Patria e Castelao

Patria e Castelao (sen medallas nin escapularios)

David Otero.-

A cousa vai de clara. Queren rompernos o presente e roubarnos o futuro. Nin máis nin menos.Vaites, vaites, diría Daniel de Rianxo.De todas as maneiras quédannos folgos de enerxía nacional para facer un paro e botar man da Patria e de Daniel de Rianxo nestes tempos de mes patrio a pouco de celebramos o ALBA DE GLORIA aló por terras do Pico Sagro ( que será o 21 do que corre).Queren malvendernos aos tratantes , aos que sempre gañan, sexa en épocas de ben como de estafas ou maldades e así facelo, mesmo roubándonos, en activa e en pasiva. A dous carrillos.Redúcense os salarios, aumentan os impostos indirectos e aos máis ricos sálvanse, coma sempre, da queima. Todo legal e legalizado ( parece).E daquela aínda que o asunto fira, que doa, que nos luxe…que…? Cal conciencias irán collendo corpo? Seguiremos metidos na anestesia intencionada? A que máis haberá que agardar…?

Na novela de Aingeru Epaltza ( Rock´n´roll) dise: “ Dignidade. Que palabra grande. A dos heroes.A dos que perecen ou se afunden , resisten, no seu lugar sen ceder un palmo de terreo. A dos mortos fermosos. A que argumenta, empuña, quen nos indica , ordea, que nos chimpemos pola ventá.” Esta última é a que se nos pide e sen rechistar. Non haberá outra opción…? Seguiremos a poñernos ao pé do desastre…?

Daniel Castelao, dicirche que sen medallas e sen escapularios, sen que faga falla que esteamos a piques da celebración do día da Patria, queremos que saibas que os momentos son duros, e repetímoscho, que nos queren romper o presente e roubarnos o futuro e por iso, ao noso ver, é importante ( mesmo necesaria e obrigada), e de suponer que estarás de acordo, toda a solidariedade das galegas e dos galegos, toda a decisión, para mantermos rexos, inamobibles, os piares conquistados e tan traballados de xustiza, de convivencia, de liberdade. Queremos sentilos a seguridades de vidas neste chan de pobo, o do galego, a non moito, penso, de se dicir comprensivamente determinado. Que coño Daniel, que a nosa terra é ben aquelada e que temos onde compartir e onde comer pan ( e se o facemos como se debe…con menos bágoas, coño).Pensemos daquela en que soberanía nos queda? Cal temos? Non lles deixemos que nos ocupen os camiños e moito menos que nos saian ao encontro para sacarnos o moito do pouco que con tanto facer acadamos e por riba que nos digan que todo é polo noso ben.

Mira Daniel, e non che falo de medallas, nin de escapularios, ti repara en como a cousa se nota en como se dá ao medre. O dos ricos coa súa riqueza e o dos pobres coa súa ( nosa) pobreza. Míraos ti como xestionan o común. Velos aí están , mirando como queren e a quen queren, lexislando contra nós. Que ben sabemos que hai , debemos, botar unha mal diante do mal, si señor, si…para darlle ao asunto mellor rumbo, que si señor. Pero as aportacións e obrigas, os esforzos, non poden ser os mesmos para uns ( nós) que para os outros.Iso non o queren os pillos da ponte de mando e bótanlle a culpa á tripulación que dá remo sen parar e tira sen límite. Isto anda así e vai así, Daniel, neste solar estatal de pandeiretas, charangas, eurocopas e rescates de bancos ( que menudo cabo lles van botar desde proa meu amigho). E claro…de facer contas e de tomar pulsos para ter sabencia e constancias de cómo se chegou a isto, Daniel, dígoche que diso nada meu amighiño. De botar contas…nada.Nada de facer exame do que pasou e cales as causas. Haberá responsables… ou? Será agora a hora dos de abaixo…? A lóxica deles non vai na boa dirección e póñennos dos nervios.

Contan que se ao presidente do estado español o castigasen cun minuto de cárcere por cada mentira que di, seica xa andaría por dúas cadeas perpétuas (e así outras e outros, que son bo número).
Que che parece Daniel…? Vai A Rianxeira…? ( e que “ tamos fartos”!)

DAVID OTERO é mestre e escritor.

30 de xul. de 2012

Premio Modesto Figueiredo 2012

Redacción.-

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Cerdedo organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo ( e tamén neste ano en especial á memoria e homenaxe de DON ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ, natural de Tomonde,Cerdedo, fundador da Fundación do Padroado Pedrón de Ouro).

Poderán participar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, con
unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas
mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a
temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado
sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 2 de novembro de 2012 a algún destes enderezos: FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO, Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela; ou ben, CONCELLO DE CERDEDO, Praza do Concello,nº1, 36130 CERDEDO-Pontevedra.

Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno.No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de
publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

A obra gañadora será premiada con 1000€. Porén, se o Xurado considera de
calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un. Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non conten con premio económico). En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores e autoras.

O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria
designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALCIA )e do Concello de Cerdedo. Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, secretario/a e moderador/a (estes dous últimos con voz pero sen voto). Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a
coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto
organizado polo Concello de Cerdedo ( Pontevedra) na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.


A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R.Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con
capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as bases deste Certame.

Desunión

Iago Castro.-

Mañá, 25 de xullo, o nacionalismo galego escenificará unha vez máis nas rúas de Compostela unha preocupante falta de unidade, de proxecto común e, o que é máis grave, de visión estratéxica.

Se algo quedou claro en épocas recentes é que unha opción nacionalista e moderadamente de esquerdas ten un importante respaldo social en Galiza, condicionado a unha certa percepción de solidez no proxecto.

Pero agora está aberto un proceso que presenta dimensións inquietantes. A fragmentación deste espazo político pode levar, nunhas eleccións que xa se cheiran, á menor presenza nacionalista da historia no Parlamento. A barreira do 5 % dos votos para acceder á asamblea, e a para nada descartábel redución do número de deputados que consolidaría ao PP nunca clara operación de gerrymaderismo, poden conducir ao nacionalismo galego a unha debacle sen precedentes.

Nestas circunstancias, sería lóxico pedir que se faga unha reflexión serea desde as tres organizacións (BNG, Anova e Compromiso) para non botar polo bordo o capital político de varias xeracións por simples dogmatismo ou protagonismos persoais.

24 de xul. de 2012

Concentración contra os recortes

Redacción.-

Arredor de cento e medio de persoas concentráronse onte diante da Casa da Cultura vilalbesa, en protesta polas medidas de axuste económico e social anunciadas polo goberno a semana pasada, e no marco das importantes mobilizacións rexistradas en todo o Estado.

A concentración, convocada a través das redes sociais e de mensaxes telefónicas, non contou con presenza de organizacións políticas ou sindicais.

Os concentrados leron un manifesto no que pediron que a crise a paguen "os verdadeiros responsables", e mostráronse en contra de medidas como a suba do IVE, a eliminación da paga extra dos funcionarios, a redución da prestación por desemprego ou a privatización de servizos públicos.

Os participantes manifestáronse a favor de seguir protestando en datas futuras contra o que consideran un "golpe neoliberal".

20 de xul. de 2012

Galicia Canibal, de xira

Redacción.-

O musical "Galicia Caníbal" sobre a "movida" galega dos anos 80, creado a partir da idea orixinal de Antón Reixa de trasladar ao xénero do musical o fenómeno coñecido como "movida" galega da década dos 80, tivo xa a súa primeira representación de Galicia Caníbal diante do público, en Vigo, desde o pasado día 11 até o o día 15. Nestes días iniciará unha xira galega de verán que se desenvolverá por Santiago de Compostela (do 18 ao 21 de xullo), Vilagarcía de Arousa (do 2 ao 5 de agosto) e A Coruña (do 9 ao 12 de agosto) antes de poñer rumbo cara a Madrid para unha estadía de dous meses. De volta a Galicia a partir de novembro, Galicia Caníbal. O musical ten previsto visitar tamén Monforte, Pontevedra e Ourense, para viaxar despois a outras cidades como Barcelona, Zaragoza, Bilbao e Santander.


Gran formato

Galicia Caníbal. O musical é unha produción de gran formato, con dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Pablo Novoa. Sobre un texto escrito por Fran Peleteiro e Antela Cid e baixo o lema "Non hai que ser dos 80 para vivir os 80", o espectáculo incorpora éxitos de grupos como Siniestro Total, Os Resentidos, Golpes Bajos ou Aerolíneas Federales para compoñer unha trama interxeracional: Ana, unha adolescente que –cos seus país e o seu irmán– vive un momento de crise persoal; a partir dun acontecemento extraordinario, a rapaza descubre a música dos oitenta e, con ela, a súa salvación e a da súa familia…

Os 10 integrantes do elenco (Ana San Martín, Sergio Zearreta, Víctor Mosqueira, María Costas, Teté Delgado, Juanillo Esteban, Rosalía Castro, Iolanda Muíños, José Carlos Illanes e Iván Marcos) actúan, cantan e bailan en oito decorados diferentes durante as máis de dúas horas que dura o espectáculo.

Xunto con eles, o público percorrerá unha época mítica que catapultou a toda unha xeración de músicos galegos a través de hits como Bailaré sobre tu tumba de Siniestro Total; Sitio distinto, Sector naval e Galicia Caníbal dos Resentidos, Malos tiempos para la lírica e Fiesta de los maniquíes de Golpes Bajos, ou No me beses en los labios e Soy una punk de Aerolíneas Federales, entre moitos outros.

17 de xul. de 2012

O escenario electoral galego

Fermín Bouza.-

As eleccións autonómicas galegas, aínda non convocadas, irán precedidas dunhas primarias no PSdG para as que se fala de tres posibles candidatos: o propio e actual secretario, Pachi Vázquez, o ex ministro Caamaño e José Blanco. Xosé Luís Barreiro dedica unha columna  a isto, e Pachi Vázquez quéixase destas noticias coa que está a caer.

A situación demoscópica en Galicia non é satisfactoria para o PSdG nin para os progresistas en xeral, e a día de hoxe é probable que volvese gañar Feijóo, aínda que estas cousas, neste momento, están a mudar da noite para a mañá. É difícil saber o tirón de Blanco a día de hoxe, en circunstancias tan raras como as que debuxa esta terrible crise, pero sen dúbida ampliará o campo de voto da esquerda. Iso é o máis probable, pero tampouco pode considerarse unha certeza absoluta.

Tamén podería ser probable que o grupo nacionalista de Beiras obteña algún/s deputado/s, pero para ser un aporte real á contabilidade progresista terían que ser deputados de nichos novos, non dos nichos do BNG, o cal deixaría as cousas como están.

Feijóo, que ten as peores cifras da historia, móvese, con todo, con certa habilidade discursiva e promete o ouro e o mouro mentres recolle louvanzas de Xénova e é proxectado cara arriba pola prensa afín de Madrid. Xoga ben as súas bazas e non é fácil batelo. Tampouco imposible, nin moito menos.

Fronte a el, un PSdG aínda dividido e un BNG moi conservador na súa oferta de esquerda histórica que está a pedir a berros creatividade e ambición política. Máis aló, os novos grupos nacionalistas que, unidos e cunha retórica modernizada e atractiva, puidesen obter algún/s escano/s importante/s. O escenario debe aproximarse a este que conto, que é aínda un escenario moi provisional, moi inicial.

A saber o que nos agarda ata que Feijóo convoque. Está todo aberto.

16 de xul. de 2012

Agustín, coherencia e compromiso

Moncho Paz.- Podemos dicir que a literatura infantil e xuvenil consolidouse en Galicia nos últimos quince anos, tanto no eido da creación como no editorial, “pero aínda faltan canles para chegar aos nosos potenciais destinatarios”, en opinión de Agustín Fernández Paz, un dos autores galegos máis laureados e traducidos.

Escritor fundamental para as nosas letras desde que colleu a pluma por vez primeira a finais dos oitenta, Agustín está permanentemente interesado en abrir fronteiras. Non en balde, conta con múltiples recoñecementos internacionais. O máis recente en 2011, co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil; e no que se refire a Galicia, a pasada primavera recibía o último deles: o galardón da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) pola súa obra “Non hai noite tan longa”, editada por Xerais.

Agustín autodefínese como lector antes que escritor. Se hai unha palabra que caracteriza á súa traxectoria, esa é “coherencia”. Co seu pensamento e co seu tempo, o que lle levou a rexeitar o Premio Cultura Galega en 2010, que lle concedía a Xunta de Galicia na modalidade de “Literatura”. Por compromiso co noso idioma -en calidade de autor de numerosos artigos sobre normalización lingüística- e tamén en consonancia co manifesto da Plataforma ProLingua, que precisamente lle tributou hai poucos días unha calorosa homenaxe en Vigo, a súa cidade adoptiva.

Nado en Vilalba en 1947, a súa dedicación á literatura xurdiu tras unha infancia arrodeado de libros de aventuras, sempre motivado polo seu pai “que antes de deixarnos ler os contos, primeiro nos falaba deles, de tal xeito que nós agardabamos a súa lectura como quen agarda un acontecemento”, lembra con frecuencia. Na súa obra atopamos unha mistura de realismo e fantasía como denominador común, pois considera que o concepto que temos da realidade é moi estreito e cecáis a literatura é o camiño ideal para trascendelo: “en ocasións descobres que a realidade é máis fantástica que a propia fantasía”, apuntaba Fernández Paz hai anos nunha longa conversa que mantivemos na casa familiar da Terra Cha.

Unha literatura infantil axeitada debe ser creativa, divertida e, ao mesmo tempo,  propoñer unha visión do mundo. Esa é a verdadeira intención de Agustín, chairego universal que leva á practica o principio clásico de Horacio: “prodesse et delectare”, ou sexa, o carácter bivalente que debe ter unha obra literaria para entreter e, á vez, ensinar.

Asamblea de Vilalba Fútbol Sala

Redacción.-

O vindeiro 19 de Xullo de 2012 no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Vilalba, celebrarase a Asemblea Xeral Ordinaria do Vilalba F.S. A primeira convocatoria será as 20:00 e a a segunda as 20:30, coa seguinte Orde do Día:

- Lectura e si procede aprobación da acta da sesión anterior.
- Informe da xestión realizada na tempada 2011/2012.
- Estado de contas. Situación económica.
- Rogos e preguntas.

A continuación terá lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria coa seguinte Orde do Día:

- Presentación de candidaturas para a elección de Directiva.
- Votación das candidaturas presentadas.

As candidaturas poderán presentarse ese día, no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Vilalba, dende as 20:00 horas ata o comezo da Asemblea Xeral Extraordinaria.

Tamén o clube comeza unha campaña de captación de socios co lema "AXÚDANOS A COMPETIR".
O prezo de cada carné serán 15 euros ( o mesmo que na anterior tempada ), e poderanse dar de alta na Cervexería 31 do DEZ, na Cafetería A Pravia, no email vilalbafs@gmail.com, ou contactando coa directiva.
O clube agradece tanto a particulares como as empresas que fan o esforzo para axudar ao equipo.

ESIRC

Mario Paz González.-

En A frecha do tempo (1991) Martin Amis conta a historia dun home que vai adoptando ao longo da súa vida diferentes personalidades: Tod T. Friendly, John Young, Hamilton de Souza ou Odilo Unverdorben. Pero o verdadeiramente rechamante desta novela é que o autor relata o periplo dese personaxe ao revés, é dicir, comezando polo final, polo momento da súa morte, e rematando no comezo, no intre no que está a piques de esvaecerse no ventre da súa nai. A todo iso asiste perplexa –do mesmo xeito que os lectores– unha voz narradora, coma se fose a confusa conciencia do protagonista. Ou, mellor aínda, coma se fose a súa alma –así chega a insinuarse nalgún momento da narración. Ese mundo que funciona do revés, que vai de diante cara atrás, onde os diálogos comezan tamén polo final, pola despedida, e as persoas van recuperando, aos poucos, a vitalidade e a inocencia da mocidade, é un mundo no que case todos os obxectos xorden do lixo, pero van mellorando a medida que transcorren os anos ata que un pode desfacerse deles obtendo un diñeiro en troques. É un mundo no que son os proxenetas os que pagan ás prostitutas e estas a os seus clientes. É un mundo onde os médicos, aínda que ás veces traian ás persoas á vida, polo xeral encárganse de enfermalas e non de curalas. Ao converter as consecuencias en causas, e viceversa, Martin Amis consegue que todo, absolutamente todo, chegue a tal nivel de absurdo que, nun momento dado da novela, os doutores nazis resultan ser uns bos samaritanos que, non só devolven a vida aos xudeus en enormes cámaras onde lles extraen o mortífero gas Zyklon B, senón que tamén colócanlles implantes dentais de ouro macizo e envíanos en longos trens a diferentes puntos de Europa para que se instalen, vaian gañando progresivamente dereitos e leven unha vida cada vez mellor e máis digna.

Non puiden evitar lembrar esta obra do xenial autor británico agora, ao ler estes días na prensa algunhas das medidas que o Goberno vai adoptar tomando como escusa a crise. Fálase de novos recortes en sanidade e educación, subidas do IVE, aumento da idade de xubilación, baixada das prestacións aos desempregados, supresión de pagas extra, especulación sobre o futuro das pensións… Por un intre tiven unha sensación estraña. Sentín coma se, do mesmo xeito que na novela de Martin Amis, estivésemos a ir cara atrás no tempo, coma se ao final de todo isto estivesen a agardarnos outros períodos da Historia aos que sería mellor non regresar.

Se de ir cara atrás vai a cousa, coido que deberiamos facer, precisamente, o mesmo que propón a novela citada e converter a CRISE nunha ESIRC, é dicir, nunha crise do revés, intercambiando as causas e as consecuencias. Creariamos así un mundo no que as grandes entidades financeiras entregarían centos de milleiros de millóns aos gobernos e á Unión Europea para que garantisen a estabilidade política e económica de todo o continente. Sería un mundo no que os cidadáns gañariamos, aos poucos, novas conquistas sociais. Un mundo no que os bancos e os funcionarios xudiciais, escoltados pola policía, entregarían vivendas a familias desafiuzadas e con todos, ou boa parte, dos seus membros en paro. Un mundo no que esas mesmas familias recibirían deses mesmos bancos, unha cota mensual o suficientemente alta para que, chegado certo momento, puidesen devolver todos os cartos xuntos quedando eles, as familias, cos intereses. Nese mundo as grandes construtoras desmontarían urbanizacións enteiras que fican deshabitadas e cuxa desaparición permitiríanos acadar un crecemento máis lento ou, se cadra, máis acorde coa Natureza. Agora ben, detería esta marcha cara atrás, conxelando de xeito indefinido a frecha do tempo, exactamente en xaneiro de 2001, cando entrou en vigor a moeda única e Europa era para todos un feliz e próspero soño que por fin se fixera realidade.

13 de xul. de 2012

Galiza Sempre renova a súa web

Redacción.-

A Fundación Galiza Sempre (FGS) renova completamente o seu sitio web www.galizasempre.org para potenciar a súa presenza nas redes sociais e mellorar a súa capacidade de comunicación. A nova páxina mantén o blog de novas e informacións sobre actividades e incorpora en diferentes seccións toda a traxectoria e programas realizados pola fundación nacionalista. Así, terase acceso ao seu fondo documental e de publicacións e aos principais contidos desenvolvidos en materia de recuperación e divulgación da memoria histórica. Neste ámbito, ábrese por vez primeira unha canle directa de comunicación co programa de arquivo co que a FGS traballa na catalogación e organización de fondos documentais do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Na web dáse acceso a programas de radio e audiovisuais divulgativos sobre a traxectoria do nacionalismo e a máis de trinta publicacións descargabeis e compartíbeis nas redes sociais: os dereitos de Galiza e doutras nacións sen estado, o feminismo, a crítica do neoliberalismo e a defensa da participación cidadá son só algúns dos asuntos tratados.

A web incorpora tamén unha sección para recomendar lecturas e documentos así como enlaces aos espazos de FGS en flickr, twitter (@galizasempre), vimeo e facebook (http://www.facebook.com/galizasempre).

Bágoa Vermella


Fuco Paz Souto.-

Estes son dous comentarios que escoitei esta mesma semana: O primeiro en boca dunha muller anciá (superaba os oitenta), o segundo era dun home que xa cumprira os cincuenta.E onte, tamén, escoitei ao presidente do goberno insultando a máis da metade de seres humanos que formamos parte deste Estado que chaman España.
"Vamos a bajar la prestación a los parados. Es una medida para incentivar la búsqueda de trabajo" Que miserable! Que soberbia! Que falta de respecto!
Para os tres (dous deles, anónimos personaxes pero que representan un bo número de "españolitos" enleados, unhas veces de forma cándida e outras a conciencia; e mais para o goberno, vai dedicado este breve poema que remata cun aceno a Celso Emilio Ferreiro.
Primeiro, os comentarios:
-Fíjate tú, esos mineros haciendo ruído por la noche sin dejar dormir a los que viven en la Puerta del Sol.
- A eses mineiros, metíaos eu a todos no cárcere.
O breve poema:

Bágoa Vermella
........................
Sodes fillos e netos do sangue,
Sodes herdeiros dos autos de fe…
Sodes os xinetes do Apocalipse…
Sodes a ruindade das bestas máis bestas
Sodes a soberbia
Estades baleiros de corazón, o poder fagocita as vosas mentes
A vosa incapacidade conduce ao pobo ás entrañas do averno
E mentres…
Eu morrendo nesta Longa noite de Pedra.

Revista avozdevilalba.com de xuño


Redacción.-

Xa está a dispor dos lectores, para a descarga directa, o exemplar en pdf do novo número da revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de xuño. Para iniciar a descarga, poden picar na imaxe ou ben entrar na nosa Hemeroteca.

10 de xul. de 2012

Póñame unha fecha de viño, xefe!

Xurxo Martínez González.-

Dentro da anormalidade cotiá en que vive Galiza, é frecuente atoparmos exemplos en que o cliente fala galego e o vendedor contesta en castelán. Un erro comercial pois o “cliente sempre ten a razón”, tamén lingüística. Acontece o mesmo cando acudimos a algún organismo público e o funcionario parece non comprender, se cadra esqueceu, o dereito que temos a que nos falen no idioma propio desta terra.
Nestes casos, as persoas que temos conciencia coa lingua galega rogamos que nos falen en galego. Facemos ben porque cómpre lembrar que existimos, non somos reliquias dunha reserva para turistas ou investigadores nunha tese sobre culturas en perigo de extinción.
Porén temos o pernicioso costume de non sermos igualmente consciente á hora de consumir en galego. Porque é posíbel beber e xantar en galego. Basta con reparar no idioma do etiquetado do produto.
Hai iniciativas que abren furados de luz para o galego. Menores e pouco difundidas, pero existentes. Iniciativas que abrollan dun traballo antergo, dos que van devagar colocando as baldosas para asegurar o camiño fronte a outras que con tanto flash e “photocall” acaban sendo rodapés nun traballo universitario anos despois.
Sexamos exactos: hai quen traballan calados para tecer un país en galego en diferentes niveis e extractos fronte os que traballan con grandes proclamas, vistosas imaxes e fastosas galerías que son admiración dun día para de súpeto expirar. O importante, na miña opinión, é que calquera acto, proposta ou declaración que se faga teña unha repercusión no futuro e non quede nun sinxelo brinde ao sol por moitos aplausos que reciba nunha hora.
Galiza é unha terra viva en viños dende os tempos de María Castaña. Son moi recoñecidos alén fronteiras. Son merecentes de premios e galardóns internacionais. Dende as pequenas ás grandes adegas. Dan futuro á vida rural. É un sector económico relevante. E agora resulta que tamén etiquetan en galego (arredor do 75% da produción) e xuntáronse para conformar a Irmandade Galega de Adegueiros.
Neste vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, fagamos un uso consciente no consumo de produtos galegos e en galego. E cando ao mediodía vaiamos tomar un viño cos camaradas, amigos ou familiares, pidamos unha botella etiquetada en galego. E se imos organizar un xantar fraternal nun restaurante ou no monte, solicitemos viños etiquetados en galego. Exerzamos de galegos e galegas no consumo porque logo de nada vale laiarnos que o idioma desta terra esmorece.
Pidamos un ribeiro, un mencía, albariño ou garnacha tintorera que falen galego. Para os que non teñan referencias das adegas consulten este catálogo do 2008: http://www.galeguizargalicia.com/archivos_editor/file/A%20Fala%20dos%20Vi%C3%B1os%202008www.pdf.
Se cadra algún día conseguimos un anaco de normalidade cando nos poñan un viño galego e en galego cando berremos: “póñame unha fecha de viño, xefe!”.

Dixitalización dos fondos da Fundación Granell


Redacción.-

Os fondos da Fundación Eugenio Granell catalogaranse e dixitalizaranse para poder ser consultados na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad e a directora da Fundación Eugenio Granell, Natalia Fernández Segarra, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a recuperación, conservación e difusión do fondo bibliográfico e artístico do pintor galego.

Os legado do pintor surrealista é un tesouro bibliográfico, documental e artístico fundamental para a conservación e a difusión da cultura galega. Este convenio entre a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Fundación Eugenio Granell para a dixitalización dos fondos permitirá que este patrimonio sexa accesible e poda ser estudado por calquera cidadán a través de Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia.

Deste xeito, aproximadamente, dixitalizaranse un total de 3.602 rexistros e 1.380 imaxes. Entre estes fondos inclúense a catalogación analítica e dixitalización, para a súa conservación, de artigos de prensa escritos por Eugenio Granell entre os anos 1940 e 1994. A maioría destes artigos publicáronse en xornais como La Nación de Santo Domingo (República Dominicana), España Libre (Nova York) e Diario 16. Aproximadamente son 580 artigos e 580 imaxes.

Doutra banda, o convenio de colaboración tamén inclúe a catalogación e dixitalización, para conservación dos orixinais, da correspondencia enviada e recibida por Eugenio Granell con personalidades como Miguel Abalo, Juan Andrade, Víctor Alba, Mauricio Amster, Jordi Arquer i Saltor, Pedro Bonet, Jose Capdevila, Francisco del Cabo, Costa-Amic, Forgás, Andres Garcia de la Riva, Julian Gorkin, Ignacio Iglesias, Agustín Lafuente, Mary Low Machado, Joaquín Maurin y Jeanne, Lino Moulines, Narcis Molins i Fabrega, Jordi Planes, Victor Serge e Wilebaldo Solano entre outros. Dixitalizaranse aproximadamente arredor de 400 cartas e 800 imaxes dun total de 22 rexistros.

Asemade, esta previsto catalogar unha parte da biblioteca persoal de Eugenio Granell, concretamente a de temática surrealista e política, onde se inclúen un total de 3.000 rexistros.

7 de xul. de 2012

Benvido á casa

Fermín Bouza.-

O Códice Calixtino apareceu e con el un marabilloso libro de relatos e unha incomparable guía non xa do Camiño de Santiago senón da mesma Idade Media.  Un tesouro da Humanidade que necesitaba e necesita un coidado e garda desa orde. Non o tivo. Se cadra agora terao.

O Camiño de Santiago foi a gran ruta europea durante moitos séculos, e hoxe recomienza a selo desde hai anos. Ruta económica e política, pero sobre todo ruta iniciática para un cristianismo que substituía definitivamente a crenzas relixiosas anteriores en toda a ruta do Camiño, ese Camiño que foi unha ruta de aprendizaxe relixiosa, ao modo dunha clase con prácticas engadidas, e vai ser a columna vertebral do continente, a marca dunha federación nunca conseguida e sempre evocada. Probablemente o Camiño é tamén a ruta ao fin  da terra, a Fisterra (galego) ou Finisterre (castelán).

Benvido a casa de novo o Codex que nolo conta todo. Foi un gran día para os galegos e os composteláns en particular. Un gran día, pero peculiar, como conta este ocurrente lector do dixital Público ao pé da noticia do Codex (sic, asínao Bunkerman): Sáenme as noticias mesturadas: Atopado o Bosón Calixtino nun garaxe. Varios científicos acurraláronlle cun CERN: "Estaba nunha bolsa de lixo e no medio duns ladrillos, por iso era tan difícil de detectar". O Códice de Higgins existe porque o dixo un electricista da Catedral de Santiago á Policía no seus aniversario: "Agardo que me dean o Nobel e que esa partícula de Deus quede nesta Catedral para coidala e protexela, pero iso si, CON CONTRATO". O Deán xa declaraba hai meses: "Non creo que se haxa ir moi lonxe porque non acostuma escaparse así, sen avisar". Segue sen aparecer o diñeiro negro que busca o Estado Español; agora gratificarase a quen o devolva san e salvo.

Parabens ás forzas de seguridade que o investigaron.

5 de xul. de 2012

Oración por Bernardo

Xulio Xiz.-

Señor:

Eramos centos os que queríamos a Bernardo e eramos queridos por el. Temos esa seguridade, porque Bernardo era un home que daba seguridade aos que estaban ao seu carón, contaxiaba humanidade, desprendía humildade. E paz.

Por iso, Señor, temos que darche gracias porque nos deches a Bernardo, e el déusenos a todos nós, que a súa era unha entrega permanente, duradeira, constante.

Gracias, Señor, porque cando unha persoa como Bernardo chega a ser o noso amigo, quedamos marcados para sempre, beneficiados para sempre, influidos polos seus xeitos, contaxiados do seu señorío, afectados  polo seu benéfico influxo.

Bernardo foi un pacifista loitador, contra corrente, na defensa dos seus principios, das súas ideas, das súas crenzas. Moitas veces esas batallas eran contra forzas superiores pero sempre saiu vencedor porque a súa constancia, o seu tesón, facía del un resistente activo que resiste e gaña.

Só esta última batalla parece perdida, agora, pouco despois da despedida. Pero eso, únicamente, se atendemos ao aspecto físico da batalla e dos contendentes.

Puido o corpo físico de Bernardo perder este combate contra un enemigo traidor, cruel e despiadado. Pero unha batalla non importa, se se gaña a guerra. E a loita final tiña que gañala Bernardo, e del é o triunfo.

Todos agora somos testemuña da súa victoria. Porque non o teríamos presente se el fose un derrotado. Témolo presente para acreditar que, como Díaz Castro, chegou Bernardo “cos ollos abertos ao mencer” nesta loita final. E os ollos de Bernardo, con aquela miga de sorpresa, de ledicia, de curiosidade, de picardía, son as chaves para comprender a súa vida nova que agora comezou.

¡Felicidades Bernardo!, pola nova vida grande. A que todos desexamos. A que ti conseguiches despois de loitar toda a vida por un mundo –unha vida- mellor.

4 de xul. de 2012