Comunicar en galego

Redacción.-


Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Xornal de Galicia... a relación de medios de comunicación na nosa lingua que van desaparecendo é, cando menos, alarmante, e debería constituír unha chamada de atención para unha sociedade que parece non reaxir ante a progresiva retirada do galego nos espazos de comunicación social.

Hoxe comunicar en galego semella unha actividade de alto risco, e isto representa unha forte contradición co estatus aínda maioritario da nosa lingua na sociedade galega. Parece evidente que viramos as costas ás iniciativas que trataron, nos últimos trinta e cinco anos, de normalizar o que debería ser normal: a presenza da lingua do país nos seus voceiros.

Non é allea a este panorama a incuria das administracións á hora de cumprir co mandato estatutario de fomentar o uso do idioma propio de Galicia. Pola contra, resulta case obsceno o continuo trafego de axudas e subvencións que manteñen mediante unha especie de respiración asistida un sistema de comunicación que, a
cambio, é escasamente crítico co poder, renunciando así a unha das características fundamentais da prensa libre.

Xunto a este panorama non podemos pasar por alto o declive da prensa tradicional, que como é lóxico bate primeiro nos medios das culturas máis minorizadas. É por iso que, nunha época na que a prensa de máis difusión non escapa da crise, con máis motivo os medios escritos nas linguas non dominantes precisan dun duplo esforzo por adaptarse á era dixital.

Cómpre, pois, ir configurando novos proxectos de comunicación en galego atractivos para o seu público, non dependentes de axudas públicas e, por tanto, independentes e críticos, e o suficientemente innovadores para adaptarse ás novas demandas da sociedade dixital. Éis o noso reto.

31 de ago. de 2011

Número especial de AVV en papel


Redacción.-

Hoxe chega aos quioscos e librarías da capital da Chaira un novo número en papel do noso xornal, como ven sendo tradicional, coincidindo este ano coas festas do San Ramón.

Nesta ocasión recóllense artigos de Ramón Chao, Fermín Bouza, Chema Felpeto, María Xosé Lamas, Miguel Barrera, Alba S. Naseiro, Bruno marcos e Mario Paz González. Ademais, o humor gráfico de Iacobus e unha entrevista feita ao sociólogo vilalbés Bernardo García Cendán, feita por Paulo Naseiro e Moncho Paz.

Podedes desgargar o pdf picando na imaxe.

Aristocracia cultural

Xulio Xiz.-

Eu son dun pobo de clase. De clases. Que en Vilalba o das clases estaba
moi marcado, social e mesmo xeograficamente.

Bernardo García Cendán, o fillo do Severino, o barbeiro da Praza, ten dito
que existía en Vilalba un pequeño mundo que abarcaba a praza mesma e
algunha rúa coma a do Sol. E que cando tiñan que ir á carretera, vestían e
calzaban de xeito diferente, porque tamén era ir a un sitio diferente. Dúas
clases diferentes.

Pero eu era da Porta de Cima, que agora sabemos que é por onde pasou desde
hai séculos o Camiño do Norte a Compostela. Nós, cando íamos á Praza,
sabíamos que entrabamos nunha dimensión diferente. Tres clases, pois, na
que a miña era a máis humilde.

Non é extraño que os rapaces do meu tempo e anteriores organizasen
combates con toda clase de armas para dirimir diferencias de clase, de
barrio, de rúa, a cada dous por tres. Eu nunca participei, e non porque
fose pacifista –que algo medoso sempre fun- senón porque na miña casa había
unhas normas ríxidas e eu sempre fun home de orden.

Bromas aparte, e tiveran as nosas clases consideracións xeográficas ou as
máis aceptadas sociais e máis económicas, o certo é que Vilalba, como todas
as vilas e pobos, tiña naqueles remotos tempos de mediados do século pasado
unhas liñas moi difíciles de traspasar, marcadas pola orixe, pola
profesión, polos “posibles” económicos, pola familia, pola conducta, polo
que todos sabemos que marca a unha persoa no medio de todos os demais.
Non é que se poida falar de aristocracia naquela Vilalba tan lonxana. Pero
si hai que falar de xentes pertencentes a moi diferentes estratos sociais
que, ó ter unha “densidade” diferente, nunca chegaban a mesturarse cunha
cohesión permanente.

Ata que a Academia Santa María fixo das súas. A Academia déunos a todos os
presentes e a moitos centos de rapaces máis a posibilidade de igualarnos
por un superior raseiro coas clases privilexiadas. Situou a Vilalba a
altura dos pobos máis destacados da provincia en canto a ensino de
calidade, de xeito que no Instituto lucense se consideraba que os rapaces
máis preparados da provincia de Lugo viñan do Colexio Muinelo de Taboada,
do Colexio a Asunción de Sarria, e da Academia de Vilalba.

E se de portas a fóra elevou o nivel de Vilalba á altura dos pobos onde se
vivía a Cultura cunha formación moi destacada, de portas adentro, na mesma
Vilalba, conseguíu a formación dunha clase diferente: a das rapazas e os
rapaces que estudiábamos na Academia. Os da Academia. Clase aparte.
E foron pasando os anos, e saíndo promocións de rapaces que iamos a Lugo
examinarnos por libre nos Institutos, compartindo aulas cos máis folgazáns
dos alumnos oficiais que ó non aprobar o curso no seu momento tiñan unha
última oportunidade canda nós. E moitos acudimos a Maxisterio, que tamén se
podía facer por libre, e era a única carreira á que moitos de nós podíamos
aspirar, chamando a atención daqueles vellos profesores pola formación que
Don Daniel e dona Chari, Don Adolfo ou don Cándido, Don Antonio ou Dona
Carmen Peña nos inculcaban “manu militari”, e mesmo Don Francisco-O Recho,
con “sangue, suor e bágoas”.

Entre todos aqueles profesores, co Paz como complemento directo,
colaborador imprescindible, vixiando estudios ou comportamentos, con todos
nós, formábase a Academia. E a Academia fixo de nós homes e mulleres de
proveito, aristócratas nun ermo cultural, membros dunha nova clase da que
debemos ser conscientes, e pola que debemos estar agradecidos todos os días
da nosa vida.

Medio século despois, xuntámonos anualmente numerosos resistentes daquela
guerra, veteranos de mil batallas. Para, por encima de todas as barreiras,
sabernos vivos, conscientes do noso protagonismo na historia da cultura
vilalbesa. Por encima de todas as enrugas, dos naturais achaques que o
tempo vai producindo en nós, dos problemas que a vida nos vaia
proporcionando, sempre nos quedarán eses imborrables recordos que marcan a
lume por ser os primeiros, froito dun tempo no que todo era posible, froito
dun lugar que hoxe nos parece mítico por lonxano... Por encima de todo, un
día de cada ano somos unicamente antigos alumnos da Academia de Vilalba,
veteranos resistentes dunha milicia gloriosa, aristócratas convencidos de
que connosco Vilalba cambiou coma da noite ó día, porque se coa democracia
Vilalba veu florecer colexios e instituto, nós somos a avanzadilla... Ben
mirado, a democracia en Vilalba comezou con todos nós, cando mesturando
todas as clases sociais existentes xurdiu unha nova clase, unha clase de
aristocracia cultural, que se algunha aristocracia hai válida é únicamente
esta.

Daniel Ferreiro, vello e querido profesor, decíanos a comezos dos sesenta
unha frase que daquela non entendíamos ben de todo: “Llegará el día en que
la riqueza de una persona no se mida por sus propiedades ni por el dinero
que lleve en su bolsillo, sino unicamente por su cerebro”.

Vendo as realidades do mundo que nos rodea, puidera pensarse que o
prognóstico do querido profesor aínda non se cumpre. Pero si o pensamos
ben, veremos que si. No mundo, por riba de todo, á larga, o que vale dunha
persoa, o que queda dunha persoa, mesmo despois da súa morte, é o seu
talante, os seus coñecementos, os seus feitos. E despois o seu recordo, a
súa memoria. E por fin, o agarimo que conseguira despertar nos seus, no
sentido máis amplo dese posesivo.

Nós, todos nós, somos a demostración –¡aristócratas culturais nacidos ó
mundo na Academia de Vilalba!- de que a Academia de Vilalba fixo historia,
e que o seu paso por ela marcounos, afortunadamente, para sempre.


(Lido o luns, 29/8/2011, na Xuntanza anual dos antigos alumnos da
Academia de Vilalba).

30 de ago. de 2011

Revista de Prensa: EL PROGRESO


Mariña

Lois Celeiro.- De Reigosa ao Santísimo Sacramento e de aquí á Complutense madrileña. O bacharelato con notas brillantes e a carreira de xornalismo con “beca salario”, con amizades da escola duradeiras, co teu Morgan de Cirio e de Pol toda a vida, co irmán, a cuñada, as sobriñas e o sobriño, con Isabel da túa alma, con todos, Mariña Folgueira Portela fuches e seguirás sendo sempre, Mariña. 

A historia fixo que, a partir de mediados do s. XIX, o concello de Vián pasara a ser A Pastoriza, un anaco da chaira luguesa, que se converte, na segunda metade do século pasado, na patria enteira da compañeira e amiga Mariña. En Reigosa naceu e a partir do día de hoxe afianzase na memoria colectiva, deixándolles saber  aos ventos que zoan que a vida non é máis que unha fonda e breve meditación sobre a morte. Esa, ¡ maldita morte!, ¡malaia o demo!. 


Severo Ochoa aseguraba que non sabía  por que nin para que existía a vida. Quen sabe?. Mentres exista a memoria, seguiremos gozando da túa compaña, Mariña. Aguantaremos e, se é preciso, sublevarémonos con forza, con toda a forza necesaria, contra  aquilo e aqueles que queiran turbala. E, ti seguirás a regalar cada domingo, verduras, legumes e hortalizas do horto de tras da casa, ovos da casa, pan da casa, filloas da casa e, para todos -igual que sempre- de todo o que tes na túa casa. 

Seguiras, querida amiga, lendo a Andrea Camilleri e interesándote polo seu personaxe  Salvo Montalbano, pero por favor, tómao de vagariño. Hai tempo para todo, incluso para pensar e para ver que non somos nada, nada de nada ou, como di Eduardo Galeano, “somos o que facemos para cambiar o que somos”. 

Díchelle personalidade ao Parlamento do Hórreo, fixécheste querer na radio, tiñas talento, sabedoría e maña para ser unha extraordinaria profesional e fúchela. Fixécheste querer por onde andabas, tiñas bonhomía, sinxeleza, carácter, seriedade e valentía. Tiñas xenio para entrar no círculo da boa xente, nese club que aínda se pode ampliar, e agora a modiño vaste para sempre a Reigosa, onde nos queda o camiño das túas pegadas. 

Unha aperta, querida Mariña, bo día e ata pronto. Dálle outra aperta a Morgan.

29 de ago. de 2011

Seminario Internacional de Kouk Sun Do

Redacción.-

O vindeiro venres 2 de setembro en horario de 16.00 h. a 19.30 celebrásese un Seminario Internacional de Kouk Sun Do impartido polo G.M. Chong Sung Kim Choi nas instalacións do Auditorio Carmen Estévez de Villalba. Para ampliar información ou ben formalizar as inscricións (sendo estas limitadas) deberán contactar con en as instalacións do ximnasio Sport Center-Vilalba, ou ben a través do 982.511210 / 600828801 .

Os beneficios que achega a práctica do Kouk Sun Do a través do exercicio especifico, respiración abdominal e a meditación son os seguintes:

Elimina o stress, mellora o sistema inmunitario, aumenta a enerxía interna, incrementa a serenidade, libera as canles de enerxía facilitando o bo traballo de cada órgano do corpo, e unifica mente e corpo en harmonía co universo.

Acto de solidariedade con Xapón en O Grove

Manuel París.- Máis de cincuenta persoas reuníronse o pasado xoves en O Grove para realizar un acto simbólico de apoio a Xapón, que aínda sofre as consecuencias do terremoto do 11 de marzo. Este encontro tivo lugar no restaurante Culler de Pau baixo a convocatoria de “O noso corazón está con Xapón-Tohoku” e contou cunha interpretación musical a cargo dos artistas xaponeses Mine Kawakami, ao piano, e Tadashi Yamamoto, que deleitou aos presentes tocando o sanshin, un instrumento tradicional do país do sol nacente.

Os asistentes a este acto tiveron a ocasión de probar diferentes pratos típicos de Xapón, xa que o restaurante grovense conta cun cociñeiro xaponés que se encargou de preparar uns aperitivos para todos os participantes neste evento. Deste xeito, é previsible que no futuro xurdan novos proxectos e ideas nas que poidan traballar de xeito conxunto a partir de agora.

Na xuntanza de O Grove decidiuse participar nunha iniciativa que xa circula por Internet e que consiste en que cada un faga unha fotografía e a suba a unha páxina web como xeito simbólico de apoio a todas as persoas que aínda están a sofrir as consecuencias do terremoto.

Na fotografía, Javi Olleros, dono do restaurante Culler de Pau; Mine Kawakami, pianista; Takahide Tanaka, cociñeiro do Culler de Pau (e coñecido en O Grove como Takiño); Lanzada Calatayud e Itsuko Hori, organizadoras do evento; e Tadashi Yamamoto, antropólogo xaponés estudioso da cultura galega e colaborador de A Voz de Vilalba.

27 de ago. de 2011

De volta á neneza

Fuco Paz Souto.-

Hoxe cumprín nove anos. Dos cincuenta e seis que teño, cumprín nove. Ese foi o recordo que atropelou a miña mente cando, tras abrir a porta que deixaba franca a entrada á casa Xan Antonio en Gondaísque, os meus ollos reviviron o patio de entrada coas cambeleiras polas que se lle daba a cea as vacas, a porta de madeira remachada que era a antesala da saída de atrás da casa, o baño de salgar e curar a carne da matanza, o cuarto do becerro e mais a pila, xusto á dereita da entrada desde o curral, onde os meus padriños lavaban as mans cando chegaban enfaenados con calquera dos trafegos desenvolvidos ao longo da dura e inacabable xornada.

Xa instalado, o olfacto, o oído e mais o tacto, seguiron a levarme a través do tempo nunha viaxe pracenteira e ilusionante onde a nostalxia ía usurpando amodiño, moi amodiño, o reino da neneza.

O recendo da herba recén curtada, o encontro co ar morno e silandeiro beixando as miñas meixelas, o renxer dunha porta de corredeira que te espertaba do soño relaxante dunha soneca necesaria, o zunido dunha mosca inmortal que tanto lle tiña pousarse nunha orella como describir círculos agoniantes arredor dela…

Foi unha viaxe infinita de curta duración. Unha viaxe con billete de ida e volta. Unha viaxe na que os sentidos gobernaron unha nave misteriosa, construída con materiais moi vellos, da mesma idade que o ser humano. Materiais que non están á venta en Puentes, nin na ferraxaría Guizán, nin en ningunha outra ferraxaría. Son materiais que deseña a túa mente, de balde, sen compromiso.

Cronos, a fantasía, a memoria, a nostalxia e mais a ilusión agasalláronme coa odisea que nin Ulises puido imaxinar.

Imaxe: Manuel Gómez González

Fallo do XXXVII Certame Literario de Vilalba

Redacción.- No serán de hoxe fíxose público o fallo da XXXVII  edición do Certame Literario do Concello de Vilalba, así como a presentación dos poemarios  premiados na edición anterior: Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza, gañador do primeiro premio,  e Nos labirintos da alma, de Martiño Maseda Lozano, que obtivo o segundo galardón.


O acto tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba ás 20 horas e comezou coa intervención de Xulio Xiz, secretario do xurado, que deu lectura á acta do fallo do certame. O primeiro premio, dotado con 3000 €, flor natural e diploma, foi para Carlos Pereira Martínez de A Coruña, polo poemario Río Alzheimer; o segundo premio, dotado con 1000 €, flor natural e diploma, recaeu en Martiño Maseda Lozano, de Xoibán (Vilalba) polo poemario Entre as paredes do silencio.  Asemade, o xurado acordou crear unha mención especial, dotada con diploma e flor natural, para o poemario Trinta cantigas e cinco alalás, autoría de Marcial González Vigo, de Lugo.
A continuación, cada un dos poetas presentou o seu respectivo libro publicado polo Concello de Vilalba na editorial Espiral Maior, cerrando o acto o concelleiro de Cultura, Xosé María García –Leira Boado.

25 de ago. de 2011

Minas na Terra Chá

Redacción.-

Representantes da Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá acudirán mañá, 26 de agosto, até o rexistro do Concello de Cospeito para facer entrega das alegacións veciñais contra as explotacións de cuarzo “Alicia 5917” e “Karles 5519” que a empresa Erimsa quere facer no termo municipal cospeitense.

A pesares dos atrancos impostos polo Concello de Cospeito, que se negou a ampliar o prazo de 20 días para alegar de cara a que as persoas e explotacións agrogandeiras afectadas tivesen tempo abondo para preparar a defensa dos seus intereses, presentaranse centos de alegacións. Así o fai pensar o feito de que, só no primeiro día de asembleas informativas (onte, 24 de agosto) nas parroquias de Goá, Arneiro e Xermar se xuntasen máis de 200 alegacións. Estas xuntanzas veciñais continuarán hoxe, 25 de agosto, na escola de Xustás (Cospeito), ás 11:00 horas; en na Cooperativa O Seixo (A Pastoriza), ás 16:00 horas.

De cara a facilitar o labor dos medios de comunicación, faranse declaracións e atenderase a todos e todas os/as xornalistas que acudan a cubrir a entrega de alegacións, que será mañá, 26 de agosto, ás 11:00 horas, no rexistro do Concello de Cospeito (Avenida da Terra Chá 29).




Internet ábrese a Vencello

Redacción.-

Un grupo de xóvenes galegos vén de unir as súas forzas para poñer en marcha Vencello, a primeira rede temática de blogues en lingua galega, que xorde a partir da unión de diversos espazos xa existentes na rede e de outros novos creados ex profeso, que tentan cubrir un amplo abano de temáticas co punto en común de estaren escritos en lingua galega.

O nome da rede, Vencello, provén dunha revisión do termo tradicional ‘vencello’ (cordel co que se amarraban os feixes de palla) para adaptalo aos novos tempos: vínculo dun feixe de blogues.

Unha temática diversa
Os blogues que forman parte da rede abranguen todo tipo de temáticas, englobando desde espazos adicados aos sistemas operativos dos gadgets máis punteiros (Android, Apple, BlackBerry) a outros de difusión científica, tecnoloxía, cinema ou videoxogos.

A vontade do proxecto é seguir medrando engadindo cada día novas temáticas e, de feito, ao longo das próximas semanas irán vendo a luz distintos blogues, que agora mesmo se atopan en fase de preparación, tratando os temas máis variados.

A Incubadora
Mais se cadra, un dos aspectos máis novidosos de Vencello é A Incubadora, unha sorte de viveiro de blogues que pretende servir de punto de encontro para xente que desexe escribir sobre algunha temática e queira que lle axuden a poñer un blogue en marcha.

Decatámonos de que existe moita xente que quere compartir o seu coñecemento, pero que sinte reparos ante a idea de enfrontarse ao deseño ou á conformación da estrutura dun blogue en solitario. Aí é onde entra en xogo A Incubadora que ofrece este servizo de xeito totalmente gratuíto.


Un proxecto aberto á participación
Vencello sae á rede coa intención de seguir medrando a ampliando horizontes. Por iso, convida a todo o que quixer a se unir ao proxecto. Vencello está nas principais redes sociais (Twitter, Facebook) abertos a todas as suxestións, ideas e colaboracións.

Información de contacto para a prensa:
• www.vencello.com
• prensa@vencello.com
• Twitter: @vencello

Antón Reixa. Leccións de cousas

Redacción.-

A mostra, titulada Leccións de cousas, presentada no CGAC ata o 16 de outubro, divídese en dous apartados distintos: por unha banda, preséntase no auditorio unha escolma dos últimos trinta anos das intervencións máis relevantes deste autor no universo audiovisual, con pezas tan carismáticas como Salvamento e socorrismo (1985) ou Ringo rango (1992); por outra, no que constitúe o núcleo duro da exposición, un conxunto de oito obras inéditas en que a imaxe, a palabra e a performance se entrecruzan para afirmaren un territorio neodadaísta onde a irrisión e mais unha especie de saudade existencial se mesturan produtivamente.

A palabra, mínimo denominador común e refuxio último da práctica artística de Reixa, é determinante no contexto das instalacións que agora se presentan. Se en A solución Bukowski, Cicatriz-barullo e Aleluiapedia a performatividade lingüística se verte nunha secuencia de imaxes que lle serve de soporte matricial, nas restantes instalacións a imaxe apunta claramente a unha narratividade igualmente lingüística. Todas comparten a mesma visión dun presente erixido a partir de contradicións vitais, a partir dunha sociedade que toma o absurdo como ben común na construción identitaria e social.

Folleto da exposición

Dixitalización dos fondos de TVE-G


Redacción.-

O Consello da Cultura Galega colaborará coa Xunta e coa Cidade da Cultura na dixitalización dos fondos de TVE-G en formato cine (1971-1986). Trátase de recuperar e dixitalizar a memoria audiovisual dos anos finais do Franquismo e dos albores da autonomía en Galicia, noticias e programas producidos aquí entre 1971 e 1976. Ou sexa, os fondos en formato cine, 16 milímetros, do Centro Territorial de TVE, que pasarán logo á Cidade da Cultura. Con ese obxectivo asinaron hoxe un protocolo xeral de colaboración os representantes da Xunta de Galicia, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Radiotelevisión Española e Consello da Cultura Galega. O acto, presidido por Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta, tivo lugar no plató do Centro Territorial de TVE en San Marcos-Santiago de Compostela. Os asinantes subliñaron a importancia de dispoñer da memoria audiovisual de quince anos cruciais gardada en 4.564 latas.

Segundo o disposto no protocolo asinado, o Consello da Cultura Galega realizará, nas dependencias do Centro Territorial de TVE, as tarefas necesarias para adecuar e preparar os fondos documentais como paso previo para a súa dixitalización. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo e da Secretaría Xeral de Medios, acometerán os traballos de dixitalización.

Radio Televisión Española (RTVE), titular a todos os efectos dos dereitos dos fondos catalogados, recuperados e dixitalizados, facilitará aos asinantes copias de cada contido transformado-dixitalizado para consulta e visionado para fines exclusivos de exposición pública cultural, consulta e investigaciòn docente e académica. Completado o traballo RTVE cederá en comodato á Xunta de Galicia o arquivo de Cine, que pasará a ubicarse na Cidade da Cultura de Galicia.

O director de TVE, Santiago González, destacou o carácter pioneiro do acordo e fixo votos para que puidera ter continuidade noutras comunidades autónomas, noutros centros territoriais. Agradeceu os pasos dados para poder optimizar e compartir os recursos públicos.

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, lembrou que esta institución xa tiña traballado na clasificación e catalogación destes fondos e aludiu á sinatura do acordo como “acto longamente esperado por nós”. Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, e antigo director do Centro Territorial de TVE, salientou o valor dos fondos audiovisuais e Roberto Varela, presidente da Fundación Cidade da Cultura, resaltou a importancia de que a Cidade da Cultura poida acoller este patrimonio.

O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cualificou como histórica unha xornada que permite recuperar anos claves da memoria, tamén audiovisual, de Galicia e agradeceu a boa disposición das institutucións colaboradoras.

O protocolo foi asinado por Santiago González, director de TVE, Roberto Varela, presidente do Patronato da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia.

O acto enmarcouse na conmemoración dos corenta anos do Centro Territorial de Radiotelevisión Española en Galicia (1971-2011) -dirixido actualmente polo xornalistra Xavier Fortes- que continuou a última hora da tarde na Cidade da Cultura coa proxección dun documental evocador dos anos en que Galicia dispuxo por vez primeira de imaxes de seu.

22 de ago. de 2011

Ricard Terre en Vigo

Redacción.-

Fundación Barrié de la Maza (Vigo) presenta ata o 30 de outubro a mostra "Ricard Terré. Obras Mestras", exposición retrospectiva sobre o traballo do fotógrafo Ricard Terré (Sant Boi de Llobregat, 1928 - Vigo, 2009), cun percorrido antolóxico formado por 120 fotografías de diferente formato seleccionadas polo comisario Chema Conesa. A mostra, producida en colaboración con La Fábrica, supón unha relectura da obra deste catalán instalado en Vigo dende 1959 até o seu pasamento que abandonou a fotografía durante case tres décadas antes de proseguir, cunha ollada inmutable, unha obra que comezara nos cincuenta e que hoxe se redescobre asombrosamente moderna, unha das máis modernas da fotografía española.

Era catalán, pero pasou en Vigo a última travesía da súa vida. Ricard Terré fíxose un oco no mundo da fotografía contemporánea por achegar unha ollada moderna da realidade, que plasmou en encadres arriscados e fortes contrastes. A exposición leva por título Ricard Terré. Obras mestrase pretende facer unha relectura da obra deste artista. Coa súa obra, que se poderá ver na sede viguesa, a Fundación Barrié continúa na súa liña de achegar o máis contemporáneo da fotografía, como fixo previamente con Català-Roc, Paul Strand ou Alfred Stieglitz.

17 de ago. de 2011

Europa 2011

David G. Casado.-

"You will now listen to my voice.
You will want to wake up, to free yourself of the image of Europa. 
But it is not posible". 
Lars Von Trier, Europa.

Toda unha xeración foi educada ao redor dunha imaxe de Europa da que xa é imposible desprenderse.

Europa, como todas as identidades nacionais ou supranacionalidades demostrou ser unha mera imaxe, un produto do poder para explotar riqueza material e humana. Mediante múltiples campañas e "proxectos culturais" vendéusenos Europa como un gran escudo protector que nos faría fortes e competitivos economicamente, ofreceríanos vantaxes insólitas a nivel laboral e outorgaríanos unha nova identidade moderna e prospera, o reverso intelectual e plural da capitalista, desalmada cultura americana. O futuro está en Europa, dicíannos.

Agora decatámonos de que todo era unha pantasmagoría deseñada pola clase política e que as posibilidades laborais seguen ligadas a outras barreiras ou formas de exclusión mais sutís e interesadamente sostidas como son a lingua e a homologación oficial de títulos, diplomas e certificados de habilitación laboral. Por non falar da ausencia de convenios nos sistemas bancarios, redes telefónicas e un sen fin de materias de interese para os supostos "cidadáns europeos", que son quen en ultima instancia pagaron as medidas que proporcionaron vantaxes a empresas e políticos. Non así aos cidadáns aos que tan só se nos concedeu o titulo imaxinario dun club con dereitos imaxinarios.

Non só se pagou ese negocio privado chamado Europa con traballo e diñeiro público, tamén se pagou colectivamente con moeda cultural. Vivimos o desmantelamento ou remodelación de institucións como a Universidade adaptadas a plans como Bolonia, sistemas de créditos, masterización e privatización do ensino co fin de imitar modelos americanos pero cuxos contidos difiren, permanecen sen homologar ou carecen en definitiva de calquera sentido práctico por moito que isto sexa o reclamo dos devanditos plans. Vivimos anos na berza, créndonos ben guiados polo estado do benestar cando en realidade estabamos a dar voltas en círculo, como roda de muíño mentres outros cocían e repartíanse o pan.

Desde a distancia, podo ver nídiamente o desaxuste de toda unha xeración, a miña propia, que se viu involucrada en proxectos falsamente humanistas dos cales só atesouramos prezados recordos fragmentados e breves encontros e amizades con outros europeos. Queridos estranxeiros que viviron tamén á súa maneira o tremendo desprazamento -á deriva- das nosas culturas.

15 de ago. de 2011

Polo San Cristóbal


Xulio Xiz.-
Parece que a festa do santo xa non é o que era. Para nós, rapaces vilalbeses de finais dos cincuenta, era a festa maior de todo o ano, porque era a festa dos coches.

Coches que na actualidade farían a delicia dos coleccionistas xuntábanse na Praza, diante da igrexa. Moi posiblemente coupesen na praza – daquela tan grande para nós- todos os coches da vila.

Primeiro misa, e logo –esto non o lembro- supoño que sairía don Adolfo revestido de pontifical bendecir os coches, debidamente adornados para a ocasión con todas as riquezas que ofrecía a natureza: frores, follas,
ramallos... case o mesmo florilexio vexetal que empregabamos en estrar as rúas para que por elas pasase a procesión do Corpus.

Para os nenos, a ocasión agardada todo o ano, porque eramos invitados a subir ós coches para darnos un paseo polos arredores da vila, como especial celebración do patrón dos conductores.

A saber que ano centra os meus primeiros recordos dunha viaxe en automóvil, quizais polo cincuenta e catro con seis anos e medio, no que fun ata Santaballa nun paseo inesquecible na baca dun camión. Era o pequeño
camión do irmán da Julia da Bixoca, que se dedicaba a transportes de todo tipo de produtos; lembro que á miña casa ten traído cargamentos de leña taqueada que logo partíamos en plena Porta de Cima ata obter o tamaño preciso para queimar na cociña “económica” como se chamaba ás cociñas que non eran de lareira.

Vexo nos xornais as fotos de desfiles actuais de coches engalanados que fan festa na honra do patrón dos conductores. Pero seguro que nada será coma daquela na que os coches eran novidade absoluta, e os nenos
agardábamos todo un ano para ter a oportunidade de avanzar cara ó vento a unha velocidade que nos parecía vertixinosa, entrando nun mundo que cos ollos de hoxe nunca poderá contemplarse, e será moi difícil que os rapaces actuais poidan imaxinar.

Que gran día o do san Cristóbal!. Que gran placer aquela viaxe en coche!. Unha viaxe en globo non sería agora mesmo nada comparable con aquelas viaxes irrepetibles.

13 de ago. de 2011

XVIII Festival do Revoltallo

Redacción.-

Un ano máis está de volta o Revoltallo, desta vez coa edición número dezaoito, entre os días 17 e 21 de Agosto. Nesta edición volvemos a subir ó Monte do Pozos de Valladares (Vigo), un lugar entrañable tanto pola situación incomparable, coas Illas Cies como paisaxe de fondo, como polo ambiente reinante.
Ademáis dos días de concertos, voltamos a comezar o festival cun desfile de moda, no que os mozos e mozas mostraránnos a roupa de varias tendas, entre as que se atopan Westpeak ou Novalvos, ademáis de pases de bañadores e roupa interior ou mesmo de traxes de noiv@s. Isto será o mércores 17 de Agosto.
O xoves comenzan os concertos. Nesta edición adicando este primeiro día ó estilo Pop-Rock, con bandas da nosa cidade: “Caraba”, “Vicious View”, “The unnamed”, “Stoika” e “Pisotes” ademáis dos santiagueses “Glasgow” gañadores do concurso MúsicaXove na categoría de Pop.
O venres como é habitual chega o día do Metal, actuando desta vez bandas de ámbito estatal. Estes son: “Diabulus in Musica”, “Darkness by Oath”, “Mutant Squad”, “Upcoming of Devastation” e “Dark Eternity”.
Tócalle de novo ó sábado o día Tecno, con catro DJ´s que nos aportarán a súa experiencia ata altas horas da noite. Contaremos con “Lorena RK”, “Carlos DL”, “Javier Soengas” e “JosK” da man de Coolwork e Tecnofilos.
O domingo adicarase o día ó Hardcore/Metal, con dúas bandas lusas “More than a Thousand” e “Before the Torn”, ademáis doutras bandas do panorama nacional, os “Saldos Arias” teloneiros de Bad Religion na súa actuación en Vigo, “Losthopes”, “Carcomedhi” e “Rocking for Tangas”.
Ademáis de todos estes concertos, como é habitual tamén haberá outras actividades paralelas como o mítico obradoiro de espadas, concentración percutiva, ou xogos de rol.
Acentuar que seguimos na nosa liña, ofrecendo un festival de cinco días totalmente gratuito, tanto na entrada ó festival como á zona de acampada, con bos prezos no bar da organización e moitas ganas de facer boa festa. todos no Monte dos Pozos estes días de Agosto. Recordar, do 17 ó 21, de mércores a domingo.

12 de ago. de 2011

Mil e un Cunqueiros


Redacción.-

En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra. Por iso, do 28 de setembro ao 1 de outubro de 2011 celébrase no Consello da Cultura Galega, no Paraninfo da Universidade da Coruña e máis en Vigo o Congreso Mil e un Cunqueiros.

A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.

No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso ‘Mil e un Cunqueiros’. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.

Pódese consultar o programa aquí.

10 de ago. de 2011

A veces vexo isto...

Redacción.-

Bob Esponja, Bart Simpson, Lola Flores xunto con xente anónima serven ao pintor Héctor Francesch (A Coruña, 1977) para abordar problemas reais da sociedade actual. Unha combinación surrealista que leva ás salas da Galería Moret Art, na Coruña, problemas que ocuparon portadas de periódicos. O traballo titulado A veces vexo isto… (ata o 20 de agosto) está inspirado na novela Sen noticias de Gurb na que Eduardo Mendoza ponse na pel dun extraterrestre para amosar a súa visión da España do momento.

Case tres anos despois da súa última exposición individual na cidade, Francesch mostrará neste espazo un conxunto de obras nas que sobresae unha pintura áxil e fresca onde algunhas das obras de arte máis significativas de mestres como Velázquez ou Picasso conviven en estraña harmonía con outras referencias da cultura popular, como debuxantes de grafitis, Chaplin ou Homer Simpson, entre moitos outros.

Para Nuria Branco, directora de Moret Art "nesta ocasión Francesch sintetiza a súa visión da sociedade actual a través dunha galería de persoas anónimas (con problemas reais) que comparten espazo con celebridades como Lola Flores ou personaxes de ficción como Bob Esponxa".

O propio artista aclara: "nesta mostra que presento en Moret Art Espazo, todas as miñas obras teñen unha historia en común, unha continuidade narrativa. Á parte do compoñente estético, quixen tecer unha reflexión sobre a sociedade na que vivimos".

Nas obras seleccionadas para esta exposición, que se poderá visitar até o 20 de agosto, Francesch sorprende pola súa solidez, pola súa impresionante riqueza de medios técnicos e "por ser capaz de manter a través da súa obra un diálogo fluído co público", en palabras de Nuria Branco. "Héctor aborda de fronte, con altas doses de humor e ironía, temas que durante o último ano foron portada dos xornais".

Héctor Francesch sobresae pola súa firme e coherente traxectoria na que destaca a súa presenza nalgunhas das mellores salas de exposicións nacionais e internacionais, así como a presenza nas feiras de arte contemporánea máis prestixiosas. A obra do artista está presente nas máis destacadas coleccións galegas e estatais, así como nos máis prestixiosos centros de Arte.

8 de ago. de 2011

Adeus á poesía


Bruno Marcos.-

É normal que a poesía habite hoxe nas catacumbas e ata que case a totalidade da sociedade a déa por morta. A poesía romántica, postromántica e moderna instalouse nun pensamento negativo. Pensar no malo por vir, lembrar o traumático e rememorar a felicidade con nostalxia son garantías dunha infelicidade que ninguén desexa, ninguén dos que contestaron afirmativamente a aquela pregunta inicial e fundamental coa que Camus abrira o seu Mito de Sísifo: "merece a vida ser vivida?". Cando se decidiu vivir e vanse asumindo compromisos como desempeñar un traballo, crear unha casa, fundar unha familia ou ter fillos, selamos un pacto coa existencia co cal a poesía vai tendo menos cabida na nosa vida intelectual. Até certo punto poderíaa considerar nociva, un pensamento negro que non procura hixiene mental e que non constrúe nada senón que máis ben roe os cimentos da fráxil arquitectura psicolóxica que nos mantén en pé cada día. A poesía antiga ás veces moralizante, ás veces épica, escapa a esta patoloxía precisamente porque axudaba na percepción do mundo e por tanto na supervivencia. É coma se a poesía retirara cara ás moribundias definitvamente e só tivese sentido nas súas paraxes próximas, cando só a beleza da linguaxe pode salvarnos.

5 de ago. de 2011

Unha tella en Meirás

Ramón Chao.-

Ignoro que tella do Pazo de Meirás me tocaría a min en caso da súa restitución aos galegos.

Eu era moi pequeno, pero aínda lembro o cabreo do meu pai porque un individuo da Coruña que se repuña de tuberculose no noso hotel, reclamáballe corenta pesetas para o agasallo pacego, que xa era un caudal. Seguro que non me caería nada da repartición, pois o meu pai escaqueou ofrecendo un banquete de balde a Muñoz Grandes cando parou a comer no restaurante Chao. Con este enchufe, que axiña se soubo, ao meu pai non lle descontaron nin un día de salario, pero si o fixeron co barrendero Calexo, quen, á parte de roxo, era un coñón. Ía polas rúas limpando bostas e cantaruxando: Ao pazo de Meirás irás, pero non volverás. Facíao polo baixo e remedando o do castelo. Todos se daban por enteirados e agochábanse por se chegaban os recadadores.

Cando anos despois lin a novela Los pazos de Ulloa, descubrín que dona Emilia escribírao en Meirás e ela era republicana: Casada aos 16 anos, o seu matrimonio rompeu de facto aos poucos anos -aínda que non houbo separación oficial, practicamente imposible na época- e a condesa levou unha vida de casada sen que lle impedise establecer relacións con grandes personaxes como Galdós -o seu grande amor-, Blasco Ibáñez, Lázaro Galdiano e até o mismísimo Goncourt en París.

Emilia andará en boca da cidade coruñesa -dise na biografía de Pardo Bazán por Eva Acosta-, ás veces en termos moi descarnados e en máis dunha ocasión chegarían ao marido olladas entre burlonas e conmiserativas, comentarios en voz baixa que cuestionaban a súa honra e até a súa virilidade.

Decateime, retrospectivamente, por que estraños carreiros o pazo chegara a mans do Caudillo, e os dicires de hoxe corroboran a veracidade das miñas lembranzas: regalado pola cidade da Coruña, a súa compra financiouse grazas a un "imposto revolucionario". De aí, que moitos galegos consideremos o pazo máis noso que de Franco.

Creo que nin sequera se pode visitar; que o edificio encerra as caixas fortes da familia do ditador. Nelas atópanse non poucas obras de arte das que se apropiaron o generalísimo e a Colares, pero falta a correspondencia que dona Emilia mantivo con grandes figuras das letras: "Hai anos (Carmen Polo) leu nunha revista que a escritora (Pardo Bazán) tiña o seu estudo na torre de Levante (do pazo de Meirás), a máis alta, desde cuxas xanelas admiraba a paisaxe das Mariñas" -lemos no prólogo de La luz en la batalla- Alá se dirixe agora co seu escolta mentres establece en olladas certeiras o inventario de canto atopa ao seu paso. (...) A Señora abre unha por unha as gavetas: máis papeis. Manuscritos, apuntamentos, todos atados con fita azul. Apenas ollados os títulos déixaos outra vez no seu sitio. Cartas, moitas cartas, remitidas algunhas por xente que a Señora non coñece, outras por nomes como Benito Pérez Galdós, Marcelino Menéndez Pelayo, José Lázaro Galdiano, Francisco Giner dos Ríos, Vicente Blasco Ibáñez, Leopolo Alas... Paquetes de follas tituladas Diario, Diario de viaxe... Sen alterar o rostro comeza a ler; seleccionar unha frase aquí, outra alá, coa mesma atención calculadora que antes dirixiu aos mobles. (...) De súpeto estala como un lategazo a voz seca da Señora, que se levantou, un pouco pálida e, pondo as luvas, camiña xa cara á porta:

- "García, queima os papeis que hai nas gavetas. Todos."

Ao fin comprobo que a ditadura é hereditaria (ou compartida), e o que sabiamos: a descendencia do Sentinela de Occidente desposuíunos de boa parte da nosa historia.

4 de ago. de 2011

Dez anos de Código Cero

Redacción.-

Primeiro foi un programa da Radio Galega dedicado ás novas tecnoloxías. E despois, un 26 de xullo de 2001, convertiuse nun portal web destinado a prolongar os contidos da revista a través de diferentes servizos. Aquel proxecto fundado por Xosé María Fernández Pazos, Carlos Ballesteros e Marcus Fernández convertiuse hoxe nunha pequena publicación multisoporte que leva tamén unha chea de números en papel co obxectivo de informar, en galego, sobre a actualidade tecnolóxica galega e internacional.

3 de ago. de 2011

Faladoiro Cunqueiro en Mondoñedo

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega organiza Faladoiros en diferentes cidades achegándose a diferentes aspectos da vida e obra de Álvaro Cunqueiro.

Neste caso o tema será: Boticas, menciña e maxia e terá lugar en Mondoñedo o 4 de agosto ás 20:30 h. no Salón de actos da Casa da Xuventude, na Rúa Pacheco, 5.

2 de ago. de 2011

Premio a Diego Ameixeiras en Xixón

Redacción.-

O Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón, que outorga cada ano Paco Ignacio Taibo II, foi para o galego Diego Ameixeiras pola súa novela Dime algo sucio. O libro, publicado recentemente en castelán polo selo Pulp Books presentouse neste mesmo evento. Ameixeiras comparte o galardón ex-aequo con Cristina Fallarás, autora de Las niñas desaparecidas.

1 de ago. de 2011

Revista avozdevilalba.com de xullo


Redacción.- 

A desaparición do Códice Calixtino é noticia destacada da revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de xullo de 2011, que xa se pode descargar en formato pdf. Para elo, basta con picar na imaxe da esquerda ou consultar a nosa Hemeroteca. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico: redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.