De tapas

Xulio Xiz.-

Aínda que me enterei en tempo e forma da competición de tapas que en Vilalba se celebrou como preludio da “Feira do Queixo de San Simón”, sinto que ocupacións diversas non me permitiron acudir e probar – picotear- en varios lugares xa non para saber cal tapa é a mellor, senón só para disfrutar das tapas vilalbesas.

Temos a sorte de vivir nunha terra onde as tapas son como unha relixión, agasallo dos hosteleiros para os seus clientes, e dedicación exquisita de cociñeiras e cociñeiros. Que outros lugares hai, aínda que non merecen que aquí se fale deles, onde as tapas son produto comercial que hai que mercar aparte, se un quere acompañar calquera bebida con algo sólido e sustancial. Eu teño chegado a deixar a consumición sen beber ou a medio consumir no caso de que non se me facilitase unha tapa, tal é a necesidade que teño dese acompañamento, e como afortunadamente vivo de xeito habitual en Lugo poido disfrutar de auténticas excelencias.

Hai anos, con cada consumición – viño, vermouth, cervexa, mosto- ofrecían uns cacahuetes, aceitunas ou pequenos anacos de salchichón ou queixo. Pero os tempos cambiaron de tal maneira, evolucionaron as tapas, que ninguén quere acordarse de cando a situación era moito máis miserenta.

Ós bares que adoito ir, e teño que recoñecer que o máis importante criterio de selección son as tapas- ofrecen primeiro unha tapa fría, de bandexa, para logo pasar aviso á cociña do que queremos de tapa quente. E eso complétase cunhas pataquiñas fritidas, cacahuetes, pipas ou o que se tercie para que a transición entre o consumo da tapa e a toma do resto da bebida non sexa demasiado dura.

Esta revolución “tapeira” ocorreu primeiro no centro da capital lucense, que a competencia é moi dura e os hosteleiros entenderon que había que facer un esforzo, e máis nestes tempos de crise, para atención, consecución e conservación dunha clientela “flotante”. Pero do centro logo trasladouse ós barrios. E nesto destacan en primeiro lugar na Milagrosa, o segundo centro lucense, onde hai unha ampla variedade onde escoller; en Montero Ríos, preto da Estación, ou no Lugo novo da Universidade, onde o transterrado Monterrei que do centro se foi a Alfonso X segue reinando nos ambientes hosteleiros.

Que das miñas palabras non se desprenda que son admirador cuantitativo de bares, que cando saio con dous vasos de Mencía vou axeitadamente contento, e coas tapas que os acompañan perfectamente satisfeito. A miña percepción, eso quero crer, é perfectamente cualitativa e a verdade é que disfruto indo de tapas (aquí, eufemísticamente, chámaselle “ir de viños”) como neno con zapatos novos.

Por eso dóeme non ter ido de tapas a Vilalba, que trinta e un restaurantes e bares competindo a ver quen fai as mellores tapas é algo que un fiel cristiano non debe perder. E este aspecto da cristiandade eu téñoo moi arraigado.

31/03/2011

A novela de cada quen

Mario Paz González.-

Se foi Proust, coa súa abafadora fecundidade, quen nos ensinou que era posible converter a exploración da memoria en inxente materia novelesca até o punto de facer nebulosos os límites entre vida e obra, é coñecido que contaba, no que atinxe á literatura gala, con extraordinarios e ilustres precedentes. Xa Flaubert dixera un pouco antes aquilo de que Madame Bovary era el, pero tamén Montaigne tíñanos advertido, uns cantos séculos atrás, de que el, e só el, era o tema da súa obra, eses Ensaios que, como lembraba estes días Jorge Edwards na presentación do seu último libro (La muerte de Montaigne, Tusquets), “son novelas modernas” ou que, polo menos, poden lerse como tales. Con todo, entre todos eles, destaca François-René de Chateaubriand, quen consagrou case toda a primeira metade do século XIX a redactar as súas voluminosas Memorias de ultratumba.

Nelas o diplomático e escritor francés ofrece, con locuaz mestría e cunha inmediatez que mestura a experiencia vivida co devir histórico, algúns dos acontecementos máis memorables da súa época. A súa mocidade de soldado viaxeiro durante a fin do Antigo Réxime e a Revolución, a súa madurez no mundo literario do Imperio napoleónico e a súa senectude inmersa de cheo na política da Restauración son amosadas, non a través da mirada diseccionadora e fría do historiador ou dese engolamento afectado de calquer narrador decimonónico, senón a través dos ollos curiosos e ávidos dun ser humano, de alguén vivo que comparte as súas inquietudes, os seus medos ou as súas esperanzas, como pegadas de imaxes reais, co agradecido lector.

No prólogo de Jean-Claude Berchet á edición de El Acantilado (2004) relátansenos –con esa agudeza e lealdade incondicionais propias do experto– algúns dos avatares que sufriu o seu autor para publicalas. A intención inicial de Chateaubriand era que visen a luz cincuenta anos despois da súa morte, de aí o macabro título. Con todo, “que editor”, pregúntase Berchet, “aceptaría nunca unhas condicións semellantes?”. Finalmente, a fin de salvalas do esquecemento ou a destrución, a súa amiga madame Récamier daría solución ao problema orquestrando en 1834 unha serie de lecturas públicas ás que asistiron amigos, confidentes e críticos consagrados de xornais como a Revue de Paris. A partir de aí constituiríase dous anos despois, en 1836, unha sociedade que poderá administrar os dereitos de publicación tras a morte do seu infatigable autor e da que este vai recibir 136.000 francos á firma do contrato e unha renda anual vitalicia de 12.000 francos para poder completa a obra nos case dez anos seguintes. Non é difícil imaxinar, pois, a decepción que debeu sentir cando soubo que, en 1844, os devezos dos seus patrocinadores de obter un beneficio inmediato que parecía non chegar, malia un Chateaubriand septuaxenario e afectado de hemiplexía, provocaron que se truncase o propósito orixinal e que unha parte das Memorias... vise a luz de xeito fragmentario e desleal naquel mesmo ano.

As historias dos libros e das vicisitudes que os achegan ao lector, adoitan ser antolladizas. A súa presenza entre nós, se cadra, ás veces tamén. Se as Memorias…, ás que Chateaubriand consagrou a súa vida, tardaron finalmente case un século en publicarse nas condicións que el desexaba, pregúntome se o diplomático francés albergaría os mesmos sentimentos contraditorios que un sente, entre a simpatía e a frivolidade, ao saber que, hoxe día, unha editorial do seu país, Editions Comédia, ofrece a través da súa web (www.monroman.com) a posibilidade de que cada un de nós sexa protagonista da súa propia novela. É tan sinxelo como seguir unha serie de pasos –escoller o xénero, achegar algúns datos persoais sobre un mesmo, os nosos amigos e algunhas circunstancias…– et voilà, en poucos días temos xa o libro nas nosas mans.

30/03/2011

Especial Radio Clavi sobre Libia

Redacción.-

O pasado 27 de Marzo puidose escoitar un interesante programa-tertulia en Rádio Clavi (Lugo) sobre a intervención militar en Libia, os seus precedentes e as súas consecuencias... Para escoitalo e/ou descargalo só hai que picar no seguinte enlace:

29/03/2011

Stand de comercio xusto na Feira do Queixo

Redacción.-

Durante a Feira do Queixo de San Simón, os días 2 e 3 de Abril, o Foro Vilalbés de Debate e Cooperación “Martín A. Seco Cendán” levando a cabo o acordo de colaboración que ten coa ONG Solidariedade Internacional de Galicia, instalará un stand de comercio xusto no recinto de celebración da feira sito na Praza da Constitución, onde os vilalbeses poderán mercar productos de comercio xusto, é dicir, obtidos dunha actividade comercial baseada nunha relación directa e de respecto mutuo, na que os productores e consumidores obteñen a garnatía de producción basada no respecto ós dereitos humáns e no desenvolvemento autosostible.

Ademais aproveitamos para anunciar, que neste stand estarán a disposición daqueles vilalbeses que o desexen, os folletos explicativos da nosa asosciación onde figuran as actividades que desexamos realizar dende este novo Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, así como as fichas de afiliación a nosa organización, na que se pode participar cubrindo a inscripción e con só 20 euros de cuota anual, que se necesitan para manter un mínimo de gasto que supoñen as actividades a realizar.

Desexabamos ademais, agradecer á organización deste evento, tanto a Asociación de Queixeiros de San Simón como o Concello de Vilalba as facilidades que lle dan a esta organización para participar nesta feira, así como darlle a noraboa a Concelleira de feiras e mercados, Cheri Grandio, como a Asociación de Queixeiros, por unha celebración cada vez máis profesional e moito máis importante a tódolos niveis, da feira dun producto tan importante para a nosa terra como é o Queixo de San Simón que baixo o noso parecer é un dos mellores embaixadores que temos na nosa comarca.

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO

Inseguridade no rural galego

Antonio Cendán Fraga.-

Lonxe quedan xa os tempos nos que os habitantes das parroquias galegas deixaban a porta do poxigo abertas e nas que só se agardaba o berro de calquera veciño na procura dun favor ou simplemente de conversa. Era un mundo máis humano nos que se coñecían todos e ninguén desconfiaba do que puidera ocorrer. Era unha sociedade moi tranquila na que a palabra inseguridade era unha perfecta descoñecida. Pero eses tempos pasaron a mellor vida.

O rural galego, cada vez máis castigado, sofre agora tamén os avatares da denominada inseguridade cidadá. Pero non foi tan só o cambio de filosofía ou de estilos de vida o que propiciou a chegada deste fenómeno que se está a cebar cada vez máis coas nosas aldeas e vilas. A medida que este país evolucionou e o rural foi en decadencia tamén foi esquecido por todo tipo de autoridades, dándolle unicamente valor cada vez que se achega unha convocatoria electoral. Así, as bandas de raspiñeiros fixeron acto de presenza e viron un magnífico campo de cultivo nun basto territorio que, por se fose pouco, está maioritariamente poboado por xente maior, que, a súa vez é máis débil fisicamente por razóns que resultan obvias.

Non entanto, non son tan só a diminución de poboación e o seu elevado avellentamento os responsables dos roubos e o aumento do número de delitos no rural. Este aspecto vai tamén intimamente vinculado á deixadez que fixeron os distintos gobernos coas forzas de seguridade nas áreas rurais. Nunha gran parte das mesmas desmanteláronse os tradicionais cuarteis da garda civil, que eran os garantes de gran parte desa seguridade, unha circunstancia que agora está a provocar a chegada de bandas de delincuentes que ven o camiño despexado para preparar as súas actuacións do xeito máis impune.

Desgraciadamente o tranquilo mundo rural xa non é tal. Agora ata se ve ameazado pola inseguridade, algo ao que non se lle daría creto hai só 15 anos. Pero este grave problema non é culpa dos seus habitantes nin do seu illamento senón das autoridades que non están a facer nada por atallalo. É preciso para iso dotar os concellos máis rurais das oportunas medidas de seguranza, coa recuperacións dos antigos cuarteis e as patrullas da garda civil. Escoitaremos o arquifamoso argumento de que hai que aforrar, aínda que ninguén pensou niso cando se compraron suntuosos todoterreos para a Benemérita. E é que vivir seguro non é un privilexio senón un dereito semellante a educación ou a sanidade.

Ano da música

Redacción.-

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura o Ano da Música de Galicia que que se celebrará este ano 2011 promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de potenciar a creación musical e as industrias culturais galegas. O conselleiro subliñou que "este ano constitúe unha oportunidade única para poñer en valor ese tesouro e patrimonio de todos os galegos que é a nosa música". Roberto Varela destacou a "exhaustiva programación que abranguerá todas as manifestacións musicais" que ten preparado a Consellería de Cultura e Turismo para este ano 2011 e valorouna como "a máis completa posible". "Serán en total, máis de mil actos e seis millóns de euros de investimento", engadiu.

Perante estas cifras, o responsable da área de Cultura manifestou no seu relatorio o "claro apoio que a Xunta de Galicia lle brinda á industria musical, como sector estratéxico, nuns momentos difíciles" e situou o obxectivo da Xunta de Galicia no "recoñecemento unánime da importancia da música como sector estratéxico dentro das nosas industrias culturais". Segundo explicou Varela, "as celebracións do Ano da Música queren ser un acto de agradecemento e de xustiza cos nosos músicos".

O titular de Cultura vinculou no transcurso da súa intervención a tradición galega coa música asegurando que "é connatural a Galicia e aos galegos". Do mesmo xeito, Varela asegurou que "cada expresión da nosa cultura e da nosa vida está regada de música". En verbas do conselleiro, "o pobo galego ten unha inclinación e un talento musical innato que ten sido cultivado xeración tras xeración e que nos converte nunha auténtica potencia e nunha referencia internacional no eido da música". "Esa privilexiada posición non sería posible de non ser polo esforzo dos nosos músicos e da industria que os fornece", concretou.

O responsable da área de Cultura manifestou o seu agradecemento aos embaixadores de Galicia, Berrogüetto, Luar na Lubre, Mercedes Peón e Xoel López, que "representan unha parte importante do espírito da Declaración do Ano da Música". O conselleiro valorou o "inestimable traballo que fan os músicos galegos por espallar a nosa cultura por todo o mundo" e lembrou a "relevancia e a responsabilidade que entraña a súa tarefa como representantes de Galicia e da nosa música no mundo".

Protagonismo galego
Respecto ao elenco de artistas internacionais que pasarán por Galicia neste 2011 Ano da Música, o conselleiro destacou a "posta en escena da Ópera dos tres reás, os sons electrónicos e experimentais de Sónar Galicia, o virtuosismo da Statskapelle de Berlín con Daniel Barenboim á batuta ou o controvertido talento de Pete Doherty". Nembargante, en verbas do responsable de Cultura, "o meirande protagonismo será para os músicos galegos, para a totalidade dos creadores, dos afeccionados, dos profesionais e dos membros da industria musical de Galicia".

O conselleiro de Cultura e Turismo asegurou que no Ano da Música de Galicia, "a nosa Comunidade volverá a converterse nun grande escenario musical ao longo de todo o ano, grazas aos Concertos, os Festivais e os Ciclos" e destacou iniciativas como Sónar Galicia, Vigo Transforma, Via Stellae, Galicia Classics, Festival Sinsal, Galicia Importa ou Espazos Sonoros que "seguen a medrar e consolidarse".

Varela anunciou no transcurso da súa intervención que en 2011 desenvolveranse "iniciativas ambiciosas como o programa do Ciclo nos Concellos, no que investiremos un millón de euros en cen concertos de artistas e grupos galegos". Roberto Varela destacou asemade o ciclo Galicia ao vivo, que "aumenta a súa proposta e reúne a vinte dos festivais máis representativos da nosa terra" e anunciou que en 2011 crearanse os primeiros Premios da Música de Galicia como "unha nova canle de promoción e proxección da produción musical galega". Do mesmo xeito amosou o propósito da Xunta de Galicia de "impulsar aos artistas da nosa terra e que a mellor música chegue a todas e cada unha das comarcas da nosa xeografía" asegurando que neste ano "renovaremos e reforzaremos a nosa aposta pola música de base popular".

No acto de presentación celebrado no complexo do monte Gaiás, o conselleiro resaltou a importancia da Cidade da Cultura que "reunirá as expresións musicais máis vangardistas que establecerán un fermoso diálogo cunha das obras arquitectónicas máis relevantes do século XXI".

2011 Ano da Música de Galicia
A declaración de 2011 como Ano da Música por parte da Xunta de Galicia responde ao propósito de render unha homenaxe á nosa música e á nosa industria musical, e recoñecer o carácter estratéxico do sector dentro da cultura e da economía galega. O obxectivo último é poñer en valor a música de Galicia, e plasmar a importancia que ten para o desenvolvemento da cultura propia e o pulo que supón para as nosas industrias culturais.

Un aspecto central do Ano da Música é a súa aposta pola música de base e polas expresións de orixe popular, que están intimamente unidas á propia esencia cultural de Galicia. A música de base é o viveiro no que se forman os creadores e os profesionais da nosa terra e garante a saúde e a vitalidade do sector. Os colectivos non profesionais, a actividade asociativa no eido da música, e os centros de ensino musical de todos os niveis terán o seu debido recoñecemento dentro do Ano da Música de Galicia, como o tecido imprescindible no que hai que buscar a orixe da puxanza actual do noso sector musical.

O Ano da Música de Galicia fará partícipe á poboación dos concellos galegos das catro provincias dunha celebración continuada, cultural e lúdica, que materializará o encontro da música galega co seu público ao longo dun centenar de concertos por toda a nosa xeografía. Así, desenvolverase unha programación nova e específica entre os meses de xuño e setembro, que será deseñada de xeito que garanta tanto a promoción da variedade de estilos musicais que actualmente se dan cita en Galicia, como a descentralización territorial. A Axencia Galega das Industrias Culturais realizará unha convocatoria pública a todos os artistas e grupos galegos que estean interesados en participar na mesma. A Consellería de Cultura e Turismo dedicará un millón de euros a que a música chegue aos Concellos con esta iniciativa, nunha celebración na que están previstos un centenar de concertos.

Concertos, festivais e ciclos
2011 volverá traer un cargado calendario de concertos ás principais vilas de Galicia, que estarán repartidos polas catro provincias. As sorpresas, que serán numerosas, iranse desvelando pouco a pouco.

Galicia é terra de Festivais de música. Espallados por toda a nosa xeografía, permiten gozar dos mellores sons en vivo durante practicamente todos os meses do ano e concitan un crecente interese do público galego, español e internacional. Entre os festivais máis destacados de 2011 destaca o Sónar Galicia, que levará á Galicia unha trintena de actuacións como as de M.IA., Magnetic Man, Boys Noize ou Buraka Som Sistema; o Vigo Transforma achegará a Vigo a música de Vetusta Morla, Yann Tiersen ou The Gift; o Festival Via Stellae, o Festival de Música Activa ou o Galicia ao vivo, que reedita a experiencia do Ano Xacobeo, na que se reuniu baixo unha mesma marca aos principais festivais do noso país. Neste Ano da Música amplíase o apoio da Consellería de Cultura e Turismo a 20 festivais que volverán facer da nosa terra unha das capitais da música.

No que respecta aos ciclos musicais, os Ciclos do Ano da Música darán cumprimento á finalidade de envolver a Galicia da mellor música, da clásica á indie, durante todos os meses do ano. Entre eles destacan o Galicia Classics con nomes como Daniel Barenboim, John Elliot Gardiner, Georges Prêtre, Yuri Simonov, Elina Garança ou Mischa Maisky, o Galicia Importa no que destaca a música de Pete Doherty, Jay Jay Johanson e o M. Ward, e outros ciclos como o Festival Sinsal, Espazos Sonoros ou Pequeclassics.

2011 tamén é un ano sinalado para Galicia por ter sido a data da inauguración oficial dos primeiros edificios da Cidade da Cultura: a Biblioteca e o Arquivo de Galicia. No seu papel de polo cultural de envergadura internacional, o Escenario Gaiás sumarase ás actividades do Ano da Música cun conxunto de actividades que fará das instalacións interiores e exteriores do complexo un versátil palco cheo de posibilidades.

Embaixadores de Galicia
A Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con catro dos nomes galegos con maior proxección dentro do panorama musical internacional e seguindo o espírito da Declaración do Ano da Música feita pola Xunta de Galicia, pon en marcha a figura de embaixador da música como nova estratexia de difusión e promoción exterior da música galega e do conxunto da nosa cultura.

Berrogüetto, Luar na Lubre, Mercedes Peón e Xoel López son os catro grupos e artistas seleccionados para exercer como embaixadores musicais de Galicia neste Ano da Música. Na súa elección primaron, entre outros factores, o seu amplo recoñecemento internacional e a extensión e repercusión das xiras que desenvolverán durante 2011.

As nosas revolucións árabes

Redacción.-

Ao final as súas revolucións foron tamén as nosas. Os nosos gobernos, perezosos e prácticos, ávidos de devolvernos os caprichos do capitalismo avanzado estaban a piques de dicirlles como a María Antonieta antes da guillotina: "Pois se non teñen pan que coman pasteis".

Pero as xentes cidadás deste primeiro mundo non vían naqueles conflitos unha lea dos arrabaldes, unha refrega dos baixos fondos, balbordos da molesta periferia senón unha oportunidade para construír un mundo máis xusto. Víronse así urxidos os representantes políticos nosos pola opinión pública, pola masa democrática que os nutre de poder, a encherse de dignidade e derrogar esa actual patente de corso dos genocidas que era o axioma da non intervención estranxeira.

Non está desencamiñado Gadafi que, para xustificar a aniquilación dos seus compatriotas a mans de mercenarios, comparouse co Franco de 1939. Franco efectivamente arroupouse de regulares mouros, nazis de Hitler e italianos do fascio mussoliniano. Alí, na España do 39, patentouse a axiomática esa da non intervención para deixar á pel de touro en mans da ditadura, a condición de que esta fose servil aos estranxeiros na súa política exterior.

28/03/2011

Espazo atlántico

Redacción.-

Do 7 ao 10 de abril celebrarase no IFEVI (Instituto Feiral de Vigo) a segunda edición de Espazo Atlántico, a Feira Internacional de Arte Contemporánea de Vigo, unha nova referencia feiral da arte contemporáneo da Península Ibérica. Mantendo os mesmos criterios de calidade e profesionalidade da súa pasada edición e co obxectivo  de consolidar os seus bos resultados, máis de corenta prestixiosas galerías españolas e portuguesas integran este ano Espazo Atlántico, que conta actualmente coa nova Dirección Artística de Pilar Ribal e a presentación dun atractivo Programa de Coleccionistas organizado por Around Art.

Entre outras novidades, hai que destacar a apertura dunha liña de difusión de programas e contidos doutras feiras, bienais, eventos e institucións artísticas e culturais, o que converte a Espazo Atlántico nunha excepcional plataforma para o intercambio e a colaboración profesional. Esta iniciativa, concrétase en 2011 coa participación da Feira Loop de Barcelona que exporá unha selección dos vídeos depositados nos fondos do Macba, así como da Cidade da Cultura de Galicia, un dos proxectos culturais máis relevantes da comunidade anfitrioa.

Ademais das mesas de debate sobre coleccionismo e da exposición-homenaxe ao artista galego Manolo Paz, cabe destacar a posta en marcha dunha nova sección dedicada ao debuxo contemporáneo. "Expanding Drawing", a exposición comisariada por Pilar Ribal, inaugura este novo apartado artístico ao que a feira dedicará unha atención especial nos próximos anos, co dobre obxectivo de impulsar este coleccionismo específico e ampliar a capacidade de atracción da feira a novas galerías emerxentes e especializadas do ámbito internacional. Novos alicientes todos eles para unha feira que xa en 2010 constituíu unha verdadeira revelación.

26/03/2011

O ministro de Xustiza en Compostela

Redacción.-

O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, participou no curso da Fundación A Rosaleda cun relatorio titulado "Transformando a Xustiza: razóns para o cambio". A charla, que tivo lugar no centro social de Novacaixagalicia da praza de Cervantes, contou coa asistencia do copresidente e do director xeral adxunto da entidade financeira, Mauro Varela e Javier García de Paredes, respectivamente. Tamén estiveron o presidente da Fundación A Rosaleda, Xerardo Fernández Albor, así como o director do hospital A Rosaleda, Rafael Silva. Xunto con eles déronse cita en Santiago numerosas personalidades da vida pública galega, como o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long; o presidente do Clube Financeiro de Santiago, Roberto Pereira ou o presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán.

Caamaño é o terceiro invitado do ciclo Aula Aberta 2010-11 da Fundación A Rosaleda tras as intervencións de Bieito Rubido, director de ABC, e Rocío Mosquera, xerente do Sergas. A conferencia do ministro foi presentada por Anxo Fernández-Albor, vogal da Fundación A Rosaleda e catedrático de Dereito Mercantil da USC, e tratou sobre os cambios recentemente introducidos na Administración de Xustiza.

O ministro asegurou que a transformación da Xustiza era un obxectivo necesario e longamente esperado que o actual Goberno está a converter nunha realidade. Caamaño debullou as liñas estratéxicas que se plasmaron no Plan Estratéxico de Modernización da Xustiza para os anos 2009-2012 presentado pouco despois de que chegase ao Ministerio e que agrupa un conxunto de modificacións normativas, cambios organizativos e melloras tecnolóxicas que se desenvolverán até o ano 2012.

Francisco Caamaño
Francisco Caamaño naceu en Cee en 1963, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, doutor pola mesma universidade e catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Valencia. Ten o grao de Licenciatura coa cualificación de sobresaliente e estudos de terceiro ciclo no programa "Dereito autonómico e comunitario europeo".

Antes de ser nomeado ministro de Xustiza (23 de febreiro de 2009), foi secretario de Estado de Relacións coas Cortes, secretario de Estado de Asuntos Constitucionais e Parlamentarios e letrado adscrito ao Tribunal Constitucional. Dirixiu a Fundación Democracia e Goberno Local e codirixiu revístaa Cadernos de Dereito Local. Ademais de ser autor dun amplo número de artigos en revistas especializadas escribiu diversos libros e monografías como O sistema político de Galicia (Xerais, 1998) ou O dereito de sufraxio pasivo (Aranzadi, 2000).

Impartiu numerosas conferencias, seminarios, cursos de doutoramento e de posgrao, así como mestrías de especialización e participou en diversos programas de investigación e de cooperación xurídica co exterior. É Premio do Congreso dos Deputados pola publicación da súa monografía sobre o Mandato parlamentario e Medalla do Tribunal Constitucional.

Aterecendo de frío

María Xosé Lamas.-

De frío e de medo, por que non dicilo. Estamos saturados de imaxes de cascallos, refugallo, augas embravecidas, desconcerto, destrución, de faíscas de neve envoltas en vainas radiactivas… para aterecer!

Non obstante, as noticias directas que recibimos de Xapón non son tan apocalípticas. É certo que se viviu unha catástrofe, certo que houbo moitas vítimas, certo que hai cidades enteiras por reconstruír…. Mais nós ollámolo todo dende a nosa perspectiva occidental, dende os nosos anteollos mouros ávidos de novas derrotistas –acaso para paliar o noso espírito magoado pola “crise”. Calquera cousa nos serve para esquecernos dunha situación que non é tan grave como supoñemos e como imos escoitando de voces realistas e optimistas. Semella que sempre precisamos carnaza para aliviarnos.

Os xaponeses non son coma nós, vitimistas in extremis. Están afeitos a que a terra lles treme debaixo dos pés e non se deitan na miseria, érguense, sacoden a cabeza e tiran para adiante a percorrer o seu camiño nos procesos que conleve o percorrido. Non esgotan as súas forzas nos lamentos improdutivos, invístenas en colaboración, axuda, solidariedade con quen sofre. Porque tamén sofren, non son de rocha. Pero o seu sufrimento é colectivo e polo tanto partillado; e xa se sabe que as bágoas compartidas secan antes que as individuais.

Dende aquí a miña aperta ao pobo xaponés. A miña máis fonda solidariedade con quen sufre en primeira persoa os danos do seísmo e as súas consecuencias. E a miñas gañas e azos para empurrar a vida que queda por vivir.

25/03/2011

Asemblea do IESCHA

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos celebrará o venres, día 25, ás oito e media da tarde, a súa asemblea xeral ordinaria de socios.

A xuntanza terá lugar na Casa da Cultura vilalbesa, tratándose na mesma a memoria de actividades da entidade e o estado de contas do ano 2010, o orzamento e o plano de actividades para o presente ano, así como diversas propostas da xunta directiva.

24/03/2011

Rebeldes con causa

Fermín Bouza.-

Pola dignidade de todos e para salvar a vida dos insurrectos, a coalición non pode deixalos colgados baixo o lume de Gadafi. É necesario culminar a operación e levar até Trípoli con axuda aérea ás forzas rebeldes, como levou no seu momento en Afganistán ás forzas do que fora Ahmed Shah Massoud, o león do Panjshir. Non é permisible abandonar a causa da liberdade e a modernidade en Libia ou noutros países cos seus pobos alzados. Axuda pacífica, axuda bélica, dependendo da situación. Axuda, en todo caso.

É a hora da transformación nesas terras, que aínda dependen de tiranos locais, oligarquías de toda especie, fanatismos diversos. Se caen algunhas destas aberracións políticas, caerán aos poucos todas elas. Hai inxustizas inmediatas e flagrantes, pero outras situacións poden agardar. A gran ameaza do mundo é toda esa irracionalidade transformable en fanatismos e barbaries locais e globais. O mundo árabe móvese cara á democracia, e iso é unha gran noticia para o mundo en xeral. Cando todos eses territorios xeren a súa estrela da liberdade, o mundo tomaría outra senda non menos complexa, pero mellor, máis xusta ou máis próxima á xustiza desexable. Non hai batalla pola igualdade que non pase antes pola liberdade e a democracia.

O bosque sagrado

Xulio Xiz.-

O 21, comezo da primavera, é a escala mundial “Día do Medio Ambiente”. E esta celebración tivo nun anaco da Terra Chá carácter especial cando se dedicou a xornada ó “bosque sagrado”, organizada por un colectivo de estudiosos da natureza que coidan que en Donalbai, do Concello de Begonte, estaba situado o bosque primordial, o mesmo bosque que deu nacemento ó Lucus Augusti, xa que “Luc” significa precisamente eso: Bosque sagrado.

A xornada afectou ós concellos de Outeiro de Rei e Begonte, se ben os actos celebráronse na Casa do Concello de Outeiro de Rei, e alí durante a mañá diversos especialistas abordaron temas físicos ou humanos da terra Chá, facendo especial fincapé na cunca que forman os montes dos bordes, as augas que se moven – os ríos- ou as augas quedas – as lagoas- cada unha coa súa lenda, cada unha coa súa historia e co seu especial papel de recuncho vivo do gran organismo que conforma a viva Terra Chá.

Prestouse especial atención ás persoas, que forman parte da Chaira, foron feitas á medida da Terra Chá, pero tamén fóron facendo a Terra Chá, modificando persoa a persoa, momento a momento, a parte física na que os seres humanos interveñen.

Foi o nacemento dunha celebración de contacto dos chairegos coa natureza, que terá continuidade o próximo vinteun de xuño para recorrer diversos puntos especiais da comarca onde se concentran forzas ou sinais, onde hai monumentos megalíticos e construccións humanas que evidencian que os nosos devanceiros coñecían moito máis do contorno que nos rodea do que nosoutros mesmos coñecemos na actualidade e, desde logo, moito máis do que hoxendía nós podemos supoñer.

A xornada completouse, pola tarde, cunha viaxe colectiva ás Penas de Rodas para velas dun xeito diferente, xa que alí guiados polo arquitecto lugués Carlos Sánchez Montaña, fomos informados das posibilidades de que aquel monumento megalítico fose, en realidade, unha construcción humana, erixida no tempo da dominación romana como homenaxe dos conquistadores á poboación autóctona da comarca de Lucus Augusti, especialmente da Terra Chá, que sería a despensa – o graneiro- da poboación romana e dos destacamentos que explotaban os xacementos auríferos de Montefurado.

Vimos as Penas con outros ollos, como un escenario comparable ó teatro romano de Mérida, con gradas para espectadores, con rampas para o ascenso dos sacerdotes, quedando entre as dúas pedras rotundas un espacio polo que se poñía o sol cada día no que rematada a primavera e comezaba o inverno.

Foi esta unha xornada de inmersión na historia e na lenda, en coñecemento e teorías varias do noso pasado máis lonxano. Unha xornada interesante para os que miramos a Chaira con ollos abertos á natureza, á historia e á sorpresa.

Continuará, e está moi ben que así sexa, Que a historia oficial ten múltiples lecturas, e o que ese día presenciamos foi unha máis. E non a menos fermosa.

23/03/2011

Entre informacións e traumas


Tadashi Yamamoto.-

Pasou unha semana. Unha semana... longa ou curta? Pois non sei, non sei como o cualifique. Dende que ocorreu o sismo do 11-M, a data curiosamente coincidente á outra traxedia no voso país, mais da nosa é a contra a natureza ameazadora, cambiou totalmente o que nos arrodea. Si, segue a pasar o arroio cronolóxico sen interromper dende ese momento, mais síntome como se nos atopásemos nun “mundo paralelo”, ou nun labirinto de confusión. A normalidade converteuse en anormalidade, e a anormalidade xa a temos coma normalidade.

Atópome na rexión occidental do arquipélago xaponés, a máis de 700 kms do epicentro e case 600 kms do centro nuclear en cuestión. Sentín apenas os primeiros dous tremores moi levemente, coma se tivese un mareo, o mesmo comentáronme os meus veciños. Pero os desta rexión sufriramos o terremoto devastador do ano 1995, e foron suficientes para acordar o noso trauma eses tremores pequenos.

As imaxes actuais que transmiten os medios e as nosas lembranzas traumáticas fannos vivir este desastre como unha experiencia entre virtual e real. Aínda aquí, onde non nos afectou case nada o movemento sísmico, ficamos nerviosos e frustrados. Así, pola nosa inquietude para querer coñecer o que ocorrera e ocorrería de verdade, requirimos máis informacións, e as informacións excesivas acumuladas na pantalla e nas páxinas da prensa fannos máis inquietos.

O que podemos facer é mostrar solidariedade e rezar polos damnificados, polo que aínda por aí continúan rescates do nivel profesional entre cascallos e réplicas. A vía da reconstrución apenas empeza e tardará moito tempo. Por se nos requiren, acudiremos para axudarlles. Pero o máis importante é seguir dando atención sempre ós que o sufriron ata que se recuperen. Sabemos que hai dezaseis anos canto nos alentaran as voces animadores dos paisanos doutras rexións e mais da sociedade internacional.

Remato este breve ensaio con agradecemento sincero ós meus amigos galegos que se amosan preocupados e nos animan neste desastre.


Publicado en: http://galegoenlondres.blogspot.com/

22/03/2011

Heterodoxos

Paulo Naseiro.-

Ramón Chao e Moncho Paz: velaí dous enfants terribles, no sentido máis heterodoxo da palabra, que comparten orixe vilalbés e máis onomástica no día grande da capital chairega. Tamén orixes, en senllas familias do comercio vilalbés e, o máis importante, profesión e vocación xornalística. Mágoa que o oído musical do Moncho se asemelle máis ben ao do ornitorrinco australiano, fronte ao Chao pianista laureado, porque me daría un bo título para este artigo en plan vidas paralelas, ao estilo de Plutarco.

É por unha magnífica entrevista a Chao publicada n´A Voz de Vilalba e tamén no Xornal de Galicia que Moncho ven de proclamarse gañador do premio xornalístico Johán Carballeira, que outorga o Concello de Bueu, con todo merecemento. Parabéns, pois, para quen é para min moito máis ca un amigo, como poden dar fe os que nos coñecen, aínda que só fora polo moito que nos temos rido xuntos, que, créanme, non é pouco.

É curioso que o noso camiño cara a heterodoxia, ese exercicio tan sano no abafante ambiente de pobo pequeno no que nacemos e medramos, comezou alá polos primeiros anos 80, entre outras cousas, facendo un xornal -xa contamos esta batalla algunha vez, non a vou repetir-, e accedendo a lecturas tan pouco recomendables como era na altura El lago de Como, de Ramón Chao. Aquela novela que tanto nos custou conseguir, a través da inesquecíbel Libraría Galicia, a forza de retratar as miserias daquela Reigada -Vilalba- dos anos cincuenta, se convertiu na altura nun tabú do que os adultos falaban en voz baixa, se cadra sen a ter lido xamais.

Seguro que a lectura de El lago de Como, felizmente traducida ao galego hai poucos anos, respostou a moitas das nosas preguntas sobre aquela sociedade que por entón, aínda seguía atrapada en tempos pasados, non por iso mellores. E ven a conto aquí unha reivindicación da mocidade da época, que a través de múltiples iniciativas tentou espertar a besta, e da que este xornal foi parte importante.

Imaxino que o Moncho, no serán parisino en que se xestou a entrevista premiada, tivo ocasión de lle contar esta e outras historias a Ramón Chao, que quizais pouco puido imaxinar o revulsivo que a súa obra, por outra parte un intenso exercicio sicoanalítico, significou para nós. Mira que dá voltas o mundo...

Dia da toalha

Lucas Domínguez.-

Onte tiven o meu particular día da toalha, non porque dende esta mañá o boneco do Mimosín que vive no meu armario poda chimparse de novo sen medo a crebar a súa suave cara 80 % algodón e 20% poliéster, nin porque o enorme bacalhau calmase un bandullo xa desacostumado á hora de comer dos ricos, unha hora menos en Portugal.

Nen sequera foi porque o meu pai trouxese de novo unha manchea de lembranzas: aquela viaxe no 127 granate da Dilixencia no que pasamos ás escondidas pola alfándega a cama que ata fai ben pouco aturaba os meus soños; outra de como lle pasaron en só 5 minutos, e ao través do río, o televisor Grundig en cor que aquí valía o dobre e que non fai tanto vendeu por pouco menos do que o mercara 20 anos antes; ou mesmo de como en tempos de taxi e inmigración trocaban o diñeiro en Feces de Abaixo, sempre no mesmo curruncho, ese curruncho que despois sempre tiña unha propina esperando na seguinte viaxe.

Foi simplemente porque, totalmente consciente do seu incalculable valor, volvín a atracar unha librería. Cegado por facerme cunha boa ducia de horas de lectura portuguesa, dei o golpe para logo fuxir acompañado do vital Saramago e disposto, por fin, a iniciar unha necesaria e histórica viaxe da man de Os Lusíadas.

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Meu ben querido Antón:

Había tempo que non te notaba tan alporizado e preocupado coma onte cando me chamaches pola noitiña. Son moitas cousas, dicíasme, que apareceron todas xuntas e, de tanto cavilar nelas, non son quen de durmir con xeito. Algunhas acontecen lonxe, pero agora, coa televisión, parece mesmo que as temos ás portas.

Disme que andas triste polas xentes de Libia que aspiraban nada menos que a seren un pouco libres, só un pouquiño, pero a liberdade é cousa tan querida como custosa, e moitos libios estanse a decatar dese custo en dor profunda e ata morte desapiadada. E tampouco atopan no chamado mundo libre algo do apoio que precisan. As axudas levarían seguramente a unha guerra e, como ben se sabe, as guerras acaban sempre por facer moitos máis estragos do que se logra en beneficios. Pero algo haberá que facer para frear as tolemias do Gadafi, ese individuo ao que tanto teñen adulado, por intereses económicos, os que agora o van atacar. Hai xa moito tempo que o deberan ter sancionado con medios políticos sen teren que acudir ás armas. Sería máis ético, aínda que padecese a economía. A ética, Antón, a ética. Algo que non se improvisa e da que se van desacostumbrando en demasía tanto os políticos como a propia cidadanía: estamos nun mundo onde xa non sabe poñer os valores por riba dos intereses de cada quen. E así nos vai. Antes aínda se acudía á relixión, pero agora tamén se desconfía dela, e ás veces con motivos. Pero isto tivo consecuencias porque, como ti mesmo dis con frecuencia, xa non sabemos onde acudir para atopar valores que sexan aceptados por todos. Ti non terás estudos, pero non deixas de facer preguntas de filósofo: a quen acudimos?, quen nos vai aprender a sermos honrados? Efectivamente, pobres libios nas mans dese toleirán. Desexemos que a ONU non cree problemas máis duros dos que pretende resolver.

Onte tamén tiñas no medio dos miolos o asunto do Xapón, claro. E tampouco deixabas de te facer preguntas. Xa vexo que te estás a converter en ecoloxista antinuclear. E creo que tes algo de razón. Efectivamente, se queremos seguir co ritmo de vida actual precisamos moita electricidade e, por iso, hai moitos políticos e opinadores que tratan de nos convencer de que, despois de todo, as centrais nucleares non son tan perigosas. E de repente aparece o asunto do Xapón e fainos ver que o risco é moito. E ti preguntas: ao mellor non é ético arriscarnos tanto, pero ti mesmo te respondes: a quen lle importa a ética con tal de que teñamos moita electricidade? E así nos sigue indo, meu Antón.

E aínda che queda outra preocupación máis caseira pola que me preguntas con especial insistencia. Ao carón das outras noticias, esta da que me falas ocupa un lugar case insignificante nos xornais e nas radios, pero aí está, a privarte do sono: resulta que roubaron as campás na igrexiña de Roás (mesmo me saíu en verso). E a quen lle importa? ..Xa estou oíndo a túa resposta: impórtalles aos de Roás. E si, estou de acordo, pero cantos son os de Roás? ...case non quedan, así que fóra preocupacións. Claro que tamén hai outras capelas e igrexiñas preto de nós que son asaltadas a cotío na busca das catro perras que poden quedar nos cepillos. E isto a quen lle importa?. Seguro que estás dicindo, case berrando: impórtame a min que me sinto roubado cada vez que forzan a pechadura da miña capela dos Remedios en Codesido, aquela igrexiña da miña infancia e da miña vellez.

E, con ser malo, aínda non é tan preocupante a perda dunha pechadura forzada e as catro moedas que podan quedar descoidadas nunha boeta calquera. O das campás de Roás xa é outra cuestión máis seria. E moito máis serio aínda será cando aparezan, en manada, ladróns de máis fuste que se ceben en privarnos desas pequenas tallas de santiños que tanto abondan nos retablos dos nosos templos rurais, esas pezas da escultura artesán que retratan con tanta inxenuidade as formas físicas das xentes da nosa Chaira, aquelas cariñas arrubiadas polo sol mentres deixaban a suor nas leiras. E nas igrexas aínda hai algo de protección, porque outros elementos do patrimonio, como os cruceiros ou os vellos muíños, son moito máis vulnerables e, sen embargo, moi apetecibles para os ladróns da cultura.

Non quero esquecerme, meu Antón, de comunicarlle aos nosos oíntes, como ti me ordenas, a túa insistencia en agradecerlle a moitos dos curas que van quedando no noso deserto rural a súa impagable disposición para poñer en práctica os poucos medios de que dispoñen. Moito mérito teñen os que, como Restituto Prieto Verdes, cura de Roás, non só procuran coidados senón que contan coa cultura necesaria para coñecer en detalle o valor do que gardan e poder así contribuír á súa posible recuperación. Son eles os que están facendo xenerosa e desinteresadamente un servizo que no futuro será cousa profesional, a cargo de universitarios especializados que lle custarán moitos euros á Xunta de Galicia, é dicir, a todos nós. Así pois, deixo cumprida a túa orde imperativa: a nosa gratitude.

E nada máis por hoxe. Xa sabes do meu aprecio por ti. Unha aperta

Bernardo.

21/03/2011

Moncho Paz, Premio Johán Carballeira

Redacción.-

Moncho Paz foi distinguido co VIII Premio de Xornalismo Johán Carballeira, convocado polo Concello de Bueu (Pontevedra) polo traballo "Entrei en Radio France porque falaba galego", segundo comunicou hoxe a organización. O traballo gañador, que foi publicado en Xornal de Galicia, ademáis de en A Voz de Vilalba (pódese ler nesta ligazón), é unha entrevista ao xornalista e escritor  chairego Ramón Chao, que se caracteriza "por fuxir dos tópicos e que demostra unha boa documentación previa por parte do autor", segundo a resolución do xurado, reunido hoxe e que acordou a concesión deste premio por unanimidade. Segundo esta resolución, o autor da entrevista logra, a partir dun tema de actualidade, a presentación da obra 'Prisciliano en Compostela', intercalar momentos do pasado e do presente de Ramón Chao e "consegue conxugar a necesaria distancia xornalística e o achegamento ao personaxe".

19/03/2011

O exemplo que nos dá Xapón

Moncho Paz.-

Na última semana a Comunidade Internacional segue pendente de Xapón e de Libia. No caso de Xapón, a terceira potencia económica mundial, estamos ante un desastre de primeira categoría moi difícil de xestionar. Ordenados, disciplinados, tranquilos, serenos e pacientes, os xaponeses xa demostraron varias veces ao longo da Historia a súa capacidade de superación en situacións límite, onde o ser humano medra e dá leccións de cómo somos capaces de facer fronte á adversidade.

Sinto moito o que está a acontecer no país do sol nacente, onde teño bos amigos, cos que abrimos pontes culturais dende Galicia hai anos. De feito, podo dicir que na nosa terra atópanse como na súa casa. A presenza do mar, que condiciona a xeografía, a cultura e o medio de vida de parte da poboación, é similar en Galicia e no Xapón. E temos características comúns; por exemplo, o feito de visitar o mercado do peixe en Tokio e a praza de abastos en Compostela constitúen dúas experiencias únicas de inmersión cultural. O mesmo acontece co interior, cando percorren o rural galego e sorpréndense das similitudes entre as súas prefecturas e as nosas comarcas.

Aínda que os cidadáns comezan a desconfiar da versión oficial sobre a gravidade do desastre, os medios de comunicación xaponeses evitan crear pánico, ao contrario do que acontece en Occidente, onde impera o alarmismo. Causa especial sorpresa que apenas víramos imaxes de mortos en televisión; e cónstame que non o fan por pudor, senón para evitar situacións que podan ferir ao telespectador. Resulta impactante a fotografía do rescate do bebé de catro meses que sobreviviu ao tsunami en Miyagi.

A crise nuclear desatada en Fukushima está a resolverse mediante un labor de alta fontanería, onde cobra especial protagonismo o factor humano. Os xa chamados “heroes de Fukushima” arriscan as súas vidas para conter a emisión de radiacións. E a eles sumáronse grupos de xubilados, homes valentes decididos a rematar a súa vida facendo o ben. Estremecedor.

Podemos dicir que na maior parte do mundo estamos a vivir o “efecto Fukushima” e, de súpeto, fálase da importancia de realizar “test de estrés” ás centrais nucleares. España é o único estado membro da Unión Europea con reactores do mesmo tipo que o da planta nipona. En Alemaña, a chanceler Merkel xa decretou o peche das centrais nucleares construidas antes de 1980. Outros países están adoptando medidas de parecida natureza; pero ese debate debe abrirse clara e abertamente coa finalidade de chegar a conclusións concretas, deixando a unha beira as intencións políticas. Un debate serio e rigoroso, baseado en cuestións técnicas e económicas.

Tres emisoras de radio

Xulio Xiz.-

Eu estaba nun acto en Santiago o pasado dous de marzo cando se fixo público que a Xunta vai convocar un concurso para adxudicar novas emisoras de radio en corenta concellos de Galicia, para dar cumprimento ó Plan de Frecuencias establecido polo Goberno central.

Polo que á provincia de Lugo se refire, as novas emisoras que serán adxudicadas corresponden a Becerreá, Chantada, Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte, Navia, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Viveiro e Vilalba. En Viveiro, por exemplo, son tres; catro en Lugo, dúas en Becerreá e enn Palas de Rei. En Vilalba, sólo unha. Pero sabendo que xa hai dúas, Vilalba pasará a ter tres emisoras de radio.

Eu son partidario da pluralidade informativa, creo firmemente que os medios informativos son a alma dun pobo e que a información é a mellor medicina para a vida colectiva dunha comunidade, pero non vexo eso de que Vilalba vaia ter tres emisoras de radio, e que poidan manterse económicamente as tres.

Pode que a miña visión sexa de pura deformación profesional, porque vexo as emisoras por dentro, cos seus problemas diarios, coa necesidade de abrir as portas todo o día, todos os días.

Vistas desde fóra, tres emisoras de radio en Vilalba significa tres visións diferentes –ou non- dos problemas, tres posibilidades de información e entretemento diferentes, ata tres posibilidades de traballo para rapazas e rapaces que se interesen polos temas de información.

Pero esas tres emisoras teñen que ter un local, instalacións, correr cos gastos xerais e específicos, e manter un persoal, e funcionar e gañar diñeiro. Porque se non gañan diñeiro non son viables, e ou se pechan ou teñen que amoldarse ás circunstancias e malvivir dependendo de alguén.

Pasa en Lugo, que no dial hai arredor de quince emisoras ás que o oínte pode optar contando as de dentro e as que chegan do resto da comunidade ou as centrais das cadeas nacionais. Deste xeito, a audiencia fragméntase deixando ás emisoras locais con menos forza. Que a forza dunha emisora son os seus oíntes; a forza dunha emisora non se mide pola súa potencia, mídese polo número de oíntes que ten. Cando máis se divide o número de oíntes potenciais, máis floxean as emisoras, máis febles serán.

En fin, toleadas. Que a min paréceme que Vilalba con dúas emisoras está moi ben, pero vai ter tres. Os que gobernan saberán. E ó mellor teñen razón, aínda que eu non lla vexa.

18/03/2011

Terremoto en Compostela

Fermín Bouza.-

A enerxía nuclear, barata e limpa, parece, con todo, unha grave ameaza para o ser humano. Pero isto non é unha novidade, calquera físico ben formado debería temelo. A situación enerxética mundial é tan grave que quizá non haxa moita alternativa: ou si ou si. Así será, pero tampouco aquí tivo sorte Zapatero, un antinuclear obrigado a nuclearizarse e a vender centrais agora que imos entrar nun novo ciclo opinativo sobre o tema, pois así somos: ridiculizamos aos antinucleares ata que o horror xaponés, que veremos como acaba, métenos o medo no corpo. Somos frívolos, e sómolo en todo. Por certo, cales son as intencións nucleares do PP?, poderiamos coñecelas? Veña, teñan valor e saian ao ruedo, vostedes, que levan anos crucificando aos seus adversarios coas cousas máis infames e peregrinas, 11-M e Faisán incluídos, dúas vergoñas para a historia futura deste país, unha historia que será implacable con vostedes. Mando a miña solidariedade aos xaponeses e deixo alí un pedazo do meu corazón, aínda non do todo perdido, a pesar do duro camiño xa feito, con frecuencia entre xentes impresentables.

Pero todo isto tróuxome á mente os meus terremotos particulares. Son varios, pero uno lémbroo pola súa particular insistencia, duración ou intensidade. Era de noite, estaba só en Santiago co meu pai, que durmía un piso máis arriba de onde eu estaba, e dispúñame a saír e tomar unha copa cos vellos amigos. Quizais era verán, ou un pouco antes. De súpeto todo se puxo a tremer, e impuña sentir aquela casa pétrea perder pé. E non acababa. Corrín ao piso de arriba polas antigas escaleiras de caracol para tentar espertar e sacar ao meu pai de casa, pero xa entrando na súa habitación parouse o mundo. El xa estaba esperto, e tamén o sentiu. Vénme á memoria cada vez que vexo as imaxes do país do sol nacente: eu son de Galicia, xusto onde o sol se afunde no mar entre lume e auga. Todos os días.

17/03/2011

Cuestión de hixiene

María Xosé Lamas.-

Na época en que lle tocou vivir ao Golpe a maior parte da súa existencia non había un sistema sanitario público coma o actual que garantira a atención médica e moito menos que fomentase a hixiene e o coidado da saúde. A mortalidade infantil era elevada, non existían vacinas e os miúdos sufrían o xarampón, a tosferina, a varicela,… como enfermidades que había que pasar si ou si. Aos poucos médicos que exercían só se acudía en casos moi graves, pois para os nacementos existía a parteira e a extracción dunha moa corría pola conta do barbeiro. O resto das doenzas paliábanse coa menciña natural a través de curandeiros que receitaban herbas e bendicían males tanto das persoas coma dos animais domésticos.

Doutra banda, os temas de saúde e hixiene tampouco eran susceptíbeis de seren tratados na deficiente escola da época, como ocorre actualmente. A primeira lei de educación que tenta organizar un sistema educativo en España é a Ley de Instrucción Pública de 1857, promovida por Claudio Moyano, sendo este Ministro de Fomento, e asinada por Isabel II o 9 de setembro dese mesmo ano. Esta lei permanecerá en vigor máis dun século, sendo obxecto de certas reformas dependendo do bienio gobernamental de cada momento (liberal ou moderado) e da forma de goberno (monarquía, república ou ditadura), que por todas pasou o país. Mais ningunha das súas modificacións engadiu aos programas en cada intre a Educación para a Saúde. Tampouco a Ley General de Educación promovida polo Ministro Villar Palasí en 1970, de substitución da anterior, incluíu no seu articulado programas explícitos desas materias. Só na época da ditadura, e só a muller, tivo acceso a coñecementos rudimentarios sobre estes temas a cargo da Sección Feminina a través do “campamento” ou servizo social ao que estaba obrigada.

A toda esta ignorancia hai que engadir a falta de medios. Non existían cuartos de baño, nin xabón nin deterxentes, apenas auga de traída nas cidades máis poboadas e fontes e pozos a onde acudir por ela nos pobos, que tamén carecían de recollida de augas fecais. No medio rural a escaseza aínda era maior.

A casa, en xeral, mantíñase limpa a base de vasoira para o chan de lousa ou terra e de pedra e area, para a madeira de pisos e mobles. A roupa lavábase no río con xabón feito na casa con graxa vella, sosa cáustica, talco e azulete; A louza con xabón e carqueixas, actuando en ocasións como desengraxante o mel.

Lembro no cuarto da casa do tío José unha trapela de madeira que tapaba un burato que daba á corte. Un día pregunteille para que servía e dixo que era o retrete. Na casa da avoa non había tal cousa: para mexar polas noites usabamos penicos. Pero polo día era a corte (para augas menores) e a horta (para aliviarse do corpo), usando unha verza ou unha presa de herbas ou felgos como papel hixiénico, o que facía as veces de cuarto de baño.

O aseo persoal non era moito máis completo. Cada certo tempo a xente lavábase nunha tina de zinc con auga temperada e “por parroquias”, mudando tamén a roupa interior. O aseo diario consistía en lavar a cara na palangana que había no cuarto. Os cepillos de dentes non se coñecían e a pasta dentífrica tampouco. Era unha época na que unha pastilla de “xabón de olor” supoñía un dos mellores agasallos, xunto cos panos das mans, para aniversarios e onomásticas. Aínda eu lembro de nena o cheiro do heno de Pravia “el aroma de mi hogar” como cousa excepcional. Non en todas as casas tiñan eses luxos.

Premios de xornalismo Novacaixagalicia

Redacción.-

Ramón Pernas (na fotografía) e Xosé Carlos Caneiro foron distinguidos como os gañadores dos premios de xornalismo que convoca anualmente Novacaixagalicia. Así, o xurado reuniuse o pasado venres para fallar a XXXII edición do Premio de Xornalismo Julio Camba e a VIII edición do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego.

Ramón Pernas foi considerado merecedor do Julio Camba polo artigo 'El lobo de Cee' no que, segundo o presidente do xurado, o escritor Alfredo Conde Cid, "fai unha metáfora da realidade coa que está vivindo unha das especies máis salvaxes da fauna do país; os lobos". Pola súa banda Xosé Carlos Caneiro escribiu 'Sumar, Ana' á mantenta do falecemento de Ana Kiro, obtendo o premio Fernández da Rega.

Para o presidente do xurado todos os artigos presentados ao certame nesta edición, un total de 57, dos que 34 estaban escritos en castelán e 23 en galego, eran "brillantes", o que complicou a decisión do tribunal. Alfredo Conde indicou que os dous artigos premiados son "dous traballos espléndidos que falan da realidade", que foron escollidos por "unanimidade polo ben escritos que están e porque se corresponden co espírito do premio", fundamentalmente o seu carácter literario e o seu atemporalidad.

Xunto ao escritor Alfredo Conde, durante a lectura do fallo do xurado estiveron presentes outros compoñentes do tribunal como o director da Obra Social Novacaixagalicia, Guillermo Brea, así como Carlos Vale Pérez, Víctor Fernández Freixanes e Manuel Fernández Areal. Na súa intervención, o director da Obra Social Novacaixagalicia destacou o compromiso da entidade con todo o que signifique "educación e cultura" e subliñou que estes premios "serven como recoñecemento da caixa de aforros ao papel fundamental que desempeña o xornalismo na mellora da sociedade e como medio para garantir a liberdade de expresión".

O Premio Julio Camba, dirixido a textos en castelán, atesoura unha longa traxectoria que se remonta ao ano 1979, mentres que o Fernández del Riego, para artigos en galego, convócase desde 2002. Ambos os galardóns contan cunha dotación de 12.000 euros.

16/03/2011

A terra sen o home

Bruno Marcos.-

Das estarrecedoras imaxes do tsunami xaponés do venres hai unha para min especialmente xeadora. Máis aló dos coches e as casas flotando, arremuiñándose por calquera lugar, ou os barcos penetrando terra dentro, petando uns cos outros e coas casas. Máis aló desa mirada aérea na que a superficie terrestre aparece como un prego acartonado sobre o que se vertera un vaso de auga, hai unha filmación na que o mar vaise retirando cara á súa inmensidade dun xeito maxestuoso e solitario. E logo desde ese fondo elévase para voltar. sente na súa contemplación unha natureza allea ao humano, cega ante o ollo cimematográfico que o captura desde os helicópteros.

É unha secuencia pavorosa mais impresionante, se cadra mesmo fermosa, demoledora para as aspiracións do humano. Pensa un en todos os tsumnamis que ocorrerían, e naqueles que ninguén viu, nun mundo despoboado de nós de tempo xeolóxico, e en cousas que ocorrerían, incluídas as humanas, como naquelas guerras mundiais que tiveron lugar fai trescientosmil anos e das que non hai historia.


Deixade que os nenos...

Xulio Xiz.-

Sempre me enternecen as noticias nas que os nenos son protagonistas. Especialmente se se refiren a temas relacionados coa educación, porque calquera acción na que os nenos participen será un froito maduro cando medren, e unha lección que non esquecerán nunca.

Na escola infantil de Vilalba hai unha vintena de mozos de dous e tres anos que hai uns días actuaron como barrendeiros ou limpadores da Praza da Constitución, dentro do programa Voz Natura no que colaboran con La Voz de Galicia.

Os nenos suplen así o traballo dos maiores, ou mellor aún: corrixen ós maiores que botamos descuidadamente lixo, que deixamos caer papeis e obxectos que logo deberán ser recollidos. Os nenos aprenden como se recolle, de paso que entenden que non se debe manchar como facemos os maiores. E de maiores, estarán preparados para respectar o medio ambiente.

A vilalbesa Praza da Constitución é bo lugar para centrar calquera tema relativo á natureza presente ou futura, xa que mesmo á súa beira está plantado o castaño de Indias da Alameda, que substitúe ó que non hai moito tempo foi talado por enfermidade, vindo o sustituto de Lanzós para que a mesma especie arbórea luza en lugar destacado da xeografía urbana de Vilalba.

Armouse unha boa discusión por este castaño indio que, se non da froitos comestibles, si ten fermosa presencia e provoca o agarimo dos que o contemplan. Pode que un dos elementos deste agarimo sexa pola fame que en séculos pasados ten calmado a castaña, que traída a Galicia polos romanos, procedente das zonas italianas prealpinas, co seu poder calórico foi a base da alimentación dos nosos devanceiros durante séculos ata que foi sustituída ou complementada pola pataca chegada de América.

Non obstante, este noso castaño indio nada ten que ver coa alimentación, que as castañas que houbo sempre no Campo da Feira de Vilalba, do que é herdeira a praza da Constitución, nunca se puideron comer, ou así se nos informou desde a máis temperá das idades, sendo fortemente advertidos polas nosas nais de que quen comese unha castaña india quedaría enano para sempre.

Os nenos da Escola infantil vilalbesa están en idade de aprender que –pola razón que sexa- as castañas indias non son comestibles, e temos que conformarnos con admirar as súas árbores sen probar os seus froitos. Pero tamén poden aprender que non fai falla que unha árbore produza froitos saborosos para ser estimado, que outros moitos papeles hai para unha árbore, non sendo o menor de plantar cara ós ventos e enseñar a súa fermosura xeneración tras xeneración.

Que os nenos aprendan as leccións que nós tivemos que aprender por libre, sen que ninguén nolas ensinaran.

04/03/2011

A fornada

María Xosé Lamas.-

Xa se ten feito referencia nesta serie de relatos etnográficos ao pan, mais non se falou del como produto indispensábel na mesa nin do que supoñía elaboralo.
É ben sabido que o pan forma parte esencial na nosa cultura e non só da culinaria, senón que está estendido por moitas das nosas manifestacións culturais, sobre todo as relacionadas coas crenzas e a relixión, pensemos, por exemplo, en que as figuras que fan de amuletos no Santo André de Teixido están feitas de pan, ou que nas lendas populares o pan xoga un papel protagonista. Non saiamos da casa sen levar un anaquiño no peto, era venturoso máis que efectivo, para gardarnos dos males que nos puideran ocorrer. O pan é sinónimo de amor, de querer, de aprecio: cando chegabamos de nenos a unha casa, sempre se nos ofrecía cando menos un curruchiño de pan.
O pan foi en épocas moeda de troco e pagamento de foros, bulas e impostos tanto por parte dos señores coma dos cregos en todas as súas formas (gran , fariña, fornadas…) e tamén sinal de riqueza ou de carencia. Se dicimos “pa negra” non nos referimos só a unha cinta cinematográfica, referímonos a toda unha época de fame, á miseria da posguerra española, e, por extensión, a todas as posguerras.
Por todo o antedito, o día de cocer era un día especial en todas as casas labregas e nesa tarefa colaboraban todos os da familia. Habitualmente cocíase cada quince días, que era o que duraba o pan dunha fornada. Na casa do Golpe só eran dous, pero nese día xuntabámonos todos os achegados máis por comer a bola que por axudar no traballo, aínda que tamén botaramos a man.
Pola mañanciña, o Golpe deitaba un saco de fariña na maseira mentres a súa dona poñía auga con sal a quecer. Cando a auga fervía, vertía unha pouca enriba do fermento nunha cazola e desfacíao até que quedaba convertido nun mollo espeso, que botaba nun burato que facía no medio da fariña da maseira. Despois engadía o resto da auga. Non sei como se amañaba, pero nunca lle sobraba ningunha, era sempre a cantidade necesaria e suficiente. Logo chegaba a tarefa máis traballosa: amasar todo aquel engrudo até convertelo en masa de pan que deixaría enfariñada e cuberta – despois de bendecila cunha cruz que gravaba na masa- cun pano de liño ou algodón e coa tapadeira da artesa fechada, para que fermentara o tempo preciso.
Mentres a masa repousaba, a tía Remedios elaboraba o recheo das bolas. Adoitaba a facer tres (eran as que cabían no forno ademais dos bolos de pan): unha de liscos, outra de coello e unha de mazás. Guisaba o coello, que tallado en pequenos anacos e adobado con cebola, allo, pementos, sal e perexil, constituía o recheo da bola. Tamén pelaba unhas mazás que cortaba en láminas e poñía a sofritir nunha tixola con moito azucre e unhas gotas de auga, para facer a bola doce de mazás. Ademais, fervía en leite uns liscos de touciño entrefebrado e cortaba en anaquiños uns chourizos para a bola de liscos.
Cando a masa ía levedada, separaba unha pouca para as bolas, os boliños preñados que facía para as pícaras e a bola na tixola- unha presa de masa que aplanaba coa man, untaba en aceite e poñía a fritir a lume moi lento para que non se queimara nunha tixola de ferro- que supoñía o pan que se xantaba ese día. Co resto tendía os bolos de pan en número suficiente para que duraran uns quince días.
Despois do xantar o Golpe roxaba o forno queimando nel toxos, xestas, carqueixas e carabullos de distintas árbores até que estivera ben quente. Antes de enfornar, metía dentro uns ramallos de loureiro, para sacarlle a fogaxe e que o pan non se queimara. Era entón cando o cheiro do forno se facía perceptíbel en todo o lugar e polo que se sabía que en Cas Paredes estaban a cocer. Co rodo sacábanse os restos de brasas e cinsa do forno e cunha grande pa de madeira íase introducindo cada peza dentro do forno colocada con sumo coidado, non de calquera xeito. Ao remate metíanse as bolas e boliños preñados de chourizo, que era o que máis axiña se cocía.
A maseira tiña que quedar limpa para unha nova fornada. Con ese fin a tía Remedios collía unha rasqueta e retiraba toda a masa que ficara pegada e con ela facía unha torta de rascas engadíndolle abundante azucre e que metía uns minutos no forno. Era o primeiro que sacaba e servía para a merenda.
Aquela mesma noite ceabamos todos das bolas acabadas de facer acompañadas por un forte tintorro de Chantada, dese que manchaba a cazola; aínda que as nenas bebiamos leite dunha canada acabada de muxir, que sabía a gloria!

01/03/2011