Premio "Modesto R. Figueiredo"


Redacción.-

A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Corografía Obama, unha obra vangardista que recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do relato.

O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costa, e Eco da afasia, de Xaime Domínguez Toxo, que recibirán 400 euros e a publicación xunto co gañador.

Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.

Os premios Pedrón de Ouro, dende 1964, Pedrón de Honra e o Premio Modesto R. Figueiredo son os premios outorgados en Padrón polos membros da Fundación Pedrón de Ouro, fundada por Avelino Abuín de Tembra, Maximino Rodríguez Buján e Octavio Sanmartín Rodríguez, e que ten entre os seus membros a Manuel Caamaño Suárez, David Otero e Avelino Pousa Antelo.

28 de dec. de 2011

Presentación de 'X un común denominador'

Redacción.-

Mañá mércores, ás oito da tarde, terá lugar na Libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes, 6) a presentación do libro X un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, editado por 2.0 Editora e Edicións do Castro. Participarán no acto Xosé Manuel Beiras, Xosé Ramón Fandiño, Rosabel Candal e propio Martiño Noriega.

27 de dec. de 2011

O noso estraño Nadal

Redacción.-

O Nadal xa se celebraba antes do nacemento de Cristo. San Nicolás andaba a repartir agasallos no noso país antes do que os Reis Magos. A orixe da Feira do Capón de Vilalba está no século IX. O solsticio de inverno coincidiu no seu día en Santa Lucía e non era raro que en datas de Nadal se visen máscaras de Entroido. Estas son algunhas das sorprendentes cuestións que amosa Antonio Reigosa en Trece noites, Trece lúas un libro que quere darlle explicación a qué celebramos exactamente nestas datas, e que amosa tradicións de noso que, nesta altura, han resultar estrañas a moitos.


Co subtítulo Libro das marabillas do Nadal, a obra de Reigosa con ilustracións de Noemí López, fai un repaso de cuestións básicas arredor da celebración. E é que nestas festas non todo é, nin moito menos, o que semella a primeira vista. Segundo explica o autor no libro “O Nadal supón a cristianización dun vello rito de paso ou de renovación cíclia, do transo morte-resurrección que se produce no solsticio de inverno”. A pegada das celebracións previas ao cristianismo nestas festas percorre boa parte da obra. “No libro trato de ver o que celebramos realmente e responder a cuestión elementais arredor deste ciclo. Analízase por quê se di que Cristo naceu o 24 de decembro, antecedentes como o culto a Mitra ou a Festa do Sol Invicto en Roma” O título do libro, segundo lembra o autor, fai referencia ao número de noites que transcorren no tempo de Nadal, entre o 24 de decembro e mais o 5 de xaneiro, canda ao feito de que as festas se desenvolven no transcurso da décimoterceira e última lúa do ano.

Datas espalladas
Unha cuestión complicada á que se tivo que enfrontar Reigosa nas súas investigacións para elaborar esta obra foi o baile de datas ao que se viron sometidas estas celebracións. É dicir, se o solsticio de inverno é astronomicamente o día 21 ou 22 (segundo anos bisestos e axustes semellantes), ¿como é entón que se celebra simbolicamente no 25? Aínda máis, ¿como se explica o dito de “Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día” cando a santa se celebra o 13 de decembro e os días non comezan a medrar ata logo do solsticio? As modificacións de calendarios que se deron ao longo da historia e as diferentes solucións que lle deu a Igrexa á cristianización e celebración das súas festas provocaron que feitos que, no seu momento coincidiron nun mesmo día se fosen espallando en toda unha área do calendario. Así, segundo sinala o autor “cos desfases que se foran acumulando no calendario, Santa Lucía cadraba aproximadamente no solsticio, e no século XVI mesmo era dou días despois. Entón tiráronselle dez días ao calendario alá no mes de outubro para axustalo e a data da Santa, que non se moveu, quedou no día trece. Con estes axustes o dito, que semellaba absurdo, colle sentido”. Descóbrese entón que orixinalmente esta celebración estaba tamén vencellada ao Nadal. “Realmente é unha santa apócrifa, que substitúe unha divindade anterior relacionada coa luz”. Celébranse aínda na súa honra no país tradicións como a Noite da Luz de Sedes, Narón. Nesta data os veciños soben desde a capela da Santa ata o Monte Esperón levando luces, e alí prenden trece grandes fachos. Noutros lugares do país, e alén das nosas fronteiras, atopamos celebracións semellantes en datas diferentes.

Lumes
Unha das que se celebran en diferentes momentos segundo o lugar é a do lume novo, que ten múltiples variantes en todo o país e atopar reflexos por toda Europa. “O lume simboliza o sol, e por iso era habitual prender un tizón ou un lume novo na lareira da casa, abrindo un novo período no ciclo agrícola”, explica Reigosa. O costume ten múltiples variantes, desde deixar prendido un mesmos tronco ao longo de todas as festas, ata o prender e gardar despois a borralla con fins medicinais ou para favorecer a colleita. Noutros lugares, co nome de Lume Novo prendíanse grandes fogueiras comunais que se saltaban como en San Xoán.

Agasallos
Reigosa sinala no seu libro, fronte ás voces que reclaman os Reis Magos como unha tradición máis propia do que Santa Claus, que en Europa en xeral foi á inversa, e que esta foi anterior. “Semella que levamos cos reis desde sempre, pero na realidade comezaron a se popularizar no século XIX, por un esforzo da Igrexa. Anteriormente estaba San Nicolao”. Aínda que o autor recoñece que a iconografía actual desta figura “débeselle á Coca-Cola, que é quen o lanza á fama”, sinala que previamente a esta encarnación, “era o que traía agasallos en toda Europa, aínda que non estamos certos de ta que punto estaba implantado en Galicia. En todo o xeito era unha tentativa de cristianizar as figuras, xa prerromanas e romanas, do personaxes que traían agasallos no final do ano”. A ese respecto, e como xa ten manifestado en anteriores ocasións, o autor recoñece a importancia de reivindicar figuras como a do Apalpador ou Pandigueiro. “Non hai moita documentación, pero si abonda para certificar que existía ese personaxe que baixa do bosque e lle dá comida a nenos. Agora non ten ese sentido de axudar a nenos con problemas de alimentación, e agardamos que non o teña que ter nunca. Entón convertelo en personaxe que fai o mesmo que os Reis ou Santa Claus é complicado, porque estes teñen detrás toda a forma uniformizadora das multinacionais e as campañas publicitarias, pero é bo no sentido de dar a coñecer a súa existencia, a súa función e contribuír a representar un Nadal menos uniforme”.

Aninovo
Para alén de Noiteboa, na sociedade tradicional galega o Aninovo tiña unha significación especial. Malia a que de novo atopamos variacións nas datas exactas duns e doutros ritos, era común en moitos lugares que se fixese nesta noite unha previsión do tempo dos vindeiros doce meses. “Isto aínda é algo que se mantivo ata tempos relativamente recentes. Facíase pondo cascas de cebolas na ventá ou areas de sal no calendario. En moitos lugares, como é o caso de Becerreá, “facíase o rito de coutar o ano, que mo descubriu Helena Villar. O patriarca da casa, desde a porta, recitaba unha fórmula coa familia para espantar os males que puidese traer o ano novo”. E é que esta noite, a de San Silvestre, era coñecida como especialmente sensible en canto á presenza de defuntos na casa e á saída das meigas. “Hoxe todo o que facemos é comer as uvas e ver a televisión”.

O paxaro de Lourenzá
Unhas das máis curiosas tradicións que recolle a obra é a solta do Rei Charlo en Lourenzá. Por estas datas “os abades, que eran os amos daquilo, soltaban un paxaro pequeno que tiña o papo rubio, non se sabe ben cal era. Os veciños ían á súa caza, e quen se facía con el podía participar na elección dos alcaldes, que eran escolleitos polos abades. Isto é semellante ás eleccións de reis de cultura célticas ou atlánticas”, e explica por qué os de Lourenzá se lles coñece como “os da Terra do Paxaro”.

Conexión entroido
Aínda que semellan tempos contrapostos, na sociedade tradicional atópanse as conexións entre o Nadal e o Entroido. Deste xeito, é o 1 de xaneiro cando saen por vez primeira os peliqueiros en Laza. Ademais, “está documentado que a Misa do Galo era unha festa chea de bromas e de bulras, e que se levaban paxaros ou se lles botaba polvos pica-pica aos asistentes”, explica o autor. E están documentadas prohibicións da igrexa de empregar máscaras durante este período, amosando o arraigado do costume no pobo. Do mesmo xeito, as bromas propias da festa dos Santos Inocentes semellan unha pegada de celebracións semellantes e vencelladas ao Entroido.

Os pratos
Outros afectados neste proceso é a gastronomía, xa que semella que o prato máis habitual en Galicia para estas datas, o bacallau con verduras, está a se ver substituído por outras propostas culinarias. “A igrexa impuxo unha vixilia durante advento e non permitía comer carne ata despois da misa do galo. Isto durou ata 1918 e condicionou esa suposta tradición de comer peixe nesta época, sobre todo bacallau e outras especies que se podían conservar mellor”. De xeito paralelo a isto, as normas relixiosas explican tamén outra tradición como é o comer aves e unha das tradicións máis galegas destas datas, a Feira do Capón de Vilalba. “No século IX a Igrexa aceptou como excepción para esa vixilia o galo capado. E de aí xurdiu a tradición de comer capón. Houbo moitas feiras, tamén en Cataluña ou no sur de Francia. En realidade o de comer aves por estas datas ven xa dos exipcios e dos romanos, xa que o solsticio coincide co comezo da migración de aves do sur cara a Europa. Xa entón se consideraba que anunciaban o bo tempo e celebrábase coméndoas”.

Recuperación
Reigosa advirte, en xeral, da crecente uniformización á que se están a ver sometidas as nosas celebracións de Nadal, e que se amosa no feito de que a maior parte dos galegos descoñezan moitos dos ritos recollidos no libro. En canto ás posibilidades que algunhas destes vellos costumes cobre nova vida, Reigosa non é moi optimista. “Non sei ata que punto son recuperables a nivel popular. Outra cousa é que haxa colectivos e institucións que fagan un esforzo por recuperar formas tradicionais”, apunta. Desde logo, os interesados en recuperar unhas festas máis galegas, teñen abondo onde escoller. E é que, para alén das mentadas, aínda hai costumes como os cantos de reis, as sortes, o boneco de Noitevella...

Nós pagamos

Fermín Bouza.-

O Nadal é unha boa escusa para pechar algúns dos circuítos cerebrais e concentrarse nas cousas máis familiares e privadas. Iso é bo e é malo: as saídas dos bombeiros a separar e disolver familias que rematan a paus son unha marca a noite de Noiteboa,  e todo acaba como o rosario da aurora na noite de paz. O Nadal ten estas cousas.

Este ano estreamos goberno e o paro segue aumentando, o Ibex caendo irregularmente e a prima de risco obedece a quen a move para crearnos problemas tamén irregularmente. Hai algo profundamente agresivo en todo isto, coma se alguén decidise impor unha orde ao seu favor e castigar aos países periféricos. Castiga aos nosos bancos no noso traseiro, e imos pagar esas débedas bancarias a base de restricións sen conto. Todo o que se nos restrinxe a nós xera "confianza" cara á débeda bancaria. Nós pagamos.

Pero toda esa andrómena da dereita económica e política podería vir abaixo no momento menos pensado. Concentrémonos no Nadal, pois ninguén sabe que será de todo en 2012. Felicidades adiantadas.

23 de dec. de 2011

Novo número de Dardo Magazine

Redacción.-

Xa está na rúa o novo número de Dardo magazine, que fai o 19-20 da colección. Conta neste caso con artigos sobre Luis Gordillo, Alberto Giacometti, Enriquel Krahe, Manuel Ocampo, Bárbara Coutinho ou Natalia Stachon.

Dardo magazine é unha revista internacional de arte e cultura contemporánea, publicada en español, portugués e inglés e con especial incidencia no eixo España, Portugal e Brasil.

A partir de 2011 amplía a súa periodicidade a cinco números e ábrese á actualidade e a novas disciplinas, como a arquitectura e o deseño. Así, baixo a mesma cabeceira publícanse dúas versións: Dardo magazine_contemporary art, centrada na arte contemporánea, e Dardo magazine_architecture+design, que ademais inclúe novas temáticas de arquitectura e deseño, mantendo o rigor, a calidade e a perspectiva internacional que foron esixencia da revista desde os seus inicios.

Dirixida polos críticos David Barro e Paulo Reis, Dardo magazine traballa con grandes autores no escenario internacional a partir de ensaios inéditos que axudan a configurar diferentes lecturas desde unha mirada actual. Entre os seus colaboradores atópanse nomes como Michael Hardt, Thierry de Duve, Delfim Sardo, Fernando Castro Flórez, Paul Virilio, Matt Mullican, Robert Kudielka, Lorenzo Mammi, Daniel Canogar, David G. Torres, Oriana Baddeley, Moacir dúas Anjos, Nelson Brissac Peixoto, António Pinto Ribeiro, Kathrin Becker e Hans Belting.

22 de dec. de 2011

"Fantasmas de luz", de Fernández Paz

Manuel París.- Esta mañá tivo lugar en Compostela a presentación do novo libro do escritor chairego Agustín Fernández Paz, Fantasmas de Luz (Vigo, Edicións Xerais, 2011). O acto celebrouse ás 12 da mañá na Libraría Couceiro e o autor estivo acompañado por Manuel Bragado, máximo responsable da editora.

Nesta obra, Fernández Paz mistura elementos cinematográficos coa crítica á “exclusión social” motivada polo paro. Así, describe o drama dunha parella despois de que o marido perda o seu traballo como operador de cabina nun cine e é, ao mesmo tempo e segundo o autor, "unha crítica cara ao desastre que está provocando o capitalismo".

Desde hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles aos ollos das persoas que viven ao seu redor. Empregando recursos da novela fantástica e combinando o suspense cunha delicada melancolía, Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade.

Fantasmas de luz tamén quere ser unha homenaxe ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón». Ao longo da historia -inspirada en distintos films-, o autor fai referencia a 52 películas, cuxas fichas atopar ademais no final do libro. Paralelamente, ademais da historia principal, Agustín Fernández Paz quixo incluír seis "tomas extra" tras concluír a trama, constituídas por seis relatos curtos que amplían distintos aspectos da historia. A 'edición singular' presentada por Xerais para Fantasmas de luz, ademais da novela de Agustín Fernández Paz e os seus contidos 'extra', está ilustrada a cor polo artista Miguelanxo Prado.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Como narrador ten publicado, entre outras obras: Contos por palabras (1991, 2010), Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992; Rapazas (1993, 2003), relatos; Trece anos de Branca (1994), novela, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; Cartas de inverno (1995, 2007), novela, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil de 1995; Amor dos quince anos, Marilyn (1995, 2001), relatos; O centro do labirinto (1997), novela; Aire negro (2000, 2009), novela, Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; Noite de voraces sombras (2002), novela; Tres pasos polo misterio (2004), relatos; Corredores de sombra (2006), novela, Premio Frei Martiño Sarmiento 2007; O único que queda é o amor (2007), relatos, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil 2008, Premio Neira Vilas da AGE 2007, Premio da AELG 2008, Premio Frei Martiño Sarmiento 2008; Lúa do Senegal (2009), novela, Premio da AELG 2010; Non hai noite tan longa (2011), novela e Fantasmas de luz (2011), novela. 

A maior parte da súa obra esta traducida a todas as linguas ibéricas, ademais de ao coreano, árabe e francés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003), outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia; o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), outorgado pola Asociación Galega de Editores, e a Letra E (2009) da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nos anos 2009 e 2011 foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award. En 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012.

Pódese ler unha entrevista recente publicada neste medio aquí mesmo.

19 de dec. de 2011

Éxito das XII Xornadas do Capón no Parador

Redacción.- No día de onte, coincidindo coa Feira do Capón de Vilalba, pecháronse con éxito as xornadas gastronómicas que con tal motivo ven organizando o Parador de Turismo dende hai doce anos. Esta iniciativa englóbase dentro das "Mostras Gastronómicas" postas en marcha por Paradores para promocionar tanto os produtos como as tradicións culinarias máis significativas do noso país. A selección de pratos de capón degustouse de xeito individual ou en forma de menú, xunto a outros produtos galegos como o queixo de San Simón ou as castañas.

O Parador de Vilalba rendeu así unha especial homenaxe á gastronomía da terra celebrando a XII edición das súas Xornadas do Capón. Dende o 10 ata o 18 de decembro fíxose unha chiscadela á historia, a tradición e unha das receitas máis representativas da zona. Nas referidas datas, a cociña do establecemento puxo a disposición dos clientes unha carta especial na que o capón foi o auténtico protagonista. En concreto, a selección de pratos elaborada para a ocasión puido degustarse por separado -a prezos comprendidos entre os 5 e os 23 euros- ou a modo de menú pechado, cos aperitivos de entrada, un primeiro prato, un segundo prato e unha sobremesa ao prezo de 38 euros (impostos incluídos).

Para abrir boca, a proposta do Parador pasaba por un paté de capón con tostas de pan de aldea e cebola confitada ao que seguirá unha pasta con capón e queixo de San Simón con salsa de fungos. Como pratos principais podíanse degustar un guiso de arroz con capón e algas, un capón ao viño de Albariño con revolcona de castañas ou un capón asado "á vilalbesa" con amoados de millo. Para pechar a degustación, non fallou a bica de millo con crema de bagazo e xeado de leite merengada.

Con esta e outras iniciativas gastronómicas levadas a cabo durante o último ano, Paradores de Turismo mostra o seu esforzo por recuperar os sabores e as tradicións de sempre, pondo en valor e promocionando os produtos e receitas máis significativas de cada zona do noso país.

Acción Urbano. Lembrando a Lugrís

Redacción.-

Urbano Lugrís deixou o seu trazo máxico por toda Galiza, dende Ferrol até Baiona. Foron A Coruña e Vigo, comezo e remate dunha viaxe polo surrealismo atlántico. A asociación cultural A Nave das Ideas e o colectivo cidadán In Nave Civitas reivindicaron o pasado sábado 17 o legado que nos deixou: a cultura atlántica.

Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie.

Ante isto, a asociación cultural A Nave das Ideas e o colectivo cidadán In Nave Civitas quixeron removelas conciencias e honrar a memoria de Urbano Lugrís, lonxe de localismos, convidando á cidadanía galega a que se sumase o pasado sábado día 17 a Acción Urbano, con espectáculos musicais, poéticos e pictóricos que encheron as rúas de Vigo e A Coruña.

Na cidade de Vigo os actos comezaron ás 11h no Marcocun un roteiro por diferentes puntos que teñen relación coa vida e obra de Lugrís. Carlos L. Bernárdez, especialista en arte galega, fixo de guieiro. O acto rematou co lanzamento simbólico dunha botella ao mar do Berbés tras ler o manifesto da homenaxe.

Pola tarde, a partir das 19h no Verbum, fíxose a homenaxe central do acto que contou con música, poesía, pintura e conferencias. Tamén houbo unha cativa exposición de cadros de Lugrís.

Ademais, publicarase en edición dixital un libro de poemas de distintos autores a partir de cadros de Lugrís.

Na Coruña os actos comezaron ás 20:00 horas no palco da música dos Xardíns de Méndez Núñez. Este obradoiro submarino foi o punto de partida da “manifestación atlántica” que percorreu as rúas e tascas nas que paraba Lugrís, até o seu antigo estudo, na rúa Mantelería.Seguindo os pasos de Lugrís, virouse até o café Barrozas, onde o propio Urbano adoitaba a parar tralas súas molladuras no mar do Orzán. Alí o bombardino da Banda Municipal, Lourezo Castro, e Pulpiño Viascón fixo a presentación mundial da rapsodia a BALADA DO PORTO DE OS. O acto rematou na coraza do Orzán onde se deu lectura aomanifesto e guindouse unha botella cara o Berbés.

A Coruña e Vigo unidas por Lugrís!

A lingua outra vez

Fermín Bouza.-

A lingua histórica de Galicia, a súa lingua propia, é o galego, na súa versión romance a día de hoxe. Houbo outras linguas anteriores e os usos político-administrativos fixeron que o antigo castelán (hoxe, din, unha forma dialectal do español...) entrase como segunda lingua até converterse en lingua de uso obrigado en todo o concernente á vida pública do estado. Os Estatutos de Autonomía trataron de recuperar a lingua histórica primordial das comunidades con lingua  propia, e conseguiron a cooficialidade co castelán (hoxe español?).

Lingua propia é concepto histórico-antropolóxico e etnolingüístico no seu uso actual polos defensores das linguas declinantes en países con lingua franca obrigada. Ben, non para a Xunta e a súa Valedor do Pobo. En Galicia estamos sometidos a estas humillacións permanentemente, con defensores do pobo que son como os seus peores inimigos, e imos perdendo sen présa e sen pausa todo o noso capital simbólico.

O tema da lingua foi politizado polo PP, que se negou a acordalo. É unha causa que, de seguir este ritmo de ocupación lingüística, acabará coa nosa lingua propia. A dignidade non é unha abstracción: está directamente relacionada coa defensa contra o espolio. En 2013 haberá outra oportunidade de recuperar o noso ritmo vital ou de perdelo, e esta vez se cadra para sempre.

16 de dec. de 2011

Monxas

Xulio Xiz.-

Eu, de pequeño, tiñalles unha grande querencia ás monxas do Hospital vilalbés. Daquela o nome era ese, Hospital, que logo foi Hospital-Asilo. E daquela era unha institución benéfica que, andando os anos, evolucionou a asistencial, cambio facilitado pola mellora nas condicións sociais da nosa xente maior.

Digo que eu lle tiña unha grande querencia ás monxas que, por parellas, pasaban por diante da miña casa na Porta de Cima, xeralmente cara á igrexa parroquial. E adoitaba desde que souben andar, ir bicarlle o crucifixo que levaban unha monxa noviña que tiña tamén unha grande querencia pola grei infantil e encantáballe o meu agarimo por ela e pola cruz que levaba.

Pero un día cambiou a monxa, e eu, indo ao bulto, fun bicarlle o crucifixo a unha monxa malencarada e grandona que tomou a mal o meu xesto e rexeitoume de mala maneira. Entón perdín o costume de andar bicando crucificos polas rúas, curado polas bravas daquela inocente devoción.

Pois, recordos infantís á parte, ou en base precisamente a eses recordos, sinto que se vaian as monxas do Asilo vilalbés. Entérome agora que son franciscanas, que levan en Vilalba desde dez anos antes que eu nacera, e das que só quedan seis, ningunha de menos de setenta anos.

As vocacións escasean, e as “Misioneras franciscanas de la Madre del Divino Pastor” teñen comunicado aos rectores da Fundación do Hospital Asilo a necesidade de abandoar Vilalba, porque non hai relevo xeracional, e as actuais están máis para que as atendan que para atendar aos acollidos nesta institución asistencial.

Algo parecido ocorre nas Pontes, onde as monxas da Compañía de María que colaboraban na atención relixiosa de catorce parroquias das Pontes, Xermade e as Somozas, deixan este cometido porque non atopan renovación nas súas filas.

En tempos tan realistas, materialistas, como vivimos, é difícil asumir unha vocación de entrega aos demais desde unha perspectiva relixiosa; e sería difícil de asumir nas nosas familias que un dos membros da mesma decidise afrontar unha iniciativa vocacional así, afeitos como estamos a que cada persoa ten que ter unha profesión, se é posible vocacional, realizar os correspondentes estudos, forxarse un porvir, e constituir unha familia. Todo o que daquí se aparte é difícil de asumir nestes tempos críticos.

Estamos afeitos a que determinadas funcións as presten cregos, monxas ou similares, e temos asumido que ese é o papel que escolleron diante do mundo, que é a súa vocación, pero non seríamos capaces de optar por unha situación así, nin nós nin admitiríamos que un dos nosos o fixese.

Pois a pura evolución física vaise encargando de clarificar situacións. E os cregos van envellecendo e morrendo, ou xubilándose. E os que quedan levan catro, seis ou oito parroquias cun esforzo persoal tremendo. E as monxas envellecen e non hai outras que as releven. E cando as relevan son doutros países onde se vive a relixión – e a economía, e a vida – doutra maneira. Ou doutras ramas dentro da relixión cristiá, con especial dedicación, con outra entrega, con outras peculiaridades que tamén nos resultan alleas e nalgúns casos provocan o rexeitamento das comunidades onde se integran polas diferencias que se observan.

Estamos en tempo de cambio. O sacerdocio, a vida consagrada en xeral que observamos ata agora vai experimentar un profundo cambio. Os próximos vinte anos van ser cruciais no panorama relixioso do noso contorno, xa que desaparecerán os douscentos ou trescentos curas maiores que quedan nas diócesis da Galicia norteña, e haberá que adoptar outras fórmulas que seguro nos han de parecer novedosas ou alomenos diferentes.

Polo de pronto, desaparecen as monxas do Asilo vilalbés. No aspecto asistencial non se notará o cambio. Para os vilalbeses de certa idade, será o final dunha etapa da vida do Asilo e da nosa.

Sopra o Nirmala Magic

Redacción.-

"A beleza e a maxia son a marca desta representación única,cunha mensaxe que non deixa indiferente a ninguén é un traballo diferente." contanos Grit Güttler, que firma dirección e adaptación da obra.
Contadores de historias, monicreques, marionetas e teatro de sombras en miniatura, todo envolto nunha música catívante e decoradas artesanais cargan o público - a través de sutís analoxías oriental - un mundo pouco explotado: o interior descoñecido de cada un de nós.
Ademais da súa orixinalidade e beleza artística, a obra transmite aos nenos, de forma inesperada, virtudes e valores éticos.

Os espectadores van saber Kundala é unha guía que caeu a tapa de Deus. Cando cae na Terra comeza as súas aventuras co seu novo amigo, o elefante Ganesha. El axuda a atopar a súa nova casa no corazón dunha moza chamada Nirmala. Entón é cando se converte en un poder máxico, que Nirmala usará para axudar as persoas a seren máis felices.


Compañia
O Teatro Gangayi, empresa que fai este traballo, foi fundada en 2008 co obxectivo de proporcionar a arte a un público sinxelo, cheo de luz e beleza, e para o corazón do espectador.

Ficha Artistica
Grit Güttler, de nacionalidade alemá, é o fundador da GangayiTheatre. 15 anos dedicados a proxectos de arte para nenos. El xa traballou en diferentes países (Alemaña, Escocia, Italia eIndia) e en varios proxectos internacionais. El escribiu o libro "A Luz do Mundo" en que o traballo se basea.

Charo Reina, formado en teatro, danza e teatro de marionetas, colabora Coa compañía Gangayi Teatro nos últimos dous anos. Trabalhou profesionalmente no circo de Rabal Teresa durante 10 anos.



Teatro Arte Livre

Rúa Vázquez Varela,19 – Vigo

TEL. 648- 88 10 02

17/12 E 18/12 ÁS 18:00h

Entradas: Adultos= 7,00€ e nenos(as)= 5,00€

Premio Purificación García

Redacción.-

Purificación García cre nas posibilidades da imaxe, na importancia da tensión da mirada á hora de captar fragmentos da realidade. De aí o seu compromiso coa arte en iniciativas como o Premio de Fotografía Purificación García, que este ano celebra a súa novena edición coa vontade de continuar sendo un punto de encontro para o mundo da arte e a fotografía, unha referencia para a creación peninsular.


O Xurado desta edición estará formado por Marta Gili (directora de Le Jeu de Paume, Paris), Alberto Martín (crítico de arte), Chema Madoz (fotógrafo), Sergio Mah (comisario de exposicións e profesor universitario) e Manuel Borja-Villel (director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía).


Poderán participar no Premio todos os artistas maiores de 18 anos, residentes en España e Portugal, con independencia da súa nacionalidade (os participantes doutras nacionalidades deben dispor de cartón de residencia).


Cada participante poderá presentar unha soa obra, de tema e técnica libres, totalmente inédita e recente. Como novidade, levará a cabo unha preselección de obras mediante dossier dixital. A recepción de solicitudes terá lugar entre o 20 de decembro de 2011 e o 13 de xaneiro de 2012. Tras esta fase, o Xurado realizará unha selección final sobre obra física xa producida polos artistas e outorgará tres Premios:


UN PRIMEIRO PREMIO DE 15.000 EUROS
UN SEGUNDO PREMIO DE 12.000 EUROS
UN TERCEIRO PREMIO DE 10.000 EUROS

Así mesmo seleccionará un máximo de 22 obras coas que se realizará unha exposición que terá lugar 9 ao 23 de maio de 2012 no Círculo de Belas Artes de Madrid, podendo ampliarse a outras cidades que se estimen de interese.


Os artistas interesados en participar poden descargar as bases do Premio en www.purificacióngarcia.com/concurso.pdf

Carta aberta ao Sr. Conselleiro de Educación

Xavier P. Docampo.-

Prezado señor Vázquez Abad: Vaia metedura de zoco! As malas compañías e a incompetencia acaban de lle xogar unha mala pasada, señor conselleiro, e vostede picou, non sei se por ignorancia ou por chulería, pero o caso é que meteu o pé nunha poza. E o que conseguiu foi dar unha proba de incompetencia para o seu cargo semellante á do Valedor do Pobo, outro que tal baila. Valeu isto para demostrar unha vez máis que o seu odio á lingua galega faille perder o sentido da prudencia.
 
Este medio no que escribo só ten sentido cando se aproveitan as posibilidades hipertextuais que dá para que o lector teña toda a información precisa, imos pois aló.

Trátase dun home, algo teatral el, que quere borrar a lingua galega da súa vida (el saberá por que), aínda que para iso teña que facelo tamén coa de todos os galegos e galegas. Agora, ademais, representa a un partido político que dirixe unha muller pública no sentido menos pexorativo da expresión. Pois ben, este individuo fixo unha reclamación disparatada diante do Valedor do Pobo, quen, para non ser menos, deulle a razón. E vostede agora veu a lle poñer o ramo prometendo unha resolución da Consellaría que é outro disparate.

Imos ver, Señor Vázquez, vostede coñece o Estatuto de Galicia? Di ou non di no art. 5 punto 1  que a lingua propia de Galicia é o galego? E dí así, sen máis. Xa sei que no punto 2 di máis cousas... e no 3, onde lle recorda a vostede e ao señor Valedor do Pobo que teñen a obriga de protexelo e non de demolelo como están a facer. Dígame (e se non o sabe pregúntello ao señor López González) se todos os libros que citan o artigo 3, punto 1 da Constitución española  deben seren corrixidos por non citaren os puntos 2 e 3? Va que tal cousa non tería pés nin cabeza?

Eu ben sei que a vostede e aos que son coma vostede dóelles que o Estatuto de Galicia diga que a lingua propia de Galicia é o galego e que quixeran borralo. Pois veña, déanlle para adiante e cámbieno, pregúntenlle ao pobo galego se quere renunciar ao seu máis singular e milenario signo de identidade. Pero non o farán, porque o signo distintivo de vostedes é a actuación raposeira dos covardes. Por iso día tras día aproveita para ditar decretos e normas que lle van tirando á lingua propia de Galicia os  minguados dereitos de que gozaba.

Pero é que ademais vostede non ten potestade para mandar corrixir un libro de texto, se alguén considera que nel hai algo puníbel deberá recorrer aos tribunais de xustiza, así que deixe de se espolincar na punta dos pés coma un censor franquista. En realidade, despois disto, o que debera ocorrer era que vostede fose destituído e que o Valedor do Pobo renunciase, pero por se isto non sucede, o que sería ben é que o PSdeG e o BNG, que no seu día apoiaron o nomeamento como valedor do señor López González, tivesen a valentía de facer pública e no Parlamento de Galicia a retirada da confianza que un día lle outorgaron.

Máis nada por esta, señor Conselleiro. Atentamente,

14 de dec. de 2011

Unha situación nova coa Monarquía

Fermín Bouza.-

Un problema máis, e non suave, ao que expón Iñaki Urdangarín á súa familia política e a todos nós, que sempre procuramos, con poucas excepcións, deixar espazo á Monarquía sen crear máis problemas que os obvios (transparencia e esas cousas normais en calquera país normal). Sabiamos que a trouxo Franco, pero tamén sabiamos que El-Rei xogara un papel transcendental para aforrar sangue e bágoas aos cidadáns dun estado edificado desde o totalitarismo máis absoluto ao que el tamén empuxara cara á democracia de forma clara e continua mentres as xentes máis organizadas gañaban a rúa e a liberdade de todos. Agradecémosllo desa maneira.

Non fixemos diso un problema, podéndoo facer, e demos por sobreentendido que todos eles o entendían así, o que os obrigaba a unha especial conduta de responsabilidade. E así foi, en xeral. Agora chega esta noticia inquietante. Quizais o imputado se defenda e aquí non pasou nada. Non o parece, en principio, aínda que ás veces as aparencias enganan. No meu caso persoal, a miña posición sobre a institución apoiábase no que consideraba e considero unha evidencia: é moito máis complicado, nun estado como este, dar golpes de estado cun Rei por medio. Xa tivemos un exemplo o 23-F, ao que algúns irresponsables seguen identificando tontamente co mesmo Rei.

Pero as Forzas Armadas xa non son aquelas, e os vestixios do franquismo no seu interior son arqueoloxía familiar e pouco máis. Hainos, evidentemente, pero son minoritarios. Poderían non selo en circunstancias máis complicadas, e estamos a entrar nun ciclo económico e político complicado. É importante que este episodio marque un antes e un despois con respecto á institución no sentido de que esta debe render contas responsablemente (accountability) dos seus actos, con rigor político, non maiestático.

O hieratismo dos actores históricos xa non é importante, tampouco para os retratos de cámara, pero é extraordinariamente importante o seu sentido da responsabilidade e a súa proximidade para explicarnos as cousas. Son unha institución política e están aí pola súa función política, nada que ver coa graza de deus, que ten outras tarefas no cosmos infinito.

13 de dec. de 2011

Presentación de "A liñaxe fidalga dos Raña"

Redacción.-

O vindeiro venres, día 16 de decembro ás 20:30 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro  A liñaxe fidalga dos Raña, número dezaoito da Biblioteca Chairega que edita o Instituto de Estudos Chairegos.

O autor autor da obra é o profesor José-Luis Novo Cazón,  quen, se ven ocupando nos últimos anos do estudo deste grupo social dominante no Antigo Réxime. A liñaxe dos Raña, espallada por distintas parroquias da Terra Cha, Alfoz, O Valadouro, As Pontes e tamén pola cidade de Mondoñedo, ocupaba cargos militares, curatos, rexedurías nos concellos, escribanías e outros oficios.

Hoxe en día aínda quedan descendentes daquela liñaxe en diversos lugares de Galicia e nomeadamente da Terra Chá. A todos eles o autor deste libro convíadaos dun xeito especial á presentación. No acto intervirán, ademais do autor, Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA; Javier Gómez Vila, doutor e profesor de Historia; e Miguel Anxo Domínguez Lama, licenciado en Belas Artes, deseñador da cuberta e descendente dos Raña por liña paterna.

12 de dec. de 2011

Revista avozdevilalba.com de novembro

Redacción.-

Xa está a dispor dos lectores, para a descarga directa, o exemplar en pdf da revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de novembro.

Nesta ocasión adicamos unha atención especial á conferencia que o xornalista Ignacio Ramonet impartiu en Vilalba convidado por A Voz de Vilalba e o IESCHA, con motivo da presentación do seu novo libro, A explosión do xornalismo.

Para iniciar a descarga, picar na imaxe.

11 de dec. de 2011

Pilar Cernuda recibirá o Premio Diego Bernal

Manuel París.- A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), reunida en Santiago de Compostela o pasado 25 de novembro, logo de deliberar sobre as candidaturas presentadas, acordou por unanimidade outorgar o Premio Xornalístico Diego Bernal 2012 á veterana xornalista galega Pilar Cernuda.

A Xunta Directiva considera que Pilar Cernuda, ao longo da súa carreira, superou sobradamente o cumprimento de todos os requisitos de historial profesional e perfil humano que se consideran necesarios para merecer este recoñecemento. De feito, o galardón da APG valora a traxectoria de toda unha vida dedicada ao exercicio da profesión xornalística, que no caso de Pilar Cernuda é ampla e desenvólvese con recoñecido éxito en prensa, radio e televisión no ámbito español, dando así unha proxección aos profesionais galegos, condición da que esta xornalista sempre se amosou orgullosa publicamente.

O acto de entrega celebrarase, como xa é tradicional, o 24 de xaneiro de 2012, festa do Patrón dos xornalistas. O Premio Diego Bernal -que este ano acada a 17ª edición- foi outorgado anteriormente a outros profesionais galegos de recoñecido prestixio, como Pepe Domingo Castaño, Manuel Martín Ferrand, Perfecto Conde, Gerardo González Martín, Angel Botana, José Manuel Rey, Alfonso Sánchez Izquierdo, Santiago Rey ou o colectivo de xornalistas vascos.

Pilar Cernuda (Santiago de Compostela, 1948) estudou Xornalismo en Madrid e iniciou a súa carreira profesional en 1975. Durante anos correspondeulle o seguimento das actividades da Casa Real; máis adiante, trasladouse a Nova York desde onde exerceu de correspondente do diario ABC. Nos seguintes anos traballaría en Radio Nacional de España, a Cadea COPE e Televisión española, tanto no espazo de entrevistas Centros de poder (1994-1995), xunto a Julia Navarro, como no informativo matinal Los desayunos de TVE.

Especializada en información política, nos últimos anos seguiu a colaborar en distintos medios, tanto escritos como de radio e televisión. Participa no faladoiro do programa Herrera en la onda e tamén no programa de Carlos Alsina de Onda Cero (cadea á que se incorporou en 1993) e nos programas de televisión Espejo público de Antena 3 e Alto y claro e Madrid opina de Telemadrid. Ademais escribe na revista Cambio 16 e no diario La Razón. Tamén dirixiu a axencia de noticias Fax Press ata a data do seu peche, en setembro de 2009. 

7 de dec. de 2011

Malos tempos para o BNG


Antonio Cendán Fraga.- Tras os máis que discretos resultados electorais acadados polos nacionalistas, abriuse un tempo de crise na formación frontista. O BNG non só non foi quen de acaparar o descontento do electorado socialista, senón que sufriu un lixeiro descenso na porcentaxe de voto e unha notoria baixada de voto real. Moitos dos seus simpatizantes quedáronse na casa ou elixiron outras formacións políticas.

O resultado dos comicios do 20-N debería abrir unha etapa de reflexión dentro da organización nacionalista, antes que desvertebrarse a navalladas, xa que iso podería supoñer unha importante creba da credibilidade ante a sociedade galega. A principal pregunta que hai que facerse agora é o porqué non foi capaz de conectar co electorado descontento do PSOE que se foi, pola súa esquerda, cara a EU, malia que foi un sufraxio practicamente inútil en Galicia, ao non obter representación parlamentaria.

Pero non é tan só esa cuestión á que deben responder as hipotéticas reflexións do BNG, senón tamén por que eses máis de 30.000 electores que lle depositaron a confianza en 2008 non lle la renovaron hai pouco máis de dúas semanas. Ademais, os nacionalistas levan perdendo un significativo número de votos en cada elección dende 2005 que non parece rematar nunca. Iso debería ser unha chamada de atención aos seus distintos dirixentes, máxime cando os comicios autonómicos están á volta da esquina e nos que tradicionalmente o Bloque sempre acadou os seus mellores resultados.

Tamén é significativo que dende a época de Xosé Manuel Beiras, o BNG non fose quen de ampliar o seu espectro sociolóxico, anquilosándose no que lle foi fiel ao seu anterior líder. Baixo o seu liderado, os nacionalistas tiveran tres deputados no Congreso en 2000. Mentres, o seu chan nunhas autonómicas fora de 13 parlamentarios en 1993, coa diferenza que daquela a organización estaba en crecemento, mentres agora parece estar en retroceso.

Son moitas as cuestións que deben de facerse dende a dirección do BNG, pero entendemos que é prioritario preguntarse o porque a súa mensaxe non acaba de callar noutros ámbitos aos que os estendera Beiras. Así, os nacionalistas seguen pendentes de achegarse ao electorado rural do interior, onde podía buscar un potencial electorado que agora lle está a dar as costas. Pero para intentar achegarse a ese sector, é preciso unha profunda renovación, non só de facianas, senón tamén de discurso. Do contrario, os nacionalistas corren o perigo de morrer de pena, e non de éxito como quería Beiras.

5 de dec. de 2011

Crise e adiantos electorais

Fermín Bouza.-

Os anos 2012 e 2013 poderían ser dunha dureza tal, cunhas autonomías recortadas e perdendo emprego, que o PP pensa xa en adiantar eleccións para parar o golpe electoral que lle podería vir encima en Galicia (e no País Vasco).

En Galicia, con todo, o PSdG e o BNG non están no seu mellor momento (precisan cambios para recolocarense no mercado electoral con posibilidades: as novas clases medias, decisivas, agardan as súas mensaxes), ao contrario da actual oposición na autonomía vasca, e terán complicado, pero non imposible, superar a un Feijóo que, aínda que empeorou até o límite os déficits galegos, tamén aprendeu definitivamente a trampear e a gañar eleccións.

As autonómicas andaluzas serán, parece, o 25 de marzo, e darán a pauta sobre o principio ou non da caída do PP mentres o paro segue medrando e a xente comeza a pensar desde outras perspectivas.

Aínda que marzo se cadra é aínda cedo para eses cambios de paradigma electoral. Se o PSOE consegue salvar a autonomía andaluza, o PP comezaría a súa conta atrás.

No caso galego un BNG menos dividido e máis unido en torno a perspectivas máis actualizadas da política (ese discurso arqueolóxico e pseudo-esquerdista que algúns voceiros manteñen é nefasto e nada crible) podería volver ser algo relevante e a sumar voto. O PSdG necesita cambios na súa relación con Galicia, pois segue paseando unha imaxe excesivamente central e dependente que acaba decantando o seu voto cara ao PP en igualdade de condicións nese tema. Imos seguíndoo.