Xapón, organiza -en colaboración cos USC- estadías culturais en Galicia para os seus alumnos.

Pola singularidade de que un xaponés fale galego e leve tantos anos traballando a prol das pontes culturais entre Galicia e Xapón, esta mesma mañá foi entrevistado polo xornalista Luís Iglesias no programa "A vivir que son dous días, Galicia" da Cadea SER. A devandita entrevista pódese escoitar en http://www.divshare.com/download/10476160-9f5
________________
Foto: Moncho Paz (AVV)

14 de feb. de 2010

...fugit (O tempo e a Memoria)

Por César Reis

Ler os diarios oficiais coma se fosen un libro de horas, como un dietario, mesmo como un caderno de bitácora. Neles, baixo ese albisque de estilo, gris e funcionarial, que tanto os singulariza, rexístrase con escrupulosa lasitude boa parte do noso fastío cotián, dos traballos e os días, o sórdido e o sublime. Ás veces por omisión. A intrahistoria da Historia debúllase, multiplicándose ad infinitum, nunha sorte de ordes, decretos, proxectos de lei… de tediosa lectura e morosa execución.

Postulo este argumento porque hai unhas semanas un asunto de afastada memoria, cuxa pista me atrevín a seguir hai anos –e mesmo a publicar un rudimentario bosquexo que explica o título deste artigo–, saltou de novo á luz. Non sei se algún de vostedes puido lelo ou escoitalo nos medios. Ignacio Buqueras, presidente da Comisión Nacional para Racionalizar os Horarios, fixo unha proposta formal ao goberno solicitando que España atrase unha hora os reloxos para así poder voltar á chamada hora UTC+0 (Universal Time Coordinated), a do meridiano de Greenwich. Tamén a das illas Feroe, as Canarias, o Nordés de Groenlandia, Irlanda, Islandia, Portugal e o Reino Unido. A razón é clara e a súa explicación baladí. Expóñoa de todos os xeitos para entretemento de lectores ávidos e desasosego de impacientes.

Europa áchase dividida en tres franxas horarias: Europa Occidental, ou UTC+0, para o territorio xa citado; Europa Central ou UTC+1, é dicir, Albania, Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Hungría, Italia, Polonia, República Checa, Suíza…; e Europa Oriental, ou UTC+2, Bielorrusia, Bulgaria, Chipre, Estonia, Finlandia, Grecia, Lituania, Romanía, Rusia, Ucraína... Asombrosamente, o noso é o país no que máis tarde anoitece de Europa, pero tamén no que máis tarde amence. Os habitantes desta parte da pel de touro érguense á mesma hora que o resto de nacións –malia que aquí sexa aínda noite–, pero déitanse máis tarde, porque nestas terras de infinda e iluminada troula a vella saudade do crepúsculo adoita demorarse –o tempora, o mores!– máis aló do que en ningún outro lugar do vello continente.

Desto inférese algo evidente: pasamos máis tempo nos lugares de traballo, pero non producimos máis. Malia iso, somos o que os expertos adoitan chamar “unha excepción horaria”. A causa? A súa explicación debería formar parte –se non o ten feito xa–, do conxunto de reivindicacións confluíntes na denominada “Memoria Histórica”. Sen animo de enfastiar máis ao lector, a intervención de Buqueras estimúlame a expola.

Segundo parece, antes da guerra civil, aquí rexía a hora de Greenwich. Logo da contenda, e coa vitoria nacionalista, o novo goberno decidiu tomar partido no que se aveciñaba adoptando definitivamente, a partires do 16 de marzo de 1940, a hora de Berlín co fin de que “o horario nacional marche de acordo cos doutros países europeos” –imaxinar cales non é difícil–, tal como reza a Orde de 7 de marzo de 1940 –ampliar imaxe adxunta–.

Existen pobos que, como o hindú, carecen de sentido histórico. Non o noso. Non pretendo saber que é o tempo ou a memoria, pero intúo que o primeiro non é máis que unha convención social. A memoria se cadra non. O mecanismo que rexe isto non é novo e tradúcese a múltiples ordes da vida. O pasado, gústenos ou non, afaise a perseguirnos. En ocasións pode voltarse contra nós. Noutras podemos poñelo a proba, mesmo ao noso favor. Non é unha decisión sinxela. Tampouco banal. Pero nada, ou case nada, na vida o é. Non pretendo dogmatizar, ensaiar unha conclusión, persuadir ao paciente lector. A complexidade que supón facelo sobrepasaría con vizosa fartura os límites desta humilde nota. Simplemente o meu desexo é expor. Iso si, comprenderán que lles pase a pelota. As conclusións poden estraelas perfectamente vostedes. Se así o desexan.


cesar.reis.alveiros@gmail.com

12 de feb. de 2010

Pasarrúas en Lugo do Entroido do sur da provincia

Redacción

Onte pola tarde presentouse en Lugo unha conferencia organizada baixo o nome “O entroido en Chantada e Salcedo, o noso patrimonio inmaterial”, na que Adolfo de Abel Vilela, Xosé González Reboredo e Xosé Ramón Mariño Ferro afondaron sobre a tradición dos ritos festivos do Entroido do sur de Lugo, nomeadamente a celebración do Entroido Ribeirao de Chantada e o Oso de Salcedo, na Póboa de Brollón.

O acto enmárcase dentro das actividades programadas pola Área de Cultura da Deputación para difundir o riquísimo patrimonio inmaterial da nosa cultura que constitúen todos os ritos festivos de Entroido que se conservan no sur lucense, e que terán continuación hoxe co desfile do Entroido Ribeirao e o Oso de Salcedo.

O pasarrúas representativo destas festas tradicionais de Entroido partirá ás 5 da tarde da Praza Maior de Lugo para chegar á Deputación sobre as 6 da tarde. A esta hora no salón de actos da institución provincial está fixada unha rolda de prensa na cal intervirá o vicepresidente Antón Bao e representantes das asociacións que organizan o entroido Ribeirao e o Oso de Salcedo, para informar das actividades de Entroido que se van desenvolver nos vindeiros días en Chantada e na Póboa de Brollón coa colaboración da Área de Cultura da Deputación.

Mañá pase especial de "La sinapsis del códice"

Redacción

Mañá xoves, 11 de febreiro, ás 21:00 h. o Palacio de Congresos de Santiago acollerá un pase especial de La sinapsis del Códice, nova longametraxe do cineasta compostelán Pablo Igresias, autor de obras como a premiada Pedro e o capitán ou o biopic de Xesús Neira Vilas. Nesta ocasión o director compostelán afrontou un ambicioso proxecto para o que contou coa participación de importantes figuras da escena nacional e internacional como Sara Casasnovas, Hugo Silva, Luís Tosar, Óscar Jaenada, Tessa Bergmeier, Sergio Pazos ou Miguel de Lira entre outros.

Na produción, que conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, intervén tamén a poetisa Yolanda Castaño, quen pon voz á auténtica protagonista do filme, a relixiosa mística Hildegard Von Bingen, para moitos a mítica peregrina Gerberga de Flandes á que se atribúe a escritura do libro V do Códice Calixtino. Así, a rodaxe, realizada durante o pasado verán en multitude de localizacións ao longo do Camiño de Santiago, está baseada nunha aventura histórica na que a realidade se mestura coa ficción e o espírito da Ruta Xacobea vai calando no seu protagonista (Sara Casasnovas) do mesmo xeito que o fai nos milleiros de peregrinos que percorren este camiño de peregrinación desde hai doce séculos.

O espectador vai descubrindo quen era en realidade esta misteriosa muller á vez que se ve cegado pola beleza dun itinerario fascinante que o equipo de Igresias soubo retratar como nunca antes se vira e que atopa a súa máxima plenitude na chegada a Santiago, onde a protagonista (e con ela o espectador) asiste a un espectacular voo do botafumeiro no que se revelará a transformación que ocasiona a emocionante experiencia da peregrinación xacobea.

O director define a formulación estética do filme como "radical" e sitúao entre a nouvelle vague e o Dogma danés tintado ao Andy Warhol: "É algo novo e hipnótico, que fago combinando dous tipos de texturas de imaxes, por unha banda a subxectiva e do recordo cun tratamento de cinema antigo calibrado e procesado de forma dixital e, por outro, expondo unha liña máis documental cun branco e negro purpúreo que dá solemnidade á información".

Pablo Igresias asegura "estar a vivir un soño" e móstrase convencido de que a película marcará un fito na súa carreira. Polo momento a longametraxe, cuxa estrea terá lugar na Televisión de Galicia e outras autonómicas, xa ten asegurada a súa participación en diversos festivais nacionais e internacionais, será distribuída en varios países para a súa emisión a través de TDT e foi vendida a varias televisións europeas e latinoamericanas.

10 de feb. de 2010

Fernández Paz e Puente DoCampo, autores destacados do século XX


Redacción

Agustín Fernández Paz e Xavier Puente DoCampo son dous autores fundamentais para as letras galegas dende que colleron a pluma por vez primeira, a finais dos 80, e tamén dentro do conxunto do Estado, como proba que ambos os dous gañasen o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Dende esta semana, segundo informa hoxe Xornal de Galicia, son tamén parte do canon da literatura española infantil e xuvenil do século XX, segundo ditaminaron 19 expertos, de cara ao I Congreso Iberoamericano de Lingua e Literatura Infantil e Xuvenil que se celebrará a finais de mes en Santiago de Chile.

Este grupo de expertos escolleu once obras que consideran as máis representativas do século XX, entre as que se contan Contos por palabras, de Fernández Paz, e Cando petan na porta pola noite, de DoCampo, os dous únicos libros que non foron escritos orixinalmente en castelán, e editados en ambos os casos por Xerais. “Foi toda unha sorpresa, porque a noticia chega xusto cando estaba a falar coa editorial de sacar unha edición actualizada do libro, porque penso que segue plenamente vixente”, afirma Agustín Fernández Paz.

O autor vilalbés considera “simbólico” que de novo el e DoCampo volvan compartir un premio xa que teñen “moitos puntos en común”, entre eles, que abriron novos camiños para a literatura infantil e xuvenil no final do século pasado. “Son cousas que lle pasan a un, igual que ás veces colles unha catarreira”, bromea Xabier DoCampo, non sen lembrar que xa non é a primeira vez que el e Agustín están nunha escolma deste tipo. “Demostra, unha vez máis, que a literatura galega está ben considerada fóra, aínda que algúns nos acusen de ensimesmados e acomplexados”.

Contos por palabras son relatos curtos baseados “nos anuncios por palabras que había antes nos xornais”, asegura Fernández Paz. Lembra que ao lelos, pensaba que detrás de textos como 'Urge manicura' habería grandes historias, así que optou por inventalas. “Escribín unha chea, pero ao libro só chegaron as mellores”, lembra o seu autor. Pola súa banda, Cando petan na porta pola noite é unha “recuperación do estilo que empregaban en Galicia os narradores de sucedidos, como o pai do propio Xabier DoCampo, quen asegura: "É algo propio do país, pero literaturizado e armado coas miñas propias historias”. Na fotografía, Fernández Paz e Puente DoCampo -primeiro e terceiro pola esquerda, respectivamente- no Paseo dos Soños de Vilalba.

Rúas que son estradas


Xulio Xiz

Entre outras publicacións, folleo todos os días o Diario Oficial de Galicia, a versión galega do “Boletín oficial del Estado”, onde por veces os vilalbeses somos protagonistas, e sempre é bo estar ó día no que nos afecta de xeito directo.

Foi o martes pasado cando o Diario publicou un Decreto da Consellería de Medio Ambiente, territorio e infraestructuras polo que se aproba o cambio de titularidade de tres estradas no termo de Vilalba.

Dito así parece que non nos afecta para nada, porque que unhas rúas que son estradas dependan dunha ou doutra administración parece non ter moita importancia para os vilalbeses da pé, pero sí que ten importancia.

As rúas que coinciden con estradas, dentro de Vilalba, ata agora correspondían á Consellería indicada da Xunta de Galicia, dela era a súa responsabilidade e, polo tanto, á consellería correspondía regular o seu funcionamento e amañalas cando fose necesario. Desde agora, xa non é así. Vede, pois, se é importante o tema para Vilalba.

A normativa legal establece que as vías de titularidade autonómica nas que a circulación teña características urbanas se entreguen ós respectivos concellos, e así se fai porque aínda que o que constitúe o nervio da circulación en Vilalba: a carretera, a súa bifurcación nas estradas a As Pontes e Mondoñedo, e todas as que nela inciden (estradas a Lugo, Meira e Ferrol), sexan parte dunha rede viaria moito máis ampla, en Vilalba son vías urbanas e só ó Concello debe competir a súa responsabilidade.

Xa o dí o Diario Oficial de Galicia: desde agora corresponden ó concello de Vilalba a partir da formalización da entrega das vías todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o dexercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que
puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Poderá así libremente o concello regular as limitacións de velocidade, os aparcamentos, multar ós infractores sen que Tráfico interveña. E correr co mantemento e reparación destas vías.

Para os primeiros tempos, estas novas rúas vilalbesas que ata agora eran estradas traen importantes pans debaixo do brazo, e os investimentos da Xunta van superar o millón de euros para poñelas en valor e deixalas como corresponde. Pero no futuro non valerá acudir de novo a outras administracións, e será o concello vilalbés o que deberá correr con todo o que supoña manter en estado de revisión estas vías urbanas.

Que todo ten dúas visións, ás veces contrapostas: está moi ben que Vilalba poida decidir de xeito autónomo sobre as súas vías máis importantes, sen que outra Administración teña que supervisar as súas decisións. Pero esta independencia ten tamén como consecuencia que temos
que ser todos nós – o Concello, ó fin – os que nos responsabilicemos da súa conservación e mantemento.

Ese é o normal resultado da autonomía, da independencia: ser responsables dos nosos actos no máis amplo sentido da palabra. E responder de todo o que fagamos coa nosa palabra, coas nosas conductas e co noso patrimonio.

Que está moi ben que esas rúas sexan nosas, somente nosas. Pero a Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas quítase de encima un bo peso, que lle deixa endosado ó Concello de Vilalba. Que sexa para ben!

9 de feb. de 2010

Celebrouse a VIII Xornada da Liga Nacional de Billarda

Redacción

A Asociación Cultural Eme de Meira vén de organizar, en colaboración coa asociación O Varal, o trofeo de billarda “Aberto do Lacón de Meira”, proba puntuable para a 8ª xornada da Liga Nacional de Billarda (LNB). Este trofeo disputouse hoxe, domingo, 7 de febreiro, ás 15.30 horas na Praza do Convento de Meira (en caso de chuvia persistente trasladarase ao pavillón de deportes municipal).

Coa participación dos mellores equipos da división Norleste da Liga Nacional de Billarda (procedentes de Lugo e A Mariña), preto de 50 deportistas déronse cita para disputar o “Trofeo do Lacón de Meira”, que recibe este nome posto que o gañador levou como trofeo un lacón.

Hai que salientar que esta proba levantou moita expectación en Meira xa que foi a primeira vez que se organizou unha competición deste tipo. Ademais, desde a organización agardábase unha masiva presenza de afeccionados por tratarse dun día con feira na vila e porque, a maiores, ao disputarse o trofeo na modalidade de “aberto”, isto permite que coa única condición dunha inscrición previa gratuíta calquera persoa poida apuntarse e disputar o trofeo.

7 de feb. de 2010

Actividades da AELG para 2010

Redacción

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, na súa Asemblea Anual de Socios e Socias, celebrada recentemente no Museo do Pobo Galego, acordou, entre outras cuestións, o programa de actividades para 2010, do que cómpre salientar:

A concesión do premio “Bós e xenerosos” ao Colectivo de Concellos organizadores do Premio Blanco Amor de Narrativa., e da Letra “E”, “Escritora na súa Terra”, a Marilar Aleixandre.

Entrega do galardón “Escritor Galego Universal” ao arxentino Juan Gelman na Cea das Letras, acontecemento literario onde se entregarán os Premios AELG XXX Aniversario. O premio para institucións irá para o Salón do Libro de Pontevedra. Este acto será ademais a oportunidade para exteriorizar a celebración do XXX aniversario da AELG, e homenaxear a todos os membros das respectivas directivas que a asociación tivo ao longo da súa historia.

Celebrarase tamén o ciclo de conferencias “III Encontro Cidade da Coruña”, a “II Xornada da Crítica”, o “IV Encontro de Escritores/as Novos/as”, a I “Xornada de Literatura e Ensino” e a “III Xornada de Literatura de Tradición Oral”.
Participará igualmente na edición do Galeusca, que organiza este ano a AELG na Coruña.

“A escrita do conto popular” é o título dun congreso que se celebrará en colaboración coa USC, e levará a cabo un Roteiro Novoneyra, no que colabora a Deputación de Lugo, e o ciclo “Escritores na Universidade”, organizado coa UDC e o Concello da Coruña.

Editaranse as actas da II Xornada de Literatura de Tradición Oral., e se lle dará continuidade a gravación en vídeo dos socios/as da AELG e do proceso de dixitalización para o Centro de Documentación da web da asociación, así como da apertura dunha sección na web coa historia da AELG a través dos informes de prensa..
Está prevista a celebración de 2 Polafías na Coruña, 2 en Lugo, 1 en Pontevedra e 1 en Ourense, así como a colaboración coa Concellería de Cultura de Compostela para a elaboración de 4 roteiros literarios na cidade.

Finalmente, a AELG organizará un Cortexo Cívico conmemorativo do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, desde Padrón ao Panteón de Galegos Ilustres.

Presentación do libro '55 mentiras sobre a lingua galega'


Redacción

Onte tivo lugar en Vilalba a presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega, un ensaio redactado por membros da plataforma ProLingua, baixo a coordinación de Xosé-Henrique Costas.

Ao tempo que se celebrou en Vilalba, desenvolveuse tamén en máis de sesenta localidades de todo o mundo, ainda que con distintos protagonistas. Presentado e moderado polo xornalista Moncho Paz, comezou ás 20:30 horas na Casa da Cultura e contou coa asistencia de máis de 115 persoas, que durante hora e media escoitaron os argumentos esgrimidos por Luis Villares (xuíz d´A Fonsagrada), Primitivo Iglesias (profesor e alcalde d´A Pastoriza), Antía Veres (estudante universitaria) e Ricardo Polín (profesor e investigador). Entre o público asistente, destacar a presenza de Xesús Rodríguez, director da Revista Galega de Ensino; José-Luís Novo Cazón, historiador; varios directivos do Instituto de Estudos Chairegos; e os concelleiros Xosé Manuel Irimia (BNG), Xosé Teixeiro (PSdeG-PSOE) e Agustín Baamonde Díaz (PPdeG), tamén deputado no Parlamento galego e que ten actuado como voceiro do seu grupo en cuestións de lingua.

Este libro útil, como foi definido no acto da súa presentación, avanza nas súas páxinas até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao longo da historia se veñen verquendo sobre a lingua galega. Así, a obra estrutúrase en varios capítulos, onde se rebaten as mentiras tecidas sobre o noso idioma no ensino, nos medios de comunicación, o comercio, a empresa e, en definitiva, no conxunto da sociedade. De xeito especial, no acto de onte fíxose referencia ás bases do novo decreto elaborado pola Xunta de Galicia, montado sobre a inmensa manipulación que supuxo a consulta aos pais e nais, unha enquisa tecnicamente desastrosa e nada democrática nin transparente. Esa mentira está montada, á súa vez, sobre outra maior que é a da imposición do galego.

Para máis información, pódese descargar o interesante documento Síntese das contradicións entre a doutrina constitucional, as leis de normalización e as bases, do que é autor o xurista Luís Villares.

Fotos: Paulo Naseiro (AVV)

6 de feb. de 2010

Finou o histórico galeguista Antón Moreda

Redacción

Antón Moreda Rodríguez, personaxe histórico do galeguismo, finou hoxe aos 75 anos de idade. Nado en Reinante, no Concello de Barreiros, emigrou de novo a Bos Aires, onde comezou a súa xeira política. No ano 1953 participa na fundación das Mocedades Galeguistas, das que chegará a ser secretario xeral, xunto con Vidal Pérez Graña, Neira Vilas, Carlos e Tito Abraira, Pilara Jeremias e outros mozos que se consideraban herdeiros da Federación das Mocidades Galeguistas disoltas ao estalar a Guerra Civil. Asistiu ao I Congreso Galego da Emigración celebrado en 1956, onde traba amizade, entre outros históricos do galeguismo, con Elixio Rodríguez, Carlos Velo, Emilio Pita, Álvarez Gallego ou Xosé Velo.

Retornado á Terra, a comezos dos anos 60, traballou como comercial da nacente Editorial Galaxia, actividade que aproveitou para contactar cos restos dispersos do galeguismo, ademáis de xente nova, participando activamente na "Operación pomba mensaxeira", que dará lugar á creación, en 1962, do Consello da Mocidade, xerme do moderno nacionalismo de esquerdas, e do que foi secretario xeral.

Afastado da organización polo sector antimarxista do galeguismo, ao carón de adversas circunstancias familiares, foi internado do Psiquiátrico de Castro Ribeiras de Lea, onde viviu o resto da súa vida e onde, por riba das terríbeis circunstancias asistenciais do centro, deu mostras dunha rexa vitalidade persoal. Alí fundou a revista Falemos, predecesora de Gaiola Aberta, voceiro da Asociación Gaiola, formada por internos e coidadores do psiquiátrico.

Non foi até os anos 90 que a súa figura foi reivindicada. Margarita Ledo Andión publica a novela Porta Blindada (Xerais, 1990), na que narra con mestría o devir de Moreda no seu internamento. As Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego, pola súa banda, reivindicaron a súa figura no libro de homenaxe Antón Moreda, a loita dun galeguista (Lugo, 2000)

Era afiliado do Partido Galeguista e recibiu a isignia de ouro desta formación política. O funeral celebraráse este venres ás 16:00 horas na localidade de San Cosme de Barreiros.

- Nesta ligazón pódese ver unha reportaxe realizada por Vieiros en maio de 2008.
- Foto: P. Naseiro/AVV

4 de feb. de 2010

1986: Entrevista ao grupo folk Xorima

Redacción
Tal día como hoxe, hai dous anos, comezou a súa andaina na rede a versión dixital de A Voz de Vilalba. Por este motivo, pensamos que non había xeito mellor de conmemoralo que rebuscar nos nosos arquivos e sacar á luz algo que ofrecer aos seguidores, sen os que toda esta aventura non sería posible.

Por iso, aproveitamos para compartir e escoitar de novo, agora con todos vostedes, esta entrevista ao grupo de música folk Xorima feita por A Voz de Vilalba e publicada, prácticamente íntegra, no número impreso correspondente a abril de 1986 (pp. 3, 4 e 5) e incluida, xa que logo, no facsímil do xornal editado en 2006 –nada máis e nada menos que vinte anos despóis- pola Universidade Rey Juan Carlos (URJC) de Madrid e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA).

Xorima foi un grupo de música folk de Vilalba (Lugo) fundado por Eduardo “Lalo” Baamonde, Carlos Celeiro “Morón”, Eugenio “Queno” Eimil, Xosé Luís Pernas e Xosé Ramón Vázquez, quen anos despóis fundaría tamén o grupo “Fía na roca”.

A entrevista realizouna Moncho Paz, que daquela contaba apenas dezaseis anos e comezaba o seu quefacer xornalístico como colaborador do diario El Progreso, a Morón, Queno e Xosé Ramón no local de ensaio do grupo, en Vilalba. Xorima viña de editar o ano anterior un elepé, que levaba por título o nome do grupo, e cuxa portada (na imaxe) correu a cargo do pintor e arquitecto Santiago Catalán. Naquel tempo producíranse cambios na formación, co abandono de Lalo. A conversa discurre a través de diferentes temas que van desde a política ata, por suposto, todo o relacionado coa música folk e o panorama cambiante e promisorio que se presentaba por diante.

Algunhas opinións hoxe, vinte anos despóis, poden semellar inxenuas. Outras, tremendamente lúcidas. En fin, escoitenas e desfruten delas e lembren que poden deixar os seus comentarios –sempre de agradecer porque son os que nos fan mellorar- tanto nesta páxina como no noso Facebook.

Moitas grazas a todos polo apoio incondicional.

1. Historia do grupo e actuacións fora de Galicia



2. Política e temas de actualidade



3. Preferencias musicais. A condición do músico



4. Balance sobre o traxecto ata o de agora. O traballo como grupo



5. Estudos dos componentes e axudas para saír adiante



6. Balance de 1985. Gravación do disco



7. Incorporación de novos instrumentos na música galega. Influencias…



8. Novas tendencias do folk galego



9. Concertos para 1986. Novo disco



10. Xorima e A Voz de Vilalba




Xuntanza do Automobilismo Lucense

Redacción

Esta mañá, o presidente da Escudería Miño, Carlos Íñiguez, xunto ao vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentaron a Xuntanza do Automobilismo Lucense, que terá lugar o vindeiro domingo 7 a partires das 5 da tarde no Pazo dos Deportes de Lugo. Esta actividade está organizada pola Escudería Miño coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo. A Xuntanza do Automobilismo lucense vai ofrecer a todas as persoas que se acheguen ao Pazo dos Deportes a posibilidade de ver de preto os vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom de cara á nova tempada que comeza.

A razón desta actividade é que estean presentes tamén todos aqueles pilotos que teñen menos oportunidade para saír á luz pública, de xeito que este acto sirva para que se fagan visíbeis, aínda que estean acompañados dos principais pilotos lucenses. Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, que organiza o evento, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte en Lugo e brindar oportunidades coma estas para que os equipos pequenos se dean a coñecer de cara ao inicio da tempada. Recollendo as palabras de Antón Bao sobre o bo momento do automobilismo lucense, Íñiguez lembrou que Lugo conta cos campións de rallys de Galiza, de España, do campionato de montaña de vehículos carrozados de Galiza, do galego de Todoterreo e varios campionatos monomarca.

Íñiguez avanzou que na Xuntanza do Automobilismo Lucense do domingo, a partir das 5 da tarde, os afeccionados poderán ver de preto grandes equipos como o Nupel Rally Team, cos seus espectaculares Ford Fiesta S2000, varios Mitsubishis de alta competición, vehículos Speedcar de montaña, un mítico Renault Alpine de históricos, e despois practicamente a totalidade de vehículos que compiten en Galiza. Por esta razón, Carlos Íñiguez animou a achegarse a todos os afeccionados ao motor o vindeiro domingo ao Pazo dos Deportes nunha oportunidade única para ver de preto, fotografiarse, ou incluso obter os autógrafos das figuras máis destacadas do automobilismo lucense.