Revista avozdevilalba.com


Redacción


Xa está ao dispor dos lectores o número 5 da revista avozdevilalba.com, que inclúe os artigos publicados por este medio dixital ao longo do mes de outubro.

Coma sempre, pódese descargar pinchando na imaxe ou ben dende a zona de descargas na columna da esquerda.

31 de out. de 2008

No pasamento de Anxo Rei Ballesteros

Redacción

O pasado mércores 29 de outubro finou en Vigo, tras unha longa enfermidade, Anxo Rei Ballesteros (Codeso, Boqueixón, 1952), un dos máis importantes autores do panorama literario galego moderno.
Malia estar sempre, en certa medida, afastado do sistema literario, elo non lle impediu ser amplamente valorado pola crítica, polos outros escritores e tamén chegar a recibir un grande número de premios entre os que destacan o Ramón Piñeiro, o Pedrón de Ouro ou o Losada Diéguez.
A súa novela Dos anxos e dos mortos (1977) foi, case dende o momento da súa publicación, unha das obras clave da nosa literatura do período da democracia, pois marcou un punto de inflexión nas tendencias narrativas do momento, deixando atrás o caduco realismo social e abrindo unha nova etapa marcada polo fragmentarismo que caracteriza á modernidade.
As peculiaridades da súa producción, a súa indiscutible calidade e o feito de non ser un escritor moi prolífico contribuiron a crear esa imaxe de autor de culto. Haberían de pasar quince anos dende aquela primeira obra para que en 1992 vese a luz Loaira, coa que voltaría a romper esquemas. En 1998 publica o conxunto de relatos A sombra dos teus soños e en 2005 a súa derradeira novela, Non sei cando nos veremos, editada por Galaxia, e na que recurre á incorporación ao discurso literario da lingua oral e da narración directa para facer unha crítica absolutamente desprexuiciada da moral e as formas de vida imperantes na sociedade actual. Ademáis da súa producción no eido da narrativa, non tivo medo que coquetear con outros xeneros coma o teatro (Xogo de damas, 1988) e o ensaio con A outra memoria (1989) e Tempo e vinganza (2003), premio Ramón Piñeiro 2002.
O autor, que residía na Pobra do Caramiñal, será soterrado o venres ao mediodía no cemiterio do Barqueiro.

War of the Worlds

Redacción
Hoxe cúmprense 70 anos daquel lonxano 30 de outubro no que Orson Welles, desde o seu programa de radioteatro na CBS, adaptou a novela de ciencia-ficción do escritor de ciencia-ficción Herbert George Wells A guerra dos mundos.
No comezo daquela transmisión un locutor, tras sinalar o inicio do programa, cedeu a palabra a Welles, quen comezou a ler en ton dramático as primeiras liñas da novela. Aqueles oíntes que conectaron a radio neses intres, aínda puideron decatarse de que se trataba dunha ficción. O que conectase máis tarde xa escoitaría unha especie de programa musical interrompido de súpeto por un noticiario no que se dicía que uns astrónomos acababan de ver unhas estrañas explosións no planeta Marte. A continuación describíase unha caída do que se crían meteoritos, pero que resultaron ser as naves marcianas invasoras. Na emisora escoitábanse berros mentres o reportero vociferaba. Todo pensado para que atmosfera da transmisión fóra dun absoluto e máis que convincente realismo.
Á altura do minuto 40, aproximadamente, escoitábase unha segunda mensaxe aclaratoria. O programa terminaba coa narración en terceira persoa dun tal profesor Pearson (Orson Welles), que describía a morte dos invasores. Pero o aviso chegaba tarde porque xa a alarma xeral tiña saltado en todo o país, o que levou a pensar que realmente estaba sendo invadido. O pánico estendeuse polas rúas de Nova York e Nova Jersey. As comisarías de policía e as redaccións dos xornais estaban bloqueadas por chamadas de oíntes aterrorizados e desesperados. Houbo quen se pechou no sótano da casa cun arsenal de armas. Outros se puxeron toallas molladas na cara para protexerse dos gases venenosos dos alieníxenas. Foi un deses momentos culminantes do século XX nos que se demostrou, unha vez máis, o emerxente poder dos mass-media.
Anos despois, en 1998, case en pleno século XXI, e con motivo do 60 aniversario da histórica transmisión, dúas emisoras de radio, unha en Portugal e outra en México, a XEART do estado central de Morelos, emularon a Orson Welles transmitindo de novo unha versión contemporánea. O curioso foi que obtiveron os mesmos sorprendentes resultados entre os radio oíntes, nada menos que 60 anos despois. Resulta curioso comprobar como en 1966, na súa obra 2001: Unha odisea no espazo, Arthur C. Clarke narra de forma retrospectiva a realización de dúas dramatizaciones máis da historia de H.G.Wells, co que de xeito casual cumpriuse en 1998 (non é a primeira vez que sucede coa ciencia-ficción) tal profecía, entón futurista.


Pódese escoitar a emisión orixinal de Orson Welles na CBS picando aquí.

30 de out. de 2008

Poeta Karadzic

Bruno Marcos

A cousa máis sorprendente ocorrida nos momentos posteriores ao prendimiento de Radovan Karadzic non foi, precisamente, o seu aspecto de ancián emboscado entre barbas e cabeleira brancas tachonadas, na súa cúspide, por un guecho aínda negro, nin sequera o feito de que quen destruíra tan alto número de vidas se adicase a curar mediante a menciña natural, senón a insistencia coa que os medios de comunicación repetían a súa condición de poeta, coma se tal vocación fose crucial na definición do escuro personaxe. Sen dúbida ese dato tórnase asombroso na biografía dun criminal xa que dá un revolcón considerable ás nosas conviccións sobre a bondade moral que vimos asociando ás máis altas expresións do ser humano, entre elas a poesía. «Non son un monstro, son escritor». Repetían en ocasións el e a súa familia para defenderse.

Di un autor serbio que Radovan quería ser escritor pero que xamáis o tomaron en serio. Con todo, o certo é que no seu currículo figuran cinco libros de poesía. No ano 1993 obtivo o máis prestixioso premio literario de Montenegro, o Risto Ratkovic polo seu libro de poemas O invitado eslavo. E no ano 1994 foi galardoado co premio Mijail Solojov concedido pola Unión de Escritores de Rusia «no recoñecemento público dos méritos artísticos e a elevada moral das súas obras». Vémonos tentados a pensar: «Sería un poeta, pero malo, ou un escritor frustrado». Os versos que se citan de Karadzik axúdannos nese sentido porque parecen pésimos e, ademáis, tratan sobre o mesmo que a súa acción política, confirman as súas fantasías épicas e a súa crueldade. Por exemplo: «Nacín para vivir sen tumba / este corpo humano non morrerá xamais / non está só para cheirar as flores / senón tamén para incendiar, matar e reducir a po». O mesmo arguméntase sempre que saen a colación as delicadas pero frías acuarelas de Hitler. Con Hitler quédanos o alivio de saber que foi rexeitado dúas veces para ingresar na Academia de Belas Artes de Viena. No seu caso o arte sae fortalecido ao demostrar que se anticipou en repudiar ao monstro antes que a política e a democracia que o ergueron, máis tarde, ao poder. Pero, e que ocorrería se a poesía do líder serbobosnio fose verdadeiramente boa, se a pintura de Hitler resultase fermosa? Probablemente quedarían seriamente danadas as nosas nocións do bo e o belo e a afeita maridaxe co que as vimos tratando. Doutra banda non é nada novo este dilema entre a ética e a estética, xa nos diálogos de Platón dicíase que era unha tolemia deixar en mans dos poetas a educación dos nenos.

De que sustancia está feita a poesía para que permita habitar as súas entrañas a seres marabillosos e a colosais asasinos? Parece incuestionable que a cultura, a arte, a filosofía e, en suma, a intelixencia fannos mellores, pero é innegable, ao mesmo tempo, que ser poeta, artista ou filósofo non é unha garantía de santidade. «Karadzic é unha especie de Doutor Poeta e Míster Criminal, porque non hai dúbida de que é un criminal de guerra, e chegou a selo por pura vaidade». Escribiu Slavenka Drakulic, quen nos relata tamén un filme no que se ve a Karadzic convidar a un poeta ruso a disparar refachos de metralleta sobre as vivendas do Saraievo asediado. Zizek comentou recentemente que non hai que estrañarse da alianza entre poesía e crime: «Non debemos desprezar -di- a súa poesía nin considerala ridícula; merece unha lectura detallada, porque ofrece a clave para entender como funciona a limpeza étnica».
Seguramente a súa poesía foi a arenga mental que fabricou Karadzic co fin de fundar os seus sinistros obxectivos sublimando, a través da linguaxe poética, o que non podía defender a través da razón. Con toda seguridade trátese, no caso do poeta Karadzic, daquel perigo do que nos quixese previr Platón ao excluír aos poetas da súa cidade ideal, o feito de que estes poetas, uns ou outros, antes ou despois, tentarían pór o belo no lugar do verdadeiro.
Traducción: Mario Paz González

29 de out. de 2008

O Galego nos cemiterios


Xulio Xiz

Estamos ás portas do Día de Difuntos, celebración que no mundo cristián nos congrega arredor dos lugares nos que repousan os restos mortais dos seres queridos, que é festa para a lembranza dorida dos que se foron, e na que cómpre recordar a lenda que figura no cemiterio de Trobo, no concello de Begonte, na que se recorda que ”Aquí están os nosos ósos, esperando polos vosos”.

Todas as miñas lembranzas en Vilalba están relacionadas co vello cemiterio dos Castros, onde ía todos os anos. Non así no novo cemiterio de Lanzós, onde só teño estado un par de veces.

O tema ven a conto pola chamada recibida de Xosé González, Pepe de Redondela, presidente da Fundación Lois Peña Novo e da Asociación de Funcionarios pola normalización da Lingua Galega, para lembrarme que non hai moito tempo se fixera en Vilalba xustiza a Lois Peña Novo, e que non era nada malo se con motivo de Difuntos, agora e sempre, se poderían facer actos que reivindicasen que as laudas dos nosos mortos, as lápidas conmemorativas, se fixesen en galego, para ir creando conciencia da realidade do galego escrito no noso país, e de xeito especial, nos cemiterios.

Se saímos pola rúa, e conversamos e oímos conversar, podemos concluir – en Vilalba por exemplo- que un oitenta ou un noventa por cento das conversas son en galego. Se falamos de xente maior. Sen embargo, cando escribimos cartas, cando deixamos notas, cando poñemos anuncios, a proporción non é a mesma. E nos cemiterios, por esto saíu o tema, unha proporción mínima cando non é inexistente, en galego.

Eso o que o meu amigo, e especialmente amigo do galego, quere combater. Quere que se somos galego falantes e exercentes o sexamos ata o remate. E que as nosas esquelas nos xornais e nas radios sexan en galego, e as poucas liñas que lembren o noso paso polo mundo, en galego sexan tamén.

É unha loita longa, con poucas esperanzas polo de agora porque a inercia é forza poderosa que nos marca un xeito de vivir, unha maneira de comportarnos, e ten establecido neste campo tamén as súas directrices.

Esta mesma asociación, e este mesmo presidente, hai xa varios anos confeccionaron un libro de testamentos en galego, no que por pura cuestión alfabética –Xiz- me coubo a honra de pechar cunha brevísima última vontade en galego para os meus dous fillos. Pero xa había moito tempo, coido que arredor de vinte anos, que a miña muller e máis eu fomos os primeiros lucenses que fixemos testamento en galego, documento non público pero que é proba de que hai cousas que se poden facer con toda naturalidade aínda que toda a corrente vaia en sentido contrario.

O de facer testamento cando tiñamos arredor de corenta anos non foi porque tiveramos moito que deixar ós nosos dous fillos, senón porque as cousas feitas non requiren présa, e é mellor testar cando coidas que é axiña que cando un está nas últimas.

En fin, que o do testamento pódese xuntar ó das cartas, ó das esquelas, e ó das laudas dos cemiterios. Se nos entendemos en galego andando por este mundo, tamén nos podemos entender cando esteamos no máis aló, e as nosas sepulturass reciban as visitas curiosas dos que queiran pescudar quenes os antecederon a andar por esta terra. Que nos lean en galego, aínda que só sexa nome e datas, e eso de que “a túa familia non te esquece” ou o desexo de que “descansemos na paz do Señor”.

Desexando que a sentencia que mencionamos como campante no cemiterio de Trobo de “Aquí están os nosos osos, esperando polos vosos” sexa verdade pero tardando moitos, moitos anos, pecho aquí o tema, agardando que as mil primaveras que para a lingua desexaba Cunqueiro cheguen tamén a sectores por agora moi alonxados do idioma galego.
O descanso eterno dunha persoa, mentras os seus restos mortais podrecen nun cemiterio, pode facerse moi ben á beira dunha lápida en galego.

Fotografías: Paulo Naseiro

28 de out. de 2008

Foro Medios Impresos e Mundo Dixital


Redacción

Co fin de analizar o presente e o futuro dos medios impresos -prensa, libros, revistas ou folletos- fronte á publicación dixital en Internet e a súa repercusión, o vindeiro xoves día 30 celebrarase en Compostela o Foro Medios Impresos e Mundo Dixital, dirixido a expertos dos mass-media, as artes gráficas, editores e o mundo da publicidade. O encontro terá lugar no Hotel Puerta del Camino e está organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), a Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia(AEAGG) e o Clúster do Producto Gráfico e do Libro Galego, en colaboración coa Secretaria Xeral de Comunicación da Xunta, a Fundación Caixa Galicia, El Corte Inglés e a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago.

Na inauguración estará presente Fernando Salgado, Secretario Xeral de Comunicación da Xunta, que estará acompañado de Arturo Maneiro, presidente da APG -na fotografía- e de Jacobo Bermejo, presidente da AEAGG. Na primeira sesión, adicada ao presente e futuro dos medios impresos no mundo dixital, intervirán: Xosé Luis Vilela, director de La Voz de Galicia; Ceferino de Blas, conselleiro do Faro de Vigo; Xosé Manuel Rey Novoa, director de El Correo Gallego, e Xosé Lois Gómez, editor de xornal.com e futuro director de Xornal de Galicia. Actuará como moderador Francisco Campos Freire, ex-director xeral da CRTVG e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación de la USC. No resto das sesións, que comezarán ás 11 da mañá e continuarán ata as 20 horas, serán obxecto de análise os seguintes temas:

  • A nova expectativa que se abre aos autores pola facilidade que supón colgar na Rede traballos de investigación ou obras de creación literaria.
  • A rapidez e globalización do acceso á información e ás versións dixitais de xornais.
  • O aumento, alcance e influenza da publicidade nos medios dixitais.
  • Os beneficios ou perxuizos que estes novos usos e costumes poden supoñer para o sector das artes gráficas.
  • A presenza, cada vez máis ampla, dos contidos de obras impresas en Internet.

27 de out. de 2008

Presentación da Plataforma I+dea

Redacción

A Plataforma I+dea, liderada polo Cluster Audiovisual Galego (CLAG) e financiada pola Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, será presentada o vindeiro 7 de novembro en Compostela, nun acto no que intervirán expertos tecnólogos e representantes da Xunta e do Ministerio de Industria, así como de outras plataformas tecnolóxicas audiovisuais de ámbito autonómico, estatal e europeo. O devandito acto terá lugar no Hotel Palacio del Carmen.

A xornada estará presidida polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente de I+dea e do CLAG, Antón Reixa (na fotografía). A continuación, o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia, falará das "Oportunidades para as Plataformas Tecnolóxicas Galegas". O director do Grupo de Aplicación de Telecomunicacións Visuais da Universidade Politécnica de Madrid, José Manuel Menéndez García ofrecerá o relatorio titulado "Tendencias do audiovisual dixital: desafíos e novas oportunidades".

Na xornada realizarase unha análise da importancia da colaboración no ámbito audiovisual como ferramenta fundamental para o desenvolvemento desta industria. O conselleiro técnico da Dirección Xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Jesús Cañadas Fernández; o coordinador da Oficina AproTECH de AETIC , secretario da Plataforma Tecnolóxica Española de Tecnoloxías Audiovisuais en Rede (eNEM) e membro do Comité de Dirección da Plataforma Europea NEM, Julián Seseña Navarro; o director xerente de Televisión de Galicia, S.A. e vicepresidente da Plataforma I+dea, Xesús Manuel Iglesias García; e o director do Área de Desenvolvementos Sectoriais de AIDO e coordinador da futura Plataforma Tecnolóxica Valenciana de Tecnoloxías Audiovisuais en Rede (vNEM), Vicente de Gracia Bonache, serán os expertos que avaliarán as posibilidades e vantaxes das políticas colaborativas.

Tu quoque?

Paulo Naseiro

Conta a lenda que as últimas palabras de Xulio César foron dirixidas ao fillo da súa amante Servilia, Marco Xuño Bruto, participante no complot dos idus de marzo que acabou co dictador romano. Foi Shakespeare quen inmortalizou a frase na inmorrente obra Xulio Cesar (tu quoque, Brute, fili mi), aínda que Suetonio afirma que césar dixo, en grego, Kai su, teknon?, que ven a traducirse igual.

Na Roma antiga, acabar coa vida do emperador ou dun político importante viña a solucionar dun xeito expeditivo fondas crises políticas, aínda que a maioría das veces a táctica daba orixe a problemas aínda maiores.

Afortunadamente, a praxe política veu avanzando moito nos últimos vinte séculos, e xa non é condición indispensábel o magnicidio para resolver crises. Ou, cando menos, iso cremos. O homicidio político forma parte da memoria recente. Véxase senón, un lisado que non pretende ser exhaustivo: Benzir Butho, Olof Palme, Anwar-el-Sadat, Yitzjak Rabin, Indira Gandhi, Lumumba...

Sen ir máis lonxe, na reencarnación do moderno Imperio Romano, os Estados Unidos de América, rexístrase unha longa tradición de asasinatos de grandes figuras que comeza no Ford Theatre co disparo de John Wilkes Booth que acabou con Abraham Lincoln o 14 de abril de 1865, segue coa morte do 25º presidente, William McKinley o 6 de setembro de 1901, pasa polo máis mediático magnicidio da historia, o de John Fitgerald Kennedy o 22 de novembro de 1963 en Dallas, Texas, a morte de Martin Luther King o 4 de abril de 1968 ou a do canditato presidencial Robert Kennedy a penas dous meses despois.

Fora das fronteiras USA, a moderna garda pretoriana da CIA parece estar involucrada nas mortes nada naturais do congoleño Patrice Lumumba, de Ernesto Che Guevara, do chileno Salvador Allende e dunha cantidade impresionante máis de dirixentes de todo o mundo. Incluso, e non o agochan, as diversas administracións norteamericanas intentaron en diversas ocasións acabar con Fidel Castro: 38 veces durante a administración Eisenhower, 42 na do propio Kennedy, 72 con Johnson, 184 con Nixon, 64 con Carter, 197 con Reagan, 17 con Bush pai e 21 con Clinton (a Bush fillo aínda lle queda tempo para engadir tantos no marcador).

É inquietante o uso do asasinato como instrumento no proceloso mar das relacións internacionais, abondo practicado polas axencias de contraintelixencia americanas, pero aínda desacouga máis o escuro papel que adoitan ter na propia política interna. Está case fora de dúbida a implicación dos servizos para-estatais nas mortes de ambolosdous Kennedy ou de Martin L. King, antes citadas, dise que co fin de manter intacto o estatus de privilexios dos que gozan algúns sectores da oligarquía norteamericana.

Non é estrano, pois, que entre as cen procuras máis habituais de google figure nas últimas semanas a frase "kill obama", matar a Obama. Collin Powell contaba hai pouco tempo que decidiu non presentarse ás eleccións presidenciais polo medo da súa dona a que o mataran. E iso que Powell, aínda que negro, é bastante conservador. Un negro progresista, fillo de musulmán, e cun programa amplamente liberal, dende a perspectiva norteamericana do concepto, é algo así como cuspirlles á cara para non despreciables sectores da opinión pública (e o poder) nos Estados Unidos. Un non quere ser agoreiro pero, permitirán que gañe as eleccións ou, como pouco, que comece a implantar partes substanciais do seu programa? Eu, no pelexo de Barak Obama andaría con algo de medo.


26 de out. de 2008

Hoxe remata o foro “O valor crítico dos bens culturais” na sede do Consello da Cultura

María do Cebreiro participou nunha das sesións de onte

Redacción

O foro de debate “O valor crítico dos bens culturais”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), concluirá a primeira hora da tarde de hoxe cunha sesión que se centrará especialmente na reflexión sobre “Os bens culturais e a Administración” e contará coa participación de representantes do Ministerio de Cultura e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. As sesións de onte venres analizaron “Os bens da escritura” (Susana Fortes, Daniel Buján e María do Cebreiro); “Os bens da Arte” (Antón Patiño e Araceli Pereda), “A poética do artista e da cidade” (Alberto Ruiz de Samaniego) e “Os bens mobles” (María José Martínez Justicia, José María Cabrera e Antón Castro, subdirector do Instituto do Patrimonio Histórico Español).

Hoxe, ás 10 da mañá, Ignacio González Varas, profesor de Restauración, ocuparase de “Os bens culturais: inmobles”, tretrucado por Federico Garrido, subdirector xeral de conservación e restauraciòn de Bens Culturais da Xunta de Galicia, e David Chao, profesor de Historia da Arte. Ás 12 horas, a derradeira sesión proporá unha reflexión sobre “Os bens culturais e a administración” coas intervencións de Alfredo Pérez de Armiñán y de la Serna, presidente de Hispania Nostra; Felipe Arias, Director Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Antón Castro, Subdirector do Instituto do Patrimonio Histórico Español; e de Iago Seara, arquitecto e profesor da Escola de Arquitectura da Coruña. Este Foro, iniciado o pasado día 23 e coordinado polo arquitecto Iago Seara, é o quinto dos seis organizados este ano polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os primeiros 25 anos da institución (1983-2008).

25 de out. de 2008

Simposio sobre toponimia e cartografía no ILG


Redacción

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega celebrará entre o 28 de outubro e o 6 de novembro un simposio sobre o tema Toponimia e cartografía. O obxectivo deste encontro científico é ofrecer unha panorámica dos estudos que, dende distintas disciplinas, explotan cientificamente a conxugación da investigación toponímica e da análise cartográfica. Os participantes convidados son especialistas en xeografía, historia, dialectoloxía e historia da lingua que nos seus traballos tiran rendemento da representación cartográfica dos nomes de lugar.

Os temas das conferencias procuran ofrecer unha panorámica xeral dos estudos interdisciplinares de toponimia, especialmente das achegas feitas desde a xeografía, a historia e a lingüística. Por unha banda, cóntase coa participación de investigadores do eido da xeografía que están a traballar ou traballaron en proxectos vencellados coa toponimia; e, por outra, con colaboradores de proxectos e investigacións que aproveitaron a cartografía toponímica para obter resultados sobre a evolución e descrición dos sistemas lingüísticos.

As conferencias pretenden tamén dar a coñecer aos asistentes o estado de desenvolvemento destes proxectos, a metodoloxía que se está a utilizar, os resultados que deica agora se obtiveron e as perspectivas futuras.

24 de out. de 2008

O Valedor do Pobo suxire a reforma da Lei da CRTVG


Redacción

O Valedor do Pobo, Benigno López, aposta porque o Goberno galego proceda á reforma da Lei de Creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para “garantir a súa obxectividade e neutralidade política no tratamento da información institucional (...) e para que se establezan uns criterios de acceso dos grupos políticos aos medios de comunicación públicos que respecten estes principios, a súa representación parlamentaria e a implantación política no ámbito territorial”.

Esta é a suxestión que realiza o alto comisionado do Parlamento a raíz da queixa presentada o pasado mes de xuño polo PPdeG na que reclamaba a intervención do Valedor ante a suposta "censura, falta de pluralidade, neutralidade e imparcialidade" na Televisión de Galicia. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reiterou no último Debate sobre o Estado da Autonomía, celebrado a primeira semana de outubro, o compromiso de pechar antes de que finalice este ano o proxecto de reforma da CRTVG, a lexislación da cal está vixente dende hai 24 anos.

Para o Valedor do Pobo, esta é a vía para "fortalecer os instrumentos de garantía" respecto da información institucional e política e o dereito de acceso dos grupos políticos e sociais aos medios de comunicación de titularidad pública. Asemade, o alto comisionado tamén recomenda a constitución do Consello Asesor, xa previsto na lei de creación do ente, pero non desenvolvido. O Valedor do Pobo lembra que un dos obxectivos da programación é "manter unha liña de obxectividade, pluralismo e servizo ao pobo galego incompatible con ningún tipo de partidismo", polo que avoga por desenvolver os dereitos de antena para establecer "unhas pautas xerais de comportamento informativo acordes co pluralismo político, relixioso, social, cultural e lingüístico" e que "garantan a neutralidade informativa".

Galicia participa na rede internacional de aprendizaxe integrada de contidos e lingua


Redacción

Asesores lingüísticos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria están a trasladar a experiencia galega no eido das seccións bilingües no marco do Congreso internacional CLIL Fusion Multilingual Mindsets in a Multicultural World: Building quality learning communities, que se celebra en Tallin (Estonia) hoxe e mañá.

Esta conferencia, na que se abordarán temas como o éxito educativo en comunidades de aprendizaxe CLIL, aprendizaxe e neuro-ciencia, boas prácticas CLIL ou o diálogo intercultural, está organizada pola CCN (CLIL Cascade Network), organismo internacional financiado pola Comisión Europea; o Centro de Inmersión Lingüística de Estonia; e a Universidade de Jyväskylä (Finlandia). O aumento rexistrado no número de centros e seccións bilingües que se desenvolven na Comunidade galega este curso 2008/09 levou á CCN a convidar á Consellería de Educación a explicar por primeira vez a súa experiencia neste congreso.

A Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras (AICLE; en inglés Content and Language Integrated Learning) é unha corrente da lingüística aplicada que propugna que nos contextos escolares existe un maior éxito na aprendizaxe das linguas estranxeiras a través das materias comúns, como a historia ou as ciencias, que por medio dos currículos funcionais. A investigación neste eido ten demostrado tamén que o plurilingüismo na escola, aproveitando os recursos, estratexias e destrezas que desenvolve o alumno cando aprende unha lingua ou materia, a través dos currículos integrados das linguas e áreas non lingüísticas, contribúe de maneira eficaz ao desenvolvemento dunha competencia comunicativa en linguas que optimiza e facilita as aprendizaxes posteriores.

Este curso 2008/09 un total de 190 centros da Comunidade galega desenvolven 665 seccións bilingües, fronte aos 114 centros e as 332 seccións do curso pasado. Isto supón un incremento do 100% no número de seccións bilingües que se desenvolven este ano académico con respecto ao 2007/08. Unha sección bilingüe é a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou bacharelato, ou dun módulo de Formación Profesional específica, que se cursa cun grupo de alumnos dun xeito bilingüe: en galego ou castelán, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente en materia de normalización lingüística, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea. A súa finalidade é reforzar a aprendizaxe da lingua estranxeira a través da incorporación parcial do seu uso como vehículo de comunicación na área, materia ou módulo en que se desenvolve, así como a adquisición da terminoloxía específica.

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil


Redacción

O escritor vilalbés Agustín Fernández Paz acaba de ser galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008, dotado con vinte mil euros, pola obra 'O único que queda é o amor'.

Fernández Paz (Vilalba,1947) é profesor de Língua e Literatura no Instituto Os Rosais de Vigo; na súa calidade de ensinante pertence aos colectivos de renovación pedagóxica Avantar e Nova Escola Galega.

Escritor prolífico, obtivo, entre outros, o premio Merlín de literatura infantil en galego, o Lazarillo, Edebé de Literatura Xuvenil e o Premio da Asociación de Escritores en Língua Galega (AELG).

Entre a súa abondosa produción literaria destacan 'Cartas de inverno', 'Amor dos quince anos', 'Un tren cargado de misterios', 'No corazón do bosque', 'Corredores de sombra', 'Contos por palabras', 'Rapazas' ou 'Trece anos de Branca'. A súa obra foi sido traducida ao castelán, catalán, euskera e portugués.

O xurado, presidido por Rogelio Blanco, Director Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, estivo compuesto, entre outros, por Margarita Salas, da Real Academia Española; Emili Teixidor, do Institut d´Estudis Catalans; Cristina Minguillón, en representación da Organización Española para o libro infantil e xuvenil; Marta Rivera de la Cruz, pola Asociación Colexial de Escritores; e os autores premiados nas dúas últimas edicións, Jordi Sierra i Fabra e Fernando Marías.

Agustín Fernández Paz é o terceiro lugués galardoado con este Premio, que en 1986 distinguiu a Paco Martín con "Das cousas de Ramón Lamote" e no 95 a Xavier P. Docampo con "Cando petan na porta pola noite". Compre destacar a especial relación dos tres coa Terra Chá, dous por seren chairegos -Fernández Paz e Xavier P. Docampo- e Paco Martín por ser o criador do profesor de chairego máis famoso do mundo.

23 de out. de 2008

Roubos nas igrexas. Damnificados, os veciños


Xulio Xiz

O tema dos roubos nas igrexas, tan de actualidade na Terra Chá, merece a atención de todos, especialmente dos poderes públicos que teñen que tomar medidas ó respecto e sen tardar, porque o problema é tamén de todos nós.

Hai anos, era imposible plantearse un tema coma este porque roubar nun territorio sagro era algo que repugnaba mesmo ós ladróns, e a necesidade tiña que ser moita para que alguén se decidise a roubar o diñeiro das “boetas”, como se lles chamaba ós “cepillos” para depositar esmolas, e xa non digamos unha imaxe ou pezas valiosas que as imaxes pudiesen portar.

As igrexas permanecían abertas, sen ningún tipo de protección, ou todo o máis pechadas pero coa seguridade de que a chave estaba na casa que quedase máis preto da igrexa, chave que se deixaba a calquera que quixese entrar para rezar ou simplemente para contemplar as riquezas que a igrexa posuía.

Os tempos cambiaron, e ese respecto polo sagrado hai moito tempo que deixou de profesarse, e hoxe os templos son lugar preferente para os amigos do alleo coidando que alí hai botín seguro. A falla total de medidas de seguridade tan básicas como unha alarma, a carencia de cultos diarios, a distancia nalgunhas parroquias de casas habitadas, convirten as igrexas nos lugares perfectos para ser desvalizados.

Igrexas de Pastoriza, Abadín, Pol, Guitiriz e Castro de Rei sufriron nos últimos tempos roubos máis ou menos importantes. E en Vilalba, Corbelle, Codesido e Belesar. En Alba intentárono sen conseguilo. E non é que os roubos fosen moi importantes se atendemos á contía, pero son outros antecedentes e proba de inseguridade que se debe atallar.

Nun roubo en Guitiriz, na igrexa de Bascuas, chove sobre mollado, porque alí é onde Alfonso Blanco Torrado ten instalado un museo, creado e formado pola súa iniciativa e ás súas expensas, que foi desvalixado non hai moitos meses e que agora volveu sufrir un roubo.

O tema hai que relacionalo directamente con outros feitos delictivos detectados en Vilalba que causan preocupación, e que fai que os empresarios do polígono industrial se planteen controlar con cámaras a seguridade naquela superficie, e que o alcalde vilalbés, Gerardo Criado, se plantee reunir a xunta de seguridade local para estudiar en conxunto un problema que xenera inseguridade na poboación e ó que hai que poñer remedio o máis axiña posible.

Pero aínda que se inscriba dentro dun panorama moito máis amplo, volvo ó tema das igrexas, no que a colaboración dos habitantes das parroquias pode e debe ser moi importante.

Antes era máis doado, pero aínda agora nunha parroquia rural é moi difícil que alguén de forra pase desapercibido. Por outra banda, a instalación de medidas de seguridade debera ser estudiado urxentemente, porque a fin de contas o que se levan é patrimonio de todos.

Afortunadamente, conservamos un sentimento de propiedade colectiva, e a cada casa da parroquia afecta o que ocorra no territorio parroquial, xa non digamos na igrexa. Ou sexa, que esto non é somente un problema do cura e o obispado, senón do concello, das autoridades, e de todos os habitantes da parroquia.

O tema está aberto, pendente de resolver, pero máis que de fora a solución ten que vir de dentro, da parroquia, dos vecinos. Ou sexa, que “mans á obra”.

Os Grupos de Desenvolvemento Rural estarán operativos a comezos do 2009


Redacción

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, anunciou onte que os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) estarán operativos a comezos de xaneiro do ano 2009 acurtando nun ano -con respecto ao período anterior- os trámites para iniciar a posta en marcha dos proxectos que levarán a cabo no ámbito recollido na nova metodoloxía Leader. Os GDR xestionarán proxectos nos 31 territorios definidos para a configuración dos grupos por valor de 148,8 millóns de euros de investimento público que mobilizará un investimento privado que rondará os 400 millóns de euros.

Neste sentido, Suárez Canal sinalou que "se trata dunha inxección de recursos moi importante nunha realidade económica como é a crise actual, que permitirá que este investimento chegue a un amplo tecido social, empresarial e veciñal na base territorial do medio rural, e que sexa un bo mecanismo para dinamizar proxectos, poñer en valor os recursos endóxenos dos territorios e dinamizar a economía destes núcleos rurais que normalmente o necesitan nunha situación delicada como a que estamos a vivir”. O conselleiro lembrou que o PDR aprobado a finais do ano pasado pola Unión Europea recolle un novo deseño do Programa Leader para o período 2007-2013, coñecido como a nova metodoloxía Leader e que se caracteriza por tres elementos fundamentais.

En primeiro lugar resaltou a necesidade de que os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) encargados de executar o programa conformen estruturas realmente representativas do conxunto de axentes socioeconómicos, públicos e privados, do territorio de actuación, e cunha dinámica real de participación nas actividades do Grupo, incluída a toma de decisións. En segundo lugar, mencionou a reorientación en profundidade do destino dos fondos e o tipo de proxectos subvencionables, ampliando o abano de operacións elixibles dentro do programa, superando pasadas visións que identificaron desenvolvemento rural con turismo rural e priorizando os proxectos produtivos (xeradores de novos empregos e fontes de renda), cunha atención especial aos proxectos agroalimentarios e forestais innovadores; e dentro dos proxectos non produtivos aqueles cun maior efecto dinamizador e unha incidencia real nos servizos e a calidade de vida da poboación. A terceira novidade supuxo a modificación do modelo de xestión, reducindo a carga burocrática dos grupos para que poidan centrarse na planificación estratéxica, no acompañamento de procesos de desenvolvemento e na selección de proxectos.

Suárez Canal amosou a satisfación do seu departamento polo amplo consenso acadado na fase de configuración dos GDR, xa que a media de entidades sociais de cada grupo supera as 160, o que sitúa en 5.000 as entidades no conxunto do rural galego implicadas nos GDR. En canto á presentación de candidaturas, 26 territorios presentaron unha única candidatura, e nos restantes a Consellería do Medio Rural está levando a cabo un traballo que apunta a que finalmente haberá unha confluencia entre as diferentes propostas antes do mes de decembro, data na que está prevista que o consello de dirección de AGADER aprobe definitivamente as candidaturas e os proxectos presentados.

O Nobel Gao Xingjian o sábado 25 en Compostela


Redacción
No ciclo de conferencias da Bienal Literaria Internacional, organizado polo Pen Clube galego, que se celebrará estes días en Compostela e que xira en torno ás literaturas africanas e asiáticas, destaca a presenza do dramaturgo Gao Xingjian, francés de orixe chinesa e gañador do premio Nobel en 2000, que ofrecerá no Pazo de Fonseca o discurso inaugural.
Por parte asiática, destaca, xunto a Xingjian, a presenza do poeta indio en lingua bengalí Subrata Sarkar, o poeta kazaxo Kanat Kabdrakhmanov, o ensaísta nepalí Prakash Raj, o poeta coreano Gil-Won Lee ou o filipino Marciano R. De Borja. Mentres que pola africana poderían citarse: Agnès Agboton (Benin), Guillermina Mekui (Guinea Ecuatorial), Paulina Chiziane (Mozambique), Germano de Almeida (Cabo Verde), Diana Kurtz (Argelia), Ana Mafalda Leite (Angola), Fama Diagne Sène (Senegal), Solomon Hailermariam (Etiopía) ou o marroquí Larbi El-Harti, tradutor ao árabe de Cunqueiro.
Gao Xingjian comezaría a súa traxectoria, vencellada ao teatro do absurdo, no Teatro Popular das Artes de Pekín. En 1986 o goberno chinés prohibiu as representacións das súas obras o que o obrigou a viaxar a París ao ano seguinte, obtendo a cidadanía francesa. Da súa producción compre destacar O sinal de alarma, A estación de autobuses, O salvaxe e a coñecida novela A montaña da alma. A concesión do Nobel en 2000, non foi recibida con agrado por parte das autoridades chinesas, polo que os medios de comunicación da China continental non informaron da nova.
Xa en 2006 se celebrou a primeira Bienal Literaria Internacional, De pedra e de palabra, adicada a os autores iberoamericanos. Para esta ocasión están tamén programados outros actos ademáis do ciclo de conferencias sinalado: o xoves 30 homenaxearase a Ramiro Fonte cun recital a cargo de Manuel Forcadela e outros compañeiros e amigos do poeta; haberá roteiros literarios, como o que percorrerá os lugares de Valle-Inclán ou unha viaxe organizada pola Costa da Morte; a presentación dun informe sobre a situación dos escritores en Asia e África, a cargo de Cathy McCann e Tamsin Mitchell; e, quizáis, a presenza de Xosé Lois Méndez Ferrín, que podería ser o encargado de clausurar o evento.

22 de out. de 2008

A historia do idioma galego, na Semana Cultural de Galicia en México


Redacción

A segunda xornada da Semana Cultural de Galicia en México contou coa participación da secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, Marisol López, que na súa conferencia abordou a política lingüística en Galicia, o proceso de normalización do galego e as perspectivas de futuro.

A secretaria xeral fixo un repaso polo marco legal do galego e pola situación sociolingüística da nosa lingua na actualidade. Destacou o incremento das competencias lingüísticas dos galegos na lectura e na escrita, pero tamén o risco de fractura xeracional na transmisión do idioma cara aos máis novos. Respecto dos retos actuais, sinalou a necesidade de avanzar cara a igualdade real entre o galego e o castelán, pois “canto máis igualitaria sexa a situación das dúas linguas, máis sólida será a súa convivencia e tamén a dos cidadáns”.

Marisol López apuntou como eixes prioritarios da política lingüística en Galicia favorecer o prestixio social do galego, promover a transmisión lingüística primaria, apoiar a presenza do galego nas novas tecnoloxías, mellorar aínda máis as competencias e lograr unha maior presenza do galego nas institucións do Estado e nas da Unión Europea.

Posteriormente, o profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, Eduardo Moscoso, abordou a historia do galego desde o Imperio Romano ata o século XXI. Logo de ofrecer uns datos breves sobre Galicia e o galego, nesta charla expuxo as principais diferenzas entre as evolucións que sufriron o galego e o castelán, que foron as que conformaron as características actuais destas dúas linguas nos planos fonético, morfolóxico, sintáctico e léxico. Tamén fixo referencia á situación sociolingüística da lingua galega ao longo do tempo, e moi especialmente no momento actual.

A xornada de hoxe dará comezo cunha conferencia da profesora da USC Elvira Fidalgo, que falará da poesía medieval galego-portuguesa, e continuará cunha charla do historiador Elixio Villaverde, que abordará a historia do exilio galego en México.

Encontro sobre vocabulario trobadoresco


Redacción

O coloquio internacional sobre vocabulario trobadoresco que se iniciou onte no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades remata hoxe coa presentación dunha nova versión do ´MedDB´, a base de datos que contén o corpus completo das cantigas medievais. Esta base de datos, construída e mantida polos investigadores e informáticos do centro, está dispoñible en Internet desde 1998, con máis dun millar de usuarios rexistrados e infinidade de buscas realizadas. A nova versión achega novidades de grande interese pois, ademais de modificar e ampliar as posibilidades de interrogación, permite visualizar os testemuños manuscritos que transmiten a lírica trobadoresca galego-portuguesa.

A devandita presentación terá lugar hoxe ás 18,30 horas, pero previamente haberá outros relatorios sobre a lírica galego-portuguesa, á que se poñerá en relación con outros lugares e linguas da Europa do momento. O programa prevé as intervencións das profesoras Ana Mª Ramos, da Universidade de Zürich, que falará sobre os vectores de circulación lingüística na poesía trobadoresca, e de Mª do Rosario Ferreira, da Universidade de Coimbra, que falará sobre a linguaxe que designa o espazo. Os profesores Juan Paredes, da Universidade de Granada, e Ângela Correia, da de Lisboa, ocuparanse do vocabulario propio das cantigas de escarnio e dos termos de escarnio de Johan Soarez Coelho, respectivamente.

Pola súa parte, o profesor Carlo Pulsoni, da Universidade de Perugia, buscará testemuños romances da voz ´sogliardo´e Yara Frateschi Vieira, da Universidade de Campinas, en Brasil, centrarase na presenza do corazón e dos ollos na lírica galego-portuguesa.

21 de out. de 2008

Joe ‘The Plumber’

Por César Reis

Dous conceptos definen coma poucos a existencia moderna: rapidez e vacuidade. Do primeiro temos probas abondo ao noso arredor: na comida rápida, nos vehículos de automoción, nas autovías, nas guerras “lóstrego”, nos trens de alta velocidade, na facilidade de transmisión da información…, en fin, un longo etcétera que, paradoxalmente, sería demasiado vagaroso relatar. Do segundo tampouco escasean os exemplos. Baste prender o televisor para decatarse delo. Pero, ás veces, cando estes dous conceptos se entrecruzan, xurden historias sorprendentes. Este é o caso de Joe ‘The Plumber’.

Non, non se confundan. Malia o seu nome, non se trata dun videoxogo, nin sequera dun debuxo animado ou dun superheroe. Simplemente é, coma o seu nome indica, un fontaneiro. Nen máis, nen menos.

Agora que, cunhas doses de tedio que ata chegan aos máis devotos seguidores, a campaña das eleccións norteamericanas, prolongada de xeito artificial durante un ano cunhas interminábeis primarias (lembran?), está a piques de dar os seus derradeiros estertores, políticos e xornalistas decatáronse de que algo tiñan que inventar para darlle novos folgos ao asunto. Aí é onde entra o noso personaxe.

Joe ‘The Plumber’, en realidade Joe Wurzelbacher, cometeu coma único pecado o de abordar ao candidato demócrata Barack Obama no seu paso pola cidade de Toledo (Ohio) o pasado 12 de outubro. Joe, coma moitos outros cidadáns, quería coñecer algúns aspectos do seu programa, en concreto como ía afectar a política tributaria demócrata ao seu plan de acadar o soño americano. É dicir, ás súas intencións de mercar a empresa para a que traballaba o que lle permitiría dese xeito ser o seu propio xefe.

Esta inxenua anécdota protagonizada por un anónimo cidadán con pinta de Míster Proper pasaría totalmente por alto, coma tantas outras, se non fose porque tres días despois, o mércores 15, o senador McCain ía lembrala no terceiro e derradeiro debate entre os candidatos, celebrado na Universidade Hofstra (Nueva York), ocupando con ela boa parte do mesmo (xa saben, coma aquela nena doutro candidato máis cercano). A intención de McCain era cuestionar o plan impositivo do seu contrincante. Vintecatro horas despois, na 63 Cea Anual de gala de la “Fundación Alfred E. Smith”, á que acudiron os dous candidatos, xunto con legisladores, xerarcas da Igrexa e as autoridades neoiorquinas, de novo McCain anunciou, coma unha brincadeira máis, que contrataría ao, xa entón, máis que famoso fontaneiro, despedindo aos seus asesores (calquera o faría logo de escoitar as intervencións de Sarah Palin).

A partir destes feitos, sobre todo da mención no debate que o propio Joe calificou de “surrealista”, desencadeouse unha serie de acontecementos que faría a máis dun reprantexarse o de desexar eses quince minutos de fama dos que falara Warhol. Non hai circo que se preze que non teña ao seu paiaso, e no das eleccións norteamericanas, que mellor podían atopar que un tipo inxenuo coma Joe. Tampouco nada mellor, nen tan populista, coma sacarse da manga a un personaxe tan do estilo americano. Dalgún xeito políticos e xornalistas tiñan que encher esa vacuidade da que falabamos ao comezo, ese valeiro ideolóxico e informativo que envolve, cada vez máis, eventos coma estes.

A desfeita estaba en curso coma un exemplo máis das consecuencias que os manexos dun peculiar xeito de facer xornalismo poden ter na vida de calquera individuo normal. Xornais, debates, blogs e foros converteron a Joe no novo heroe americano. Pero, ao atoparse na cresta da onda, a sua vida e miragres, coma os daquela Katharina Blum de Heinrich Böll, foron investigados, diseccionados e radiografiados milimétricamente con fin de poñelo en tela de xuizo nun tempo récord (entra agora o concepto de velocidade) ata o punto de que os mesmos medios que, apenas días antes, o encumbraran, agora adicáronse a tumbalo colgándolle o título de “farsante” ou “estafador”. Segundo o New York Times, Joe non era fontaneiro ao carecer da licenza pertinente e non tela solicitado, tampouco fixera o curso que lle permitiría exercer, nin estaba afiliado ao sindicato de turno. Pero os medios foron máis lonxe na súa campaña. Ávidos de exhaustividade informativa, revelaron deseguida que Joe non tiña as súas débedas tributarias ao día e que, por riba, nas primarias do estado de Ohio apoiara aos republicanos. Non sei se tamén lle investigaron o grupo sanguíneo, as súas aficións musicais, culinarias ou sexuais, pero, visto o visto, todo podería ser.

En fin, que Joe ‘the plumber’ pasou en menos dunha semana de ser un símbolo a ser un fraude, unha voluta de fume que se perde no esquecemento. Unha semana despois xa ninguén o lembra, afortunadamente. Calquera sabe se, a estas alturas, ousa saír da casa. Do mesmo xeito que Joe, con esa mesma velocidade, tampouco tardarán en esquecerse esas vacuas promesas dos candidatos, xa o dixo o inmortal bardo de Stratford-upon-Avon, non son máis que words, words, words (Hamlet, II, 1).


Joe Wurzelbacher no intre de interpelar a Obama


cesar.reis.alveiros@gmail.com

20 de out. de 2008

Presentado o Plan de Dixitalización da CRTVG

A Comisión de Dixitalización entregou o Plan hai uns días

Redacción

A "Comisión de Dixitalización", creada para deseñar o Plan de Dixitalización da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), presentou o pasado día 10 de outubro o seu primeiro borrador ao Director Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel José Fernández Iglesias. O Plan, que contará cun orzamento de seis millóns de euros e se desenvolverá en dúas fases, ten como obxectivo eliminar as cintas do fluxo de traballo e xestionar os contidos dixitais, de xeito que sexan accesibles desde calquera computador dos medios de públicos galegos.

O acto de entrega levárono a cabo algúns dos membros da Comisión de Dixitalización: o secretario xeral da CRTVG, Carlos Monclús; o director da División de Recursos Económicos e Comerciais da CRTVG, Manuel Lago; o director do Departamento de Comunicacións e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo; o director xerente da TVG, Suso Iglesias; o director do Departamento de Produción da TVG e director da Comisión, José M. Rey-Cabarcos; o xefe do Servizo de Sistemas de Información da CRTVG, Anxo Piñeiro; e o asesor externo e redactor do Plan, Carlos Pedreira.

A dixitalización do ente público galego terá como obxectivo instaurar un fluxo de traballo sen cintas, onde os contidos audiovisuais sexan accesibles dende calquera computador de xeito automático e transiten pola rede de comunicacións corporativa. Todo o proceso centrarase basicamente nun sistema de xestión dos contidos audiovisuais, ao que se lle dotará das ferramentas específicas para cada tarefa.

Este proxecto, chamado "Proxecto Básico de Dixitalización da CRTVG, TVG e RG", define a tecnoloxía a implantar, o equipamento de hardware e software, as necesidades de espazo e acondicionamento, un plan de formación do persoal, e o calendario de actuación e opresupuesto. Neste senso, establece un proceso de implantación en dúas fases: a primeira delas ou "proxecto piloto" iniciarase en xaneiro de 2009, e a segunda ou "proxecto executivo" desenvolverase dende xaneiro de 2010.

Rubert de Ventós abrirá o foro “O valor crítico dos bens culturais”, organizado polo Consello da Cultura


Redacción

“A visión crítica dos bens culturais e a súa conservación, que é ante todo unha mentalidade, obríganos a entendela desde unha conciencia colectiva activa e reflexiva”, dixo Iago Seara, arquitecto e coordinador do Foro de debate O valor crítico dos bens culturais, que terá lugar os días 23, 24 e 25 de outubro no Consello da Cultura Galega coa participación de trinta expertos. Para o presidente da institución, Ramón Villares, este foro, o quinto dos seis organizados este ano, resulta particularmente necesario en Galicia polo valor cuantitativo e cualitativo do seu patrimonio.

A apelación á conciencia colectiva activa e reflexiva foi explicada por Iago Seara polo feito de que a historia da cultura material “e expresión da actuación da humanidade e da historia dos pobos pero está, ao mesmo tempo, enmarcada nos límites ou horizontes da conciencia ou da sensibilidade colectiva e contemporánea”. Esa visión crítica será abordada desde unha perspectiva pluridisciplinar coa participación, entre outros, do filósofo Xavier Rubert de Ventós, que abrirá o foro co relatorio “Os bens da conciencia crítica”, o arquitecto César Portela, o economista Xosé Manuel Beiras; o politólogo Xosé Luís Barreiro Rivas, o historiador da arquitectura, William J. R. Curtis, a escritora Susana Fortes, o artista Antón Patiño ou o profesor Alberto Ruiz de Samaniego.

No debate terán tamén voz representantes do Ministerio e da Consellería de Cultura. O foro, coordinado por Iago Seara e con David Chao como secretario, prestará atención ás dimensións da memoria, a historia e a identidade e á súa proxección na creación e na producción contemporáneas. Por eso os debates abordarán a mentalidade ou conciencia crítica dos bens culturais a través de pensadores e creadores e desde as prácticas creativas e a cultura crítica da contemporaneidade, afirmou Iago Seara.

Odiosas comparacións


Iago Castro

Recoñezo que Rouco Varela me esperta antipatía, e coido que non son o único. Moitos dos que tiveron algún contacto persoal co arcebispo de Madrid senten, dígano ou non, a mesma sensación. Sen embargo, até hai un tempo recoñecíalle unha certa altura intelectual, ben que matizada, como é lóxico, pola carga dogmática da súa condición eclesial.

Pero agora nin iso. Entendo que a simplificación das mensaxes é necesaria para centrar os debates naquelas cuestións que máis interesan aos grandes grupos de presión como a Igrexa católica, pero unha persoa que se ten por docta non pode, a risco de facer o ridículo, dicir calquera barbaridade.

Rouco acaba de comparar o que el chama “laicismo” co nazismo. Así, cru e sen patacas. E aínda pretende ser unha especie de “guieiro” para os católicos españois, como se se non fosen máis ca un rabaño de parviños que tragan o que lles boten.

Porque, imos ver. Para empezar, iso que califican como “laicismo” non é ningunha ideoloxía. Para o contínuo afastamento dos europeus, dende o século XVIII, senón antes, da dogmática católica e da relixión en xeral, motivada en boa parte pola perenne inmobilidade eclesial e a negativa da Igrexa a adaptar a súa mensaxe aos tempos, en lugar de velo como un fracaso sostido da praxe vaticana, inventaron un inimigo imaxinario chamado “laicismo”. Persoalmente, non coñezo a ninguén que milite nesta, como chamarlle, ideoloxía? Non hai ninguén que se declare “laicista”. É o discurso oficial católico o que, xuntando todos aqueles elementos que non “comungan” coa súa doutrina, inventou este coloso ao que botarlle as culpas do que non é máis ca un contínuo fracaso propio. Pero, en fin, se así son felices...

O que hai que matizar moito, onde hai que ter moito coidado, é na cuestión do nazismo. Non é a Igrexa católica quen poda dar máis leccións nesta espiñenta cuestión. Lembremos algunhas cousas importantes: o propio Estado Vaticano, reflexo dos desesperados esforzos papais por gozar de poder temporal –onde queda aquelo de “a Deus o que é de Deus...”-, foi creado en 1929 grazas á xenerosidade de... Benito Mussolini... Se cadra o agradecemento eterno da Sé romana explica as excelentes relacións que mantén a Igrexa italiana hoxendía cos máis disparatados dirixentes políticos neofascistas.

Na Alemaña de 1933, algúns bispos católicos opúñanse á ideoloxía nazi. Foi o cardeal Pacelli, futuro e controvertido Pio XII, e na altura secretario de estado vaticano, quen os obrigou a revisar esta oposición cando estaba a piques de asinar un concordato co réxime nazi. O católicísimo Franz von Papen non dubidou en declarar que “nos, os católicos alemáns apoiaremos con toda a nosa alma e plena convicción a Adolf Hitler e o seu goberno”. Se cadra por iso recibiu das mans de Pacelli unha elevada condecoración papal, a Grande Cruz da Orde de Pío. A Igrexa católica, a diferenza dunha parte dos protestantes alemáns, non dubidou en someterse aos dictados hitlerianos. O artigo 14 do Concordato rezaba: “O nombramento de arcebispos, bispos, e outros polo estilo emitirase só despois de que o Gobernador instalado polo Reich, se asegure debidamente de que non existen dúbidas respecto a puntos políticos xerais”.

Claro que o nazismo axiña decepcionaría á xerarquía católica. No medio do que o réxime denominou “a loita das igrexas”, os prelados alemáns urxiron a Roma a que os defendera dalgún xeito. Ese é o clima onde xorde Mit Brennender Sorge, a famosa encíclica de marzo de 1937 que, máis ca unha crítica aos excesos no nazismo, semella unha defensa dos privilexios eclesiais. Aínda así, un ano despois, o cardeal de Viena, Theodor Innizer daba o seu apoio entusiasta á Anschluss, a anexión de Austria pola Alemaña nazi, e incluso remataba a súa exortación ao voto favorábel no plebiscito do 10 de abril de 1938 cun significativo “heil Hitler”. Sen comentarios. Como premio, recibiu unha implacábel persecución dos nazis, que incluso estiveron a piques de linchalo no seu propio pazo.

Na mesma altura, o Vaticano, a diferenza dunha presa de prelados locais, pouco tivo que dicir cando a política de “hixiene racial” a través da euxenesia e a eutanasia forzada campeaba na Alemaña nazi, para vergoña da humanidade enteira.

O controvertido papel de Pio XII, que aínda se discute amplamente, na Segunda Guerra Mundial é, como mínimo, desacougante. A Igrexa defende a Pacelli ofrecendo cifras de xudeus salvados grazas á acción do Vaticano, cousa louvábel, pero agochan as dos nazis que escaparon da acción da xustiza polo mesmo camiño.

E que dicir do “nacionalcatolicismo” español, da “Santa Cruzada”, do “Caudillo por la Gracia de Dios” entrando baixo palio nas igrexas... Aínda hoxe, en 2008, cada 20 de novembro hai misas en sufraxio da alma de Franco...

Asi que, un pouco de mesura, señor Rouco. Teña coidado coas comparacións que, como mínimo, se lle poden volver en contra.

Sinatura do Concordato Vaticano-Alemaña en 1933.
Sentado, no centro, o futuro Pio XII. O segundo pola esquerda é
Franz von Papen. O que aparece á dereita da imaxe, de pe, é un
diplomático vaticano chamado Montini, que pasaría á
historia como Paulo VI.


19 de out. de 2008

Cartas a Antón


Lugo, 17 outubro 2008

Meu amigo Antón:

Que non, xa che dixen onte que non, que nesta carta non che vou falar de política e moito menos dos políticos. Xa sei as ganas que tes de que comente o asunto dos coches do Concello mercados cos cartos da crise, e de que tamén lles mande un recadiño a persoeiros emerxentes na oposición que, polo que me contas, tentan reproducir os xeitos do gobernante; pero non o vou facer. Xa que queres tirar a pedra, faino coa túa propia man e non me metas en máis leas: escribe ti unha carta e eu tratarei de que a poñas nas ondas coa túa propia voz, aínda que, se cadra, a túa voz delátate e todo quisque acabará por saber quen es, Un risco que ten que correr, pero, se queres que a xente baile, es ti quen debes poñer a música. En todo caso, meu Antón, na carta de hoxe non hai política, desa que andar pola casa, nin persoeiros da política, deses que tanto te preocupan.

Entón de que imos falar?. Pois aí tes, vou coller outra idea túa luminosa da que me fixeches partícipe e que me pareceu moi axeitada para comunicar aos nosos oíntes. Hai xa uns días, camiñando polas rúas, puxeches cara de poeta para, dicíasme, facer unha homenaxe a alguén que non che saía do pensamento. Contáchesme que cada fin de semana aparecía pola vila un rapaz que non deixaba bar sen visitar nin taberna nin pub nin tugurio de beber sen se facer presente. E nas mans nunca traía puños pechados nin penduraban palabras agresivas dos seus beizos. Neles había sorrisos frescos que non esmorecían nas horas nocturnas, e, no canto dos puños, as súas mans traían ... rosas, só rosas, poida que caraveis, en todo caso, flores susceptibles de se trocar en palabra de amor entre os mozos e mozas que llas solicitaban. Eu non o coñezo, pero, polo que me comentaches, parece que o seu corpo esvelto e moreno é por si mesmo a metáfora desa mensaxe que a cotío nos manda o Deus da xustiza, da igualdade e da misericordia: corpo exótico e alma ridente que veñen de lonxe para nos falar suavemente das nosas obrigas coa paz. Sen armas na man, só flores; sen palabras agresivas, só os dentes brancos dun sorriso; sen provocacións, só unha faciana aberta ao encontro. E así foi o encontro: bateu cunha fera besta autóctona, desas que andamos a fabricar nesta sociedade de gran consumo, de pouco pensamento e de menos amabilidade. E a besta fixo o que sabe facer: varrer o sorriso daquela cara inocente cun puño adestrado, non para o traballo senón para o altercado máis arbitrario. Agora agarda no cuarto do hospital un futuro moi incerto, e, mentres, imaxino que pensa e dálle voltas a un por qué ao que non lle atopa resposta. Terá na súa mente as imaxes descoloridas daquela súa aldeíña paquistaní onde soñaba futuros moi lonxanos, onde posiblemente xa non teñan lembranzas del, onde nunca lle farán unha homenaxe. E o seu ansiado novo mundo, este que lle ofrecemos, onde buscaba acubillo, tampouco lle fixo outra homenaxe ca dun puñazo letal. Pero, afortunadamente, tampouco aquí, nesta nosa Vilalba, andamos todos cos puños por diante: moitos mozos e mozas chegaron a aprecialo e mesmo a aceptalo na mesa das copas nocturnas, e, como non sabían dicir o seu nome de pronuncia difícil, adoptárono como Javier. Ti, Antón, pregúntasme: non chegarán estes amigos a lle facer unha homenaxe reparadora?. Non o sei, pero eu, seguindo os teus mandados, poño aquí, nesta carta das ondas, a voz máis sa de Vilalba para lle dicir que somos moitos a estar con el na angustiosa estadía dun cuarto de hospital.

Meu Antón, ata aquí a carta de hoxe na que non che falei nin de política nin de políticos, unha carta que resultou moito máis curta do habitual, pero non menos intensa. Grazas por me ter dado, coas túas ideas, a oportunidade de chegar dalgún xeito ao Paquistán lonxano cunha palabra de paz.

Ata outra, se Deus o quer. Do teu amigo
Bernardo

17 de out. de 2008

Beramendi, Premio Nacional de Ensaio


Redacción

O historiador Justo G. Beramendi (Madrid 1941) gañou o premio Nacional de Ensaio, outorgado polo Ministerio de Cultura pola súa obra De provincia a nación. Historia do Galeguismo político. Este premio, dotado con 20.000 euros, concédese á mellor obra de ensaio publicada en 2007 en español ou nalgunha das outras linguas cooficiais que se falan no Estado.

Beramendi é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicerreitor (1990-1994). Cofundador do Museo do Pobo Galego e actual presidente da súa Xunta Reitora, participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997).

Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, publicou entre outros libros e artigos de investigación, Miseria de la Economía (1974) con E. Fioravanti; Vicente Risco no nacionalismo galego (1981); Galicia e a historiografía (1993); Manuel Murguía (1998); Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998); La historia política: algunos conceptos básicos (1999); La España de los nacionalismos y las autonomías (2001), con J.L. Granja e P. Anguera; A Autonomía de Galicia (2005) e De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais 2007).

Asemade, é autor ou coautor da edición crítica das obras de Losada Diéguez (Xerais 1984), Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (1983); Castelao (1986); Los nacionalismos en la España de la Segunda República (1988); Nationalisms in Europe. Past and Present (1993) e Memoria e Identidade (2004).

O Colexio de Xornalistas denuncia a censura aos medios en actos públicos


Redacción

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) denuncia publicamente o abuso por parte de institucións e de partidos políticos da convocatoria de actos nos que se impide -por acción ou por omisión- as preguntas dos redactores sobre os asuntos de actualidade.

Un exemplo deste tipo de actos foi a reunión da Interparlamentaria do Partido Popular, celebrada os días 10 e 11 deste mes en A Coruña, na que os xornalistas practicamente non puideron facer ningún tipo de pregunta. Nos dous días de encontro dos dirixentes do PP non se convocou nin unha soa conferencia de prensa, ou comparecencia, que lles permitise aos redactores recoller as súas opinións sobre a axenda política e económica.

Este xeito de actuar únese ao abuso por parte dos dirixentes políticos de fórmulas de comunicación que se converten en actos propagandísticos sen posibilidade de contraste xornalístico. As convocatorias só para gráficos, declaracións institucionais pechadas, conferencias de prensa que non admiten preguntas á marxe e comunicados públicos -cando estes son empregados como única resposta oficial sobre un asunto de actualidade- constitúen un atranco para o exercizo profesional dos xornalistas, que teñen entre as súas obrigas básicas a de preguntar.

A Xunta de Goberno do Colexio denuncia a práctica, estendida entre os partidos políticos, de impedirlles aos cámaras a gravación de imaxes dos seus actos, baixo o pretexto de que xa ofrecen un sinal realizado para todas as televisións. Este tipo de actuación cuestiona a pluralidade dos medios, que se ven así obrigados a ofrecer a imaxe que pretende dar unha determinada formación política.

Algo semellante acontece coas valoracións gravadas en audio que algunhas institucións e partidos lles envían ás emisoras de radio. A práctica é censurable cando o político accede a iso, pero se nega a atender á emisora que pretende obter esa valoración a través das súas propias preguntas. O CPXG aconsella a xornalistas e medios que reflictan nas súas informacións as condicións que impoñen as institucións públicas e os partidos políticos nas súas convocatorias, con especial énfase nos casos nos que se impida formular preguntas.

Presenza do libro galego en Alemaña


Redacción

A industria do libro galego traza pontes de colaboración coa súa homóloga xermana. Na tarde de onte varios representantes da Asociación Galega de Editores (AGE) presentáronse oficialmente ante o Círculo de Traballo de Editoriais Independentes (AkV), dentro do seu programa de promoción da literatura galega na Feira Internacional de Frankfurt. Acto seguido, diversos editores galegos mantiveron un encontro cos seus compañeiros da Asociación de Libreiros Alemáns -Börseverein des Deutschesn Buchhandels- na que abordaron novas formas de cooperación entre ambos países.

Este encontros son unha continuación da labor comeza polos representantes do libro galego na feira do ano pasado, onde se analizou a creación de lazos que permita unir e colaborar a estas industrias do libro. Así pois, nesa ocasión estas xornadas serven para profundar e a buscar novas fórmulas de comunicación e cooperación no futuro.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, visitará hoxe o espazo das editoriais galegas nesta feira en compañía dos escritores María Reimóndez e Miguel Anxo Murado, e presentará o novo número da publicación en inglés Galician Books. Ao longo das xornadas da feira, os representantes galegos participarán en diversos actos promovidos por editoriais alemás para coñecer o seu funcionamento, ao tempo que amosan a liña de traballo levada a cabo no sector editorial galego.

A Feira do Libro de Frankfurt acolle este ano a vinte oito editoriais galegas reunidas na AGE: Biblos Clube de Lectores, Hércules de Ediciones, Edicións Xerais de Galicia, Ir Indo Edicións, Rodeira, Kalandraka, Faktoría K de Libros, Laiovento, Everest Galicia, Sotelo Blanco Edicións, OQO Editora, Editorial Galaxia, Nigra Trea, Baía Edicións, Alvarellos Editora, Toxosoutos, Linteo, Tambre, A Nosa Terra, Rinoceronte, Dos Acordes, Edicións do Cumio, Émbora, Espiral Maior, Edicións Positivas, Obradoiro, Ideaspropias e Nova Galicia Edicións.

Frankfurt é a penúltima cita internacional do ano para o libro galego, que rematará o seu periplo por algunhas das principais feiras internacionais en novembro en Guadalajara (México). Ao longo de 2008, Galicia estivo presente na Feira Internacional do Libro da Habana, por primeira vez como país convidado, na de Boloña, Londres, Buenos Aires, Brasil, Líber e Uruguai.

O país dos minifundios


Moncho Paz

Nun momento no que o Goberno autonómico está a acometer un importante cambio sobre a cuestión urbanística en Galicia, onde o feísmo e a falla de plantexamento son -a comezos do século XXI- as características fundamentais, recibimos a visita de Sir Peter Hall.

Considerado unha autoridade en materia urbanística, Peter Hall (Londres, 1932) é profesor de Planeamento e Rexeneración na Bartlett School of Architecture da capital británica, un dos centros máis prestixiosos a nivel europeo. A súa visita a Galicia, para inaugurar un congreso en A Coruña, foi recollida por distintos medios de comunicación.

Preguntada a súa opinión sobre a existencia de tres aeroportos na nosa Comunidade, a súa resposta foi do máis razoábel: “Para mín non ten moito sentido… A política máis efectiva é construir un só aeroporto conectado a unha excelente infraestrutura ferroviaria e de autopistas”.

Ten que vir alguén de fora a dicilo e, deste xeito, a lembrarnos que seguimos perdidos en localismos que non conducen a ningures. Porque Galicia é o país dos minifundios: con tres aeroportos, tres universidades e seis campus, onde as deputacións provinciais –organismo decimonónico- seguen a controlar o territorio, un territorio que segue sen estar ordeado. Deixémonos de lerias. Unha das causas do noso atraso -económico, social e cultural- é precisamente esa actitude, tan inimiga do modernismo, de barrer para casa, sen matinar no ben común. Temos asignaturas pendentes dende hai moito tempo; unha delas, a comarcalización e o fortalecemento do papel das vilas.

O apuntaba hai uns días un compañeiro de profesión e amigo, chairego de Sancobade, para máis datos. Antón Cendán Fraga, que na súa columna semanal en El Correo Gallego, indicaba: “A comezos dos anos noventa, dende distintos ángulos políticos galegos formulouse por vez primeira a función que poderían desenvolver as comarcas nas relacións entre as Administracións e os cidadáns. Pero aquela aventura durou pouco, por non dicir que foi relegada ao caixón das lembranzas ante a presión de distintas varonías políticas da época, temerosas de perder os seus privilexios…”.

Cunha estrutura territorial obsoleta, pouco moderna e sometida a privilexios clientelares, o actual Goberno da Xunta ten pendente para a vindeira lexislatura aprobar este exame. Non deben esquecelo cando se poñan a elaborar o temario do acordo programático. E, por certo, benvido Mr. Hall, e grazas.

16 de out. de 2008

Europa coñece ás primeiras emprendedoras galegas


Redacción

Reivindicar as figuras das primeiras emprendedoras galegas, as súas facianas, as súas historias, as súas memorias e o seu esforzo para poñer en marcha ideas e convertelas en riqueza para elas e para o seu país é o cometido da mostra Pioneiras, unha iniciativa do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGI) da Vicepresidencia da Xunta. Esta mostra, que está a percorrer Galicia dende hai uns meses abrirase agora a Europa, coa inauguración onte en Bruxelas dunha versión bilingüe -en galego e inglés- que poderá visitarse de xeito permanente na Fundación Galicia-Europa.

Durante o acto que onte tivo lugar na capital europea, a directora xeral do SGI, Ana Luísa Bouza -na fotografía- repasou a definición dunha pioneira, unha muller que inicia a exploración de novas terras, que vai abrindo camiño a outras en calquera actividade, e lembrou que “en Galicia, na terra das viúvas de vivos e mortos, mentres tantos homes galegos exploraban novos horizontes xeográficos na procura do pan, moitas mulleres galegas ficaban a explorar novos horizontes persoais sen se mover da terra, emprendendo aventuras económicas que non estaban incluídas no papel asignado a elas polos roles de xénero da época e que tiveron ás veces grande éxito que perdura na actualidade”. Bouza sinalou que a súa memoria foi esquecida ou escurecida, as veces pola época na que viviron, como as que desenvolveron a súa actividade na República ou no franquismo, ás veces tamén polos lugares onde desenvolveron o seu traballo ou polo sector no que traballaron: “A memoria de todas elas foi escurecida porque conxugaron transgredindo o verbo emprender en feminino, eran mulleres e eran empresarias”.

A mostra fai un achegamento ás figuras de Amalia Méndez Fernández, Consuelo Liñeira García, Isabel Maestre López, María Martínez Otero, Aurora Liste Forján, Dolores Centeno Soto, Joaquina García García, María Dolores Miramontes Mato, Carmen Pérez Gómez, Dominga López de Somoza, Manuela Carballo Mouzo, Olimpia Valencia López, Carmen Pérez García, Eugenia Pereira Rodríguez, María de las Mercedes Gil y Acebedo, Paz Parada Pumar, Celia Rivas Casais, Francisca Morlán Ramos, María López de Guadalupe e Xesusa Prado López. Os seus perfís poden consultarse na web http://sgi.xunta.es/. A directora xeral destacou a importancia do seu labor porque abriron camiño a outras, “a moitas mulleres galegas que transitan hoxe o emprendemento, moitas máis, moito máis visíbeis, moito máis recoñecidas pero aínda difícil, aínda transgredindo”.

"Mais, que é o Hartismo?"

Por César Reis

O vindeiro venres 17 terá lugar en Compostela a presentación mundial do Hartismo, fenómeno que nos últimos tempos ten ocupado moito espazo nos medios, en webs e blogs adicados ou non á arte, pero tamén nalgún que outro xornal, tanto dixital coma de papel e ata na televisión. O que a estas alturas moitos aínda se preguntan é o seguinte: “que demo é o Hartismo?”

O precedente
O precedente inmediato deste movemento atopámolo no chamado Stuckism, fundado en Londres en 1999 coma movemento organizado de repulsa contra os desvaríos da arte moderna. A repercusión da súa chamada calou fondo tanto na Gran Bretaña coma en moitos outros lugares chegando a ter presenza hoxe, nove anos despois, en preto de 40 países e contar con máis de 160 sedes. Os estuquistas non fan senón expoñer de xeito explícito e con rigor un pensamento que, desde hai tempo, fica na mente de moitos: pode realmente considerarse arte todo o que hoxe se atopa nos museos de Arte Contemporánea ou é que quizais chegou aí, a esa consagración, pola opinión e criterio de un selecto grupo elitista de “gurús”?

Malia non considerarse membros de ningunha avangarda, Mariano Casas Gil, Carmen Martín Serantes e Miguel-Anxo Varela Díaz, licenciados en Belas Artes e artífices deste movemento, firman un manifesto no que expoñen as súas reivindicacións e o seu programa artístico do mesmo xeito que fixeran os movementos de comezos do século XX. Búscase así a ruptura radical co vixente, co establecido pola rutina ou a desidia das autoridades culturais. Supón isto, xa que logo, unha renovación do eido artístico que vai na procura dun novo pulo de frescura, pureza e orixinalidade, condicións primixenias da arte.

O Manifesto
Pronúncianse en contra da arte (ou anti-arte) alentado pola oficialidade e do elitismo que a rodea, así coma do alonxamento desta do público. Consideran abominable o feito de que que a anti-arte, cuxo expoñente principal son os ready-made de Duchamp (o coñecido orinal é mostra máis que significativa), se teña tomado en serio polos seus epígonos, pervertindo deste xeito a idea orixinal coa que xurdiu, é dicir, coma parodia, coma denuncia de que calquera cousa, polo simple feito de estar nun museo, se convirta en arte.

Non dubidan en arremeter contra o conceptualismo, as performance e a sacralización do proceso no lugar da obra, a ansia excesiva de modernidade, e a escravitude ás modas, a falla de orixinalidade das avangardas actuais, os trascendentalismos que buscan dar complicadas explicacións ao feito artístico, o rexeite da tradición, as formulacións radicais da historiografía do arte moderno, a marxinación da beleza coma parte do feito artístico, o rol dos artistas, os sistemas de ensino nas Escolas de Arte, a fascinación polas novas tecnoloxías coma fin e non coma medio, o desprezo da pintura, etc.

A polémica
Coma eles mesmos din nos seus blogs, as reaccións a un manifesto de propostas tan radicais non se fixeron agardar, aceleradas hoxe en día polo empuxe que supoñen as novas tecnoloxías. Non só de Galicia, senón tamén do resto da península e as illas, así coma de Arxentina e EEUU. Semella que a maior parte delas foron de apoio por ter a valentía de dicir e reivindicar abertamente algo latente en moitos sectores da sociedade.

No que ás reaccións en contra se refire, xurdiron en dous sentidos: as de crítica razoada e constructiva, fronte a aquelas que chegaron á descalificación irracional ou persoal e mesmo a acusalos de provincianismo ou anacronía. Moitas destas críticas pódense ler na Plataforma Aberta de Cultura e-norte.

A presentación
Se amor se escribe con H, coma dicía Jardiel Poncela, pode que a partires de agora Arte tamén o faga. En calquera caso, o que desexe máis información do movemento pode visitala súa web (www.hartismo.com), na que inclúen o manifesto, un test do (h)artismo, unha ficha de adhesión, enlaces co stuckism e outros movementos, así como información sobre eles ou as orixes do Hartismo.

Tamén se pode acudir nestes días á presentación mundial aludida no comezo deste artigo. Os actos programados, polo de agora, serán dous. O primeiro terá lugar, coma dixemos máis arriba, o 17 de outubro en Compostela, a iso das oito da tarde no Centro Sociocultural “O Ensanche”, na rúa Frey Rosendo Salvado, 14-16 baixo. O segundo realizarase en Ferrol o día 22 de outubro tamén ás oito da tarde na Galería Sargadelos, na concurrencia das rúas María e Rubalcava.

Máis información:

cesar.reis.alveiros@gmail.com

15 de out. de 2008